Listado de la etiqueta: otero_pedrayo

Presentación «Vigo no tempo»

Deixo para o arquivo o texto da presentación da exposición «Vigo no tempo» que lin o venres 10 de novembro en calidade de coordinador local:

Conselleiro de Cultura, autoridades, amigas, boas tardes.

Foi Manuel Murguía quen acuñou a lenda de que Vigo era unha cidade con escasa historia, sen identidade. Aquel tópico comezou a ser superado hai 70 anos grazas á moderna historiografía e arqueoloxía viguesas que identificaron vestixios en tempos moi pretéritos. Con todo, o prexuízo romántico callou na sociedade viguesa que non valorou a súa historia nin o peso da súa memoria, reducida aos acontecementos da Reconquista, mito fundacional da cidade.

O Vigo contemporáneo desenvolveuse como cidade portuaria, que medra ao ritmo das súas actividades vinculadas a pesca, a conserva e o tráfico transatlántico. Unha cidade que, dende a segunda metade do século XIX, duplicou en varias ocasións a súa poboación, construíu un perfil pétreo no seu ensanche burgués, desenvolveu sectores industriais e transformou súa morfoloxía de núcleo portuario á actual cidade espallada sobre a ría e o val do Fragoso sobre o Lagares.

O nome de Vigo aparece por vez primeira nun documento (presente na exposición) pertencente ao mosteiro de Santa María de Melón, datado o 9 de agosto de 1097, no preito que o xuíz Sandino Sagániz dirimiu entre os veciños de Vigo e os de Canadelo respecto aos límites de separación entre ambas as dúas poboacións, que formaban parte da freguesía de Santiago de Vigo, situada no Areal. O Vigo da freguesía de Santa María de Vigo, que conformaba o que Cunqueiro chamou a vila creada por Martín Codax, autor que fixou a hélice da lingua galega e de todas as Galicias posibles no ADN vigués.

O impresionante Vigo románico, do que desapareceron as igrexas de Santa María de Bouzas, San Miguel de Oia, Santo Estevo de Beade, Santa Cristina de Lavadores (da que se conserva a antefixa presente na exposición) e a propia Santa María. O Vigo que dende 1237 pertencerá á mitra compostelá até 1811, cando foron abolidos os señoríos e Vigo estreara nomeamento como cidade.

Foi o poeta Ramón González Alegre quen asegurou que Vigo nace sempre, para salientar así a capacidade de pura transformación que a cidade amosou dende o derradeiro terzo do século XIX no que incrementou a súa poboación ao ritmo da súa actividade industrial, portuaria e comercial, tres das hélices do seu ADN. Velaí a cerna desta mostra de Vigo no tempo. Como as edificacións residenciais e industriais comezan a estenderse polo ensanche gañado á ría e fóra das murallas seguindo as dúas estradas de saída da cidade, que modifican o perfil da cidade. Ao tempo que tece unha tea de medios propios, Faro de Vigo e La Oliva (presentes na mostra), mais tamén asociativa, tanto na incipiente sociedade de industriais, de espírito cosmopolita, cultural e deportivo, como nas emerxentes sociedades obreiras de traballadoras da conserva e das factorías navais.

Foi Vigo para Otero Pedrayo «cidade de límites, flexibles, variables, sensibles, con reaccións vitais de tipo vexetal e de tipo humano que a foron transformando en comarca». Incorporou os concellos de Bouzas (1904) e Lavadores (1940), nun proceso de transformación metropolitana impulsado polo tranvía (1914), que identificara Antonio Palacios no seu plan urbanístico no que concibía Vigo como capital de Galicia, quizais porque, como máis tarde afirmaría Méndez Ferrín, «resumía as diferentes morfoloxías nas que Galicia pode revelarse».

Vigo mantén o carácter impreciso dos seus territorios e súa nomenclatura clandestina cos nomes arcaicos indemnes (Peniche, os Choróns, as Travesas, os Caños, a Barxa, o Calvario, a Calzada e Casablanca), que nunca apareceron no rueiro, ou coa utilización de viguismos léxicos que máis alá de faros, manises ou patatillas expresan unha forma singular de mirar o mundo dende Galicia.

