Confeitaría Ramos

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo á memoria da confeitaría Ramos e outras dozarías clásicas viguesas:

A confeitaría Ramos, despois de case un século no baixo de Pi y Margall 18, pechou as portas para trasladarse aos locais da pastelaría La Camelia na rúa Enrique Lorenzo 2. Un inesperado agasallo para o padal da veciñanza de Teis, que poderá gozar na proximidade das larpeiradas de Ramos, máis tamén outra perda para o meu barrio, a carón do paseo de Afonso e do que noutrora foron os da Falperra e o Barrio do Cura, o comezo da vella estrada de Baiona. A dozaría, como lle chamabamos, o establecemento dos Barreiro, unha estirpe de pasteleiros artesáns, xunto ás igrexas evanxelista e católica, era a derradeira referencia que quedaba dun territorio da desolación urbana, con numerosos edificios abandonados e a maioría dos locais comerciais pechados, estraño para os que alí nacemos e vivimos no último medio século. O edificio da dozaría será derrubado, como o foron xa practicamente todos os do barrio, para construír apartamentos, e apenas nos quedará o rastro que os recendos da dozaría deixaron na memoria da nosa infancia.

Ramos é polo seu repertorio de doces e salgados unha das confeitarías viguesas máis clásicas, ofrecendo algunhas delicias artesanais continuadoras dunha tradición pasteleira de toda a vida. Os seus croissants cun toque de crema son para min os mellores da cidade. As súas empanadillas e empanadas, sobre todo as de bacallau, elaboradas a medio punto mesturando masas, son extraordinarias. Os seus «plumcakes» de froitas confeitadas, deliciosos, á altura dos que ofrece a confeitaría Solla da rúa Uruguai, onde, por certo, prepara esoutra marabilla da crema en forma de lingua queimada. Como inesquecibles son os sabores das medias noites e bolos de leite de Ramos, os bocados dos días de festa da miña infancia. E os seus canapés, o seu finísimo cabelo de anxo de cabaciña, as súas pastas de té e a súa pastelaría variada… Mais se por algo destacou Ramos sempre foi polo seu roscón de Niza, unha singular recreación do artesán engadindo ao pan durmido unha crema de elaboración secreta, presentada a maior parte das veces como trenza, ensaiada con bastante fortuna por outras pastelarías vigueses modernas. Como tamén é coñecida polas súas larpeiradas de tempada, sexan os seus turróns de xema e chocolate, figuriñas de mazapán e polvoróns, as súas enormes orellas de frade ou ósos de santo.

Mención á parte merece a interpretación que Ramos leva facendo da receita da torta Llanderas, probablemente a torta máis netamente viguesa, o símbolo máis larpeiro da cidade, creada polo artesán pasteleiro Ignacio Arrondo nos anos 50, como unha variante da torta polonesa imperial rusa, bautizada polo reposteiro co apelido dun seu amigo, para evitar así un adxectivo daquela comercialmente perigoso. Ramos mantivo sempre fidelidade á valiosísima receita orixinal de Arrondo, elaborada con améndoa, ovo e manteigas, ornamentada con labras de améndoa e barquillos de chocolate. Un segredo que Álvaro Barreiro, o actual artesán de Ramos, herdou do seu pai, que aprendera no obradoiro da confeitaría Arrondo da rúa Policarpo Sanz, onde ingresara como aprendiz aos trece anos, antes de traballar na confeitaría Pereiro de Urzaiz, fronte ao muro da Estación. Obradoiros vigueses desaparecidos, como Las Colonias de Príncipe, Marbella de Colón, que rexía outro dos irmáns Arrondo, ou a confeitaría Roma das Travesas, da que sempre lembrarei o recendo que se coaba polo seu fachinelo do Camiño dos Anxos.

Conservo na memoria o sorriso do vello Barreiro, o mestre artesán de Ramos dende 1975, explicando ao cliente curioso coma min o proceso de elaboración das súas delicias de Nadal das que me declaraba seareiro e que el presentaba cada inicio de decembro. Como lembro no despacho de Ramos as vitrinas ateigadas de encargos e os balóns de cristal repletos de tofes e caramelos de menta e outros sabores. E non esquezo, sobre todo, aquela columna de cristaliños, chantada no medio e medio do local, na que coma no espello de La Belga de Marqués de Valadares, procurabamos nos devolvese durante uns segundos a noso cara distorsionada. Columna que tamén existía na confeitaría El Buen Gusto de Elduayen, por ventura aínda aberta, onde a avoa Filo, despois de moito insistirlle, un día nos mercara un dos seus follados de merengue  e algunha daquelas cristinas de crema grandes, lembranza que agroma de forma recorrente cada vez que paso diante do escaparate.

Somos apenas o que lembramos, «escribe o que lembras e dirás a verdade», lembra Luis Landero en «El huerto de Emerson» (Tusquets 2021), unha das lecturas recentes que máis me valeron. Lembrar Ramos, como aqueloutras confeitarías viguesas da nosa infancia, cando contamos hoxe cunha excelente oferta de obradoiros modernos, constitúe unha forma de descubrimento e de autoestima da propia cidade.

Xela Arias escritora cubista

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Xela Arias, escritora homenaxeada o 17 de maio, coicidindo co 59 aniversario do seu nacemento:

O 4 de marzo celébrase o 59 aniversario do nacemento de Xela Arias, na Granxa Barreiros, na parroquia de Ortoá, Sarria, onde seu pai era mestre. Primoxénita de Amparo Castaño López e Valentín Arias López, foi inscrita como María de los Ángeles, aínda que xa moi cativa déuselle en dicirlle Xela, nome que cando tiña 32 anos, tras reclamación xudicial, recoñeceulle o xulgado de 1ª Instancia de Sarria.

