Artigos

Compañeiro Alcalde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a homenaxear ao meu benquerido Manuel Soto Fereiro:

A derradeira conversa que mantiven con Manuel Soto foi hai menos dun mes por WhatsApp con motivo da proposta que fixen de compartir un cocido para celebrar o San Martiño e o tempo de castañas, apenas un pretexto da rolda de amizades do Parladoiro para compartir ansias viguesas e entoar en irmandade unhas poucas cancións nosas. Manolo, sempre solícito, contestou o primeiro: «Agardo que poidades contar comigo». Sei, non desvelo ningún segredo, que todos entendimos o que expresaba a súa lacónica mensaxe de quen sempre foi un dos animadores máis entusiastas deste xuntoiro tan diverso e entrañable, un espazo transversal de conversa sobre os afáns de Vigo, a cidade que Manolo Soto amaba e coñecía como moi poucos, á que lle dedicou os seus mellores anos con todos os seus azos.

Con Soto nunca fun obxectivo porque rendeume a súa capacidade extraordinaria para o diálogo, concibido como a conversa sen límites na que é posible chegar a un acordo. Amosóunolo naquelas noites inesquecibles de negociación entre o seu partido e as formacións nacionalistas (PSG-EG e BNG), que supuxo a súa saída da alcaldía, para que fose ocupada polo seu compañeiro, Carlos G. Príncipe. Días nos que Soto nunca perdeu o fío principal da conversa e destilou o seu mellor humor retranqueiro e no que seguimos a súa receita cando se «atascaban» os acordos «tomar unha peza de froita, que iso osixena o cerebro». Como admirei sempre a súa afouteza e intelixencia política para poñer por diante os intereses xerais da veciñanza dos seus propios, como o respecto polos adversarios políticos, actitudes e valores que hoxe cotizan moi alto.

Xaora, máis alá do seu legado afectivo en milleiro de persoas coas que amizou, Soto deixou no seu afán de «Por un Vigo millor» os alicerces da modernización do Vigo de entre séculos, unha tarefa rexeneradora, probablemente pouco «vistosa», tanto do tecido e da cultura democrática como das infraestruturas básicas da cidade central e do seu periurbano. Un listado de actuacións que van dende completar a rede de traída e saneamento de auga en todas as parroquias viguesas, unha conquista histórica das que non se ven, até ampliar a rede de vitrasa, recollida de lixo ou de centros de educación pública. Sen esquecer o derrube do Scalestrick da rúa Lepanto, a aprobación do primeiro planeamento urbanístico democrático e dun plan pioneiro de edificios a conservar, que puxo freo á desfeita do noso patrimonio durante as alcaldías nefastas de Portanet e Ramilo.

Soto viviu días moi difíciles na alcaldía do Campo de Granada. Nos primeiros días de goberno, contóunolo en varias ocasións, na caixa do concello non había nin un peso para pagar o gasoil dos camións do lixo ou a outros provedores, unha quebra que o fixo tolear durante uns meses. Soto encabezou o pronunciamento en defensa da democracia daquela primeira corporación democrática pechada na casa do concello a noite do 23 de febreiro (1981), como lidou nos anos heroicos da reconversión do sector naval, promovida polo seu propio partido, ou da reforma do estadio municipal de Balaídos, a da construción da Grada de Río Alto, para poder celebrar alí o Mundial 82.

Foi tamén Soto, o noso primeiro alcalde galeguista, defensor afervoado e intelixente da lingua e cultura galegas, promotor da modélica Ordenanza de Normalización Lingüística (1988), que puxo a Vigo como modelo de galeguidade. Como tamén o foi polo seu compromiso pioneiro pola igualdade, abriu a primeira Casa de Acollida para mulleres maltratadas, e coa proxección internacional de Vigo como cidade portuaria atlántica, irmandada coa cidade bretoa de Lorient. Comprometeuse co proxecto de Vigo como cidade líder da cultura en todas as súas expresións, dende a moda e o deseño, pasando pola música (Festival do Mundo Celta, concerto de Madonna, obradoiro de instrumentos populares na que bautizou como Universidade Popular, hoxe EMAO), até as artes plásticas, onde deixou un legado escultórico extraordinario no espazo público, que conformou a identidade do Vigo contemporáneo: os redeiros de Conde na Gran Vía, o Sireno de Leiro na Porta do Sol, os cabalos de Oliveira na Praza de España e a Porta do Atlántico de Silverio Rivas nas Travesas.

