Listado de la etiqueta: instituto_de_estudios_vigueses

Beiramar da xente

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á iniciativa de Beiramar da xente:

Non é a primeira nin será a última vez que nestas crónicas propoñamos a actitude do flâneur, inmortalizada por Charles Baudelaire n’ O spleen de París –hai excelente tradución galega de Xela Arias (Laiovento 2021)–, como unha das mellores formas de desvelar os segredos da cidade na que vivimos. Posición que para o filósofo Walter Benjamin inaugura a modernidade na consideración do fenómeno urbano, até entón identificado pola ocupación da praza pública, substituída pola experiencia do paseante que procura o efémero e as marcas do tempo ao longo das rúas, avenidas, bulevares ou peiraos que sofren o impacto do crecemento metropolitano e o desenvolvemento industrial, característicos da cidade moderna. Experiencia para o alemán semellante a da lectora que abre un libro disposta a engaiolarse ou a sorprenderse co relato que se lle ofrece en cada páxina; cidade convertida así en biblioteca onde en cada esquina flúe o misterio e na que en cada paseo pode indagarse nas capas do palimpsesto urbano, unha forma de compartir a memoria e o coñecemento da propia historia. Ollada coa que a veciñanza pode percorrer a súa cidade como exercicio de esculca e gozo activo, máis tamén cunha disposición crítica que vai máis alá do consumo de autofotos da visitante á caza das iconas urbanas para publicalas como reclamo de autopromoción nas súas redes sociais.

Xaora, hai un século que Benjamin alertaba que «saber orientarse na cidade non é moi difícil, mais perderse nela, coma alguén se perde nunha floresta, require instrución». Desa necesaria curiosidade do paseante, desa forma lenta de afrontar a vida  de quen se deixa levar polo engado do relato da súa cidade, desa pulsión de quen pretende coñecer o motivo de cada unha das capas presentes en edificios e fábricas próximos, o que chamamos palimpsesto urbano, agroma a utilidade para a veciñanza de mediacións en forma de itinerarios e paseos guiados que facilitan esa indagación sobre as marcas visibles ou trazos non visibles dunha cidade que é continuo presente. Unha mediación de afán didáctico que no caso da cidade nosa ven facendo dende hai tres décadas o Instituto de Estudios Vigueses, dende as súas máis de duascentas publicacións, dende as conferencias do seu Forum, auténtica enciclopedia aberta sobre a cidade ou sobre os paseos guiados pola ría, polos xardíns e edificacións históricas. Itinerarios que organizan outras iniciativas da sociedade civil, como a recente «Beiramar da xente», promovida por oito asociacións veciñais e culturais viguesas unidas pola defensa do patrimonio industrial da cidade.

Itinerarios seguidos por centos de persoas polo actual barrio da Industria, hai un século coñecido como areal de Coia, onde se instalou entón un auténtico distrito industrial vinculado a conserva, a pesca e a construción naval. Itinerarios arredor do complexo industrial emblemático deseñado por Jacobo Esténs, como a fábrica de La Artística (1919), dedicada á fabricación de latas de conserva, como os Talleres Alonarti (1921), de fabricación de máquinas para a anterior, dous dos maiores fitos da nosa arquitectura industrial, hoxe abandonados, agardando a súa conservación e usos públicos socio-comunitarios. Como é impresionante o itinerario polo polígono industrial da rúa Jacinto Benavente, desenvolvido dende 1952 cando se abriu a avenida Beiramar, onde se instalaron as primeiras industrias que aplicaron a tecnoloxía do frío e marcaron a transición da conserva á pesca de altura. Edificacións, unhas xa desaparecidas, como as de Casa MAR, hoxe auditorio e hotel, outras abandonadas e arruinadas, como as de Pescanova, Pescapuerta ou Molagón, que agardan por novos usos. Sen esquecer o incerto futuro da conserveira Albo, valioso conxunto industrial de inspiración rexionalista, proxectado en 1929 polo arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez, cuxa actividade foi trasladada á Plisan de Salvaterra (2022).

Mención á parte polas súas dimensións merece o itinerario arredor das edificacións de conservas Alfageme, un dos complexos do patrimonio industrial máis notables dos existentes en Galicia. Deseñado en 1929 polo arquitecto Manuel Gómez Román, os seus 13.000 metros cadrados entre a rúa Tomás Alonso e a avenida de Beiramar agardan a súa conservación integral e novos usos, entre os que o colectivo «Beiramar da xente» considera a posibilidade de convertelo nun recinto de eventos musicais e deportivos de formato medio, cun aforo entre o do IFEVI e o do auditorio Mar de Vigo. Proposta que merecería ser estudada, xa que no caso de ser viable sería alternativa á actuación anunciada na carballeira da Barroca, que pon en perigo o derradeiro bosque aluvial da parroquia de Navia. O Vigo industrial da Beiramar ben merece ser paseado coa actitude crítica do flâneur.

Museo de Vigo na Panificadora

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño a creación do Museo de Vigo na Panificadora:

Vigo precisa un museo de historia da cidade. Unha vella reclamación do Instituto de Estudios Vigueses e doutras entidades culturais que dende hai décadas reclaman a creación dun museo municipal que contribúa a conservación do patrimonio histórico e cultural vigués e a memoria dunha cidade portuaria bicentenaria. Un museo de Vigo para o que por ventura podería contarse cunha localización de privilexio dentro do proxecto de recuperación da Panificadora, catedral laica da cidade, situada no corazón do Vigo Vello, a carón do Campo de Granada e do paseo de Afonso, entre o Berbés e o monte do Castro, ambos os dous espazos de orixe da propia cidade. Unha oportunidade extraordinaria, probablemente única, que tras catro décadas de abandono podería transformar as arruinadas edificacións de panificación centenarias, deseñadas polo arquitecto Manuel Gómez Román e os enxeñeiros Otto Werner e Jorge Buchi, nun moderno centro de interpretación dirixido tanto ao desfrute da veciñanza viguesa, con atención preferente a súa utilización educativa por escolares e persoas maiores, como a procurar a atención das visitantes, tanto as que fan noite en Vigo como aqueloutras que fan escala durante unhas horas na Estación Marítima.

