Listado de la etiqueta: avelino_rodríguez_elías

O descoñecido Carolo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura do descoñecido Carolo, primeiro heroe da Reconquista:

Da fértil representación da Reconquista, celebrada a pasada fin de semana, foi o lance máis emocionante (como ven sucedendo todos os anos) o da morte de Carolo, o heroico protagonista do derrubamento a machadazos da porta da Gamboa, das mans de quen tomou Cachamuíña a macheta para proseguir tan temeraria apertura. Un acontecemento presente en todos os relatos da proeza viguesa do serán do 27 de marzo de 1809, mais tamén un nome (Carolo) que polo que sabemos pertence máis a lenda que a historia local, xa que non aparece recollido como tal en documento ningún. Paradoxo ao que xa se refería en 1978 Xosé María Álvarez Blázquez no prólogo de Reseña de la Reconquista de Vigo, o libro monumental de Félix Estrada Catoyra, destacado médico militar, que agardou case setenta anos para ser publicado polo Banco Industrial de Bilbao, despois de que o texto fose premiado en 1909 en Compostela, coincidindo coa celebración do centenario da Reconquista.

No relato daquelas horas decisivas, Catoyra detalla o proceso e as cláusulas de capitulación da praza e forte de Vigo, asinada ás seis da tarde entre Chalot, comandante das tropas francesas, e doutra parte, por Crawford, comandante da fragata inglesa Venus, e polo coronel Morillo. Mais non esquece relatar a impaciencia coa que o Abade de Valadares e o seu exército popular agardaba fóra das murallas; espera rota ás oito e media da tarde cando comezaron a asaltar as portas da muralla, a pesar de contar cuns poucos fusís e carecer de canóns. Chegada esta hora, Catoyra salienta o heroico comportamento de todos os asaltantes e, mais en concreto, que «houbo episodios admirables, como o dun ancián mariñeiro do Berbés que comezou a destruír a machadazos a porta da Gamboa e caeu morto cribado a balazos polo inimigo, heroe anónimo cuxo nome sentimos non ter podido atopar en ningún dos documentos que manexamos mais cuxo feito é citado por todos os historiadores».

Continúa Catoyra o seu épico relato, que segue o do informe militar de Pablo Morillo, sinalando que o ataque foi dirixido polo afouto capitán Bernardo González del Valle «Cachamuíña» «quen ao ver morto ao mariñeiro tomou das súas mans a machada e coa forza hercúlea que o caracteriza fixo saltar as estelas da porta, mais cando esta cedía xa para dar paso aos seus soldados recibiu catro balazos que o fixeron caer en terra». Remata precisando que o tiroteo nas murallas cesou ás dez da noite, hora na que se presentaron dous oficiais franceses coa ratificación da capitulación, que se levou a cabo o día seguinte, 28 de marzo, cando a partir das dez da mañá diante das tropas do Abade de Valadares, Tenreiro e Almeida desfilaron os franceses desarmados en número de 46 oficiais e 1.213 sarxentos, cabos e soldados, antes de ser embarcados en lanchas que os transportaron ás fragatas inglesas fondeadas diante da Laxe.

Relato moi semellante ao da representación actual, que difire pouco do publicado en 1810 por José Fernández Neira en Proezas de Galicia, a primeira obra de autor coñecido impresa en lingua galega, como por Manuel Pardo de Andrade (1814), outro xornalista pioneiro, que rebaixa a tres os balazos recibidos por Cachamuíña, e engade «a quen lle mataron o machadeiro». Como ten grande valor documental a proclama titulada «Habitantes de Galicia»,  asinada o 9 de abril de 1809 polo vicealmirante inglés G. Berkley, conservada no Museo de Castrelos, a primeira referencia impresa do acontecemento da Reconquista, na que se remarca que «as mellores tropas [referíndose ás de Napoleón] poden ser vencidas e aniquiladas polos esforzos unánimes dun pobo determinado a ser libre [Vigo]». Anos máis tarde a figura deste mariñeiro do Berbés sería citada por José de Santiago na súa Historia de Vigo (1896) e polo cronista Avelino Rodríguez Elías, que chegou a identificalo con José Ovelleiro, o que parece dubidoso, xa que como afirma Eduardo Rolland no seu libro de referencia, Reconquista. Vigo en armas (Xerais 2009), este nome non aparece documentado nos libros de defunción.

