Onte 1950: En “Luar” con Matilde Felpeto

Por vez primeira formei parte onte do público de Luar, acompañando a Matilde Felpeto quen non transcurso do programa especial con motivo da Festa do cocido, xa á altura da unha da mañán, recibiu das mans de Rafael Cuíña, o alcalde de Lalín, o primeiro premio do Álvaro Cunqueiro de cultura gastronómica 2018 pola súa monumental Cociña galega tradicional, unha desas obras que constitúen unha fachenda para o editor.

A pesar das case cinco horas no Plató 1000 de Montouto e dunha temperatura máis ca fresquiña foi unha experiencia interesante da que conservarei grata lembranza. En todo momento fascinoume a dedicación de Xosé Ramón Gayoso co público e co seu propio equipo, que me pareceu vai moito máis alá do seu protagonismo en pantalla. Sorprendeume o ritmo que lle imprime ao programa Manuel Abad, capaz de facer compatible sen grandes fisuras a actuación das Supremas de Móstoles (vaia por diós!) coa do mestre Pablo Milanés; a presentación do veteranisimo Xosé Luís Blanco Campaña, inzada da vella retórica radiofónica, dunha versión galega de «Cocidito madrileño» de Ana Iglesias coa actuación estelar (en play back) da orquestra folk Son de seu; ou conseguir minutos de television memorables coa participación de Celso Fernández Sanmartín, para min hoxe o noso contador referencial, ou de Federico Pérez, todo un mestre da retranca.

Sei que non é doado explicar o éxito de vinte e cinco anos da fórmula acuñada por Gayoso e Abad para Luar, aínda que semella froito dunha reflexión atinada sobre a posibilidade (e os riscos) de encaixar pezas de procedencia e estilos diversos para ofrecer un programa musical de lecer capaz de chegar e fidelizar ao público da TVG. Asumo que nunca está de máis participar nestas experiencias estrañas que axudan a comprender mellor o qué e o cómo da TVG, non o esquezamos, a primeira industria cultural en lingua galega, unha alfaia sempre en risco.

Onte 1947: Premio Agustín 2017

A cerimonia de entrega no Auditorio de Vilalba do Iº Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, outorgado á novela Fóra do normal de María Reimóndez, constituíu unha gran homenaxe ao autor d’ O rastro que deixamos. Durante máis de dúas horas catrocentas persoas participamos nun acto organizado con moito agarimo polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e polo concello de Vilalba, no que as intervencións musicais e lecturas de textos de Agustín se foron mesturando coas intervencions dos membros do xurado, dos organizadores e da gañadora, mentres no escenario a xove pintora vilalbesa Isabel Pardo creaba o que será a imaxe  do cartel da convocatoria da segunda edición. No entanto, foi a proxección dun vídeo de máis de corenta minutos de duración, preparado polo IESCHA, no que se achegaba a palabra do mestre Agustín, a cerna deste serán inesquecible e emocionante no que se salientaron os valores literarios e humanos do agustinismo. Non hai dúbida que esta cerimonia de entrega do Premio Agustín será, a partir de agora, unha referencia na angueira de manter viva a memoria do mestre de Vilalba.

María Reimóndez no seu discurso de aceptación (aquí en pdf) rescatou os fíos de vida enlazados con Agustín, dende o de Villaba, onde viviu tres anos da súa infancia, o que alimenta dúas das súas novelas, Dende o conflito e, a máis recente, As cousas que non queremos oír, que dedica a Agustín, até o de Vigo, onde gozou da xenerosidade e calidez humana de Agustín. Salientou Reimóndez que a obra de Fernández Paz “contén clave e mundo para facer deste un lugar mellor”. “Creou espazo para as rapazas, para a memoria, para o agromar do recordo; falounos en todas as emocións humanas; soubo escoitar como ninguén o corazón anoado que latexa naquelas as que ninguen escoita, e desenleou os fíos para que outras persoas puidesen entendelos”.

