Listado de la etiqueta: teatro_garcía_barbón

A mostra do arquitecto Palacios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición sobre o arquitecto Antonio Palacios instalada no Museo do Mar en Alcabre:

No panorama expositivo vigués deste nadal, ademais das mostras pictóricas de Lodeiro na Fundación Laxeiro e de Manuel Quintana Martelo no Marco, destaca a dedicada ao arquitecto Antonio Palacios Ramilo instalada na sala de exposicións temporais do Museo do Mar de Galicia da Xunta de Galicia. Baixo o título «Antonio Palacios. Soños de Modernidade. Compromiso con Galicia», a exposición da que é comisario o profesor de Historia da Arte da USC Jesús Ángel Sánchez García presenta unha escolma razoada da obra do arquitecto porriñés dende a dupla ollada da súa implicación en diferentes frontes de modernización e do seu compromiso coas raíces e as manifestacións culturais de Galicia. Máis de duascentas pezas que sen afán de exhaustividade permiten un percorrido polo amplísimo legado palaciano dende as primeiras obras na súa vila natal (1904), a Fonte do Cristo e as escolas da Fundación Fernández Areal, até as que continuou en Madrid, a cidade onde deixou unha obra máis numerosa e fixou a súa residencia habitual, tamén na que gañou éxitos e recoñecementos polas seus grandes edificios públicos e industriais, como o Palacio de Correos e Telégrafos de Cibeles, o Banco do Río da Prata ou o Círculo de Bellas Artes, e polas obras de infraestrutura comezadas hai un século como as do Metro.

Mostra que, ademais, amosa o vínculo de Palacios coa renovación artística galega e presenta algunhas das súas máis destacadas obras arquitectónicas e proxectos urbanísticos en Galicia (Vigo, Compostela, Ourense, Vilagarcía…), onde sempre mantivo chantado un alicerce dende o seu estudio vigués, quizais a cerna desta excelente exposición, concibida tamén como homenaxe no setenta e cinco aniversario do seu pasamento. Ollada cara á cultura, a arte e ás tradicións construtivas galegas estudada polo profesor José Ramón Iglesias Veiga, o primeiro e máis concienciudo investigador da obra de Palacios, desaparecido hai un ano, que salienta tanto o interese das súas incursións como pintor e ceramista como o compromiso de Palacios coa organización das exposicións de arte galega no Centro Galego de Madrid. Tarefa de divulgación do patrimonio galego e da nosa arquitectura histórica asumida por Palacios nas súas célebres conferencias como as que ditou en Vigo no Círculo Mercantil o 9 de abril de 1930 sobre a casa popular galega, onde foi presentado por Castelao, ou en novembro de 1931, na sociedade La Oliva, sobre as tres igrexas románicas viguesas. Tarefa didáctica asumida tamén nos artigos publicados en Vida Gallega, Faro de Vigo ou El Pueblo Gallego onde con espírito literario presentou as pezas da arqueoloxía megalítica da contorna viguesa.

Na exposición ten relevo de seu a obra de Palacios no Vigo metropolitano, dende as tres grandes pezas viguesas, o Teatro García Barbón (1913-1926), construído co granito branco das canteiras de Castrelos, o edificio da Banca Viñas Aranda (1941) de Marqués de Valadares e o inconcluso mosteiro das Salesas Reais (1941) no barrio da Calzada, até o conxunto das edificacións no Balneario histórico de Mondariz, o Templo Votivo do Mar en Panxón (1932-1937), a escultura monumental da Virxe da Rocha en Baiona (1910-1930), con certo paralelismo á estatua da Liberdade que manda no porto de Nova York, a casa para Sileno (1920) na praia de Lourido, o chalé de Celso Méndez (1932) en Panxón, a Botica nova do Porriño ou a extraordinaria casa do concello do Porriño (1918), aclamada polo poeta Ramón Cabanillas como «unha obra que marcará, por sempre, o comezo do noso rexurdimento artístico».

