«A vella compañeira»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación d’ A vella  compañeira do xornalista Anxo Lugilde:

Saín impresionado da presentación no CLUB FARO DE VIGO do libro A vella compañeira (Luzes 2021; edición castelá, Península; catalá, Columna) no que o xornalista lucense Anxo Lugilde relata a súa loita durante trinta anos contra a depresión. Unha reportaxe vital que Manuel Rivas, prologuista da edición galega,  cualifica de «libro extraordinario de natureza insurxente» que transmite información esencial, «unha odisea da alma» na que o correspondente de La Vanguardia en Galicia e Portugal «afonda máis alá do que semella a liña do inaccesíbel, alumea o que non está ben visto, porque adoita ocultarse, porque incomoda ou porque non se deixa ver».

Unha obra arriscada na que empregando o formato xornalístico, o autor desvela os ires e vires contra esta doenza autoritaria (totalitaria), á que bautiza como «vella e odiada compañeira», unha «enfermidade da alma que che quita as ganas de vivir». Unha crónica con vontade literaria dunha guerra contra o «Terceiro Reich» das doenzas mentais. Un exercicio de escritura autobiográfica con vontade de estilo que confesa lle resultou liberador e terapéutico e aspira a que contribúa tanto a rebaixar a incomprensión social que sofren as persoas que padecen depresión como a axudalas a procurar azos para continuar a súa batalla.

Con semellantes intencións terapéuticas, afastadas das dun libro de autoaxuda, Lugilde relata a súa biografía depresiva dende aquel neno rariño, que nos anos 70 cursaba primeiro de EXB do colexio xesuíta do barrio barcelonés de Sarriá, no que como zurdo contrariado comezou a visitar o gabinete da psicóloga do centro, pasando tamén polo estigma de ser fillo de pais separados nunha idade crítica ou a súa peregrinación por varios centros escolares no seu regreso a Lugo, a súa cidade natal, até os seus días máis difíciles de internamento nun centro psiquiátrico catalán deste pasado verán.

Unha crónica na que seguindo o fío dos exemplos dalgúns dos acontecementos claves da Segunda Guerra Mundial, da que é un grande coñecedor (e aínda mellor contador), Lugilde reconstrúe co detalle e a precisión do reporteiro a batalla que libra contra este trastorno dende os dezaoito anos cando Laureano Álvarez Armada, o médico de cabeceira de Samos, identificou o mal ao que se enfrontaba e o levou por vez primeira diante dun psiquiatra. Como fixera o xornalista vigués Nacho Mirás («Rabudo»), Lugilde utiliza a forma militar para contar a loita individual contra unha doenza, razón pola que en Laureano identifica ao seu Churchill particular, xa que foi o primeiro que deu no cravo, coma fixera o político do puro e do chapeu cando na década de 1930 alertou sobre a ameaza expansionista e de rearme de Adolf Hitler.

Tinguido o relato dunha finísima retranca, de «humor dramático,  humor morado, no que podemos ver os hematomas das doenzas da alma», en palabras de Manuel Rivas, particular importancia teñen os episodios referidos ás tentacións suicidas. Apaixonado do mundo dos trens «para viaxar neles», Lugilde confesa que aos 21 anos cando traballaba xa como xornalista na delegación de Ferrol de La Voz de Galicia comezaba a lectura do xornal polas páxinas onde figuraban os horarios dos trens «e non precisamente para viaxar neles». Un comportamento, que aclara pouco máis adiante, «era máis ben un exercicio mental, pois en realidade non tiña intención de facelo». Tentacións suicidas que se repetirían noutras ocasións xa que a depresión é unha doenza da alma con efectos químicos sobre o cerebro que provoca unha tristeza infinita e unha abraiante falta de ganas de vivir e na que no caso dalgúns ataques extremos leva ao doente a pensar na morte e no suicidio. Doenza secreta, na maior parte das veces, sufrida no medio do silencio e tinguida dun estigma de rexeitamento, Lugilde relata como a depresión provocoulle somatizacións frecuentes, que lle afectaron ás pernas e ás costas e outras veces ao propio cerebro que o levaron a quedar en branco cando estaba en antena como comentarista político.

Ademais da reclamación de máis atención para as doenzas mentais dentro do sistema de saúde pública, que Lugilde presentou na fin de semana pasada en Moncloa ao Presidente do Goberno, as páxinas d’ A vella compañeira constitúen unha brillante defensa da profesión xornalística, da liberdade de expresión e do dereito á información. Lugilde denuncia o deterioro durante os gobernos de Feijoo –ao que bautiza como «O Moderadísimo»– das xa de por si estreitas marxes para o exercicio do xornalismo crítico en Galicia, das que para el son mostras a existencia de listas negras e a censura nos medios públicos, denunciadas cada venres pola plataforma Defende a Galega de profesionais da CRTVG.

