Teatro García Barbón

Dedico o artigo desta semana no Faro de Vigo a lembrar a historia do Teatro García Barbón e reivindicar a recuperación oficial do seu nome:

teatro_garcia_barbonO 23 de abril faranse noventa anos da inauguración do Teatro García Barbón, coa actuación da compañía de Consuelo Hidalgo e Ramón Peña que puxeron en escena a opereta “Madame Pompadour”. Aniversario que lembramos grazas á nota que Xosé María Álvarez Blázquez incluíu en A cidade e os días, ese extraordinario calendario histórico de Vigo publicado en Faro de Vigo, día a día, ao longo do ano 1959 e que o cronista editaría logo en edicións Monterrei (1960). Unha efeméride que para don Xosé María non podía pasar inadvertida tanto pola posibilidade de lembrar que case un século antes, en 1833, Vigo estreara o seu primeiro teatro, aquel da praza da Princesa (daquela da Alfóndiga), propiedade de Norberto Velázquez Moreno, como polo feito de que despois de case dúas décadas concluían os traballos do edificio deseñado e construído polo arquitecto Antonio Palacios no soar da rúa Policarpo Sanz esquina a Reconquista, onde o 8 de febreiro de 1910 ardera o teatro Rosalía de Castro, cando se celebraba un baile de entroido.

Fora o Rosalía de Castro un teatro nacido baixo un signo adverso, que tivo unha vida efémera, apenas unha década de existencia, dende a súa inauguración o 15 de xullo de 1900 até aquel fatídico incendio do martes lardeiro. Proxectado por Alejandro Rodríguez-Sesmero en 1881 e promovido por unha xunta de pequenos accionistas (que concertaron co concello un préstamo de dous millóns de reais), comezou a construírse o ano seguinte (no que se inaugurou o Teatro Circo Tamberlick) sobre uns terreos que o marqués de Valladares cedeu a baixo prezo; mais as obras quedaron paralizadas polas polémicas entre os promotores e pola insuficiencia do capital subscrito. Disolta a sociedade, os irmáns Benito e Francisco Gómez Román fixéronse cargo do edificado e conseguiron inaugurar o teatro co comezo do novo século. Porén, en 1904 os contratistas de obra vigueses vendérono á casa de “Viúva e fillos de Siméon García”, que pretendía transformalo en centro comercial. Diante da polémica cidadá que a posibilidade da perda do novo teatro provocou, o filántropo José García Barbón comprouno, recibindo en compensación a casa comercial a oferta de compra dun soar municipal na Porta do Sol, onde construirán o actual edificio Simeón.

Tras o incendio do Rosalía de Castro e desaparecido José García Barbón en 1909, foron as súas sobriñas as que encargaron os planos a Antonio Palacios, seguindo os desexos do verinés de que Vigo contase cun gran teatro. O arquitecto porriñés deseña en 1913 un edificio monumental que ocupa toda a mazá, concibido inicialmente como teatro  e cinematógrafo, ao que incorporou a posibilidade de acoller a sede do casino local. Palacios conseguiu unha das edificacións pétreas máis espectaculares e recoñecibles do Vigo do século XX, tanto polo tratamento curvo da fachada principal, executada en granito de Castrelos, como pola gran ventá de sete metros de ancho da fachada posterior, que permitía iluminar directamente o escenario. Unha edificación polivalente na que se diferencian os usos de teatro con acceso por Policarpo Sanz e de cine (bautizado como Rosalía de Castro e inaugurado o 31 de decembro de 1926 coa proxección da película “Mare Nostrum”) pola rúa Marqués de Valladares.

Adquirido pola Caixa de Aforros Municipal de Vigo, o García Barbón foi rehabilitado entre os anos 1982 e 1984 polo arquitecto Desiderio Pernas para transformalo en centro cultural. Un proxecto, tampouco exento de certa polémica, que conservou a esencia do edificio máis que cegou a fachada posterior e modificou o remate do edificio cunha cuberta de cobre onde se instalou unha biblioteca. Modificacións as que Pernas engadiu as coñecidas esculturas dos cabalos de Juan Oliveira (nos machóns ideados por Palacios) e as seis alegorías das artes de Manuel García Buciños, fermosas iconas do edificio actual.

Dende entón, o edificio perdeu tamén o seu nome orixinario, mudándose en varias ocasións ao fío das obrigadas mudanzas daquel do seu propietario, sendo na actualidade Teatro Afundación Vigo. Xaora, despois de máis de tres décadas, a maior parte dos vigueses e viguesas continúan coñecendo o teatro como o “García Barbón” e o auditorio como o “Rosalía de Castro”, nome do cine (de arte e ensaio) e da cafetaría da rúa Marqués de Valladares que algúns coñeceron. Nomes, transmitidos de xeración a xeración, que como microtopónimos urbanos se configuran como un patrimonio colectivo que debera ser recoñecido. Teatro García Barbón Afundación e Auditorio Rosalía de Castro Afundación poderían ser denominacións máis acaídas para unha das iconas viguesa do noso tempo.

Guardar

Guardar

Guardar

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *