Onte 1082: Terrorismo machista

Non_a_violencia_machistaTras a intervención do vicepresidente Rueda sobre a escalada de violencia machista en Galicia, diante dunha bancada do Goberno baleira, Carme Adán preguntou na tribuna: «Imaxinemos, por un momento, que estivésemos a falar de sete persoas mortas por terrorismo. Vostedes cren que non estaria aquí Feijóo?» E non lle falta razón á deputada do BNG cando fai este duro paralelismo, xa que o terrorismo machista debe ser considerado como unha cuestión de estado, un problema político e social de primeira magnitude. Así o entenden as organizacións feministas que entregaron onte ao vicepresidente unha táboa reivindicativa de medidas contra a violencia de xénero, que van dende accións educativas e sanitarias, a outras referidas coa xustiza e a seguridade, o emprego, o apoio ao asociacionismo feminimo, a erradicación da publicidade sexista ou o protocolo de actuación dos medios de comunicación sobre esta cuestión. Para combater a lacra do terrorismo machista non abondan os minutos de silencio. Requírese que pase ao primeiro plano da axenda pública. Daquela, a bancada azul non quedaría baleira cando se abordase no Parlamento.

Onte 1073: Celso na memoria

celsogrande1No trixésimo quinto cabodano de Celso Emilio Ferreiro procuro de novo o relato das súas derradeiras horas nas páxinas dos seus biógrafos. Coinciden tanto Nicolás como Porteiro e Perozo que foi un pasamento repentino. Aquel xoves, caloroso en Vigo, xantara co cantor Suso Vaamonde, e co seu irmán Luís, que lle agasallara un exemplar de Limiar, o seu álbum no que incluira o poema homónimo de Ferreiro. A primeira hora da tardiña tomara café no Cosmos, a cafetaría da rúa Marqués de Valladares, co pintor Abreu e co xornalista Xosé Antonio Perozo, que pouco despois o acompañaron a súa casa da avenida de Castrelos. No serán, Celso sentiuse mal, sentindo unha grande opresión no peito, polo que decidiu deitarse un rato antes de cear con toda a familia para celebrar a noticia do próximo casamento do seu fillo Xosé María. Celso confesáralle a Moraima que «hoxe non teño acougo». Antes da medianoite chamou polos seus, mais caeu fulminado diante deles. O médico cando chegou só puido certificar o falecemento por «hemorraxia cerebral». Días antes, segundo relata Ramón Nicolás, Celso agasallara a Moraima dous poemas manuscritos, «A noite» e «Abril 72», que ela levaba no bolso e nos que agora identificamos a morte presentida e a derradeira e apaixonada declaración do poeta amante:

«Todo navegante ten un tempo
no reloxio das horas implacables
que marcarán o tempo do naufraxio.
Alerta, capitán:
Por sotavento achégase o trebón.»

Trinta e cinco anos despois, Celso Emilio Ferreiro continúa «enversado» (como a el lle prestaba dicir) en milleiros de lectores e lectoras de diversas xeracións, cantado en ducias de linguas ao son dos ritmos máis diversos. Celso Emilio Ferrreiro, poeta do pobo, sempre na memoria de noso!

Onte 1068: «O vivir en Vigo»

Tras uns días de viaxe, reiniciamos devagariño a actividade co entusiasmo da estrea dun vídeo de Pelepau, a agrupación musical viguesa que adapta temas tradicionais para voces e percursión. A pesar de que o mundo anda ben torto e ruín, diante destas imaxes ruando no Casco Vello cun ritmo cen por cen vigués, é difícil dubidar da grande fortuna de vivir na cidade de sal. O vivir en Vigo que bonito é. Si señor!

Onte 1065: #Lovewithoutlocks

lovewithoutlocks

Preocupado polo peso dos cadeados sobre as barandas do Sena, o concello de París propón aos namorados substituír os cadeados por selfies que poden subir a un páxina de internet. O que máis me gusta da iniciativa é o hastag #lovewithoutlocks, un lema para rematar coa ilusión do amor eterno, das amantes encadeadas. O amor sen cadeados é unha proposta a promover e popularizar con intensidade entre o público xuvenil, como xa hai pouco comentabamos aquí. Sei que un concello, nin sequera o de París, cuxo turismo está alicerzado sobre o mito de «cidade do amor eterno«, pode rematar co mito do amor romántico, presente en toda a ficción e música actuais que establecen a súa poderosa e silenciosa ditadura sobre a nosa mocidade. No entanto, sexan benvidas todas as iniciativas que axuden a superalo, a substituílo por modelos de amor xuvenil alternativos, baseados na igualdade, liberdade e solidariedade entre as amantes. Por suposto, #lovewithoutlocks.