Sei que hai quen pensa que ese Museo de Vigo xa existe en Castrelos, desde que o 12 de decembro de 1924 o Marqués de Alcedo cedeu ao concello de Vigo o pazo e parque da súa propiedade para «transformalo en museo de arte rexional». Mais quen teña visitado o Pazo Quiñones de León, aberto en 1935 e xestionado durante catro décadas por Ángel Ilarri Gimeno, comprende axiña o estado precario da extraordinaria colección da sala de Arqueoloxía, inaugurada en 1959 e ampliada a partir das escavacións do Castro de 1970, que precisa de máis espazo e dos recursos da moderna museoloxía dixital para presentar os seus fondos de Prehistoria, Cultura Castrexa e Romanización. Unha sala de arqueoloxía, celme do Vigo castrexo e romano, na que pezas tan senlleiras como o cipo púnico de Toralla ou as estelas e aras romanas da necrópole do Areal descubertas en 1953 non reciben o tratamento que merecen estas iconas viguesas. Como é moi cativo o departamento de historia do Museo de Castrelos, que non ofrece un relato cronolóxico completo da historia viguesa, mesmo de episodios tan destacados como as guerras con Portugal, a batalla de Rande ou da Reconquista, a pesar de conservar pezas emblemáticas como o sabre do Mariscal Soult ou a bandeira das alarmas do Fragoso.

Vigo precisa un museo histórico potente que entre as súas finalidades figure a de recuperar o patrimonio vigués espallado polo mundo en diversos museos. Unha lista de pezas, outras tantas iconas viguesas, onde non pode faltar o tímpano de pedra da igrexa gótica de Santa María de Vigo, hoxe no Museo de Pontevedra; a imaxe de Cristo Salvador da igrexa románica de Santiago de Vigo, hoxe no Museo Arqueolóxico de Madrid; o estandarte e a aguia napoleónica da fragata Atlas, hoxe no Museo Naval de Madrid; o pergameo Vindel coas cantigas musicadas de Martin Codax, hoxe na The Morgan Library de Nova York; o arquivo fotográfico Llanos, hoxe en Ribadavia, entre outras. Museo de Vigo que reunise a decena de grandes arquivos fotográficos vigueses, dende Pacheco a Magar, como o catálogo esencial do monumental Vigo granítico e dos seus arquitectos do século XX, con interese especial ao Patrimonio Arquitectónico Industrial e ao Vigo de vontade metropolitana deseñado polo tranvía (1914-1968). Museo de Vigo que debería ser centro de interpretación do oppidum do Castro e do mito fundacional da Reconquista. Museo de Vigo que é tamén o do seu porto e das súas actividades pesqueiras e industriais, tamén das súas liñas transoceánicas e de visitantes destacados, dende Verne a Einstein, tamén o da súa actividade editorial e o seu asociacionismo empresarial, sindical e social.

A proposta da instalación do Museo de Vigo na renovada Panificadora non obedece só a cuestións de oportunidade, como tamén do deseño ao seu arredor dunha rede de institucións e entidades municipais próximas vinculadas coa investigación e conservación do patrimonio: o Arquivo municipal na Casa do Concello, a Biblioteca Penzol na Casa Galega da Cultura, a Biblioteca Juan Compañel no Casco Vello baixo, o Instituto de Estudios Vigueses no Berbés, a Pinacoteca Francisco Fernández del Riego no Casco Vello alto, o Marco en Príncipe, a Casa das Artes en Policarpo Sanz… Un Museo de Vigo concibido como estratexia de acción cultural compartida e preferente no horizonte de 2050, que liderada polo concello debería implicar ao resto das administracións (Unión Europea, Zona Franca, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia) e ao tecido asociativo e á industria cultural viguesa. Toca remar a todos polo Museo de Vigo.

Ceferino na lembranza

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao primeiro cabodano de Ceferino de Blas:

Lembramos con saudade e gratitude a Ceferino de Blas no seu primeiro cabodano. Tras unha traxectoria xornalística na súa Asturias natal, chegou a Vigo o primeiro de outubro de 1986 para facerse cargo durante apenas seis meses da dirección de Faro de Vigo, tras a súa adquisición pola Editorial Prensa Ibérica. Incorporación do asturiano á mancheta do decano que só nun par de días revolucionou a organización das seccións do xornal, dedicando a páxina 2 a Opinión e a partir da terceira plana a sección local de Vigo. Ceferino expresaba así, xa na súa primeira semana en Vigo, dous compromisos que nunca abandonaría: a prioridade da información de proximidade (centrada en Vigo e no sur de Galicia); e a defensa dunha liña editorial enraizada sobre os criterios de obxectividade, independencia e pluralismo. Andaina inicial do Faro de Ceferino que remataría o 30 de outubro anticipando nas súas páxinas a primeira crise política da Autonomía, a dimisión do Goberno Galego promovida polo vicepresidente Xosé Luis Barreiro Rivas coa intención de derrubar a Xerardo Fernández Albor como presidente da Xunta. Un gran comezo, unha primicia de Javier Sánchez de Dios, comentarista político e delegado en Pontevedra, que expresaba a vontade do Faro dirixido por de Blas de non renunciar a súa influencia en Galicia.

En poucos meses, Ceferino deulle a reviravolta que Faro precisaba nun momento decisivo para o seu futuro, acometendo unha reestruturación do cadro de profesionais, non exenta de tensións laborais, modernizando os criterios informativos do xornal e comezando os procesos de dixitalización tecnolóxica da redacción e rotativa. Anos convulsos e críticos tamén en Vigo, finais da década dos oitenta, os da reconversión, da movida e dos gobernos municipais de Manuel Soto, nos que Ceferino se foi enchoupando do espírito e dinamismo creativo e revolto da nosa abella da ribeira, até identificarse de cheo coa cidade, a implicarse no coñecemento da súa historia e na defensa das súas reivindicacións estratéxicas, sobre todo no referido ás infraestruturas de comunicación, a autovía coa meseta e o tren de alta velocidade, como o recoñecemento da área metropolitana. Sensibilidade que tamén tivo pola conservación do patrimonio arquitectónico en perigo de desaparición, a estación do ferrocarril e o pazo de xustiza da rúa do Príncipe, así como do conxunto do Casco vello. Como foi outro dos logros da súa dirección a creación do Club Faro de Vigo, como foro de opinión e debate, co que o xornal pretendía abrirse e achegar a súa contribución á vida cultural galega. Inaugurado o 6 de maio de 1992, foi dirixido dende o seu inicio e durante máis de dúas décadas pola xornalista Marisa Real, a súa compañeira inseparable coa que compartiu paixón polo xornalismo, o cine e as viaxes…

