Historias de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar o libro Historias de Vigo de Jorge Lamas:

Nestas páxinas témonos laiado do carácter desmemoriado de Vigo, unha cidade que semella ter escasa historia, apenas dous séculos trepidantes nos que aquela viliña de mariñeiros do Berbés se transformou por aluvión na punxente cidade portuaria e industrial que hoxe coñecemos. Porén e por ventura, esta visión simplista da historia viguesa está sendo desmontada grazas ás investigacións dunha nova xeración de arqueólogos e historiadores, como ao traballo dun fato de divulgadores entusiastas, boa parte deles membros do Instituto de Estudios Vigueses, que demostran o carácter milenario dunha comunidade asentada dende hai douscentos mil anos na beira da ría de Vigo ao abrigo do vizoso Val do Fragoso. Unha batalla contra o esquecemento e a desmemoria na que cada vez participa con máis interese a cidadanía, como demostra o éxito das actividades e dalgunhas publicacións deste carácter como os itinerarios históricos polo Vigo Vello do escritor Pedro Feijoo que coma se se tratase do frautista de Hamelin conduciu a centos de persoas, convocadas por Facebook, durante a fin de semana pasada.

Nesta angueira de demostrar que Vigo ten tanta historia como calquera das outras cidades galegas ou portos atlánticos, nesta causa de contribuír a curar a amnesia histórica que padecemos moito teñen contribuído os artigos publicados na prensa viguesa polos cronistas da cidade Avelino Rodríguez Elías, José Espinosa Rodríguez, Xosé María Álvarez Blázquez, Lalo Vázquez Gil ou polo actual Ceferino de Blas; mais tamén por xornalistas comprometidos coa memoria de Vigo como Manuel de la Fuente, Gerardo González Martín, Xosé Armesto Faginas, Javier Mosquera, Francisco Pablos, Eduardo Rolland ou Jorge Lamas, ou por escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín, arquitectos como Xaime Garrido e José Martín Curty, profesores como Pedro Díaz ou Xosé Ramón Iglesias Veiga ou escritoras como María Xosé Queizán, entre outras firmas. Textos xornalísticos que semana e semana foron construíndo un novo relato cuxo argumento ten como fío condutor o carácter cosmopolita dunha cidade con fondas raíces na época castrexa e civilización romana, porto atlántico onde se libraron algunhas das batallas máis decisivas para a historia europea, ao tempo que se foi convertendo no motor de tracción necesario do proxecto de convivencia galego.

Con semellante intención, o xornalista vigués Jorge Lamas, responsable da sección «Eran otros tiempos» da edición viguesa de «La Voz de Galicia» e do blog «Del Berbés hacia arriba», acaba de publicar o libro «Historias de Vigo» (Xerais 2018), volume de 376 páxinas con vontade de converterse nese manual de viguesidade tan necesario para dar resposta ás preguntas máis habituais sobre unha cidade con moita historia, mais con moitas historias aínda descoñecidas. Un libro escrito con vontade de estilo e afán didáctico e divulgativo que con moito acerto comeza aclarando as razóns da escolla de símbolos e referentes do imaxinario vigués, dende a propia denominación da cidade e da icona da súa oliveira (expresión histórica do seu carácter liberal, tamén rebelde), pasando polos triángulos brancos e vermellos da súa bandeira, dalgúns dos seus alcuños literarios («Oliveira» ou «Xouba city»), até a súa patroa ou o nome e o vestiario celeste do noso primeiro club de fútbol. Unha obra con vontade enciclopédica que non esquece botar unha ollada de grande angular sobre o territorio vigués que bautiza como «cidade dos nove outeiros» (ao xeito dos sete cotarelos romanos) estendida sobre 24 parroquias nunha ría que conta cunha liña de navegación de 33 km, mais que retrocede de forma inexorable recheada dende hai máis dun século.

Un libro que non esquece retratar a personaxes e colectivos destacados na historia viguesa, dende os poetas Martín Códax e Vesteiro Torres até aquelas folguistas das empacadoras do Berbés (1919) e da conserva do Areal (1931), pioneiras dunha proeza onde aparecen aínda poucos nomes de muller que, sen dúbida, deben ser incorporadas ao relato colectivo. No entanto, a cerna da magnífica obra de Lamas atopámola nas historias de Vigo, unha escolla dos episodios máis significativos de cada período histórico, como a dos carteiros alemáns e ingleses, fotografados por Pacheco no seu estudio de Príncipe, días antes que se enfrontasen na primeira guerra mundial. Textos breves, moi coidados, ordenados de forma diacrónica, que enfían o relato dunha completa historia de Vigo, onde o autor bota man dos recursos dos diversos xéneros xornalísticos, como a entrevista e a crónica, coa intención de engaiolar ao lectorado. «Historias de Vigo» demostra que non existe historia local, cando falamos da historia de Vigo falamos da historia universal. Un libro dos imprescindibles, moi recomendable.

Onte 1977: «Galica en bus» de María Reimóndez en Andel

Fran Alonso, Ramón Nicolás e Susana Sánchez Arins presentaron onte na Libraria Andel Galicia en bus, o libro de María Reimóndez gañador da vixésima edición do premio Johán Carballeira de poesía convocado polo concello de Bueu. Un poemario que o director de Xerais definiu como «íntimo e social, persoal e político, atravesado pola experiencia de percorrer o país en liñas de autobús» «Galicia en bus é un mapa literario arroupado nunha perspectiva de xénero, que critica de forma moi forte ao machismo e á ocultación perversa que se fai da muller. Un libro con moitas curvas, a pesar de a autora confesa que non é capaz de escribir en bus. Un libro que constitúe unha viaxe na que acaban doendo tanto o cu como a conciencia».