E fíxoo todo sen contar con maioría absoluta en ningún dos seus tres mandatos, gobernando en coalición, o que non lle foi doado, fose con Leri ou con Arca ou asumindo no último un pacto orzamentario co PSG-EG, abrindo por vez primeira o modelo de acordo entre os progresistas galegos. Lembraremos a Manolo pola súa proximidade contaxiosa, por ser o compañeiro Soto, pola súa lealdade e compromiso coa veciñanza máis humilde, polo seu idealismo e agarimo, ese optimismo da vontade que contaxiou até o derradeiro dos seus días. Que a terra che sexa leve, Manolo, o noso compañeiro alcalde!

Onte 2047: «Vigo, puro milagre», presentación na EMAO

Comparto algunhas fotos da presentación de Vigo, puro milagre o pasado venres na EMAO. A miña gratitude a Rafael Ojea, Fran Alonso e ao cento de amizades que me arrouparon co seu afecto e co seu tempo nunha xornada para min inesquecible. Beizón.

A exposición da EMAO

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a exposición 130 anos de Vigo e a Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) de Vigo:

A exposición sobre os 130 na historia de Vigo da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) é un dos acontecementos máis relevantes dos últimos anos para a consolidación da fraca memoria da cidade. Velaí o acordo do concello de Vigo de prorrogala até o 4 de outubro (agosto pechado) para facer posible que novos visitantes se unan aos varios milleiros que visitaron a sala de exposicións da EMAO no edificio deseñado polo arquitecto Michel Pacewicz. Comisariada polo historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses (IEV) José Luis Mateo Álvarez e Rafael Ojea Pérez, actual director da EMAO, contando coa colaboración de Mª Jesús Cuesta de Pedro, técnica da Biblioteca Pública García Barbón, esta exposición centrada máis en obxectos ca en textos permite coñecer o bulir desta institución educativa dende a súa creación en 1886 na rúa do Circo como centro cultural obreiro de Vigo, pasando polo seu esplendor no primeiro terzo do século XX, até o seu renacer actual, amosando ao tempo a súa contribución decisiva ao desenvolvemento urbano, arquitectónico, industrial e cultural de Vigo.

A Escola de Artes e Oficios (EAO) foi unha institución educativa pública e gratuíta xenuinamente viguesa sen a que non poderiamos entender o Vigo do século vinte xa que alí se formaron como profesionais milleiros de vigueses e viguesas. Como salientou a historiadora da educación e membro do IEV a doutora María Dolores Durán Rodríguez, na súa maxistral conferencia do pasado 4 de xullo, a EMAO constituíu un dos axentes de modernización principais da sociedade de Vigo e comarca. Unha modernización que formaba parte do proxecto dos seus promotores, como Eduardo Chao, Eugenio Montero Ríos, Augusto Bárcena ou Manuel Diego Santos, todos eles influenciados polos principios da Institución Libre de Ensinanza (ILE), que no emerxer do proceso de industrialización pretendía de forma sistemática e organizada a formación cultural e profesional das clases traballadoras. Proxecto que compartían Fernando García Arenal, o fillo da excepcional Concepción Arenal, un dos primeiros directores da EAO, como tamén o filántropo José García Barbón, que en 1900 doou á cidade os dous edificios do centro, onde se crearon tamén a primeira Biblioteca Pública de Vigo e o Laboratorio Municipal e Hixiene de Vigo (1900-1931), que ademais das actividades da escola acolleron outras institucións educativas como a Escola de Náutica (1915-1925), a Escola Pericial de Comercio (1920-1934) ou o primeiro instituto de segunda ensinanza (1937-1939).

