Artigos

45 anos de «Vagalume»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos 45 anos que se fixeron da aparición do primeiro número da revista infantil Vagalume:

Unha das sorpresas dos meus Reis deste ano foron sete exemplares da primeira etapa de «Vagalume», un agasallo dun meu amigo moi xeneroso que coñece a miña paixón polas publicacións infantís en galego. Confeso que tan extraordinaria e emocionante regalía provocou o interese por volver sobre aquela revista infantil en galego cuxos dous primeiros números apareceron no mes de xaneiro de 1975, ano no que morreu o ditador. Nun eido onde apenas existían os precedentes daquelas catro páxinas da revista «As Roladas« (1922), escritas por Cabanillas e ilustradas por Castelao e de «Axóuxere» (1974), suplemento infantil de «La Región» dirixido por Paco Martín, aqueles 46 números de «Vagalume», publicados ao longo de pouco máis de tres anos supuxeron polo seu alcance e calidade artística e material un fito pioneiro tanto para o campo cultural galego como tamén para a galeguización dos picariños e crianzas, sen esquecer a súa achega ao desenvolvemento do cómic e dunha literatura en galego dirixida para elas.

A historia do nacemento de «Vagalume» expresa unha creación de intelixente sutileza e xeneroso voluntarismo para a causa da galeguización educativa que naqueles días do Tardofranquismo, tras a aprobación do Plan Galicia (1969) e da LXE (1970) comezaba a ser timidamente consentida. Xosé María Méndez Domenech, principal promotor da publicación, un dos activistas do 68 compostelán, tras unha condena do TOP e o seu paso polo cárcere (1972), procurando a revalorización cultural do galego no mundo rural, concibiu o proxecto inicial dunha publicación infantil co nome de «A Tixola». Unha idea que comezou a ser difundida a través dos Coloquios Europeos de Parroquias, un movemento de sectores cristiáns que intentaban vivir unha fe inculturada en Galicia, e doutras instancias do profesorado galeguista que foron capaces de vencer os obstáculos para a inscrición dunha publicación periódica en lingua galega. Unha revista para a que Lumeiro S.A, a empresa editora, escolleu o nome de «Vagalume» coa intención de asociar ao coleóptero capaz de acender luciñas na noite (en galego tamén chamado lucecú, lucerna, verme de luz ou pirilampo) coa idea do futuro da lingua nos beizos dos cativos nosos. Unha metáfora visual que non perdeu forza ningunha.

Os números que recibín corresponden todos ao segundo trimestre de 1975, cando era dirixida por Marta García de Leániz, tiña a súa sede en Santiago, estaba impresa en Vigo por Artes Gráficas Galicia, ofrecía vinte páxinas, era supervisada polo Instituto da Lingua Galega da Universidade, aparecía con periodicidade quincenal e contaba (marzo de 1975) con 1.300 subscricións, das que os dous terzos correspondían a centros escolares rurais. Unha cifra que chegaría ás 5.230 en outubro de 1977, o seu momento de maior difusión, meses antes de que a directora fose substituída polo profesor Xosé Fortes Bouzán, antes membro da UMD (Unión Militar Democrática), e a publicación se asentase en Pontevedra até a súa desaparición (tragada polas perdas) en maio de 1978 cun número dobre, o 45-46, dedicado as Letras Galegas, no que se insería unha mensaxe de despedida non exenta de esperanza: «Adeus nenos. Que sexa deica logo».

Pasadas catro décadas daquel estoupido de entusiasmo, cando os nenos e nenas que participaban nos seus concursos, escribían as súas cartas e publicaban os seus contos, debuxos ou retratos en «Vagalume» xa teñen máis de cincuenta anos, a pesar de certa inxeleza a revista non perdeu nin a súa aura nin o seu valor. Se repasamos aquelas páxinas identificamos algúns dos contidos que despois se desenvolveron nunha escola en galego. Unha ampla relación de temas dende a vida das bolboretas de Galicia, pasando pola construción dun laboratorio meteorolóxico, a celebración do entroido, os xogos tradicionais e contos populares até os episodios principais da nosa historia e os lugares e accidentes da nosa xeografía. Páxinas nas que atopamos tamén contidos de matemáticas en galego, textos para os máis pequenos de Xosé Neira Vilas (daquela traballaba na Habana como redactor xefe da revista infantil «Zunzún») e varias planas de banda deseñada dos escritores Gonzalo Navaza, Jorge Llorca ou de Pablo Rodríguez «Oitabén», entre outros moitos.

Como non perderon valor as dúas páxinas dedicadas a Castelao no número 12 (xuño 1975) con motivo do 25 aniversario do seu pasamento, preparadas polo propio Ramón Piñeiro e ilustradas por Siro. Como premonitorio é o editorial no que se comenta a aprobación do decreto (maio 1975) polo que se incorporaron como materias optativas do Ensino Xeral Básico as linguas vernáculas, feito que a revista celebra, a pesar de que recoñece que «aínda hai moito camiño que percorrer». 45 anos do esforzo pioneiro de «Vagalume» non poden ser inútiles.