Fran Alonso abordou despois a estrutura dunha obra organizada en catro partes: «A primeira, «Puntos de partida», a segunda, «Traxectos», onde colle moita importancia o corpo; para xa na terceira, presentada como «polos camiños da literatura», abordar as diversas estacións, os lugares e a toponimia, reivindicando, ademais, unha nova arquitectura feita por mulleres. Remata con «Destino?», falando dunha futuro esperanzador, xa que o final do camiño depende da nosa vontade». «O libro, escrito cunha lingua fresca e moi eficaz comunicativamente, supón un repaso de lugares e persoas da paisaxe e da memoria, establecendo ao longo de toda a obra un contrapunto cos textos dun libro titulado O transporte público rodoviario na Galiza escrito por un tal M. Roda, un artificio poético que vai collendo peso a medida que avanzamos na lectura». Rematou Fran Alonso lembrando os dous versos cos que remata o libro: «Transformarei en poesía / o meu destino».

O texto da intervención de Ramón Nicolás pode lerse no seu Caderno da Crítica.

Onte 1975: Presentación de «Contra Todo Isto» no Tamberlick

Serán memorable o de onte no que nas escaleiras do Tamberlick, o teatro circo vigués onde se celebrou a terceira das asembleas das Irmandades da Fala, en abril de 1921, presentamos Contra Todo Isto, o libro-manifesto de Manuel Rivas. Máis de cen persoas participaron nun acto organizado por Xerais e Librouro no que co megáfono a escritora María Reimóndez actuou de madriña dunha obra que definiu como «libro para a reflexión e para a acción». Tras lembrar o pasamento de Ramón Chao, «mestre como escritor e xornalista rebelde», e aquel berro situacionista ˝que non haxa tempos mortos”, Rivas foi contestando ás cuestións propostas por Reimóndez sobre as intencionalidades e os contidos dun ensaio político e literario sobre «un tempo de pensamento groseiro, de progreso retrógado, que bombarde a utopía e a esperanza».

Rivas confesou que a súa intención fora «facer un activismo contra o medo, un activismo da liberdade, que non é outra cousa o xornalismo e a literatura». «Foi o que Katy, unha supervivente da trata de mulleres, definiu con extraordinaria precisión: “O oficio máis antigo do mundo non é a prostitución, é mirar para outro lado”. O libro pretende ser un lugar rebelde, contra a indiferencia, contra o cinismo, contra ese gran partido transversal que é o partido conformista». «Foi detonante da aparición do libro tanto a proposta dos editores de ordenar un material xornalístico xa publicado como a persecución da liberdade de expresión nun tempo de descivilización, de odio ao diferente, de impunidade, de incremento das desigualdades. Escribín o libro con bastante intensidade e excitación sabendo que nos están a roubar a liña do horizonte, que pretenden roubarnos o futuro, baleirarnos as reservas de esperanza».

A seguir María Reimóndez propuxo a Rivas que reflexionase sobre os espazos transversais e os entrecruzamentos que propón o pensamento feminista presentes no libro. Rivas confesou que está escribindo unha novela na que ten moita presenza a natureza. «Estaba a falar de vagalumes, que deitan luz na escuridade, e de grilos, e decateime que son seres en extinción, escoitei entón o berro das palabras. Por iso no libro se fala de ecoloxía e dos dereitos dos animais. Mais tamén é un libro no que se reivindica o comunitario e se denuncia a guerra infame contra a muller, que xa é moito máis que unha reivindicación das mulleres, é un cambio vida e unha forma de transformación do poder. O sistema é machista, xerárquico e depredador. Interesoume explorar tanto o histerismo masculino como que detrás da revolución feminista hai un modelo colaborativo e solidario, unha fonte de esperanza do noso tempo».

Rematou o serán coa lectura dalgúns dos aforismos, «herbas do cego« cos que Rivas pecha o libro: «Coma os vagalumes, as reservas de palabras libres, salvaxes, de pel vermella, están en perigo de extinción».

Un futuro para o Barrio do Cura

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar un futuro para o Barrio do Cura:

Paso case todos os días por diante da casa onde nacín, no número 39 da rúa Pi e Margall, un edificio de baixo, un andar e bufarda, onde viviamos de alugueiro tres familias numerosas gozando dun patio co seu pombeiro onde enraizou un xasmín. A casa centenaria, moi característica das construídas na primeira estrada de Baiona, na proximidade do cemiterio de Picacho, aquel que con moita retranca gabara Valentín Lamas Carvajal por contar «con porta cara o mar», hai quince anos foi derrubada, reconstruída con catro andares e conservada só a fachada orixinal. E cada día non podo evitar que o aroma da memoria, ese almacén poderoso e inconsciente que nos acompaña, active a lembranza do pulo daquel barrio de xente humilde que viviamos a carón do Paseo de Alfonso e da fonte da Falperra, amparados pola torre da Panificadora e a maruxía do Berbés, a dous pasos do Vigo Vello. Un barrio hoxe arruinado, desaparecido, degradado, irrecoñecible para os que fomos os seus veciños e veciñas durante décadas.

