Onte 29: «Seguimos lendo»

Foi unha fachenda nosa asistir ao acto no que a Federación de Gremios de Editores entregou os premios de fomento da lectura 2010 a Julia Otero e á Biblioteca Municipal de Verín. Recoñecíase así o labor da comunicadora monfortina no seu programa «Julia en la Onda» onde as novidades editoriais e os autores teñen unha presenza continuada. Cun entusiasta «seguimos lendo», Otero pechou unha intervención magnífica na que reivindicou a contribución da lectura ao benestar e a presenza dos libros na radio e nos medios de comunicación. O traballo dos voluntarios e voluntarias, entre os once e os dezaseis anos, foi un dos aspectos máis valorados polos editores das actividades desenvolvidas pola Biblioteca Municipal de Verín e polo seu centro multimedia, así como a súa implicación no proxecto de cidade transfronteririza Verín-Chavez. A bibilioteca como espazo público especializado en servizos de lectura e de acceso á información e a visibilidade dos libros e dos seus autores nos medios son esenciais no fomento da lectura. Parabéns a nosa admirada Julia Otero e aos profesionais e equipo de voluntariado da Biblioteca de Verín.

Onte 28: Usar, solicitar e escoller

Magnífico o discurso de Carlos Callón na presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos en Compostela. Con sutileza e firmeza rebatiu unha das afirmacións que con anterioridade fixera Francisco Rodríguez: «non é certo que teñamos que ser xubilados ou funcionarios para exercer os nosos dereitos lingüísticos». USAR, SOLICITAR e ESCOLLER son tres dos  verbos chaves do novo activismo lingüístico que propón Callón, baseado na corresponsabilidade individual e na confianza de que é posible superar os prexuízos e as falacias tecidas arredor do idioma. Unha inxección de entusiasmo que non significa de maneira ningunha abandonar a cobertura política das estratexias normalizadoras, mais que supón unha valiosísima actualización do discurso hexemónico nacionalista sobre a normalización do idioma. O centenar de persoas que ateigaron o Dezaseis comprobaron como neste eido, afortunadamente, estase producindo unha importante renovación, non só xeracional, que tamén.

Onte 27: Benvida, Olivia!

Hai apenas vinte horas que naceu. Aparvados, acariñamos a súa pelciña encarnada, agardando un seu aceno, que nos demostre que xa está aquí para petar forte. Cando me colle o furabolos coa súa man diminuta de dedos afiados, sinto a vida da súa alma, esa emoción intensa da primeira apreta, dese pulo innato que posuímos todos os seres humanos para encadearnos uns con outros. Eis a presenza da cadea familiar dos afectos. Esas primeiras apretas coa vida de Olivia, lembráronme o que Eduardo Galeano escribiu no Libro de los abrazos, un deses textos fundamentais, que recupera para a literatura a capacidade de recrear o mundo. Conta Galeano que o médico Fernando Silva percorría as salas de Pediatría do sanatorio de Managua, cando sentiu que uns pasos o seguían. Uns pasos de la. Volveuse e descubriu que un dos picariños andaba tras súa. Entre a penumbra, recoñeceuno. Era un neno que estaba só. Fernando fitou eses ollos que pedían desculpas. Achegóuselle e o neno acariñouno coa man:

–Dille a… –borboriñou o neno–. Dille a alguén, que estou aquí.

Olivia está aquí, no colo de Susana. Non fala, pero se afirma cos seus primeiros choros, para facerse un lugar entre a pequena sociedade familiar que a agarima entusiasmada. Saio do Pirulí e comprobo que neste outono sufocante a cidade mantén o seu ritmo desordenado, allea a estas emocións importantes que tan poucas veces temos oportunidade de gozar como se merecen. Benvida, Olivia!

Paradigma do sistema educativo


Interesantísimo vídeo que recolle en formato de animación Scribing unha conferencia de Ken Robinson sobre os problemas principais da educuación contemporánea.