Desde o berce tivo o galego como lingua primeira, «agora teño o idioma inclinado nas entrañas» («Tigres coma Cabalos» 1990), que utilizou nos seus oficios de escritora, editora, tradutora e profesora, en todos os seus actos públicos e no seu ámbito privado. Unha lingua urdida no pouso dos afectos, «se che falamos con tino, a modo, recompós termos e frases» («Darío a diario» 1996), «íspeme o idioma e sábemo suando en sida» («Intempériome» 2003), escribiu, mais tamén no compromiso teimoso da súa defensa, «galicia e nós nó de verbos nos novelos dos nomes» («Denuncia do equilibrio» 1986), convencida de que «non hai idioma abondo para recoñecérmonos» («Festa da Palabra Silenciada» 2001) coma comunidade.

Galego adquirido en Ortoá nos seus tres primeiros anos, nunha casa chea de libros até o teito, mais tamén nas visitas á das avoas Ilduara e Amparo, como da relación coa tía Irene coa que foi ás vacas ou coa tía Amparo da que aprendeu remedios máxicos, como relata en «Non te amola!», proxecto de memorias de infancia iniciado en 1991, que dende entón permaneceu inédito, nunha autora que fixo da autoesixencia, a procura da innovación e a reflexión sobre os seus textos, características dunha obra literaria tan breve como intensa.

Despois dun paso de tres cursos polo Colexio Fingoi de Lugo, onde fixo o parvulario e o primeiro da Primaria, centro dirixido entón por Ricardo Carvalho Calero, inesperada serendipia, en setembro de 1969 a familia trasládase a Vigo por ser destinado o pai como mestre na Escola Nacional Graduada de Sárdoma, en Moledo, centro onde completará o ensino primario, despois, Educación Xeral Básica (1969-1976), e onde comezará a escribir os seus primeiros contos. Dende os sete anos, Xela Arias instálase na cultura urbana, como confesou en varias entrevistas: «eduqueime xogando nun solar e logo de ir á escola nunha arrabalde de Vigo, seguín estudando no instituto do Calvario, fixen vida de barrio».

Tras abandonar os estudos de COU, pola pulsión de independencia e afouteza que caracterizou a súa vida, con apenas dezanove anos (1980) empeza a traballar, polo seu bo manexo do galego falado e escrito, como oficinista no primeiro equipo de Edicións Xerais de Galicia, que entón iniciaba a súa andaina editorial. Será a década dos oitenta fecunda para ela como editora, actividade na que se ocupou axiña de tarefas relacionadas coa revisión e corrección dos textos nun momento decisivo de fixación da norma ortográfica aprobada en 1983. Como tamén o será como tradutora literaria, responsable dun catálogo moi diverso de case cincuenta obras, nas que procurou unha lingua con xenio popular, completa e capaz, iniciado co «Cabalum» (1983) de Carlos Oroza e «O gato gaiado» (1986) de Jorge Amado.

E tamén fecunda como poeta, actividade iniciada no bulir incansable daquel «Vigo aínda durmido», como acuñou nun poema publicado no número 3 do fanzine «Katarsis» (1984), o chamado «Vigo da movida». Tempo de entusiasmos perigosos, naquel Vigo marcante do desemprego e da droga, no que Xela se implicou como artenauta e activista literaria, participando en recitais e publicacións diversas («Neboeira», «Tintimán», «Ith»..) nas que vinculaba os seus poemas coas artes plásticas, velaí a súa colaboración co pintor Xosé Guillermo, ou coa música do grupo Desertores, para os que prepararía as letras do elepé «El desertor» (1991).

Implicación xeracional que a levou a participar de forma moi activa na sección de Creación de «Faro de Vigo», onde debutou en xuño de 1983 cunha páxina memorable na que incluíu catro poemas rompedores, recibidos con entusiasmo polo poeta Carlos Oroza («celebro estar en el acontecimiento de tu poesía»), mais tamén na interesantísima sección «Mulleres», coordinada por Pilar Comesaña, ou naquel fascinante «Pharo The Bego» (1984-1986), suplemento bimensual do decano onde os seus poemas compartiron páxina cos de Manuel Rivas.

Poeta viguesa sen xeración, escritora cubista, que coas súas insólitas colocacións pronominais humanizaba os verbos e coa súa provocadora  creación léxica retorcía os nomes, confesou que de poder escoller a súa reencarnación sería en Lou Reed en feminino. A homenaxe que recibe este ano das letras é unha oportunidade única para descubrir e valorar como merece a obra de quen «perder pé aínda é a ambición preciosa» (1989) e «vencerse non é cousa de se tratar» (2003).

Conservar Alfageme

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo a reclamar a conservación integral do complexo industrial de Alfageme de Bouzas:

Dentro do patrimonio industrial vigués, se a Panificadora (1924) no Vigo vello é a nosa catedral laica que impón o seu perfil sobre o anfiteatro da ría, o conxunto fabril de Alfageme (1931) de Bouzas é o noso principal monumento da beiramar. Dúas edificacións senlleiras, chaves da identidade viguesa, mostras do diálogo do fabril co urbano. Dous complexos industriais deseñados polo arquitecto Manuel Gómez Román cando acentuaba a súa intención rexionalista no emprego do granito e aproveitaba as solucións construtivas máis actuais, entón ligadas á utilización do ferro, nunha década de entusiasmo de entre guerras, tamén decisiva para a industrialización do Vigo moderno. Dúas instalacións baleiras e abandonadas, a Panificadora dende o seu peche hai corenta anos, xa moi deteriorada pola desidia e pola pegada inevitable do paso do tempo; a de Alfageme, liquidada hai apenas unha década, en moito mellor estado, mais que coa perspectiva esperanzadora de celebrar o seu próximo centenario agardan ambas as dúas a súa rehabilitación integral e novos usos.

