Onte 475: «Not Just for Teens»

Ruamos polo Boxing Day de Bloor St onde se anunciaban rebaixas de até o 70 %. Aínda existen lugares no mundo onde un público mozo consome produtos de marca de xeito compulsivo, mesmo a pesar dos seus prezos de infarto (rebaixa incluída). Como non podía ser doutra maneira, acabamos curioseando en !ndigo, unha gran libraría e tenda de música ateigada de clientes en xornada de ofertas. Chamáronme a atención algunhas cousas. Primeira: a centralidade na libraría das promocións de Kobo, o modelo de e-book canadiano. Segunda: a importante presenza dos produtos non libro, mais relacionados coa lectura e literatura, dende camisetas literarias, pasando por axendas e produtos de papelaría, até a parafernalia da mercadotecnia da ficción cinematográfica de moda (con The Hobbit como grande protagonista). Terceira: o sinalamento das diversas seccións, non exento de orixinalidade. Eis o caso dos espazos dedicados á literatura xuvenil presentados como «Not Just for Teens» («Non só para adolescentes«), unha valiosa achega á denominación do xénero de fronteira. Desque caeu o día, en Toronto folerpea.

Onte 469: Radio na libraría

Na xornada pontevedresa de promoción d’ As voces baixas, gustei moito da conversa que a xornalista de Onda Cero Susana Pedreira mantivo con Manuel Rivas na libraría Cronopios. O reducido espazo da libraría abríuse dende o fermoso escaparate á rúa onde varias ducias de persoas seguían con moito interese a conversa arredor dun libro. Esta experiencia da radio na libraría, que Onda Cero de Pontevedra e a Cronopios veñen promovendo con éxito dende o pasado mes de maio, merece ser emulada, mais aínda cando, coma nesta caso, é apoiada por un clube de lectores. A visibilidade do libro nos espazos cidadáns é fulcral para recuperar a presenza da lectura na axenda pública que utilizan os medios e as administracións. Parabéns a Susana Pedreira, Onda Cero e Cronopios.

A conversa (case unha hora) será emitida hoxe e logo subida á rede. Recoméndoa.

Onte 465: Cota de mercado do libro galego

Dediquei a tarde a estudar os datos do informe de Comercio Interior do Libro en Galicia 2011, que presentamos esta mañá xunto ao Secretario Xeral de Cultura. Tempo haberá para comentar devagariño os datos dun traballo que ofrece unha radiografía bastante fiable do estado do sector da edición en Galicia e en galego no último lustro. Con todo, adianto apenas dúas cifras que me pareceron moi significativas: as vendas do libro editado polos editores galegos supuxeron en 2011 o 16,1% do mercado galego (27,16 millóns de euros); mentres que para o libro en galego foron do 13,1% (21,43 millóns de euros). Eis as dúas cotas do noso mercado. Dá moito que pensar.

Onte 462: Xerais en Kindle

No proceso de tránsito entre os modelos de edición analóxica á edición dixital onte superamos outro fito: a publicación dos primeiros e-books no formato para Kindle de Amazon. Iniciamos así en Xerais un catálogo literario electrónico, creado en formato e-pub, que será distribuido en diversas librarías dixitais (polo momento en Amazón, axiña en Apple e Todoebbook) no que incluiremos de forma sistemática as novidades de Narrativa, Poesía e Ensaio, ao tempo que iremos recuperando algúns títulos agotados en formato impreso. Apenas outro pasiño neste proceso de profunda mudanza da que o libro galego non vai quedar á marxe.

Onte 452: Calendario do libro e da lectura 2013

Gustoume moito o deseño do Calendario do libro e da lectura 2013 editado pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellaría de Educación. A peza constitúe un utilísimo recurso didáctico, ademais dunha guía que axuda a orientar o traballo dos profesionais do sector da lectura, editores, libreiros e bibliotecarios. Ademais das efemérides habituais, nas que destaca o 17 de maio a homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, no vindeiro 2013 celebraremos, entre outros aniversarios literarios, o 150 da edición de Cantares Gallegos, o 150 do nacemento de Manuel Lugrís Freire e o 50 do pasamento de Gonzalo López Abente, así como o centenario do nacemento de don Paco del Riego. Un recurso de difusión moi recomendable.

