Entrevista en «Diario de Pontevedra»

Quedei moi agradecido a María Varela por esta entrevista que publicou o pasado domingo en Diario de Pontevedra. Desculpas polo autobombo.

Onte 498: Galerna

A de onte lembroume a aquelas tardes de galerna da miña infancia. Horas de choiva e ventada tras as que chegabamos a casa pingando coma pitos para logo secar os gorilas enchoupados diante da estufiña de butano. Sei que a memoria é mentireira, xa que cadaquén a constrúe sobre episodios que fan verosímil e coherente o relato continuo da propia vida. Seino. Mais a pesar diso, estas tardes viguesas de choiva violenta son a chave que abre con maior facilidade aqueloutras saudades dos días da miña escola primaria dos anos sesenta. Coma os días secos nos que vai moito frío son os que mellor enganchan coa memoria daqueloutras xornadas universitarias na casa da Pontepedriña, ao pé da estación, onde descubrimos a The Police no dial de Radio 3. A memoria é mentireira. Seino. Mais serve para saber quen somos e de onde vimos. Non che é pouco.

Onte 485: Entrevista no «Culturas»

Gustoume moito como titulou Ramón Nicolás a entrevista que me fixo para o número 500 do «Culturas», o suplemento de La Voz de Galicia. «O conformismo é incompatible co oficio de editor» entendo que unha frase acaída para resumir a actitude proactiva coa que os editores galegos debemos afrontar a crise e o proceso de mudanza profunda que vive o noso sector. Non hai dúbida que o vieiro posible para sairmos da crise actual está na mudanzas das políticas estratéxicas sobre a lingua e a lectura, como tamen por unha aposta pola dixitalización e a innovación. As miñas beizóns a La Voz de Galicia por estes dez anos do seu suplemento cultural e a nosa gratitude pola oportunidade de expresar as opinións do sector editorial nas suas páxinas.

O texto da entrevista completa (incluída unha pregunta e unha resposta que quedou fóra por cuestión de espazo) pode lerse no blog de Ramón Nicolás.

Onte 484: Aterraxe

A nosa longa viaxe de regreso dende Toronto alongouse catro horas debido á supresión do voo de Iberia a Vigo. Sen comunicación previa ningunha nin posibilidade de alternativa, quedamos varados na T-4 durante sete horas. A única explicación que recibimos foi que a «supresión» se debía «a posta en vigor dos novos horarios durante estes días». Efectivamente, comprobando na web de Iberia, soubemos que a compañía adquirida por British ofrecerá a partir deste mes  catro conexións diarias de Vigo con Madrid, dúas á mañá, unha ao mediodía e outra á noite. Unha oferta de voos que supón un retroceso a conectividade dispoñible hai quince anos. Cando chegamos a Peinador, derreados tras 25 horas de viaxe, percorremos os corredores da terminal ampliada, xusto diante do enorme aparcamento. Teñen sentido estas (custosas) obras de ampliación dun aeroporto que conta cada vez con menos voos, menos pasaxeiros e peores combinacións? Aterraxe na realidade nosa.

Onte 482: Niagara

Os nosos agarimeiros e xenerosos anfitrións canadenses, a familia Morgenstern, prepararon unha excursión a Niagara para visitar as famosas cataratas. Non nego que funcionou como un aliciente sentimental desta visita o mito acuñado pola película inesquecible que hai sesenta anos fixo estrela a Marilyn Monroe. Non houbo queixa. O par de horas que pasamos en Niagara pagaron moito a pena, a pesar da primeira labazada visual que recibimos dos neons tan chamarrangueiros, que coroan os rañaceos dos hoteis e moteis, dunha e outra banda do río (e da fronteira), din que «cheos de parellas en lúa de mel». Diante das cataratas enfrontámonos ao brutal dramatismo da natureza incrementado onte por unha paisaxe xeada, case cristalina, froito da severidade dun termómetro que baixou moitos graos baixo cero. Sensación estraña, onde os límites tan imprecisos entre a euforia e a melancolía difumináronse aínda máis coa caída súbita do día, cando as cataratas iluminadas transformáronse diante nosa en violentas fervenzas de augaluz. Antes, tiveramos a fortuna de camiñar pola avenida de Niagara-on-the-Lake, unha vila norteamericana desas que aparecen nas películas, e visitar unha das moitas adegas da beira do río Niagara, onde se produce o viño do xeo, unha rara variedade vinícola norteamericana para nós descoñecida. Este «icewine» de Niagara prodúcese con uvas recollidas tras a primeira conxelación (polo tanto de vendima serodia), o que explica o sabor moi doce deste branco. Foi unha excursión inesquecible a Niagara coa que pechamos esta viaxe canadense entre a neve.