A publicación do libro «Alfageme. Historia e memoria» (Instituto de Estudios Vigueses, 2020), na que se inclúen os textos expertos de Xoán Carmona, Mariña López e Xosé Ramón Iglesias, pon de relevo o papel sobranceiro da familia Alfageme na historia do sector conserveiro vigués ao longo dun século, así como a importancia da supervivencia dunhas edificacións de valor monumental e artístico incuestionable, que para o profesor Carmona representan «un elemento da identidade e memoria viguesa» e «un orgullo e o emblema dunha cidade industrial». Chegada a Vigo dende Candás (Asturias), onde tiña un negocio de conservas e sidra, a familia de Bernardo Alfageme instalou a súa primeira fábrica de conservas nunha nave alugada no Areal (1913), a carón doutras conserveiras como Curbera, Portanet e Antonio Alonso. Actividade que mudarían a Bouzas, no barrio de San Gregorio, no espazo que ocupara o campo de fútbol do Fortuna, a carón dos estaleiros de Coia, primeiro para instalar un serradoiro e un negocio de comercialización de madeiras de importación (1927), despois unha moderna factoría de conserva, instalada para Carmona nun «edificio de autor», encargado a un arquitecto de prestixio, inaugurada en 1931 e ampliada en 1939.

Conformada pola fábrica, un amplo xardín sobre a rúa Tomas Alonso e unha vivenda familiar, para Xosé Ramón Iglesias «o arquitecto logra definir unha edificación equilibrada e sobria, na que conviven a atención ás necesidades funcionais da produción industrial e a necesidade de ser icona de marca» como pretendía a familia Alfageme. O resultado do proxecto de Gómez Román foi unha edificación sen excesos ornamentais, na que se emprega de forma maioritaria o granito manipulado por expertos canteiros, situada entre a tradición e a modernidade, na que o factor estético non restou peso á procura da racionalidade nun edificio fabril considerado como modélico durante décadas. Carácter iconográfico que a arquitectura rexionalista imprimía nas edificacións da industria da conserva procurado tamén por Jenaro de la Fuente Álvarez co seu proxecto (1929) para a factoría Albo instalada entón na proximidade do campo de fútbol de Coia, hoxe entre as rúas Jacinto Benavente e Paz, se ben o énfase decorativo historicista sería moito maior ca en Alfageme. Edificación fabril a de Albo, aínda hoxe en funcionamento, mais para a que se anuncia o traslado ao Porto Seco de Salvaterra, o que abre un interrogante sobre o seu uso e conservación futura.

Agardando a concreción do proxecto de usos de Zona Franca para a Panificadora, o futuro da fábrica dos gatiños de Conservas Miau constitúe todo un enigma. Como sinala Carmona «Alfageme representa un grande espazo construído e interiormente case diáfano, céntrico e a cabalo entre Bouzas e Coia», barrios aínda moi necesitados de dotacións sociocomunitarias públicas, que alí poderían ter acubillo. Como no marco dos programas de reconstrución e da Axenda Local 2030, Alfageme podería ser sede dunha renovada actividade industrial vinculada coa pesca, a conserva e a construción naval. Con todo, como tamén sinala Carmona hoxe «é preciso elaborar un programa de conservación preventivo destinado a manter a integridade do ben», para o que é necesaria a colaboración da administración local e autonómica. En todo caso, agardemos que o novo PXOM, tal como asegurou a alcaldía, incorpore a protección integral do complexo construído e non só das súas fachadas, como desgraciadamente pasou co espantallo edificado na Metalúrxica. Todo o espazo industrial de Alfageme debe ser conservado e rehabilitado, o que permitiría preservar a memoria e o significado da actividade conserveira para o Vigo contemporáneo.

Nogueira, escultor de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á recuperar a memoria do escultor Camilo Nogueira Martínez:

Sempre que me preguntan cal é o meu lugar favorito para facerme un retrato respondo que a carón da parella de anxelotes termando do escudo de Vigo de Camilo Nogueira da beirarrúa voada do Paseo de Afonso. Aínda que tamén podería escoller algún outro espazo de arrecendo a salitre portuaria, sei que fotografarse alí non é unha mala idea, tanto pola beleza desbordada da paisaxe da ría enxergando o horizonte atlántico de Cíes, ao pé do bulir da abella da ribeira do Berbés, como tamén pola austeridade románica das pezas labradas polas mans do escultor de Lavadores e suavizadas devagariño polos ventos de cada nova galerna.

Analfabetos na historia da nosa propia cidade, mais aínda en todo o que se refire á súa memoria republicana e antifranquista, silenciada e oculta por anos de esquecemento, pasarían moitos anos até que xa de mozo identificase que os anxelotes da balaustrada de Jenaro de la Fuente do Paseo eran dúas das moitas pezas espalladas por Vigo daquel escultor galeguista do que me falaba con tanta admiración e respecto o meu avó Suso Beleiro, ebanista e tallista coma el, formados ambos os dous antes da guerra, como tantos outros vigueses, nas aulas e obradoiros da Escola de Artes e Oficios.

Camilo Nogueira Martínez (1904) pertenceu, como o seu amigo Laxeiro, á xeración de artistas que recibiron a bolsa da Deputación de Pontevedra (1931-1933) para ampliar os seus estudos de escultura na Escuela de Bellas Artes de San Fernando. Membro activo do Partido Galeguista e participante das tertulias culturais e políticas do café Derby, Nogueira colaborou con Antonio Palacios preparando un escudo para o teatro García Barbón e esculpiu o Monumento aos Mártires de Sobredo, inaugurado en Guillarei en 1932 con motivo do décimo aniversario do asasinato de tres veciños por defender a outro contra o pago dos foros, que en 1936 sería dinamitado pola intrasixencia dos sublevados.

