Contos de familia

Esta noite presentamos os Contos de familia de Xesteira. Creo que este é un dos libros de relatos máis interesantes que publicamos nos últimos tempos. Son once historias, ambientadas na Redondela dos anos da fame, escritas cos caracteres da tipografía da memoria construída no seo de cada familia.
Un libro que reivindica, dende a foto de cuberta, o espazo íntimo e acolledor daquelas cociñas doutrora, un lugar sagrado onde ocorrían cousas tan marabillosas como asistir ao milagre de sacar do forno un queique ou un ollomol con patacas ou participar dun tango ou dunha habanera mentres se fregaba a louza na pía ou se recollía a mesa.
Xesteira, un narrador tan hábil como económico nos recursos que utiliza, reconstrúe argumentos moi coñecidos entre os seus, empregando recortes de moitas pezas, de pequenos detalles da vida cotiá das nosas casas humildes, de cousas fantásticas e doutras demasiado reais, de medos descoñecidos ou coñecidos de máis. E faino coa intención de dignificar a eses protagonistas anónimos da xeración das nosas nais, a quen tanto lle debemos.
Moito temos falamos nos últimos tempos da necesidade de recuperar a memoria histórica. Este libro de ficción, emocionante e emotivo, non fai outra cousas que colaborar neste proceso, transformando os recordos individuais do cotián (esa substancia ou saudade emotiva presente en todas as páxinas do libro) en memoria colectiva e vivificada. Un libro, aparentemente sen grandes pretensións, que, porén, aborda toda a complexidade da condición humana en tempos difíciles. Agardo que non pase desapercibido.