Finou Xaime Quessada
/en Artes Visuais, Autores, In memoriam/por bretemasComo escritor son para min salientables tres das súas obras: Cuentos crueles, Lucenza e El recristo de Baraña, a alucinada novela de certo carácter autobiográfico, reeditada hai poucos anos (a primeira edición fora censurada) por Nova Galicia, a editorial galega de Carlos del Pulgar que máis se preocupou de divulgar a obra do pintor ourensán. Nova Galicia publicou ademais Quessada. Arte e liberdade, dous fermosos volumes (un dos premios do Ministerio de Cultura aos libros mellor editados de 2004) preparados por José Gómez Alén, que constitúen seguramente o mellor documento bibliográfico para coñecer a súa traxectoria humana, política e artística.
Como homenaxe a Xaime reproducimos a cuberta do máis recente libro de Xesús Alonso Montero onde se reproduce un dos seus murais guerniquianos, en homenaxe ao Sindicato Nacional das CC.OO. de Galicia, que nos autorizou a publicar de forma gratuita. Achegamos as nosas condolencias á súa dona Chus Blanco e aos seus irmáns Fernando e Antonio.
Actualización (04-01-2008): Necrolóxica de X.L. Méndez Ferrín.
Blogonovela de Arume dos piñeiros
/en Autores, Blogs, Narrativa/por bretemasA edición en galego
/en Edición, Editores/por bretemasLa Voz de Galicia publica hoxe unha interesante entrevista con Alfonso García Sanmartín, presidente da AGE, sobre o estado da edición en Galicia e sobre as tendencias de futuro.
Abolición da pena de morte
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Dereitos_humanos, Política, Recurso_didáctico, Sociedade/por bretemasNo artigo da semana amplío e profundizo a anotación que fixera hai dez días sobre a abolición da pena de morte.
Conversas con Francisco Pillado
/en Autores, Editores, Ensaio, Entrevistas, Teatro/por bretemasEsperpento no Galicia-Camerún
/en Fútbol, Selección_Galega, Vídeos/por bretemasPorfiei e cando cheguei a Vigo dirixinme a Balaídos coa esperanza de que antes das dez (como especulaban os informadores da Galega) se acadase un acordo e se puidese iniciar o partido. Cando entrei no estadio (paseinas moradas para estacionar) pasadas as dez da noite, coincidindo coa chegada do autobús dos africanos, acouguei: os siareiros da galega (os máis numerosos dos tres encontros oficiais), a pesar da hora de espera e de que ía un frío que pelaba, non perderan a esperanza de apupar aos irmandiños sobre a lameira. Non puiden evitar emocionarme: o meu campo do Fragoso estaba precioso iluminado de azul e branco.
Porén, como era previsible, a espera, que se alongaría outra media hora máis, dinamitou a emoción e o desenvolvemento futbolístico do partido. O encontro a nivel deportivo foi moi pobre. Saíron os de Arsenio e Fernando ben colocados, amosando mellor disposición defensiva e capacidade combinatoria que habilidade rematadora (en punta fáltanos un dianteiro finalizador). Con todo, sorprendeume o bo estado de forma de Jonathan Aspas (o dono da súa banda ao longo dos noventa minutos), a autoridade amosada pola defensa na primeira parte (Rubén e Iago Bouzón anularon a mobilidade dos dianteiros africanos), as iniciais pinguiñas de perigo de Jonathan Pereira e a clase no toque dun elegantísimo Julio Álvarez (que xogador o do Numancia, mi madriña!). Tras o descanso, o carrusel de trocos galegos desfixo o ritmo e a concentración da Irmandiña, e permitiu que Camerún sacase uns pouco uns dentes que onte non quixo moi afiados (para eles foi pouco máis que un adestramento a medio gas).
O empate, a pesar do inocente penalti (moi rigoroso estivo o colexiado ferrolán) de última hora, foi un resultado equilibrado para o espectáculo rácano que se viu en Balaídos. O importante é que a Irmadiña existe para o mundo, segue invicta e demostra que temos xogo futbolístico de noso: disciplina defensiva, bo toque e capacidade combinatoria abonda para atuar (mais aínda cando poidamos contar con todo o noso potencial) a calquera outro combinado internacional.
Rematado o encontro, outra volta no coche puidemos escoitar na Radio Galega a versión de Marta Souto sobre o conflito que motivou a incrible espera dos afeccionados. Non dubido que as xestións da actual Directora Xeral para o Deporte cos xogadores africanos foron decisivas para convencelos que o partido debería celebrarse, o que todos debemos agradecerlle moi vivamente pola súa afouteza e capacidade de reacción. Mais tamén, agora coa cabeza máis fría, cómpre coñecer os termos e as razóns esgrimidas por uns e outros en tan lamentable conflito: tanto polos xogadores africanos, polo seu adestrador e pola súa federación para tratar de “xustificar” comportamento deportivamente tan indecoroso e irrespectuoso co pobo galego; como polos responsables da organización, a Federación Galega de Fútbol, que debe explicar cáles foron os termos do contrato asinado coa selección africana e as xestións realizadas para evitar a plantada camerunesa.