Unha obra impregnada do espírito expresionista, emparentada coas de Asorey e Bonome, de renovación da arte galega que Nogueira expresaba por medio de fortes golpes de xubia que deixaba a vista en tallas sobre temas que reflectían escenas de emigración e do mundo do traballo. Fuxido tras o 18 de xullo e pasado un período de ostracismo, Nogueira recuperou a súa actividade artística coas súas exposicións na sala Velázquez e no local de Foto Club (1946) da rúa do Príncipe, onde o alcalde Suárez Llanos mercaría para o museo de Castrelos con motivo do seu décimo aniversario dúas das súas pezas de madeira máis logradas, «Mundo» e «Natureza», desenvolta esta última a partir dun trozo de acacia, que o propio Nogueira consideraba a súa mellor obra.

Mais será a partir de 1950, cando o de Riomao, xa profesor de escultura da Escola de Artes e Oficios (1946-1977), desenvolva durante tres décadas unha obra granítica que deixou pegadas nos edificios, parques, xardíns e alamedas viguesas. Unha obra que ben merece un itinerario propio dende as primeiras pezas da Alameda, correspondentes a comezos desta década protagonizadas como en «Alborada», «Nenos sobre tartaruga» e «Nenos baixo paraugas» por picariños e animais, ás que engade outras catro, «O forxador», «O mariñeiro», «Ansiedade» e «Fartura», inauguradas polo alcalde Portanet o 27 de marzo de 1966. Paseo na procura da obra pétrea de Nogueira que debe continuar polo Castro, onde están outra media ducia das súas pezas, «Peixeira» ou «Xirafa», entre outras, concibidas para a reforma deste parque urbano, na que salienta polo seu valor como icona da cidade o grupo escultórico instalado no interior do castelo «Mariñeiros portando o escudo de Vigo» (1969).

Itinerario urbano que  se estende na procura doutras pezas relixiosas, o busto de «Xoán XXIII» en Torrecedeira, o «Xoán Bosco» (1966) da Ronda, a «Maternidade» de Bouzas, a «Virxe do Carme» (1961) da Etea, como outras cívicas, entre elas, o «Monumento do emigrante» (1971) de Travesas, a súa derradeira obra pública en Vigo. As esculturas de Nogueira enfeitan tamén edificios vigueses, como as  que presiden o edificio Romero de Príncipe e o da Equitativa de Marqués de Valladares ou os inesquecibles relevos da Estación Marítima (1955) e do edificio de Aurora Polar (1955) en Urzaiz.

A obra de Camilo Nogueira, como as dos seus alumnos na Escola de Artes e Oficios, Xoán Piñeiro, Silverio Rivas ou Silvino Silva, o funcionario escultor e canteiro de quen a profesora Mercedes Bangueses acaba de publicar un magnífico libro, «Escultor Silvino Silva. Xamaruas dos Arxinas» (IEV, 2021), con motivo do seu vixésimo cabodano, conformaron espazos urbanos que hoxe son parte da nosa memoria colectiva e da identidade viguesa. Protexelas, catalogalas, difundilas, axeitalas para o seu uso didáctico constitúe unha responsabilidade que os poderes públicos non poden eludir.

Balaustres da memoria

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a reflexionar sobre o esquecemento e a construción da memoria na cidade:

Ao fío da desaparición recente da balaustrada das rúas Lepanto e Afonso XIII, lembrei o artigo extraordinario de Ferrín, «Ubi sunt?», publicado nas páxinas do «Faro de Vigo» de 17 de abril de 2000, no que con motivo das obras de «Abrir Vigo ao mar» lamentaba a desaparición na cidade de partes da propiedade pública. «Onde foron parar tantas cousas comunais? Quen roubou tanta memoria colectiva e privou a Vigo dos apoios da lembranza?» preguntábase lamentando a desaparición, entre outras pezas patrimoniais, da varanda centenaria ou balaustrada de ferro do longuísimo banco de pedra da dársena do Náutico diante do que se fixeron milleiros de retratos familiares vigueses e fotos de emigrantes antes de ser engulidos nos transatlánticos. «U-los seus ferros venerábeis?, onde foi parar ese vestixio de máis de cen anos de vixencia, de referencia, de querenza, de presencia nun lugar da nosa emoción?», escribía hai vinte anos apesarado o mestre Ferrín.

Vestixios da memoria viguesa que continuaron estragándose dende entón coa xustificación sempre do seu deterioro ou da necesidade da súa desaparición co argumento da realización de actuacións urbanísticas imprescindibles ou renovacións do viario, bautizadas como «humanizacións». Aquela primeira relación do artigo de Ferrín (a varanda do Náutico, a fonte da praza de España doada por Cesáreo González, a fontana de granito da praza de Portugal…) cómpre completala con perdas, abandonos ou extravíos máis recentes doutras propiedades públicas viguesas algunhas delas parece que amoreadas no parque municipal de Santa Cristina: o pavimento tradicional da praza da Princesa substituído en 2009; as pedras do colexio Alemán, desmontado hai trinta anos coa promesa de ser reinstalado na Bouza como centro social; as pedras do chalet Agarimo de Manuel Gómez Román, desmontado en Peniche coa intención de reconstruílo en Beade, onde hoxe están abandonadas nunha finca… Sen esquecer nin a fachada da primeira estación do ferrocarril (1878), un ben protexido que, despois de tres décadas, se promete recompoñer de forma decorativa diante do muro da Estación nin a relación de espazos industriais abandonados dende hai décadas como a Panificadora, a conserveira de Alfageme, a manufactureira de folla de lata da Artística ou das cerámicas de Álvarez en Cabral.

