Listado de la etiqueta: xosé_benito_reza

Araucaria senlleira

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás árbores e arboredos senlleiras de Galicia e á conservación da Araucaria excelsa da Alameda da Praza de Compostela de Vigo:

O concello de Santiago impulsa a candidatura do Carballo de Conxo como Árbore Europea 2022. Cofre botánico de 30 metros de altura, 3,75 metros de perímetro e máis de 250 anos de antigüidade, é a icona dunha carballeira, que chegou a contar cun milleiro de carballos, situada ao sur de Santiago de Compostela, onde o 2 de marzo de 1856 tivo lugar o histórico Banquete Democrático de Conxo, no que estudantes e artesáns compartiron mesa, formando parte dende entón da memoria do rexurdimento galego. Gañadora da fase española, o concello de Santiago agarda acadar agora os cen mil votos a prol da candidatura do seu carballo bicentenario na páxina web do certame (https://www.treeoftheyear.org), comprometéndose a plantar por cada apoio unha árbore autóctona até o ano 2030, 19.000 no ano en curso.

Proceso de votación telemática en marcha até o 28 de febreiro, que coincide co convite da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ao concello de Compostela a solicitar a inclusión deste exemplar no «Catálogo galego de árbores senlleiras» do que forman parte na actualidade 143 árbores e 38 masas de arboredo. Creado en 2007 polo goberno bipartito PSOE-BNG, sendo director xeral de conservación da natureza Xosé Benito Reza, promotor tamén da Lei 7/2008 de protección da paisaxe de Galicia, este catálogo estableceu por vez primeira un réxime xurídico para árbores e formacións de arboredo, de procedencia autóctona ou foránea, situadas en propiedades públicas ou privadas, merecedoras de medidas específicas de protección, «fose en atención ás excepcionais características do seu porte, medidas, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outras circunstancias que as fixesen merecedoras de especial protección» (Decreto 67/2007 de 22 de marzo, modificado polo Decreto 10/2015 de 22 de xaneiro).

Unha catalogación realizada polo Comité de expertos de árbores senlleiras que implica unha protección legal tanto no referido á prohibición de calquera acción que puidese afectar a súa integridade, saúde e aparencia como a da súa contorna máis próxima. Conservación que pretende superar o ámbito estritamente biolóxico, incorporando ademais «o valor antropolóxico desde o punto de vista estético e da sensibilidade do pobo ao seu contorno». Un catálogo de carácter evolutivo, sometido polos expertos a constantes actualizacións, tanto pola incorporación como pola retirada de pezas por motivos de saúde ou conservación, do que forman parte monumentos naturais como A Fraga de Catasós de Lalín, a Carballa da Rocha de Rairiz de Veiga de 400 anos, o Souto da Retorta e «O avó» (eucalipto azul) de Chavín (Viveiro) ou o Souto de Rozavales e o seu singular castiñeiro de Pumbariños en Manzaneda, que se considera pode ter carácter milenario.

Un catálogo galego do que forman parte dende o seu inicio árbores e formacións de arboredo viguesas: a Oliveira do Paseo de Afonso XII (16 metros e 200 anos de idade), inserida no escudo do concello e primeira icona da cidade bicentenaria; os dous tulipeiros de Virxinia (de 33 metros de altura e 110 a 130 anos de idade estimada), o Matusalén de Camelias (8 metros de altura e 100 a 120 anos de idade), os Eucalitos (54 metros de altura, case tres de diámetro e 120 a 130 anos) e as Faias, todos os catro na Finca da Marquesa do Pazo de Castrelos. Catálogo inicial do que forma parte a Casuarina da Alameda da Praza de Compostela (17 metros e 120 a 150 anos de idade), ao que se engadiu en 2017 o Ombú do IES do Castro, árbore nativa dos territorios da Pampa estudada polo profesor Xulio Dobarro, que acreditou foi doada polos membros do Centro Galego de Bos Aires (1928) para ser plantada nun dos paseos públicos da cidade de Vigo.