Dende hai sesenta anos cidade do automóbil, continúa mantendo o recendo a salitre que lle imprime o porto alongado de Coia ao Areal, perfil do Vigo guindastre no que Paz Andrade identificaba que se iniciaban «os camiños do progreso» de Galicia. Daquel Vigo sen historia do queixoso Murguía apenas queda unha severa dificultade de mobilidade provocada polas súas costas e o seu carácter de serea deitada no anfiteatro da ría, á que non foron alleos erros como a desaparición do tranvía en 1968.

Non se entende o Vigo actual sen o seu afán de encabezar a Galicia moderna (outro dos eixos desta mostra). Pulsión de mudanza cosmopolita tecnolóxica, artística e das formas de vida expresada por moi diversas formas de emprendemento de industriais como Antonio Sanjurjo Badía, empresas como o Cable Inglés e Alemán, estaleiros Barreras, Conservas Alfageme, Massó, Curvera, La Artística, sociedades como La Oliva, o Mercantil, o Náutico, fotógrafos como Filippo Prósperi e Cándida Otero, cineastas como José Gil, deseñadores como Federico Ribas, deportistas como Emilia Docet ou Manuel de Casto Handicap, ourives como os irmáns Hernández, pintores como Serafín Avendaño, Urbano Lugrís ou María Victoria de la Fuente, escultores como Camilo Nogueira, sindicalistas como Heraclio Botana ou a longa nómina de arquitectos vigueses, encabezada por Manuel Gómez Román, Jenaro de la Fuente, Michel Pacewicz, Francisco Castro Represas, entre outras persoas presentes ou ausentes nesta mostra de síntese que é Vigo no tempo.

Tras a folga de 1972, coa chegada da reforma política, Vigo afronta unha dolorosa reconversión industrial, ao tempo que culturalmente se converte en capital editorial de Galicia e berce da Movida, con expresión musical, nas artes plásticas e na moda. Unha reinvención que mobilizou durante anos difíciles tanto o teatro cívico de Urzaiz como a actividade artística dunha xeración con vontade de atopar o celme da identidade viguesa… Reinvención cidadá da reconversión e da Movida que se lembra de forma novidosa nesta exposición.

Por último, expreso a miña gratitude ao comisario do proxecto «Cidades no tempo», Manuel Gago, por convidarme a acompañalo na apaixonante angueira de ofrecer unha ollada afastada de tópicos e inzada de sorpresas dunha cidade ‘revolcada’ (como a definía a poeta Xela Arias), mais que sempre deitou unha ollada no porvir. Grazas.

 

Vigo, cifra da Galicia moderna

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración en Vigo do 25 de xullo de 1930:

O 25 de xullo, declarado Día de Galicia na segunda asemblea nacionalista das Irmandades da Fala (Santiago de Compostela, novembro de 1919), e celebrado por vez primeira na Coruña en 1920, foi unha celebración perigosa para a Ditadura de Primo de Rivera (1923), que na súa teimosa loita contra o separatismo prohibiu os actos galeguistas e o izado da bandeira azul e branca en edificios destacados. Habería que agardar á caída do directorio militar primorriverista (febreiro 1930), para que o venres 25 de xullo de 1930 os galeguistas armados de afouteza e entusiasmo recuperasen a celebración pública da gran data galega e o fixeran con éxito en Vigo, a cidade moderna galega por excelencia. Un «Día Noso» que comezou co mitín galeguista celebrado pola mañá nun Teatro García Barbón con cheo absoluto e presidido por Ramón Cabanillas no que falaron Otero Pedrayo, Castelao e Valentín Paz Andrade. Xornada de fraternidade galeguista continuada co xantar popular na finca da Barxa onde se reuniron até trescentas persoas, chegadas de toda Galicia (entre elas Ánxel Casal), e no que, entre outros oradores, Manuel Gómez Román, Álvaro de las Casas, Victoriano García Martí e Ramón Fernández Mato pronunciaron palabras memorables. Como concorridísima foi a sesión vespertina viguesa na Agrupación Artística presidida por Urbano R. Moledo e na que disertaron Núñez Búa, Otero Pedrayo,  Álvaro de Las Casas e o coro Feijoo cantou obras do seu repertorio galego.

