Listado de la etiqueta: manuel_soto_ferreiro

Ceferino na lembranza

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao primeiro cabodano de Ceferino de Blas:

Lembramos con saudade e gratitude a Ceferino de Blas no seu primeiro cabodano. Tras unha traxectoria xornalística na súa Asturias natal, chegou a Vigo o primeiro de outubro de 1986 para facerse cargo durante apenas seis meses da dirección de Faro de Vigo, tras a súa adquisición pola Editorial Prensa Ibérica. Incorporación do asturiano á mancheta do decano que só nun par de días revolucionou a organización das seccións do xornal, dedicando a páxina 2 a Opinión e a partir da terceira plana a sección local de Vigo. Ceferino expresaba así, xa na súa primeira semana en Vigo, dous compromisos que nunca abandonaría: a prioridade da información de proximidade (centrada en Vigo e no sur de Galicia); e a defensa dunha liña editorial enraizada sobre os criterios de obxectividade, independencia e pluralismo. Andaina inicial do Faro de Ceferino que remataría o 30 de outubro anticipando nas súas páxinas a primeira crise política da Autonomía, a dimisión do Goberno Galego promovida polo vicepresidente Xosé Luis Barreiro Rivas coa intención de derrubar a Xerardo Fernández Albor como presidente da Xunta. Un gran comezo, unha primicia de Javier Sánchez de Dios, comentarista político e delegado en Pontevedra, que expresaba a vontade do Faro dirixido por de Blas de non renunciar a súa influencia en Galicia.

En poucos meses, Ceferino deulle a reviravolta que Faro precisaba nun momento decisivo para o seu futuro, acometendo unha reestruturación do cadro de profesionais, non exenta de tensións laborais, modernizando os criterios informativos do xornal e comezando os procesos de dixitalización tecnolóxica da redacción e rotativa. Anos convulsos e críticos tamén en Vigo, finais da década dos oitenta, os da reconversión, da movida e dos gobernos municipais de Manuel Soto, nos que Ceferino se foi enchoupando do espírito e dinamismo creativo e revolto da nosa abella da ribeira, até identificarse de cheo coa cidade, a implicarse no coñecemento da súa historia e na defensa das súas reivindicacións estratéxicas, sobre todo no referido ás infraestruturas de comunicación, a autovía coa meseta e o tren de alta velocidade, como o recoñecemento da área metropolitana. Sensibilidade que tamén tivo pola conservación do patrimonio arquitectónico en perigo de desaparición, a estación do ferrocarril e o pazo de xustiza da rúa do Príncipe, así como do conxunto do Casco vello. Como foi outro dos logros da súa dirección a creación do Club Faro de Vigo, como foro de opinión e debate, co que o xornal pretendía abrirse e achegar a súa contribución á vida cultural galega. Inaugurado o 6 de maio de 1992, foi dirixido dende o seu inicio e durante máis de dúas décadas pola xornalista Marisa Real, a súa compañeira inseparable coa que compartiu paixón polo xornalismo, o cine e as viaxes…

Dende a  súa xubilación en 2008, namorado da cidade de acollida, Ceferino dedicou os seus azos a pescudar na súa historia a partir da hemeroteca de Faro de Vigo, colección de 170 anos da que foi o seu máis profundo coñecedor. Traballo de erudición viguesa que destilou ao longo de catorce anos nas súas deliciosas columnas dos luns de Faro así como nunha quincena de libros, algúns referenciais como Donde los periódicos son Faros. Historia del Faro de Vigo (2017) ou Vigo, puerta del mundo (2023), o seu libro póstumo, escritos coa precisión do historiador, a vontade de estilo do narrador natural e o espírito divulgador e didáctico do xornalista de estirpe. Bibliografía viguesa á que cómpre engadir outra ducia de importantes artigos publicados en Glaucopis. Boletín del Instituto de Estudios Vigueses, institución na que ingresou como membro numerario en 2013 e na que foi membro moi activo até o seu pasamento. Como tampouco se poden esquecer os seus textos e conferencias como cronista oficial da cidade de Vigo, responsabilidade que asumiu en 2017, tras o seu nomeamento pola alcaldía.

Ademais dos seus logros profesionais como xornalista e do valioso catálogo bibliográfico como historiador, Ceferino deixou un legado que cremos aínda máis valioso, o de ser unha das figuras viguesas máis respectadas e admiradas do seu tempo, fose pola súa elegancia e empatía, pola xenerosidade para felicitar ou pola firmeza e mesura cando cumpría criticar ou reconducir. Razóns que fixeron de Ceferino de Blas un referente cívico e moral da cidade, que pasou a formar parte da historia de Vigo, respectado por todas as forzas políticas e entidades sociais e veciñais. Unha figura transversal que merece ser lembrada por medio da convocatoria anual por parte do concello de Vigo dun premio co seu nome a traballos sobre a historia de Vigo. Sen esquecer que Ceferino debe formar parte canto antes do panteón de vigueses ilustres do cemiterio de Pereiró, comprometido hai meses pola alcaldía.

O carné de Emiliano

Teño a fortuna de conservar un dos primeiros carnés do Celta do meu pai. Datado en decembro de 1950, corresponde ao socio número 1.572, co asento número 90 da fila 8 da Grada de Río. Daquela Emiliano Bragado traballaba de dependente de comercio na camisaría Calvo da rúa do Príncipe. Pola numeración, estimo que entón xa se trataba dun socio veterano, cunha antigüidade canto menos de cinco ou seis anos, polo tanto seareiro xa dun dos mellores celtas da historia centenaria, a dos chamados «diaños celestes» ou «campións de afouteza», un equipo de fábula, que perdeu a primeira final de Copa (1947-1948) e permaneceu catorce tempadas continuadas en Primeira, dende 1945 a 1959 (proeza aínda non superada), integrado por algúns dos mellores xogadores da historia celeste como foron Simón, Pahiño (o dianteiro lector de Dotoievski), Yayo, Roig, Muñoz ou Aretio, entre outras figuras.

Téñolle dado moitas voltas a este carné do Celta de papá, que estimo pagaba unha cota mensual de arredor das vinte pesetas, o que nun soldo de dependente de vinte e tres anos supoñía un pico. Secasí, o carné amosa que dende hai canto menos setenta e cinco anos a familia nosa mantén, tempada a tempada, varios asentos na Grada de Río da catedral do Fragoso. Unha fidelidade familiar que se mantivo na década de 1960 co Celta en Segunda División, cando meu irmán Eduardo e mais eu, uns picariños comezabamos a acudir con papá ao estadio, como na de 1970 cando ascendemos a Primeira e co Celta ye-ye xogamos despois a primeira eliminatoria da UEFA co escocés Aberdeen, tamén a primeira e efémera participación dun equipo galego en competición europea (1971).