A este catálogo de árbores senlleiras ben podería incorporarse outros exemplares vigueses, sobre todo algúns dos máis desamparados e esquecidos do xardín da Alameda da Praza de Compostela, un espazo elegante de calma no centro do ensanche con máis de século e medio de historia onde se conservan máis de corenta especies botánicas. Un espazo natural de privilexio no que chantou raíces dende 1890 no extremo coa rúa García Olloqui a Araucaria excelsa, o indiscutible teito do xardín, conífera endémica da illa australiana de Norfolk, ameazada pola carga das bólas e instalación de cables da iluminación de Nadal, aínda non retirados. Araucaria senlleira que emite teimosa un mayday silencioso, que debería ser interpretado polos responsables dos parques e xardíns para evitar que no futuro, como sucede decote coas árbores talladas noutros espazos vigueses, a súa desaparición puidese ser xustificada como inevitable por motivos de saúde ou seguridade para a veciñanza. Defendamos a nosa araucaria senlleira.

O Xurés, territorio privilexiado

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar a visita da serra do Xurés:

Hai pouco tiven a fortuna de afondar nos vieiros da Serra do Xurés no Val do Limia. Unha viaxe polas paisaxes dun territorio de beleza austera, ás veces enigmática, outras impoñente, onde se mesturan o mito e a historia. Guiados por Xosé Benito Reza, o autor de «Terradentro» (Xerais 2017) e promotor da creación en 1993 do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, durante dous días percorremos os seus seis concellos e visitamos cadansúas «portas» (centros de interpretación), de Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e Calvos de Randín, e fixemos algunhas incursións no territorio portugués do Parque Nacional de Peneda-Gerês, espazo natural limítrofe que dende 2009 foi declarado conxuntamente co galego «Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés» pola UNESCO. Un periplo labiríntico entre corgas, encoros e afloramentos graníticos ao longo dunha ferradura natural formada polas serras de Castro Leboreiro e do Xurés, estendida entre o río Miño, á altura do concello de Padrenda, e o río Salas, ao pé da Serra do Larouco, no concello de Calvos de Randín, no chamado Couto Mixto, o que fora microestado independente de mil habitantes até 1868.

Unha experiencia na que o curioso pode pescudar nalgunhas das alfaias do tesouro do patrimonio galego como Santa Comba de Bande, a igrexa visigótica do século VII, a máis antiga de Galicia, aínda pouco valorada e protexida. Descuberta que pode continuar na igrexa de Santa María a Real de Entrimo coa súa impresionante fachada barroca, a mellor de estilo churrigueresco das existentes en Galicia, sen esquecer na súa visita refrescarse ao pé do teixo tricentenario do seu adro. Viaxe na que se poden seguir os vestixios da «Via Nova», o formidable eixe de comunicación romano trazado no corazón da Gallaecia, aberto o ano 79, que unía Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga), do que se conservan o parque dos miliarios de Portela de Homen e importantes edificacións como a mansión balnearia Aquis Originis, á beira do Río Caldo, e Aquis Querquennis, o enorme campamento militar de Porto Quintela de Bande, descuberto en 1922 e comezado a escavar en 1975 polo profesor Antonio Rodríguez Colmenero, hoxe o mellor centro de interpretación didáctica dos existentes en Galicia para divulgar a pegada da romanización e a dimensión daquela Gallaecia decisiva na nosa historia.

Itinerario polo Xurés no que ten protagonismo de seu a cultura megalítica, xa que neste espazo hai unha das maiores concentracións de túmulos funerarios e mámoas do país. Velaí espazos megalíticos extraordinarios como os de Maus de Salas no concello de Muíños, onde ao pé da Gramalleira e Fontefría, os cumes da Serra do Xurés, se poden visitar alfaias reconstruídas como o Foxo do Lobo de Salas, a Casiña da Moura e o Casolo do Foxo, con cadansúa lenda e o seu espazo sagrado. Como é outra visita obrigada a da parroquia A Cela (16 habitantes), no concello de Lobios, onde din naceu San Rosendo. Un dos lugares máis máxicos de Galicia, onde os bolos, afloramentos graníticos, forman parte das casas e eidos; outro paraíso das pedras flotantes, como os que procura polo mundo enteiro o ilustrador vigués Kiko da Silva, perfecta integración dunha paisaxe natural humanizada que conforma outro espazo sagrado. Este d’ A Cela é un do segredos mellor gardados de Galicia, protagonista agora dun libro fermoso, «A Cela. Vivir na aldea dos bolos» (Edicións Picós 2019), con fotografías de José Caruncho e textos de Antonio López.