Dende a  súa xubilación en 2008, namorado da cidade de acollida, Ceferino dedicou os seus azos a pescudar na súa historia a partir da hemeroteca de Faro de Vigo, colección de 170 anos da que foi o seu máis profundo coñecedor. Traballo de erudición viguesa que destilou ao longo de catorce anos nas súas deliciosas columnas dos luns de Faro así como nunha quincena de libros, algúns referenciais como Donde los periódicos son Faros. Historia del Faro de Vigo (2017) ou Vigo, puerta del mundo (2023), o seu libro póstumo, escritos coa precisión do historiador, a vontade de estilo do narrador natural e o espírito divulgador e didáctico do xornalista de estirpe. Bibliografía viguesa á que cómpre engadir outra ducia de importantes artigos publicados en Glaucopis. Boletín del Instituto de Estudios Vigueses, institución na que ingresou como membro numerario en 2013 e na que foi membro moi activo até o seu pasamento. Como tampouco se poden esquecer os seus textos e conferencias como cronista oficial da cidade de Vigo, responsabilidade que asumiu en 2017, tras o seu nomeamento pola alcaldía.

Ademais dos seus logros profesionais como xornalista e do valioso catálogo bibliográfico como historiador, Ceferino deixou un legado que cremos aínda máis valioso, o de ser unha das figuras viguesas máis respectadas e admiradas do seu tempo, fose pola súa elegancia e empatía, pola xenerosidade para felicitar ou pola firmeza e mesura cando cumpría criticar ou reconducir. Razóns que fixeron de Ceferino de Blas un referente cívico e moral da cidade, que pasou a formar parte da historia de Vigo, respectado por todas as forzas políticas e entidades sociais e veciñais. Unha figura transversal que merece ser lembrada por medio da convocatoria anual por parte do concello de Vigo dun premio co seu nome a traballos sobre a historia de Vigo. Sen esquecer que Ceferino debe formar parte canto antes do panteón de vigueses ilustres do cemiterio de Pereiró, comprometido hai meses pola alcaldía.

Vía Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao 150 aniversario do establecemento do Cable Inglés:

O pasado 27 de maio fixéronse cento cincuenta anos da comunicación por cable telegráfico entre Porthcurno (Cornualles) e Vigo. Un fito co que Vigo se estreaba como punto estratéxico das telecomunicacións polo que entraban e saían todas as mensaxes da comunicación telegráfica entre España e o mundo. Un adianto extraordinario provocado polo establecemento en 1873 da empresa Eastern Telegraph Company Ltd (ETC), chamada popularmente o «Cable Inglés», na rúa Real 20, a carón da «Casa da Parra», onde dende o 17 de xullo de 1858 funcionaba o telégrafo eléctrico que comunicaba con Madrid de forma case instantánea. Oficinas do Cable Inglés que dende 1876 a 1884 instaláronse nos baixos da rúa Príncipe 31 –un edificio hoxe en rehabilitación, onde Prosperi e Cándida Otero montaron o seu estudio (Fotografía Pacheco)–, para trasladarse despois e até 1939 ao entrechán das casas de Manuel Bárcena do arquitecto Jenaro de la Fuente. Unha empresa que contribuíu a modernización de Vigo e a afondar no seu afán de querer ser cidade cosmopolita, coincidindo coa chegada do ferrocarril e o inicio do seu desenvolvemento industrial e demográfico, cando se achegaba aos quince mil habitantes.

Pegada estudada por José Ramón Cabanelas, membro do Instituto de Estudios Vigueses, en Vía Vigo. La historia del Cable Inglés y Cable Alemán (IEV, 2013; 2ª edición, 2020), un dos mellores libros publicados sobre a historia de Vigo, tanto pola esculca documental como pola coidada edición textual e gráfica. Título afortunado tirado dun calendario comercial da ETC que en 1883 informaba ao público madrileño do servizo de comunicación telegráfica directa entre España e Gran Bretaña, América, África, Asia e Oceanía, suplicando aos expedidores que tivesen a ben escribir nos mesmos as palabras «VÍA VIGO». Conexión con Porthcurno, entón o maior centro telegráfico do mundo, que os cableiros Minia e Africa alongaron dende o porto de Vigo a Carcavelos e logo a Xibraltar. Comunicación ampliada a partir de 1896, cando comeza a funcionar en Vigo a estación do Cable Alemán (Deutsch Atlantische Telegraphengellschaft), que tende a liña Emden a Vigo, coa intención de enlazar despois con Lisboa, illas dos Azores e New York. Xestionada por persoal do cable británico, abriu en 1905 oficina en Velázquez Moreno 20, a carón da que tiña ETC, ano no que chegaron os primeiros oficiais alemáns, cuxa residencia estivo na rúa Urzaiz 23 e dende finais de 1910 na rúa Pi e Margall 62, décadas despois sede do Colexio Alemán.

Tanto o Cable Inglés como o Cable Alemán fixéronse presentes na vida cotiá, social e cultural do Vigo de comezos do século XX. Cabanelas conta que na fachada do Cable Inglés en Velázquez Moreno colocouse un reloxo electromecánico que cada 60 minutos recibía por cable a hora exacta do meridiano de Greenwich, tendo unha exactitude que non tiña ningún outro na cidade, servindo de referencia para o resto dos reloxos públicos, sendo substituído en 1914 por outro de maior tamaño. Fíxose popular entón en Vigo a frase «levo a hora do Cable». Como lembra Cabanelas que en 1897 o Cable Inglés contaba en Vigo cun cadro de persoal de 23 empregados, todos xoves británicos, formados durante dous anos na escola de Porthcurno, algúns chegados coas súas familias, que serían pioneiros en Vigo de deportes como o rugby, tenis ou tenis de mesa. Como recorda Cabanelas que a primeira residencia de oficiais solteiros da compañía, desde 1873 até 1915, se instalou na rúa Pracer –onde tiña tamén a súa sede a biblioteca e os salóns do Exiles Club, nome do seu club social e deportivo, que mantiñan, independentemente da estación cablegráfica na que estivesen destinados– inaugurándose a nova, coñecida como «La Finca», á que se accedía por unhas escaleiras de pedra situadas na rúa Taboada Leal 46.

