Un mar de bandas
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao programa «Vigo, un mar de bandas»:
O programa «Vigo, un mar de bandas» é unha das iniciativas culturais que mellor representan o que é o Vigo contemporáneo e a súa tradición de música popular. Organizado pola Federación de Bandas de Música Populares de Vigo e patrocinado polo concello de Vigo, como os programas «Vigo, bandas nos torreiros» e «Aulas de música nas bandas», permite a nove formacións viguesas continuar co desenvolvemento da súa actividade artística e formativa interxeracional, xa que están formadas por persoas de todas as idades, aínda que en case todas a maioría sexa a de xente nova, o que facilita a convivencia entre distintas idades e abre a esperanza da súa subsistencia e porvir. Como son moi distintos os repertorios de cada unha delas, deseñados coa intención de interesar aos públicos dos seus concertos populares, sempre a rebordar na magnífica e acolledora praza da Princesa, onde as persoas maiores son as que ocupan a maioría das cadeiras. Concertos de programa ecléctico, onde adoito non faltan nin os clásicos do xénero nin algúns temas populares de agora. Outra alquimia musical inclusiva, como a forxada pola modélica Escola de Música Tradicional, pola Orquestra Son de Seu ou polas dúas orquestras clásicas viguesas, propostas que contrastan coa insípida programación mainstream do palco de Castrelos, 800.000 euros para as arcas municipais, que nesta tempada volveu excluír a música galega de todos os xéneros.
A iniciativa de levar a música ao espazo público vigués ten o seu precedente en xaneiro de 1878, cando foi creada a Banda do Hospicio da Casa da Caridade que con vinte músicos militares retirados funcionou até o inicio de 1883. A súa desaparición supuxo a posta en marcha da Banda de Música de Vigo, alentada polo alcalde Jacobo Domínguez Iglesias, que na noite de San Xoán de 1883, dirixida por Enrique Paz, deu no palco da Alameda o seu primeiro concerto cunha duración de tres horas. En 1898 a banda adquiriu carácter municipal e no ano 1912 o concello reorganizou a agrupación baixo a dirección de Mónico García de la Parra que a dirixirá até a súa xubilación en 1956, durante catro décadas de éxito musical e creativo. En 1958 collerá a batuta Ildefonso García Rivas, contando entón cunha impresionante formación de 64 profesores, dos que algúns dirixían outras agrupacións da bisbarra ou se dedicaban á ensinanza musical. Esta gran Banda Municipal de Música de Vigo, que desaparecería en 1992, gravou en 1977 un disco de música galega que incluía temas como «Negra sombra», «Carrapucheiriña» ou «Airiños aires». No arquivo municipal consérvase o libro de arquivo da banda viguesa, que contén unha relación de todas as partituras do seu repertorio (1953-1957), clasificadas polo seu xénero, así como dos seus instrumentos e outros materiais da formación. Por ventura, os seus timbais centenarios foron recuperados e restaurados en 2019 pola Orquestra Clásica de Vigo, tras permanecer case tres décadas esquecidos nun faiado.
Pouco despois da creación da Banda do Hospicio, fundouse en 1880 a Unión Musical de Coruxo, hoxe a decana das bandas populares viguesas e unha das máis antigas das 94 existentes en Galicia, das que 66 están na provincia de Pontevedra. Dirixida na actualidade por Francisco Javier Quintas Alonso, que iniciou a súa carreira nesta agrupación como trompeta, conta coa súa propia escola de música. Tamén é máis que centenaria a Unión Musical de Valadares, fundada en 1902, con actividade ininterrompida dende entón. Dirixida por César Parada Fiqueiras xestiona a Escola de Música de Valadares, conta cun amplo catálogo de premios internacionais, realizando colaboracións frecuentes con músicos doutros xéneros como hai tres décadas tivo co compositor vigués Enrique X. Macías ou hai pouco con Abraham Cupeiro. Tamén é case centenaria a Banda de Música «Lira» de San Miguel de Oia, fundada en 1932, dirixida por Pedro Villarroel González xestiona tamén a coral polifónica e a escola de música.
Máis recentes son as outras participantes en Mar de bandas: a Banda de Música «Las delicias» co CCR de Cabral (1984), dirixida por Jesús Bugarín Alonso; a Unión Musical de Cabral (1986), conducida por Alberto Rocha Soto; a Banda Escola de Música de Beade (1989), a formación máis xuvenil con 75 membros, conducida por José Rodríguez Ramos; a Agrupación Musical Atlántida de Matamá (1991), dirixida por Enrique Lorenzo; o Ateneo Musical de Bembrive (1994), dirixido por Iván Carreira González; e a Banda de Música da UVCD de Candeán (1995), dirixida por Iago Lariño Rodal. Agrupacións que posúen a súas correspondentes escolas de música, capaces de crear ao seu redor unha comunidade formativa e emocionar a públicos nos torreiros e prazas. Parabéns ao mundo bandístico vigués por termar contra vento e marea de tan valioso patrimonio cultural.

















Nas mesas de novidades das librarías viguesas destacou este pasado nadal Vigo, fronteira do alén (Ir Indo, 2021), o diálogo entre Lampetusa e Sponsor escrito por X.L. Méndez Ferrín como indagación sobre a cara e o envés da cidade de Vigo. Un texto que tivo a súa primeira edición en 1988, nun formato de libro de mesa, no que foi acompañado de cento cincuenta fotografías a cor de Xulio Gil e dunha escolma de textos literarios sobre Vigo. Unha obra coa que o editor Bieito Ledo iniciaba entón unha viaxe literaria e visual na procura da identidade de cada unha das cidades galegas ofrecendo edicións plurilingües en galego, castelán e inglés, empregando o gran formato (libros de 30 x 30 cm), a encadernación acartonada, os acabamentos en coiro ou tea, así como a presentación en estoxo, criterios e calidades de edición entón moi novidosos para o libro galego. Daquela excelente edición, Ledo rescatou o texto e apenas corenta fotos en branco e negro dándolles unha segunda vida cunha portada de Antón Pulido sobre as faenas do Berbés. E abofé que trinta e catro anos despois este libro máis humilde continúa sendo interesantísimo, tanto pola calidade e lucidez do texto ferriniano como polo feito sinalado no limiar desta segunda edición de que Vigo, sendo a máis dinámica das cidades galegas, «muda con moita rapidez de fisionomía aínda que non de espírito».