No entanto, é a extraordinaria Maqueta do plan de Vigo, recuperada en 3D polo CIAG e o alumnado de Fabricación Mecánica do IES Politécnico de Vigo, tras a desaparición hai vinte anos da orixinal en escaiola que acompañou a exposición pública en 1932, a peza central da mostra. Recuperación dunha peza histórica, merecedora de ser conservada no museo da cidade, que concreta as liñas xerais imaxinadas por Palacios ao gusto dos arquitectos de cidades Beaux-Arts para o desenvolvemento urbanístico de Vigo: primeiro en 1908, con motivo da Exposición de Industrias do Mar; despois nas conferencias que ditou en La Oliva en 1919, onde as preexistencias construídas no centro histórico e na ribeira do Berbés apenas tiñan valor; e por último recollidas na zonificación urbana proposta no Proxecto de Ensanche e Reforma Interior da Cidade de Vigo, aprobado pola alcaldía en xaneiro de 1934 e finalmente desbotado en 1937 pola corporación sublevada.

Unha exposición valiosa que reivindica o legado dunha das figuras claves da Galicia da primeira metade do século XX ao tempo que reabre o debate sobre o futuro urbanístico desa cidade metropolitana que quixo ser a Barcelona Atlántica. Visita máis que recomendable ao fermoso museo de Alcabre.

Teatro García Barbón

Dedico o artigo desta semana no Faro de Vigo a lembrar a historia do Teatro García Barbón e reivindicar a recuperación oficial do seu nome:

teatro_garcia_barbonO 23 de abril faranse noventa anos da inauguración do Teatro García Barbón, coa actuación da compañía de Consuelo Hidalgo e Ramón Peña que puxeron en escena a opereta “Madame Pompadour”. Aniversario que lembramos grazas á nota que Xosé María Álvarez Blázquez incluíu en A cidade e os días, ese extraordinario calendario histórico de Vigo publicado en Faro de Vigo, día a día, ao longo do ano 1959 e que o cronista editaría logo en edicións Monterrei (1960). Unha efeméride que para don Xosé María non podía pasar inadvertida tanto pola posibilidade de lembrar que case un século antes, en 1833, Vigo estreara o seu primeiro teatro, aquel da praza da Princesa (daquela da Alfóndiga), propiedade de Norberto Velázquez Moreno, como polo feito de que despois de case dúas décadas concluían os traballos do edificio deseñado e construído polo arquitecto Antonio Palacios no soar da rúa Policarpo Sanz esquina a Reconquista, onde o 8 de febreiro de 1910 ardera o teatro Rosalía de Castro, cando se celebraba un baile de entroido.

Fora o Rosalía de Castro un teatro nacido baixo un signo adverso, que tivo unha vida efémera, apenas unha década de existencia, dende a súa inauguración o 15 de xullo de 1900 até aquel fatídico incendio do martes lardeiro. Proxectado por Alejandro Rodríguez-Sesmero en 1881 e promovido por unha xunta de pequenos accionistas (que concertaron co concello un préstamo de dous millóns de reais), comezou a construírse o ano seguinte (no que se inaugurou o Teatro Circo Tamberlick) sobre uns terreos que o marqués de Valladares cedeu a baixo prezo; mais as obras quedaron paralizadas polas polémicas entre os promotores e pola insuficiencia do capital subscrito. Disolta a sociedade, os irmáns Benito e Francisco Gómez Román fixéronse cargo do edificado e conseguiron inaugurar o teatro co comezo do novo século. Porén, en 1904 os contratistas de obra vigueses vendérono á casa de “Viúva e fillos de Siméon García”, que pretendía transformalo en centro comercial. Diante da polémica cidadá que a posibilidade da perda do novo teatro provocou, o filántropo José García Barbón comprouno, recibindo en compensación a casa comercial a oferta de compra dun soar municipal na Porta do Sol, onde construirán o actual edificio Simeón.