Recomendo vivamente a lectura d’ A vella compañeira e parabenizo a Lugilde por tan xenerosa valentía.

José Vázquez Grela, mestre de Nigrán

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á memoria de José Vázquez Grela, mestre de Nigrán:

José Vázquez Grela (Ames, 1886; Nigrán, 1936) foi protagonista dun dos episodios máis tristes da Guerra Civil en Nigrán. Mestre da Escola Nacional de nenos de Nigrán foi paseado no barrio da Devesa, moi preto da súa casa escola, o 12 de setembro de 1936, nun dos acontecementos máis estremecedores daqueles meses de terror, do que foron testemuñas os seus propios alumnos, a súa muller, Josefa Iglesias, con quen tivera seis fillos, e entre os que estaba presente o máis novo, José Gonzalo. Un dos alumnos, Severino Crespo, relatou uns feitos que comezaron arredor do mediodía cando irromperon na escola Francisco González Rodríguez, o tenente da Garda Civil, ao que chamaban «O Rabioso», e tres falanxistas de Bouzas que sacaron ao mestre da aula e o meteron nun coche que colleu á estrada de Camos cara ás Angustias. Semella que o fixeron baixar do coche preto da parroquial co pretexto de ir falar co cura, mais cando comezou a camiñar recibiu cinco tiros polas costas. Outro dos alumnos, Juan Pastora Sanromán, contou que dende a escola escoitaran os disparos e que cando regresaba a súa casa atopou na cuneta o corpo do mestre que aínda vestía a súa bata, completamente ensanguentada.

Coñecemos estes relatos arrepiantes da morte do mestre de Nigrán, ao que cómpre engadir a nota macabra de que na folla do rexistro da inscrición de defunción alguén anotou nunha esquina a palabra «accidente», grazas aos traballos do historiador e actual alcalde de Nigrán, Juan González Pérez, autor de Nigrán. Memoria dunha Guerra (1936-1939) (Edicións do Cumio 1998), como do máis recente do memorialista e membro do Instituto de Estudos Miñoráns Carlos Méixome en Catas da memoria. A persecución franquista no Val Miñor (Laiovento, 2021). Dúas fontes esenciais, como os numerosos traballos dos profesores Serafín Porto Ucha e Antón Costa Rico sobre os mestres depurados polo franquismo, que axudan a entender tanto o valor destes educadores como auténticas luces da República como a teimosa persecución a que foron sometidos polos sublevados, como «O Rabioso», a quen Xoán Carlos Abad Gallego nun traballo referencial (Glaucopis, IEV, 2002) definiu como «perseguidor de mestres».

Cando foi asasinado, José Vázquez Grela mantiña unha intensa actividade sindical e política como membro da Agrupación Socialista de Vigo e da Asociación de Traballadores do Ensino de Vigo, formando parte dunha dirección na que tamén estaban Apolinar Torres López, fusilado en Pereiró o 27 de agosto de 1936, e Victor Fraiz, fusilado no monte do Castro o 14 de setembro de 1937. Tras anos de emigración en Bos Aires, onde traballou como panadeiro e coñeceu a súa compañeira, e despois en Cuba regresou a Galicia iniciándose en 1926 como mestre en Santa Cristina de Vea e noutras escolas do Deza, vinculándose ao movemento agrarista do que foi activista. En 1930 aprobou as oposicións de mestre nacional, incorporándose á Escola de Nigrán no curso 1931-1932. Decontado foi valorado polo seu entusiasmo como educador da infancia, activista e organizador das actividades formativas das Misións Pedagóxicas dirixidas aos maiores, como promotor dunha biblioteca pública e como presidente do consello local de primeira ensinanza formado polos mestres e mestras de cada unha das parroquias do concello, instancia dende a que intentou que o ensino se axeitase ás novas necesidades e ás máis modernas orientacións pedagóxicas. De inequívocas conviccións republicanas, Vázquez Grela animou en Nigrán a campaña a prol do Estatuto de Autonomía, organizando e intervindo como bo orador que era, o domingo 21 de xuño de 1936, no histórico mitin vespertino do «largo» das Angustias xunto a Castelao, que pola mañá falara en Vigo no cine Tamberlick.

A sublevación fascista do 18 de xullo de 1936 aterrorizou a José Vázquez Grela que intentou colaborar co novo réxime para lograr o perdón dos sublevados. Xaora, o Grela, como o chamaban os seus alumnos, fracasou no seu intento de salvar a vida e de nada serviron as súas doazóns económicas ou a súa participación nun funeral por Calvo Sotelo. Os sublevados, como sinala Carlos Méixome no seu libro moi recomendable, «persistían na súa estratexia de terror e de eliminación dos partidarios do réxime republicano».