En todo caso, a pesar de que non hai rastro de papel do alcumado «Carolo», ese mariñeiro de nome descoñecido é o maior e primeiro heroe do Vigo popular, encarnando, como sinala Rolland, «ao pobo común, esforzado e traballador». Unha figura, como a de Cachamuíña ou a dos abades das alarmas do Fragoso, necesarias para fixar o relato da Reconquista como o mito fundacional da cidade da oliveira, recoñecida como leal e valorosa en 1810, que adquire, por fin, o ano seguinte certa autonomía política, tras a abolición dos señoríos da mitra compostelá e a súa declaración como porto franco para as embarcacións inglesas. Tres consecuencias políticas moi relevantes para a historia, representadas no mito dos machadazos de Carolo, dunha cidade que dende entón nunca perdeu a súa ansia cívica.

Na Finca da Marquesa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Parque e Museo de Castrelos:

Camiñamos até a Finca da Marquesa, nome que a miña avoa Maruja empregaba para ao parque de Castrelos, coa intención de gozar nos xardíns históricos do Pazo da espectacular floración da magnolia soulangeana no seu máximo esplendor. Un manto rosa deitado sobre os prados e sendas da coñecida como «Pradaría do Té», que a causa do cambio climático adianta a súa presenza aos días da Candeloria, anunciando a despedida do inverno, xa que estes magnolios son as árbores que primeiro florecen en Castrelos. Un espectáculo natural único, marco das mellores autofotos posibles, que por riba neste ano chegou acompañado da floración do exemplar de camelia xapónica máis lonxevo de Galicia, coñecido como «Matusalén», que conta con máis de 150 anos de idade, incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, situado no interior do labirinto de sebes de buxo do xardín francés. Dúas marabillas naturais de grande valor paisaxístico e botánico, pezas do patrimonio do Parque Municipal Quiñones de León, que o vindeiro 12 de decembro celebra o centenario da sinatura da súa cesión ao concello de Vigo por parte do último Marqués de Alcedo para a súa transformación en museo de arte rexional.

Unha visita aos xardíns históricos que iniciamos polo paseo dos escudos, situado no corredor lateral da Rosaleda, antigo invernadoiro, onde atopamos o primeiro escudo en pedra da cidade, que formou parte da fonte de Neptuno, coa torre do castro e a oliveira, peza defendida polo cronista oficial de Vigo Avelino Rodríguez Elías, que sería utilizada en 1987 como modelo do escudo oficial actual. Mais na visita sorprendeunos no xardín inglés a presenza nun pequeno estanque da figura de Neptuno, unha das iconas nosas, a escultura pública máis antiga non relixiosa das conservadas en Vigo. Trátase dunha peza granítica de metro oitenta de altura que, xunto a dous escudos e dous cipreses formaba parte da fonte de Neptuno situada na Porta do Sol, cuxa cronoloxía reconstruíu a historiadora Beatriz Liz de Cea. Instalada nun manancial de auga potable do que temos noticia xa no século XVII, foi restaurada en tempos de Filipe V (1795), momento no que se colocou a estatua de Neptuno, como reza nunha placa instalada no mesmo paseo do Escudos, ofrecendo para o médico Nicolás Taboada Leal, no seu libro Descripción topográfica e histórica de la ciudad de Vigo (1840), a mellor auga da cidade. Pezas da fonte de Neptuno, hoxe dispersas polos xardíns de Castrelos, que reunidas permitirían a súa reconstrución no propio Vigo vello.

Visita á Finca da Marquesa na que chamou a atención nosa o reclamo dunha exposición temporal no Museo municipal de Vigo «Quiñones de León»: «Alice Austen. Desfacer o xénero». Instalada no sobrado do museo, o que obriga a subir pola formidable escaleira interior de inequívoco sabor inglés, onde están instalados os dous murais de Urbano Lugrís procedentes do Hotel Moderno, «Mapa de Galicia» e «Misterios do mar», a mostra procedente do último Photoespaña recolle medio cento das 8.000 fotografías tiradas por Alice Austen, unha das precursoras e máis precoces fotógrafas estadounidenses. Artista rebelde representou a imaxe da muller moderna e independente que quixo ser. Coas súas accións performativas, creadas coas súas amigas e compañeira, cuestionou os roles de xénero e as convencións da vida vitoriana. E apostou a finais do século XIX de forma vangardista polo deporte, polo atletismo, tenis e ciclismo, actividade que abriu o camiño ao sufraxio feminino. Remata este relato expositivo de deconstrución do xénero, coas imaxes da casa ás aforas de Nova York, onde Austen viviu trinta anos con Gertrude Tate, a súa compañeira de vida, vivenda que quedou asignada nos EE.UU. como un espazo emblemático da historia LGTBIQ.