25 de xullo de 1930 no que por vez primeira se izou a bandeira galega na varanda da casa do concello vigués e na que se interpretou música galega nos bares, cafés e paseos, nunha xornada para a historia na que «Vigo foi o centro espritoal de Galiza», como a seis columnas titulou o día despois o xornal vigués El Pueblo Gallego (EPG). Unha data significativa para o recoñecemento da hélice galeguista do ADN vigués, «adro do fervor galeguista» para o editorialista de EPG, no que «xentes de todas as follas da rosa dos ventos […] levantaron ben trabados na gran data galega os seus corazóns». Entusiasmo que ao editorialista levaba a preguntarse se non terían que rectificar o seu erro aqueles que crían que «Vigo tiña significación de espello das friaxes nórdicas e británicas», para subliñar a seguir que «Vigo é tan galego como outro pobo calquera da nosa terra, tan heroicamente galego como aqueles recunchos intactos onde non chegou inda a sorbente da meseta…» e rematar co inequívoco espírito vigués tan resolto: «Galiza en Vigo puxo onte ao aire o peito con aquel rexo espírito que desencadea os escravos, con aquel xeito decidido e resolto co que nas proas dos barcos parece adiviñarse as duras travesías que nos agardan».

Reivindicación do carácter netamente galego da cidade da oliveira que compartiron moitos dos oradores daquel 25 de xullo que despois de noventa e tres anos hoxe lembramos. Otero Pedrayo, aclamado durante varios minutos no García Barbón, fixo no seu discurso un canto a Vigo e ao seu espírito emprendedor, relatando os días de infancia nos que a visitou por vez primeira, lembrando «a música de ciceis labrando a pedra da futura gran cidade». Castelao exaltou en Vigo o sentido universalista do galeguismo e da arte galega. Paz Andrade celebrou a incorporación de Vigo ao movemento galeguista, considerando o xuntoiro vigués da Barxa como a trabe necesaria para a conquista das liberdades republicanas. Como Álvaro de las Casas aventurou na Barxa (nunha referencia importante, escasamente divulgada) que «de Vigo, terra galega, pese a todos os tópicos, patria de Martín Codax aberta aos países ultramarinos, sairá o impulso que ha de lanzar aos galegos pola liberdade de Galicia».

O espírito galeguista de celebración do 25 de xullo de 1930 non se repetiría en Vigo até 1992 cando o goberno de coalición do PSdeG-PSOE cos nacionalistas de PSG-EG e BNG, presidido por Carlos G. Príncipe, convocou no xardín inglés do Pazo de Castrelos na tarde do 24 de xullo a lectura dun bando da alcaldía con motivo do Día Nacional de Galicia, denominación oficial dende que foi aprobada pola Xunta de Galicia en 1979. Un amplo xuntoiro veciñal, cultural, social e político, no que dende entón adoitaron participar con respecto institucional todos os grupos municipais vigueses, que permitía actualizar o discurso compartido por todos de Vigo como cifra da Galicia contemporánea, motor da Galicia futura, onde se inician os camiños de progreso e onde sempre agromou o mellor da cultura galega. Unha convocatoria institucional que por segundo ano consecutivo non se celebrará na data prevista, probablemente adiarase a setembro, o que rompe unha tradición que semellaba consolidada. Ben sería recuperar aquel espírito de Vigo como centro da Galicia moderna acuñado polos galeguistas hai case un século.

