Nadaliñas de luz propia
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a algunhas nadaliñas viguesas:
Álvaro Álvarez Blázquez, o editor vigués de Serigrafía Galega, proxecto que celebramos na exposición «Tintas galegas» (Casa das Artes, 2003), amosoume as nadaliñas deseñadas para a súa empresa por Urbano Lugrís con esta técnica artesanal de estampaxe. Certo é que estes encargos, como as viñetas e portadas que lle pedía Víctor de las Heras para o Anuario de Vigo, ou os anuncios solicitados por Paz Andrade para Pescanova, axudaban ao noso pintor do mar a sobrevivir nos seus derradeiros (e difíciles) anos vigueses. Como tamén certo foi que Lugrís non aforraba o seu talento gráfico e pulso de miniaturista na creación destes nacementos, gaiteiros e outros motivos oceánicos de papel, nos que, se facía falta, completaba coa escrita duns versos natalicios. Ao seu xeito, Lugrís inseríase con este repertorio da artesanía dos agarimos, na tradición de resistencia galeguista de intercambiar os mellores votos do Nadal con versos dalgunha panxoliña da tradición popular, ou noutros casos de corte laico, social e mesmo político, con textos que ao seren destinados ao correo privado non estaban suxeitos aos rigores da censura.
Nadaliñas de luz propia como a que este ano comparte o Instituto de Estudios Vigueses recuperando oportunamente a imaxe da Epifanía do Tímpano da Colexiata do século XV, para o cronista Ceferino de Blas, a nosa primeira nadaliña pétrea e alicerce da tradición natalicia viguesa. Esculpido sobre o primitivo templo románico da igrexa parroquial de Santa María en estilo gótico-tardío (1403), ou «mariñeiro galego», con planta de tres naves, cuberta de madeira e unha soa torre, o baixorrelevo de formato semicircular e de dous metros sesenta de longo está dividido en dúas áreas desiguais, que representan dúas escenas marianas, a máis pequena a da Anunciación e a maior, a Adoración dos Reis Magos. Tras o derrubamento do templo románico en 1813, xa moi deteriorado, salváronse algúns elementos da súa decoración tanto interior como exterior, entre eles este tímpano que coroaba a porta principal e que durante anos estivo decorando unha fonte no xardín da casa de Antonio Mora nas proximidades da Porta do Sol, até que a cedeu en 1897 ao Museo de Pontevedra onde se conserva. Icona viguesa da que en 2017 foi colocada unha copia exacta (en canto as dimensións) labrada na Escola de Canteiros de Pontevedra nunha parede lateral da colexiata.
Nadaliñas viguesas de luz propia como as pinturas murais da igrexa románica de Santa María de Castrelos (1216), ocultas até hai oitenta anos, que representan tamén a Epifanía, e nas que a pesar do seu estado precario poden identificarse as figuras da sagrada familia e dos reis, vestidos ao xeito da época (século XV). Como Nadaliña artística viguesa primeira, probablemente tamén a máis valiosa, é a talla de madeira dourada e policromada, cunhas medidas de 85 cm alto por 81 de largo, pertencente ao retablo do altar maior da igrexa románica de Santa María de Vigo, coñecida como «Adoración dos Pastores», extraordinario altorrelevo de 1681 do escultor redondelán Domingo Martínez, autor tamén dos retablos da colexiata viguesa de 1684 e 1696. Presente na exposición «Vigo no tempo» e conservada no Museo diocesano de Tui, este fragmento do nacemento no portal de Belén, ademais da presenza dos anxos no paraíso, ten as singularidades da representación dunha árbore (quizais unha oliveira) e do protagonismo dos músicos oferentes, entre eles o gaiteiro galego, acompañado da pandeireteira e outros pegureiros, envolvendo a escena así dun clima de celebración popular.
Presenza do gaiteiro nesta singular nadaliña escultórica, oficio e arte do que xa temos noticia en 1566 cando aparece nos libros da colexiata o nome de Joan da Val, con motivo do bautismo do seu fillo, o considerado primeiro gaiteiro vigués. Referencias á importancia dos gaiteiros nosos que se repiten ao longo do século XVII cando eran contratados polas confrarías de mareantes (que tiña dereito de tenteo), alfaiates, carpinteiros ou zapateiros para que tocasen o seu instrumento de gaita e dar tamboril para as catro festas anuais e as súas vésperas, o que debe incluír as de Nadal e Epifanía, como vodas e charangas. Nadaliña musical viguesa actualizada catro séculos despois por Carlos Núñez, o noso primeiro gaiteiro, co seu tradicional concerto de Nadal no teatro García Barbón, seráns que este ano celebrará o 22 e 23 de decembro, nos que estreará os temas da súa marabillosa suite celta creada para Brittany Ferries. Outra nadaliña de luz propia dunha cidade que a pesar da antipática hipérbole do lucerío de millóns de leds non desiste en celebrar o seu nadal tradicional de rondallas e ranchos de Reis e Manueles, o xeito noso de compartir azos, esperanzas e a continuidade da vida. Por un nadal saudoso e que veña mellor 2024!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir