Onte 511: Co Capitán Aspanitas en Ourense

Volvemos a Ourense para desta volta participar na presentación d’ O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, a máis recente novela infantil de Ramón Caride ilustrada por Jaime Asensi. A obra naceu do personaxe do Capitán Aspanitas creado pola asociación Aspanas e a empresa de economía social Aspanas Termal S.L., na que traballan máis dun centenar de persoas con discapacidade. A coincidencia desta presentación (á que asistiron case dúascentas persoas) co Día Escolar da Non Violencia e pola Paz foi moi afortunada, xa que este superheroe ourensán encarna os valores da paz, a tolerancia, a solidariedade que se celebran nesta xornada que tanto animou o noso lembrado Suso Jares. Aspanitas (quizais mellor sería Aspaniñas, como propón o Carrabouxo) combate a inxustiza e as agresións ao medio ambiente alí onde se produzan. Un personaxe afouto personaxe infantil moi necesario en tempos de catástrofe moral coma os que hoxe vivimos. “Todos somos capitáns, compañeiros de lugar, coma nós…”, eis o retrouso do himno emocionante de Magín Blanco, que cantou na presentación acompañado por Tonhito de Poi. Unha presentación excelente para un libro e un proxecto de empresa de economía social que merece apoio e recoñecemento.

Onte 510: Anunciando as novidades

Intensa tarde de presentación do programa de novidades para este primeiro semestre diante da nosa comercial. A pesar da inevitable redución do número de títulos, non podemos agochar a nosa ilusión pola diversidade e calidade desta xeira editorial. Nos próximos meses en Xerais Narrativa aparecerán novas novelas de Carlos Reigosa (A vitoria do perdedor), Hixinio Puentes (Winnipeg), Manuel Portas (Faneca brava) e Xabier Paz (As vidas de Nito). En Crónica Suso de Toro regresara aos andeis das librarías con Inmaterais e Valentina Formoso publicará Do estigma á estima, un ensaio sobre a lingua galega e o alumando da Educación Secundaria. A obra dedicada á celebración do Día das Letras Galegas será Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro de Roberto Pascual. Tamén celebraremos o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos coa edición do texto alboral de Rosalía de Castro preparada por Anxo Angueira, así como polo ensaio de Fernando Pereira sobre a iconografía rosaliana. María Reimóndez e Olga Castro publicarán o ensaio Feminismos e Anselmo López Carreira a súa Historia de Galicia, a primeira no catálogo de Xerais. En Fóra de Xogo, a colección xuvenil publicaremos senllas novelas de Ramón Caride (Endogamia 0.2) e Manuel Lourenzo (Flor de area). Tamén de carácter xuvenil é Amor de serea, a terceira entrega da serie Tintimán de Jaureguizar, e Reckless 2. Vida nas sombras de Cornelia Funke. Nas coleccións infantís terán novidades, entre outros,  Agustín Fernández (Desde unha estrela distante), Ánxela Gracian (As palabras do silencio), Xelís de Toro (O gato fantasma) e Antonio Garcia Teijeiro, antoloxía da súa poesía infantil (Un rato díxolle a lúa). Por último, tras cinco anos de edición, aparecerá Tastarabás. Enciclopedia dos brinquedos tradicionais de Antón Cortizas, unha obra monumental, máis dun milleiro de páxinas a cor, que recupera un dos eidos da nosa etnografía viva.

Onte 508: #DoutorAgustin

Para todos os amigos de Agustín Fernández Paz foi unha fachenda tremenda acompañalo no seu acto de investidura como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Sabiamos que non era outra homenaxe máis das recibidas nos últimos anos polo autor de Contos por palabras. Tratábase do seu recoñecemento institucional como educador, como mestre de mestres, probablemente tamén o recoñecemento implícito o labor da súa xeración –á que Henrique Costas na súa magnífica laudatio definíu como «Xeración de mestres narradores», á que tamén temos bautizado  aquí como «Xeración Lamote (da que forma parte xunto a Xabier DoCampo, Paco Martín, Fina Casalderrey e Xavier Senín»– na creación e pulo da literatura infantil e xuvenil en galego. Tratábase, ademais, como tamén salientou Costas, de recoñecer no #DoutorAgustin un «exemplo de ética coa Terra A Nosa e coa Terra enteira», ese compromiso que o novo doutor definiu no seu discurso como «o trazo máis característico da cultura galega, o de ser célula de universalidade, a vontade de sermos unha peza máis no mosaico mundial das culturas; a conciencia de que só se pode ser universal desde a asunción das propias raíces». Agustín artellou a súa maxistral intervención sobre o eixo de seis lembranzas e unha narración. Tempo haberá de lela e gozala devagariño como merece. Adianto tres parágrafos anotados na libreta que me pareceron marcantes.