Reimóndez confesou que este premio tiña para ela “o vaor esencial de dar valor a unha literatura que non só debe ter todos os compoñentes que precisa para ser lida, senón que entende que a calidade literaria é tamén é un un servizo ao ser humano, á xustiza e á igualdade. Unha das leccións máis importantes que a min me deu Agustín como persoa e como escritora, é que toda literatura contribúe a conformar valores. A función da literatura de Agustín era non só amosar os fíos da súa propia vida, senón a través deses fíos poñer en evidencia os outros, os que disfrazan “estética” para falar en contra dunha ética”.

Rematou María Reimóndez expresando a súa convicción de que este premio de Agustín “permite por fin que as nosas obras se lean sen prexuízos. Iso é o que tentei con Fóra do normal, poñer no centro a quen de primeiras ficaría nas marxes, poñer en dúbida quen son os heroes e as heroínas, aquelas que loitan con puños e superpoderes para que o mundo volva estar como era, ou as que, como o meu amigo Eric Dopazo, teiman en ser quen son e conseguen, despois de humillacións e resistencias, un DNI co seu nome e a súa identidade”. “Nin esta historia, nin eu estariamos hoxe aquí sen Agustín. Este premio une o meu nome ao seu para sempre. Anóanos coma o nó intenso e emocionante que sinto neste momento, disposta a levar con orgullo e humildade o seu legado e desexando que moitos outros nomes veñan a unirse ao meu e que cos seus fíos todos construamos un mundo diferente, como o que Agustín nos suxeriu con cada obra e con cada acto na súa vida”.

Onte 1946: Fervenzas Literarias 2017

Coa súa puntualidade característica o anuncio dos premios Fervenzas Literarias abriu onte a rolda de galardóns anuais á obra editada en lingua galega e ao recoñecemento do activismo no sector editorial e da lectura en lingua galega. Uns premios outorgados dende 2007 por esta pioneira revista dixital literaria en galego, á que non é allea a teimosía e o rigor do bibliotecario Nacho Alonso, que se foron consolidando tanto como referentes da popularidade na rede (nesta edición superáronse o medio millar de votacións) como pola súa influencia para marcar tendencias de escollas posteriores.

No que atinxe ao noso traballo como editores de Xerais quedamos ben satisfeitos polo feito de que catro das nosas obras fosen consideradas como “mellor libro do ano” nas modalidades de narrativa, A nena do abrigo de astracán de Xabier P. DoCampo; na de teatro, Suite Artabria de Manuel Lourenzo; na de libro infantil e mellor capa de LIX, A señorita Bubble de Ledicia Costas e Andrés Meixide; e na de mellor capa de adultos, Luns de Eli Ríos, sobre fotografía de Paula Gómez del Valle. Como tamén é unha satisfacción que Víctor Rivas fose escollido como “mellor ilustrador do ano”, ao que sabemos non foi alleo o seu traballo man con man con Ledicia Costas nas obras do proxecto Escarlatina. Como tamén nos orgulla o feito de que as obras de Xerais fosen elixidas nos postos relevantes de case todas as modalidades, o que constitúe un estímulo para os autores e autoras como para  cadro de profesionais da editorial. Xaora, tampouco pode negar que constitúe para min unha ledicia o feito de que outro ano máis Culturgal fose “o mellor acontecido en 2017”, o que supón un recoñemento para o labor discreto dos que nos responsabilizamos da asociación Culturgal e, sobre todo, do equipo de profesionais dirixido por Xosé Aldea.

Todas as persoas premiadas e todas as finalistas destas Fervenzas Literarias 2017 merecen os nosos parabéns pola excelencia do seu traballo e pola súa achega para ampliar a diversidade e a calidade do espazo da edición e da literatura galega. Como sinalabamos o pasado ano, esta nova colleita de Fervenzas expresa “a vitalidade do libro galego e a vontade de ampliar os seus públicos”. A pesar de que continuamos á intemperiem seguimos vivos e con azos anovados.