Presenza en Balaídos que mantivemos nos períodos do elevador, dúas décadas de mudanzas nas que se encadearon ascensos e descensos, coincidindo co final da ditadura, a reforma política, o comezo da autonomía, os gobernos municipais de Manuel Soto e a dolorosa reconversión industrial, anos tamén da nosa adolescencia, mocidade universitaria e entusiasmo creativo dos anos da Movida. Anos nos que os domingos de Balaídos convertéronse no primeiro foro vigués, e o estadio no termómetro emocional dunha cidade en permanente mudanza. Un espazo deportivo onde as voltas ao campo daquel Toniño ou do Cordobés coincidían coa presenza de bandas e dos gaiteiros ou na lameira de Siniestro Total para celebrar un ascenso, ou os xogadores celestes portando con fachenda a bandeira galega reclamando a plena autonomía para Galicia e atención ás reivindicacións dos obreiros vigueses do naval.

Sete décadas despois acho neste carné de Emiliano que o celtismo foi unha das herdanzas familiares, como a da lectura diaria de Faro de Vigo, imprescindible antes de comezar a xornada, que máis marcaron (e aínda marcan) a miña vida. Celtismo que vai moito máis alá da atención por seguir os ires e vires deportivos do club centenario, as vitorias e as derrotas que trazaron un palmarés discreto de trofeos en competición oficial, mais riquísimo e moi emotivo e valioso para a súa afección. O celtismo é unha forma de instalarse no mundo indemne á desesperanza, de enfrontarse a vida cun escepticismo optimista que axuda a enfrontarse con afouteza ás maiores dificultades e a gozar con prudencia do entusiasmo efémero das ledicias e logros. Actitude e valores semellantes aos doutras afeccións de clubs de fútbol humildes do mundo, que por riba dos criterios mercantís do odioso fútbol moderno e da súa industria deportiva, acreditamos na cultura do fair play dos creadores deste xogo de pelota, que tan axiña chegou a Vigo polo mar, como tantas outras actividades nosas. Celtismo que, inevitablemente, referenciamos coa presenza e coas perdas nas bancadas de Balaídos en cada unha das etapas das nosas vidas, dende os anos de infancia aos actuais nos que iniciamos o retiro, razón pola que tamén é memoria compartida por varias xeracións viguesas.

No caso da familia nosa, asocio os primeiros partidos no estadio co tranvía que tomabamos en Pi e Margall (entón General Aranda), diante da casa, fose na liña 1, que chegaba a Pereiró procedente da Estación, fose na 8, que remataba en Travesas, o que obrigaba a camiñar pola Florida, entón unha zona de chalés e leiras. Máis tarde entendería como a rede tranviaria, desaparecida polos excesos de Portanet en 1968, contribuíu dende 1914 ao desenvolvemento de Vigo como cidade metropolitana, policéntrica, e ao Celta como a súa indiscutible icona compartida. Como lembro, xa ao comezo dos setenta, irmos na furgoneta dous cabalos, despois no Dyane, con moita anticipación para estacionar na nova avenida de Zona Franca, convertida en circuíto do Gran Premio de Motociclismo de Vigo, no que chegou a participar Ángel Nieto. Nunca foi doado aparcar na proximidade de Balaídos, problema que trataron de mitigar os primeiros vitrasas ourugas, os «especiales», a verdade que sempre de forma insatisfactoria, como corresponde a tradición da concesionaria.

Outra lembranza celtista de infancia tivo a súa cerna no moito que me gustaba acompañar a papá ás oficinas do club da rúa Reconquista para pagar a cota mensual ou algún dos suplementos dos chamados «encontros do club», un par deles por campionato, que case sempre coincidían coa visita do Madrid ou co derbi co Coruña. Mentres agardabamos a nosa quenda, entretíñame fisgando nas fotos enmarcadas na parede, como tamén facía na taberna de Armando de Falperra. Entre aquelas imaxes sempre reparaba nas das viaxes dos futbolistas, nas que decote aparecía o primeiro autobús propio do club, un Ford-Hércules, o popular «Lanzallamas», que chegou despezado en 1953 en barco, procedente da Habana, sufragado pola colonia galega da capital cubana; vehículo que conduciría até que foi retirado da circulación en 1968 Guillermo Cameselle. Como gustaba daquela foto dos xogadores traxados e con chapeus panamá ao pé do avión co que cruzarían o Atlántico na xira americana de 1952, continuando a tradición da primeira por Arxentina e Uruguai no verán de 1928 no transatlántico Werra. Celestes que sempre foron recibidos con agarimo pola diáspora galega, que identificou nas súas cores e valores o celme máis xenuíno da alma galega. Identidade que por ventura nunca se perdeu, anovada nas 120 peñas celtistas que compoñen a actual familia celtista espallada polo planeta.

Meu tío Suso, como tamén o meu avó Suso Beleiro, eran socios de Grada de Gol, o que moito animaba ás polémicas familiares sobre onde se sentaba en Balaídos o mellor celtismo. Controversia que dirimiu para sempre a «Foliada do Celta» do grupo A Roda, durante moitos anos himno oficioso, que sinala un comportamento diferenciado para cada unha das gradas do estadio, asignándonos aos de Grada de Río a responsabilidade de armar o lío e da tirada de almohadillas, práctica desaparecida para apupar a arbitraxe ou criticar ao adestrador. Lembro ao meu admirado tío Suso, administrativo da factoría de Barreras, como defensor afervoado dos xogadores da canteira e seguidor das ligas e da Copa de Vigo do fútbol modesto vigués, que xogaban equipos hoxe centenarios, como o Deportivo Coia, o Santa Mariña, Rápido de Pereiró, Silva, Casablanca, Peñasco, e moitos outros, produtores do humus futbolístico vigués xerminal e merecedores do ser rescatados do esquecemento, sen o que non existiría o Celta centenario que celebramos.

Publicado no suplemento 100 RCCelta de Faro de Vigo: 20/08/2023

O entroido dos Tarteiras

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a facer memoria sobre a celebración do entroido en Vigo:

Debemos á pluma lizgaira de Xosé María Álvarez Blázquez a crónica da celebración do Entroido de Vigo de 1877, catro días nos que a Sociedade Carnavalesca botou a casa e todos os farrapos vellos pola xanela. Unha memoria recollida nas páxinas d’ A cidade e os días (Monterrey, 1960; Xerais, 2008), a máis antiga das referencias entroideiras viguesas, festexos comezados ás once da mañá do domingo co desfile dunha grandiosa comparsa, que saíu do Campo de Granada pola rúa do Pracer, seguiu por Príncipe e o Ramal até a de Vitoria, na Alameda onde agardaba no seu catafalco o Deus Momo, «olimpicamente embutido na monstruosa boca dun dragón, acompañado dos membros da súa corte e dun escuadrón dacabalo, composto de vinte e cinco demos encarnados e armados en guerra con flamíxeras lanzas, casco e rodela». Desfile da comparsa, conta don Xosé María, no que non faltaban os demos mitolóxicos bufos, en cadanseu carro,  nin a banda de música de traxes indios, comitiva que se repetiría no serán do martes. Festa rematada o mércores de cinza co enterro do Momo ás seis en punto da tarde, previo sermón na Alameda, no que se deron a coñecer os relevantes dotes que en vida adornaron ao defunto, despois de cantarse o derradeiro «Addio a Momo» e de botar unhas luces de bengala, coa elevación dun globo onde se podía ler: «Adeus amigos, saúde e deica o ano que ven».