Non se debe finalizar a viaxe ao Xurés sen a visita o territorio dos mixtos, atravesando o Camiño Privilexiado, para visitar a igrexa de Santiago de Rubiás, onde se custodia a arca das tres chaves que gardaba os seus privilexios, e fotografarse coa estatua de Delfín Modesto Brandón, último xuíz do Couto Mixto, feita en 2008 polo escultor vigués José Molares. Un territorio fascinante, estudado polo escritor Manuel García Mañá que localizou tamén alí a intriga da súa novela, «Por que as sombras non teñen ollos» (Xerais 2015).

Serras do Xurés e Leboreiro identificadas co territorio literario de «Arraianos» (Xerais 1991), un dos cumes artísticos de X.L. Méndez Ferrín. Como tamén o foron as súas xentes protagonistas do filme etnográfico «O carro e o home» (1945), dirixido por Antonio Román sobre un guión que compartiu con Xoaquín Lourenzo «Xocas», e do documental «Os días afogados» (2015) dirixido por Luís Avilés Baquero e César Souto Vilanova, que relata como foi anegada a aldea de Buscalque polo encoro portugués do Lindoso.

Aconsello visitar estas serras arraianas do Xurés e do Leboreiro, un territorio privilexiado, para prender alí da beleza da súa insignia natural, o Lirio do Xurés, das súas paisaxes históricas e da súa gastronomía e hostalaría balnearia anovada. Paga a pena.

 

Onte 2026: Seis portas para o Xurés

Desde aquel curso 1988-1989, no que exercín de mestre no Colexio Público Xoaquín Lourenzo de Bande, non volvera afondar nos camiños do Val do Limia, sobre esa ferradura arraiana formada polas serras do Leboreiro e do Xurés. Foi unha fortuna ser convidado a facelo durante dous días moi intensos  formando parte dun grupiño de persoas curiosas e entrañables (Manuel Gago, Lucía Pérez, Carlos Vizcaino e Jorge Coira) reunidas polos responsables da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Geres-Xurés e guiadas polo mestre Xosé Benito Reza, o escritor de Terradentro e creador do Parque Natural do Xurés.

Unha experiencia que puxo a funcionar a memoria daquel curso no que amigamos en Bande con persoas tan marcantes para nós como foron dona Gloria e don Elixio Rodríguez, secretario de Castelao e redactor da revista Vieiros en México, a quen anos despois publicaría o seu libro de memorias Matádeo mañá. Curso no que mercamos o noso primeiro ordenador, un Comodore PC 40 III cun disco duro de 40 MB na ferraxaría de Abraham, no que coñecimos a Xoaquín Lourenzo Xocas, poucos meses antes do seu pasamento.

Tras tres décadas melloraron as estradas principais, tanto que case se pode chegar ao Vieiro en autovía, aforrando moitas das dificultades de chegar a Bande, Entrimo e Lobios. Adiantos que se levaron por diante algúns monumentos naturais como o formidable arco de pradairos existente á saída de Bande, o que considerei xa daquela unha desfeita como a que se estaba perpetrando entón no encoro do Lindoso por parte da empresa EDP, anegando as aldeíñas de Compostela, Aceredo e a de Buscalque, como recolleron  Luis Avilés Baquero  e César Souto Vilanova no seu impresionante documental Os días afogados.

Constatei, tamén, o devalo demográfico tremendo que se produciu nestes trinta anos neste Val do Limia, cuxa testemuña máis evidente foi a transformación do Colexio Público de Lobeira nunha residencia de maiores xestionada pola fundación San Rosendo. Devalo poboacional que levou ao abandono dalgunhas actividades agrarias, como a plantación de tabaco no val de Grou, do noso admirado Camilo Modesto Domínguez. Fenómenos que levaron a procurar un esforzo de terciarización da comarca, con resultados excelentes tanto na mellora da oferta de restauración e hostalaría, velaí o excelente Balneario de Lobios ou o restaurante Lusitano, como dos recursos museísticos e de interpretacion do parque natural dispoñibles para o viaxeiro.