Desaparición ou abandono doutros vestixios da memoria máis sutís, non por iso menos relevantes, como o referido ao patrimonio gráfico urbano, unha parte do patrimonio inmaterial, conformado polos rótulos, sinais, e tipografías comerciais que contan tamén as historias da transformación da cidade e constitúen apoios para a construción de memorias colectivas de barrios e comunidades. Un eido no que en Vigo está case todo por rescatar xa que apenas se conserva protexido o anuncio cerámico de viños e coñac de Pedro Domecq e o seu león en tres dimensións tan emblemático na paisaxe urbana de Policarpo Sanz, instalado probablemente nos anos corenta e hoxe por ventura catalogado como ben de interese cultural. Un patrimonio gráfico do século XX en grande medida desaparecido, como o daquel «Tinglado General de Empaque», que lembramos como referencia visual da vella lonxa do Berbés dende o miradoiro do Paseo de Afonso, daqueloutro anuncio de «Decano» que coroaba o edificio do Hispano na Porta do Sol ou tantos letreiros comerciais desaparecidos da rúa do Príncipe, mais dos que apenas se conservan algúns poucos vestixios no rueiro como o letreiro do escaparate superior de Mantequerías Arjeriz da rúa Carral, os carteliños forxados do paseo central da Alameda ou a fermosa placa de cerámica da rúa López Mora en Peniche, por citar algúns.

Xaora, como demostran as talas das árbores veteranas das beirarrúas da Gran Vía, dos cedros sesaxenarios da Ronda, do traslado das palmeiras da Estación ou da tala do monumental salgueiro chorón do Parque de Castrelos, o episodio máis recente dese incomprensible pesadelo arboricida vigués, o patrimonio natural tamén contribúe na cidade a referenciar espazos e querenzas da memoria. Como tamén o fan os medios de transporte urbano, como a rede de tranvías e de embarcacións marítimas de ría, singularidades da memoria do noso espazo metropolitano, das que só contamos coa memoria gráfica dos fotógrafos locais e a conservada na colección histórica de «Faro de Vigo», alfaia da historia viguesa. Balaustres todos da memoria colectiva dunha cidade que cada vez renuncia de forma máis explícita aos seus apoios de memoria e a súa singularidade para deitarse na comodidade aparente dos brazos sen xeito do esquecemento. Cada vez que desaparece unha balaustrada histórica, un letreiro de época ou se tala unha árbore catalogada, ampútase outro anaco da memoria viguesa que somos.

150 anos de recheos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos recheos da ría de Vigo:

A Autoridade Portuaria de Vigo (APV) anunciou en novembro que o Ministerio para a Transición Ecolóxica autorizou a ampliación da explanada anexa ao porto pesqueiro para dar garantías sanitarias preventivas fronte ao Covid-19 ás actividades portuarias. Apenas un eufemismo administrativo para comunicar de forma politicamente correcta que decontado comezará o recheo con bloques prefabricados, previsto dende hai anos, dos 8.300 m2 existentes no espazo portuario situado entre os peiraos de Beiramar situados diante da grande cristaleira central do Auditorio Mar de Vigo. Outro recheo que transforma o perfil urbano costeiro xa que neste caso modificará a relación entre o edificio do arquitecto César Portela coa súa contorna, afastándoo 120 metros máis da lámina de auga e substituíndo dende a galería a vista do atraque das embarcacións de altura pola dos camións que dan servizo á lonxa. Recheo que, en definitiva, afasta outra migalla o mar da cidade, deixando no grande baúl dos proxectos vigueses esquecidos o da construción da continuidade do túnel de Beiramar entre o Berbés e os estaleiros de Barreras, coa intención de liberar o tráfico en altura e contribuír a rexeneración urbana dese espazo hoxe degradado.

Un novo episodio desa longa historia de 150 anos de recheos vigueses, dende aquel primeiro de 1870 que autorizou a Emilio García Olloqui a urbanizar os terreos gañados ao mar (64.000 m2) dende as rúas da Laxe e Vitoria ao que hoxe é comezo de Velázquez Moreno, onde chegaba a praia. Dende entón, mellorouse o peirao da Laxe e construíuse o peirao comercial do Ramal (hoxe Colón), primeiro de madeira, despois de ferro (1891), onde chegaría o tren (1898) polo famoso túnel baixo a rúa García Barbón. Como ao ritmo do desenvolvemento destas novas infraestruturas portuarias, naceu a chamada «Nova Poboación», abríndose nas décadas fineseculares os xardíns das Avenidas, a actual Alameda de Compostela e as súas rúas contiguas de brillante edificación pétrea. Recheos vigueses continuados no século XX, co plan do enxeñeiro Eduardo Cabello (1910), concibido para un Vigo de 45.000 habitantes, que supuxo unha década despois a construción en espazos gañados o mar dos novos peiraos no Berbés e no Areal, o que mudaría de forma irreversible a organización dos usos dos espazos portuarios vigueses. Recheos que non pararon no século XXI, desde a ampliación en 2005 de 150.000 m2 do recheo de Bouzas, que lle roubou cen metros á ría. Xaora, non se pode entender a historia do Vigo contemporáneo sen a súa pulsión continua de aterrar o tesouro da súa ría, o seu primeiro patrimonio natural.

