Artigos

Vigo, barcos, coches e libros

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á inauguración da feira do libro de Vigo:

Encantoume escoitarlle a Yolanda Díaz nunha das súas vibrantes réplicas no Congreso que ela naceu na Ferrolterra onde se fan barcos desde que no século XVII se puxo en marcha o arsenal real. Gustoume que a ministra galega fachendease da tradición obreira ferrolá porque son as actividades económicas e a súa continuidade ás que mellor explican cada unha das comunidades humanas, países e cidades. Así tamén é o caso do Vigo metropolitano onde dende hai máis dun século a construción naval constitúe un dos alicerces do desenvolvemento urbano da súa ría.

Unha actividade industrial que coas pesqueira, conserveira e portuaria impulsou o crecemento demográfico daquel Vigo que no ano 1900 tiña apenas 23.259 habitantes, mais que tamén determinou o modelo de desenvolvemento urbanístico alongado sobre o anfiteatro da ría e deitado sobre o Val do Fragoso como a ansia fabril e dinámica dunha cidade obreira. Abonda con seguir as magníficas páxinas de información económica de Faro de Vigo, para saber que os estaleiros e as actividades pesqueiras e portuarias constitúen unha referencia na contorna atlántica e un dos piares da economía galega. Vigo é unha cidade metropolitana que continúa e agardamos continúe fabricando barcos mesmo a pesar das mil e unha dificultades dun sector industrial estratéxico e das raquíticas políticas públicas no seu apoio. Velaí o ir e vir recente do capital e da actividade de Barreras, o primeiro estaleiro privado de España, como o peche de Vulcano e o inxustificable baleiro das súas instalacións.

Actividade portuaria viguesa que recibiu o pulo de Citroën, outro dos alicerces do Vigo contemporáneo, que permitiu que en sesenta anos a cidade duplicase a súa poboación, pasando dos 144.914 de 1960, cando a factoría automobilística xa estaba instalada en Balaídos, aos 300.000 habitantes de hoxe. Unha actividade industrial que foi transformando ao Vigo metropolitano nun dos enclaves mundiais da industria automobilística, tanto pola actividade de ensamblaxe do grupo PSA como da fabricación de compoñentes por parte do cento de empresas que forma parte do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA). Vigo forma parte hoxe dese selecto mapa internacional de cidades do automóbil, como Detroit, Rennes ou Wolfsburgo, que deben facer fronte ás profundas mudanzas dun actividade industrial obrigada polas esixencias da loita contra o cambio climático a incrementar a súa eficiencia enerxética, reducir a súa pegada ambiental como a reorientar o propio carácter e deseño dos seus produtos.

A esa especificidade industrial viguesa, portuaria e automobilística, engadiuse a da edición de libros, a primeira das nosas industrias culturais. Unha actividade editorial modesta en termos económicos, que non acada aínda os dez millóns de euros anuais, mais que artella a cadea de valor do libro, con transcendencia sobre as actividades educativas e creativas máis diversas. Dende o nacemento daquela mítica editorial Cíes da rúa Elduayen por parte do editor Eugenio Barrientos nos anos corenta, da editorial Galaxia, hai setenta anos, de Edicións Xerais de Galicia, hai corenta, ás que no período autonómico se foron engadindo outras como A Nosa Terra, Ir Indo edicións, Nova Galicia, Xerme, Tambre, Ideas propias, Trymar, Lobito bueno, Editorial Elvira…, Vigo converteuse nun dos polos máis activos de edición española e na capital indiscutible da edición en lingua galega, o que contribuíu tamén ao desenvolvemento na cidade do sector do deseño e as artes gráficas, como a súa transformación en espazo cultural cun mapa literario de seu.