O banco dos contos

O meu artigo semanal en Faro de Vigo, que chega ao número 1.000, está dedicado ao Banco dos contos do Campo de Granada:

Con motivo da presentación do meu libro, «Vigo, puro milagre» (Xerais 2019), no que escolmo setenta e cinco artigos de «Campo de Granada», que despois de vinte anos de publicación semanal ininterrompida nas xenerosas páxinas de «Faro de Vigo» chegan con este de hoxe ao número 1.000, preguntáronme en varias ocasións sobre a orixe do topónimo utilizado como epígrafe destas crónicas. E como explico no adral do libro, escollín o sintagma «Campo de Granada» por ser ese o nome que dende o século XIX recibe o espazo existente entre o barrio alto do Vigo vello e o pé do monte do Castro, onde dende 1976 está instalada a casa do concello de Vigo e a praza entre as avenidas de Venezuela e das Camelias.

Un espazo localizado polo arquitecto Xaime Garrido no seu plano do Vigo amurallado de arredores da metade do século XIX, a súa extraordinaria obra póstuma, arredor do Paseo de Granada, rúa aínda existente, trazada dende a Porta do Pracer, que dividía o territorio existente ao pé do castelo de San Sebastián e os seus baluartes do Socorro e San Ramón, hoxe desaparecidos. Un paseo en liña recta que remataba á dereita no Campo de Granada de Arriba, que conducía ao arrabalde da Falperra, delimitado pola rúa de Santiago e pola fonte nova do Romil ou da Falperra, é á esquerda ao Campo de Granada de Abaixo, un espazo moito máis amplo, de considerable arborado noble delimitado pola rúa Pracer de Afora.

Explanada que recibiu o nome de Campo de Granada por ser alí onde practicaba unha gornición militar dese nome, onde se celebraron moitos desfiles e concentracións populares. Un espazo primixenio de civilidade, no que se organizaron concertos, actos políticos (como aquel famoso mitin agrarista no que interveu Basilio Álvarez), e outras concentracións, como a formación de comitivas do Entroido que finalizaban no ensanche da Alameda, como relata Xosé María Álvarez Blázquez nalgunhas das entradas do seu libro «A cidade e os días» (Monterrey 1960, Xerais 2008). Campo de Granada, que é tamén o campo vigués da feira, como testemuñan as fotos de Pacheco, onde acudían as mulleres das parroquias do Val do Fragoso a vender os seus produtos de horta e os tratantes de gando a pechar os seus acordos. Campo de Granada onde estaba «o banco dos contos», unha longa bancada de pedra, onde se di que os tratantes e feirantas contaban os cartos, ao pé do fielato, lugar onde se pagaban arbitrios municipais á saída da cidade. Banco dos contos ou das contas por ventura recuperado cos perpiaños instalados no inicio da rúa Abeleira Menéndez, como testemuña dunha cidade hibridada entre as terras vizosas do Val do Fragoso e as brétemas frecuentes do anfiteatro da ría.

Campo de Granada que xa se pode identificar na fotografía máis antiga coñecida de Vigo, tirada en 1867, probablemente por un fotógrafo inglés (Felipe Prósperi Cortechi non chegaría a Vigo até 1870). Foto onde ao pé da muralla da Nosa Señora do Castro aparece unha chairiña arborada onde conflúen a dobre hélice do ADN vigués, o suco do Vigo vello desenvolto a partir da primixenia cidade portuaria das praias do Berbés e do Areal, e o suco das agras vizosas das parroquias do Fragoso. Unha hibridación urbana moi afortunada sobre un territorio privilexiado no que se foi despregando unha cidade portuaria atlántica granítica de carácter policéntrico, o famoso «Vigo en bisbarra», ao que se refería xa Otero Pedrayo na súa «Guía de Galicia» (Espasa Calpe, 1926), volcán do dinamismo industrial, demográfico, educativo e cultural que, a pesar de non contar con outra institución ca local, a fixo cifra e líder da Galicia contemporánea ao longo do século XX.