Unha exposición tan excelente en termos artísticos como sorprendente resultou para nós a súa instalación en tres salas do sobrado do Museo de Castrelos, descontextualizada do resto dos contidos do primeiro museo vigués, até agora pensabamos que centrado na historia da cidade e na exposición e custodia do legado de Policarpo Sanz. O certo é que saímos entusiasmados das experiencias vividas nunha mañá nos xardíns da Finca da Marquesa (Mariana de Wyte, a filla do Marqués de Alcedo) baixo a caloriña do sol de inverno, mais tamén confeso que marchamos algo confusos sobre cal é hoxe o perfil do primeiro museo da cidade, inaugurado o 22 de xullo de 1937 e dirixido e administrado dende o 15 de outubro de 1938 e durante catro décadas polo inesquecible Ángel Illarri Gimeno, que tanto agarimou o pazo, os xardíns como o auditorio. No centenario da cesión de Castrelos ao pobo de Vigo, ben sería contar cun plano estratéxico para a conservación e usos do parque e todas as súas infraestruturas para preservalas nas vindeiras décadas.

Vigo, porta de Galicia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao carácter turístico de Vigo:

Dende hai máis dun século, o desenvolvemento industrial, portuario e comercial de Vigo foi acompañado polo carácter turístico da cidade. Avelino Rodríguez Elías, cronista oficial da cidade de Vigo durante unha década (1926-1936), salientaba nos seus artigos que Vigo era o centro de turismo máis importante de Galicia, fose por contar con establecementos hoteleiros de primeira categoría en edificios pétreos singulares, como o Hotel Moderno da Porta do Sol ou os hoteis Universal e Continental da Laxe, como polo feito de ser «unha cidade moderna con todas as comodidades apetecibles». Conceptos de arquitectura e modernidade, ás que o cronista exiliado engadía outras circunstancias que para el facían de Vigo a perla e o orgullo turístico de Galicia: a situación xeográfica privilexiada da ría na «parte máis fermosa da rexión»; o valor do porto frecuentado por buques de todas as nacións; o feito de estar unida por ferrocarril co centro de España, Santiago de Compostela e Portugal; o de contar cunha rede de estradas que lle permiten ser o punto de partida das excursións máis interesantes a Baiona, Monte de Santa Tegra, Tui, Mondariz, Pontevedra até A Toxa e Vilagarcía. Atractivos aos que Elías engadía que o Vigo de entón contaba con templos católicos e unha capela evanxelista, ademais de tranvía urbano, vapores de pasaxe e posibilidade de coches de alugueiro para facer xiras «moi pintorescas por terra e por mar ás proximidades».

Carácter turístico e amable daquel Vigo aberto e moderno, que agora lembramos no Centenario do seu equipo insignia, onde se xogaba ao fútbol, mais tamén ao tenis e ao hóckey feminino, e celebraban competicións de natación e remo, entre outras disciplinas deportivas. Un Vigo que se presentaba orgulloso nas primeiras publicacións turísticas como a que a editorial PPKO, instalada na rúa do Príncipe 30, anunciaba en 1928, Vigo en la mano, «guía completa do turista con ciclo de excursións, mapas, planos e cantos coñecementos precise o forasteiro». Tradición de guías viguesas que os irmáns Xosé María, Emilio e Álvaro Álvarez Blázquez, xunto ao inspector de educación Luis Viñas Cortegoso, actualizarían hai setenta anos, con Vigo, puerto y puerta de Galicia, publicación recuperada do esquezo polo escritor Fran P. Lorenzo, impresa en 1954 nos talleres de Faro de Vigo. Con capa en branco e negro dunha imaxe do Berbés, no interior desta peza marabillosa desprégase un origami de planos, itinerarios, fotografías aéreas, táboas de servizos, inventarios evocadores e anuncios de comercios, compañías de navegación e establecementos hoteleiros do Vigo dos nosos pais. Escrita con inequívoco alento literario, esta extraordinaria guía dos Álvarez Blázquez tivo a súa réplica moderna en Vigo, paixón atlántica (Nigra 2001), obra escrita coa pulsión xornalística do noso admirado Francisco Armesto Faginas, que ofrece un dos roteiros eruditos máis completos e atractivos da bibliografía viguesa.

