Unha década de plurilingüismo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á década do Decreto 79/2010 do Plurilingüismo:

Non me pasaron desapercibidas as palabras de Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, no colofón institucional da celebración do ano Carvalho Calero, reclamando diante do presidente da Xunta de Galicia «o uso e a presenza da nosa lingua en todos os ámbitos, tamén nos educativos, en todas as materias, sen excepcións, pensando moi especialmente nas novas xeracións». Unha reivindicación oportuna cando tamén se comeza a celebración do centenario da Xeración Nós e se cumpre unha década do Decreto 79/2010 do 20 de maio para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

Un decreto Feijoo que supuxo unha viravolta na orientación da nosa educación lingüística, estragando o consenso e a progresividade da utilización do galego, respectada en todos os decretos que até entón desenvolveron a Lei de Normalización Lingüística (1983). Un decreto que a efectos prácticos expulsou ao galego das aulas dos centros de educación infantil, erradicou o ensino en galego das matemáticas e das ciencias experimentais dos nosos colexios e institutos, ao tempo que introducía a lingua estranxeira, o inglés, como instrumento de ensino e aprendizaxe de materias non lingüísticas (sociais, naturais, plástica…). Unha década de política lingüística dos gobernos feijoistas na que, segundo os expertos, incluídos os dos cuarto (2014) e quinto (2019) informe sobre o cumprimento en España da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, se acelerou o proceso de substitución lingüística do galego polo castelán como lingua inicial, non estando xa garantida a transmisión da lingua no entorno familiar, ademais de reducirse de forma alarmante o emprego do galego tanto no sistema educativo como na vida económica, social e nos propios medios de comunicación.

O chamamento do presidente da RAG a reconsiderar a orientación desta política lingüística, tampouco foi alleo ao protagonismo do presidente da Xunta na polémica sobre a desaparición do sintagma «linguas vehiculares» na LOMLOE. E abofé que Feijoo non estivo moi afortunado nesta lea aliñándose a pé fixo cos sectores máis ultras, como xa fixera en febreiro de 2009 cando era candidato á presidencia coa andrómena aquela da «imposición do galego», asumindo agora outra «fake» lingüística de manual, unha mentira coma un cesto roto, a do perigo que corre a aprendizaxe do español no sistema educativo das comunidades con linguas propias. Unha polémica promovida polo sector máis carca da prensa que coa lectura dos textos aprobados non se sostén de xeito ningún. Abonda lembrar que o sintagma «linguas vehiculares» fora introducido en 2013 polo inefable Wert na súa LOMCE (aprobada en solitario cos votos do PP) coa intención de pór paus nas rodas ao modelo catalán de inmersión e nas súas palabras «españolizar aos alumnos cataláns». Como só abonda ler o texto aprobado na nova LOMLOE para comprobar que a lei aprobada por un amplo espectro parlamentario garante que todo o alumnado deberá acadar «un dominio pleno e equivalente na lingua castelá e, no seu caso, na lingua cooficial correspondente».

Con todo, o máis triste deste conto é que o sucedido ao longo desta década coa educación lingüística en Galicia xa o anunciamos os que en 2009 denunciamos que Feijoo rachaba o consenso acadado no derradeiro goberno Fraga arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística (2004) aprobando un decreto baseado nunha ideoloxía lingüística alicerzada sobre o piar do carácter hexemónico do castelán en todos os territorios do Estado. Non tiñamos dúbida ningunha que para o presidente o castelán é a lingua importante e o inglés a lingua franca, quedando o galego, no mellor dos casos, para o espazo privado das persoas maiores. Como máis desolador aínda é que ningún dos seus tres responsables da Consellaría de Educación se preocupasen o máis mínimo en avaliar o funcionamento do Decreto 79/2010 nin dos resultados acadados, como quedaba obrigado nas súas Disposicións adicionais. Descoñecemos cales son os beneficios, se é que os houbo, do modelo para a adquisición efectiva das linguas estranxeiras e mesmo se foi garantida ao alumnado que remata a ESO e o Bacharelato a adquisición en igualdade (sería preferible utilizar «en equidade») de idéntica competencia en castelán e en galego, como figura nos documentos curriculares vixentes.

Nunha situación crítica para o galego, non é doado reorientar a deriva da educación plurilingüe en Galicia. Xaora, sería posible sempre que se asumise un discurso alternativo e se deseñase un modelo de plurilingüismo inclusivo dende a lingua galega, capaz de integrar o castelán, o inglés e o portugués, ademais de garantir con instrumentos de control e a avaliación a dobre competencia das linguas cooficiais establecida na LOMLOE.