Particular interese ten nunha exposición moi coidada nos detalles a achega que o alumnado, profesorado ou os benfeitores da escola fixeron a consolidación do celme de Vigo como cidade industrial e obreira. Pola EAO pasaron boa parte dos emprendedores da construción naval viguesa como Antonio Sanjurjo de La Industriosa (que convocaba un premio para o alumnado da EAO), Enrique Lorenzo de Vulcano ou Francisco Cardama Godoy, que pasou da carpintaría de ribeira a montar un dos estaleiros vigueses de referencia. Mais tamén na industria do vidro, como é o caso de José Cameselle Rial fundador de Cristalería La Belga, o inesquecible establecemento dos espellos cóncavo e convexo de Marqués de Valladares. Como tamén contribuíu ao desenvolvemento do sector das artes gráficas, fose como auxiliar do conserveiro, velaí os casos de Eugenio Fadrique de La Artística e Antonio Alonso de La Metalúrgica, como de impresores de tipos móbiles como José Cao Moure (PPKO), tamén editor e libreiro, Juan Noia Gil, fundador de Gráficas Numen ou da Litografía Espinosa.

A EAO tivo un papel extraordinario no desenvolvemento artístico da cidade, grazas a figuras case renacentistas como Jesús Miramontes Durán (cuxa biografía merecería un tratamento de seu) ou dunha longa nómina de artistas de disciplinas diversas, dende Reveriano Soutullo (músico), Camilo Nogueira (escultor), Laxeiro (pintor), Cesáreo González (creador de Suevia films), Xohán Carballeira (xornalista) a José Rodríguez Vilar (o cartelista do cine Fraga)… Como mención á parte merecería a contribución da EAO na formación da muller, unha das finalidades da doazón de García Barbón, xa que polas súas aulas pasaron moitas das nosas avoas que cursaron estudos de mecanografía, corte e confección, debuxo, música ou idiomas. Ámbito que merecería unha nova exposición, como o caso extraordinario da pianista e activista Urania Mella, a fundadora de feminismo vigués, a quen con toda xustiza se homenaxea na mostra.

Nesta modélica exposición da EMAO atopamos o xerme do que podería ser unha das salas do século XX dese museo da cidade que Vigo tanto necesita. Recomendo acudan a unha mostra fonte de moitas memorias compartidas. Parabéns a EMAO por tan magnífica iniciativa!

Porvir para a EMAO

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo ao porvir da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo:

A reclamación do alumnado da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) de que non sexa suprimida a praza de profesor da especialidade de «Construción Artesanal de Instrumentos Musicais (CAIN): Luthería Antiga» interroga aos responsables do concello sobre o futuro da que é a máis antiga institución educativa pública viguesa. Un conflito aberto tras a xubilación de Ramón Casal «Boiro», mestre desta especialidade e responsable dun obradoiro extraordinario onde nas tres últimas décadas se teñen construído (ou reconstruído) de forma paciente e utilizando un procedemento artesán arpas, laúdes e violas de gamba, ao tempo que formado a varias xeracións de luthiers, que hoxe traballan por toda España.

A especialidade de Luthería Antiga, como as de construción de gaita, zanfona, pito e requinta, converteuse nun dos sinais de identidade da EMAO tanto pola súa singularidade (estas ensinanzas son impartidas só en Vigo e na Escuela Vasca de Luthería de Bilbao) como pola calidade dos instrumentos de música antiga saídos do seu obradoiro. Unha tradición acuñada en Vigo polo inesquecible mestre Antón Corral, gaiteiro e mestre de gaiteiros, que en 1983 se trasladou a Vigo e, sendo alcalde Manuel Soto, fundou o grupo de instrumentos musicais populares galegos da entón denominada como «Universidade Popular de Vigo».

A supresión da vacante do profesor de Luthería, que non aparece no orzamento municipal de 2019, alerta sobre a situación de provisionalidade da maior parte do profesorado da EMAO, que atende cada curso a 750 alumnos e alumnas de trece especialidades, dende as xa citadas de construción de instrumentos musicais, ás artísticas de pintura, debuxo artístico, talla e escultura en madeira, ourivaría, artesanía en coiro, deseño e encaixe de palillos, moda e confección, cerámica artística, encadernación e serigrafía. Ensinanzas de carácter non regrado que proporciona ao profesorado a posibilidade de axeitarse ás necesidades formativas dun alumnado moi diverso (maior de 16 anos), que nalgúns caso as comparte cos seus estudos universitarios ou con outras actividades profesionais.

Un espírito de escola-obradoiro xenuíno, herdado nunha tradición centenaria, que fan da EMAO, como da súa irmá a Escola Municipal de Música Folk e Tradicional (ETRAD), dous casos únicos na educación en Galicia, dous modelos admirados (internacionalmente) tanto polo seu carácter innovador da educación musical e artística como pola súa capacidade de integración nunha concepción global que supera con moito o espazo das propias aulas.