Secasí, chama a atención que nas tres guías turísticas citadas aparece dunha ou doutra maneira a imaxe do Berbés como representación icónica dunha cidade que para Xosé María Álvarez Blázquez non limita, senón que continúa no mar. Berbés que xa protagonizaba en 1929 a imaxe que o pintor Carlos Maside utilizou para o cartel dedicado a Vigo que lle encargaron para ser exposto no pavillón de Galicia da Mostra Internacional de Sevilla. Caracterizado polo tratamento esquemático da arquitectura e a orixinal valoración da cor, que para María Luisa Sobrino Manzanares converten ao cartel case nun cadro abstracto, Maside elabora unha orixinal imaxe da cidade vista dende o Berbés, reflectida na auga e iluminada polos últimos resplandores do sol, incluíndo na parte inferior as catro letras do nome da cidade, integradas como elementos plásticos. Unha auténtica marabilla gráfica, que integra expresións figurativas e abstractas, xustapoñendo tramas de cor aplicadas sobre áreas planas, manifestación da orixinalidade dunha cidade que (hai case un século) aposta para presentarse pola modernidade sen renunciar a súa tradición e memoria.

Fronte ao actual discurso de illamento vigués, construído sobre a hipérbole e a saturación de lucerío e outra parafernalia de nadal, con escasos alicerces na historia e na memoria, mellor sería recuperar relatos máis integradores e sostibles, acordes cos requirimentos dun tempo líquido, como no seu día fixeron os cronistas Rodríguez Elías e Álvarez Blázquez, que identificaron con orgullo a cerna da atracción turística viguesa no carácter moderno e artístico da cidade e na súa condición de porta de Galicia. Como hai un século, o Vigo industrial, obreiro e popular non pode renunciar a ser tamén o porto e a porta de Galicia. Outro turismo para Vigo é posible.

Vigo 1923

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Vigo do centenario do Celta:

Mañá, 23 de agosto, fanse cen anos da asemblea constituínte do Club Celta na que se aprobaron os seus estatutos e documentos fundacionais. Celebrada ás dez da noite nos locais da Federación Gremial de Patróns, situados na Casa de Pedro Román na rúa Joaquín Yáñez, unha das primeiras e máis logradas obras (1889) do arquitecto Jenaro de la Fuente Domínguez, onde tamén tiña sede a sociedade recreativa Casino de Vigo, na actualidade Biblioteca Pública Juan Compañel, a histórica asemblea culminaba o proceso promovido polo xornalista Manuel de Castro «Hándicap» de crear en Vigo un grande equipo de fútbol que representase a Galicia nas competicións nacionais e internacionais. Un novo club nacido da fusión do Fortuna, creado en 1905, e o Vigo Sporting Club, creado en 1914, herdeiro do Vigo Sport Club (1903) e do New Club Vigués (1911). Un acordo froito de longos debates nos salóns do Casino, tanto entre as directivas dos clubs fundadores como na asemblea conxunta dos seus socios, celebrada o 10 de agosto de 1923, na que se valoraron as propostas saídas do concurso de nomes organizado por «Hándicap» nas páxinas de Faro de Vigo, sendo Breogán e Celta as mellor acollidas, como arredor da escolla da indumentaria, en principio coas cores branca e vermella da bandeira de Vigo, aínda que tamén se contemplarían a branca e celeste da de Galicia que pouco despois acabaría por adoptarse.

Inédito proceso fundacional entre dous clubs que entón se repartían os títulos do campionato galego, mesmo con cadansúa lameira emblemática, a do Fortuna en Bouzas, onde se instalaría despois a factoría de Alfageme, a do Vigo Sporting en Coia, na chamada «Catedral» ao pé dos guindastres da factoría de Barreras, foi posible grazas a puxanza industrial e asociativa daquel Vigo da segunda década do século XX. Abonda con repasar os nomes da primeira xunta directiva do Club Celta para comprender que a fusión contaba cos parabéns dos poderes económicos locais. O primeiro presidente, Manuel Bárcena de Andrés, segundo Conde de Torrecedeira, era consignatario e promotor do popular parque Las Cabañas de Peniche e xa arelaba unha cidade deportiva para o equipo no monte do Castro. Un dos vicepresidentes, Manuel Otero Bárcena, presidente da Asociación de Industrias Pesqueiras, que despois chegaría a ser director de Faro de Vigo (1929-1944), puxo en marcha con éxito o servizo de vagóns frigoríficos que cubrían o traxecto a Madrid co peixe do Berbés. O secretario, Gaspar Barreras traballaba no estaleiro familiar. Francisco Curbera Tapias, José Bar Vilaboa, como outros vogais, ademais da súa continuidade cos clubs fundadores, estaban vinculados a actividade comercial. O que amosa o innegable celme industrial e portuario dos primeiros directivos da entidade deportiva.