E o que chama a atención do caso é que Autoridade Portuaria de Vigo, dende hai unha década en mans do Partido Popular de Galicia, pretende continuar con novos aterrados, presentados no seu Plan Estratéxico 2018-2028 coa etiqueta de «crecemento azul (sostible)» coa intención de gañarlle á ría outros 200.000 m2, no recheo de Bouzas, no peirao transversal e comercial de Guixar e nos diques baixo do monte da Guía. Aterramentos xustificados sempre pola APV para gañar novas liñas de atraque debido á suposta necesidade de contar con máis superficie para desenvolver a actividade portuaria. Un suma e segue que de executarse reduciría nun quilómetro a distancia que hai un século existía entre o peirao de Bouzas e a Punta de Rodeira de Cangas. Unha auténtica barbaridade denunciada pola Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo-Cíes que lamenta os efectos nocivos que os recheos supoñen para a actividade turística, pesqueira e marisqueira da ría, onde existen dous espazos naturais protexidos, as illas Cíes e a enseada de San Simón, propoñendo como saída para un desenvolvemento sostible do porto de Vigo unha reconsideración do uso dos espazos portuarios actuais de toda a ría.

Cunha nova delimitación dos usos dos espazos portuarios, eliminando as actividades industriais, comerciais e terciarias alleas aos sectores marítimo, naval e pesqueiro, sería posible erradicar a política dos recheos como única fórmula para afrontar ás novas demandas de tráficos e sostibilidade ambiental. O que ademais obrigaría a APV a delimitar os usos do dominio portuario de toda a ría e aumentar de forma significativa as desafeccións de espazos que fosen cedidos á propia cidade para o uso público da veciñanza. Unha delimitación de usos que non pode deixar fóra as posibilidades enormes ofrecidas pola PLISAN, o porto seco de Salvaterra As Neves, nin tampouco facer efectiva a intermodalidade das instalacións portuarias coa autoestrada e no futuro co tren do Eixo Atlántico. En definitiva, despois de século e medio, parar de aterrar a ría de Vigo é posible sen comprometer o futuro do porto de Vigo. Cómpre afouteza da presidencia da APV para afrontar esta demanda cidadá.

Compañeiro Luís «Ferreiro»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao pasamento de Luís González López «Ferreiro»:

Hai cinco anos Luís González López «Ferreiro» agasalloume cun pequeno triángulo vermello invertido, unha insignia que dende entón levo prendida orgulloso na lapela da miña chaqueta. Expliquei moitas veces que se trataba da marca empregada nos campos de concentración nazis para distinguir os presos políticos, inicialmente para os comunistas, despois tamén para socialistas, anarquistas, sindicalistas ou masóns. Un triángulo vermello que levaron algúns republicanos españois como Jorge Semprún, recluído no campo de exterminio de Buchenwald, ou Francisco Largo Caballero, prisioneiro do campo de Sachsenhausen durante dous anos. Hoxe o triángulo vermello é unha insignia que honra a memoria daquelas combatentes que a levaron hai máis de setenta anos, un símbolo orgulloso das persoas antifascistas das máis diversas adscricións, desde aquelas que non pertencemos a partido político ningún a outras de distintas formacións desde liberais a comunistas. Xaora, para min, esta pequena insignia será sempre a que identifica aos simpatizantes e seguidores do partido de Luís «Ferreiro», os milleiros de persoas amigas dun home bo no que identificamos a dignidade e xenerosidade dun loitador incansable pola liberdade solidaria, a democracia plena e a procura da igualdade.

Falecido o pasado sábado, a admirable vida de «Ferreiro», o seu nome na clandestinidade antifranquista, como tamén o de «Pedro», foi toda dedicada ao compromiso militante coas causas da humanidade. Acompañando nas nosas viaxes polo país ao seu camarada o profesor don Xesús Alonso Montero, tivemos a fortuna de que Ferreiro nos contase algúns episodios da súa peripecia novelesca. Nacido en 1939 en Barreiros, na parroquia de Salgueiros, no concello de Vila de Cruces, o sétimo de oito irmáns dunha familia labrega, Luís foi como lle gustaba dicir, outro Balbino calquera, o protagonista das Memorias dun neno labrego (das que celebramos estes días o sesenta aniversario da súa publicación en Bos Aires), o relato do seu paisano Xosé Neira Vilas, a quen tanto admiraba. Con escasos días de escola, enrolouse aos quince anos nunha cuadrilla de cinco aprendices do mestre canteiro Silva (episodio narrado de forma memorable por Manuel Rivas no relato «El aprendiz»). Con apenas dezaoito, emigrou a Francia para traballar nunha mina de talco, preto dos Pireneos. Alí coñeceu, dous anos despois, a Pilar García Jiménez, unha militante comunista andaluza coa que casará en 1961, incorporándose ao Partido Comunista no exilio no que militará de forma ininterrompida durante sesenta anos.

Despois de asistir a unha escola do Partido na Alemaña democrática (1963), Luís e Pilar retornan a Galicia en xaneiro de 1967 e contactan con Carlos Núñez, responsable en Vigo do pecé. Dende entón traballarán na legalidade e na clandestinidade, Pilar na empresa de cerámica Álvarez, onde comezará a desenvolver a actividade sindical na construción das primeiras Comisións Obreiras, Luís pertencendo ao comité central do Partido Comunista de Galicia, constituído en 1968 en París, e asumindo a responsabilidade do aparello de propaganda e da distribución de Mundo obrero e outras publicacións do Partido. Como tal, «Ferreiro» vivirá o 5 de abril de 1969, un día moi decisivo na súa vida, cando foi detido na Coruña onde fora adquirir dous cartuchos de tinta para a multicopista Gestetner que el gobernaba en Vigo. Narrada por el mesmo no documentario O meu nome é Luís Ferreiro (2010) de Roi Cagiao e Fernando Llor, a detención suporá brutais torturas físicas e ameazas da policía en longos interrogatorios durante 72 horas, que resistiu con afouteza e heroísmo, ademais de sufrir logo varios anos de cárcere.