Apenas quedan rastros nas poucas fachadas conservadas dun barrio con moita vida do noso señor. Contaba con dous fornos, o mítico do «Barrio do Cura» (conservado agora como marca da mellor tradición panadeira viguesa) e o da Oliva, a carón da igrexa evanxelista, e unha confeitaría e dozaría clásica, a de Ramos, aínda aberta. Unha veciñanza que se subministraba en catro tendas de ultramariños con libreta: a de Ramón, a de Julia, «La aldea» e a de Adelina, a única que continúa hoxe, ademais da carnicería de Concha, protagonista dun acontecemento tan tráxico como inesquecible. Un barrio que tiña varias tabernas de toda a vida, apenas liñas na memoria: «La Cosechera», «El Barajero», «Bar Madrid» e a coñecida de Armando, na calexa das Angustias (aínda por fortuna conservada), sempre a rebentar polo seu condado e polos callos. Un barrio que mantiña a drogaría de don Cayetano, o obradoiro do zapateiro, a ferraxaría industrial dos Sanmartín, a fontanería, a moblaría, a farmacia, mais tamén contaba coa funeraria de Fábregas (que metía moito medo), cunha imprenta, cunha xastrería, coa tenda de Televisores Iglesias, coa libraría Almoneda dos Álvarez Blázquez, o que sería a sede de Edicións Castrelos, con varios salóns de peiteado e barbarías, e co Estanco (quiosco tamén) de Maruja, ao pé da calexa do Barrio do Cura, tan decisivo na nosa formación como lectores, onde tamén se collían puntos para as medias e se cambiaban as novelas de Marcial Lafuente Estefanía e Corín Tellado.

O noso barrio mudara moito coa urbanización a comezos dos setenta do chalé dos Redentoristas, que daba ao Campo do Gas, tamén construído cando se abriu Torrecedeira. Probablemente nese momento foi cando comezou o devalo daquela edificación aberta centenaria, e a mudanza da súa veciñanza, sendo substituída pola pechada actual, que a converteu nunha rúa escura sen o encanto doutrora. Proceso agravado hai unha década cando comezou o traslado do asilo ás instalacións de Alcabre e a compra dalgunhas «casas afectadas» na rúa Llorente pola actuación anunciada por Karpin no Barrio do Cura. Dende entón o barrio, coa ocupación dos edificios do asilo por persoas sen casa que alí procuraron acubillo, como por transeúntes ocasionais (nun claro efecto chamada) ou persoas con adicións e dificultades, comezou a degradarse de forma imparable, ao que non foi alleo que sucedese outro tanto na rúa Falperra, ao fío da actuación prevista sine die na Panificadora. Espazos arruinados ambos os dous que, ao pé do anovado Vigo Vello, se converteron no rostro agochado da exclusión e da marxinación existente na cidade; mais tamén noutra mostra do fracaso de proxectos urbanísticos até agora inviables fose polo elevado investimento público que requirían, polas dificultades financeiras dos seus propietarios, pola complexidade da súa figura urbanística, tras a anulación do Plan Xeral, ou do seu proxecto arquitectónico.

Unha degradación a do Barrio do Cura e da Falperra á que urxe poñer remedio. Máis aínda cando esta é unha actuación indispensable para poder ampliar a superficie do miradoiro do Paseo de Alfonso, así como de establecer unha saída de Torrecedeira ao Casco Vello a través da rúa Poboadores. Unha solución que pasaría tanto polo desbloqueo do proxecto deseñado por Alfonso Penela, valorado en cen millóns de euros, o que non semella doado pola dificultade de contar cun novo Plan Xeral de forma inmediata, como por acometer por parte as administracións competentes actuacións integrais no eido das políticas sociais, de vivenda e de seguridade cidadá que atendan ás necesidades das persoas alí instaladas, como levan demandando diversos colectivos cidadáns de apoio. O futuro do Barrio do Cura pasa por non pechar os ollos a esta ruína actual que tanto nos doe.

Onte 1973: Homenaxe a María Victoria Moreno no Club Faro de Vigo

Ben interesante foi a mesa redonda de onte no Club Faro de Vigo sobre María Victoria Moreno na que acompañamos a Xavier Senín e Isabel Soto, autores da biografía María Victoria Moreno. Sementadora de futuro (Xerais, 2018). Un serán literario no que todos os tres reivindicamos o recoñecemento do que non gozou en vida, a pesar de contar con moitos amigos, para esta cidadá e escritora galega que o foi por decisión consciente, reflexiva e persistente.

Xavier Senín fixo o retrato humano de María Victoria, debuxou súa traxectoria formativa dende o ensino primario en Segovia e Sepúlveda, pasando polo bacharelato no colexio da Sección Feminina en Barcelona, até os estudos de Filosofía Letras na Universidade de Madrid, onde Rafael Lapesa e Dámaso Alonso foron profesores marcantes para ela. Detívose Senín na estancia de María Victoria e a súa irmá Sara en Valdoviño en 1947, cando acompañaron á súa tía Conchita e o seu home, primeira experiencia galega que para elas foi «un territorio de liberdade». Salientou Xavier os primeiros días da súa chegada a Pontevedra en 1963 e o que supuxeron os dous anos como profesora en Lugo, onde coñeceu a Xesus Alonso Montero, tras aprobar as oposicións como profesora agregada de Lingua e Literatura Española, onde tivo como alumnos a Xesús Rábade Paredes e Darío Xohán Cabana, entre outros. Referiuse, tamén, ao seu compromiso como profesora de lingua galega, tanto na década de 1970 como no inicio do período autonómico, así como á experiencia da libraría Xuntanza, que fundou con outros nove socios en 1973, e a cronoloxía da súa obra literaria, fundamentlamente pero no só, infantil e xuvenil que foi publicando dende aquel mesmo ano.