Primeira: «A min, non só como cidadán, non só como o docente que fun durante tantos anos, non só como escritor en galego, esta realidade máncame no máis íntimo [referíase á política lingüística]. Que difícil é construír, canto traballo leva conseguir avances, e que doado e rápido resulta o labor de demolición!» .

Segunda: «Ás veces un sente a tentación de, como o protagonista d’A mirada de Ulises, o lúcido filme de Theo Angelopoulos, brindar «Polas esperanzas rotas. Polo mundo que non cambiou a pesar dos nosos soños». Mais, como a que movía a Penélope e finalmente se viu cumprida coa arribada de Ulises ás ribeiras de Ítaca, os azos e a esperanza no futuro camiñan sempre canda nós».

Terceira: «Escribir como un acto de rebeldía, como un acto de amor. Escribir co desexo intenso de crear algo que antes non existía. Escribir coa mesma entrega con que meu pai facía unha mesa ou un armario. E ser consciente de que «aramos sobre os mortos desta terra», de que a nosa escrita se alimenta da dos autores que nos precederon, primeiro dos que escribiron na miña lingua, mais tamén dos de toda a literatura universal. O saber que vén de lonxe pasa a través de min, de nós, e proxéctase no futuro».

Compromiso, esperanza, amor tres palabras das grandes para un discurso memorable.

Onte 504: Todo OK con Ameixeiras

No serán de onte, o xornalista Fran P. Lorenzo conversou durante case unha hora con Diego Ameixeiras sobre Todo OK. Presentábase así na Libraría Couceiro de Compostela a sétima novela do narrador ourensán, coincidindo coa reedición de tres das súas obras anteriores, a segunda de Baixo mínimos, coa que debutou en 2004 e na que creou ao detective Horacio Dopico, a terceira edición de Tres segundos de memoria, coa que obtivera o Premios Xerais en 2006, e a cuarta de Asasinato no Consello Nacional, desta volta prologada por Xosé Manuel Beiras. Antes de comezar a conversa, Fran P. Lorenzo definiu Todo OK como “unha reflexión sobre a xustiza, a verdade e os medos profundos da sociedade actual encarnados nun personaxe da forza de Inés Landeira, A Coxa, acompañándoo no seu desconcerto no devalar da vida”. Salientou despois a economía expresiva incrible da escrita da novela, “sendo moi difícil chegar a ese punto no que se logra a esencia dun relato artellado sobre unhas tramas mínimas e uns personaxes moi potentes”.

A conversa comezou sobre a forza do personaxe de Inés, a protagonista da novela. Diego confesou que quixo que o personaxe principal da novela fose unha muller, sendo consciente que “dentro do xénero da novela negra non se lle fixo demasiada xustiza ao pepel da muller”. Salientou que “Inés ten unha enfermidade, vive unha situación familiar límite e busca unha solución para evitar entrar na cadea. Pretendín que o personaxe non fose tratado con ningún tipo de diferenza se fose un home”. Despois Lorenzo e Ameixeiras abordaron a utilización dos tópicos da novela negra. Para Diego “a posibilidade de etiquetar unha novela como negra non é relevante á hora de comezar a escribir unha novela”, porén recoñeceu que “teño sempre a obriga de intentar que o meu seguinte libro sexa mellor co anterior”. “As miñas primeiras novelas, as protagonizadas polo detective Horacio Dopico, especialmente a primeira, Baixo mínimos, agora reeditada e escrita en 2002, considéroas de aprendizaxe, mesmo un axuste de contas con moitas novelas negras que lera daquela, como me comentou Andreu Martín, un dos mestres da novela negra europea, que el fixera. Unha vez que te liberas dos tópicos e convencións do xénero, vas procurando os teus propios camiños. É o que intentei e intento facer dende entón”.

Proseguiu a conversa, preguntando Lorenzo sobre se os diálogos da novela, moi cribeis e nada banais, podían ter que ver co coñecemento de Ameixeiras do medio audiovisual, así como sobre o exercicio tan complexo de “expresar o máximo co mínimo”. Diego recoñeceu que non “podía negar a influencia do medio na escrita dos diálogos”. “Pretendín que toda a información se achegase por medio dos diálogos. Estou convencido -dixo- que es mellor escritor polo que calas que polo que escribes. Cómpre deixar espazo á intervención do lector. Ademais, para o escritor é moi importante escoitar como fala a xente. Como buscar a esencia do que queres dicir con poucas palabras. Isto para min é clave”.