Onte 1932: Entrega no Grove do Premio Manuel Lueiro Rey

Participamos onte no Grove na gala de entrega da XXIII edición do Premio de Novela Curta Manuel Lueiro a Rey que recibiu Lionel Rexes por A raíña das velutinas. Conducido por Xurxo Souto con enerxía e espírito positivo, o acto supuxo unha necesaria lembranza de Francisco Pérez Vázquez Narf e de Paco Lores, flecidos no úlitmo ano, ao tempo que unha nova reivindicación da figura humana e literaria de Manuel Lueiro Rey. Un chanzo máis na «Causa Lueiro» que mobiliza esforzos dos concellos de Fornelos e do Grove, como de tantas outras entidades e persoas que nos sentimos comprometidas cunha personalidade na que espellarmonos pola súa honradez, ponderación e integridade.

Tras a intervención do editor, Armando Requeixo, en nome do xurado, definiu a novela gañadora como «thriller telúrico sentimental localizado na antiga provincia de Mondoñedo, un xogo de realidades temporais moi ben trabado nunha intriga ben dosificada, onde sobrancea unha poética do espazo e a presenza de personaxes memorables baseados en persoas reais». A seguir, Lionel Rexes reivindicou o que denominou rexión dos Tres Vales, a existente entre A Mariña, O Xistral e a Terra Cha, a entidade socioxeográfica formada polo Val de Brea, o Val de Lourenzá e O Valadouro, que carece de recoñcemento institucional, como un espazo literario de seu. Confesou que «A raíña das velutinas é unha novela nacida dunha experiencia real na que dende a ficción se indaga nas memorias esquecidas e ocultas desta Terra de Tres Vales. Unha novela chea de intriga e sorpresa na que se homenaxea a resistencia presentada baixo dúas formas de cuestionar o poder establecido».

Onte 1931: “Ceiba de Luz” de Manuel Lourenzo, presentación no Ateneo de Pontevedra

Presentamos onte no Ateneo de Pontevedra Ceiba de Luz, a novela de Manuel Lourenzo González gañadora do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2017. Foi o profesor e gran lector Anxo González Guerra,  co-autor xunto con Vitoria Ogando desa marabilla didáctica que é ogalego.gal,  quen conversou co autor de quen se declarou seguidor dende o inicio da súa obra, dende os relatos iniciais recollidos en Da esfinxe, pasando polo engaiolante libro O xardín das pedras flotantes, Premio Xerais de novela 2008, até Animais de compañía, “o libro preferido de Aldán, o meu neto”. Conversa moi ben enfiada na que o autor comezou definindo Ceiba de Luz como “un libro de aventura no que, tras a aparición dun tesouro dunha cultura precolombina, se organiza unha expedición na súa procura, que durante dous meses percorrerá a selva do Amazonas no norte do Perú”. “O título da novela corresponde ao nome da expedición, aínda que “ceiba” é o nome dunha árbore do Amazonas considerada polas culturas incas como sagrada e polo tanto venerada”. Ao respecto da portada, Manuel Lourenzo confesou que lle gustou que aparecese unha paisaxe selvática, cun motivo roussoniano, unha natureza inocente onde estivesen presentes elementos ocultos, unha metáfora dunha natureza virxe e vizosa”.

A conversou detívose despois na cuestión dos dezaoito personaxes: “atendín a que todos permanecesen en primeiro plano, asumindo que deberían contar con distinta formación universitaria e procedencia diversa, procurei a construción do grupo e ao deseño das súas personalidades como da súa caracterización física, para a que utilicei diversas fotografías que fun apañando”. Lourezo salientou tamén a importancia da evolución psicolóxica dos seus personaxes: “comecei o libro polo final, xa que a historia foi escrita a posteriori, razón pola que a evolución dos personaxes foi mudando en función dos acontecementos narrados, algúns, probablemente, non son o que eu pensaba inicialmente que serían; as cousas non estaban planificadas e a narración conduciunas a outro sitio”. Ao fío da cuestión da importancia do diálogo, suscitada por Anxo, Manuel sinalou que tivera que afrontar o problema do contexto descoñecido, “evitei caer no salgarismo, que coutase o ritmo da narración” para o que moito me valeron algúns trucos, como a utilización de citas breves, e o emprego do diálogo, que dá amenidade e realismo ao relato”.