Isabel Soto comezou lembrando que María Victoria Moreno era apenas a terceira das mulleres homenaxeada en 55 edicións do 17 de maio, o que é algo importante, mais tamén moi significativo. Seguiu Soto debullando o que para ela foron os seus dous compromisos como autora: «só escribo en galego, só escribo para nenos». Compromisos asumidos como escritora autófona e monolingüe que «comprendeu o carácter diglósico da situación sociolingüistica desta terra». «Como amante das linguas e coñecedora delas, aprendeu galego dende cero e fíxoo con naturalidade consultando dicionarios, que moito lle gustaban, e realizando lecturas literarias dos nosos clásicos. Axiña deu cursos de galego, preparou unha antoloxía de poetas novos e chegou a facer varios manuais de historia da literatura para o ensino medio».

Xaora, tras salientar este compromiso de María Victoria coa lingua galega, a cerna da intervención de Isabel Soto foi reflexionar sobre a súa obra literaria infantil e xuvenil na que estableceu dúas etapas. Unha primeira, na que desenvolveu unha obra infantil, formada polos títulos publicados na década dos setenta: «Crarisca e o luceiro« (1972), conto premiado no concurso de narracións infantís convocado pola agrupación cultural O Facho; Mar adiante (1973), a aventura dunha escola nun barco, e «O cataventos», premio do Facho en 1975, un conto de animais que admite a lectura dun conflito desencaeante de cambios, que sería publicado catro anos máis tarde no volume Contos pra nenos (Galaxia, 1979), xunto a textos de Paco Martín, Xoán Babarro e Eliseo Alonso, libro que será o primeiro en lingua galega que formará parte da Lista de Honra do IBBY. Primeiro ciclo que pecha coa publicación d’ A festa no faiado (1983).

A seguir, Isabel Soto sinalou que  en 1986 María Victoria Moreno abriu a segunda etapa da súa obra con Leonardo e os fontaneiros, a primeira das súas obras dirixidas a adolescentes, á que seguiría Anagnórise (1989), que a convertiu nunha das autoras máis lidas polo público mozo, «novela que constitúe un achegamento maxistral aos medos da mocidade, introducindo o tema das drogas, que desafía ao lectorado de calquera idade», e que remataría con Guedellas de seda e liño (1999). Rematou Soto recomendando a lectura de Diario da luz e a sombra (Xerais 2004), onde está todo o seu estilo, «resultando conmovedor para expresar o seu optimismo sensato».

Redeiros da Gran Vía

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á polémica arredor da modificación do bulevar e do arborado da Gran Via de Vigo:

Inaugurada por Franco o 24 de agosto de 1945, sendo alcalde Luis Suárez-Llanos Menacho, a Gran Vía foi a arteria principal de circunvalación do Vigo do século XX. Proxectada en 1910 no Plan de Ordenación Urbana do enxeñeiro Ramiro Pascual, que prevía o ensanche do barrio de Casabranca e a chegada da cidade a Travesas, o primeiro treito, o ascendente, entre a rúa Lepanto e a Praza de España, comezou a executarse en 1939, e o segundo, o descendente, dende o Couto até a praza de América, entre as veigas e campos do barrio do Regueiro, en 1942. Transcorridas sete décadas, esta rúa formidable de trinta metros de ancho, disposta en dúas calzadas laterais para a circulación de vehículos e un bulevar central arborado para o paseo e o lecer dos peóns, serviu para artellar o crecemento urbano de ambas as dúas abas do Castro (non sempre con resultado afortunado). Xaora, a nivel simbólico, a Gran Vía constituíu, até a apertura nos anos setenta da súa continuación até acadar a praia de Samil, o que é hoxe a avenida Castelao, o único exemplo existente en Vigo de vías bulevar, ou vías parque para a cidadanía, ao xeito das existentes en Cataluña coas súas ramblas ou noutras cidades europeas tan emblemáticas como París e San Petersburgo.

Neste contexto histórico, é difícil entender cales son as razóns obxectivas polas que o concello de Vigo pretende modificar, ao fío das actuacións previstas no proxecto de Vigo vertical, o aspecto dunha rúa tan emblemática como a Gran Vía, na que ademais, se atopan construcións pétreas protexidas, como o edificio Albo do número 2, unha das alfaias da nosa arquitectura racionalista debida a Francisco Castro Represas, ou a construída nos números 4 e 6 polo arquitecto Antonio Cominges. Como tampouco é comprensible que a instalación de ramplas mecánicas, que faciliten o ascenso até a praza de España a persoas con mobilidade reducida, o que non xustificaría o alcance da actuación, supoña a desaparición do bulevar arborado de laranxeiras e camelios, tal como foi concibido, substituído por outro acristalado e axardinado apenas con macetas de especies de baixo porte. Como tampouco parece xustificado trasladar do bulevar o Monumento ao traballo, os famosos redeiros ou forzudos, un dos espazos da cidade máis fotografados polos visitantes e queridos polos vigueses, concibidos expresamente polo escultor Ramón Conde para o arrinque da costa e moito menos que sexan substituídos no cruzamento da rúa Nicaragua por unha Peixesebe, vendida xa como se do Puppy de Jeff Koons se tratase, continuando a tan desafortunada liña rechamangueira da dinosebe da Porta do Sol e doutras actuacións polémicas que xa non veñen nin ao caso citar.