Tras a saída da prisión, traballou como porteiro nas instalacións da Zona Franca de Vigo até a súa xubilación. «Ferreiro» continuou desenvolvendo unha actividade constante, fose como militante esforzado do PCG e Esquerda Unida, como implicado na causa da memoria republicana de Galicia ou como membro da Coral Máximo Gorki de Vigo, actividade musical que moito lle prestaba da que era un destacado cantor. «Ferreiro» cantaba só, sobre todo se as persoas amigas llo pedían en actos solidarios, nun repertorio antifascista onde non faltaba a canción do Guerrilleiro, a Internacional (en francés, subliñado o verso sete: «¡Le monde va changer de base!») ou a Chamada a folga, interpretación que quedará gravada para a historia na banda sonora orixinal do documentario Vigo 1972 (2017) de Roi Cagiao.

Recoñecido no seu pasamento de forma unánime e solidaria por todos os sectores antifascistas de Vigo, lembrarei con agarimo, respecto e admiración a Luís «Ferreiro» como un heroe contemporáneo que viviu co seu triángulo vermello tatuado no corazón. Beizón, compañeiro!

Onte 2114: Entrevista na revista «A movida»

A xornalista Tamara Novoa tivo a deferencia de facerme esta entrevista para a revista cultural mensual A Movida. Co pretexto da publicación de Vigo, puro milagre, Tamara soubo tirarme da lingua e falei de como concibo o papel do editor en lingua galega, da miña relación cos autores e autoras, da situación cultural da cidade de Vigo e do futuro da lingua galega, entre outras. Queda no blog como arquivo. Mil grazas a Tamara polo seu interese e traballo na transcrición como o autor das fotos no miradoiro do Paseo de Afonso.

Árbores urbanas blues

Dedico o primeiro artigo do ano en Faro de Vigo a lamentar a corta de árbores urbanas antiguas en Vigo:

O pasado 2020 será lembrado como o ano da pandemia provocada polo Covid-19, mais tamén en Vigo pola corta desapiada de árbores veteranas (se entendemos por iso as que contan con máis de cincuenta anos) que conformaban a identidade dalgúns dos espazos urbanos máis emblemáticos da cidade central. Comezou coas cortas da avenida Castelao, da avenida Martínez Garrido, do bulevar e das beirarrúas da Gran Vía e arredor da muralla do Castro, xustificadas polos responsables municipais, unhas veces polo mal estado das árbores outras por que danaban as tubaxes ou polo feito de estar contempladas nos proxectos de humanización deses espazos. As máis recentes producíronse nos xardíns das Avenidas, inequívoco anuncio da construción dun novo aparcadoiro soterrado (e polo tanto da desaparición do grande arborado), e na Ronda de don Bosco, onde no día dos inocentes foron cortados os dous cedros que quedaban, tras a caída dos outros dous no verán debido a unha neglixencia durante as obras de remodelación da praza.

Outra desfeita aparentemente inevitable esta dos lanzais cedros que medraron durante máis de cincuenta anos a carón da estatua de Xoán Bosco do escultor Camilo Nogueira, inaugurada en 1966, naquel ano no que non esquecerei comecei a primaria no colexio salesiano. Outra corta que provocou a indignación e a impotencia dalgunhas veciñas do propio barrio, mais que como todas as anteriores foi autorizada por Patrimonio da Xunta de Galicia e contaba cos informes dos técnicos municipais que, a pesar de recoñecer nesta caso a aceptable saúde das árbores, detectaron algún risco para as persoas e perigo de que algún día tarde ou cedo (un tempo indefinido) acabasen caendo. Sen apelar a ironía ningunha, madía leva, nin sequera abondou o compromiso explícito da alcaldía expresado diante das cámaras hai un ano, cando se iniciaron unhas obras executadas polo Concello en colaboración coa Deputación, para manter o arborado histórico que facía daquel curruncho da Ronda un dos máis xeitosos do centro.

Dende hai uns anos o Vigo urbano é un territorio onde as árbores por unhas razóns ou por outras corren sempre perigo, sobre todo cando se acometen obras de renovación do viario ou dos espazos urbanos de lecer. Como tamén é un exercicio que en Vigo entraña risco denunciar este arboricidio, se por tal termo entendemos a «corta inxustificada de árbores», xa que para os actuais responsables municipais estas denuncias obedecen apenas a unha andrómena froito da polarización política cada vez máis presente na corporación. Como até agora tampouco foron atendidas as denuncias das organizacións ecoloxistas e veciñais viguesas que reclaman ao concello que cesen as cortas e os traslados de árbores urbanas, unha medida paliativa non exenta de risco (como sucede coas palmeiras da praza da Estación) e desenvolvan unha protección afectiva das árbores antigas por tratarse dos medios que mellor protexen á veciñanza da contaminación atmosférica e acústica.

E o mellor do caso sobre a constante polémica sobre a corta e o traslado de árbores e arbustos urbanos (velaí a Dinosebe collendo agora raíces nos xardíns da Alameda) é que boa parte destas leas se evitarían atendendo estritamente ao establecido no capítulo VI da Ordenanza Municipal de Medio Ambiente, referida a «Zonas naturais e espazos verdes», vixente dende 1994, sendo alcalde Carlos González Príncipe. Ordenanza na que figura, entre outras medidas de protección do arboredo urbano, o compromiso de contar cun catálogo municipal actualizado de «formacións e especies vexetais singulares [plantadas sobre solos de propiedade municipal ou terreos particulares] que pola súa beleza, antigüidade, historia ou rareza merezan ser conservadas».