Onte 479: Frida & Diego

Non decepciona a exposición Frida & Diego instalada no AGO do chinatown torontino na que se percorre o itinerario biográfico e artístico de ambos os dous pintores comunistas mexicanos durante o cuarto de século no que compartiron as súas vidas. A exposición amosa o poder transformador da arte e da política («Art is a weapon», unha frase de Diego Rivera é un dos reclamos da coidada mercadotecnia da mostra), mais tamén supón unha radical afirmación da vida, «Long live life», «Viva a vida» proclamaba Frida, a pesar dos sofrimentos físicos e emocionais que tanto padeceu. Entre os máis de sesenta cadros chamou moito a miña atención algunhas das pezas realistas de Diego, como «O día dos mortos» (1936) e «A mestra rural» (1932), que pola composición e temática me lembraron algunhas outras de Castelao da mesma época. Como tamén me impactaron as pezas que Frida pintou en Michigan en 1932, durante a estancia en Detroit da parella, convidada polo fillo de Henry Ford, cando Frida sofríu o seu primeiro aborto. Neses dous cadriños de fasquía aparentemente surrealista, en palabras de Rivera, «nunca antes unha muller transformou a súa agonía nun lenzo». Con todo, a cerna da mostra está na extraordinaria antoloxía de autorretratos da pintora de Coyoacán que confesaba «Me pinto a min mesma porque son o tema que mellor coñezo». Completan a mostra os impactantes retratos que Nickolas Muray fixo a Frida en 1939. Se o interese da exposición non abondase no AGO pode visitarse a «Henry Moore Gallery», a colección máis grande que existe no mundo dos orixinais e maquetas do máis grande escultor inglés do século XX.  Unha visita ao AGO que pagou moito a pena.

Onte 478: Wedding

A razón da nosa viaxe a Toronto foi participar onte na voda dun noso sobriño. É innegable que nos sorprendeu o rito co que se desenvolveu a cerimonia do matrimonio xudío, iniciada coa lectura en galego e inglés dun poema de Ana Romaní, e na que se utilizaron até cinco linguas, con importante presenza da galega. Como nos sorprendeu a festa posterior, Hora incluída, unha roda roda que chega a ser moi emocionante. No obstante, como nos sucedera hai dous anos, cando participamos noutro matrimonio no norte de Inglaterra, o mellor da voda foron os discursos dos noivos, do best man e dalgúns familiares  e amigos. Pezas oratorias sinxelas, eficaces, construídas cos fíos da vida familiar e amical, onde non faltaba nunca nin o humor nin a emoción nin unha imprescindible reflexión moral. Eis sempre atopei a principal diferenza coa maioría das nosas vodas e outro tipo de cerimonias comunitarias, onde se renuncia a fala colectiva e a cohesión comunitaria que provoca. É moi probable que neses espiches de apenas cinco minutos poidamos atopar algunhas das causas da fenda que aínda arrastra o sistema educativo español.

Onte 475: «Not Just for Teens»

Ruamos polo Boxing Day de Bloor St onde se anunciaban rebaixas de até o 70 %. Aínda existen lugares no mundo onde un público mozo consome produtos de marca de xeito compulsivo, mesmo a pesar dos seus prezos de infarto (rebaixa incluída). Como non podía ser doutra maneira, acabamos curioseando en !ndigo, unha gran libraría e tenda de música ateigada de clientes en xornada de ofertas. Chamáronme a atención algunhas cousas. Primeira: a centralidade na libraría das promocións de Kobo, o modelo de e-book canadiano. Segunda: a importante presenza dos produtos non libro, mais relacionados coa lectura e literatura, dende camisetas literarias, pasando por axendas e produtos de papelaría, até a parafernalia da mercadotecnia da ficción cinematográfica de moda (con The Hobbit como grande protagonista). Terceira: o sinalamento das diversas seccións, non exento de orixinalidade. Eis o caso dos espazos dedicados á literatura xuvenil presentados como «Not Just for Teens» («Non só para adolescentes«), unha valiosa achega á denominación do xénero de fronteira. Desque caeu o día, en Toronto folerpea.

Onte 471: Twitter 4.000

O meu perfil de Twitter superou onte as 4.000 persoas seguidoras. Non agocho a miña perplexidade polo feito, non exenta de satisfacción, tanto por ser unha cifra elevada para un perfil cuxa lingua vehicular é a galega, coma polo acicate que supón na estratexia, na que vimos teimando dende hai nove anos, de contribuír a tecer e tecer a rede na nosa lingua. A miña maior gratitude a todas aquelas persoas que seguen hoxe o perfil, como tamén aqueloutras que se cansaron de facelo, no que coma facemos no blog compartimos información sobre as nosas preocupacións: a edición, os libros, a lectura, a lingua, a literatura, a política e o fútbol (celeste). Na medida das miñas posibilidades, continuarei apostando para que «compartir» sexa o primeiro verbo en Twitter.

(Desculpas por esta anotación de «autobombo»)

Onte 456: Acougo

Tras varias semanas de actos e viaxes seguidas, aproveito a tarde enteira para acougar na casa e ler devagariño. Hai varios orixinais que agardan dende hai tempo. Ler, anotar, acoutar, consultar, corrixir, valorar, escribir son tarefas indispensables para preparar o diálogo cos autores dos manuscritos. É o momento decisivo no que o editor se compromete coa obra ou no que decide non incorporala ao seu catálogo, decisións ambas as dúas non exentas de risco. Aínda que para algúns semelle inverosímil, esta lectura reflexiva continúa sendo a primeira, principal e máis gozosa actividade do oficio do editor.