Despois de referirse aos seus autores preferidos na literatura de aventuras, como a súa débeda coa Banda Deseñada, que Lourenzo recoñeceu que lle achegaba “unha visión gráfica do narrado”, a conversa enfiou o debate dos xéneros. Lourenzo salientou que non era partidario da clasificación de xéneros da narrativa: “E difícil atopar a novela de xénero puro, en xeral hai mesturas, a novela está hibridada. No caso de Ceiba de Luz comeza como unha novela de aventuras, mais polo medio co desenvolvemento dalgunhas subtramas vai cara a novela de intriga; mais tamén hai unha temática científica e un carácter arqueolóxico, que me obrigaron a indagar sobre as culturas precolombinas; como hai outra dimensión final, que lle dá outra dimensión á novela, á que non imos referirnos”. Rematou a interesantísima conversa falando sobre o proceso de escrita dunha novela, que tivo unha primeira redacción entre 2008 e 2010, que quedou no caixón, coincidindo coas noticias das profecías da fin do mundo de 2012, e que logo o autor por fortuna recuperou.

Onte 1930: Presentación de “Muriel” de María Canosa e Lucía Cobo

Presentamos onte en Moito conto Muriel o Premio Merlín de Literatura Infantil 2017 do que é autora María Canosa e ilustradora Lucía Cobo. Un acto no que moito se falou deste libro como unha homenaxe aos avós e como un manual de comunicaicón para lectoras soñadoras. Unha obra na que a autora está comprometida coa capacidade de soñar a través da escrita, mais tamén unha narración de aventura e intriga, localizada na vila imaxinaria de Cataria, “onde existen maxias ás que ninguén se pode resistir, como a de que cada botella de leite que reparte o leiteiro Fígaro teña propiedades específicas para cada destinario”. Unha obra onde son importantes, tamén, as cartas, as bolboretas e a relación entre o protagonista e Blim, un raposo que lle abre as portas da aventura.

Lucía Cobo, ilustradora da obra e membro do xurado, confesou que consideraba Muriel como “unha aperta moi cálida ao lector, un libro capaz de situarte diante da perda sen dolor, un libro de lembranzas, moi sensorial, cheo de cor. En definitiva, un conto de aventuras que permite a un neno enfrontarse á perda tan dolorosa como a da avoa e facelo sen medo, contando con moitos apoios”. Destacou Cobo o tratamento dos personaxes, tanto o da avoa, que non aparece nunca, mais que está representado por Blim, o raposo. Sinalou, a seguir, que todo o libro constituía unha homenaxe ao Principiño, “sobre todo polo feito de que é o raposo quen asilvestra ao neno”. Confesou a ilustradora que desde o inicio sabía que o libro precsaba moito colorido, razón pola que precisou facer a evolución cromática xa na primeira das ilustracións, na que aparece Muriel no seu cuarto, así como as posibilidades que o origami lle faciltou para expresar a valentía e curiosidade do raposo.

Pola súa banda, María Canosa confesou que “Muriel foi un soño e gañar o Premio Merlín, ao que lle andaba facendo as beiras, foi outro”. “Un amigo de meu, chamoume hai poucos días para dicirme que lera o libro é que constituía a triple eme: Muriel, Merlín e María. E efectivamente creo que este é o libro máis María que nunca, onde conto as historias que sempre quixen contar, convencida como estou dende hai tempo que son as historias as que chaman por min”. “Muriel é un personaxe fráxil e forte ao mesmo tempo, xa que creo que a sensibilidade non está reñida coa fortaleza que leva dentro. Necesitamos apenas un estímulo para perseguir algo ou alguén que está dentro de nós”. “Ten razón Lucía, O principiño está no libro, aínda que lle dera a volta. Creo que debemos deixar ocos en branco, entre liñas, para que as cubran os lectores e lectoras. Escribo para soñar e soño para vivir. Escribo para que os nenos e as nenas crean nesas historias e continúen soñando”.