Hai cen anos, unha crónica de sociedade publicada o martes 13 de febreiro na portada de Galicia. Diario de Vigo relataba a agonía da festa de Momo, na que foi moi escaso o consumo de confeti e serpentinas, para o cronista a mellor medida do nivel de entusiasmo do entroido, que o atribuía á carestía do papel e lamentaba a decadencia do «Antruejo», comezado sen pena nin gloria, sendo «contadas o número de máscaras bandalleiras que tiveron a afouteza de exhibirse á luz». Relato que finalizaba agoirando que as festas continuarían sendo tan sosas como comezaron, a pesar de que o mércores de cinza estaba prevista a chegada dende Pontevedra da comparsa «A danza das espadas» dos Enxebres da Terra. Así é todo, o decepcionado cronista deixaba unha cativa fenda ao entusiasmo cando salientaba que apenas foron dúas as comparsas, entre elas «La Estudiantina Naval» de Moaña, as que no serán do domingo percorreron as rúas viguesas cantando o seu afinado repertorio nos círculos, como La Tertulia no Hotel Moderno, e El Casino no teatro Tamberlick, onde se celebraron, iso si, «brillantísimos bailes» nos que participaron os membros da aristocracia viguesa.

Probablemente, o cronista social do Galicia, cando salienta «a plena decadencia» do entroido de rúa e das súas máscaras se está referindo á saída dos escabicheiros ou merdeiros, a máscara tradicional da ribeira do Berbés, figura baldroeira viguesa desaparecida ao longo da década de 1920, documentada nos estudos de Vicente Risco e Xoaquín Lorenzo, mais por ventura felizmente rescatada do esquecemento desde 2006 pola Asociación Cultural A Revolta do Casco Vello. Como tamén o cronista do Galicia documenta a vixencia da tradición satírica das comparsas musicais de carallada, recuperada en Vigo, tras os rigores da ditadura, por Os Tarteiras, a comparsa decana e celme do entroido vigués contemporáneo. Constituída de forma case espontánea nunha noite de troula nas escaleiras do vello cárcere no entroido de 1979 por un grupo de mozos e mozas, entre os que estaban comprometidas argalleiras da causa comunitaria como Antón Bouzas, Loli, Inés e Marga, ás que despois se sumaron Xosé Pais e Fátima, entre outras, os Tarteiras asumiron a tradición satírica e humorística do entroido como festa transgresora na que participa todo o mundo, a última mascarada do ciclo da invernía. Foron tamén os Tarteiras os que organizaron en 1980 os primeiros concursos de coplas, nos que convidaron a participar a comparsas do Morrazo como Os Incansables de Cangas, a Santa Sede ou O Percal de Aldán, como foron os primeiros que recuperaron a tradición viguesa do velorio e da queima da figura de Momo rebautizada como Meco.

Certo é que despois o entroido en Vigo se municipalizou cos gobernos de Manuel Soto, o que inevitablemente lle fixo perder o seu carácter máis satírico e retranqueiro na escolla da figura do Meco, ao tempo que se importou o modelo do carnaval carioca de lentellolas e coreografías, o que por ventura non impediu que os integrantes dos Tarteiras continuasen saíndo por libre, interpretando as súas coplas críticas cos gobernos e os poderosos, e participando de forma espontánea no enterro do mércores de cinza. Como é outra marabilla a saída cada ano dos Merdeiros polo Vigo vello, como a recuperación desta máscara viguesa entre a mocidade e cativada e xa nun número significativo de centros educativos da cidade. Benvido o entroido vigués transgresor de Merdeiros e Tarteiras!

Celso Emilio, fillo adoptivo de Vigo

No primeiro artigo do ano en Faro de Vigo propoño que Celso Emilio Ferreiro sexa declarado fillo adoptivo de Vigo e se recupere o premio internacional CEF de poesía:

Unha das novas culturais viguesas recentes é o rescate dos poemas prohibidos de Celso Emilio Ferreiro (CEF) promovido polo Colexio de Procuradores de Vigo presidido por José Antonio Fandiño. Dez textos escritos en castelán, que formaban parte da primeira edición de Antipoemas (El Álamo, 1972), mais que foron censurados e retirados do libro, sendo editados de forma artesanal por Xosé Xesto en Venezuela como unha separata non venal. Un compendio de poemas prohibidos que amosaba ao Celso Emilio político e antifranquista, tamén o máis esperanzado, dos seus últimos anos no doloroso desterro venezolano. Velaí poemas como «Juan vive muy bien en Caracas», «Hay que definirse» ou «Lo que el tiempo espera», no que confesa a esperanza que cheguen «ventos propicios» e «horas feridas», días no que será posible «derrubar a pirámide de chumbo» grazas ao riso da xente, sen dúbida, referíndose á fin da ditadura franquista.

Un singular rescate poético realizado polo colexio vigués de procuradores que dende 2020, cando o nomeou colexiado de honra, comprometeuse de forma modélica coa causa da memoria do poeta de Celanova, ao tempo que contribuíu a recuperar para o arquivo da Fundación CEF medio cento de documentos que desvelan a súa actividade como profesional da procura, instalado en Vigo dende 1950 nun despacho da rúa Gil, no que se centra en denuncias de contrabando no Mercado da Pedra, e na que mantén tamén unha oficina de seguros. Unha actuación na procura, coincidente co período vigués, de 1950 a 1966, anos decisivos para a súa escrita poética, nos que publicou en Vigo O soño sulagado (1954), Voz y voto (1955), impreso clandestinamente no prelo de Gráficas Numen de Luis Noia e Longa noite de pedra (colección Salnés, 1962). Anos tamén nos que dirixe un obradoiro de fotogravado, colabora con Ramón González Alegre na dirección da revista Alba e publica nas páxinas de Faro de Vigo medio cento de artigos, entre eles os da sección «La jaula de los pájaros raros», na que ofreceu algunha das súas mellores prosas viguesas.