Podemos saber máis daquel Vigo de 1923 grazas ao primeiro dos álbums do editor vigués Jose Cao Moure (P.P.K.O.), Catálogo de Vigo 1922-1923. (Vigo a través de un siglo), publicación coidadísima de promoción de Vigo «como unha cidade progresiva e culta». Libro esencial na nosa bibliografía, recuperado en 2005, no que ademais dun amplo percorrido publicitario pola actividade económica viguesa, ofrece a excelente reprodución de fotografías e a publicación de varios ensaios, entre os que salientan os textos de Avelino Rodríguez Elías sobre a historia de Vigo e de Jaime Solá sobre o Vigo do arquitecto Antonio Palacios.

O Vigo de 1923 contaba con 53.000 habitantes, trinta mil máis ca no comezo do século e dez veces máis ca en 1840, cando Nicolás Taboada Leal publicou a primeira historia de Vigo. O concello de Vigo contaba en 1923 cuns ingresos de dous millóns e medio de pesetas das que unha cuarta parte procedían do mercado e lonxa do Berbés, que contaba con 350 barcos de vapor, ademais de 500 embarcacións de remo e vela, que ocupaban en toda a ría a preto de dez mil mariñeiros. Vigo contaba entón con 38 fábricas de conservas nas que traballaban 3.426 mulleres e 1.468 homes, ademais de varias fábricas de estampaxe de folla de lata e estaleiros e talleres metalúrxicos. Primeiro centro turístico de Galicia, primeiro porto transatlántico de España, Vigo posuía xa rede de sumidoiros, excelentes augas potables, alumeado público por gas e electricidade, rede comarcal de tranvías, servizo de pasaxe de hora en hora na ría, salas cinematográficas e cafés con espectáculo, ademais dunha intensa actividade recreativa e deportiva. Cidade que contaba cun moderno ensanche monumental e cun porto do que as súas elites comezaban a sentirse orgullosas, que Manuel Olivié definía como «un himno ao traballo» xa que para el «era a cidade de España onde máis se traballaba». Nesa atmosfera optimista e punxente da década de 1920 naceu o Club Celta que en pouco tempo se convertería en icona e memoria da cidade.

Reconquista, mito fundacional da cidade

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao carácter da Reconquista como mito fundacional da cidade de Vigo:

Unha das razóns polas que a batalla da Reconquista comezada ás oito e media da noite do 27 de marzo de 1809 é o mito fundacional da cidade de Vigo foi o seu carácter de rebelión de multitudes organizadas saldada cun número reducido de vítimas, tanto por parte da veciñanza e da Milicia Honrada viguesas e doutras milicias das terras do Fragoso, como das forzas das fragatas inglesas Lively e Venus, que entraran na ría o 23 de marzo e permaneceron á espreita no peirao do Berbés, e dos 1.300 invasores franceses expulsados da vila amurallada despois de 56 días de ocupación.

No combate decisivo por abrir a porta da Gamboa morreron sete dos valentes voluntarios vigueses, abatidos pola fusilaría francesa, entre os que estaba un vello mariñeiro do Berbés, que a trataba de romper a machadazos e a quen Rodríguez Elías identificou como un tal José Ovelleiro e despois Álvarez Blázquez bautizaría como Carolo. Nome que en realidade é un mito, como tamén o da valente Aurora, cos que os vigueses e viguesas anónimos, artífices da liberación, reivindicaron o seu papel, por riba dos méritos que logo a historia repartiría entre cregos como Juan Rosendo Arias Enríquez, abade de Valadares, ou Frei Andrés de Villageliú, morgados como Joaquín Tenreiro Montenegro e Cayetano Prada, alcalde do Fragoso, e militares como Bernardo González del Valle “Cachamuíña”, que recibiu tres balazos nunha perna cando recolleu a machada de Carolo, o tenente do exército portugués João Batista Almeida ou Pablo Morillo, un mal becho que regresaría á cidade en 1823 para sufocar o levantamento liberal.

