Contos de familia
/en Narrativa, Novidades, Xerais/por bretemas
Esta noite presentamos os Contos de familia de Xesteira. Creo que este é un dos libros de relatos máis interesantes que publicamos nos últimos tempos. Son once historias, ambientadas na Redondela dos anos da fame, escritas cos caracteres da tipografía da memoria construída no seo de cada familia.
Un libro que reivindica, dende a foto de cuberta, o espazo íntimo e acolledor daquelas cociñas doutrora, un lugar sagrado onde ocorrían cousas tan marabillosas como asistir ao milagre de sacar do forno un queique ou un ollomol con patacas ou participar dun tango ou dunha habanera mentres se fregaba a louza na pía ou se recollía a mesa.
Xesteira, un narrador tan hábil como económico nos recursos que utiliza, reconstrúe argumentos moi coñecidos entre os seus, empregando recortes de moitas pezas, de pequenos detalles da vida cotiá das nosas casas humildes, de cousas fantásticas e doutras demasiado reais, de medos descoñecidos ou coñecidos de máis. E faino coa intención de dignificar a eses protagonistas anónimos da xeración das nosas nais, a quen tanto lle debemos.
Moito temos falamos nos últimos tempos da necesidade de recuperar a memoria histórica. Este libro de ficción, emocionante e emotivo, non fai outra cousas que colaborar neste proceso, transformando os recordos individuais do cotián (esa substancia ou saudade emotiva presente en todas as páxinas do libro) en memoria colectiva e vivificada. Un libro, aparentemente sen grandes pretensións, que, porén, aborda toda a complexidade da condición humana en tempos difíciles. Agardo que non pase desapercibido.
Kalendas
/en Poesía, Presentacións, Xerais/por bretemas
Viaxamos á cidade da brétema para presentar as Kalendas de Xosé Lois García. O acto, que repetimos ao día seguinte en Chantada, tivo grande altura literaria, sobre todo, pola intervención moi meditada de Xosé Manuel Eiré, quen cualificou o libro “como un proxecto poético absolutamente inusitado, froito dun traballo hercúleo que acaba posuíndo ao lector”. “Poesía océano, esixente e esixida”, foron outras das valoracións de Eiré para este libro nacido da convención formal de manuscribir un poema diario nunha axenda cubana dedicada a José Marti. Almanaque ou axenda poética, xornal lírico, enorme poema que narra a existencia ao longo do ano 2003 do noso maior poeta emigrante, Kalendas é unha proposta que pola súa orixinalidade e dimensión merece non pasar desapercibida.Novo Premio de literatura Xuvenil
/en Literatura infantil e xuvenil, Premios, Xerais/por bretemasEspazo de diálogo e memoria
/en Presentacións, Xerais/por bretemas
Na magnífica presentación de onte anotei nas miñas brétemas (eses cadernos que sempre me acompañan) estas frases para a reflexión:
- A literatura é un espazo de diálogo. (María do Cebreiro)
- É importante contar cunha novela galega sobre o conflito vasco. (María do Cebreiro)
- O coñecemento é o que nos fai libres. (Marilar Aleixandre)
- A memoria está en preservar os nomes e os datos. (Marilar Aleixandre)
Novela de Marilar Aleixandre
/en Autores, Literatura infantil e xuvenil, Xerais/por bretemas
Esta tarde presentaremos Rúa Carbón, a última novela de Marilar Aleixandre. Grazas á iniciativa de Vieiros pódese descargar un capítulo en PDF.
Creo que a moitas persoas adultas vailles sorprender atopar nunha colección, teoricamente, xuvenil un texto que aborda a complexa procura das identidades individuais e colectivas, tendo como teón de fondo o conflito político vasco e o terrorismo de ETA. Esta novela paréceme tan valente como sólida. Na vindeira primavera será editada en castelán. Recoméndoa vivamente.