Entre estes textos de Faro de Vigo hai dous de gabanza que merecen ser salientados: «Glosa de Vigo», un longo traballo publicado no folleto especial que Faro publicou con motivo do seu centenario, e «Vigo, puro milagro», premiado no concurso literario do Centro de Fillos de Vigo en 1954. Dúas pezas merecentes de formar parte do libro de ouro de Vigo, unha cidade para Celso dun ímpeto case volcánico «que descansa no lombo dos peixes e gabeou Castro arriba para contemplarse orgullosa e ver o mar». Unha cidade «á que lle falta intimidade porque lle sobra adolescencia, é dicir, timidez», conformando «un milagre do mar, agromada coma unha flor na súa beira». «Vigo, cidade clara e rotunda coma un teorema, pecha no seu encanto, na súa gracia e donaire, unha teoría de milagres idénticos aos que laten ao ritmo da pandeirada», –escribe o poeta, rendido diante do pulo das glándulas que impulsaron o crecemento febril e incansable dunha cidade, que representa a «fusión urbana do mariñeiro e do campesiño nunha síntese perfecta de cidade galega moderna», onde todos os galegos son capaces de reencontrarse doadamente e «ninguén precisa violentar o seu íntimo ser para incorporarse á vida viguesa».

Dende aquel triste serán do 31 de agosto de 1979, no que faleceu no piso da avenida de Castrelos que compartía con Moraima, Vigo aínda non homenaxeou como merece poeta que tanto a amou. Certo é que o alcalde Manuel Soto participou nas primeiras homenaxes e que a corporación que presidiu dedicoulle en 1982 unha rúa e paseo na proximidade do Castro co seu nome, onde chantou un busto do poeta. Como tamén o é que a alcaldesa Corina Porro descubriu  en 2004 unha placa no edificio da rúa Urzaiz onde viviu a familia Ferreiro Loredo. Como ademais é salientable que no ano 2000 o concello de Vigo, sendo alcalde Lois Pérez Castrillo e concelleiro de Cultura Carlos Príncipe, convocou en colaboración coa Deputación de Ourense, presidida por José Luis Baltar, o Premio de Poesía Celso Emilio Ferreiro, que cunha dotación de cinco millóns de pesetas (30.000 euros) distinguiu a traxectoria dun poeta. Primeira e única convocatoria dun certame literario internacional do que resultou gañador Eugenio de Andrade, o grande poeta portugués.

Un compromiso aínda cativo con Celso Emilio que cando celebramos esta noite de Reis o 111 aniversario do seu nacemento debería ser incrementado. E para iso nada mellor que o concello recuperase a convocatoria do premio internacional de poesía co seu nome, o que tamén colocaría a Vigo na axenda literaria mundial, e a corporación acordase por unanimidade declarar a Celso Emilio Ferreiro como fillo adoptivo a título póstumo, o que contaría cun amplo apoio das entidades profesionais, veciñais e culturais viguesas.

Fálame galego

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao uso do galego por parte da actual corporación viguesa:

A saída do colexio escoito no coche o informativo local de Radio Vigo no que comprobo que na alocución diaria da alcaldía dende o concello utiliza de forma habitual a lingua castelá e só de forma moi excepcional a galega. Un patrón lingüístico castelanófono seguido nas intervencións ocasionais nos medios radiofónicos e escritos locais pola gran maioría dos membros do goberno local do PSdeG-PSOE como do grupo municipal do Partido Popular. Un retroceso do uso público do galego por parte dos membros da actual corporación con escasos precedentes no período democrático que, coa honrosa excepción dos membros de Marea de Vigo e BNG, fan caso omiso do establecido na Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística, aprobada en 1988 e entrada en vigor dende a súa publicación no BOP o 17 de maio de 1989.

Unha ordenanza pioneira na promoción do galego por parte das entidades locais, a primeira do país que desenvolve o artigo 6 da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade sendo alcalde o socialista e galeguista Manuel Soto Ferreiro, que fixa no seu artigo I.1. «o galego como o idioma oficial do concello de Vigo» e, entre outros compromisos, que será utilizado nas intervencións dos cargos do concello, «sempre que a intervención sexa por razón do propio cargo» (artigo X). Patrón castelanófono da actual corporación reforzado tras a aprobación dunha modificación do Regulamento Orgánico do Pleno (1 de xuño de 2016), promovida no mandato anterior polo goberno municipal, que establece que se ben «o galego é a lingua do Pleno e de toda a súa documentación» «nos debates utilizarase o galego ou o castelán».

Quizais este lamentable abandono do uso público do galego por parte da gran maioría dos corporativos socialistas e populares vigueses non é alleo nalgunha medida á estratexia de confrontación asumida tanto pola alcaldía de Vigo como pola presidencia da Xunta como o seu mellor xeito de facer política en Vigo. Cos resultados electorais na man este enfrontamento político continuo entre o concello vigués e a Xunta, no terreo emocional entre Vigo e o resto de Galicia, beneficia ás dúas instancias participantes  e monopoliza os contidos da axenda viguesa. Xaora como se dun inevitable dano colateral se tratase, neste contexto moi polarizado ambas asumen o prexuízo de asociar o emprego público do galego co autogoberno e coa identidade política galega defendida polo pensamento nacionalista. Prexuízo que como as lentes embazadas levan a unha lectura defectuosa da situación do galego na primeira cidade de Galicia, onde segundo os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística fala de forma habitual apenas o 15,21% da poboación, a cifra máis baixa das sete cidades. Unha situación de emerxencia para o futuro dunha lingua milenaria que desde Vigo,  berce literario de Martín Codax e Mendiño, emite este 17 de maio o seu teimoso «mayday» de socorro: «fálame galego», «fálame galego», «fálame galego».

Escribía Xela Arias en verso luminoso que «tiña o idioma inclinado nas entrañas». E abofé que non lle falta razón a nosa poeta cubista, todos os vigueses e viguesas temos o galego inclinado nas entrañas, tanto os que o falamos de forma habitual e en todos os contextos privados e públicos como aqueloutros que o fan de forma ocasional cando mellor lles peta como os que deciden non utilizalo nunca. Toda a veciñanza viguesa, volvendo a acudir ao manancial de versos de Xela Arias, «despois de recortar os verbos» queda coa lingua que respira en calquera dos espazos e barrios da cidade como primeiro punto de encontro. Como a autora de «Denuncia do equilibrio» lembrou naquel memorable pregón das Letras Galegas, encargado hai agora vinte anos pola alcaldía, o galego é a primeira forma de recoñecérmonos no pouso dos afectos. O galego é o primeiro patrimonio que herdamos os veciños desta cidade de fronteira, tanto os que aquí nacemos como aqueloutros que aquí decidiron facer as súas vidas.

E todos e todas somos responsables do que aconteza co futuro do galego en Vigo, unha tarefa cívica de recuperación imprescindible á que estamos convocados a participar e na que os nosos representantes, os membros da corporación moito poden contribuír co seu compromiso de utilizalo decote nas súas intervencións públicas. Volver a recuperar o compromiso exemplar que o concello de Vigo mantivo noutrora co galego supón apenas ter en conta os acordos recollidos na Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística de 1988, como obriga a incrementar a presenza da lingua e cultura galega na actividade municipal, sexa nas festas, na programación de espectáculos musicais ou na programación cultural, hoxe a todas as luces insuficiente para unha cidade que durante moito tempo liderou o renacemento cultural galego.