Sen esquecer, neste relato do Cable, que os oficiais da ETC  foron os que introduciron o fútbol en Vigo cando no mes de maio de 1873 o Exiles xogou cos mariñeiros da escuadra inglesa nos cadros do Recheo, chamados temén do Malecón, hoxe urbanizados en seis mazás e divididos pola rúa Luis Taboada. Vigo foi un dos primeiros lugares de España onde se comezou a xogar de forma habitual ao «deporte da pelota», como testemuña unha breve referencia aparecida en Faro de Vigo o 7 de decembro de 1880, que cremos é a primeira referencia impresa sobre o fútbol en Vigo. Cadro do Exiles F.C., primeiro club de fútbol vigués, formado por oficiais do ETC, que a partir de 1905 xogará co Vigo Foot-ball Club e co Fortuna Foot-ball Club, orixe do Celta 1923, e mesmo os reforzará nos partidos das primeiras edicións do campionato galego. Lembranza daquel elegante «Vigo british» do Cable, que deixou unha pegada na cidade conservada aínda hoxe na memoria das familias formadas polos oficiais chegados de Porthcurno.

Nadaliñas de luz propia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a algunhas nadaliñas viguesas:

Álvaro Álvarez Blázquez, o editor vigués  de Serigrafía Galega, proxecto que celebramos na exposición «Tintas galegas» (Casa das Artes, 2003), amosoume as nadaliñas deseñadas para a súa empresa por Urbano Lugrís con esta técnica artesanal de estampaxe. Certo é que estes encargos, como as viñetas e portadas que lle pedía Víctor de las Heras para o Anuario de Vigo, ou os anuncios solicitados por Paz Andrade para Pescanova, axudaban ao noso pintor do mar a sobrevivir nos seus derradeiros (e difíciles) anos vigueses. Como tamén certo foi que Lugrís non aforraba o seu talento gráfico e pulso de miniaturista na creación destes nacementos, gaiteiros e outros motivos oceánicos de papel, nos que, se facía falta, completaba coa escrita duns versos natalicios. Ao seu xeito, Lugrís inseríase con este repertorio da artesanía dos agarimos, na tradición de resistencia galeguista de intercambiar os mellores votos do Nadal con versos dalgunha panxoliña da tradición popular, ou noutros casos de corte laico, social e mesmo político, con textos que ao seren destinados ao correo privado non estaban suxeitos aos rigores da censura.

Nadaliñas de luz propia como a que este ano comparte o Instituto de Estudios Vigueses recuperando oportunamente a imaxe da Epifanía do Tímpano da Colexiata do século XV, para o cronista Ceferino de Blas, a nosa primeira nadaliña pétrea e alicerce da tradición natalicia viguesa. Esculpido sobre o primitivo templo románico da igrexa parroquial de Santa María en estilo gótico-tardío (1403), ou «mariñeiro galego», con planta de tres naves, cuberta de madeira e unha soa torre, o baixorrelevo de formato semicircular e de dous metros sesenta de longo está dividido en dúas áreas desiguais, que representan dúas escenas marianas, a máis pequena a da Anunciación e a maior, a Adoración dos Reis Magos. Tras o derrubamento do templo románico en 1813, xa moi deteriorado, salváronse algúns elementos da súa decoración tanto interior como exterior, entre eles este tímpano que coroaba a porta principal e que durante anos estivo decorando unha fonte no xardín da casa de Antonio Mora nas proximidades da Porta do Sol, até que a cedeu en 1897 ao Museo de Pontevedra onde se conserva. Icona viguesa da que en 2017 foi colocada unha copia exacta (en canto as dimensións) labrada na Escola de Canteiros de Pontevedra nunha parede lateral da colexiata.

Nadaliñas viguesas de luz propia como as pinturas murais da igrexa románica de Santa María de Castrelos (1216), ocultas até hai oitenta anos, que representan tamén a Epifanía, e nas que a pesar do seu estado precario poden identificarse as figuras da sagrada familia e dos reis, vestidos ao xeito da época (século XV). Como Nadaliña artística viguesa primeira, probablemente tamén a máis valiosa, é a talla de madeira dourada e policromada, cunhas medidas de 85 cm alto por 81 de largo, pertencente ao retablo do altar maior da igrexa románica de Santa María de Vigo, coñecida como «Adoración dos Pastores», extraordinario altorrelevo de 1681 do escultor redondelán Domingo Martínez, autor tamén dos retablos da colexiata viguesa de 1684 e 1696. Presente na exposición «Vigo no tempo» e conservada no Museo diocesano de Tui, este fragmento do nacemento no portal de Belén, ademais da presenza dos anxos no paraíso, ten as singularidades da representación dunha árbore (quizais unha oliveira) e do protagonismo dos músicos oferentes, entre eles o gaiteiro galego, acompañado da pandeireteira e outros pegureiros, envolvendo a escena así dun clima de celebración popular.

Presenza do gaiteiro nesta singular nadaliña escultórica, oficio e arte do que xa temos noticia en 1566 cando aparece nos libros da colexiata o nome de Joan da Val, con motivo do bautismo do seu fillo, o considerado primeiro gaiteiro vigués. Referencias á importancia dos gaiteiros nosos que se repiten ao longo do século XVII cando eran contratados polas confrarías de mareantes (que tiña dereito de tenteo), alfaiates, carpinteiros ou zapateiros para que tocasen o seu instrumento de gaita e dar tamboril para as catro festas anuais e as súas vésperas, o que debe incluír as de Nadal e Epifanía, como vodas e charangas. Nadaliña musical viguesa actualizada catro séculos despois por Carlos Núñez, o noso primeiro gaiteiro, co seu tradicional concerto de Nadal no teatro García Barbón, seráns que este ano celebrará o 22 e 23 de decembro, nos que estreará os temas da súa marabillosa suite celta creada para Brittany Ferries. Outra nadaliña de luz propia dunha cidade que a pesar da antipática hipérbole do lucerío de millóns de leds non desiste en celebrar o seu nadal tradicional de rondallas e ranchos de Reis e Manueles, o xeito noso de compartir azos, esperanzas e a continuidade da vida. Por un nadal saudoso e que veña mellor 2024!