Outro tanto podemos expresar sobre as noticias preocupantes da posible actuación da motoserra  sobre as vellas castiñeiras de indias e os tilos das beirarrúas laterais da Gran Vía, frondosas resistentes nunha das zonas máis contaminadas da cidade, ameazadas dunha tala, xustificada neste caso polos técnicos do proxecto pola súa mala saúde provocada por podas erradas e pola súa proximidade a algúns edificios, que se anuncian serán substituídas pola plantación de «árbores singulares» e pola presenza de «vexetación colgante» nalgunha das zonas do bulevar acristalado. Razóns nas que xa chove sobre mollado nunha cidade onde as bautizadas como humanizacións supuxeron case sempre a desaparición das raíces das árbores e a súa substitución por maceteiros decorativos, o que dificilmente podería ser considerar nalgún outro lugar como unha política medioambiental sostible. Como tampouco parece que o sexa o elevado custe enerxético que suporán o funcionamento das ramplas mecánicas, unha actuación do Vigo vertical de utilidade moi diferente a dos elevadores da rúa Segunda República ou dos elevadores previstos no parque Camilo José Cela, entre Torrecedeira e Pi e Margall.

O feito de que o goberno municipal conte cunha folgada maioría absoluta non debería ser óbice para que en actuacións tan emblemáticas e custosas (máis de oito millóns de euros) como a prevista na Gran Vía se procurase acadar o maior consenso dentro da corporación como a participación da veciñanza e dos comerciantes da zona. Mudar de forma irreversible o aspecto dun espazo urbano, como se pretende despois de setenta anos coa Gran Vía viguesa, debe estar moi xustificado, tanto dende o punto de vista técnico xurídico –sexa polo seu impacto sobre o patrimonio, a mobilidade, a seguridade como sobre o propio medio ambiente– como inserido nun proxecto da cidade futura que cada xeración pretende ceder ás posteriores. Cremos que aínda hai tempo para que a alcaldía reconsidere con xenerosidade este proxecto desafortunado do arranxo da Gran Vía que afecta a memoria e a identidade do conxunto da cidade.

Mapa Literario de Vigo

Dedico o artigo da semana de Faro de Vigo ao Mapa Literario de Vigo deseñado na Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas:

Escribiu o mestre Agustín Fernández Paz que «onde hai unha biblioteca hai unha luz», xa que nesa casa de liberdade que é a biblioteca pública, «onde se respira un aire que non sabe de fronteiras», hai sempre «un punto de luz brillando con intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade». A biblioteca como espazo de privilexio para os libros, onde habitan a inmensa variedade de sentimentos e experiencias da humanidade, ríos de palabras que gardan a memoria e precisamos para  entendermos o mundo e para entendernos a nós mesmos.

Lembrei este texto que Agustín publicou con motivo do Día da Biblioteca de 2008, efeméride celebrada cada 24 de outubro para non esquecer a destrución da Biblioteca de Saraievo, incendiada en 1992 durante a guerra dos Balcáns, ao fío da magnífica iniciativa da Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas do Calvario de elaborar o Mapa Literario de Vigo. Un proxecto que abre a biblioteca cara o mundo da creación literaria co que se pretende amosar a importancia de Vigo dentro da literatura. Un mapa que deseña dez liñas literarias (como se dun metro urbano se tratase) con setenta e oito paradas bibliográficas (correspondentes a outros tantos títulos) de máis de medio cento de autores e autoras que localizaron en espazos concretos de Vigo os seus contos, novelas, poemas e textos dramáticos. Un mapa literario da cidade nosa aberto á colaboración activa do lectorado para completalo con algunha obra que quedou atrás ou sumando algunha nova localización que non está incluída ou se vaia creando.

Un mapa literario que se ofrece como proposta para que os lectores e lectoras relacionen espazos vigueses con títulos e autores e autoras. Así a liña 01 de Cabral a Lavadores localiza no que foi a fábrica de cerámica de Álvarez algúns dos relatos de Cemiterio de elefantes de Fran Alonso, no Calvario escenas da novela Cabalos e lobos de Fran P.Lorenzo ou de El invierno de las almas desterradas, unha das novelas do alcalde Abel Caballero. Na liña 02, a que percorre o Casco Vello, o mapa localiza na Pedra unha das escenas de En vías de extinción, a novela de María Reimóndez, na Casa Bárcena Os fillos do lume de Pedro Feijoo, na rúa Real Cardume de Xina Vega, na rúa Triunfo Os novelistas utópicos de Manuel Veiga ou na Praza da Constitución Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas. E así poderiamos seguir con cada unha das dez liñas e as súas paradas nas que se van relacionando espazos urbanos con referencias literarias identificadas en cada obra nun traballo utilísimo para a  conformación do Vigo literario.

Proposta tan orixinal como a da Biblioteca Municipal Xosé Neira Vilas, presentada coincidindo co Día do Libro, expresa a capacidade extraordinaria dos textos literarios para fixar lugares da memoria, espazos onde cristaliza e actúa de forma colectiva. Un feito que no caso de Vigo identificamos en múltiples espazos como os da Porta do Sol ou ao pé do Sireno de Leiro, presente en tantos acontecementos vividos por cada un de nós, dende manifestacións, festas a referencias privadas, mais tamén en libros como Sireno, Sireno de An Alfaya, Amor de tango de María Xosé Queizán ou Días contados de Cid Cabido. Como sucede outro tanto con edificios ou establecementos concretos, cristalizados en obras literarias concretas, como é o caso da taberna de Elixio (xa pechada) en A praia dos afogados e Ollos de auga de Domingo Villar, o Marco en Amor de serea de Jaureguizar, o colexio Alemán en Izan o da saca de Xabier Quiroga, o Quiosco das Almas Perdidas do Berbés en O señor Lugrís e a Negra Sombra de Luís Rei Núñez e no poemario Estirpe de X.L. Méndez Ferrín, o cine Roxy en Xeración perdida de Francisco Castro, a cafetaría Van Gogh en O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz, a praza de España nalgún dos relatos de Un millón de vacas de Manuel Rivas, as Bodegas Bandeira en A ira dos mansos de Manuel Esteban ou o castelo de Rande en Os Megatoxos e a batalla de Rande de Anxo Fariña, por poñer só algúns exemplos.