Compañeiro Alcalde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a homenaxear ao meu benquerido Manuel Soto Fereiro:

A derradeira conversa que mantiven con Manuel Soto foi hai menos dun mes por WhatsApp con motivo da proposta que fixen de compartir un cocido para celebrar o San Martiño e o tempo de castañas, apenas un pretexto da rolda de amizades do Parladoiro para compartir ansias viguesas e entoar en irmandade unhas poucas cancións nosas. Manolo, sempre solícito, contestou o primeiro: «Agardo que poidades contar comigo». Sei, non desvelo ningún segredo, que todos entendimos o que expresaba a súa lacónica mensaxe de quen sempre foi un dos animadores máis entusiastas deste xuntoiro tan diverso e entrañable, un espazo transversal de conversa sobre os afáns de Vigo, a cidade que Manolo Soto amaba e coñecía como moi poucos, á que lle dedicou os seus mellores anos con todos os seus azos.

Con Soto nunca fun obxectivo porque rendeume a súa capacidade extraordinaria para o diálogo, concibido como a conversa sen límites na que é posible chegar a un acordo. Amosóunolo naquelas noites inesquecibles de negociación entre o seu partido e as formacións nacionalistas (PSG-EG e BNG), que supuxo a súa saída da alcaldía, para que fose ocupada polo seu compañeiro, Carlos G. Príncipe. Días nos que Soto nunca perdeu o fío principal da conversa e destilou o seu mellor humor retranqueiro e no que seguimos a súa receita cando se «atascaban» os acordos «tomar unha peza de froita, que iso osixena o cerebro». Como admirei sempre a súa afouteza e intelixencia política para poñer por diante os intereses xerais da veciñanza dos seus propios, como o respecto polos adversarios políticos, actitudes e valores que hoxe cotizan moi alto.

Xaora, máis alá do seu legado afectivo en milleiro de persoas coas que amizou, Soto deixou no seu afán de «Por un Vigo millor» os alicerces da modernización do Vigo de entre séculos, unha tarefa rexeneradora, probablemente pouco «vistosa», tanto do tecido e da cultura democrática como das infraestruturas básicas da cidade central e do seu periurbano. Un listado de actuacións que van dende completar a rede de traída e saneamento de auga en todas as parroquias viguesas, unha conquista histórica das que non se ven, até ampliar a rede de vitrasa, recollida de lixo ou de centros de educación pública. Sen esquecer o derrube do Scalestrick da rúa Lepanto, a aprobación do primeiro planeamento urbanístico democrático e dun plan pioneiro de edificios a conservar, que puxo freo á desfeita do noso patrimonio durante as alcaldías nefastas de Portanet e Ramilo.

Soto viviu días moi difíciles na alcaldía do Campo de Granada. Nos primeiros días de goberno, contóunolo en varias ocasións, na caixa do concello non había nin un peso para pagar o gasoil dos camións do lixo ou a outros provedores, unha quebra que o fixo tolear durante uns meses. Soto encabezou o pronunciamento en defensa da democracia daquela primeira corporación democrática pechada na casa do concello a noite do 23 de febreiro (1981), como lidou nos anos heroicos da reconversión do sector naval, promovida polo seu propio partido, ou da reforma do estadio municipal de Balaídos, a da construción da Grada de Río Alto, para poder celebrar alí o Mundial 82.

Foi tamén Soto, o noso primeiro alcalde galeguista, defensor afervoado e intelixente da lingua e cultura galegas, promotor da modélica Ordenanza de Normalización Lingüística (1988), que puxo a Vigo como modelo de galeguidade. Como tamén o foi polo seu compromiso pioneiro pola igualdade, abriu a primeira Casa de Acollida para mulleres maltratadas, e coa proxección internacional de Vigo como cidade portuaria atlántica, irmandada coa cidade bretoa de Lorient. Comprometeuse co proxecto de Vigo como cidade líder da cultura en todas as súas expresións, dende a moda e o deseño, pasando pola música (Festival do Mundo Celta, concerto de Madonna, obradoiro de instrumentos populares na que bautizou como Universidade Popular, hoxe EMAO), até as artes plásticas, onde deixou un legado escultórico extraordinario no espazo público, que conformou a identidade do Vigo contemporáneo: os redeiros de Conde na Gran Vía, o Sireno de Leiro na Porta do Sol, os cabalos de Oliveira na Praza de España e a Porta do Atlántico de Silverio Rivas nas Travesas.

E fíxoo todo sen contar con maioría absoluta en ningún dos seus tres mandatos, gobernando en coalición, o que non lle foi doado, fose con Leri ou con Arca ou asumindo no último un pacto orzamentario co PSG-EG, abrindo por vez primeira o modelo de acordo entre os progresistas galegos. Lembraremos a Manolo pola súa proximidade contaxiosa, por ser o compañeiro Soto, pola súa lealdade e compromiso coa veciñanza máis humilde, polo seu idealismo e agarimo, ese optimismo da vontade que contaxiou até o derradeiro dos seus días. Que a terra che sexa leve, Manolo, o noso compañeiro alcalde!

Un nadal para o galego

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a propór que os responsables municipais de Vigo recuperen o uso do galego como a súa lingua preferente:

Entre a apoteose da inauguración da iluminación de Nadal do sábado, non me pasou desapercibida a utilización das linguas que fixo nas súas intervencións Abel Caballero. Non me sorprendeu nin o emprego in extenso dun inglés fluído, lingua oral adquirida nos seus anos de mestrado e doutoramento nas universidades de Essex e Cambridge, nin tampouco a ausencia do galego, lingua que tampouco estaba presente no texto “VIGO, onde vive o Nadal” do espazo para as fotos e autorretratos da praza da farola, anunciado polo alcalde o día anterior. Ausencia da nosa lingua propia en intervencións institucionais, seguidas por milleiros de persoas nas rúas viguesas e nas redes sociais, que sabemos é intencionada para o rexedor vigués, hoxe xa unha figura de éxito en España, recoñecida na comunicación viral e no humor televisivo.

Unha escolla lingüística pouco satisfactoria co establecido pola vixente Ordenanza de Normalización Lingüística (ONL), aprobada por unanimidade da corporación, o 8 de novembro de 1988, que establece no seu artigo I.1 que «o galego, como lingua propia de Galicia é o idioma oficial do concello de Vigo», e no artigo XI que «os cargos do concello expresaranse normalmente en galego nos actos públicos celebrados en Galicia, sempre que a intervención sexa por razón do propio cargo». Sen esquecer o establecido no artigo X referido ás publicacións editadas polo concello e ás campañas de divulgación e publicidade, que se «realizarán en lingua galega».