Tras o incendio do Rosalía de Castro e desaparecido José García Barbón en 1909, foron as súas sobriñas as que encargaron os planos a Antonio Palacios, seguindo os desexos do verinés de que Vigo contase cun gran teatro. O arquitecto porriñés deseña en 1913 un edificio monumental que ocupa toda a mazá, concibido inicialmente como teatro  e cinematógrafo, ao que incorporou a posibilidade de acoller a sede do casino local. Palacios conseguiu unha das edificacións pétreas máis espectaculares e recoñecibles do Vigo do século XX, tanto polo tratamento curvo da fachada principal, executada en granito de Castrelos, como pola gran ventá de sete metros de ancho da fachada posterior, que permitía iluminar directamente o escenario. Unha edificación polivalente na que se diferencian os usos de teatro con acceso por Policarpo Sanz e de cine (bautizado como Rosalía de Castro e inaugurado o 31 de decembro de 1926 coa proxección da película “Mare Nostrum”) pola rúa Marqués de Valladares.

Adquirido pola Caixa de Aforros Municipal de Vigo, o García Barbón foi rehabilitado entre os anos 1982 e 1984 polo arquitecto Desiderio Pernas para transformalo en centro cultural. Un proxecto, tampouco exento de certa polémica, que conservou a esencia do edificio máis que cegou a fachada posterior e modificou o remate do edificio cunha cuberta de cobre onde se instalou unha biblioteca. Modificacións as que Pernas engadiu as coñecidas esculturas dos cabalos de Juan Oliveira (nos machóns ideados por Palacios) e as seis alegorías das artes de Manuel García Buciños, fermosas iconas do edificio actual.

Dende entón, o edificio perdeu tamén o seu nome orixinario, mudándose en varias ocasións ao fío das obrigadas mudanzas daquel do seu propietario, sendo na actualidade Teatro Afundación Vigo. Xaora, despois de máis de tres décadas, a maior parte dos vigueses e viguesas continúan coñecendo o teatro como o “García Barbón” e o auditorio como o “Rosalía de Castro”, nome do cine (de arte e ensaio) e da cafetaría da rúa Marqués de Valladares que algúns coñeceron. Nomes, transmitidos de xeración a xeración, que como microtopónimos urbanos se configuran como un patrimonio colectivo que debera ser recoñecido. Teatro García Barbón Afundación e Auditorio Rosalía de Castro Afundación poderían ser denominacións máis acaídas para unha das iconas viguesa do noso tempo.

Guardar

Guardar

Guardar

Teatro García Barbón

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño que o edificio do Centro Cultural da caixa de aforros recupere os seus nomes tradicionais.

Teatro_García_BarbónVigo contou cun gran teatro en 1832. Foi o que na praza da Princesa, extramuros, inaugurou o rico comerciante Norberto Velázquez Moreno. Aquel Teatro de Vigo, gabado por Nicolás Taboada Leal como o mellor da Galicia do seu tempo, funcionou na Porta do Sol durante case medio século, até que en 1882 abriu outro máis amplo e moderno, o Circo-teatro Tamberlick. Este segundo teatro vigués, concibido polo mestre de obras Sesmero como un espazo polivalente, serviu na rúa do Circo (hoxe Eduardo Iglesias), durante case un século, como teatro, circo, primeiro cine vigués e foro político, onde Pablo Iglesias, o ferrolán fundador do PSOE, pronunciou o 6 de xaneiro de 1900 un extraordinario discurso de hora e media de duración. O terceiro dos teatros vigueses foi o Rosalía de Castro, cuxos nomes de proxecto, segundo Jaime Garrido Rodríguez, foran “Romea” e “Cervantes”, situado entre as rúas Policarpo Sanz, Reconquista, Marqués de Valladares e Rosalía de Castro (hoxe Darío Álvarez Blázquez). Un gran teatro decimonónico de estilo italiano, cuxo modelo era a Scala de Milán, inaugurado o 15 de xullo de 1900, tras quince anos de obras, que tivo vida efémera, xa que foi destruído por un incendio o 8 de febreiro de 1910, cando alí se celebraba un baile de entroido.