Vigo no tempo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición «Vigo no tempo», comisariada por Manuel Gago, e da que tiven a honra de ser coordinador local:

Dende a pasada semana e durante dous meses recala en Vigo o proxecto expositivo «Cidades no tempo», comisariado polo profesor Manuel Gago e organizado pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, coa colaboración de Afundación, co obxectivo de reivindicar a cultura urbana como chave da identidade contemporánea de Galicia. Despregado cunha exposición en cada unha das sete principais cidades, foron deseñadas de forma coidadosa coa intención de que cada visitante puidese gozar dunha experiencia singular explorando a complexidade urbana, social e simbólica de cada unha das cidades dende perspectivas diversas: os seus fitos históricos destacados, os seus mitos fundacionais ou seu desenvolvemento urbanístico, económico e cultural. Mostras que conforman cadanseu relato e indagación sobre a súa identidade, dende as orixes até o inicio do século actual, que se vai debullando por medio da interacción cun cento de pezas (obxectos, obras de arte, documentos, planos, mapas, fotografías e publicacións) e da recreación de ambientes, escenografías e textos sonoros e audiovisuais.

Convidado polo comisario Manuel Gago, tiven a oportunidade de participar como coordinador local no equipo que preparou a mostra «Vigo no tempo» (VT) na que coa estrutura, a metodoloxía e os recursos expositivos do proxecto «Cidades no tempo» pretendemos indagar na identidade de Vigo, a primeira cidade de Galicia. E abofé que lonxe da pretensión de ofrecer unha historia de Vigo, o que quedaba fóra das nosas posibilidades e corresponde a un aínda inexistente museo de historia da cidade, resultou unha tarefa apaixonante e moi gratificante identificar algunhas das hélices do ADN dunha cidade que dende hai dous séculos, tras a súa declaración como «cidade leal e valorosa» e a abolición dos privilexios do señorío da mitra compostelá (1811), asumiu unha profunda vontade colectiva de constituírse nunha grande cidade e de ofrecerse como o primeiro motor urbano da Galicia moderna e resume de todas as morfoloxías nas que o noso país pode revelarse. Unha indagación na identidade, porén, que desmonta o prexuízo acuñado por Manuel Murguía de que Vigo carecía de historia de interese, que tanto dano fixo e chegou a callar na sociedade viguesa e na historiografía galega. Unha ollada mudada desde que en 1953 apareceron as estelas romanas do Areal (coas que iniciamos a experiencia expositiva), e moito máis desde que nas tres últimas décadas as achegas historiográficas documentadas polos membros do Instituto de Estudios Vigueses amosaron que a cidade medrou nun territorio intensamente ocupado moito antes de que existise a propia idea de cidade.

Tirando do fío do nobelo da súa capacidade permanente de transformación, que o poeta Ramón González Alegre identificaba como «Vigo nace sempre», a visitante de VT pode seguir a expansión urbana polas pezas senlleiras da planimetría viguesa, dende a primeira imaxe de 1597, o plano de Turriano (que viaxa por vez primeira a Vigo), pasando polo plano dun Vigo fortificado (1667), até a proposta de ordenación portuaria (1919) de Eduardo Cabello; sen menoscabo de coñecer proxectos que nunca chegaron a saír adiante, como o curioso plano de 1810 para facer unha base naval nas illas Cíes. Como pode tirar do fío desoutra transformación constante dos emprendementos industriais, comerciais e portuarios, outras tantas hélices do ADN vigués, interpretadas en óleos presentes na mostra como «Vigo traballa» (1986) de Manuel Moldes, «Recollida de algas no Berbés» (1892) de Juan Martínez Abades ou a «Vista de Vigo» de Urbano Lugrís, un dos murais de cinco metros rescatado do Hotel Moderno.

Na súa proposta, a exposición VT incorpora a tecnoloxía para mergullar ao visitante na indagación a través de instalacións audiovisuais e interactivas. Entre elas son de salientar a experiencia proposta no «Miradoiro», unha gran mesa que permite seguir a evolución de Vigo dende a época romana até a actualidade. Como tampouco debe perder o visitante a experiencia de identificar os «Padróns», as pautas que definen a gramática visual da cidade, nas fotografías de ornatos pétreos, costas e guindastres. Outrosí sucede cos espazos dedicados a presentar a reinvención creativa e musical dos anos 80, A Movida, coincidindo co período da reconversión industrial, e a escoitar seis voces que representan outras tantas memorias da nosa veciñanza, as da escritora Ledicia Costas, a avogada Elvira Landín, a fundadora das Cantadeiras do Berbés Loli Hernández, a fundadora de Alecrín Ana Míguez, o profesor Xosé Henrique Costas e o membro da Asociación Casco Vello Fiz Axeitos. Convido a participar nesta experiencia viguesa, aberta no primeiro andar da sede social de Afundación até o 20 de xaneiro.

Un futuro para o Fraga

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao futuro do cine Fraga:

Entre os aniversarios lembrados en Vigo este 2023, centenario do Club Celta e naufraxio do Hammonia incluídos, non poden faltar tampouco os 75 anos da creación de Refrey en Bouzas e da apertura do Teatro Cine Fraga o 27 de marzo de 1948. Celebrada cunha función de gala ás 11 da noite, aquel sábado de gloria estreouse a película española declarada de interese nacional Botón de ancla, unha produción de Suevia films do cineasta vigués Cesáreo González, dirixida por Ramón Torrado, presente nunha función, acompañado do actor  Miguel Ligero, na que se suplicaba aos espectadores que sen ser obrigado levasen traxe de etiqueta nas localidades de palcos, butacas de palco e de entrechán. Con esa pompa quería celebrar a inauguración da que se presentaba como mellor sala de Galicia, que contaba con 1.758 butacas (máis cas do actual Auditorio Mar de Vigo), o seu propietario e promotor, o emigrante carballiñés Isaac Fraga Penedo, entón o empresario máis importante de exhibición e distribución cinematográfica do noroeste; pioneiro tamén da industria do cine en Galicia, desde que en 1908 regresara da Arxentina e comezara o seu traballo como exhibidor ambulante, que xa contaba en Vigo tamén cos cines García Barbón, Odeón e Tamberlick, onde o 14 de marzo de 1930 proxectara o primeiro filme sonoro de Galicia.