Onte 2100: Debate sobre a educación plurilingüe en Galicia


Moderei onte o debate da segunda xornada do ciclo Educación Plurilingüe: achegas para un debate organizado polo Consello da Cultura Galega con motivo dunha década do Decreto 79/2010 de Plurilingüismo. Hora e media moi interesante  na que Valentina Formoso, María López Sández e Xaquín Loredo abordaron a situación da educación pluringüe en Galicia e achegaron liñas de esperanza para o futuro do idioma. Un documento moi valioso para o noso arquivo, sobre o que sen dúbida volveremos.

O legado de Palacios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar o Plan Palacios:

Antonio Palacios pasará a historia de Vigo por ser o autor do «Proxecto de Extensión e Reforma Interior de Vigo» asinado no mes de decembro de 1932, aprobado pola corporación en xaneiro de 1934 e anulado en plena Guerra Civil, tras unha dura polémica, en 1937 xa pola corporación fascista. Un documento urbanístico que definía sobre o papel un modelo para o Vigo futuro, entón unha cidade de cen mil habitantes, creando unha cidade marítima ordenada e moderna, disposta sobre o anfiteatro da ría para ser contemplada dende o mar,  capaz de cuadriplicar a súa poboación e integrar o desenvolvemento do espazo rural no seu tecido urbano. O arquitecto porriñés, pretendía converter Vigo na Barcelona do Atlántico, idea dunha cidade portuaria xardín que xa defendera en 1908 e máis tarde na súa conferencia na sociedade La Oliva (1919), convencido de que o futuro de Galicia (nas súas declaracións «patria galega») pasaba polo crecemento das súas tres cidades marítimas (Vigo, A Coruña e Arousa) como motores económicos da Galicia do século XX, posición que o distanciou do ruralismo defendido polo movemento galeguista do seu tempo, onde tiña bos amigos como Castelao, Cabanillas ou Paz Andrade.

Dende o seu estudio do Areal, Palacio deseñou un proxecto para Vigo moi novidoso e audaz tanto polo seu carácter metropolitano, xa que pretendía regular toda a área de influencia da cidade, identificando até vinte cidades satélites na súa contorna (Baiona, Porriño, Redondela e Cangas, entre elas), como pola súa proposta de distribución da cidade interior en tres áreas delimitadas por outras tantas grandes vías de mobilidade e desenvolvemento urbanístico: a Galicia, a Atlántica e a Cornixa. A primeira, unha vía de rañaceos, que supoñía a remodelación total do centro da cidade, incluído a práctica desaparición do que hoxe denominamos Vigo vello, subía dende a estación marítima ao gran Pazo rexional do Castro, pasando por unha nova sede para o concello no Castelo de San Sebastián do Campo de Granada, idea recuperada polas derradeiras corporacións da ditadura. A segunda, corría paralela á ría, dende o estreito de Rande a Samil, e a terceira, subía pola aba do Castro e baixaba cara ás praias. Dúas vías que, a pesar do fracaso daquel plan, desenvolvéronse ás toutiñadas conformando, a primeira, o que hoxe é a avenida Beiramar, e a segunda, a Gran Vía, estendida anos máis tarde nas avenidas Castelao e Europa.

Ademais de anticipar estes grandes viais, o plan Palacios legou outras moitas ideas urbanísticas que non perderan vixencia. A primeira, a necesidade de recuperación e especialización das actividades do borde marítimo, dende o outeiro da Guía, onde Palacios situaba o templo pola Paz, zona na que se deberían desenvolver as actividades industriais, pasando pola zona portuaria do Areal, a pesqueira do Berbés, até a balnearia das praias de Samil a Baiona, para as que o propio Palacios deseñou en 1923 un plan de remodelación. Tamén legou a idea dunha liña soterrada baixo o Castro dende a estación de Urzaiz, alongando o ferrocarril até ás praias, como a dun servizo de transporte marítimo, aproveitando o estreitamento de Rande. Reservaba o porriñés naquel seu Vigo futuro unha zona universitaria, outra sanitaria, outra forestal, que dunha maneira ou doutra irían desenvolvéndose sen respectar o seu criterio ordenado.