Comprobámolo na primeira parada da nosa viaxe, Aquis Querquennis, o campo militar romano de Porto Quintela de Bande, unha excavación comezada polo profesor Antonio Rodríguez Colmenero en 1975, que lembro visitaramos acompañando ao propio Xocas na primavera de 1989. Entón o centro de interpretación era apenas un proxecto, hoxe un dos mellores e máis completos recursos didácticos para entender a pegada da cultura romana no Val do Limia e a dimensión da Gallaecia e da Via Nova, que unía a Bracara Augusta con Asturica Augusta, que pasaba polo medio e medio de Aquis Querquennis.

Sen embargo non sucede outro tanto na visita a Santa Comba, a igrexa visigótica do século VII, a máis antiga de Galicia, unha das alfaias do patrimonio galego, aínda insuficientemente valorada e protexida. Inevitablemente, lembrei a miña admirada Maribel Santos e ao seu pai, mestre coma ela, que nos ensinaron a descubrir os segredos dunha peza chea de aras e materiais romanos integrados. Xosé Benito lembrounos alí a aliñación da bufarda da capela de San Miguel de Celanova (937-942) co sol cada equinoccio de primavera, o que constitúe un proeza arquitectónica para o século X. Como tamén nos chamou a atención que Santa Comba sexa máis visitada por viaxeiros foráneos que polos propios galegos, como puidemos comprobar nos libros de asinaturas dispoñibles na igrexa que, dende hai vinte anos, abre con grande amabilidade María Isabel Alonso, unha veciña.

Tras a visita da porta de Bande, collemos a sinuosa estradiña que nos levou a Lobeira, onde os responsables do parque instalaron a segunda porta do Xurés, dedicada a etnografía, xa que na parroquia de Facós tiña casa de seu Xocas e alí morreu. Foi nestas terras de Lobeira onde se filmou ao longo doe 1940  O carro e o home, a película dirixida por Antonio Román sobre un guión que compartiu co propio Xocas, estreada en 1945 sen sonorizar. Unha película da que Xocas gardou unha copia como oro en pano e que desvelaría en 1980, cando foi sonorizada e restaurada por Eloy Lozano en colaboración co Museo do Pobo Galego.  Filme ao que se refire a escritora María Sánchez no seu libro Tierra de mujeres (Seix Barral, 2019), como «un exercicio perfecto para adestrar a vista, para rescatar todo aquilo que non se ve», xa que dá conta dos traballos comunitarios, dos oficios esquecidos ou amosa as razas autóctonas que hoxe non existen ou están ao borde da extinción.

Saímos de Lobeira, camiño de Entrimo, gozando das vistas sobre a parroquia de Grou do concello de Lobios, onde lembro presentamos un 4 de xaneiro de 2008 moi frío a segunda edición de Matádeo mañá, poucos meses despois do pasamento de don Elixio Rodríguez en México D.F. Un acto no que se descubriu a placa da Praza de Elixio Rodríguez onde naceu o afouto aviador galeguista. Chegados a Entrimo visitamos Santa María a Real, impresionante a súa fachada barroca e o seu teixo tricentenario. Xaora, chegou a ben pouco a parada na porta de Entrimo, a terceira do Xurés, onde Xosé Benito Reza deu unha lección maxistral da xeoloxía e dos procesos que configuraron o relevo da Serra do Laboreiro, que atravesamos despois, boa parte xa en territorio portugués. Unha paixase granítica onde foi inevitable lembrar que constitúe o territorio de Arraianos, o libro maxistral de Ferrín, que todos os viaxeiros confesabamos tiñamos presente.

Tras un almorzo competente de especialidades arraianas (cabrito e bacallau) en Castro Laboreiro procuramos a porta de Lobios, especializada na flora do parque, da que é protagonista e insignia o Lirio do Xurés. Tras visitar as modernas instalacións da sede do Parque Natural do Xurés, nas que chamou a atención o excelente soporte audiovisual, subimos cara a Portela de Homen para seguir dende alí até o parque dos miliarios, onde Reza explicou o carácter da Vía Nova como medula romana do parque natural. Vivimos despois uns dos mellores momentos da viaxe coa camiñada de apenas catro quilómetros polo sendeiro da Vía Nova finalizado coa vista á mansión de Aquis Originis, á beira do Río Caldo e a carón do magnífico Caldaria de Lobios onde nos hospedamos.