Xaora, a polémica sobre o interminable arboricidio vigués radica no erro colosal dos actuais responsables municipais de considerar o arborado urbano apenas como outra peza do mobiliario urbano, como se dun farol, semáforo ou dun adorno se tratase, que pode ser substituído en calquera momento. Un modelo de municipalismo de usar e tirar que, velaí o resultado da actuación recente nun treito da Gran Vía, vai mudando de forma inexorable aquelas árbores que colleran raíces durante décadas na beirarrúa por arbustos, sebes e vexetación con data de caducidade sobre soportes para testos de formigón. O caso é que as árbores son seres vivos, fontes purificadoras de osíxeno e frescura, que en todas as cidades do mundo son consideradas como pezas esenciais para a saúde pública e para o benestar da cidadanía. Como é incuestionable que algunhas destas árbores, como os cedros da Ronda, pola súa antigüidade e singularidade arraigaron como parte do patrimonio da cidade. Cortalas é arrincar tamén a nosa memoria, e iso doe.

O legado de Palacios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar o Plan Palacios:

Antonio Palacios pasará a historia de Vigo por ser o autor do «Proxecto de Extensión e Reforma Interior de Vigo» asinado no mes de decembro de 1932, aprobado pola corporación en xaneiro de 1934 e anulado en plena Guerra Civil, tras unha dura polémica, en 1937 xa pola corporación fascista. Un documento urbanístico que definía sobre o papel un modelo para o Vigo futuro, entón unha cidade de cen mil habitantes, creando unha cidade marítima ordenada e moderna, disposta sobre o anfiteatro da ría para ser contemplada dende o mar,  capaz de cuadriplicar a súa poboación e integrar o desenvolvemento do espazo rural no seu tecido urbano. O arquitecto porriñés, pretendía converter Vigo na Barcelona do Atlántico, idea dunha cidade portuaria xardín que xa defendera en 1908 e máis tarde na súa conferencia na sociedade La Oliva (1919), convencido de que o futuro de Galicia (nas súas declaracións «patria galega») pasaba polo crecemento das súas tres cidades marítimas (Vigo, A Coruña e Arousa) como motores económicos da Galicia do século XX, posición que o distanciou do ruralismo defendido polo movemento galeguista do seu tempo, onde tiña bos amigos como Castelao, Cabanillas ou Paz Andrade.

Dende o seu estudio do Areal, Palacio deseñou un proxecto para Vigo moi novidoso e audaz tanto polo seu carácter metropolitano, xa que pretendía regular toda a área de influencia da cidade, identificando até vinte cidades satélites na súa contorna (Baiona, Porriño, Redondela e Cangas, entre elas), como pola súa proposta de distribución da cidade interior en tres áreas delimitadas por outras tantas grandes vías de mobilidade e desenvolvemento urbanístico: a Galicia, a Atlántica e a Cornixa. A primeira, unha vía de rañaceos, que supoñía a remodelación total do centro da cidade, incluído a práctica desaparición do que hoxe denominamos Vigo vello, subía dende a estación marítima ao gran Pazo rexional do Castro, pasando por unha nova sede para o concello no Castelo de San Sebastián do Campo de Granada, idea recuperada polas derradeiras corporacións da ditadura. A segunda, corría paralela á ría, dende o estreito de Rande a Samil, e a terceira, subía pola aba do Castro e baixaba cara ás praias. Dúas vías que, a pesar do fracaso daquel plan, desenvolvéronse ás toutiñadas conformando, a primeira, o que hoxe é a avenida Beiramar, e a segunda, a Gran Vía, estendida anos máis tarde nas avenidas Castelao e Europa.

Ademais de anticipar estes grandes viais, o plan Palacios legou outras moitas ideas urbanísticas que non perderan vixencia. A primeira, a necesidade de recuperación e especialización das actividades do borde marítimo, dende o outeiro da Guía, onde Palacios situaba o templo pola Paz, zona na que se deberían desenvolver as actividades industriais, pasando pola zona portuaria do Areal, a pesqueira do Berbés, até a balnearia das praias de Samil a Baiona, para as que o propio Palacios deseñou en 1923 un plan de remodelación. Tamén legou a idea dunha liña soterrada baixo o Castro dende a estación de Urzaiz, alongando o ferrocarril até ás praias, como a dun servizo de transporte marítimo, aproveitando o estreitamento de Rande. Reservaba o porriñés naquel seu Vigo futuro unha zona universitaria, outra sanitaria, outra forestal, que dunha maneira ou doutra irían desenvolvéndose sen respectar o seu criterio ordenado.

Certo é que Palacios legou ao Vigo metropolitano algúns dos seus edificios pétreos máis emblemáticos: o Teatro García Barbón (1926), construído co granito das canteiras de Castrelos e restaurado por Desiderio Pernas en 1984 con algunhas modificacións; o edificio do Banco Viñas-Aranda (1944), en Marqués de Valadares; o mosteiro das Salesas (1942) na Calzada; o templo do mar de Panxón (1937); a virxe da Rocha de Baiona (1912), erixida coma un faro; o hotel sanatorio de Mondariz (1917) ou a Casa do concello do Porriño (1918). Obras todas nas que Palacios amosa a súa reinterpretación dun clasicismo que non renuncia a utilización dos materiais propios do país, o que en palabras do seu primeiro estudoso, o noso admirado Moncho Iglesias, «as dota dunha poética persoal, na que identificamos rastros de Gaudí».

Legado vigués de Palacios que eu sempre identifiquei na maqueta de xeso do seu plan para Vigo, exposta durante a década de 1980 no primeiro andar da casa do concello de Vigo. Mágoa que daquela proeza de xeso para a historia do urbanismo vigués apenas queden os rastros das fotografías dispoñibles na rede, pois semella que a maqueta desapareceu para sempre nalgunha das reordenacións do concello. Terrible paradoxo para unha cidade desmemoriada que só aprecia o seu patrimonio cando desaparece irremediablemente, como esta semana sucedeu cun treito do bulevar cosmopolita daquela vía da Cornixa debuxada por Antonio Palacios.