Onte 1217: As tendencias do sector do libro

Hai tempo que admiro a reflexión que Manuel Gil ven facendo sobre a situación do sector do libro e da edición en España. Onte lin unha entrevista que lle fixeron en Libros. Instrucciones de uso na que repasa algunhas das tendencias principais que enxerga para o sector, ao tempo que realiza algunhas outras valoracións de moito interese. Recollo algunhas que crin máis luminosas:

  • Precísase unha política pública de apoio á dixitalización masiva dos catálogos editoriais.
  • Entrando o libro de texto na dinámica de dixitalización masiva e incoporándose o libro electrónico ás bibliotecas, o máis probable é que entre 2016 e 2018 o dixital teña unha cota de mercado do 15%.
  • Os libros dixitais terán prezos dinámicos.
  • No eido dixital desenvolveranse modelos de pagamento por consumo ou plataformas de suscrición especializadas.
  • Na distribución do libro dixital existe un auténtico oligopolio xa que entre Amazón, Apple, Google e Casa do Libro concentran entre o 85 e o 90 % do mercado. Un oligopolio dixital non é bo para a bibliodiversidade.
  • As novas formas de licenciar o contido, limitando o copyright, son o futuro, deixando sempre ao autor a decisión de como quere difundir e comercializar a súa obra.
  • Cada editorial debe asumir o reto de formar a súa comunidade na rede.
  • No eido da distribución do libro físico o futuro está na concentración en dous hubs para proporcionar servizo ás librarías ao día ou en 24 horas en toda España
  • As librarías precisan de plans públicos de apoio e de implantación de selos de calidade ou selos culturais.
  • Editores e libreiros deben compartir un código de boas prácticas.
  • Un páis mídese polas súas bibliotecas e librarías. Iso si que é Marca España.
  • A pirataría é unha excusa dos editores que se converte nunha explicación que vale para todo. Unha forma de perseguir a pirataría é artellar unha oferta dixital en condicións,

 

Onte 1192: O ano sen pantalóns

el_año_sin_pantalonesAdoito ler cada ano un par de libros de non ficción estadounidenses, dese xénero híbrido tan dificilmente clasificable, entre os manuais de business e as biografías (haxiografías nalgúns casos) de novos triunfadores, que se ofrecen a esgalla nas librarías dos aeroportos. Despois da biografía de Jeff Bezos, na que souben que en Amazon non se utilizan nunca as presentacións en power point, subtituídas por composicións de 1000 palabras e notas de prensa de presentación de produto, metinme con certo escepticismo con El año sin pantalones, no que o xornalista e informático Scott Berkun relata a súa experiencia laboral dun ano como xefe dun dos equipos de Automattic, a empresa que xestiona WordPress.com, onde están aloxados millóns de blogs en todo o mundo. Confeso que o libro superou as miñas expectativas.

O máis interesante do libro de Berkun é a testemuña en primeira persoa de quen experimentou un modelo de traballo colaborativo, distribuído e en remoto e despois reflexiona de forma crítica e distanciada sobre as consecuencias que ten para a autonomía, empoderamento e confianza dos traballadores. En Automattic os empregados dos diversos equipos poden traballar onde e como eles queiran (de aí o título do libro) sen apenas utilizar o correo electrónico. A comunicación entre os membros de cada equipo faise por medio de vídeoconferencias en Skype, de textos compartidos en P2 (o sistema de blogueo rápido de WP) e en IRC, a veterana canle de conversa, ademais das catro ou cinco quedadas duns cantos días en diversos lugares do mundo para traballar xuntos de forma presencial. Todos os traballadores sen excepción inician a súa andaina na empresa pasando polo equipo de soporte, atendendo reclamacións e solucionando problemas aos clientes. En definitiva, unha nova cultura do traballo para unha nova relación cos clientes.

A intencionalidade da obra, escrita con inusual vigor narrativo, utilizando os recursos da autoficción, é subliñar que «as empresas progresistas», así as cualifica o autor, deben estar abertas á idea de que a tecnoloxía pode devolver parte do significado do concepto de «traballo» que perdimos: o seu carácter artesán, o de ser unha actividade da que se sintan orgullosas as persoas que a realizan, ou o de considerar as empresas como institucións que contan con valores profundos que perduran no tempo. O que non sería pouco, tal como se van conformando as empresas no entorno actual da devaluación e da perda de dereitos laborais. Un libro de negocios interesante.