Os prolegómenos do Galicia-Camerún foron un esperpento que non se pode volver repetir de maneira ningunha. Estou convencido, a pesar de que xa houbo precedentes de problemas de primas en seleccións africanas, de que sería impensable nun encontro a disputar entre dous conxuntos FIFA. Debemos ser conscientes (compróbase en informacións tan lamentables como esta) que nesta fantasía marabillosa de poñer en marcha a nosa selección nacional de fútbol queda aínda moita agra por labrar.
Actualización (29-12-2008): Faro de Vigo dá conta, oportunamente, dos contidos do contrato asinado coa selección de Camerún e da participación decisiva de Marta Souto para solucionar a enleada. La Voz de Galicia e El Correo Gallego coinciden tamén no importante papel da Secretaria Xeral para o Deporte para solucionar o problema. É incomprensible, porén, que para os responsables da edición de Galicia de El País non existise nin o conflito nin, o que semella moito máis grave, o partido (nunca entenderei, fora da comprensible precariedade de medios humanos da delegación santiaguesa, a teimosía de desbotar calquera tipo de información deportiva galega, mesmo esta sobre a selección, que a todas luces ten indubidable interese social e mesmo político para o seu perfil de lectores e lectoras). Recomendo, ademais, as declaracións de Fernando Vázquez deplorando o comportamento do equipo camerunés e valorando o camiño emprendido pola selección dende hai tres anos.
En Intramundi con Carlos G. Reigosa
/en Autores, Presentacións/por bretemasOnte atravesamos o país para acompañar a Carlos G. Reigosa no acto de presentación na Pastoriza do seu libro de conversas con Xosé Manuel del Caño. O acto foi soberbio, cun salón de actos a rebosar (máis de 150 persoas) e con intervencións memorables, especialmente as de Primitivo Iglesias (o noso ben querido amigo e actual alcalde da Pastoriza) e a do profesor Ángel Basanta, natural da parroquia de Crecente (que percorreu e debullou a obra toda do fillo de Lagoa e fixo unha fermosa defensa da necesidade de transmisión da memoria da cultura tradicional labrega). A intervención do autor de Intramundi, a quen lle custou moito conter a emoción, foi memorable. Recordou o consello que lle deu o seu pai, Venancio de Carracedo: “O primeiro día que con cinco anos me levou á escola díxome: ‘Ti se te perdes dis que es da casa de Carracedo, da aldea da Abelaira, da parroquia de Lagoa, do arciprestazgo de Bretoña, do concello da Pastoriza, da provincia de Lugo’. Durante toda a miña a vida non fixen outra cousa que ter aquilo ben presente. Algo do que nunca puiden prescindir e que manteño coma un compromiso radical”.
Antes da presentación, os tres fillos ilustres da Pastoriza (Iglesias, Basanta e Reigosa) leváronos a percorrer en automóbil os vieiros do espazo literario de Intramundi, a casa de Melle do Loboso, as amplas lombas da Corda humanizadas hoxe de pasteiros, subimos o Coto de Carracedo (onde está o cristo da amizade, ao pé do curro de Campo do Oso, e dende onde albiscamos ao lonxe as praias de Foz), para chegar logo ás Terras de Miranda e xantar en Bretoña un cocido e unha zorza consistentes que adozamos coas freitas da Pastoriza. Ás seis e media da tarde, rematado tan emocionante acto, saímos pitando maís ca felices camiño da Terra Cha para tentar chegar ao partido da selección.
"As pontes no ceo"
/en Autores, Narrativa, Novidades, Presentacións/por bretemasHoxe presentaremos en Pontedeume, as 20:00, no Salón de Caixa Galicia, As pontes no ceo, a derradeira entrega da triloxía Vidas de infancia de Ramiro Fonte. No acto participarán César Antonio Molina (ministro de Cultura) e Gabriel Torrente Piñeiro (alcalde de Pontedeume).
Preparei apenas tres notas de editor sobre unha obra que considero fundamental para anchear as marxes de excelencia da narrativa galega. Reproduzo parte do texto que lerei na presentación:
“Como editor destas Vidas de infancia quixera expresar tres brevísimas notas sobre a novela que nos convoca, na que a diferencia das dúas primeiras entregas da triloxía de Fonte, nas que no relato primaba a vida familiar e o entorno escolar, se alumea xa de forma absolutamente decidida a voz da colectividade eumesa por medio de máis dun centenar de personaxes.
Primeira: Ramiro Fonte amosa en toda a obra, e especialmente nesta derradeira entrega, que un dos mellores camiños do escritor (do noso poeta, narrador e ensaísta) para escrutar no máis profundo da condición humana é facelo dende o espazo da local. Aquí, tras as historias humildes de mestres como don Pablo Díaz Novo, músicos como o barbeiro bohemio Uxío Cuíñas, persoas afoutas como Xosé Piñeiro González, o noso primeiro aviador, ou sequera doutras figuras como os futbolistas eumeses Pahíño e Marcelino (o do gol contra Rusia da Eurocopa) atopamos o retrato máis universal de seres humanos enfrontados co seu destino.