Un relato do que tamén forma parte como antecedente a emboscada que os mariñeiros do Berbés, do Areal e Coia fixeran o 30 de maio de 1808 á Atlas do inocente capitán Rolland, fragata francesa que ostentaba a aguia de ouro de Napoleón, que o propio emperador regalara  ao navío en 1805, valioso estandarte, mostra da afouteza viguesa que na actualidade forma parte dos fondos do Museo Naval de Madrid. Como tamén o tráxico episodio sucedido o 20 de marzo de 1809 na taberna de Xoana Rial, situada nun dos extremos do canellón do Xuanelo, recreado por Pedro Feijoo no novela Os fillos do lume (Xerais 2017), no que tres soldados franceses asasinaron cos seus fusís e baionetas a tres vigueses humildes, Joaquín Silva, Antonio Salgado e o mociño Juan Antonio Salgado, criado dun chocolateiro, para logo enterralos baixo a area da praia do cabo da Laxe. Crime, que diante das protestas do alcalde Vázquez Varela levou a Chalot, gobernador daquel Vigo ocupado, a prometer xustiza contra os seus propios soldados.

Grave episodio que, segundo o historiador Eduardo Rolland no seu libro Reconquista. Vigo en armas (Xerais 2009), formou parte da apaixonante partida de estratexia que xogaron o coronel Jacques Antoine Chalot, un condecorado e brillante militar do exército de Napoleón, e Francisco Javier Vázquez Varela, o alcalde e xuíz da vila de Vigo, que asumiu unha intelixente estratexia de desgaste formulando ao ocupante todo tipo de queixas, ao tempo que organizaba a resistencia, recollida nas súas memorias, un dos documentos de referencia sobre o acontecido naqueles días. Varela, considerado o mellor alcalde de Vigo da historia, mandou taponar as fontes da vila para privar de auga ao exército ocupante, agochar os víveres e facer desaparecer a forraxe, tratando de impedir a alimentación dos cabalos dos franceses, ao tempo que estableceu unha rede de comunicacións de entrada e saída da vila, na que participaron os freires franciscanos, que serviu para o intercambio de municións e mensaxes.

Como non pode esquecerse neste relato a negociación da capitulación entre Chalot e Morillo a bordo dunha das fragatas inglesas ou enigmas como os do paradoiro descoñecido do botafumeiro saqueado na catedral, cando pasaron por Compostela as tropas do exército de Napoleón, as mesmas que entraron en Vigo o 1 de febreiro ao mando do xeneral Jean Baptiste Franceschi, ou como tras a liberación se xestionou o contido do furgón no que ía o tesouro francés,  tanto as riquezas acumuladas como a caixa do exército, onde viaxaba o diñeiro para pagar os soldados e soster as tropas durante a campaña.

Sen esquecer as consecuencias políticas ás que a Reconquista deu pé, o recoñecemento de Vigo como porto franco para as embarcacións inglesas e a declaración o 27 de outubro de 1810 como cidade fiel, leal e valorosa.  E o que sería aínda máis relevante, desde agosto de 1811, tras a desaparición dos señoríos, a deixar de formar parte do dominio do arcebispo de Santiago. O que suporá a desaparición da vieira no seu escudo, incorporándose a oliveira que medraba no adro da Colexiata. Daquela a cidade, moi minguada económica e comercialmente pola guerra, comezaba con apenas 2.500 habitantes a súa andaina no século XIX.

A oliveira nosa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao futuro e a memoria da Oliveira de Vigo

A piques de comezar as obras do túnel da rúa Elduayen e da actuación urbanística no barrio do Cura e na rúa Poboadores é lóxico preguntarse como vai afectar a Oliveira do Paseo de Afonso XII, o símbolo que figura no emblema heráldico da cidade nosa, desde que en 1813 o alcalde Cristóbal María Falcón solicitou ás Cortes a súa inclusión no escudo de Vigo como «eterno monumento á posteridade». Unha árbore centenaria, incluída no «Catálogo Galego de Árbores Senlleiras», confeccionado pola Xunta de Galicia, no que tamén figuran o matusalén de camelias e os tulipeiros de Virxinia do Pazo de Castrelos, as casuarinas da Alameda e os eucaliptos e as faias do Parque de Castrelos. Árbores todas elas merecedoras dun ámbito especial de protección de posibles riscos e ameazas, das que se garante a súa protección no Decreto 67/2007 da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, aprobado sendo presidente da Xunta de Galicia Emilio Pérez Touriño.