Desbotada a viabilidade do proxecto de Rafael Moneo, anunciado en 2009, que suporía o derrube dos edificios actuais do concello e da Xerencia de Urbanismo, a reforma máis humilde da Praza do Rei para unila co Castro anunciada polo alcalde Abel Caballero é unha oportunidade única para recuperar o primixenio Campo de Granada e conectar directamente como noutrora o Vigo vello coa aba do Castro. Unha reforma que debería ser capaz de crear unha pequena zona de arborado ao pé da casa do concello, ao tempo que integrar a nova praza na recuperación da muralla de San Sebastián, onde existe xa unha interesante zona verde, e na rehabilitación dos silos da Panificadora e os edificios anexos onde, despois de corenta anos de vergonzoso deterioro, a Zona Franca anuncia a creación dun Centro Gastronómico e outros usos socio-comunitarios en convenio co concello. Proxectos urbanísticos, ambos os dous de transcendencia histórica, que merecerían a súa exposición pública para así poder ser enriquecidos polas suxestións da cidadanía, o que sen dúbida axudaría a recuperar por fin o conxunto do Campo de Granada, un espazo tan emblemático coma hoxe degradado do noso centro urbano.

Onte 1926: Presentación de «Suite Artabria» de Manuel Lourenzo

Presentamos no serán de onte na FNAC da Coruña Suite Artabria, a obra de Manuel Lourenzo gañadora do Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais 2016. Un acto que resultou moi interesante grazas as dúas grandes intervencións, tanto a do autor como a do presentador, o profesor Henrique Rabuñal.

Comezou Rabuñal encadadrando Suite Artabria dentro da obra dramática de Lourenzo, «un chanzo máis no seu teatro sen máscara, sen concesión, unha viaxe aos abismos, aos labirintos, ás tensións da humanidade, desa humanidade particular que somos nós, en palabras a Manuel María». A seguir, lembrou que «o teatro de Manuel Lourenzo abrangue todos os oficios teatrais, inserido sempre nos problemas do noso país». «Lourenzo é, ademais, un magnífico escritor, mergullado no propio idioma, un océano onde hai que debullar e investigar». Para despois referirse Rabuñal a esta suite na que «propón unha viaxe por esta cidade dual [referíndose Á Coruña], que por un lado parece burguesa e provinciana, mais por outro é unha cidade galega e moi conectada co mundo rural». «Un libro que posúe dúas vocacións, a primeira a de constituír unha autentica suite, xa que todas as pezas teñen a conexión da cidade ártabra; a segunda, por ofrecer un teatro concibido para ser dialogado polos espectadores, nun momento no que o teatro está nunha certa desaparición».

Referiuse despois o presentador aos espazos das tres pezas do libro, o Orzán, as Atochas e a Falperra, «capaces de levarnos a esa cidade aldea, selva, cidade evocada, onde emerxen as paixóns humanas que poden existir en Londres. París, mais tamén aquí». «Unha cidade de barrios, de vivendas humildes, de edificios ruinosos, de espazos fríos, onde hai un balbordo continuo de obxectos (fregonas, espátulas, tarxetas, radios, sachos, vasos…) ou de cousas de comer e beber, que todos podemos recoñecer». «Pezas onde están presentes os ruídos e os sons, como tamén os silencios, unha expresión da música que coincide cos ambientes do lusco e o fusco, de solpores e abrentes». «Mais tamén hai unha presenza da violencia, das feridas, das labazadas ao carón do abismo, sen descartar os beixos, as caricias e os bailes sensuais».

«Os personaxes desta suite son doentes, neuróticos, derrotados, violentos, capaces de matar e de agochar cadáveres na procura do amor. Hai unha dialéctica entre o presente e o pasado, que volve e nos persegue, que nos determina. Como determina a presenza da violencia sexa machista, policial, sexual, a dos desafiuzamentos, a cobiza… este é un libro moi expresionista, seres que pretenden inventar unha saída, cando non existe, seres que ultrapasan a liña vermella dun tempo noso e doutros pretéritos contado nun galego excepcional dun escrtior con talento rotundo».