Certo é que Palacios legou ao Vigo metropolitano algúns dos seus edificios pétreos máis emblemáticos: o Teatro García Barbón (1926), construído co granito das canteiras de Castrelos e restaurado por Desiderio Pernas en 1984 con algunhas modificacións; o edificio do Banco Viñas-Aranda (1944), en Marqués de Valadares; o mosteiro das Salesas (1942) na Calzada; o templo do mar de Panxón (1937); a virxe da Rocha de Baiona (1912), erixida coma un faro; o hotel sanatorio de Mondariz (1917) ou a Casa do concello do Porriño (1918). Obras todas nas que Palacios amosa a súa reinterpretación dun clasicismo que non renuncia a utilización dos materiais propios do país, o que en palabras do seu primeiro estudoso, o noso admirado Moncho Iglesias, «as dota dunha poética persoal, na que identificamos rastros de Gaudí».

Legado vigués de Palacios que eu sempre identifiquei na maqueta de xeso do seu plan para Vigo, exposta durante a década de 1980 no primeiro andar da casa do concello de Vigo. Mágoa que daquela proeza de xeso para a historia do urbanismo vigués apenas queden os rastros das fotografías dispoñibles na rede, pois semella que a maqueta desapareceu para sempre nalgunha das reordenacións do concello. Terrible paradoxo para unha cidade desmemoriada que só aprecia o seu patrimonio cando desaparece irremediablemente, como esta semana sucedeu cun treito do bulevar cosmopolita daquela vía da Cornixa debuxada por Antonio Palacios.

Onte 2099: «Un señor elegante», unha novela impresionante de Suso de Toro

Emocionoume e conmoveume a lectura d’ Un señor elegante, a impresionante novela de Suso de Toro, tanto pola peripecia heroica de Ramón Baltar, o protagonista indiscutible do relato, como pola engaiolante voz en segunda persoa dun narrador no que identifico a un escritor pletórico. Unha extraordinaria novela literaria de non ficción, á altura das mellores de Emmanuel Carrère, impresionante pola orixinalidade e polo rigor á hora de recuperar a memoria dunha familia burguesa, os Baltar, sobre o fondo da súa resistencia antifascista e galeguista. Reconstrución dunha historia verdadeira na que ao mesmo ritmo da súa detallada investigación oral e documental, o narrador (como o propio lector) vai descubrindo ao seu protagonista, o cirurxián humanista compostelán Ramón Baltar Domínguez (1902-1981), este señor elegante, unha eminencia, mais tamén, un disidente, un subversivo, un afouto demócrata, un compañeiro de viaxe, un xigante ético rigoroso, un centauro superlativo, un quirón.

Ao longo de máis cincocentas páxinas moi traballadas, o narrador non perde o fío dunha historia que quere ser sempre novela, mais non ficción, onde a imaxinación, a memoria persoal como a propia historia política vanse fundindo de forma prodixiosa. O milagre da literatura! O relato dunha historia familiar, tema presente en boa parte da obra taurina dende Calzados Lola (2007) a Sete palabras (2009), onde un narrador discreto afonda nos compromisos extraordinarios de tres xeracións da familia Baltar («os deberes dos Baltar»: a protección ás familias de Rosalía e Murguía, de Castelao ou Dieste;  a preservación dunha biblioteca centenaria completa…), mais sen agochar nin os dorosos conflitos e disputas entre irmáns nin o tradicional papel secundario das mulleres nunha familia de médicos moi patriarcal.

Unha achega moi valiosa, ademais, para a recuperación dunha memoria antifranquista, até hoxe agochada, capaz de reconstruír acontecementos claves, como Suso xa fixera en Home sen nome (2006), desta volta a caída en 1947 da Unión de Intelectuais Libres (UIL) e aqueles días lóbregos do cárcere da rúa do Príncipe; ou o desenvolvemento chamada «Operación Termópilas», un dos tantos capítulos memorables da novela; como a axuda médica recibida polos combatentes da guerrilla, aqueles «Juan Fernández» que entraban e saían de madrugada pola porta do sanatorio de Carreira do Conde.

Un señor elegante é unha novela metaliteraria, onde identificamos material  primixenio do ensaio Dentro da literatura (2019), recente premio ao mellor libro de ensaio do pasado ano, xa que o libro se presenta diante do lector como a crónica dun narrador que elabora unha historia familiar. Un artificio literario que facilita a reflexión sobre a construción do propio texto como da configuración dos propios personaxes, o que non impide que funcione como ficción, mesmo cunha resolución inesperada.

