Novo Updike

Terrorista aparecerá nesta primavera simultaneamente en castelán, galego e catalán.

Outro libro electrónico

Aínda que non foi lanzado coa espectacularidade do iphone (unha marabilla!), o Sony reader é unha nova proposta de libro electrónico. Aparecido no mercado norteamericano hai catro meses, utiliza a tecnoloxía de tinta pasiva que imita a iluminación natural, o que permite ao usuario ter a impresión de estar lendo unha folla de papel (o que quere dicir que permite unha mellor lectura de pantalla que a maioría dos LCDs). Na tarxeta de memoria pode almacenar arquivos de textos, pdf, imaxes e formatos mp3. Sen mudar a batería ten capacidade para ler 25 libros (unhas 7.500 páxinas). Nos EE.UU. custa 280 € e as vendas din que son mellores do agardado, sendo considerado un dos mellores gadgets de 2006. A verdade é que os e-books, ata agora, non acabaron de arrincar (as novas pedeás de HP xa nin sequera montan o reader). Será o Sony reader outra intentona fracasada? Nos vindeiros meses estará aquí á venda. Haberá que probalo.

Homoxeneidade e cervexas

É coñecida a miña admiración por Juan Varela, o mestre blogueiro, que sempre está un paso por diante propoñéndonos dirixir a mirada máis alá dos lugares comúns. Hoxe atopei este anaquiño xenial (apenas minuto e medio) da súa intervención no pasado encontro de Sevilla. Segundo Juan “as escumas das cervexas non se mesturan, só se pegan”. Vaia pedazo da metáfora sobre a homoxeneidade das comunidades blogueiras! Aínda que tamén poderiamos utilizala para definir o que lles sucede a outros que comparten espazos (atinadísimo hoxe Monxardín) e responsabilidades?

Kiko da Silva

Kiko xa ten blog. Benvido!

Manifesto por un fútbol atlántico

Hoxe remexendo en papeis vellos, na procura de algo que non din atopado, apareceu ao chou, nunha das vellas libretas que conservo, o texto do “Manifesto por un fútbol atlántico“, a intervención que Manuel Rivas leu no Ateneo da Coruña o 2 de abril de 1985, con motivo da presentación da súa primeira novela, Todo ben.

A pesar de estar escrito antes da aparición do Superdepor, o Celta europeo (daquela os dous en segunda) e a selección galega, este manifesto conserva a súa actualidade. Crear un novo estilo ofensivo de pases e ideas longas é preciso tanto para o fútbol como para o conxunto da sociedade galega.

Transcribo o texto de Manolo, só actualizando lixeiramente a ortografía.
Galicia leva vinte mil anos á defensiva, segundo deixo dito Sánchez Albornoz. Habería que engadir: vinte mil anos á defensiva e case un século de fútbol subalterno.
O peor non é que o noso fútbol sexa de segunda senón que o sexa tantas veces o noso espírito. Non se trata de reivindicar a vitoria como obxectivo supradeportivo que xustifique calquera medio para acadala, mesmo as máis suxas mercadorías. Non hai nada máis efímero que a vitoria, que calquera vitoria. O importante non é gañar nin tampouco participar. O importante, cando se xoga, é querer perder ou querer gañar, a vontade de ser.
Trátase, si, de alentar un novo espírito.
Un fútbol mediocre, administrado con mediocridade, acaba envilecendo ao pobo. É así que o espectáculo máis triste non sucede no campo, senón fóra de xogo, nas bancadas e aínda alén do estadio. Galicia, como a Irlanda de Joyce, é un pobo “escravizado polos sacerdotes e abandonado de Deus”.
O peor do fútbol galego non é o fútbol en si, con ser malo, senón o que representa, o que significa socialmente. Se algo nos mostra a historia do fútbol é que alí onde non existen ideas, dificilmente hai goles. Pola contra, alí onde hai pases longos, en profundidade, tamén hai ideas longas, de futuro.
O fútbol galego carece de imaxinación, de inconformismo, de vontade de ser e de espírito ofensivo. Os que dirixen non aparecen nas caricaturas de Castelao pero deberían estar. Son bandullos andantes con puro fumegando, provincianos desleigados e servís que teñen o deporte como plataforma de intereses cando non tapadeira de corrupción. Eles non aman o fútbol. Utilízano.
Nos anos trinta, cando lle preguntaron sobre a autonomía, Valle Inclán dixo que Galicia debería rexirse por un Estatuto Atlántico que afirmase máis aínda a súa singulariedade. Tamén en Galicia debería xurdir un fútbol con fasquía atlántica, un froito de tanta encrucillada. Un fútbol forte e teimoso coma os ventos do norte, alegre coma o son dos tambores que chegan dos mares do sul e de ideas longas como as ondas do océano.