Empregando este Mapa Literario de Vigo a cidade nosa convértese en espazo de lectura, un escenario fascinante de soños, imaxes e lembranzas. Mais tamén axuda a coñecer a nosa propia historia e fomenta a lectura das obras dos nosos autores e autoras, boa parte da nosa veciñanza, o que constitúe tamén un orgullo. Xaora, como bo mapa que é orienta na descuberta da propia cidade, nesa actitude de flaneur, do viaxeiro na propia cidade, que tantas veces aquí reivindicamos, utilizando como guía estas seis ducias de obras literarias e como cicerones aos seus autores e autoras. Non hai dúbida que unha biblioteca municipal como a Neira Vilas deita o torrente de luz que gababa Agustín Fernández Paz. Moitos parabéns para os promotores e colaboradores deste mapa que dá tanta e tan boa lectura.

Vigo e a «Colina Encantada»

Dediquei o artigo da semana no Faro de Vigo a reflexionar sobre a arquitectura de papel deseñada en períodos preelectoriais:

Os anos inmediatamente anteriores ás eleccións municipais alentaron sempre a imaxinación dalgúns políticos vigueses capaces de inaugurar entón as maquetas máis extraordinarias. Foi un clásico deste xénero de arquitectura non construída a «Colina Encantada» que o candidato Manuel Pérez incluíu no programa co que o Partido Popular gañaría as eleccións en 1995, no entorno do estraño conflito veciñal da empacadora de Guixar, que desbancou a Carlos Príncipe da alcaldía. Vendíase a «Colina Encantada» como a recreación do mundo medieval en douscentos mil metros cadrados da parroquia de Candeán, onde se arranxarían seis espazos temáticos dunha vila medieval de cartón pedra. A da «Colina Encantada» foi unha maqueta espectacular diante da que se fotografou Manuel Fraga, daquela presidente da Xunta, converténdose dende entón no modelo de ocorrencia fantástica viguesa.

Tras semellante éxito, durante o seu mandato (1995-1999), o único no que o Partido Popular gozou de maioría absoluta, Manuel Pérez recuncou na estratexia encargando un pavillón multiusos a Álvaro Siza, o arquitecto portugués do CGAC de Compostela, mais do que só quedou o rastro do anuncio nas hemerotecas. Xaora, coa excepción de 1991, ano de auténtica gloria para identidade do Vigo de entre séculos, no que o benquerido alcalde Manuel Soto inaugurou monumentos extraordinarios como os Cabalos de Oliveira, o Sireno de Leiro, os Redeiros de Conde e a Porta do Atlántico de Silverio Rivas, a política das ocorrencias xa fora o eixo da axenda de «concelleiros independentes» como Agustín Arca que instalou os volcáns acuáticos que el mesmo deseñara no paseo de Coia e inzou a cidade de canastras de baloncesto por un «Vigo millor».

Xaora, non é doado esquecer as contribucións que fixeron a este xénero de arquitectura virtual as «alcaldías do porto», tanto a de Abel Caballero (2005-2007) como a de Corina Porro (2009-2011). Sendo Caballero presidente da Autoridade Portuaria presentou en 2006 as infografías do Centro Beiramar, un edifico transparente, acristalado, contiguo ao do Auditorio, que dende alí ocuparía catrocentos metros da fronte marítima até os estaleiros de Barreras. Unha edificación destinada a biblioteca (un clásico dende hai dúas décadas), artes e novas tecnoloxías, que se dicía contaría cun planetario, cines, piscina cuberta, pistas de xeo, xardín cuberto e outras marabillas que quedaron no papel. Sen esquecer que tamén foi Caballero en 2007 quen convocou un concurso de ideas para a reforma do eixo central do porto que sería gañado polo arquitecto francés Jean Nouvel. Un proxecto que quedou no caixón do esquecemento, mais que sempre será lembrado pola proposta de construír no extremo do peirao unha torre para un hotel, de idéntica fasquía a dun menhir, mais que tamén propoñía o prolongamento da rúa Colón até o mar cun tratamento de bulevar, o que non perdeu actualidade. Proxecto desbotado de raíz por Corina Porro durante a súa presidencia da Autoridade Portuaria, nun dos seus clásicos desencontros co dende entón alcalde Caballero.

Máis recente é a maqueta da recuperación da Panificadora, a nosa catedral laica en perigo de completa desaparición, aínda que non perdimos as derradeiras esperanzas de que sexa recuperada decontado para dominio público como centro cívico e cultural. Como tamén confiamos que se convertan axiña en realidade outros proxectos da alcaldía como o de construción da Biblioteca do Estado (prevista tamén na Panificadora) nos terreos expropiados para Cidade da Xustiza e as peonalizacións da praza de América e da Porta Sol, esenciais para transformalas en espazos de encontro nos corazóns dunha cidade policéntrica. Secasí, sucede outro tanto cos proxectos de ascensores do Vigo vertical previstos para o parque Camilo José Cela de Torrecedeira e para unir Urzaiz con Pizarro, que se demostraron tan eficaces xa na rúa Segunda República e Camelias.