Un señor elegante, con certeza, pasará a formar parte desa media ducia de novelas imprescindibles de Suso de Toro, á altura de clásicos como os citados ou como Polaroid (1986), Tic-Tac (1993), A sombra cazadora (1994) ou Non volvas (2000). Tras o entusiasmo que xa nos provocou a publicación de Fóra de si (2018), na que o narrador reconstruía a súa propia historia, este gran relato protagonizado por Ramón Baltar confirma o regreso optimista do mestre Suso de Toro, unha gran noticia para o seu lectorado. Recomendabilísima. Parabéns ao noso benquerido Suso e á editora por novela tan lograda.

Zona a defender

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación de Zona a defender, o libro máis recente de Manuel Rivas:

Hai trinta e un invernos que Manuel Rivas presentou Galicia, el bonsai atlántico, o seu primeiro libro literario de non ficción. Partindo da metáfora da arboriña, á que se lle impide medrar, o xove xornalista coruñés retrataba o afundimento da nosa sociedade agraria ao tempo que paradoxalmente agromaban nesta Fisterra algunhas experiencias culturais e empresariais entón na vangarda. Un libro alboral no que o xornalista coruñés xa utilizaba un estilo poético para tecer unha escrita moi sensorial, tanto polo seu carácter sinestésico e retranqueiro, na que procuraba retorcer e estrullar cada unha das palabras como mellor xeito de afondar na súa ollada de gran angular sobre aquela Galicia, entón aínda esperanzada polas posibilidades do seu autogoberno, anterior á ocupación do fraguismo autonomista. Levedada dende entón nunha ducia de libros, algúns memorables como Toxos e flores (1992), Galicia. Galicia (1999) ou Episodios galegos (2009), Rivas culmina agora esta escrita política con Zona a defender. A esperanza indócil (Xerais 2020), probablemente, o libro máis importante do esteo da súa obra xornalística ensaística, síntese da súa característica escrita ás ceibas e da ollada de arcea sobre o horizonte.

Tras Contra todo isto (Xerais 2018), un libro manifesto no que denuncia a descivilización, o avance do conformismo e da indiferenza parello ao das desigualdades e ao incremento do odio ao diferente, en Zona a defender, Rivas ofrece outro libro manifesto, aínda que de espírito máis propositivo e de pulsión máis poética, no que a desesperación provocada polo «mayday» contemporáneo, a alerta de emerxencia inminente, transfórmase en esperanza indócil, en capacidade de defensa dos espazos e dos colectivos máis vulnerables. Rivas convoca a participar na revolución de procurar unha sociedade decente (Saint-Exupéry), onde a honestidade (Orwell), o decoro (Valle-Inclán), a honra e a dignidade sexan prácticas comúns, onde se recupere e libere o sentido das palabras e o acento da verdade, na que se proxecte a memoria no campo do futuro, onde a solidariedade sexa o fío secreto do acordo entre xeracións e a produción de odio sexa contrarrestada pola política dos afectos. Rivas ofrece unha estratexia para participar nesta inequívoca revolución contente, a de preservar Zonas a defender (ZAD), unha denominación que se estendeu en Francia para conservar espazos vulnerables que non poden ser profanados e deben ser conservados a toda costa.

Organizados como unha psicoxeografía de catro ventos, estes textos xornalísticos de Rivas escritos coa pulsión poética da verdade e da ollada limpa de medo ofrécense tamén como unha colección de mapas capaces de orientarnos para circular (ou tratar de entender en profundidade) nesta era Mayday de máxima urxencia. Agravado pola emerxencia da pandemia do Covid19, xa identificabamos o colapso na liña dun horizonte enfermo (Manuel Antonio) pola doenza irreversible do planeta, que na súa globalidade constitúe a primeira Zona a defender. Para Rivas, como xa desenvolvera tamén en Contra todo isto, no ecocidio provocado polo quecemento global, termo máis axeitado ao do eufemismo de cambio climático, está a cerna do colapso contemporáneo. Unha mecha que se debe cortar antes de que a faísca alcance a dinamita (Benjamin) para o que cómpre un novo contrato da sociedade coa natureza baseado nas ideas de decrecemento, des-extinción e relocalización cosmopolita como alicerces dunha estratexia do local universal. Calquera loita local deste tipo é imprescindible para esta estratexia universal, na que por ventura virá xente nómade cun país portátil na maleta e identidades compartidas.