Non é doado establecer a idade exacta da Oliveira de Vigo. Os expertos municipais calculaban hai pouco máis dun ano, despois de realizarlle unha tomografía, que con carácter orientativo puidese ter uns 174 anos. Mais hai unha década, outra medición, utilizando tamén procedementos de tomografía sónica, asumindo unha marxe de erro estimou que superaría os 193 anos, o que significaría que superou xa os douscentos anos, unha idade parella ao carácter bicentenario da propia cidade coa que en boa medida comparte historia. Xaora, estas medicións son coherentes co relato acuñado sobre a súa orixe, unha oliveira plantada arredor do século XII polos monxes templarios no adro da primitiva igrexa románica de Santa María, sobre a que en 1403 se levantou outra de tres naves de estilo gótico, que sufriría o ataque das tropas de Francis Drake (1589) e cuxo estado era xa ruinoso cando chegaron os franceses (1809).

Unha peripecia a daquela vella oliveira que quedou marcada pola explosión da polvoreira do castelo de San Sebastián o 28 de marzo de 1813, o día do cuarto aniversario da Reconquista, que destruíu a que xa entón era igrexa colexiata. Coincidindo co inicio da construción do templo actual (1815), proxectado por Melchor de Prado Mariño, abriuse unha praza diante da portada, o que semella obrigou a derrubar a oliveira da que se contaba se podían sentar a traballar arredor dela até sete persoas. Segundo Avelino Rodríguez Elías, o administrador de aduanas Manuel Ángel Pereira, xenro do alcalde de Lavadores Cayetano Parada, un dos heroes da Reconquista, tivo a intelixencia de recoller un gallo da vella oliveira e plantalo extramurallas nun eido do barrio do Salgueiral, hoxe entre a Porta do Sol e a rúa do Príncipe, onde arraigou.

Crese que foi con motivo do quincuaxésimo aniversario da Reconquista cando os descendentes de Parada plantaron a oliveira no actual emprazamento, no mais fermoso miradoiro vigués dos solpores sobre o anfiteatro da Ría, onde medrou vizosa, acompañando ao da propia abella da ribeira. As investigacións do filatélico vigués Manuel Lago amosan que en 1881 a oliveira aparece nunha tea do pintor Verísimo cun tamaño considerable. Porte que tamén se aprecia nas postais das décadas de entre séculos a carón da saída das dilixencias e primeiros ómnibus metropolitanos. Sabemos polo semanario «La Ráfaga» que 1914 se lle colocou para a súa protección unha pequena reixa. Mais foi o 14 de agosto de 1932, cando nun acto cívico celebrado no entón Paseo Ramón Franco, que así se chamaba o miradoiro na Segunda República, cando se inaugurou a reixa actual, sufragada por suscrición popular, deseñada por Jenaro de la Fuente e forxada en Vulcano, a empresa de Enrique Lorenzo. Unha homenaxe a oliveira, promovida por Avelino Rodríguez Elías, entón cronista oficial da cidade, na que se colocou a placa na que aínda se pode ler un texto que sintetiza o valor deste símbolo para a cidadanía viguesa: «a promesa firme do seu amor, da súa lealdade e da súa abnegación pola cidade amada».

Oliveira que expresa o carácter emprendedor e liberal da cidade, nome escollido en 1856 por Eduardo e Alejandro Chao para o seu semanario, «La Oliva», a primeira publicación progresista viguesa, impresa por Juan Compañel no seu prelo da rúa Real. Como Oliva foi tamén o nome dun orfeón e logo sociedade recreativa que en 1908 promoveu a instalación na Alameda do monumento ao poeta Manuel Curros Enríquez.

Descoñecemos cal vai ser o futuro que lle agarda a nosa árbore primeira nas actuacións urbanísticas previstas na súa contorna, entre a rúa Poboadores e o Paseo de Afonso. A oliveira é un patrimonio principalísimo da cidade que non pode ser ameazado nin sometido a risco ningún. Os responsables dos proxectos deben presentar como quedaría un espazo urbano que representa o que é a cidade dende hai 800 anos.