O relato de Ramiro Fonte sendo esencialmente local, pegado á cotidianiedade daquel Pontedeume de hai corenta anos, hoxe desaparecido, é, porén, radicalmente universal, perdurable e transcendente porque o narrador biografa as cousas esenciais, aquelas que case sempre se acaban ocultando. Fonte amosa, ademais, que é posible escribir dende a piedade, asumindo de forma respectuosa os riscos de introducir no seu relato persoanxes reais, o que non lle impide ironizar sobre os poderosos e dignificar os humildes.Segunda: Ramiro Fonte amosa en toda a obra que a infancia é o territorio primeiro da memoria e o berce máis xenuíno da conformación da nosa presenza no mundo. Aquí a recreación da infancia eumesa de Ramiro é a creación colectiva dun mundo. Así sucede tamén neste volume no que se narran cos ollos dun neno, como testemuña que foi o autor, acontecementos tan decisivos como as súas andanzas de boy scout, a súa participación nos folións, como foi capaz de destilar os misterios do azul de metileno, as súas travesías como mariñeiriño pola ría no Nel e no Xeitosiño ou a botadura daquel enorme petroleiro na factoría onde traballaba o pai (un episodio extraordinario).
A memoria para Ramiro non é nostalxia saudosa, a memoria nesta triloxía é a construción vivificadora dun relato colectivo que dá sentido ás nosas vidas. A escritura do eu transfórmase en escritura do nós.Terceira e última: Ramiro Fonte amosa que é posible escribir unha boa prosa coa mesma precisión dun bo poema. Os aspectos formais da triloxía, mantendo a mesma estrutura nos tres volumes e mellorando, se é posible, a calidade do texto en cada entrega, anchean os límites da narrativa galega. Eis a transcendencia dunha obra literaria que sei collerá máis e máis valor a medida que pase o tempo. N’ As pontes no ceo, como nos dous volumes anteriores, as frases todas están ben construídas e medidas, son transparentes, miniadas co traballo artesanal que lle corresponde a un narrador honrado.
En definitiva, estas tres notas amosan a miña admiración por unha obra da que en Xerais nos sentimos extraordinariamente satisfeitos de ter colaborado en facer chegar aos lectores. Beizóns para Ramiro por tela culminado. Sei que son moitos os lectores e lectoras que saben agradecer a proeza que hoxe celebramos.”
Etiquetas: Ramiro_Fonte
"Estiñada", novo disco de Ledicia
/en Educación, Música, Novidades, Recurso_didáctico/por bretemasNacido en 1983, con motivo do festival de música infantil “Cantareliña” esta formación escolar vén funcionando de forma ininterrompida, tratándose da único estable que interpreta cantigas infantís propias en lingua galega. O grupo baseado nos nenos e nenas do colexio, ten cada ano algunha modificación, aínda que existe unha base estable constituída por ex-alumnos/as, profesorado e pais e nais. Na actualidade, ademais do equipo de son que os acompaña habitualmente, Ledicia está formado por sete instrumentistas (percusión, baixo, violíns, viola de gamba, guitarras, frautas, acordeón e teclados), catro voces principais e entre quince e vinte nenos que fan coros. Alentou dende a súa fundación o grupo Xosé Lastra Muruais, contando coa inesquecible presenza do desaparecido Miguel Varela, facho que foi recollido agora polo seu fillo Xurxo.
Ao longo dos case vinte e cinco anos de vida, Ledicia ten realizadas centenares de actuacións por toda Galicia, especialmente na comarca de Ferrol, ademais de ter actuado en Xixón, Madrid, Rotterdam e Bruxelas.
En definitiva, unha experiencia musical, educativa e cultural galeguizadora dunha comunidade educativa volcada arredor das notas e as palabras en galego. Algo verdadeiramente tan modélico coma extraordinario que merece ser salientado. Recomendo moi vivamente o disco, onde aparecen algúns dos temas máis coñecidos do grupo “Polo correo do vento”, “Caranza”, “A buxaina”…, xunto a novas versións de cancións tan coñecidas como “Palabras para Xulia”, “O piollo e a pulga”, “Lela”, “Rumboia” ou “Pasado o punto do rescate”.
Estiñada, o cedé e o dvd (inclúe karaokes, gravacións de diversos concertos e centos de fotografías da historia do grupo) pode comprarse directamente neste correo electrónico:
ceip.manuel.masdias@edu.xunta.es,
chamando a este teléfono (9813274039)
ou dirixíndose a este fax (981325370).
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- STEM galega9 de Outubro de 2024 - 9:58 a.m.
- Vigo, cidade do peixe8 de Outubro de 2024 - 10:24 a.m.
- Parteiras2 de Outubro de 2024 - 11:38 a.m.
- Porteiro pioneira1 de Outubro de 2024 - 11:37 a.m.
- Aspas ao rescate1 de Outubro de 2024 - 11:29 a.m.