Actuación do Vigo vertical, porén, que non compartimos en absoluto na Gran Vía, onde a instalación prevista de ramplas mecánicas de Urzaiz á Praza de España malogrará o primeiro bulevar construído en Vigo hai setenta anos e obrigará ao traslado do Monumento ao Traballo, concibido expresamente polo seu autor para o arranque encosto da avenida. Unha intervención tan irreversible como polémica, na que tamén están afectadas as castiñeiras de indias de ambas as dúas marxes da Gran Vía, que amosa a necesidade de establecer canles de participación veciñal e cidadá que con seguridade evitarían males maiores. Por ventura, xa pasou o tempo das ocorrencias de volcáns urbanos, colinas encantadas e megaproxectos de arquitectura de papel, tanto de iniciativa pública como privada, que ocupan varios volumes na historia do urbanismo vigués.

Orzamentos para un devalo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos Orzamentos Xerais do estado e a súa incidencia en Galicia e na Área metropolitana de Vigo:

A pesar de que o PP non ten garantidos os apoios suficientes para aprobar os Orzamentos Xerais do Estado para 2018, o documento entregado no Congreso polo ministro de Facenda expresa a escasa importancia que Galicia ten para o goberno de Rajoy. Lonxe de agravios comparativos entre comunidades, a proposta orzamentaria de Montoro supón, probablemente, as peores contas para Galicia dos últimos quince anos, tanto polo feito de que se reducise o investimento do Estado por baixo dos mil millóns de euros, o que dende 2004 só sucedeu o pasado ano, como polo feito de que esta cantidade de 936,79 millóns de euros supoña unha redución de case un terzo dos 1.363,9 millóns consignados no documento de 2016. Devalo que leva a que Galicia se sitúe entre as comunidades nas que menos se incrementa o investimento real territorializado (apenas un 1,3%), cando esta porcentaxe media é do 15% e acada incrementos en Andalucía do 27%, Madrid do 24% ou no País Vasco do 33,4%, cifra á que non é tampouco allea á contribución decisiva que as cinco actas do PNV puidesen ter á hora da aprobación dos Orzamentos.

Devalo orzamentario do Estado en Galicia no que moito ten que ver a diminución das partidas que o Ministerio de Fomento destina á finalización das obras do AVE (406 millóns de euros), investimentos ferroviarios que supoñen case á metade das achegas para Galicia. Diminucións que se consideramos o investimento real, o efectivamente gastado, se veñen producindo xa dende 2013, e que aventuran que unha vez rematadas ás obras do AVE até Ourense (a data actual prevista de finalización deste tren rápido é 2020), as cantidades orzamentarias para Galicia regresarían aos niveis dos Gobernos de Aznar, anteriores á crise do Prestige. Abonda para prevelo repasar as cantidades previstas por Fomento para outras obras como a finalización da Autovía Lugo-Santiago (47 millóns), a continuidade do polémico Porto exterior da Coruña (30 millóns) e do Porto Seco de Salvaterra-As Neves (13 millóns) ou as partidas do Ministerio de Defensa destinadas á construción de novas fragatas F-100 por parte de Navantia, nun exercicio no que os programas especiais de armamento teñen asignada unha partida de 2.164 millóns de euros e o gasto militar superará os 9.000 millóns, o que supón unha suba do 6,9% con respecto ao ano anterior.

Repaso das partidas asignadas por Montoro para 2018 nas que se detecta que os novos proxectos de infraestruturas galegas, como as actuacións imprescindibles a acometer nas contornas metropolitanas de Vigo, Pontevedra, Santiago, A Coruña e Ourense quedan adiadas para os exercicios de 2019 ou 2020, mesmo a pesar de anuncios estridentes con intención electoral como a prolongación da A-52 do Porriño até Vigo por medio dun túnel ou da A-8 pola Mariña Lucense até o porto de San Cibrao, que reciben partidas pequenas apenas para iniciar os estudos previos. Como tamén se adían outras infraestruturas ferroviarias, longamente demandadas, como a mellora do tren a Lugo, a mellora do Feve na costa norte, ou a liña entre Ourense en Vigo por Cerdedo, cuxo custe de máis de dous mil millóns de euros, semella obrigará a deixala como «asignatura pendente» no cartafol dos proxectos adiados sine die, mesmo a pesar da insistencia das forzas sociais e cidadás en reclamala como estratéxica para o desenvolvemento da Galicia sur.

Secasí, o que o documento orzamentario de Montoro asigna á Área Metropolitana de Vigo para 2018, coa excepción dos 24 millóns previstos para o Porto de Vigo, os 32 para diversas actuacións da Zona Franca e os cinco destinados ao remate da nova depuradora, semella propio dunha pedrea destinada a que os xogadores non desistan na ilusión de recibir algún día un dos premios gordos. Así debemos considerar os 20.000 euros destinados polo Gobierno de España á recuperación da muralla do Castro ou os 35.000 euros para o Marco, cantidades ridículas destinadas a proxectos culturais, onde se bota en falta sequera algunha partida simbólica para a construción da Biblioteca do Estado, fose na Panificadora ou nos terreos das Travesas na zona actual dos Xulgados.