Pola súa banda, Manuel Lourenzo comentou a sorpresa que levara coa recepción deste libro «co que moitos me din entrei nunha nova fase, a pesar de que as tres pezas acabeinas hai seis anos e algunha ten na súa primeira versión case vinte». Agradeceu a crítica que lle fixera en La Voz de Galicia o escritor Diego Ameixeiras, «unha das cousas máis fermosas que se escribiron sobre a miña obra». Manuel Lourenzo, despois de referirse a súa admiración polo teatro de Álvaro Cunqueiro e Otero Pedrayo, explicou con detalle as dificultades dos membros da súa xeración de escribir só con metáforas: «esta suite quizais sexa unha das miñas obras que se achegan máis o real», confesou ao remate dunha intervención moi emocionante.

60 anos de Follas Novas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo, coincidindo co 25 de xullo, a lembrar a experiencia de Follas Novas, iniciativa que hai sesenta anos promoveron Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda:

O 15 de xullo de 1957, aniversario da morte de Rosalía de Castro, o matrimonio de escritores Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda inaugurou no seu propio fogar de Buenos Aires, na rúa Asunción 3035, o que bautizaron como Follas Novas, unha empresa editorial galega concibida para reunir todo o que se publicaba en galego e sobre Galicia en calquera lugar do mundo. Pepe e Anisia, daquela uns mozos recén casados, presentaron a iniciativa como “feira permanente do libro galego”, unha organización editorial e libreira continuadora do labor a prol do libro galego que viñan desenvolvendo sociedades e centros galegos e o activista e polifacético Luís Seoane que, contando coa colaboración de Arturo Cuadrado, impulsou edicións de libros galegos nas coleccións Hórreo e Dorna da arxentina Emecé Editores e máis tarde nos selos propios como Nova (1944), Botella al mar (1946) ou Citania (1957).

Un esforzo de resistencia da edición galega no exilio destinado tamén a facerse oír na propia Galicia interior, nos tempos difíciles do franquismo feroz onde os exemplares das edicións destes libros e revistas (como Galicia emigrante) chegaban de matute nos fondos das maletas emigrantes, sendo distribuídos despois de forma discreta nalgunhas librarías comprometidas, como a famosa anticuaria Monterrey de Pi e Margall 14, aberta dende 1948 por Luís Viñas Cortegoso e Xosé María Álvarez Blázquez.

Segundo confesou Xosé Neira Vilas no se discurso de ingreso na Academia Galega, «A cultura galega en Buenos Aires: 1950-1960», no seu primeiro ano de actividade Follas Novas comezou a distribuír as edicións de autor e os fondos de Emecé e Nova dispoñibles, aos que se engadiron os que chegaban de Galicia, os primeiros publicados por Galaxia, Bibliófilos Gallegos e a colección de poesía Benito Soto, que comezaban a reiniciar a actividade editorial galega no interior. Imprimiu catálogos, creou un sistema postal de novidades, que se distribuía entre asociacións de emigrantes, exiliados e universidades, ademais de instalar vitrinas en oito sociedades galegas da capital arxentina, onde se expoñían os libros galegos máis recentes.

Follas Novas organizou actos culturais, como a grande homenaxe a Otero Pedrayo, que chegara a Buenos Aires invitado polo Centro Galego para ditar conferencias e tomar parte nos actos do Día de Galicia de 1959. Entre o 22 de xullo e o 5 de agosto de 1960 preparou a primeira exposición de prensa galega na arxentina, ademais de tres exposicións do libro galego, a do Centro Lucense de Buenos Aires; a de Montevideo, inaugurada por Lois Tobío; e a de Caracas, que contou coa participación de Emilio González López e Pura Vázquez. Cada sábado celebraba unha xuntanzas de mozos galegos e arxentinos nas que se comentaban os libros que ían chegando e se lían poesías e narracións. Follas Novas vendía libros nos actos públicos da comunidade galega, para o que contaba coa axuda de mozos vencellados ás asociacións.