Onte 26: «Lo entiendo perfectamente y lo hablo a veces»

Zaira Rodríguez Pérez, membro da xunta de goberno da Deputación Provincial da Coruña, non fala galego. Cabeza do seu partido no concello de Cee confesa nunha entrevista en La Voz de Galicia que «desde que tengo uso de razón soy del PP», partido co que se sinte moi identificada. Presidenta da Comisión Informativa de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística da entidade provincial, a pesar desta responsabilidade, non lle parece «chocante» non utilizar o galego: «Lo entiendo perfectamente y lo hablo a veces. En mi casa lo hablan, pero cada uno es libre de elegir la lengua en la que se siente más cómodo». Como moi ben sinala Xabier Docampo estamos diante doutro caso claro de catequista atea, xa que unha persoa que asuma a tarefa de promover políticas de promoción e fomento do uso público da lingua galega non pode fachendear de non empregala decote. A falacia da «imposición del gallego» e da liberdade lingüística abrazada polo PPdeG comeza a ofrecer estes autorretratos [cómicos, se o conto non fose triste] de persoas que carecen da altura moral imprescindible para representar a toda a cidadanía galega [tanto aos seus votantes como aos que non o fixeron]. Como propón Prolingua o presidente da Deputación da Coruña debería cesar decontado a esta deputada de todas as súas responsabilidades. Tras semellante respostas, que argumentos pode utilizar para defendela, sen denigrar á lingua galega e sen poñer en perigo as súas políticas de igualdade e benestar?

A desfeita das caixas

O meu artigo semanal, no que reflexiono sobre o fracaso do proceso de constitución das caixas, foi publicado onte na edición dixital de Faro de Vigo.

O proceso de fusión das caixas galegas, promovido e titorizado polo Banco de España e a Xunta de Galicia, rematou con outra enorme derrota para Galicia. A diferenza de Cataluña e o País Vasco, aquí quedamos sen caixa ningunha e sen o control do banco que xestiona o 46,7% do aforro galego e co único que conta cunha rede articuladora en todo o territorio de noso. Perdemos as caixas e, o que é máis desacougante, sen garantía ningunha de contar con entidade financeira que poida acudir por nós.

Quedou en augas de bacallao a creación daquela entidade financeira galega forte e solvente, “chamada a ser a quinta máis importante de España”, cando se aprobou a fins de 2009 no parlamento, co apoio do PPdeG e BNG, a Lei de Caixas. Un fracaso rotundo da estratexia do Goberno Galego, iniciada tras aquela polémica auditoría, solicitada pola conselleira Currás á KPMG –que garantía a solvencia do “proxecto de fusión en igualdade” entre Caixanova e Caixa Galicia (algo que a realidade amosou falso)–. Un documento sobre o que se foi construíndo un castelo de naipes e silencio derrubado por unha airexa na noite do pasado xoves, cando o Banco de España valorou en 181 millóns os 1.714 millóns de euros que figuraban nos libros (auditados) da entidade resultante da fusión de Caixanova e Caixa Galicia. Da noite para a mañán, a caixa fusionada (NCG) supoñía un raquítico 6,81% do Banco NCG que ela creara. Un saldo. Unha porcentaxe que concede un peso marxinal á caixa, que perde o control sobre a estratexia futura do banco. Algo incomprensible, cando dúas semanas antes, fora a Xunta de Galicia a que autorizara a constitución da nova entidade, a pesar de que non se fixera público o valor definitivo da caixa (o presidente Feijóo falou da aspiración de acadar o 15%) e sen que aparecese de forma vinculante nos seus estatutos unha garantía de compromiso coa economía galega, máis alá dunha difusa referencia no limiar.

Un fracaso no que teñen responsabilidade as autoridades fiscalizadoras do Banco de España, tanto no seguimento do proceso de fusión das dúas caixas, como e sobre todo, pola súa inhibición anterior, cando naqueles anos dourados da burbulla inmobiliaria, as caixas galegas (ben é certo que polos datos que se van coñecendo, Caixa Galicia máis que Caixanova) investiron en proxectos aventureiros, moitos deles fóra do país, que nada tiñan que ver coas finalidades sociais dunhas entidades de aforro popular nin cos intereses xerais de Galicia. Como influíron no proceso, as mudanzas de orientación e vacilacións do Goberno de Zapatero até que apostou por unha completa bancarización de todo o sector. Desfeita á que non son alleos, loxicamente, os xestores e membros dos consellos de ambas as dúas caixas, a maior parte deles xa fóra da entidade, como do actual equipo de xestores do banco, aos que este valor tan baixo da caixa lles facilita, sen dúbida, o proceso de reprivatización.