Cifras en devalo do goberno Rajoy para Galicia que sabemos serán aínda máis baixas no proceso real de execución orzamentaria, como demostran os estudos da execución na última década das partidas nos diversos treitos do AVE, nas que poucas veces se superou o gasto do 50% do orzamentado, o que obrigou a súa prórroga, desenvolvéndose así un endiañado exercicio de política orzamentaria de ficción. Un proceso moi pernicioso que acumula á débeda histórica que o Estado mantén con Galicia, mais que tampouco é reclamada coa convicción requerida polo Goberno Galego presidido por Feijoo, que non quere incomodar a Rayoy nin acaba de decidir se pretende ou non dar o salto a Madrid.

Centros comerciais

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo aos plans de instalación de novos centros comerciais en Vigo:

Non fai falta ser un experto en urbanismo para comprender que a cerna da deboura sobre a ubicación da cidade deportiva do Celta reside na posibilidade de construción dun gran centro comercial e de lecer anexo ás instalacións deportivas. Esa é a intención expresada por Carlos Mouriño na súa máis recente intervención na que lamenta que «o que se lle negou ao Celta se lle está dando a outra xente que non é de Vigo, como está pasando cos proxectos comerciais que hai previstos na cidade», referíndose, sen dúbida, aos centros comerciais Vialia, Recaré, Valadares ou mesmo o máis que controvertido de Porto Cabral, anunciados nalgún caso pola propia alcaldía. Unha polémica protagonizada polo primeiro accionista do Celta, que moi pouco ten que ver con cuestións deportivas, nin sequera co carácter do Celta como insignia viguesa polo mundo, mais que reabre un interesante debate político e cidadán sobre as dimensións, ubicacións, características e criterios de autorización urbanística do novo equipamento comercial previsto na área metropolitana e o seu impacto sobre o pequeno comercio e a propia mobilidade interior no Gran Vigo.

Unha polémica aínda máis complexa de abordar cando Vigo, tras a caída do Plan Xeral de 2008, carece de planeamento actualizado (o vixente é de 1996), o que obriga a acudir a lexislación específica, como a Lei 3/2016 aprobada pola Xunta de Galicia para desbloquear obras de excepcional interese público, como foi a ampliación das instalacións do grupo PSA Citroën. Contexto no que se entenden os máis que razoables argumentos técnicos da concelleira de Urbanismo advertindo que o Celta podería atopar terreos no concello de Vigo para instalar a súa cidade deportiva, pero non para a súa pretensión de promover unha das maiores áreas comerciais do sur de Galicia, como a que anuncia construír en Mos, entre o Mercantil e o Rebullón, de 120.000 metros. O que é román paladino quere dicir que aos propietarios do Celta o que realmente lles interesa é contar con terreos e autorización urbanística para promover un gran centro comercial na área metropolitana. Como sucedera, tamén, coa reforma de Balaídos, nos espazos comerciais está o miolo do litixio entre os intereses (privados) do club e os (públicos) do concello.

Mais abonda con repasar o publicado no Faro de Vigo nas últimas semanas para comprender que nos próximos catro ou cinco anos vaise producir unha auténtica revolución no equipamento comercial en Vigo. No verán de 2022 e cun investimento de 83 millóns de euros Vialia abrirá na estación intermodal de Urzaiz un centro comercial de 90.476 metros cadrados deseñado polo arquitecto Thom Mayne, xirando arredor de Alcampo e Primark como marcas principais. Con anterioridade, probablemente na segunda metade de 2020, o Grupo Eroski poderá inaugurar en Bembrive o centro comercial de Recaré, no que ten previsto construír 70.980 metros cadrados e investir 45 millóns de euros. Xaora, quizais un ano antes, a Zona Franca poida abrir a ampliación prevista do Parque tecnolóxico de Valadares, uns 250.000 metros, a carón do Hospital Álvaro Cunqueiro, onde se poderían instalar firmas como Ikea. Sen esquecer, a posibilidade de recuperación do megacomplexo de Porto Cabral, que afectaría a 300 mil metros cadrados do monte veciñal de Liñeiriños, se fose incluído no novo PXOM, que en ningún caso e sendo optimistas sería aprobado antes de finalizar o ano 2022.

Coas excepcións do exitoso centro Gran Vía e da sempre concorrida área do Meixueiro, que funcionan con carácter metropolitano, estes novos proxectos comerciais periurbanos semellan alleos ás dificultades que atravesan os centros comerciais urbanos construídos no período de entre séculos, como os da Praza Elíptica, Travesas ou mesmo da Laxe, cuxa oferta actual, aínda no entorno da crise de 2008, moi pouco ten que ver coa que ofrecían os días esperanzosos da súa inauguración. Como tampouco parece considerar esta nova onda viguesa de grandes superficies comerciais, que pretende construír mais de medio millóns de metros cadrados, a crise que este tipo de espazos comeza a  vivir nos Estados Unidos, onde nos próximos cinco anos se estima pechen un 25 %, motivada polo incremento das vendas por internet ou pola saturación desta oferta comercial e de lecer, como xa sucedeu na Coruña onde a apertura do Centro Comercial Marineda supuxo o peche posterior do bautizado como Centro Dolce Vita. Sen esquecer tampouco, coa excepción do pulo comercial das cadeas de vestiario instaladas en Príncipe e Urzaiz, a situación precaria do «comercio tradicional», hoxe case desaparecido das rúas do centro. Considerar todas estas circunstancias e tendencias axuda a entender unha polémica onde é tan doado deixarse levar polas aparencias e confundir allos con bugallos.