Iniciamos a segunda xornada ascendemos pola serra do Xurés por un territorio rochoso e unha estrada moi sinuosa, na que tras pasar Guende  chegamos á parroquia de A Cela, outro paraíso máxico das pedras flotantes das que procura o noso admirado Kiko da Silva. Non hai dúbida que A Cela, unha parroquia de apenas dezaseis habitantes, onde se di que naceu San Rosendo, será un dos segredos mellor gardados da viaxe, tanto pola integración das vivendas e dos eidos coas impresionantes pezas graníticas como polo seu carácter sagrado. Un territorio onde afondar.

Camiño do Couto Mixto, Xosé Benito Reza descubriunos a extraordinaria penichaira que leva As Maus de Salas, un territorio megalítico do concello de Muíños. Alí, ao pé do embalse de Salas, ao pé máis próximo da Gramalleira e Fontefría, os cumes da serra do Xurés, gozamos do Foxo do Lobo de Salas, da Casiña da Moura e da Casola do Foxo, tres alfaias reconstruídas con cadansúa lenda, que paga moito a pena visitar.

Entramos despois nas terras do Couto Mixto por Tourem onde tomamos un garoto e ruamos un pedaciño. Tras percorrer o Camiño Privilexiado, foi interesantísima a visita a porta de Calvos de Randín, a quinta do noso itinerario, a carón da da igrexa de Santiago de Rubiás, onde fomos recibidos por un dos homes de acordo. Apaixonante foi esta visita na que contemplamos a Arca da stres chaves e coñecimos a curiosa historia da santiña tardogótica encastrada na base dun retablo barroco. Foi inevitable, á saída da visita, fotografase na estatua de Delfín Modesto Brandán, o derradeiro xuíz do Couto Mixto.

Durante o tempo que estivemos no Couto Mixto lembrei que moi pretiño de alí se desenvolve a trama dunha das novelas máis orixinais de Luís García Mañá, Por que as sombras non teñen ollos, autor tamén do que considero a mellor monografía sobre este espazo de privilexio. Por que foi neste espazo galego-barrosá onde en febreiro de 1944 se estrelou un bombardeiro Hudson da Royal Air Force, un acontecemento real que dá pé a García Mañá a desenvolver unha ficción de intriga que converte a este territorio en escenario dun episodio da guerra de espionaxe entre nazis e británicos. O que non está nada mal.

Antes de pechar a viaxe no complexo O Corgo do concello de  Muíños, na penichaira de Calvos de Randín atopamos as cachenas, raza autóctona do Val da Limia, que se recupera, por ventura, aquí e noutras comarcas da provincia de Ourense. No Corgo visitamos a porta de Muíños, dedicada a auga no parque, así como o centro de interpretación da cultura megalítica. Concluímos a viaxe no chamado Parque de Outeiro de Cela, onde fixemos a fotografía de grupo desta viaxe inesquecible.

Tras a experiencia destas dúas xornadas, non podo máis que recomendar moi vivamente percorrer os camiños arraianos do Xurés e Castro Leboreiro, unha paisaxe tan esquecida como fascinante para o viaxeiro. Dificilmente pode atoparse no país unha combinación máis estimulante e diversa de paisaxes históricas e literarias, dende as megalíticas de Maus de Salas e Requiás e Guntumil ás romanas de Aquis Querquernis, Aquis Originis e a Vía Nova. Sen esquecer a maxia da aldea de A Cela ou da igrexa visigótica de Santa Comba de San Trocado e a barroca de Santa María a Real de Entrimo.

 

Un territorio de paisaxes xeolóxicas inquedantes como a do Castro Laboreiro dende o miradoiro do Pedreiriño ou da penichaira de Salas sobre ao pé da Gramalleira. Sen menoscabo da presenza dunha fauna de grande valor como a aguia real (cun programa específico de recuperación) nin da flora endémica, co seu exclusivo Lirio do Xurés (Iris boissieri), insignia deste espazo natural. E tampouco podo deixar de citar a anovada gastronomía arraiana, tanto nos pratos de caza como nas carnes de cachena nin tampouco a potente oferta termal, outros interesantes alicientes do Xurés e das súas seis portas.