Neste desafío excepcional que afrontamos, Rivas identifica dende un pesimismo rebelde que vai da man da esperanza indócil outras Zonas a defender. A do xornalismo como un activismo democrático que non renuncia a utilizar a sonda de profundidade para chegar a causa das cousas. A da cultura como creadora de almeiros, espazos igualitarios  limpos de medo. A do feminismo que emancipe as mulleres e libere aos homes do «histerismo masculino». A da cidade como creadora de espazos de diversidade e memoria, onde se anove o urbanismo como parte da natureza. A do activismo da liberdade, a da loita contra a corrupción, a da república de iguais, a da tolerancia contraria, a do humor como única arma contra os negacionismo…

A aparición desta Zona a defender anticipouse á chegada das vacinas como unha lectura de emerxencia contra o virus do medo e do conformismo das que dormen coa conciencia tranquila. Activemos as Zonas a defender. Comprometámonos coa esperanza indócil. Un libro extraordinario, necesario, fermoso, un gran Rivas. Corran a libraría a procuralo!

Erradicar a violencia machista

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao 25-N, xornada contra a violencia machista:

Mañá, 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, convocadas polos colectivos de feministas galegas, celébranse diversas mobilizacións e actividades coa intención de combater a lacra da violencia machista como unha prioridade de saúde e visibilizar o que continúa sendo invisible nesta causa. Aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999, escolleuse a data do 25 de novembro en memoria das irmás Mirabel (Patricia, Minerva e María Teresa) asasinadas ese día de 1960 na República Dominicana por orde do seu ditador Rafael Leónidas Trujillo. Unha data de sensibilización sobre a violencia contra a muller que a Declaración das Nacións Unidas de decembro de 1993 define como «todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico», así como «as ameazas deses actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen no ámbito público como na privado». Violencia machista contra a muller que conforma tamén en España un feminicidio incesante con 1.074 vítimas dende 2003, ao que segundo o Ministerio de Igualdade se engaden 41 no que vai de ano, dúas delas en Galicia. Cifras dramáticas ás que no mesmo período hai que engadir 37 vítimas menores e 301 orfas e orfos.

Violencia machista que, segundo datos da Delegación do Goberno en Galicia, contabiliza na nosa comunidade 3.733 casos activos de violencia de xénero e nos nove primeiros meses do ano 2.561 chamadas ao 016, o teléfono institucional de atención a vítimas de malos tratos por violencia de xénero. Datos inquietantes que se completan coas 1.188 ordes de protección ditadas en Galicia, segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial, das que case un milleiro contaron no primeiro semestre de 2020 con medidas de atención por parte da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Cifras que apenas supoñen a punta do iceberg dunha lacra que, a pesar do Plan de Continxencia contra a violencia de xénero ante o Covid 19, durante os meses de confinamento obrigou á convivencia forzosa das vítimas cos seus agresores, o que dificultou as súas posibilidades de solicitar axuda e paradoxalmente levou a unha diminución durante o segundo trimestre do ano do número de denuncias por malos tratos presentadas no Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Vigo, aínda que se incrementasen as ordes de protección.

Data a do 25N que como outras efemérides cívicas se celebra con particular intensidade nos centros educativos coa intención de sensibilizar ao alumnado sobre esta problemática e vencellalo emocionalmente na loita colectiva contra a violencia de xénero e a prol da igualdade real e dos dereitos humanos. Unha intervención educativa necesaria dende os niveis primeiros de Educación Infantil, onde segundo Amada Traba, profesora de Socioloxía da Educación da UdV, é preciso desmontar o sutil modelo de desigualdade acuñado desde antes do nacemento das criaturas. Un enfoque igualitario que as familias poden abordar dende o propio berce desbotando os códigos diferenciados a través dos sentidos, dos xogos e xoguetes, da actividade física e do propio vestiario, nos que se forxa dende os primeiros meses un pensamento moral diferenciado. Intervención coeducativa que debe abranguer tamén a educación afectiva e sexual e a navegación segura por internet como primeiras ferramentas para a prevención da violencia sexual. Sabemos que o consumo de contidos pornográficos e violentos dispoñibles na rede, dende idades cada vez máis temperáns, así como as condutas de ciberacoso por motivos de xénero, sobre todo por parte dos nenos, reforza o desenvolvemento de condutas machistas e violentas que se van perpetuando dende a mesma preadolescencia.