Nun acto institucional multitudinario, onde se fixo publicidade dun produto de ficción infantil dunha poderosa empresa audiovisual estadounidense, interpreto a ausencia de uso do galego como expresión dos prexuízos lingüísticos do actual equipo de goberno, o que menos utiliza a lingua nosa dende o primeiro mandato democrático. Prexuízos que xa fixeran explícitos no anterior, cando en 2016 a maioría socialista modificou só cos seus votos o «Regulamento do Pleno» de xeito que nos seus debates se utilizase tamén o castelán, quizais pretendendo xustificar así o comportamento dalgúns dos seus membros que nunca empregan o galego. Prexuízos, como grosas lentes de confusión, que reducen o emprego ritual do galego aos eidos da cultura ou a algúns espazos do periurbano, tratando de diferenciarse ou distanciarse así das opcións políticas nacionalistas.

Este desinterese actual polo cambio das actitudes e pola desaparición dos «complexos lingüísticos presentes na nosa sociedade», razóns nas que se baseou a aprobación da citada Ordenanza de 1988, sendo alcalde Manuel Soto, amósase nos propios orzamentos municipais para o vindeiro ano, nos que se destinan arredor de 250.000 euros para o programa de Normalización Lingüística, dun orzamento total de 267 millóns de euros, o que facendo contas supón que de cada cen euros gastados polo concello de Vigo apenas 9 céntimos van dirixidos ao futuro do galego. Unha cantidade pequena, máis aínda cando sabemos do estado de saúde tan precaria do galego en Vigo, que segundo a enquisa máis recente do IGI apenas utiliza de forma a habitual o 15,20 % da veciñanza, a porcentaxe máis baixa das cidades galegas.

Unha situación preocupante, que sen menoscabo da necesidade de incrementar a achega orzamentaria para reforzar as iniciativas e  as actividades do Servizo Municipal de Normalización Lingüística, obriga a recuperar a estratexia compartida, semellante a que levou hai trinta anos a aprobación da ONL, para o seu fomento por parte de todas as forzas políticas e colectivos sociais e cívicos, hoxe presentes no Consello Social da Lingua. Unha estratexia onde os responsables políticos asumen que a súa actitude xenerosa no emprego preferente do galego nas súas intervencións públicas contribúe a desfacer prexuízos e a crear novos referentes de uso en contextos diversos. Unha actitude proactiva, que non custa cartos, máis que ten un valor extraordinario para preservar o patrimonio máis valioso de toda a veciñanza e para preservar e proxectar a lingua galega nas novas xeracións.

No actual entorno plurilingüe, o galego debería recuperar o seu carácter de lingua referencial para os responsables municipais, sen menoscabo da utilización do castelán, do inglés e do portugués, unha das linguas máis habituais das persoas que nos visitan nos días de Nadal. Como tamén é de xustiza que no marco desta desproporcionada apoteose de contaminación luminosa, nora, mercadiños en xardíns históricos e outras trangalladas propias dunha cidade convertida en parque temático, que o concello de Vigo contribúa en igual medida a preservar a memoria do nadal tradicional galego, a súa música, gastronomía e folclore, que corren o risco de quedar enterradas na irrelevancia da «reserva galeguista».

Vigo cidade vagalume

A revista A Movida convidoume a colaborar na edición impresa deste mes de decembro, onde publiquei unha versión reducida deste texto:

A imaxe que proxecta unha cidade é un compoñente esencial da súa identidade e un referente para a súa cidadanía. Unha imaxe que no caso de Vigo, durante tantos anos a cidade da oliveira, foi mudando ao longo das últimas décadas ao compás das mudanzas que se foron producindo na alcaldía do Campo de Granada. Daquel Vigo obreiro das décadas dos setenta e dos oitenta, da reconversión naval e dos luns ao sol, a cidade estrépito de X.L. Méndez Ferrín, o Vigo da movida de Siniestro Total e Golpes Bajos, de Aerolíneas Federales e Trenvigo, pasamos ao actual Vigo charramangueiro, sobreiluminado da dinosebe e do Alfageme na rotonda, unha cidade vagalume, excéntrica, un novo Lepe, como o definiron os membros de Cain, o Colectivo de Admiradorxs da Iluminación Navideña.

Certo é que cada alcaldía democrática quixo deixar a súa impronta nesta imaxe. Manuel Soto, o primeiro e valente alcalde democrático e galeguista fixo daquel Vigo revolcado que cantaba Xela Arias en Denuncia do equilibrio, o Vigo de Ascón e dos conflitos do estudantado con Vitrasa, unha cidade das esculturas, colocando no mesmo ano (1991) catro pezas extraordinarias noutros tantos espazos emblemáticos: o Sireno de Francisco Leiro na Porta do Sol, os Cabalos de Oliveira na Praza de España, a Porta do Atlántico de Silverio Rivas en Travesas e o Monumento ao traballo, os bautizados como Redeiros, de Ramón Conde entre Urzaiz e Gran Vía. Catro pezas de arte contemporánea galega, de moi diferente fasquía, cuxa instalación non estivo exenta de polémica, mais que foron capaces de mudar o espazo urbano e co tempo de converterse en iconas queridas polas diversas xeracións viguesas de entre séculos.

Carlos Príncipe quixo facer do Vigo unha cidade dos museos capaz de competir cos doutras cidades euroatlánticas, como Porto, Compostela e A Coruña, que no mesmo período desenvolvían cadanseu proxecto de infraestruturas culturais. Durante o seu mandato xestáronse os proxectos arquitectónicos de Abrir Vigo ao Mar e do primeiro Plan Urban para o Vigo Vello, ademais do deseño de tres museos, construídos con fondos europeos: o Marco. Museo de Arte Contemporánea de Vigo na rúa do Príncipe, recuperando o vello Pazo de Xustiza e Cárcere; o Museo do Mar de Galicia, instalado no antigo matadoiro municipal de Alcabre e o Verbum. Casa das Palabras na praia de Samil. Tres pezas arquitectónicas moi valiosas que despois dunha década de ser abertas ou ben non consolidaron os seus proxectos museísticos ou mesmo son abertamente cuestionadas.

Durante a alcaldía de Lois Pérez Castrillo desenvolvéronse os proxectos da Pinacoteca Francisco Fernández del Riego e do Centro Galego de Fotografía no Casco Vello, para contribuír a rexeneración do Casco Vello, e comezouse o de Auditorio Mar de Vigo en Beiramar, coa intención de situar a Vigo á altura das cidades atlánticas da música, singularmente Porto, Santiago e A Coruña. Angueira que polo momento quedou en auga de castañas, xa que os resultados artísticos, polo momento, foron discretos e os económicos ruinosos, tras a quebra da concesionaria.