Vigo é cidade fabricante de barcos e coches, máis tamén de libros, a pesar da súa endémica carencia bibliotecaria, que non semella ter doado remedio nin sequera coa construción da biblioteca do estado, e da súa cativa feira do libro, que dende hai décadas está moi por baixo daqueloutra da Coruña, tanto no número de librarías participantes como no programa das súas actividades literarias. Dimensión reducida da feira do libro viguesa que na edición inaugurada esta semana na rúa do Príncipe diante do Marco chega coa participación de apenas tres librarías viguesas a súa expresión máis preocupante. Unha «anormalidade» para unha cidade de libro que o sector editorial vigués no seu conxunto (editoras e librarías), coa colaboración da propia concellaría de Cultura, deberían asumir como punto da inflexión para refundar en 2021 cunha fórmula radicalmente nova a que debería constituír a primeira e máis popular actividade cultural da cidade de Vigo, como sucede na maior parte das cidades peninsulares do rango da nosa. Cadora, visiten á feira do libro onde apoiando ás librarías resistentes máis de corenta autores e autoras asinan os seus libros.

Onte 1579: Joel Dicker e o DS 4

Dicker_DS-4Non vira na televisión até onte o anuncio do DS 4 de Citroën protagonizado polo escritor Joel Dicker, a quen coñecimos o pasado ano na entrega do premio San Clemente. O xove novelista suízo, autor d´ A verdade sobre Harry Quebert, protagoniza unha campaña publicitaria, The DS writer, que xira arredor dunha webserie de cinco capítulos sobre o proceso de escrita dunha novela, utilizando como ferramenta de escrita a Apple CarPlayTM, a bordo deste novo Citroën de gama alta. Quedei sorprendido cando coñecín que Dicker, ademais de protagonizar os anuncios da campaña, tamén escribiu unha novela, titulada Só para escollidos, que os concesionarios da marca agasallan ás persoas que proben os dous modelos DS 4. Todo un abraiante entramado tecnolóxico, literario e publicitario protagonizado por un escritor do noso tempo. Xaora, non puiden evitar pensar que podería suceder se a marca do dobre chevron emulase apoiar así á narrativa galega. Imaxinamos a Pedro Feijoo ou Fran P. Lorenzo conducindo o DS 4 e ditando a siri os textos en galego?

Onte 1300: Co noso acento

Pareceume unha magnífica idea esta proposta que recibin onte de galeguización de Citroën e do sector da automoción. Ao fío dos obxectivos estratéxicos que o Grupo PSA Peugeot Citroën marcou para os vindeiros anos, entre os que están «ser unha referencia do sector en eficacia operacional e desenvolverse de forma responsable», propónselle á multinacional francesa que incorpore dentro do seu compromiso social o emprego do galego, «aproveitando a simbiose de territorio, cultura, lingua e excelencia.» Se queres asinares, debes indicarllo con nome e apelidos aos promotores.

Vigo desmemoriado

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío do conflito sobre o destino do Bernardo Alfageme, fago unha reflexión sobre a conservación e posta en valor do patrimonio marítimo e industrial en Vigo.

Bernardo_AlfagemeHai doce anos publiquei neste espazo un artigo titulado “Chapa de mar” (Faro de Vigo, 3-2-2002) no que reclamaba ao concello de Vigo a salvación do Bernardo Alfageme, un arrastreiro de chapa remachada, construído por Barrerras en 1944 para o Grupo Mar, cando non se empregaba aínda a soldadura. Tras a mobilización de diversos sectores cívicos e colectivos que traballaban na recuperación da cultura mariñeira na ría, o buque fora doado dous anos antes polos seus propietarios ao concello e aceptado pola corporación co voto unánime dos seus membros para pasar ao inventario municipal e ser aproveitado para usos educativos e culturais.

Magoadamente, transcorrida máis dunha década, catro corporacións e alcaldías distintas, pertencentes a tres grupos políticos, o concello de Vigo foi incapaz de salvar e poñer en valor esta peza senlleira do noso patrimonio industrial e cultura marítima que agora pretender ser chantada na rotonda de Coia como unha peza ornamental. Tras o despece a finais do século pasado do petroleiro Campaláns, o primeiro vapor de ferro construído por Barreras na década de 1930, e do alxibe Roberto, vapor construído en madeira que servía aos portos do Morrazo, como doutras moitas embarcacións tradicionais da nosa carpintaría de ribeira, semellaba que o indulto do Bernardo Alfageme e a súa conversión en buque-museo significaría o inicio dun modelo de conservación do patrimonio da nosa industria naval.