Erradicar a lacra da violencia de xénero e das agresións sexuais de todo tipo é unha tarefa revolucionaria xa que supón fender a cultura e estrutura do patriarcado, onde abrolla a semente de todas as violencias machistas e homófobas, e propoñer unha igualdade real nunha sociedade de mulleres libres e empoderadas. Unha causa que no actual entorno da pandemia require da disposición de máis recursos das administracións públicas, que fagan efectivas as medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero e outras formas de violencia sobre a muller. Mais tamén obriga, como tamén se fixo evidente coa actual crise Covid, a deseñar unha nova política pública de coidados, que veñen recaendo até agora sobre as mulleres, tanto das criaturas como das persoas maiores ou doentes. E, sobre todo, require do compromiso de toda a cidadanía para denunciar calquera tipo de conduta violenta, explícita ou sutil, contra as mulleres facendo visible o que até entón era invisible.

Onte 2098: Premios da Crítica de Galicia 2020

Comunicamos onte os Premios da Crítica de Galicia 2020 nunha rolda de prensa emitida por You Tube. Remataba así unha semana de xuntanzas virtuais dos oito xurados (máis de 14 horas en Google Meet), na que neste ano de pandemia moito aprendín sobre as dificultades existentes aínda na utilización das ferramentas da comunicación dixital como tamén das facilidades que proporcionan. Máis alá do formato das deliberacións e da comunicación do ditame, aínda queda pendente a entrega das estatuíñas de Martín Códax, pareceume outra excelente colleita da nosa creación e promoción cultural, probablemente, expresión do momento extraordinario nalgúns eidos como a poesía e o cinema e audiovisual ou da necesidade de recoñecemento dalgunhas traxectorias de décadas ou da excelencia de proxectos e iniciativas máis recentes.

Velaí o premio para Feliz Idade (Kalandraka 2019) de Olga Novo e O que arde de Óliver Laxe, premios de Creación Literaria e Cine, respectivamente, obras memorables pola súa calidade e enraizamento da nosa identidade na cultura universal. Velaí as traxectorias de Margarita Viso, a decana das compositoras galegas, premio de Música; de Alfonso Costa, destacado pintor da xeración esquecida, premio de Artes Plásticas; dos Monicreques de Kukas, compañía creadora xenuína deste xénero en Galicia, premio de Artes Escénicas ou da Festa do Marisco do Grove, unha das festas gastronómicas máis antigas e enraizadas na cultura popular, premio de Cultura Gastronómica. Como moi relevante é o libro do historiador Bieito Alonso, Anarquistas galegos en América (Galaxia 2019), premio de Investigación, como tamén o é o extraordinario labor que na rede desenvolve o equipo de GCiencia, premio de Iniciativas Culturais e Científicas.

Tras corenta e tres edicións, sen faltar ano ningún, os Premios da Crítica de Galicia, unha iniciativa privada, plural, interxeracional e independente, continúan tomándolle o pulso ao estado da nosa creación e industria culturais, inseridas na tradición e memoria galegas. Unha iniciativa na que esta edición participaron activamente e de forma altruísta sesenta e cinco persoas durante os tres últimos meses, xenerosidade e dedicación que merecen a nosa maior gratitude. Con todo, como organismo en diálogo coa nosa industria cultural, que vive outro dos seus momentos críticos, os Premios da Crítica de Galicia precisan introducir melloras para acompañar as mudanzas e retos do propio sector. Aí continuaremos.

Onte 2097: Brava, Lady Bubble!

Hai apenas dous meses que Ledicia Costas sorprendeu as súas seguidoras cunha nova volta de porca ao Outromundo coa publicación da primeira entrega dos Minimortos. Agora volve facelo noutro dos seus mundos de ficción, o da inventora Lady Bubble, que creara co ilustrador Andrés Meixide, A señorita Bubble Baixo cero, (Xerais 2020) probablemente, a súa novela infantil máis atrevida e rabuda das publicadas até hoxe. Desta volta, Lady Bubble comeza unha nova vida en Rovaniemi, a capital da Laponia finesa onde ten a súa residencia oficial Papá Noel, onde acollerá na súa casa a unha ampla comunidade de pinguíns, os animais favoritos do seu inseparable Vicent, o neno do corazón mecánico. Xaora, fóra do seu medio natural a vida dos pingüíns non é doada, mais aínda cando sufren os efectos dos vertidos tóxicos ao mar da fábrica de xoguetes de Noel, na que traballan milleiros de elfos en condicións deplorables e con salarios de miseria.

