Texturas

Anúnciase a inminente aparición de Texturas, unha nova revista trimestral sobre o mundo do libro, a lectura e edición. O sumario do primeiro número é moi prometedor. Parabéns anticipados para Txetxu.

Etiquetas:

Camilo Franco ("Cama-libro")

A “cama-libro” (referida ao microrrelato “39 graos”) é un dos mobles de lectura da exposición.

Da infancia recordo o tacto frío da cabeza do termómetro no sobaco. Lembro iso e as instrucións da miña nai cando chegaban as visitas: non leas que tes os ollos febles, tápate que vou airear o cuarto. Incorporarse, chaqueta nova do prixama, estirar a colcha e sorrir, que a adversidade de cada un non dá patentes para a mala educación. Logo chegaban, saudaban, refregábanme o pelo, preguntaban polos estudos, advertían que era sorte estar na cama e nas miñas respostas monosílabas nunca entendían a miña contrariedade por perder a soidade de enfermo ben suado.

Actualización: (25-01-2007): Información da exposición aparecida en el El Pais: “A literatura é a creación e o soporte a circunstancia”.

Actualización (26-01-2007): “Literatura en acción“, artigo de Antón Reixa en Luzes.

Etiquetas:

Camilo Franco ("Parella perfecta")

Na presentación, Camilo interpretou unha escolma dos seus microrrelatos. Eis a lectura de “Parella Perfecta”.

Eran a parella perfecta. El non tiña cabeza, ela tiña conta corrente e os dous querían fuxir.

Mercaron o coche máis grande do concesionario, subiron, abrocharon o cinto e mantiveron as costas correctamente repousadas contra os asentos. Foron perdendo os puntos da razón en cada unha das curvas ata que a morte os acabou de casar na quinta das seis voltas de campá con que percorreron o terraplén.

Etiquetas: Camilo_Franco

Palabras contadas ( a exposición)

A exposición Palabras contadas merece a pena. O baixo e o primeiro andar do corpo dereito da Fundación Luís Seoane están ocupadas por diversas instalacións preparadas para que o espectador se transforme en lector (o que o autor define como “lectura con mobles”). Aproveitando a versatilidade que ofrece o formato dos microrrelatos, as historias de Camilo ofrécense en soportes diversos demostrando que a lectura (un dos nosos eixos civilizatorios) vai moito máis alá do soporte do libro impreso. Relatos caligrafados sobre area, impresos sobre colchóns ou roupas, gardados en pequenas caixas de conserva, salferidos na sopa de letras, carimbados sobre os corpos, sobreimpresos en imaxes fixas ou en movemento, proxectados sobre as paredes ou sinxelamente dispostos como esculturas planas no chan ou pendurados do teito.
Esta é unha proposta de literatura de investigación que reivindica o papel primeiro da palabra na creación artística e a función do escritor como creador de novos territorios para a lectura “A palabra para quen a traballa”). A presentación da exposición, moi concurrida, rematou cunha lectura concerto no que autor demostrou que, baixo a súa impostura de crooner efímero, atesoura grandes dotes de animador dos máis divertidos guateques. Recomendo a visita á exposición e a participación nas festas arredor do libro que continuarán por Galicia nas vindeiras semanas.

AVE e PXOM

No artigo da semana propoño unha reflexión sobre as causas e as responsabilidades da crise viguesa arredor da paralización da tramitación do PXOM e do adiamento da variante por Cerdedo do AVE. Ben sería nestes asuntos ir diferenciando o gran da palla.

Etiquetas:

A nova estratexia contra ETA

Moi clarificador este comentario de Escolar. Entre tanta intransixencia, esta anotación é para tomar moi en conta.

Palabras contadas

Esta noite viaxaremos a Torre para participar na inauguración de Palabras contadas, a primeira exposición dun escritor galego montada a partir dun libro de ficción que funciona como elemento central de instalacións visuais e audiovisuais. Unha exposición concibida para a lectura (que non está recluída nos límites dun libro impreso). O texto como escultura. A lectura con mobles. A lectura como indagación no Museo. Ficción súbita. Sopa de Letras. Relatos en conserva. A lectura como creación unicamente humana. Camilo Franco promete sorpresas. Contarémolas aquí mañá.

Libros galegos en Internet

Este traballo de Henrique Neira Pereira é fundamental para coñecer o estado actual dos libros galegos en Internet. Completísimo e de gran utilidade esta guía de recursos en liña, ademais do actualizada da reflexión que propón.

“Este libro comezou sendo un traballo para o seminario “Produción e empresa editorial. Tradición e novas tecnoloxías”, impartido polo profesor Víctor Fernández Freixanes no curso de doutoramento 2005/06 da facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. O obxectivo orixinal do traballo era referirse á situación do libro dixital galego en Internet, centrándose nos libros escritos en galego. Pero parecía interesante amplialo para estudar a presenza na rede do conxunto de libros dixitais producidos na comunidade en calquera lingua ou que sexan de interese para os lectores e lectoras de Galicia e que se poidan atopar en calquera das grandes bibliotecas dixitais do mundo, para consultar ou descargar de xeito legal”.

Beizóns para o autor polo esforzo que redundará en tecer a rede en galego.

Galiciantunes

Beizóns! Eis unha estratexia intelixente para promover a música galega polo mundo adiante. Non estaría de máis que se emulase a estratexia para vender tamén a literatura e o libro galego.
Navegando na páxina (posúe un deseño contundente e atractivo) noto que na elección dos 50 temas representativos da música galega hai algunhas ausencias clamorosas, especialmente as de Milladoiro e Carlos Núñez (hoxe os dous primeiros embaixadores da música de noso polo mundo adiante). Supoño que haberá razóns que expliquen tan incomprensible omisión.