Fóra de especulacións sobre quen escolleu a José María Castellano para presidir o novo banco e sobre cando e canto achegarán os inversionistas que el dixo representar, non hai dúbida que esta valoración raquítica da caixa provocará, a medio prazo, a desmontaxe da importante obra social e cultural de Novacaixagalicia, sen dúbida, o labor das caixas máis valorado dende hai máis dun século. Transcorridos o período para o que a caixa reservou 96 millóns de euros para a obra social, a partir de 2015 apenas se poderá contar con 10% do que as dúas caixas dispuxeron en 2008 (100 millóns) para esta finalidade. Outra desfeita que afectará, en tempos de severas reducións das políticas públicas, a centros educativos, a servizos sociais (sobre todo de persoas dependentes e con necesidades educativas especiais), a bibliotecas públicas, ademais das actividades e do mantemento da rede de case un centenar de centros sociais e culturais presentes en todo o país galego. Sen esquecer o papel incerto que, a partir de agora, o Banco NCG pode adoptar no desenvolvemento de proxectos estratéxicos como o financiamento da construción do Hospital de Vigo, a xestión do Auditorio Mar de Vigo ou o apoio ao sector da construción naval, por citar tres dos que afectan á área metropolitana viguesa.

Sobre esta desfeita das caixas nosas os galegos temos dereito a saber qué sucedeu ao longo de todo o proceso, como temos dereito a esixir que se diriman responsabilidades, se as houber. Sen dúbida, non se fixo en clave de país, xa que sobre os intereses xerais de Galicia primaron as políticas centralizadoras e os intereses duns poucos que se queren privilexiados. Galicia precisa máis ca nunca dun instrumento financeiro ao servizo da súa pequena e mediana empresa e ao da súa cohesión territorial. Hai algunha razón que impida que NCG banco, hoxe nacionalizado, puidese continuar sendo un banco público?

Onte 25: Paralízase a CDC

Roberto Varela recoñece que é necesario adiar sine die a finalización da Cidade da Cultura. De forma moi sensata o conselleiro asume que a prioridade do seu departamento é o mantemento das industrias culturais galegas (identificado coa conservacións dos seus empregos) e non rematar o faraónico proxecto iniciado polos gobernos de Fraga. Roberto Varela paraliza a construción dos edificios do teatro e o destinado a novas tecnoloxías. Unha decisión que se puido ter tomado hai seis anos cando o goberno de coalición argumentaba que era imposible polos compromisos contraídos e sería tan caro parar as obras como continualas. Agora semella que era posible facelo. Un queda parvo.

Amazon aposta polo contido

A publicidade do Kindle Fire subliña o seu carácter de servizo. Amazon aposta máis pola distribución de contidos, que poden estar aloxados na nube, ca pola marxe que puidese obter pola venda dos propios aparellos. Amazon quere vender ou alugar contidos dixitais, sen pretender contar coa taboíña máis fermosa e sofisticada; unha estratexia que lle permite ofrecela a un prezo máis competitivo e asequible ca Apple.

Onte 24: A Derrota de Galicia

Á mañá recibín un novo limiar para o que será A Derrota de Galicia, o libro de ensaio político, que publicaremos a comezos da vindeira primavera, no que Antón Baamonde reflexiona sobre a inexistencia na Galicia actual dun proxecto propio de modernización. Lin decontado o texto lúcido e duro de Baamonde, despois de ter revisado algúns dos comentarios que denuncian o expolio que supón valorar nun 6,87% a participación que a caixa terá no banco que ela mesmo creou. Non deixa de ser desacougante que para algúns medios e «comentaristas de referencia» a noticia non merecese mención. Outra proba desta desfeita enorme. Si, efectivamente, perder un instrumento financeiro propio, en clave de país, é outra derrota do proxecto de construción de Galicia como nación; un fracaso deste anémico goberno de Feijóo, mais tamén da oposición incapaz de ofrecer o entusiasmo dun programa alternativo. Á noite, abrindo a caixa de correo atopo razóns para a esperanza enviadas polo benquerido Agustín. Arnaldur Indridanson, o escritor islandés que lerá o discurso inaugural da Feira de Frankfurt 2012, na que o seu país será o convidado de honra, lembra que «a riqueza dunha nación non está na Bolsa. senón nos seus libros». Quen pode dicir, entón, que Galicia está derrotada?

«Mon amour. Historia de muros»

Video de MAYSUN CHEIKH ALI MEDIAVILLA, galardonado co primeiro premio P LÚMEN_EX 2010 Premios de Arte Digital da Universidade de Extremadura. Outra lectura dos Valados de Agustín Fernández Paz. Moi recomendable.

Vía Trafegando ronseis. Moitas grazas.