Sen abandonar o espírito steampunk nin perder unha miga do interese pola temática científica e tecnolóxica da primeira entrega, en Baixo cero Ledicia Costas bota man dos recursos da utilización do diálogo como estratexia narrativa e do conto de Nadal dickensiano e do humor atolado de estirpe roaldahliana para relatar a revolta sindical de pingüíns e elfos e cuestionar así a crueldade e arbitrariedade machista de Noel, transformando a procura da igualdade e da dignidade nos valores máis xenuínos do Nadal. Unha revolta alternativa, tamén nas formas e na distribución dos agasallos, na que non faltan nin as panxoliñas reivindicativas nin as referencias aos magos e outros personaxes. Baixo cero abre así novas perspectivas temáticas para unha serie protagonizada pola Señorita Bubble que se consolida como outro dos universos creativos singulares de Costas, ao que tampouco é alleo o extraordinario traballo de ilustración dun Meixide en estado de graza, que entende o espírito steampunk e transgresor da autora viguesa, sobre todo no deseño arquitectónico e na creación dunha atmosfera propia dos contos de inverno.

Fermosísimo este conto de Nadal de Costas e Meixide, que supón a consolidación dunha serie, convertida xa en colección pola editora, que promete engaiolar e formar a milleiros de novos lectores e lectoras autónomos. Recomendo vivamente.

O ceo en galego

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á iniciativa da Academia de fixar o nome das oitenta e oito constelacións

A Óscar Sánchez, Martin Pawley

Dende a aparición do cometa Halley en febreiro de 1986, que non regresará até xullo de 2061, entendín a fascinación que a observación astronómica provoca nas crianzas e nas persoas maiores. Desa pulsión netamente humana de ollar o ceo naceu o interese de todas as culturas por estudar os obxectos celestes e os fenómenos no Universo, sendo a Astronomía unha das ciencias máis antigas da humanidade. As primeiras observacións astronómicas, consistentes en debuxos e artefactos creados na prehistoria coa pretensión de documentar o que se vía no ceo, serviron para medir o tempo e incrementar a precisión dos calendarios agrícolas.

A humanidade comezou a nomear os grupos de estrelas co propósito de orientar aos viaxeiros e aos navegantes sobre océanos e mares. Así apareceron as «constelacións», padróns do ceo nocturno formados unindo as estrelas, un exercicio presente tanto nas culturas china e maia como na grega. Ptolomeo inventariou no seu Almagesto (século II a. C.) 48 grupos de estrelas recoñecibles polo seu debuxo no ceo nocturno. Entre estas constelacións, foron as doce primeiras ás do zodíaco: Augadeiro, Carneiro, Cangrexo, Capricornio, Xemelgos, León, Balanza, Peixes, Arqueiro ou Seteiro, Escorpión, Touro e Virxe. Entre as restantes, unhas utilizan nomes da mitoloxía grega como Andrómeda, Dragón, Centauro, Hércules, Orión, Pegaso, Perseo… e outras nomes como Lobo, Lebre ou Serpe, pola semellanza da silueta destes animais coa unión das estrelas que a compoñen.

Constelacións cuxo número foi ampliado dende a Idade Media, en boa medida pola navegación no hemisferio sur que descubriu a ollos europeos algunhas aquí invisíbeis ou formas incompletas doutras. Identificáronse así constelacións con nomes de animais «exóticos» como Camaleón, Pomba, Ave Fénix ou Peixe Voador, doutros animais como Raposiña ou Lince ou dos propios instrumentos de observación como Escuadro, Telescopio, Microscopio ou Retículo. Constelacións que en 1930 a Unión Astronómica Internacional fixou en 88, sendo as identificadas na actualidade.

A pasada semana a Real Academia Galega aprobou unha proposta normalizada e oficial destas oitenta e oito constelacións. Unha listaxe (dispoñible na rede) froito da colaboración entre o Seminario de terminoloxía da Academia e dun equipo de astrónomos formado por Salvador Bará, profesor de Óptica da USC, Martín Pawley, membro da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e Dosi Veiga, impulsor de Ceos Galegos. Unha relación que, como sucedera coa iniciativa de nomear a estrela Rosalía de Castro da constelación de Serpentario tamén chamada Ofiuco, e do seu exoplaneta Río Sar, outra iniciativa da Agrupación Ío, pon o ceo en galego, sendo outro avance decisivo para a incorporación da nosa lingua no ámbito científico, froito dunha colaboración entre astrónomos e lingüistas. Unha iniciativa que continúa outras actualizacións recentes do vocabulario técnico matemático e dos nomes dos elementos químicos, desenvolto pola Academia con idéntico procedemento.