Onte 1980: Con Xosé Luís Axeitos e Xosé Benito Reza en Boborás

Acompañei onte a Xosé Luís Axeitos e a Xosé Benito Reza, gañadores do Premio Losada Diéguez 2018, nas modalidades de investigación e creación literaria, na cerimonia de entrega dos seus galardóns celebrada no Pazo de Moldes de Boborás. Un acto literario conducido con extraordinaria elegancia e sabedoría polo escritor Roberto Pascual na que tamén se lembrou a figura de Antón Losada Diéguez, nesta oportunidade como autor teatral. Xosé Luís Axeitos, autor de Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, agradeceu o premio, lembrou a figura de Manuel Antonio para reivindicar o papel dos intelectuais e rematou lendo un texto de X.L. Méndez Ferrín, presente no acto con outros membros da Real Academia Galega, Francisco Fernández Rei, Eulogio Ruibal e X.L. Regueira. Pola súa banda, Xosé Benito Reza, autor de Terradentro, novela coa que debutaba na narrativa galega, agradeceu o inesperado do premio e reivindicou nun discurso memorable e emocionante unha nova política sobre o territorio e sobre a paisaxe, capaz de evitar o devalo demográfico e a desertización na provincia de Ourense. Unha excelente cerimonia para unha das citas anuais por nós máis queridas do calendario literario galego, referente nos premios para obra editada.

Onte 1870: «Terradentro» de Xosé Benito Reza, presentación en Celanova

IMG_1209

Quedou moi pequeno onte o auditorio da Casa dos Poetas de Celanova para acoller ao máis do centenar de persoas que acudiron á presentación de Terradentro, a novela coa que debuta na narrativa galega Xosé Benito Reza, despois de sete libros nos que abordou o ensaio e a investigación nos eidos da paisaxe e a conservación da natureza.

Foi o catedrático Xosé Luis Axeitos quen glosou «unha novela policíaca no mundo rural cuxo gran protagonista é a paisaxe, que se sobrepón á propia intriga e aos propios elementos do xénero». Salientou Axeitos que a pesar de que o nome de Celanova non sexa nunca citado no texto é a gran protagonista da novela, «xa que aquí a conquista do mundo vai da man da toponimia e do emprego dos nomes de persoa, como expresión da xerarquización social e da súa presenza nos diversos espazos de sociabilidade, sexa o bodegón, o café ou a praza». Destacou Axeitos a importancia do emprego da primeira persoa e duns diálogos de carácter profesional: «aquí o eu autobiográfico é unha voz afectuosoa, que busca o diálogo,é unha voz falada capaz de expresar un mundo tremendamente habitado». ««Esta é unha novela chea de xente, de calor, onde sobrecolle a elexía final, o derradeiro capítulo, o máis lírico, sentimental, cheo dunha nostalxia tremenda e un orgullo de estirpe». Rematou Axeitos dicindo que «na cita inicial de Salvatore Quasimodo resúmese a esencia da novela: “Ser dun tempo e dunha terra. Eis o segredo da poesía máis humana e verdadeira”. Con Terradentro Reza nacionalizou un xénero».

XG00270901Pola súa banda, Xosé Benito Reza confesou que «Terradentro non é un libro autobiográfico, aínda que o escribira rememorando aqueles anos que me contaron cando eu estaba nacendo», «naceu nun momento no que eu vivía en Santiago e cando regreso aquel mundo desaparecera,, meus pais morreran e a casa pechara». «Aquel tempo da década de 1950 foi duro, gris, escuro, pero tamén estivo cheo de luces, a vila estaba chea de xente, nos días de mercado había un gran dinamismo, moito movemento…». Reza explicou que cada unha das tres noveliñas que conforman a obra cubre unha estación e presenta unha paisaxe diferenciada. Na primeira, «Berros no vento», o outono e a paisaxe que rodea a vila; na segunda, «Casagrande de Ademourán», a paisaxe da penichaira no inverno; e na terceira, «O can do alcalde», a da propia vila nos calores de verán. Quixen que o derradeiro capítulo, «Terradentro», dese razón e explicase os tres anteriores».