Onte 1929: Conversa de Ledicia Costas e Santiago Lopo na presentación de “A arte de trobar”

Interesantísima resultou onte en Librouro a conversa que na presentación da Arte de trobar, o premio Xerais de novela de 2017, mantiveron o autor, Santiago Lopo, e Ledicia Costas. Comezou a autora de Un animal chamado Néboa cualificando A arte de trobar como “novela histórica ambiciosa con diferentes niveis de lectura, cun magnifico manexo do suspense que a achega tamén á novela de aventuras, dacabalo do exotismo, da lírica e da maxia”.

Confesou Santiago Lopo que empezara “a escribir a novela hai moito tempo e mesmo estiven a piques de deixala cando apareceu a de Manuel Portas, que tiña a mesma temática”. “Quixen que na portada da novela se utilizase a imaxe dun códice do século XIII onde aparecese unha trobairitz provenzal. Desgraciadamente en Galicia non temos información sobre que houbese trobadoras ou xuglaresas, o que demostra a ocultación das mulleres na nosa historia”. Lembrou, a seguir, que “a Inquisición foi creada para perseguir aos cátaros que tiñan características tan singulares como que as mulleres puidesen oficiar misa, eran vexetarianos, estaban contra a riqueza ou traducían a biblia a súa lingua”. Ao fío dunha das preguntas de Costas, Lopo confesou que gustaba documentarse para cada novela “xa que supón aprender de todo; neste caso accedín aos códices dos cancioneiros provenzais dixitalizados na Biblioteca Gallica e a moitas fontes de internet”.

Insistiu Santiago na conexión existente entre as trobadoras que pasaron á historia e aqueloutras que non chegaron a nós, eliminadas da historia, “quixen desmontar os prexuízos existentes entre elas”. E cando, rematando as intervencións, lle preguntou Ledicia Costas qué facía o tridente máxico, “sexo, drogas e rock and roll”, nunha novela sobre a lírica medieval, Lopo dixo que “non quería que fose un libro aburrido, quería unha historia que fose divertida, na que se aprendese e que axudase a reflexionar un pouco”. “Quixen que fose unha novela equilibrada, que tivese diferentes lecturas. Quixen traer aos nosos días esa época de máximo explendor da nosa lingua e da nosa cultura, sabendo que a situación da lingua de Oc é un paralelismo do que nos vai pasar a nós, séculos despois”.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1927: Corenta Premios da Crítica de Galicia

Lembraremos a XL edición dos Premios da Crítica de Galicia pola emoción que supuxo escoitar a Luís Emilio Batallán, premio na modalidade de Música, de que celebramos tamén as catro décadas do seu mítico disco Ahí ven o maio. A voz dun Batallán minguadiño encheu de saudade un salón que con anterioridade ovacionara a Antonio Manuel Fraga, autor de Querido H.P. Lovecraft, merecidísimo premio de Creación Literaria, a Xosé María Palmeiro, que recolleu o premio de Investigación, en nome de Marcos Pérez Pena, autor de A prensa en Galicia na Transición e a Jorge Mira, responsable do Programa Conciencia, premio de Iniciativas Culturais e Científicas. Como inesquecibles foron a intervención rabuda de María Luisa Sobrino, premio de Artes Plásticas, e a comprometida de Flor Maceiras, directora da Escola de Teatro de Narón, premio de Artes Escénicas. Como tampouco esqueceremos a de Beli Martínez, que recolleu en nome dos responsable do Festival S8  o premio de Cine e a de Alberto González Prelcic, o cociñeiro do restaurante Silabario de Tui, que recolleu como membro do Grupo Nove o premio de Cultura Gastronómica. Como non esqueceremos as intervencións de Noelia Otero, a presentadora da cerimonia, lembrando a importancia de non darlle tregua á violencia machista contra as mulleres. O feito de que fose esta a cuadraséxima edición dos Premios da Crítica de Galicia desbordou o número de participantes, probablemente o maior da historia, aínda que por ventura mantendo como en edicións anteriores o pluralismo transversal que caracteriza esta singular convocatoria.