Esta iniciativa de fixar o nome das constelacións, únese neste ano ademais á publicación de Grandes Ideas da Astronomía (2020), un texto colectivo escrito por astrónomos de universidades e observatorios de todo o planeta, traducido para o galego polo incansable Martín Pawley, activista de todas estas propostas de alfabetización astronómica e galeguización científica. Un libriño delicioso, que se suma ao mapa do ceo despregable tamén publicado pola Agrupación Ío, configurando un modelo de divulgación científica de calidade e de aproveitamento didáctico, que responde as preguntas esenciais que se formula a Astronomía actual: dende cal é o valor do ceo nocturno e o perigo da contaminación luminosa, pasando pola estrutura do universo e o seu funcionamento até cal é a utilidade da cosmoloxía e astronomía no desenvolvemento doutras tecnoloxías, entre outras cuestións apaixonantes.

Iniciativas necesarias de alfabetización e divulgación astronómica vencelladas á unha utilización normalizada da nosa lingua, amosando que o emprego do galego na ciencia e na tecnoloxía amplía o noso horizonte e enriquece o noso patrimonio colectivo. Iniciativas que se ofrecen como un antídoto eficaz de tolerancia para inmunizarse dunha nova onda do virus do hexemonismo lingüístico, recuperado como manobra distractoria conservadora no debate da LOMLOE (a lei que modifica a lei Wert, aprobada polo PP en 2013) sobre a utilización vehicular das linguas oficiais na escola e sobre os seus niveis de competencia ao remate da escolarización.

Si, ollemos o ceo en galego, procuremos o Hexágono de inverno e identifiquemos Sirio, a estrela máis brillante do ceo visible situada na constelación do Can Maior. O ceo loce en galego.

Onte 2096: «A lavandeira de San Simón», comezo de Pequena Memoria

A publicación d’ A lavandeira de San Simón, texto de Eva Mejuto, ilustrado por Bea Gregores, que abre a colección Pequena Memoria de Xerais, supón un fito tanto para a historia da edición galega como na causa da memoria, a da recuperación das voces silenciadas, ocultas, exiliadas e castigadas da historia. Seguindo o fío temático que Eva Mejuto iniciara na novela Memoria do silencio (Xerais, 2019) e de precedentes como Mexique. El nombre del barco (Libros del Zorro Rojo 2017), Mejuto e Gregores artellan un relato dende a voz e a ollada de Teresa, unha rapaza filla dun desaparecido e dunha lavandeira que viaxa cada mércores á Illa de San Simón a levar a roupa limpa e unha empanada a algún dos alí encarcerados. Unha historia que empregando os recursos visuais da linguaxe do álbum ilustrado dá voz ás crianzas como vítimas invisibilizadas daqueles días de horror.

Un relato dirixido ao público infantil que homenaxea á rede de solidariedade tecida por unhas mulleres anónimas e afoutas, as lavandeiras ou madriñas, que se arriscaron a axudar aos presos da Illa de San Simón ou do buque Upo Mendi, fondeado na ría e utilizado tamén como cárcere, persoas que elas na súa maior parte descoñecían (procedentes en boa parte de Asturias) e que non cometeran máis delito ca defender a República e os seus valores.

Historia das lavandeiras, rescatada por investigadores e escritores redondeláns como Gonzalo Amoedo, Carlos Antuña Souto e J. Ángel Xesteira, e pola asociación de mulleres A Xanela de Redondela, na que Mejuto e Gregores apostan por dotar dunha forte pegada visual, combinando o primeiro plano coas imaxes panorámicas cenitais ou de grande angular, coa intención de crear a atmosfera de terror dunha historia entrañable narrada en clave íntima. Texto e imaxes complementadas pola documentación fotográfica das gardas e por un coidado texto informativo publicado como epílogo, estendido no espazo web creado por Mejuto, que permiten ao lectorado novo coñecer o que foi un dos episodios máis heroicos da guerra civil en Redondela.

Recomendo vivamente esta primeira e tan prometedora entrega da colección Pequena Memoria, un proxecto editorial que pola súa calidade temática, formal e editorial constitúe unha das achegas máis destacadas da lix galega dos últimos anos. Parabéns ás autoras e á editora.