Situado na rúa Uruguai, esquina con Isabel II, ao pé de onde saía o tranvía de Baiona, o edificio do Fraga, trazado polo arquitecto Luis Gutiérrez Soto en 1942, que creara na etapa anterior á guerra civil grandes cines de arquitectura moderna na Gran Vía madrileña, como o Barceló e o Europa, é unha das mostras máis significativas da arquitectura rexionalista viguesa durante a autarquía. Un proxecto ao que non foi alleo a teimosía de Isaac Fraga de crear a sala de cine máis grande e suntuosa de Galicia, na que estivesen presentes referencias da arquitectura compostelá. Unha solicitude que o arquitecto madrileño concretou no deseño dunha fachada de granito de Castrelos con balconada corrida de peitorís de ferro e decoracións neobarrocas de anxos, lazos e sartas de froitas colgando polos laterais, ao xeito das do Hospital Real, e cun ampuloso pórtico de acceso principal de formas rectangulares e frontón partido, así como polas formas renacentistas dunha galería superior de arcos entrelazados, influencia da fachada do Tesouro da catedral, e das poderosas balaustradas da coroación e os pináculos. Unha construción histórica que para Xaime Garrido e Xosé Ramón Iglesias «expresa esa liña de acentos rexionalistas que o arquitecto, por desexo da propiedade, introduce neste emblemático edificio da cidade».

Referente no lecer vigués até o peche o 28 de xuño de 2001 das entón tres salas de proxección, no patio de butacas do Fraga vivíronse horas inesquecibles para varias xeracións viguesas, dende estreas míticas como as de Foise co vento en setembro de 1951 até xornadas históricas como as de Cinegalicia en novembro de 1989 cando se estrearon as tres primeiras longametraxes rodadas en lingua galega no formato de 35 mm: Continental de Xabier Vilaverde, Urxa de Carlos López Piñeiro e Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, toda unha proeza. Como é tamén unha lembranza viguesa as horas vividas en Nova Olimpia, a discoteca que funcionou nos baixos dende maio de 1973 a agosto de 2007, escenario que inaugurou Georgie Dann e pisaron despois Tom Jones, Raphael, Massiel, Cecilia, entre outras figuras da música de finais do franquismo, renacido nos anos da movida da década de 1980.

Despois de dúas décadas das derradeiras funcións cinematográficas no Fraga e da súa adquisición por parte de Caixa Galicia para darlle un uso sociocultural, tras o comezo das obras de remodelación con esa finalidade en 2008, dirixidas polo arquitecto César Portela, interrompidas en 2011, cando xa estaban moi avanzadas, Abanca puxo en venda o edificio en 2013. Dende entón o Fraga está pechado e sen actividade ningunha, recoñecendo o seu propietario que lle procura «unha saída sostible», o que entendemos supón polo momento continuar no ostracismo, un futuro incerto que non merece o que foi un dos espazos culturais máis emblemáticos da cidade. Non é doado aventurar cal pode ser o mellor futuro para o Fraga. Teatro municipal do que Vigo carece? Teatro provincial e sede da Deputación e do propio Museo de Pontevedra en Vigo, algo semellante ao que sucedeu co teatro Colón na Coruña? En todo caso, como propón de forma moi razoable o arquitecto José Antonio Martín-Curty, membro fundador do Instituto de Estudios Vigueses e estudoso dos cines de Vigo, «a recuperación do Fraga é unha obriga cidadá, debendo renacer co mesmo espírito no que foi concibido por Isaac Fraga: cultural». O Fraga debe saír deste esquecemento obrigado e absurdo ao que leva sometido dende hai unha década.

A saca da curva de Puxeiros

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á saca da curva de Puxeiros do 15 de setembro de 1936:

Como é de xustiza, o 27 de agosto lembrouse no cemiterio de Pereiró aos dez executados contra o seus muros tal mañanciña de 1936. Execucións tras a causa 124/1936, pola que foron levados a xuízo sumarísimo os responsables do socialismo vigués, acusados de oporse ao golpe de estado e repartir armas entre a veciñanza: o alcalde de Vigo, Emilio Martínez Garrido; o impresor Enrique Heraclio Botana, responsable da UXT en Vigo durante catro décadas; o mestre Apolinar Torres López, presidente da agrupación socialista e responsable da «Página Pedagógica» de Faro de Vigo; o médico e veterano concelleiro Waldo Gil Santostegui; o concelleiro Ramón González Brunet; o panadeiro e candidato da Frente Popular Ignacio Seoane Fernández, así como Manuel Rey Gómez, delincuente común coñecido como «Vilagarcía». Fusilamentos aos que se engadiron os da causa 140/1936, pola que o 22 de agosto foron xulgados o alcalde de Lavadores, José Antela Conde e os irmáns Antonino e Demetrio Bilbatúa Zubeldía, membros dunha familia socialista fortemente castigada polos sublevados.

Dous consellos de guerra moi rápidos e sen garantías ningunhas, que despois dos máis de corenta mortos na Porta do Sol, tras a lectura o 20 de xullo do bando de guerra polo capitán Carreró, e dos combates nas barricadas de Lavadores, sinalaron o comezo do terror en Vigo e na súa bisbarra. No libro recomendabilísimo, O soño crebado. Da República á Guerra Civil en Vigo e na súa bisbarra (IEV, 2019), o historiador Xoán Carlos Abad, presidente do Instituto de Estudios Vigueses, estima que só no período que coincide coa duración da Guerra Civil en Vigo foron fusilados preto de 100 veciños, 48 en Tui e outro en Nigrán. Vítimas ás que habería que engadir as provocadas, ademais dos coñecidos como «paseos», polas «sacas» criminais de grupos de presos seleccionados que agardaban pola investigación das súas posibles responsabilidades, mais que unha noite serían sacados do cárcere da rúa do Príncipe ou do Frontón de María Berdiales ou das cortes da Garda Civil da rúa Magallanes por un grupo armado composto decote por gardas civís e falanxistas para aparecer ao día seguinte asasinados en lugares afastados.