Vigo nunca contou neste período con políticas culturais públicas, esas capaces de enxergar dúas décadas, capaces de solucionar lacras como o seu déficit bibliotecario endémico ou proporcionar continuidade á programación de festivais e exposicións das diversas artes, algunhas tan relevantes como a Fotobienal, as Xornadas de Música Contemporánea, promovidas por Enrique X. Macías, ou o propio Marisquiño, hoxe sumido na incerteza. Cando se anuncia unha gran Biblioteca do Estado en Travesas ou unha factoría cultural na Panificadora, cómpre lembrar que o que Vigo precisa é un proxecto cultural estratéxico, deseñado coa participación dos diversos sectores e colectivos culturais e xestionado con criterios estritamente profesionais. É tempo xa de superar a política cultural das ocorrencias de alcaldes e concelleiros, como a daquel Agustín Arca que chantaba volcáns nos paseos de Coia e canastras de baloncesto en canto curruncho atopaba. A pesar da sobreiluminación de nadal e da súa contaminación luminosa, outro Vigo das artes e das letras, continúa sendo posible.

A cultura galega no Vigo do 78, unha arela común

No suplemento de Faro de Vigo que conmemora hoxe os 40 anos de Prensa Ibérica publicaron este meu traballo sobre a memoria cultural viguesa:

Hai unha fotografía que Magar tirou para Faro de Vigo o 16 de maio de 1978 nunha sala do Hotel Samil-Praia que representa o tránsito que tras a morte de Franco comezou a producirse na cultura galega desde a cidade de Vigo, un tempo de cambio e esperanza, onde todo semellaba posible, coñecido como Transición, ao que a historiografía actual denomina de forma máis obxectiva como Reforma Política. A instantánea recolle un momento da deliberación do xurado de Creación Literaria, unha das cinco modalidades outorgadas na primeira edición dos Premios da Crítica Galicia, organizados polo Círculo Ourensán Vigués da rúa Venezuela, presidido entón por Bieito Ledo Cabido, daquela dono da libraría Ir Indo, situada no segundo andar das novas Galerías de Príncipe.

Unha fotografía na que é doado identificar a sete persoas, membros daquel xurado para a historia da nosa cultura, representativas do que entón constituía a expresión da pluralidade interxeracional e ideolóxica da literatura galega. Comezando pola esquerda da mesa aparecía o profesor Emilio de Gregorio Fernández, que actuou como secretario en representación dos organizadores; ao seu carón sentaba Pilar Vázquez Cuesta, a única muller, profesora da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago (tamén a única existente en Galicia nesa altura); na fronte estaban Basilio Losada, o sempre influínte tradutor e profesor de galego-portugués da Universidade de Barcelona, nacido en Láncara; e ao seu lado a Carlos Casares, entón profesor de Bacharelato no Instituto de Rodeira de Cangas do Morrazo, autor de Xoguetes para un tempo perdido (1975), novela gañadora do premio concedido pola editorial Galaxia con motivo do seu vinte e cinco aniversario, que participaba no xurado uns poucos días antes de ler o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, a proposta dos seus mentores Ramón Piñeiro e Domingo García Sabell. Na esquerda da fotografía aparecían Paco Martín, o profesor lucense de EXB, director de Axoúxere, («Semanario do neno galego»), publicado polo diario La Región, ademais de narrador novo, autor da novela No cadeixo, finalista do Premio Galaxia; e Celso Emilio Ferreiro, o poeta de Celanova en toda a súa madurez, que tras a súa campaña política como candidato ao Senado pola Candidatura Democrática Galega rematara de publicar Cimenterio privado na colección Pombal de Edicións Castrelos, antes de morrer aquel nefasto 31 de agosto de 1979 na súa casa da avenida de Castrelos; e, por último, X.L. Méndez Ferrín, catedrático do Instituto Santa Irene, un dos fundadores do Partido Galego do Proletariado, que tiña tamén recente a publicación de Con pólvora e magnolias (1976), libro de poemas de ruptura, editado con encanto alternativo polo vigués Grupo Rompente.

Na fotografía botamos en falta ao escritor Eduardo Blanco Amor, que entón vivía en Vigo, cidade onde finaría na soidade dun taxi, na noite do primeiro decembro de 1979, mais que a pesar de aparecer no programa do ditame dos premios non chegou a participar na reunión. Foto documental oportunísima, como tantas outras de Magar, un dos cronistas daquel tempo revolcado de incerteza, que pode servir de fondo para reconstruír o devir da literatura galega de fin de século. Testemuña dunha xuntanza moi propositiva, na que se escolleu como mellor libro literario galego do ano 1977 ao poemario Mar e naufraxio do ponteareán Alfonso Pexegueiro, editado polo Círculo de Investigacións e Estudios Sociales (CIES), do que se destacou na acta do ditame «o esforzo importante no camiño de conquerir unha renovación das técnicas expresivas da lingua poética galega». Mención que se fixo ao interese da obra finalista, Silabario da Turbina do colectivo poético Rompente (Antón Reixa, Manuel Romón e Alberto Avendaño), da que se salientaron «unhas especiais características renovadoras produto dunha nova xeración poética».

Renovación foi a palabra preferida por este xurado único que asumía o espírito de tolerancia e pluralidade dos organizadores (profesionais vigueses de diversos eidos que na súa maioría frisaban os trinta anos) destes premios de recoñecemento (sen dotación económica ningunha), mais que con motivo da celebración anovada e popular do día das letras galegas (entón sen recoñecemento institucional) pretendían dende a iniciativa civil poñer en valor de forma normalizada a cada vez máis voluminosa produción cultural galega nos diversos eidos: a creación literaria, a investigación, o ensaio, a mellor iniciativa cultural e o mellor disco de música galega.

Abonda con repasar a nómina doutros gañadores daquela edición para facerse unha idea do que bulía na cultura do país naquel momento. En Investigación recoñecéronse os traballos xeolóxicos de Isidro Parga Pondal, membro da xeración do Seminario de Estudos Galegos; mentres que en Ensaio foi premiado Recupera-la salvación, un dos primeiros libros do teólogo Andrés Torres Queiruga, editado por SEPT, a editorial viguesa que pretendía ser «órgano dunha nova conciencia cristiá no relixioso, no económico, no social e no político».

Como moi significativo foi o premio de Iniciativas Culturais outorgado ao Museo do Pobo Galego, institución civil creada para «investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos», que abrira as súas primeiras salas no Mosteiro de San Domingos de Bonaval apenas o ano anterior co apoio dos intelectuais galeguistas do momento e de figuras maiores destacadas como Xaquín Lourenzo e Antón Fraguas. Xurado de Iniciativas Culturais do que formaban parte, entre outras persoas, a escritora María Xosé Queizán e o empresario renancentista e creador de Sargadelos Isaac Díaz Pardo, que salientou o valor da revista Vagalume, dirixida por Xosé Fortes Bouzán, como «primeira publicación lograda destinada á infancia, un mundo con total dereito a recibir mensaxes na súa fala e dispor dun órgano no que se expoña a súa sensibilidade». Toda unha declaración de intencións para unha literatura infantil e xuvenil aínda por nacer.