A actual EMAO mantén o espírito daqueloutra Escola de Artes e Oficios creada o 26 de setembro de 1886 na rúa do Circo 3, promovida pola sociedade de socorros mutuos La Cooperativa da que era presidente honorario Eduardo Chao coa intención inequivocamente rexeneracionista de contribuír á formación técnica dos obreiros e ao perfeccionamento dos oficios artesanais. Escola que adquiriu carácter municipal e público en 1888 e que a partir de 1900 se instalaría na súa ubicación actual, no edificio construído polo arquitecto Michel Pacewicz, encargado polo filántropo e emprendedor José García Barbón, que o doou á cidade, xunto a unha biblioteca de cinco mil volumes, coa intención benéfica de contribuír «á ensinanza técnica do obreiro e da muller» e coa condición de que as ensinanzas fosen gratuítas.

Dende entón, A Escola de Artes e Oficios foi unha das institucións educativas viguesas máis valoradas, xa que na súa concepción práctica, aínda que sexista, unía á formación profesional dos homes á artística das mulleres. Escola de Artes e Oficios esencial para o desenvolvemento do Vigo contemporáneo que no seu inicio compartiu instalacións con outras dúas escolas profesionais, a Escola Municipal Elemental de Artes e Industrias e a Escola Superior de Industrias, das que en 1923 naceu a Escola Elemental do Traballo, destinada a formación dos primeiros técnicos da industria naval e conserveira.

Tras 132 anos de traxectoria, esta institución cen por cen viguesa necesita dun novo pulo. Un porvir que pasa pola consolidación do seu exitoso modelo de ensinanzas artísticas e musicais municipais como tamén pola apertura á cidadanía dos seus espazos expositivos e da súa extraordinaria biblioteca (hoxe a mais antiga da cidade), onde se conserva unha das coleccións bibliográficas e hemerográficas máis valiosas sobre a historia viguesa. A EMAO precisa do agarimo e dos coidados dunha institución centenaria, que conserva a memoria e a identidade desta cidade de obreiros e artesáns. Potenciemos a EMAO como institución municipal educativa centenaria e innovadora, potenciemos a súa biblioteca como espazo de encontro da memoria da cidade e da súa proxección cara ao futuro.

Onte 956: «O Gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha»

XG001541_o_gabinete_das_marabillas_CUB.inddMemorable foi a presentación de onte na Hemeroteca da Escola de Artes e Oficios de Vigo d’ O gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte, o libro de Irene e Rodrigo Pérez Pintos. Cento e moitas persoas seguiron as intervencións de Pablo Carrera, Pilar Barreiro e os autores sobre un libro tan singular na edición galega coma fermoso e atractivo.

Pablo Carrera disertou sobre os gabinetes de curiosidades e o papel do coleccionismo privado de láminas, gravados, bestiarios, obxectos exóticos e raros, marabillas que derón pé ao asombro da xente, sendo en moitos casos a orixe dalgúns dos grandes museos do século XX. Pilar Barreiro relatou con moito pulo narrativo como atopou información sobre Arxentino da Rocha, o protagonista do libro, cando na súa viaxe a Iquitos no Perú procuraba datos sobre a estancia alí do seu avó emigrante Wenceslao Barreiro.

Por último, Irene Pérez Pintos presentou os contidos do libro, no que identificou catro partes: a incrible biografía de Arxentino, o ensaio sobre o gabinete de curiosidades, o inventario de 622 do gabinete argallado por Arxentino e as fichas catalográficas máis destacadas do inventario, nas que hai unha forte presenza visual. Rematamos a presentación cantando o «Grándola» e curioseando entre as vitrinas e mesas nas que até o vindeiro martes se expoñen unha boa parte das pezas e obxectos imposibles catalogadas no  libro.

Sen dúbida este libro marabilla e sorpresa –ilustrado por Ramón Trigo e polo fotógrafo Manuel Vicente, mimado na edición por Ramón Domínguez– está chamado a converterse nun referente do noso catálogo e das bibliotecas públicas, escolares e familiares. Como dixo Irene Pérez Pintos «O Gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte é un libro para ler e para ir lendo, para mirar os santos e a letra». Aventuro que será un deses títulos polos que o tempo non vai pasar por eles, un libro arca, chamado a perdurar.