 

Onte 1659: 38 anos de cultura galega

Fundacion_Prmeios_da_Critica_Galicia_30_04-2016

Participamos no mediodía de onte nun debate organizado no edificio Cambón de Vigo pola Fundación Premios da Crítica Galicia sobre a cultura galega a través das 38 edicións destes premios que se veñen celebrando de forma ininterrumpida dende 1978. Hora e media ben cumprida de reflexión onde compartimos palabra con Bieito Ledo, presidente da Fundación e fundador dos premios, coa escritora Inma López Silva e con María Xosé Porteiro e Xosé María Palmeiro, mestres do xornalismo galego. A pesar do inevitable aroma de melancolía que supuxo facer balance e ollar cara atrás, todos os cinco intervinientes compartimos a necesidade de afrontar mudanzas profundas, tanto nas formas de comunicación como nos contidos do que entendemos por «cultura galega».

Inma López Silva ocupouse de analizar as modalidades dos premios relacionadas as Artes Escénicas, primeiro como Ciencias e Artes da Representación e dende 2011 como Artes Escénicas e Audiovisuais. Para a profesora da ESAD dende 1979, ano no que foi premiado o grupo Troula, «os Premios da Crítica Galicia foron unha radiografía do teatro galego e do mundo do audiovisual». Salientou entre os premiados Mamasunción (1985), Antón Reixa (2001), o Equipo técnico e artistas galegos de Mar adentro (2005), Nova Galega de Danza (2009) e as últimas edicións onde foron premiadas compañías que están renovando o teatro galego actual, Chévere (2011), Voadora (2013) e A Panadaría Teatro (2015). Rematou Inma lembrando o premio outorgado en 2012 a Xosé Manuel Olveira «Pico», «que foi todo no teatro e no audiovisual galego das últimas décadas».

Centrei a miña intervención na análise da modalidade de Creación Literaria, que na miña opinión contribuíu á normalización dun sector que foi ampliando amodiño os seus públicos e profesionalizando o propio sector editorial. Repasando a nómina das 38 obras gañadoras, reparei no feito que 23 fosen narrativas e 15 poéticas. Repetiron como gañadores Carlos Casares (1980, 1999 e 2003), Víctor Freixanes (1983 e 1989), Suso de Toro (1987 e 2010), X.L. Méndez Ferrín (1988 e 1992), Manuel Rivas (1994 e 2007) e Agustín Fernández Paz (2012 e 2015). En canto ás editoriais, Xerais obtivo o premio en catorce ocasións, Galaxia en doce, Espiral Maior en catro  e nunha Edicións do Cerne, Ir Indo, O Castro, Laiovento, A Nosa Terra, Tema, Nós e a autoedición de Afonso Pexegeurio, gañador da primeira edición (1978). Salientei a escasa presenza no palmarés de obras escritas por mulleres, xa que houbo que agardar a 1995 (despois de dezasete edicións) a que fora premiada Marilar Aleixandre por A expedición do Pacífico, sendo tamén a primeira ocasión no que era recoñecida unha obra da literatura infantil e xuvenil. Xaora, o número de escritoras premiadas foi apenas de cinco: Marilar Aleixandre (1995), Pilar Pallarés (1997), Anxos Sumai (2004), Luisa Villalta (2005) e Ana Romaní (2011).

María Xosé Porteiro ocupouse de analizar a modalidade de Iniciativas Culturais, onde salientou que dende a primeira edición, na que foi premiado o Museo do Pobo Galego, recoñecéranse iniciativas colectivas. «Ao longo destes trinta e oito anos tívose unha visión moi ampla, moi panorámica, moi extensa, como se pode comprobar na nómina de iniciativas gañadoras e tamén de finalistas, como sucedeu na primeira edición con Vagalume, aquela revista infantil galega». Xaora, insistiu Porteiro na necesidade de enlazar coas xeracións da Diáspora e no feito de que nestas case catro décadas «non perdemos identidade, gañámola, xa que fomos capaces de pensar en global e actual en local». Rematou apelando «a necesidade de que os Premios da Crítica Galicia mudasen as formas para actuar e comportarse co espírito das novas xeracións».

Pola súa banda, Xosé María Palmeiro abordou a profunda mudanza que no sistema de medios se produciu en Galicia dende 1978, «un momento no que comezou a concibirse Galicia como un espazo informativo propio e no que apareceron publicacións en lingua galega como Teima, Man común e máis tarde A Nosa Terra». «Un momento no que se produciu a atención cara o local e a reivindicación do papel da lingua e do argumento informativo de Galicia, Nese caldo de cultivo naceu a iniciativa dos Premios da Crítica Galicia». A seguir, Xosé María Palmeiro fixo unha inquedante reflexión sobre a situación actual do sistema de medios de en Galicia sometido a un proceso de concentración: «algo non vai ben. Non andamos ben en conxunto, Algo non vai ben a pesar da hipermultiplicación de pantallas. Algo non vai ben na expresión do relato de Galicia e en galego».