Onte 1182: Cara á edición híbrida

xerais_dixital_2014Estivemos onte facendo balance da oferta dixital de Xerais e levamos algunhas sorpresas. Acadamos os 186 títulos no catálogo dixital da editorial dos que 153 son libros literarios en formato epub (81 de Narrativa, 1 de poesía,  8 de ensaio e 63 infantís e xuvenís) que distribuímos en librarías dixitais (Amazón, Itunes, Casa do Libro, El Corte Ingles e na propia tenda en liña de CGA) e no programa de préstamo bibliotecario dixital «Galicia le». Oferta dixital que completamos con 15 títulos literarios e educativos en formato pdf, correspondentes a obras xa descatalogadas en papel, que se ofrecen en liña e de forma gratuíta e outros 17 educativos, distribuídos en liña e, nalgún caso, en soporte pendrive. Unha oferta que constitúe apenas o 10 % do catálogo vivo de Xerais, mais que neste ano incrementamos moi decididamente, xa que acadaron as 84 referencias (80 literarias en epub e 4 educativas), cifras moi semellantes ás edicións de novidades impresas que foron 94. A produción editorial de Xerais xa é híbrida, a pesar de que este catálogo dixital supoña neste 2014 apenas o 1,14% das nosas vendas. O tránsito cara esta edición híbrida acentuouse neste ano que estamos a piques de rematar. Unha tendencia a ter en conta no conxunto do sector da edición en galego.

Onte 1177: bretemas.gal

punto_galDende onte estas brétemas funcionan co dominio punto gal. Accédese, pois, como bretemas.gal, aínda que aquelas persoas que accedan dende bretemas.com serán redireccionadas sen maior problema ao novo dominio. Unha mudanza para min imprescindible, a pesar de ser consciente que os prezos do dominio galego aínda son moi elevados, o que pode prexudicar a popularización dos seus rexistros. Xaora, finalizadas as fases iniciais de Pioneiros e Abrente, a popularización do dominio para a lingua e a cultura galegas en Internet chegou ao seu momento decisivo. Ben paga a pena facer un esforzo.

Onte 1172: Booktuber gaba «Black Air» e cita a literatura galega

black_airFoi unha sorpresa coñecer que a booktuber londiniense Sanne de Booksandquills (117.000 seguidores) dedicase a súa primeira recomendacion do mes de novembro a Black Air, a novela de Agustín Fernández Paz, traducida por Jonathan Dunne e publicada en inglés por Small Stations dentro da colección «Galician Wave». Un feito moi relevante xa que Sanne encadra o texto dentro da literatura galega, gaba a nova colección xuvenil e o deseño cool das súas cubertas, ao tempo que comenta o seu interese por ler máis obras do autor. A peza leva xa máis de 32.000 visionados e non está de máis deterse a ler os comentarios, onde participan lectoras galegas e catalás de Agustín. O fenómeno booktuber (lectores e lectoras novos que comparten as súas lecturas e comentarios no seu vlog de youtube) ten cada vez máis importancia na literatura xuvenil internacional, pola súa grande influencia na conformación de tendencias entre o lectorado.

Dende hai meses coñezo o caso de Sebas G. Moure, un booktuber galego (máis de 31.000 seguidores), un mozo de Lugo de dezaoito anos (con 25.000 seguidores en Twitter), estudante de xornalismo en Madrid, que publica os seus comentarios en «El coleccionista de mundos» e «O rocho das ideas» (en galego). Nos vindeiros días afondaremos no fenómeno booktuber en galego e nas experiencias de lecturas compartidas que se veñen facendo na rede galega de bibliotecas escolares.

Onte 1169: A evolución do escritorio

 

Non son moito de fricadas, mais esta peza merece ser arquivada como recurso didáctico. Máis alá do carácter disruptivo da mudanza entre os soportes analóxicos e os dixitais, chama a atención como nos últimos trinta anos a microinformática e o software a ela asociado foron devorando aos aparellos, obxectos e materiais dos escritorios da nosa mocidade. Hoxe moitos dos adolescentes descoñecen como funciona un fax, un magnetofón, un proxector e unha pantalla de diapositivas ou un teléfono de fíos. En todo caso, non é moi difícil aventurar que a evolución desta progresión disruptiva anuncia que os actuais portátiles e smartphones teñen tamén os días contados. Así de cruel é a dixitalización disruptiva, que impide collerlle cariño a todos estes novos aparellos.

Onte 1161: Culturgal para o profesorado

7c992706d82ede1426ccd3fc4a408e34Dentro da programación do Culturgal 2014 non deben pasar desaparecibidos os programas formativos para profesionais. Particular relevancia ten o foro Culturgal para o profesorado de educación non universitaria, «Novas ideas na escola: das ferramentas TIC e outras tecnoloxías», que se celebrará ao longo da xornada do sábado, en sesións de mañán e tarde, nas salas de conferencias do Pazo da Cultura de Pontevedra. Un programa completísimo que abrirán a conferencia de Diego Rosales Galiñanes sobre a elección dun modelo de ensino dixital e a presentación da premiadísima aplicación Creappcuentos creada por unha empresa viguesa.

Nas primeiras sesións de tarde presentaranse as experiencias das bibliotecas escolares do Rosal e das Neves e da Biblioteca Municipal de Ribadavia. Así mesmo a Coordinadora Galega de ENDL organiza unha serie de obradoiros prácticos:  o de iniciación ao audiovosual do IES As Barxas de Moaña a cargo de Seso Durán; o obradoiro de xoguetes tradicionais como recurso didáctico, a cargo de Xosé López e Xosé Manuel García e o obradoiro de radio escolar impartido polo profesorado e alumnado promotor de «Ponte en galego» a radio escolar do IES Breamo de Pontedeume.