Finalizou a conversa, abordando a cuestión dos nexos existentes entre a novela negra e a actualidade. Diego recoñeceu que “quixen sempre que esta novela tivese unha dimensión tráxica, mais que non existise unha liña divisoria entre o que está ben e o que está mal”. Por último, adiantou a primicia de que rematara unha primeira versión da próxima novela na que introducirá “temas de moita actualidade como o dos bancos”.

Onte 499: Fina académica

Aledeime da elección de Fina Casalderrey como membro da Real Academia Galega. Unha magnífica noticia para a institución de Tabernas 11 que reforza o seu plenario cunha recoñecidísima escritora do xénero infantil e xuvenil, ao tempo que recupera o número de académicas de 2010, o que debería supoñer tamén o inicio do seu imprescindible proceso de feminización.

Casalderrey ten méritos de máis para asumir a súa condición académica. Nas dúas últimas décadas, nas que tiven a grande fortuna de colaborar con ela como editor, desenvolveu un catálogo narrativo para lectores de todas as idades nas que aborda temas esenciais da condición humana, nalgúns casos moi pouco frecuentados pola literatura infantil. A morte, a soidade, a emigración, a exclusión, a diferenza, a vellez, a doenza son algunhas das cuestións abordadas por Fina en libros inesquecibles como O estanque dos parrulos pobres (unha das miñas obras preferidas) ou Eu son eu, pequenas alfaias da narrativa galega. Fíxoo, ademais, empregando procedementos narrativos complexos e unha prosa de coidadosa sinxeleza, consciente de que con eles contribuía á formar un criterio literario nos seus lectores e lectoras novas. Mestra comprometida coa galeguización educativa, formidable narradora oral, ocupouse tamén da escrita de textos dramáticos, que nun principio preparou para representar cos seu alumnado de Moraña, e máis recentemente do guión e da dirección cinematográfica. Sen esquecer que durante este período traballou co seu compañeiro Mariano García na investigación da gastronomía popular galega, recollida en volumes como O libro da empanada ou Repostería en Galicia, por citar os máis veces reeditados.

Fina achegará á Academia o seu talento como ficcionista todo terreo e a súa actitude agarimeira e integradora, a súa defensa inquebrantable da lingua e o seu coñecemento profundo da escola galega e da infancia, o seu traballo educativo renovador e o seu talento didáctico capaz de conectar con todo tipo de públicos. Parabéns á Academia por tan oportuna elección. Beizóns a nosa benquerida e admirada Fina.

Onte 497: Fervenzas literarias 2012

Por sexto ano consecutivo Fervenzas Literarias fixo públicos os seus premios anuais elixidos por case cincocentas tarxetas de votación. Este premio dos lectores e lectoras de literatura galega na rede consolídase como o primeiro referente de cada xeira anual de recoñecementos a obra editada, ao tempo que pola súa continuidade e diversidade (xa que valora todos os xéneros da edición como actividades arredor da lectura) como un dos máis prestixiosos no noso sistema editorial e de lectura. Agradezo moi sinceramente a todas as persoas que participaron nestas votacións os apoios que proporcionaron aos libros publicados por Xerais, que obtiveron excelentes resultados. Outrosí pola súa xenerosidade, outro ano máis, con estas bretemas escollidas como mellor blog. Uns recoñecementos que constitúen para nós un aliciente xeneroso para proseguir o traballo diario. As miñas beizóns para Fervenzas Literarias e para os seus lectores e lectoras.

Onte 494: O home novo

Acompañei a Xesús Alonso Montero na presentación do seu libro máis recente no Liceo de Ourense. Diante dun centenar de persoas, o que foi definido polo doutor Manuel Peña Rei como “o mellor orador contemporáneo de Galicia, sucesor de Ramón Otero Pedrayo” debullou durante hora e cuarto as teses principais do seu ensaio sobre o Castelao filocomunista que viaxou a Unión Soviética de Stalin en 1938. O profesor relatou a súa viaxe á Unión Soviética hai cincuenta anos, cando participou no Congreso Mundial da Paz formando parte dunha delegación do PCE, xunto a outros intelectuais como José Agustín Goytisolo. Don Xesús confesou que regresara de Moscú pouco entusiasmado, mais convencido de que no capitalismo non se podería construír “o home novo” que procuraba o humanismo marxista. Moito máis decpecionante foi a súa viaxe a usia en 2005, cando foi convidado a ditar unhas conferencias polo Instituto Cervantes, na que aproveitou a preparar algúns materiais deste libro sobre Castelao. “Encontreime coa realidade das mafías, dos ricos e cunhas desigualdades que non se ven en ningún outro país. Ese é o peor rostro do capitalismo”. Rematou Alonso Montero reafirmando o seu compromiso co “home novo”, coma fixera hai cincuenta anos cando ingresou no Partido Comunista, e chamando a participar nos actos do centenario do nacemento de Santiago Álvarez que se celebrarán en San Miguel de Outeiro no vindeiro mes de febreiro.

