Onte 375: Proyecta

Sabiamos dende hai tempo da xestación da Plataforma Proyecta, unha iniciativa de educación dixital promovida pola Fundación Amancio Ortega Gaona. Onte foi o día no que comezou o lanzamento deste proxecto concibido para que o profesorado non universitario poida compartir obxectos e contidos educativos dixitais, ademais de contar con ferramentas para crealos e de espazos e materiais formativos sobre o proceso de dixitalización educativa e da utilización das TICS nas aulas. A pesar do pouco que puidemos navegar, a primeira ollada á plataforma aventura que Proyecta pode converterse axiña nun espazo de referencia no proceso de tránsito cara ao paradigma da educación hipertextual. Beizóns para o seu equipo de profesionais e longa e ventureira andaina!

Onte 371: The Joy of Books

Tras tres xornadas seguidas do intenso Seminario sobre edición de libro electrónico, impartido por Antón Lado e no que participamos trinta editores galegos, é inevitable para os que gozamos co arrecendo dos libros expresar un aceno de perplexidade, entre unha doce melancolía e un ilusionante entusiasmo. Vivimos un momento de tránsito, onde a pesar das incertezas sobre o modelo da cadea de valor do sector do libro debemos desenvolver un catálogo de lecturas, tanto impresas como electrónicas. No obstante, preparar unha oferta de referencia en lingua galega en formato dixital é hoxe un dos retos principais do sector da edición privada en Galicia. Sen dúbida, o excelente ciclo formativo de Antón Lado moito axudará en impulsala e orientala. O noso maior recoñecemento para el.

Onte 368: Libro electrónico

Andando ás voltas estes días co traballo sobre os nosos libros electrónicos, ven ao caso esta peza polaca na que se homenaxea o Manifesto  de El Lissitzky 1923, nacido nun momento de tránsito, tamén, como o que hoxe vivimos. Cal é o modelo de libro electrónico que queremos? Serán as posibilidades técnicas, tamén posibilidades creativas?

Onte 325: Primeiro contacto con Kindle

Dinme por vencido. Onte estreei o Kindle Touch que merquei. Abandono o meu primeiro e-reader e o seu antipático sistema. Non nego que a experiencia de compra de Amazon é moito máis satisfactoria ca das librarías electrónicas que viña utilizando. O wifi funciona, a descarga de cada libro é directa ao aparello e dura menos dun minuto. Na experiencia lectora notei menos diferenza, xa que depende da calidade de edición dos e-books. Con todo, sorprendeume a facilidade de integración de documentos propios, aínda que a lectura de PDFs resultoume moi incómoda.

Birth of a Book

Birth of a Book from Glen Milner on Vimeo.

Esta curtametraxe de Glen Milner iustra o que foi, hai uns anos, o proceso de impresión offset e encadernación en tapa dura dun libro analóxico. Hoxe a tecnoloxía do directo á prancha suprimiu o procesos de montaxe por imposición (que se ve nas secuencias iniciais) e industrializaron os traballos de encadernaicón artesanal (das secuencias finais). Con todo, a peza é un magnífico recurso didáctico que exemplifica en menos de dous minutos a plenitude que nun tempo tivo a impresión analóxica.

Onte 179: Kodak deixa de fabricar película de diapositivas

Coñezo por Microsiervos a noticia de que Kodak deixa de fabricar as películas de Ektachrome E 100, as súas derradeiras películas de diapositivas. Kodak estima que tardarán seis meses en agotar os stocks dispoñibles. Rematará así a vida comercial dun produto analóxico moi exitoso que hai tres décadas, cando comezamos a tirar as primeiras fotos coa Pentax, representaba para nós o modelo de innovación didáctica e de eficacia comunicativa. Daquela a nosa teima era fotografar todo en diapositiva para logo poder proxectalo na aula. Non podo evitar expresar un aceno de saudade, cando vexo no estudio onde escribo as ducias de arquivadores de diapositivas, alí están as nosas primeiras viaxes longas, uns días felices ao ritmo de kodachrome.

Onte 170: Debate sobre os libros de texto dixitais

Tras a intensa tarde e serán de debate arredor do futuro do libro de texto dixital e do programa Abalar, organizado por Nova Escola Galega, convencinme máis, se me quedaba algunha dúbida, do carácter disrutivo que introduce, tamén na educación, o paradigma da comunicación dixital, ao tempo que da necesidade de acompañar a innovación tecnolóxica nas aulas cun modelo didáctico rigoroso e unha planificación coidadosa da innovación. A intervención do profesor Jordi Adell evidenciou ese carácter disrutivo provocado tanto polas posibilidades da concepción dixital de código aberto (copiabilidade, transferencia, interactividade, multimodalidade….) como polas inherentes á propia rede (colaboración, serendipia, simultaneidade….). Adell foi demoledor, ademais dun chisco teatral, no diagnóstico sobre o futuro que lle agarda ao «moi poderoso sector editorial educativo» ao que considera o grande perdedor desta mudanza disrutiva na que o profesorado, iso si, se conta con vontade, será o creador e prosumidor colaborativo dos contidos dixitais que utiliza na aula. Porén, fronte ao entusiasmo da magnífica conferencia de Adell, na mesa redonda sobre o proxecto Abalar, na que intervín en representación da Asociación Galega de Editores, se evidenciou que a tecnoloxía por si mesma non supón innovación e mellora da calidade educativa nin ruptura de modelos educativos pasivos nin sequera asegura unha convincente alfabetización de carácter hipertextual. Neste proceso de tránsito entre os paradigmas analóxico e dixital, non é doado valorar de forma serena e obxectiva as tendencias que se van consolidando sobre o futuro do libro de texto dixital. Hoxe as posibilidades colaborativas que para o profesorado máis innovador e inquedo introducen os libros de texto open source ou os que utilizan licenzas libres compiten no mercado educativo estadounidense coa estratexia de Apple de vender millóns dos seus ipads aos escolares ou a dalgunhas operadoras de televisión, como Discovery, por entrar neste mercado. Un debate interesantísimo, onde os editores educativos debemos participar sen prexuízos ningúns. Neste eido todo está en mudanza e aberto.

Amazon aposta polo contido

A publicidade do Kindle Fire subliña o seu carácter de servizo. Amazon aposta máis pola distribución de contidos, que poden estar aloxados na nube, ca pola marxe que puidese obter pola venda dos propios aparellos. Amazon quere vender ou alugar contidos dixitais, sen pretender contar coa taboíña máis fermosa e sofisticada; unha estratexia que lle permite ofrecela a un prezo máis competitivo e asequible ca Apple.