Vía Caderno da Crítica, moitas grazas.

Onte 451: Excelente Culturgal 2012

Tras tres xornadas moi intensas de actos e contactos profesionais, a nosa valoración deste quinto Culturgal é moi positiva. Imos achegándonos a aquel vello soño forxado hai case unha década polos editores galegos de contar cunha cita anual de referencia onde presentar en man común as novidades dos produtos e servizos das industrias culturais galegas e en galego. A modiño, Culturgal vai consolidando aquel proxecto, mesmo a pesar de contar cada ano con menos recursos. Porén, como se demostrou na edición desta fin de semana, consegue expandirse, tanto a nivel da afluencia de público familiar chegado de diversas partes do país (o Pazo de exposicións de Pontevedra comeza a quedar pequeno), do aumento do número de actividades e iniciativas, como mesmo do nivel de vendas, que este ano aumentou, a pesar das doenzas da crise. A presenza de centos e centos de picariños e a súa participación entusiasta nas actividades encheunos de esperanza e optimismo. A organización impecable das actividades, respectando os horarios previstos e cumprindo a programación ao cen por cen; a excelente calidade dos espectáculos teatrais e musicais, como o das conversas con autores e presentacións de libros, películas ou produtos dixitais; a celebración de diversos foros profesionais paralelos contribúen de forma decisiva á madurez desta cita pontevedresa. Particular importancia tivo para nós os editores a presentación da campaña “Ser libris”, coa que pretendemos continuar este espírito proactivo do Culturgal, un xeito tamén de facerlle fronte á crise comercial que padecemos. Beizóns ao equipo deste Culturgal 2002, encabezado por Xulio Amigo como presidente e Sergio Lago como responsable do cadro de profesionais, que xa deben comezar a traballar xa na edición de 2013.

Grazas a Celia Torres que tuiteou a maior parte das fotos da galería.

Onte 450: Ser libris no Culturgal


Nunha xornada memorable do Culturgal 2012, na que se bateron todas as marcas de afluencia de público, presentamos a campaña «SER LIBRIS» promovida pola Asociación Galega de Editores. Esta peza de 47 segundos, preparada polo equipo de Illa bufarda, é o eixo dunha iniciativa coa que os editores pretendemos contribuír a sensibilizar á cidadanía galega sobre as lecturas como agasallo de Nadal. Baseada no carácter transversal e interxeracional da lectura, a peza ofrécese ademais como un recurso con posibilidades de aproveitamento didáctico.

Onte 412: LIBROX

Continúan chegando as novidades de fin de ano. Onte anunciamos a comercialización de «LibroX», a nova colección que presentamos para «facilitar o acceso á lectura en tempos de crise». Deseñada e preparada na súa totalidade polo departamento de edición de Xerais, tanto os interiores como as magníficas cubertas do xenial Miguel Vigo, foi concibida coa intención de que ofrecer unha serie versátil, flexible, dinámica e de libros con prezos asequibles (entre os 7,50 € e os 12,50 €). En definitiva, libros con vocación de conectar cun lectorado amplo. Libros xeitosos de non ficción que pretenden abrir ocos, temas e enfoques atrevidos para divertir, para reflexionar, para consultar, para cociñar, para mellorar o emprego da lingua, para incitar á lectura… Ese é o espírito que acreditan os dous primeiros títulos. Do G ao Z de Manuel Veiga, un breve dicionario humorístico e indignado, un novo xeito de presentar o ensaio con vontade inequivocamente popular. Outrosí sucede con Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez de Carlos Callón, outro libro de vontade eminentemente práctica destinado a mellorar a nosa calidade lingüística e a superar algúns prexuízos sobre o emprego do galego. Agardamos con expectación as opinións e a acollida do público. Mentres preparamos dous novos títulos para final do inverno.