Outrosí sucedeu no premio ao mellor disco, outorgado por un xurado no que actuaba como secretario o compositor Enrique X. Macías, un dos animadores culturais vigueses máis inquedos daquel tempo, xurado que non conseguiu acadar un consenso e adoptou a decisión salomónica de conceder tres premios ex aequo a expresións musicais moi distintas de entender a tradición: ás cantigas galegas con orquestra dos séculos XIX-XX de María Uriz e aos primeiros discos do grupo de música (vigués) de taberna A Roda e ao grupo de folc Milladoiro, creado pola fusión do cuarteto de gaiteiros Faíscas do Xiabre de Catoira e algúns membros do Grupo Roi Xordo.

Aqueles primeiros Premios da Crítica Galicia de 1978 foron tamén unha certa expresión daquel Vigo revolcado da Transición, moi castigado pola primeira onda da reconversión naval na factoría de Ascón, cuxos obreiros (un cadro de 1.850 persoas) de forma heroica estiveron en folga durante oito meses, dende o 2 de febreiro ao 7 de outubro de 1978, tratando impedir o peche das factorías de Ríos e Meira. X.L. Méndez Ferrín escribiu, ao fío da súa participación naquel xurado, que «nunha inesquecíbel cea celebrada en Samil na que (lembro agora con emoción) nos acompañaba Celso Emilio Ferreiro, un piquete de traballadores de Ascón se dirixiu aos asistentes en petición de solidariedade», que os participantes naquela cea, cuxo cuberto custaba 800 pesetas, exerceron non só aplaudindo aos obreiros, senón tamén coas doazóns entregadas na mesa que mantiñan na porta da sala, entre as que estiveron as 84.000 pesetas polas que foi poxada a estatua de Sargadelos (unha homenaxe ao trobador vigués Martín Codax) do premio compartido da modalidade de «Mellor disco». «Vigo élles así –continúa Ferrín– e os Premios da Crítica Galicia son un produto galego, pero especificamente vigués». Opinión compartida polo profesor Xesús Alonso Montero, membro do primeiro xurado de II.CC., para quen naquel momento de inicio do posfranquismo «Vigo converteuse en cátedra, motor e referente no acontecer cultural galego no sentido máis amplo e dinámico».

Aquela arela común, como escribiu o profesor Modesto Hermida, outro dos animadores culturais daquel tempo, tanto de recuperación da democracia e das liberdades, como de normalización do sector cultural e de recoñecemento da lingua galega en todos os ámbitos da actividade social, educativa e económica, produciuse antes de que existisen as primeiras institucións autonómicas e antes de que se celebrasen as primeiras municipais, o 3 de abril de 1979. Eleccións das que sairía elixido alcalde de Vigo Manuel Soto Ferreiro, apoiado por cinco grupos políticos galeguistas e de esquerda. Un Vigo de 250.000 mil habitantes en aberta crise industrial, xa que tanto o estaleiro de Barreras como a empresa de cerámica de Álvarez de Cabral, controladas in extremis polo estado, reducían mes a mes os seus cadros de persoal; mentres que a factoría de Citroën da Zona Franca tampouco pasaba polo seu mellor momento e a flota viguesa de altura era expulsada dos caladoiros de Terranova e Namibia, o que obrigou ao peche de Casa Mar e Pebsa. Unha cidade con carencias infraestruturais moi severas, nas que non chegaba a auga corrente e o saneamento a unha cuarta parte da súa veciñanza e ao 70% do territorio da súa bisbarra, que contaba apenas cunha pequena biblioteca pública, a Jaime Solá nun baixo da Alameda, e cunha rede aínda moi insuficiente de centros educativos públicos, sobre todo de Bacharelato e FP.

Nese entorno de crise económica, tamén de oportunidade, foi callando en Vigo o proxecto normalizador acuñado polo espírito da arela común. En 1979 agromaron os primeiros proxectos de modernización e profesionalización da edición en lingua galega, liderados por Bieito Ledo, nomeado xerente da editorial Galaxia, e por Xulián Maure Rivas, primeiro director de Edicións Xerais de Galicia, editoras que dende entón converteron a Vigo en capital editorial de Galicia.

No eido do teatro en 1978 creouse a Agrupación de Teatro Galego de Vigo da que formaban parte, entre outros, grupos como A Farándula, Escoitade, Máscara 17, Teatro Popular Galego (máis tarde Artello),  ou Teatro Popular Keyzán, coa intención de procurar a vertebración teatral da cidade, entre a que estaba a organización anual da Mostra de Teatro Galego de Vigo e dunha escola de teatro na cidade, ademais de procurar, entre múltiples dificultades, os primeiros modelos de profesionalización dos seus espectáculos.

No eido da música intensificouse o activismo de Xuventudes Musicais, agrupación de promoción da música culta creada en 1972 da que moito teimou Manuel Álvarez, e apareceron as primeiras tentativas de vivir da canción de músicos vigueses como Bibiano, que publicara o seu primeiro LP, Estamos chegando ao mar en 1976, ou co homónimo de Pilocha (1978). No pub Sachtmo fixéronse as primeiras performances do compositor Enrique Macías e dos pintores Menchu Lamas e Antón Patiño, das que agromarían expresións artísticas moi diversas, dende a música contemporánea do inesquecible compositor de Itinerario de luz ate o grupo que en 1981 se bautizou como Siniestro Total, antes Mari Cruz Soriano y los que afinan su piano, nomes que adoptaron os músicos que sendo alumnos do instituto de Coia (1978), foran El Sexteto del Blues e Coco y el de los Mil Quinientos.

Proceso de anovación que se deu tamén no mundo da artes plásticas, onde a presenza en Vigo de artistas como Laxeiro, alentou que naquelas exposicións da Praza da Princesa, promovidas dende 1976 polo crítico Román Pereiro, sementase o que sería a primeira exposición en Baiona do Grupo Atlántica (1980), que revolucionaría toda a plástica galega de fin de século.

Unha efervescencia cultural viguesa en tempos de crise que contou coa complicidade necesaria dalgúns medios locais, sobre todo de Radio Popular de Vigo, que asumiu un papel inequivocamente galeguizador e aperturista, como  as páxinas de Faro de Vigo, dirixido por Francisco Armesto Faginas, especialmente nas páxinas de Artes e Letras dos domingos, nas que continuaba facendo prodixios as traducións poéticas do mestre Álvaro Cunqueiro, que por certo, gañaría o Premio da Crítica Galicia na súa segunda edición, tras a publicación do sería o seu derradeiro libro de narrativa, Os outros feirantes (1978). Mención á parte merecen as columnas literarias combativas de Dosinda Areses, heterónimo dunha figura da literatura galega, que comezaron a ser publicadas no Pueblo Gallego, até que foi clausurado polo Goberno de UCD (1979), continuadas na Hoja del Lunes de Vigo, semanario dirixido por Gustavo Luca de Tena, editado até 1981 pola Asociación Provincial da Prensa, e máis tarde n’ A Nosa Terra.