Para Xoán Carlos Abad, a primeira daquelas «sacas» foi especialmente sinalada, «xa que foi dirixida contra un grupo de reclusos que tiñan unha especial relevancia dentro da cidade». Tratábanse de sete presos sacados sen explicación ningunha do cárcere vigués na madrugada do 15 de setembro de 1936, cuxos corpos baleados na caluga foron atopados de mañanciña na estrada por un grupo de leiteiras de Mos nunha curva inmediata ao cemiterio de Puxeiros. Cadáveres identificados como os do xinecólogo Eugenio Arbones Castellanzuelo, impulsor do Ateneo vigués e deputado socialista nas Cortes constituíntes; do médico Adolfo Morgade Pazos, militante de esquerdas; de Segundo Echegaray García, fillo do primeiro presidente de Tranvías Eléctricos de Vigo, tesoureiro da Federación Galega de Atletismo e considerado masón; do funcionario Luís Bilbatúa Zubeldia, xefe do servizo de Telégrafos, cuxos irmáns Antonino e Demetrio foran fusilados en Pereiró apenas dúas semanas antes; do empresario Inocencio Taboada Montoro, exportador de peixe; do palentino Abraham Muñoz Arconada, funcionario de prisións e socialista e do metalúrxico Marcial Araújo Conde, sindicalista comunista.

A saca da curva de Puxeiros, que coincidiu con varios sinistros «paseos» froito nalgúns casos de vinganzas persoais, quizais polo feito de tratarse de persoas moi coñecidas en Vigo, nalgúns casos con amizades entre os sublevados que impuñan o novo réxime, obrigou a que as autoridades militares xustificasen as sete mortes. E o fixeron, como demostra Xoán Carlos Abad, falsificando un documento no que «atribuían as defuncións ao resultado dun tiroteo sufrido polos vehículos policiais cando estes pasaban pola zona de Cabral, por parte duns descoñecidos, momento que aproveitaron os presos para tentar fuxir; e como lamentablemente non fixeron caso ás ordes de deterse, a forza viuse na obriga de ter que disparar contra eles». Sinistra falacia, que non puido agachar que a nai de Segundo Echegaray, Inocencia García fose sancionada economicamente e axudada en tan difícil transo polo industrial Eugenio Fadrique. Saca de Puxeiros que precedería aqueloutra do 16 de outubro de 1936 de nove persoas, case todas afiliadas ao Sindicato de Industrias Pesqueiras o Espertar de Panxón e ao Sindicato de Mariñeiros de Baiona, vinculados ambos os dous á CNT, sacadas por vinganza dos cárceres de Vigo, cuxos cadáveres apareceron na curva da Bombardeira de Baredo, lembrados de forma subversiva durante o franquismo con nove cruces vermellas gravadas na terra, coñecida agora como «A volta dos nove».

Ilustración Frontón de María Berdiales: Evaristo Pereira. Moitas grazas.

Pinceladas do esquecemento

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición de Elina Molins e Blanca Chao comisariada por José Luís Mateo:

Hai xa doce anos que no Pazo Arias Taboada, a edificación de traza barroca (século XVII) máis antiga do Casco Vello alto, se instalou a Pinacoteca Francisco Fernández del Riego. Ideada como espazo para amosar por medio de exposicións temporais a ampla colección de arte galega do Museo Quiñones de León, na pinacoteca municipal se viñeron ofrecendo exposicións monográficas como as recentes «Francisco Fernández del Riego e a arte galega», comisariada por Beatriz Liz de Cea, e «Pinceladas do esquecemento» sobre as pintoras viguesas de finais do século XIX Elina Molins Fernández (1875-1956) e Blanca Chao Sedano (1871-1948), comisariada por José Luis Mateo. Dúas importantes mostras, froito dun excelente traballo de investigación de cadanseu comisariado, que permite un achegamento novidoso á biografía intelectual de don Paco del Riego e a súa relación coa arte galega, como a recuperación da obra e da memoria de dúas pintoras viguesas pioneiras esquecidas. Traballos expositivos encomiables ambos os dous, tanto pola calidade dos fondos expostos como polo coidadoso enfoque didáctico e atractiva presentación, que contribúen a poñer en valor un museo municipal que a pesar do seu emprazamento céntrico e interesante colección continúa sendo insuficientemente coñecido pola veciñanza e visitantes curiosos.

Particular interese ten a ollada de arcea que José Luis Mateo –membro do Instituto de Estudios Vigueses, incansable esculcador na historia da arte viguesa e na súa dimensión social e comunitaria– deita sobre aquel inquedo Vigo de finais do XIX, ao fío das vidas destas dúas pintoras curmás de familias burguesas viguesas, capaces de mover moitos marcos, cando as mulleres artistas eran invisibles e continuaban excluídas do relato da historia da arte. A exposición de Mateo tira do fío da biografía destas mozas dende o seu período formativo no estranxeiro (Elina en Londres, Blanca en Nova York) en idiomas, música, debuxo e pintura, até a influencia recibida en Madrid dos seus mestres Maximino Peña e o sevillano José García y Ramos e dos pintores relacionadas coas súas familias, os irmáns Serafín e Teodomiro Avendaño e Francisco Pradilla, o director do Museo do Prado, casado coa viguesa Dolores González Villar, todos eles situados na elite da pintura do seu tempo. Un fío que tira tamén do relato da familia Chao Fernández, a dos fundadores de La Oliva, familia de ideais progresistas, xa que Blanca era filla do editor e xornalista Alejandro Chao e de Josefa Sedano, mentres Elina era filla do comerciante Pedro Molins Pascual e de Emma Fernández Chao.

Da vida de Elina Molins tiñamos apenas as noticias achegadas por Gerardo Martín no seu Diccionario de vigueses. 1875-1945 (Deputación de Pontevedra 2016), no que salienta fora premiada na Exposición Rexional de 1896 celebrada en Lugo e doara en 1897 un dos seus cadros, premiado na Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid, como a súa contribución á homenaxe de Vigo a Concepción Arenal. Casada en 1899 co industrial Ramón Menacho Miranda, propietario do chalé La Chicharra de Rande, Elina expuxo os seus cadros en varias ocasións en diversos comercios vigueses, entre outros, na libraría de Eugenio Krapf en Policarpo Sanz 17, ou na tenda de vestiario La Villa de París da Porta do Sol, polos que semella recibiu moitos parabéns. Escasas noticias ás que o comisario engade o artigo da revista Galicia Moderna, editada en Pontevedra no mes de xullo de 1897, na que se publicou un retrato dela e dúas das súas obras, ademais dun texto de Víctor Said Armesto no que gaba a pintora viguesa polo seu «alento varonil». En todo caso, polos datos dispoñibles, foi a de Elina e Blanca unha obra artística que, a pesar do seu grande interese, desenvolveuse dentro do ámbito case privado, nos círculos familiares e amicais vigueses, sen chegar a profesionalizarse, permanecendo inxustamente esquecida.