Onte 485: Entrevista no «Culturas»

Gustoume moito como titulou Ramón Nicolás a entrevista que me fixo para o número 500 do «Culturas», o suplemento de La Voz de Galicia. «O conformismo é incompatible co oficio de editor» entendo que unha frase acaída para resumir a actitude proactiva coa que os editores galegos debemos afrontar a crise e o proceso de mudanza profunda que vive o noso sector. Non hai dúbida que o vieiro posible para sairmos da crise actual está na mudanzas das políticas estratéxicas sobre a lingua e a lectura, como tamen por unha aposta pola dixitalización e a innovación. As miñas beizóns a La Voz de Galicia por estes dez anos do seu suplemento cultural e a nosa gratitude pola oportunidade de expresar as opinións do sector editorial nas suas páxinas.

O texto da entrevista completa (incluída unha pregunta e unha resposta que quedou fóra por cuestión de espazo) pode lerse no blog de Ramón Nicolás.

Onte 471: Twitter 4.000

O meu perfil de Twitter superou onte as 4.000 persoas seguidoras. Non agocho a miña perplexidade polo feito, non exenta de satisfacción, tanto por ser unha cifra elevada para un perfil cuxa lingua vehicular é a galega, coma polo acicate que supón na estratexia, na que vimos teimando dende hai nove anos, de contribuír a tecer e tecer a rede na nosa lingua. A miña maior gratitude a todas aquelas persoas que seguen hoxe o perfil, como tamén aqueloutras que se cansaron de facelo, no que coma facemos no blog compartimos información sobre as nosas preocupacións: a edición, os libros, a lectura, a lingua, a literatura, a política e o fútbol (celeste). Na medida das miñas posibilidades, continuarei apostando para que «compartir» sexa o primeiro verbo en Twitter.

(Desculpas por esta anotación de «autobombo»)

Onte 470: Con Callón en Vigo

Acompañei a Carlos Callón na roda de prensa que organizamos na cafetaría do Marco para presentar en Vigo Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Como é adoito, Callón contaxionounos decontado o seu entusiasmo inconformista e a súa convicción sobre a importancia do traballo corresponsable na activación lingüística, unha tarefa á que está chamada a participar toda a cidadanía.

Iniciou as súas declaracións confesando que «este libro, coma o anterior, xoga coa idea da autoaxuda, pretende ofrecer un diálogo lúdico, práctico, útil e funcional no que participen todas aquelas persoas interesadas polo noso idioma, dende aquelas que se queren incorporar o seu uso decote, aquelas galegocalantes que queren ser galegofalantes, pasando polos estudantes galegos de diferentes niveis que poden utilizado como manual de consulta, até aqueloutras que xa falan galego mais queren mellorar a súa calidade  lingüística». «Aprender unha lingua é tarefa de toda unha vida, razón pola que este libro está destinado a un público moi diverso. Ademais, é un libro, lamentablemente, necesario. Como lembran as sentenzas recentes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia é necesario, aínda, un apoio suplementario para a nosa lingua. Precisamos un apoio dende os poderes públicos que garanta que o alumnado de todos os niveis teña competencia en galego».

Despois insistíu Callón en que «o mellor xeito de apoiar unha lingua é utilizala» e que «a maioría da xente que fala castelán en Galicia ama a lingua galega». Referíuse a importancia de fenómenos de uso do emprego do galego como que a rede social Tuenti, utilizado polas persoas novas, conte con 130.000 perfís en galego. Denunciou que «a prensa escrita utilizase hoxe menos o galego ca na Transición, o que demostra un uso fraudulento das axudas públicas destinadas a promover o uso do galego nos medios». Rematou facendo un chamamento á participación na manifestación organizada pola plataforma Queremos Galego o 27 de xaneiro «Polo galego que nos une».