Follas Novas anunciaba as súas actividades nas revistas da comunidade e contaba cunha emisión radiofónica, «Mirador bibliográfico galego», unha iniciativa pioneira onde semanalmente Elsa Fernández, unha colaboradora principal do proxecto, comentaba un libro. Ademais de establecer filiais e núcleos de colaboradores en Caracas, Montevideo, Santiago de Chile e Nova Iork, e na Arxentina en Mar del Plata, Santa Fe e Rosario. Tamén pola súa iniciativa, o 10 de outubro de 1959, creouse en Follas Novas a Asociación Arxentina de Fillos de Galegos, que editaba a revista «Alén mar» e mantería por anos unha fecunda actividade relacionada coa cultura e a historia dos seus ancestros.

Follas Novas tivo tamén actividade editorial iniciada coa publicación de Itinerario galego (1958) de Víctor Luís Molinari, ao que seguiron Terra aluciada (1959) do porriñés Xosé Conde e Esta es Cuba, hermano (1960) de Anisia Miranda, ademais do primeiro poemario de Xosé Neira Vilas Dende Lonxe (1960) e da súa novela fulcral Memorias dun neno labrego (1961). O propio Pepe Neira confesoume que dentro do programa editorial de Follas Novas estaba previsto facer unha segunda edición de Sempre en Galiza (1944) de Castelao, que xestionaran co Rodolfo Prada e Virxinia Pereira, «na que estaba en proceso de análise a posibilidade de incorporar dous novos capítulos que o autor non incluira na primeira». Non foi posible. Como tampouco a publicación da revista «Letras galegas», que deseñaran. O devalar da vida e os seus accidentes, o que Neira Vilas definiu como «problemas técnicos», obrigou a pechar en 1961 a aventura patriótica de Follas Novas, coincidindo coa marcha de Anisia e Neira a Cuba. Un capítulo heroico da nosa edición no exilio que seis décadas despois merece non ser esquecido.

Onte 1581: «O dobrón de a oito» de Alberto Fontes

XG00236601Presentamos onte no Ateneo de Pontevedra O dobrón de a oito de Alberto Fortes. Confesou o autor pontevedrés que escribira «a novela que me gustaría ler: de aventuras, de iniciación, que transcorrera na Galicia do século XVIII, que eu imaxinara tras a lectura de moita documentación onde se pode ver a Galicia daquel tempo polo miúdo». Para Fortes a novela aborda «a explotación dos campesiños polos donos da terra, fosen señores eclesiásticos ou forais, que se mantivo en Galicia até hai algúns anos, xa que coñecín o recendo da Galicia clásica na nosa aldea de Caroi.» «Sei que aquela Galicia barroca era un país chuvioso, enfangado. En 1769 houbo seis meses onde non se viu o sol, choveu seguido, pasouse moita fame. Era aquela unha Galicia de choupanas colmadas, aínda non telladas. Un país de tabernas de viño malo, que se levantaban ao pé das praias, onde había moito contrabando de sal e tabaco de Virxinia.» «Un país de pousadas cheas de bichos, como escribiu Borrow na súa viaxe por Galicia.»

Continuou a súa intervención Alberto Fortes referíndose a «aquel país de mareantes e navegantes, nun tempo onde se crea a Armada Española e os tres departamentos marítimos». «Os rapaces da beiramar tiñan a obriga de enrolarse na armada como grumetes e máis tarde como gavieiros, en condicións de vida moi duras, algúns quedaban mancos ou tocos.» «Un país no que había un odio ao inglés, o que explica o fenómeno do corso e a aparición de Benito Soto que asaltaba só a barcos ingleses.» «Imaxinaba parroquias con escribáns falsarios, xuíces corrompidos e curas caciques. E por último, un país onde había fidalgos pobres.» «Nesta Galicia da que tanto falou Otero con saudade –cando lembraba que “o millo foi o mellor presente que chegou a Galicia”, xa que financiou todo o barroco galego–, quixen ambientar esta novela de aventuras clásica, que agardo sexa do voso agrado.»