A fasquía alongada do seu casco de chapa de ferro de 15 milímetros e de 24 metros de eslora anunciaba o que serían as proas de esparaván dos arrastreiros vigueses dos sesenta, admirados en todos os portos do mundo. A elegante popa semicircular, ferrada a soplete e macho, a situación un chisco atrasada da ponte e do guincho, tamén chamado “perro volado”, sobre a regala de estribor, e a robustez do seu motor principal –un Barreras Werkspoor, antecedente dos míticos Deutz que montaba a factoría de Beiramar– fixeron do Bernardo Alfageme unha peza emblemática da capacidade construtiva da industria naval viguesa de hai setenta anos. Un arrastreiro, que inicialmente formaba parte do “sexteto pequeno” de Casa Mar, tripulado por catorce persoas e que durante case cinco décadas realizou no Gran Sol heroicas mareas de trinta días na procura de pescada e peixe sapo. Xaora, ao longo de máis dunha década nunca chegou a concretarse un modelo para acometer a restauración integral do barco, que lle permitise volver a navegar pola Ría e integrarse no Museo do Mar de Alcabre, como foi a intención inicial, e nin sequera para a súa museificación, como máis tarde se pretendeu.

O do Bernardo Alfageme é síntoma dun fracaso en toda a regra para unha cidade impregnada de sal e maruxía, que moito se gaba de posuír un dos primeiros portos pesqueiros do mundo e unha industria naval de seu, mais que continúa permanecendo de costas ao seu patrimonio industrial e marítimo. O mesmo sucede coa posta en valor do patrimonio da industria conserveira e metalgráfica, disperso e en boa medida desaparecido, nunha cidade onde se instalaron as máis grandes factorías de tratamento de peixe do país. Carencias conservacionistas ás que non son alleas a anemia desesperante do Museo do Mar de Alcabre, incapaz de atopar un modelo expositivo atractivo para a cidadanía, sostible para as administracións públicas e integrado co funcionamento actual e as innovacións dos sectores da industria naval e pesqueira da Ría. Outrosí acontece coa pegada do tranvía e da súa rede de transporte metropolitano, cuxo ano do centenario pasou para a vergonza de todos sen pena nin gloria, coa excepción da publicación dun libro visual magnífico Los tranvías de Vigo en el recuerdo (Instituto de Estudios Vigueses, 2014) de Antonio Giráldez e Evaristo Pereira. Xaora, pode suceder o mesmo no futuro inmediato coa industria da automoción, o noso primeiro sector económico e de emprego, instalada dende hai cincuenta anos arredor de Citröen que, canto menos, merecería contar cunha sala museo onde os vigueses máis novos puidesen coñecer cada un dos modelos construídos na factoría de Balaídos e os procedementos utilizados polos seus avós e maiores.

Lonxe de saudades, a recuperación do patrimonio marítimo e industrial é un tema estratéxico para o Vigo do futuro, concibido como cidade portuaria atlántica e da automoción, unha desas cuestións que deberíamos acuñar como posición orixinal común, asumida por todos os sectores sociais e políticos. Nun Vigo tan desmemoriado e conformista como o actual, o concello non pode renunciar a liderar un proxecto conservacionista do noso patrimonio industrial que implique a outras administracións públicas e sectores privados. Con esa vontade aínda sería posible salvar de novo o Bernardo Alfageme.

A reforma de Balaídos

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre os criterios que entendo deben respectarse na reforma integral do estadio de Balaídos.

novobalaidosgrande

O anuncio da reforma integral do estadio municipal de Balaídos, tras o acordo entre o concello de Vigo e a deputación de Pontevedra para entre as dúas entidades achegar a partes iguais os dous terzos dun orzamento dunha obra de case trinta millóns de euros, merece ser comentado. Unha reforma necesaria para renovar unhas instalacións envellecidas, e nalgúns casos perigosas, utilizadas por milleiros de persoas para as que cómpre garantir a súa seguridade e maior comodidade.