Onte 1063: Taboleiro de lectura

Lectura _pinterest_11-08-2014

A lectura é unha actividade que singulariza ao ser humano. Na lectura está o ADN que nos define fronte a outros seres vivos. Hai tempo que esa singularidade tratou de ser recollida nas artes plásticas. Son milleiros e milleiros as composicións pictóricas ou fotográficas do lector ou da lectora enfrontándose en soidade ao libro, nos espazos máis diversoas, nas situacións máis orixinais, nas posturas máis complexas. Como tamén son moi numerosos os esforzos por definir esta actividade coa maior precisición e beleza ou promovela publicitariamente na sociedade por medio de carteis e outros reclamos como un hábito saudable para o conxunto da cidadanía. Eis as razóns que me levaron, emulando o gran traballo da pinterista Pilar Ponte,  a comezar a reunir algunhas destas pezas dispersas pola rede adiante. Un afán para o que os taboleiros de Pinterest son moi útiles pola súa facilidade para buscar tematicamente e para compartir con outros coleccionistas, sen esquecer a súa grande utilidade como recurso didáctico dixital. Onte foi unha boa amiga, tamén grande pinterista, a que me agasallou cunha desas imaxes marabillosas, o que me levou inevitablemente a aquelar un chisco máis o meu taboleiro de lectura. Unha angueira que continuaremos.

Onte 1054: Primeiro día de feira

Fernandez_Paz_con_María_Xesus_Fernández_01-08-2014

Non decepcionou o primeiro día da feira do libro da Coruña. A presentación d’ A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz e o acto arredor do futuro do galego organizado pola revista Luzes e Xerais convocaron a moita xente.

Foi a crítica María Xesús Fernández quen conversou con Agustín sobre A viaxe de Gagarin desvelando a peripecia vital do Agustín máis coruñés, «aquel que viviu na Coruña do 71 ao 76, cando estudou Maxisterio, onde o coñecimos na primeira Asociación Católica de Mestres, situada no local dos dominicos, onde traballou como mestre en prácticas no Fogar de Santa Margarita, onde coñeceu a Xabier Docampo, e onde casou en 1976». Unha conversa moi fluída e engaiolante que esvarou polos detalles da novela máis coruñesa do autor, pola súa viaxe aos cambios producidos nos anos sesenta da carreira espacial e da introdución das primeiras tecnoloxías nos fogares, pola historia dun amor imposible ou polo esforzo tremendo de documentación realizado e compartido polo autor no blog Gagarin.

Moreira-Formoso_freixiero_Martinez_Bargado_Rivas_e_Sanjurjo_01-08-2014

Coincidindo co lanzamento do número 8-9, un especial de verán, iniciado co manifesto «O galego na fronteira da extinción», os responsables da Revista Luzes propuxeron a Xosé Freixeiro Mato, Valentina Formoso e Miguel Moreira, autores de tres títulos recentes de sociolingüística publicados por Xerais, que ofrecesen o seu diagnóstico e perspectivas sobre o estado e o futuro da lingua.

Para Xosé Ramón Freixeiro Mato, autor de Lingua de calidade, «hoxe o galego está no corredor da morte agardando por un indulto», «rompeuse a cadea de transmisión interxeracional e pasou a ser lingua minoritaria nos tramos iniciais de idade, en boa medida a causa das políticas dun doberno lingüicidida». Apelou Freixeiro á sociedade galega para deter este proceso.

Para Valentina Formoso, autora do Estigma á estima. Propostas paa un novo discurso lingüístico, «o futuro da lingua pasa pola súa normalización». «O galego non é unha reliquia para gardar nun museo. Este é o momento de seguir adiante, aínda que poidamos mudar a forma de camiñar». Propuxo Valentina «turrar uns polos outros, na familia, nas escolas e na rúa», «sermos máis proactivos, afondar nos estigmas que teñen os falantes, creando un imaxinario en positivo arredor da nosa lingua, que debe ser tan útil como hexemónica». «A nosa obriga é negar o actual imaxinario sobre a lingua, crear unha estratexia capaz de mudar o discursos para toda a sociedade. Trátase de apostar por un plurilingüismo inclusivo, onde a nosa lingua sexa o centro».