 

Vigo literario

No día da Reconquista dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a importancia de considerar o Vigo literario como un eixo estratéxico para o Vigo metropolitano:

XG00262201Coincide a festa da Reconquista deste ano coa chegada ás librarías de O Códice esmeralda (Xerais, 2017), a novela de Alberte Blanco arredor da batalla de Rande de 1702, que utilizando os recursos dun engaiolante relato de intriga, alicerzado sobre unha sólida documentación, afonda nun dos episodios históricos claves do Vigo metropolitano. O escritor de Santoardán deita outra ollada orixinal sobre o tema da procura do tesouro dos galeóns de Rande, que xa fora abordado polo cronista Avelino Rodríguez Elías en La escuadra de plata (1935), libro felizmente reeditado en facsímile polo Instituto de Estudios Vigueses (1994), e con gran éxito por Pedro Feijoo en Os fillos do mar (2012).

Blanco e Feijoo escolleron a ría de Vigo para localizar as súas novelas convertendo este espazo metropolitano en excepcional coprotagonista duns relatos nos que afondan na historia e na orixe da propia cidade. Un recurso que de forma pioneira empregara a escritora María Xosé Queizán en Amor de tango (1992) e que, máis recentemente, foi usado por Domingo Villar en Ollos de auga (2006), Jaureguizar en Amor de serea (2013), Francisco Castro en Tes ata as dez (2014), Fran P. Lorenzo en Cabalos e lobos (2015) ou Ledicia Costas en Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta (2016). Obras, todas elas escritas en lingua galega, capaces de formar un catálogo dunha auténtica cidade de novela, relatos que dende os territorios da ficción contribúen a forxar a memoria local e o orgullo de cidade, probablemente de forma máis eficaz que os textos (imprescindibles) dos investigadores locais, ao tempo que a proxectala no mundo, na medida que a maior parte delas foron traducidas a outras linguas. Novelas viguesas, pois, que fan cidade e cidadanía lectora.

A esta condición de ser cidade de novela, Vigo engade a súa orixe de estar fundada no século XII polos versos do poeta Martín Codax, como testemuña o “Pergamiño Vindel”, a nosa primeira icona, cuxo orixinal por ventura coñeceremos in situ no vindeiro outono. Como Vigo ten na historia de Galicia o privilexio de ser a cidade onde Rosalía de Castro publicou “Cantares Gallegos” (1863), o seu primeiro libro de poemas. O seu editor, Xoán Compañel, iniciou no obradoiro da rúa Real, a condición de Vigo como cidade editorial, que a partir da década de 1940 recuperarían editores vigueses como Eugenio Barrientos na editorial Cíes da rúa Elduyen, Francisco Fernández del Riego da Galaxia de Reconquista 1 e Xosé María Álvarez Blázquez das edicións Monterrei e Castrelos da rúa Pi i Margall. Tres editores pioneiros dunha actividade que dende 1980 convertiu a Vigo en capital editorial de Galicia e un dos referentes máis activos da edición en España.

Vigo é cidade literaria de seu por contar coa Biblioteca Penzol, a primeira en temas galegos do mundo, co Verbum, un museo (infrautilizado) dedicado á palabra, e coa potencia formativa e investigadora da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. E, sobre todo, é cidade literaria por que aquí viviron algunhas das grandes figuras literarias das últimas décadas, como don Álvaro Cunqueiro, o poeta Celso Emilio Ferreiro ou os para nós inesquecibles Agustín Fernández Paz, Xela Arias e Ramiro Fonte. Como o é por que en Vigo continúan traballando arreo María Xosé Queizán, Xohana Torres, Xesús Alonso Montero e Xosé Luís Méndez Ferrín, nomes que inician a longa lista de autoras e autores vigueses. Como é cidade literaria polo seu carácter de segunda cidade verniana do mundo, un privilexio que para si moito quixeran outras con tradición cosmopolita, ademais de berce da lírica galego-portuguesa, como xa adiantamos.

Xaora, chama moito a atención que, coa excepción do Festival Kerouac de performance e poesía, que se celebra dende hai seis anos no mes de outubro, Vigo careza doutros grandes eventos, como festivais, encontros ou feiras do libro, que mobilicen os recursos e a atención dos públicos lectores. Como é incomprensible que, despois da desaparición hai dúas décadas do Premio internacional de poesía Celso Emilio Ferreiro, o concello de Vigo non promova nin participe nalgún premio literario relevante, apoiando así a creación dos nosos autores e autoras ou recoñecendo a traxectoria dalgunha figura internacional, como correspondería a unha cidade literaria cosmopolita, que pretende ser recoñecida como tal.

A súa condición de cidade literaria, case milenaria, achega a Vigo unha potencialidade de cohesión interna e de proxección internacional, que non debería desaproveitar. Poñer en valor o Vigo literario debería constituír un dos eixes do desenvolvemento estratéxico metropolitano.