Sei que neste tempo fraco para as arcas públicas, onde tanto se resinten os servizo sociais básicos, non vai ser doado xustificar o gran esforzo económico que ambas as dúas administracións locais anuncian para os dous ou tres próximos exercicios (arredor de dez millóns de euros cada unha) na reforma dunha instalación municipal utilizada por unha empresa privada. No entanto, sei que será defendido polos seus promotores pola importancia do Celta como expresión dun sentimento compartido de forma unánime pola cidadanía, mais tamén pola súa capacidade de xerar actividade noutros sectores económicos. Argumentos pouco cuestionables xa que todos os equipos históricos de fútbol son máis ca un club, expresións de identidades locais e nacionais. E como tal, o Celta non é só unha institución deportiva nonaxenaria, é tamén o mascarón de proa de Vigo, o seu primeiro embaixador internacional, o vínculo sentimental para os milleiros vigueses e viguesas da diáspora.

Mais como non somos inocentes, non e difícil identificar que o anuncio desta reforma de Balaídos forma parte do espírito de gran coalición que motivou o acordo orzamentario asinado por PSOE e PP no concello de Vigo, xusto cando entramos nun período preelectoral no que Abel Caballero e (previsiblemente) José Manuel Figueroa competirán pola alcaldía viguesa. Tras a denuncia xudicial, presentada polo secretario local do PSdeG-PSOE de Pontevedra, sobre o sobrecusto das obras da reforma do estadio de Pasarón (valoradas en 7,2 millóns de euros, mais que tras tres modificacións superaron os 17 millóns), froito tamén dun convenio entre Deputación e concello de Pontevedra, semella que os dous socios vigueses pretenden con este convenio blindar a reforma de Balaídos dos litixios da campaña.

Xaora, é moito menos entendible no marco dun convenio, do que se descoñece a súa redacción e no que se anuncia está prevista, mais aínda non comprometida, a participación doutras administracións públicas (Xunta, Consello Superior de Deportes e Zona Franca), a achega pecuniaria do Real Club Celta de Vigo S.A.D., apenas 2,2 millóns de euros, menos do 10 % do orzamentado. Unha achega moi cativa para a beneficiaria directa da actuación que recibiría unha valiosa axuda indirecta que para así quixeran nun momento crítico outras sociedades culturais e deportivas emblemáticas (como o Náutico ou o Mercantil) e mesmo outras empresas tamén estratéxicas para a economía e o emprego na área metropolitana e para a conformación do tecido civil da sociedade viguesa. Por moito que sintamos como propias ás cores celestes, debemos recoñecer que hoxe o Real Club Celta de Vigo, como sociedade anónima deportiva participante nas competicións da Liga Española de Fútbol Profesional, ten un valor económico non desprezable no mercado global do fútbol, onde se moven moitos intereses e millóns de euros, dos que son só beneficiarios e responsables os seus accionistas. É imprescindible, pois, coñecer as condicións e contraprestacións da participación do Celta neste tan custoso proxecto.

Ademais do reparto das achegas e responsabilidades, entre as administracións públicas e o club, non é cuestión menor para a cidade coñecer o impacto urbanístico que esta reforma do estadio terá sobre o barrio de Balaídos e sobre as instalacións industriais da Zona Franca. Máis alá da muda de pel do estadio e da prevista construción de novas gradas nos fondos, é imprescindible solucionar a cuestión do aparcamento que hoxe estrangula o acceso ao recinto deportivo e incomoda a veciñanza nos días de partido. Como tamén o é contemplar a necesidade de remodelación das pistas de atletismo, hoxe moi deterioradas, e dos espazos de uso público, valorar o impacto da actuación sobre o funcionamento de Citröen e a renovación das infraestruturas que eviten novas inundacións do Lagares.

A reforma integral do estadio municipal de Balaídos é necesaria mais non pode facerse a calquera prezo. Require un proxecto integral de actuación arquitectónica e urbanística moito máis preciso que as maquetas presentadas até agora na prensa. Como tamén pechar unha memoria económica na que apareza unha valoración detallada dos custes das obras e do seu financiamento, onde as diferentes achegas sexan redistribuídas de forma equitativa entre os participantes.