Igual que outras pintoras galegas da súa época das que se expón algunha peza, como Elvira Santiso, Alejandra Murguía de Castro, Dolores Nine, Elisa Valcárcel ou Emilia Pérez Trigo, Elina e Blanca desenvolveron a súa obra no ámbito da temática doméstica centrándose na pintura de flores, naturezas mortas e algúns retratos familiares ou de animais. Secasí destaca pola súa beleza contida a «Cabeza de aldeá» (1893) de Elina Molins, un retrato en óleo que serve de icona para a exposición, así como o «Patou» (1897) de Blanca Chao, o retrato en óleo dun can en primeiro plano, así como algunha paisaxe e escena de exteriores, como «Nas rochas de Baiona» (Ca. 1900-10), unha augada na que representa unha escena elegante en días de veraneo. Cadros potentes que amosan as dificultades que deberon afrontar estas dúas artistas pioneiras, para as que se reclama sexan incorporadas á historia da arte galega.

 

Da Calzada ao Casco Vello

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación de Da Calzada ao Casco Vello de Vigo (Xerais 2023) de Jorge Lamas:

Coincidindo coa celebración da (estreita) Feira do Libro de Vigo aparece Da Calzada ao Casco Vello de Vigo. Un paseo a pé pola historia e a arquitectura (Xerais 2023), o novo libro do xornalista Jorge Lamas. Tras a publicación de Historias de Vigo (Xerais 2018) e O Vigo que viron os franceses na Reconquista (Instituto de Estudios Vigueses 2021), co pretexto de ofrecer unha guía para coñecer o Vigo histórico que fose máis alá dos límites do «Casco Vello», Lamas ofrece nun cento de páxinas ben documentadas e mellor escritas outra orixinal e moi atractiva historia de Vigo. Un libro concibido para axudar a camiñar e coñecer a cidade propia, e facelo devagariño, coma se por unha xornada fósemos viaxeiros ou turistas dun cruceiro, a actitude curiosa adoptada polo flaneur de Charles Baudelaire, polo home da multitude de Edgar Alan Poe ou polo camiñante urbano de Walter Benjamin,  que fan deste paseo sen rumbo aparente e sen afán mercantil unha nova forma de vida e da cidade que se redescubre como outra comunidade de acollida. Mais tamén é o do historiador Jorge Lamas un texto erudito de referencia onde consultar o dato preciso e a localización exacta, como unha síntese de centos de publicacións anteriores, o que aventuro facilita a súa utilización como recurso didáctico sobre a historia da cidade nas aulas viguesas.

Con ese espírito divulgador e capacidade didáctica, Lamas artella no Vigo histórico, no espazo que vai entre a Calzada, no límite con Teis, e o Casco Vello, tres rutas para percorrer: a primeira polas rúas García Barbón e Policarpo Sanz, que camiña entre camelias e laranxeiras cara a Porta do Sol; a segunda polas rúas Rosalía de Castro e Marqués de Valadares, camiño entre a Metalúrxica e Carral coa presenza permanente da arqueoloxía nuns terreos pouco alterados ao longo do tempo; e a terceira polo Areal e As Avenidas, camiño do primeiro ensanche extra muros iniciado a finais do século XIX para facilitar o desenvolvemento do emprendemento industrial (metalúrxico e conserveiro) e comercial (marítimo)  da que foi conformándose como cidade portuaria e cosmopolita. Tres camiños nos que ao fío da localización das edificacións pétreas, tanto das conservadas como das desaparecidas, seguindo en boa medida os criterios de clasificación e identificación de Vigo. Arquitectura Urbana (Concello de Vigo, 2000), o monumental catálogo de Xaime Garrido e Xosé Ramón Iglesias Veiga, investigadores do Instituto de Estudios Vigueses, aos que Lamas dedicada a obra, vanse desenobelando tamén as historias, os acontecementos e os relatos biográficos dunha cidade, por ventura, cada vez menos esquecediza.

Non se lle pasa desapercibida a Lamas que no espazo escollido está presente o celme do Vigo histórico, tanto pola presenza dos primeiros vestixios (hai 120.000 anos) e dun bosque prehistórico de oito mil anos de antigüidade como pola existencia dun porto de época romana, unha gran salina de evaporación solar (conservada e musealizada), dúas ducias de estelas funerarias e unha factoría de salgadura, que funcionou entre os séculos I ao IV e pode considerarse como a primeira fábrica de Vigo. Sen esquecer que no espazo descrito están localizadas as dúas freguesías históricas, a de Santiago de Vigo e a de Santa María de Vigo, berce daquel Vigo fundado polo poeta Martín Códax, do que se conserva a primeira referencia nun documento de 1097 referido a un preito entre os veciños de Vigo e Canadelo, topónimo aínda conservado (como Roupeiro e Miragaia), así como da presenza novidosa dunha mámoa, que abre unha nova interpretación sobre a cultura megalítica viguesa. Como relevante foi a aparición no Areal do ungüentario bizantino, exposto no Museo do Mar, que amosa as relacións comerciais que dende os séculos VI ou VII mantivo Vigo co Oriente Próximo.

Con todo, a cerna da obra de Lamas radica na explicación do patrimonio arquitectónico deste espazo monumental, onde está presente a diversidade das mellores pezas pétreas viguesas, tanto as de influencia modernista, rexionalista, ecléctica e racionalista (Michel Pacewicz, Manuel Gómez Román, Antonio Palacios, Jenaro de la Fuente, Madariaga, Francisco Castro…) como as máis recentes e de espírito contemporáneo (Xosé Bar Boo ou Desiderio Pernas). Lamas non esquece a arquitectura industrial deste espazo, tamén de emprendemento fabril (A Metalúrxica, A Barxa, A Molinera, Conservas Alonso…), as edificacións culturais ou comunitarias (Casa do Pobo, Teatro García Barbón, Hotel Moderno, Hotel Universal…) como o proceso de constante recheo do bordo marítimo, orixe da Alameda, das Avenidas e das instalacións portuarias e do ferrocarril do Areal. Recomendo vivamente un libro pensado para levar na man e consultar camiñando con espírito de viaxeiro na propia cidade.