Manuel Rivas

A Coruña, 2 de abril de 1985
Etiquetas: , ,

A crítica a debate

Participei no debate sobre a crítica literaria publicado no suplemento Culturas da Voz desta semana. Pedro A. Ramos, autor da reportaxe, arríscase a propoñer unha tipoloxía do xénero: crítica de autor, crítica do que debería ser e crítica temática ou ideolóxica.
Enriquece moito a reportaxe o comentario do levantador de minas (un dos críticos –anónimo para min– que sigo con maior interese) que, citando a Barry Schwabsky, considera: “se imos ao centro do problema da elaboración da crítica, a dificultade apunta á calidade do contido no sentido do que se di e de como se di”. Para rematar, despois, afirmando: “Do que se trata, diría eu, é de facer uso de certa sensibilidade para poder tirar das obras cuestións que sensatamente se atopen nelas, vinculalas ao seu desenvolvemento nas mesmas e paralelamente a outros espazos vitais, e apresentar todo con limpeza de ideas e calidade formal. Porque o escrito, como dicía Italo Calvino, se é fermoso é máis verdadeiro”.

Etiquetas:

Gaiás

No artigo da semana reflexiono sobre a redefinición do complexo de Gaiás. Entendo que a decisión do Goberno Galego de continuar as obras era inevitable. Porén, o dilema que hai por diante agora é facer compatible as expectativas altas cos recursos cos que conta o país. Sen dúbida, as claves para solucionalo serán acertar no deseño dos contidos e nas formas de xestión.

Queda alguén aí?

TVE Galicia emite mañán, domingo día 7, ás 11.30 da mañá pola 2, Queda algúen aí?, un documental sobre a grave e crecente despoboación no rural do interior de Galicia. A través da vida dunha aldea (Pedroso), na que máis da metade dos seus habitantes supera os cincuenta e cinco anos de idade, plásmase un problema que afecta a todo ese rural do interior galego, un extenso territorio que, se non se pon remedio, en poucos anos será un deserto humano. Para os veciños de Pedroso, a obra máis necesaria é un tanatorio, que os ten ilusionados a todos, a case todos… Os que coñecen o documental afirman que é interesante.

Actualización (7.1.07): Efectivamente, o documental pagaba a pena. Como xa fixera en Carrilanos, Rafael Cid, o seu director e guionista, consegue en cincuenta e cinco minutos un relato naturalista dunha comunidade campesiña onde latexan as enormes contradicións do noso tempo (a emigración e a inmigración, a vida subsidiada dos maiores, o abandono das actividades agrícolas tradicionais, a mudanza dos costumes, o envellecemento da poboación, o peche de escolas, a itinerancia dos cregos, o “turismo” dos enterros…). A construción dun formidable tanatorio de dúas plantas (valorado en 114.000 euros e pagado integramente coa tala dos piñeiros comunais) serve de metáfora e fío narrativo da historia dunha aldea que, inevitablemente, semella esmorecer, aínda que tamén emerxe a esperanza que alí outra vida tamén é posible. Mágoa que o documental fose emitido de forma case clandestina (supoño que haberá máis oportunidades de velo). Un exemplo de como é posible que as televisións públicas produzan espazos de calidade. Beizóns para Rafael Cid e a TVE Galicia.

Actualización (8.1.07): La Voz faise eco do documental, ao tempo que aparece a noticia do recurte da programación en galego e para Galicia de TVE. Que fai o Goberno Galego para denunciar semellante desfeita? Acaso non poden impedilo de algunha maneira?

Etiquetas: , ,