Onte 1925: María Reimóndez, Premio Agustín Fernández Paz 2017

Tras varios meses de lectura, onte fixemos público en Villaba o ditame do Iº Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade que convocan o IESCHA e o concello de Vilalba coa colaboración de Xerais. E abofé que non foi doado escoller entre as vinte e tres obras participantes, entre as que había media ducia que suscitaron o interese das persoas que conformamos o xurado, Marica Campo, Xabier DoCampo e eu mesmo. Tras darlle algunhas voltas quedaron tres novelas, entre as que escollemos por unanimidade como gañadora á que tiña como lema «Superheroes» e por título Fóra do normal. Tras redactar a acta na que destacamos a calidade das outras dúas finalistas, as presentadas baixos os lemas «Po estelar» e «Guntur», convidamos a Tita Fernández Paz, a irmá de Agustín, a que abrise a plica e desvelase a autoría da obra gañadora, que resultou ser de María Reimóndez. Un momento emocionante, como o foi tamén a chamada telefónica que fixo Marisa Barreiro, a presidenta do IESCHA, á gañadora para comunicarlle a decisión do xurado, o que conmocionou a Reimóndez, que así ficará unida para sempre co nome de Agustín Fernández Paz, a quen dedica a súa máis recente novela, As cousas que nons queremos oír, chegada ese mesmo día do prelo, obra localizada en Vilalba. Eis esas coincidencias fortuítas que atribuímos á providencia laica.

Na acta destacamos algúns dos valores de Fóra do normal, unha excelente novela xuvenil de temática trans, localizada nuns Instituto de Teis e protagonizada por catro personaxes moi distintos que non encaixan até que se atopan. Estruturada en catro capítulos, cada un deles homenaxea a un superheroe da banda deseñada (Superman, Batman, A muller marabilla e Patrulla X), que contribúe tanto á comprensión do mundo dos protagonistas (André, Mucha, Martín e Xela) como á hora da superación dos conflitos que abordan. Fóra do normal pretende responder a unha pregunta de resposta complexa: “Que facer cando vives nunha sociedade na que es diferente e na que non queren aceptarte?” Na heroicidade de resistir e na creación dunha rede de afectos entre persoas que non teñan medo de ser o que son contra vento e marea, están algunhas das respostas que o lectorado atopará. Un gran inicio para un Premio de NIX que pretende manter aceso o lume da igualdade que prendeu o mestre Agustín nos seus libros. Parabéns, María!

Onte 1913: Presentación de “Luns” de Eli Ríos na Deputación da Coruña

Coincidiu a primeira presentación de Luns, primeira novela de Eli Ríos, gañadora do Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega 2016, co pasamento da escritora Xohana Torres, unha perda inmensa para a nosa literatura. Así o sinalou ao comezo do acto Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable de Cultura, organizadora deste certame, que por vez primeira foi convocado con esta modalidade como tamén foi primeira na que foi outorgado a unha narradora da nosa lingua.

Sanmartín comezou salientando de Luns, como xa fixera o xurado, a importancia da perspectiva de xénero e da técnica do fluír de conciencia, para engadir que “a renovación da linguaxe” e “a utilización do humor e dunha fina ironía como outros alicerces desta novela de lectura trepidante”. “Todo aparece fragmentado, a protagonista debe enfrontarse soa coa cotidianidade, co práctico, mais é unha persoa sometida ao seu home, o que se reflicte na utilización dunha linguaxe distinta por parte de Manuel e dela mesma. Mentres a linguaxe do seu home é continua, a de Nerea é fragmentada, o que expresa que a linguaxe feminina non existe, ten que partir de cero”. “Esa fragmentación e renovación da linguaxe, como a estrañeza que provoca nalgunhas escenas, eleva a vida cotiá á categoría literaria”. Pola súa banda, Ríos confesou que con Luns “quería facer sentir, cando se remate a novela que fagamos algo, que nos mobilicemos, se a literatura non ten que ver coas pulsións humanas, que sentido ten? A literatura ten que ver coa vida”.