Sobre as cinzas do teatro Rosalía de Castro as herdeiras do filántropo verinés José García Barbón encargaron a Antonio Palacios a construción dun gran teatro ao servizo de Vigo. Un proxecto ambicioso que o arquitecto porriñés expuxo á cidadanía viguesa hai un século, un edificio monumental con funcións de teatro, casino e cine que tras máis dunha década de traballos sería inaugurado en 1927 como teatro García Barbón. Dende entón, o gran teatro de Palacios foi considerado como unha das iconas vigueses, fachenda arquitectónica do pulo dunha cidade laboriosa e cosmopolita. Albergaba os salóns do elitista Casino, un gran teatro con acceso dende a rúa Policarpo Sanz e do cinematógrafo Rosalía de Castro (bautizado xa así na súa inauguración) con acceso dende Marqués de Valladares. Cinema coqueto, ao que despois se engadiría un restaurante e cafetaría, que durante os anos setenta funcionaría como sala viguesa de Arte e Ensaio, onde vimos películas inesquecibles e inentendibles como aquela búlgara “Corno de cabra” en cartel durante moitas semanas.

Adquirido por Caixavigo para transformalo en centro cultural, o García Barbón foi rehabilitado, baleirado na súa totalidade, entre os anos 1982 e 1984, polo arquitecto Desiderio Pernas. Unha rehabilitación non exenta de polémica, xa que foi modificada a fachada orixinal de Palacios da rúa Marqués de Valladares, ademais de cubrirse a terraza cunha cuberta de cobre baixo a que se instalou unha biblioteca. A esa reforma de Pernas pertencen as magníficas esculturas dos cabalos de bronce de Xoán Oliveira e as cinco pezas alegóricas de Manuel García Buciños da fachada principal.

Tras esta rehabilitación o edificio foi rebautizado como Centro Cultural Caixavigo e, máis tarde, seguindo o proceso de fusións da entidade prropietaria, como C.C. Caixanova e C.C. Novacaixagalicia. Xaora, a pesar da teimosa insistencia dos responsables da caixa de aforros de erradicar os nomes de García Barbón e Rosalía de Castro de edificio tan emblemático, a memoria popular viguesa, sempre tan sabia e prudente, continuou utilizándoos. Hoxe, cando Vigo perdeu para sempre a caixa de aforros e tamén a sede da fundación Novacaixagalicia (unha decisión da Xunta de Galicia que Núñez Feijoo debe explicar con detalle), e antes de asistir a un novo bautizo do edificio, semella moito máis razoable recuperar as denominacións históricas e populares para o que continúa sendo o primeiro teatro de Vigo: “Teatro García Barbón” e “Auditorio Rosalía de Castro”; ás que atrevo propoñer se engadan as de “Biblioteca Plácido Castro”, en lembranza do grande tradutor, e “Sala de Arte Urbano Lugrís”, en memoria do que foi o pintor primeiro da cidadeatlántica. Este exercicio de restitución da memoria cultural viguesa debería estenderse ao edificio onde a caixa de aforros instalaou o seu Centro Social na rúa Policarpo Sanz, que debería recuperar o seu nome popular de “Casa Bárcena”.

Na nova etapa que abre a fundación Novacaixagalicia, bautizada como A Fundación, un proceso do que moi pouco sabemos os cidadáns galegos, é imprescindible que os sinais de identidade vigueses sexan respectados. Os propietarios de Abanca, como tamén os responsables de A Fundación, onde van ter un importante peso decisorio, non poden esquecer que o Teatro García Barbón, o Auditorio Rosalía de Castro e o Centro Social Casa Bárcena (e a súa colección de arte galega, a primeira e máis importante do patrimonio de noso) forman parte esencial do ser de Vigo e da súa área metropolitana.