Artigos

Onte 1177: bretemas.gal

punto_galDende onte estas brétemas funcionan co dominio punto gal. Accédese, pois, como bretemas.gal, aínda que aquelas persoas que accedan dende bretemas.com serán redireccionadas sen maior problema ao novo dominio. Unha mudanza para min imprescindible, a pesar de ser consciente que os prezos do dominio galego aínda son moi elevados, o que pode prexudicar a popularización dos seus rexistros. Xaora, finalizadas as fases iniciais de Pioneiros e Abrente, a popularización do dominio para a lingua e a cultura galegas en Internet chegou ao seu momento decisivo. Ben paga a pena facer un esforzo.

Onte 1047: xerais.gal

xerais.gal

Este vinte e cinco de xullo quedará na miña memoria como o do punto gal, esa proeza do consenso galeguista que marcará un fito nas páxinas da historia da nosa lingua no seu difícil proceso de hibridación dixital. Desde o mediodía de onte quedou operativo o dominio xerais.gal, o que tras case trinta e cinco anos de actividade constitúe un fito para o proxecto da nosa editora »nacida coa intencion de non deixar baleiro campo nin´gun da edición en galego». Ben sei que tempo haberá para puír detalles no emprego destes noventa e tres dominios puntogal pioneiros. Foi onte un vinte e cinco no que enxergamos unha raiola de esperanza e optimismo, a pesar da incomprensible falta de unión das forzas do nacionalismo galego.

Onte 1044: O consenso puntogal

Horas felices as de onte ao mediodía no acto da presentación do programa Pioneiros do dominio.gal. Dende o 25 de xullo, noventa e tres dominios de internet correspondentes a administracións públicas, entidades sen ánimo de lucro e algunhas empresas darán a coñecer os seus servizos, produtos e información en lingua galega baixo o dominio diferencial de puntogal. Galicia e a lingua galega conta xa con este valiosísimo carnet de identidade, «que aumenta a nosa conciencia de país, a nosa cohesión social e a nosa autoestima como pobo», como salientou no acto o profesor Manuel González González, presidente da Asociación Punto Gal. Unha conquista acadada en mancomún, á que non foi allea o traballo voluntario, xeneroso, totalmente altruísta dos membros da asociación Puntogal, que contou co consenso de todas as forzas políticas do Parlamento Galego e co apoio das máis diversas forzas sociais e culturais. Atrévome a dicir que a do Puntogal é a mellor noticia para Galicia e para a nosa lingua da última década, tanto pola súa transcendencia para participarmos con garantías no actual proceso de hibridación comunicacional e cultural coma polo exitoso proceso realizado para chegar a acordos amplos e inclusivos para o conxunto da sociedade galega. A vindeira semana poderemos visitar as páxinas de xerais.gal, prolingua.gal, amesa.gal, celta.gal, rcdeportivo.gal, galiciaconfidencial.gal, sermos.gal, praza.gal, gadis.gal, academia.gal, algúns destes nomes Pioneiros. E a finais deste 2014 poderemos incorporarnos o resto dos que formamos o perimetro en Internet dunha comunidade de catro millóns de persoas. Parabéns A Manuel González González, como presidente, a Edita de Lorenzo, como nova directora xeral do dominio, e ao resto dos membros de Punto Gal por esta gran proeza.

Onte 646: O éxito do punto gal

A aprobación por parte do ICANN dos novos dominios punto gal e punto eus, para a lingua e cultura galegas e euscalduna, constitúe un éxito colectivo moi esperanzador. A partir de inicios de 2014 contaremos coa posibilidade de achegar un novo pulo á presenza da nosa lingua e do pobo galego na Internet. A consecución do punto gal terá unha consecuencia simbólica (Galicia,o seu pobo, a súa lingua e a súa cultura contarán cunha presenza diferenciada na rede universal), mais tamén impulsará a presenza do galego en Internet, xa que os beneficios xerados pola xestión do dominio serán reinvestidos nesta tarefa. Os promotores teimosos da iniciativa merecen todas as nosas beizóns e gratitude. Con todo, o académico Manuel González merece todos os parabéns. Na mesma semana que abriu o Portal das palabras, proxecto que codirixe, a asociación Punto Gal, da que é presidente, fundador e impulsor, obtén esoutro éxito. Senllos fitos históricos extraordinario para a lingua galega, que moito lle deben ao coñecemento e á capacidade de forxar proxectos colectivos do lingüista de Mazaricos. Coincidindo co trinta aniversario do aprobación da Lei de Normalización Lingüística, entre pasos adiante e algúns atrás, foi esta unha semana para a esperanza da lingua galega.

Na foto aparecen algúns dos membros da directiva da Asociación Punto Gal.