Por último, Miguel Moreira, autor de Contra a morte das linguas. O caso do galego, comezou lembrando a figura de Nerón tocando a lira mentres ardía Roma para expresar a responsabilidade da Xunta de Galicia sobre a situación actual da lingua, como tamén a Real Academia Galega, á que criticou polo nomeamento de Xosé Filqueira Valverde para o vindeiro 17 de maio. Para Moreira «o dilema do galego é se formará parte dese 90 % das linguas actuais do mundo que non superarán este século». «O galego retrocede no eido dos máis novos, xa non existe transmisión interxeracional». Porén, expresou a súa confianza en mudar a situación xa que «as linguas non morren se os falantes non adopatan as políticas lingüicidas».

Abriu e pechou o acto a melancolía da concertina de Rómulo Sanjurnjo. Magnífica primeira xornada de feira!

Onte 1051: Short Term 12

Short_Term_12Temos en Vigo a fortuna de contar cos Norte onde sempre hai algunha película en versión orixinal das que non se proxectan nos centros comerciais. Fomos onte ver Short Term 12  distribuída en España como Las vidas de Grace, que chegaba coa etiqueta de «indie», presentada en Locarno, e recomendada por varios amigos. A pesar da dificultade de abordar con orixinalidade o mundo de adolescentes desarraigados das súas familias e o risco de abrir feridas de infancia provocadas polo abuso, esas que deixan marcas, o debutante Destin Cretton non sae mal parado. Evita esvarar polo apoucamento e opta pola instrospección, a reconstrución do relato interior, polo valor terapéutico de palabras e emocións, por longas conversas curadoras cara a raíz da fenda. Carreiras ao límite procurando a orixe de cada marca. Unha película digna.

Onte 1049: Arcas de paz e esperanza

Gaza_27-07-2014Este chío que Khaled ElAhmand publicou onte expresa o incalculable valor dos libros. Esta afouta rapaza gazatense sen nome rescata os seus libros entre os cascallos da súa casa destruída polo exército de Israel. Moi queridos teñen que ser para ela os libros que agarima no seu colo. Eis o poder dos libros entre as ruinas da súa terra devastada, eis os libros resistentes, arcas de paz e da esperanza negada polas bombas e o fanatismo.

Onte 1034: «Eu decido. O tren da liberdade»

Vin onte o excelente documental sobre a manifestación «O tren da liberdade» que tivo lugar en Madrid o 1 de febreiro pasado, promovida por dúas asociacións de mulleres de Asturias en defensa do dereito das mulleres a decidir e contra a reforma da lei de aborto presentada polo ministro Gallardón no Congreso. Unha peza audiovisual, preparada polo Colectivo de Mulleres Cineastas, chea de potencia, valor e emoción. Ás portas dunha probable aprobación este mes por parte do Goberno destoutra gravísima restrición das liberdades das mulleres, a difusión deste documental moito paga a pena. O aborto é un dereito. Prego compartir en blogs e redes sociais.

Onte 1029: Gmail en galego

galego

Dende onte xa está en galego a interface de Gmail. Segundo o incansable Iago Varela, o artífice de Mallando Android, o servizo de correo electrónico máis popular chega co galego ás 71 linguas nas que pode ser empregado. Sen dúbida, un éxito para idioma galego. Para mudar o noso Gmail ao galego, abonda con entrar no menú de «Configuración» e escoller «galego». Mágoa, que polo momento, esta opción na nosa lingua non poida ser utilizada nalgúns outros produtos de Google tan importantes como a Axenda, hoxe aínda incompatible (como puidemos comprobar) coa opción en galego da caixa de correo. A pesar deste inconveniente, a chegada do galego a Gmail, coma hai máis dun ano sucedeu con Twitter, supón outro chimpo de xigante para a normalización da nosa lingua na rede, que ofrece máis posibilidades de escolla aos usuarios que así o desexen. Agardemos que decontado se traduza tamén a Axenda de Google. Seguimos 🙂