Xa nas derradeiras sesións, os participantes poderán asistir á presentación da experiencia formativa «Un Artista na escola» de EducaBarrié ou ao debate sobre «A lectura e a lectura en galego», impulsada polo servizo de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia e a Asociación de Bibliotecarios Municipais de Galicia, na que participarán a editora de OQO Eva Mejuto, á bibliotecaria de Caldas de Reis Rosa María Barreiro Novás, a asesora do servizo de Bibliotecas Escolares Pilar Sampedro e o escritor Pedro Feijoo. Unha xornada formativa completísima. Outro xeito de construír Culturgal.

Aquí pódese baixar o programa do Foro Culturgal para o profesorado e aquí enlazar co descritor da actividade recoñecida como formativa pola Consellaría de Educación.

Onte 1138: O «blogomilo» no «Sermos»

A_fondo_sermos_06-11-14

Lin con moito interese o «A fondo» que Sermos Galiza dedica esta semana ao blogomillo. Acerta Tati Mancebo, a coordinadora do suplemento, ao escoller as voces que valoran, case dez anos despois, o que foi a primeira rede hipertextual en galego, na que (como sinala Uxía Casal «Gradicela») compartimos afectos e ensaiamos con esta textualidade nova para a maioría de nós. Pareceume fulcral o artigo de Pedro Silva «Goretoxo, fundador de Blogaliza e do movemento de blogs na nosa lingua, no que defende o papel dos blogs como arquivo permanente, unha idea que sempre compartín como esencial. No entorno actual da saturación provocada por redes informativas como Twitter ou sociais como Facebook, onde sobra ruído e lercheo, os blogs manteñen o seu papel central na conformación da identidade dixital dos seus autores, tanto pola posibilidade de acceder ao seu arquivo como pola de etiquetar con detalle o seu contido. Utilidades que, como tamén sinala Gracia Santorum no seu artigo, converten aos blogs en utilísimos recursos didácticos. Como salienta Martín Pawley, outro dos fundadores dos blogs en galego, máis alá da vixencia do «blogomillo» como etiqueta, os blogs continúan sendo o soporte máis cómodo para compartir na rede a escrita en galego, sendo o arquivo fundamental desta textualidade.

Onte 1044: O consenso puntogal

Horas felices as de onte ao mediodía no acto da presentación do programa Pioneiros do dominio.gal. Dende o 25 de xullo, noventa e tres dominios de internet correspondentes a administracións públicas, entidades sen ánimo de lucro e algunhas empresas darán a coñecer os seus servizos, produtos e información en lingua galega baixo o dominio diferencial de puntogal. Galicia e a lingua galega conta xa con este valiosísimo carnet de identidade, «que aumenta a nosa conciencia de país, a nosa cohesión social e a nosa autoestima como pobo», como salientou no acto o profesor Manuel González González, presidente da Asociación Punto Gal. Unha conquista acadada en mancomún, á que non foi allea o traballo voluntario, xeneroso, totalmente altruísta dos membros da asociación Puntogal, que contou co consenso de todas as forzas políticas do Parlamento Galego e co apoio das máis diversas forzas sociais e culturais. Atrévome a dicir que a do Puntogal é a mellor noticia para Galicia e para a nosa lingua da última década, tanto pola súa transcendencia para participarmos con garantías no actual proceso de hibridación comunicacional e cultural coma polo exitoso proceso realizado para chegar a acordos amplos e inclusivos para o conxunto da sociedade galega. A vindeira semana poderemos visitar as páxinas de xerais.gal, prolingua.gal, amesa.gal, celta.gal, rcdeportivo.gal, galiciaconfidencial.gal, sermos.gal, praza.gal, gadis.gal, academia.gal, algúns destes nomes Pioneiros. E a finais deste 2014 poderemos incorporarnos o resto dos que formamos o perimetro en Internet dunha comunidade de catro millóns de persoas. Parabéns A Manuel González González, como presidente, a Edita de Lorenzo, como nova directora xeral do dominio, e ao resto dos membros de Punto Gal por esta gran proeza.

Onte 1029: Gmail en galego

galego

Dende onte xa está en galego a interface de Gmail. Segundo o incansable Iago Varela, o artífice de Mallando Android, o servizo de correo electrónico máis popular chega co galego ás 71 linguas nas que pode ser empregado. Sen dúbida, un éxito para idioma galego. Para mudar o noso Gmail ao galego, abonda con entrar no menú de «Configuración» e escoller «galego». Mágoa, que polo momento, esta opción na nosa lingua non poida ser utilizada nalgúns outros produtos de Google tan importantes como a Axenda, hoxe aínda incompatible (como puidemos comprobar) coa opción en galego da caixa de correo. A pesar deste inconveniente, a chegada do galego a Gmail, coma hai máis dun ano sucedeu con Twitter, supón outro chimpo de xigante para a normalización da nosa lingua na rede, que ofrece máis posibilidades de escolla aos usuarios que así o desexen. Agardemos que decontado se traduza tamén a Axenda de Google. Seguimos 🙂