Contra Maquieiro
/en Novidades, Poesía, Xerais/por bretemasO grande mestre organizou estes textos, absolutamente inéditos, en catro grandes apartados:
I. “Contra Maquieiro” (o corpo de trinta poemas que dan título ao volume);
II. “Cuarteto con Alemaña” (catro poemas de verso moi longo);
III. “Ex Senectute” (seis poemas)
IV. “Profecía de Taramundi” (dezanove versículos, case prosas versificadas ao xeito bíblico).
O poemario constitúe unha revista ao século XX, dende a guerra de Cuba ata o seu remate. Velaí os tres primeiros versos do libro, que constituirá o número 10 de Xerais Poesía e aparecerá nas librarías galegas nos primeiros días do mes de novembro:
Dáme Razón un lóstrobo de sombra
pra eu ver a casa dos oprobios os lugares
cóncavos nos que o meu tempo fosforeceu
O heroe
/en Autores, Novidades, Teatro, Xerais/por bretemasO heroe está protagonizada por Arturo Piñeiro, alias Caronte, ex lexionario, ex boxeador coñecido como Robinson, quen atende a barra de La Boîte de Pandora, un bar portuario, onde se ofrecen combates de boxeo e loita libre, abertos e pechados cos fados que interpreta Lucía, a súa muller. Todo se axitará na penumbra do local coruñés coa presenza dos Homes de sombra e coa chegada agardada de Anna, a pintora, e de Lanzarote, o loitador antifranquista, vendedor de máquinas de escribir, que recita fermosos poemas de amor. Caronte arrastra o culto á pena de Marte, a forza daqueles que gabeando a ras de chan tentan non perder o temón da súa vida, demostrando que a resistencia contra a morte e o tirano aparece nos lugares máis imprevistos, sendo protagonizada polos seres que viven nas abas da vida, defendéndose coas verdades gardadas nos ósos das palabras.
O heroe, a primeira peza teatral de Manuel Rivas, escrita con trazos de ironía e dureza, sitúanos nun presente recordado, entre un episodio histórico do franquismo e a contemporaneidade, para mergullarnos nunha subversión do concepto de heroe como culto ao guerreiro. Esa falsa idea do valor que paira de novo sobre o noso tempo.
A edición d’ O heroe será presentada, coincidindo coa súa estrea, en Ourense na tarde do 15 de outubro.
O lapis de Dios
/en Xerais/por bretemas
Fomos ao estudio que Xosé Luis de Dios ten en Fronteira a recoller o traballo que preparou para a edición ilustrada do lapis do carpinteiro. Despois dun par de horas de conversa gozosa e intelixente, viñemos chimpando de ledicia pola autoestrada con medio cento de debuxos e tintas no cartafol. De Dios é un pintor de estirpe disidente, deses escasos lectores empedernidos de poesía e ensaio, un auténtico artista e intelectual na súa madurez. Confesounos que intenta agora visitar os vieiros e camiños plásticos que percorreu noutrora, como unha nova viaxe polas paisaxes da alma.Concibimos esta edición do lapis, o noso libro máis emblemático dos últimos anos (que tamén será a definitiva na fixación do texto) como un reto para o noso traballo de editores.
Chegan as novidades
/en Xerais/por bretemas
Son días bonitos estes nos que, despois do café da mañá, atopo na mesa as novidades co seu arrecendo a tinta aínda fresca. Este para min, a pesar de terse repetido cento de veces, é un momento de candorosa alegría. Estes días foron moi produtivos; velaí a chegada dos premios Xerais e Merlín, da novela de Marilar, dos ensaios de Helena, das kalendas de Xosé Lois, e hoxe dos poemas de formas clásicas de Ramiro. Axiña estarán todos nos andeis das librarías para comezar a nova tempada. Decontado comezarán as presentacións e as viaxes…

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
Un pacto pola lingua?28 de Outubro de 2026 - 8:41 a.m.
Igualada positiva26 de Outubro de 2026 - 8:48 a.m.
Agustín de Paz e a lingua20 de Outubro de 2026 - 8:37 a.m.
Defensa ofensivo, porteiro salvador19 de Outubro de 2026 - 8:46 a.m.
Cambio do xogo17 de Outubro de 2026 - 8:45 a.m.