Por ventura, o concello de Nigrán lembra a figura de José Vázquez Grela, nun parque co seu nome, inaugurado en 2018 e localizado na Avenida do Val Miñor (na vella estrada cara a Vigo), a carón de onde tivo a súa escola. Entre carballos e froiteiras instalouse un panel coa súa biografía, fotografías e documentación histórica que sirve para que non esquezamos nunca o valor deste mestre republicano e o vergonzoso e inxusto episodio do que foi vítima. Unha iniciativa que forma parte da recuperación integral dunha memoria que non virou en historia.

«Que hostia din os rumorosos?»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación de Que hostia din os rumorosos?, o libro de libros co que volve Rompente:

Na madrugada bretemosa do 20 de agosto de 1981 un Renault-12 familiar bateu na avenida Beiramar contra un valado de obras sen sinalizar. Os seis ocupantes do coche acabaron nas urxencias do Pirulí, sen lesións de importancia, coa excepción do copiloto, o poeta Manolo Romón, que resultou ferido de gravidade e hospitalizado durante dous meses. O condutor, o músico Julián Hernández, confesou que despois de estar con Antón Reixa nunha tasca saíran do Almas Perdidas do porto do Berbés, camiño do Balneario de Samil, único local que permanecía aberto durante toda a noite. Ocupaban os asentos traseiros do renault Javier Soto e José Manuel Barros, ademais de Alberto Torrado e Miguel Costas, membros coma o condutor do grupo de rock Mari Cruz Soriano y los que afinan su piano. Tras a declaración por parte da compañía aseguradora como «siniestro total», Miguel Costas propuxo rebautizar a formación como Siniestro Total (ST). Aquela historia viguesa contada de marabilla e con todos os detalles por Elena Ocampo nas páxinas de Faro de Vigo e por Emilio Alonso no libro Vigo a 80 revolucións por minuto (Xerais 2011) constitúe o que pode ser considerado o acto fundacional da chamada «movida viguesa», movemento interartístico vertebrado pola música popular que animou os convulsos anos oitenta vigueses da reconversión do metal, das protestas do bono-bus, dos apresamentos de pesqueiros, das mortes provocadas pola heroína e pola SIDA.

Un acto fundacional que se concretou musicalmente no primeiro concerto de Siniestro Total, o 27 de decembro de 1981, no cine Salesianos da rúa Venezuela, no marco do festival «Nadal Rock», organizado polo desaparecido Bibiano Morón, no que tamén participaron Trenvigo, o grupo electrónico que o cantautor compostelán formara cos tres compoñentes de Druída (Teo Cardalda, Pablo Novoa e Javier Martínez), os portugueses de Arte e Oficio e os Nacha Pop de Antonio Vega. Un evento ao que se chegou, probablemente, tras meses de ensaios no Satchmo, o club de jazz da rúa Joaquín Loriga 33, que dende a primavera de 1981 abriu as súas portas e espazos ás novas tendencias musicais e aos grupos vigueses. Polo Satchmo andaban os membros de ST e tamén do Grupo de Comunicación Poética Rompente, nacido en 1975 como Grupo de Resistencia Poética (formado por Pexegueiro  e Reixa) e despois mudado en Rompente edicións (1978), editora que utilizaba a impresión con vietnamita e multicopista, xa sendo trío beat e guerrilleiro en doses inexactas formado por Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño, que atoparon alí un lugar ideal «onde tirar a poesía dos libros e levala á rúa e aos bares».

Foi no Satchmo onde o 24, 25 e 26 de decembro de 1981 actuaron os The Bebra Brothers, o grupo bautizado co nome dos ananos d’ O tambor de folla de lata de Günter Grass, formado polos tres membros de Rompente xunto cos músicos Julián Hernández, Miguel Costas, Alberto Torrado, Moncho Vazquez e Luís Manuel Fernández Abreu. Foi, pois, no Satchmo, hoxe pub Vagalume, onde se forxaron as colaboracións entre os músicos de ST e os poetas de Rompente, ao que se sumaron algúns artistas plásticos do grupo Atlántica e actores do emerxente teatro galego. Grupos, concertos e performances poéticas que comezaron a chamar a atención máis alá da ponte de Rande, feito ao que quizais tampouco foi allea a xenerosidade coa que Jesús Ordovás acolleu no seu Diario pop de Radio 3 a primeira maqueta de Siniestro Total, celme do seu primeiro elepé, ¿Cuando se come aquí? (1982), que lle enviara Julián Hernández ou ao disco do debú de Golpes Bajos, a formación de Germán Coppini, o primeiro cantante de ST, e de Teo Cardalda, Pablo Novoa e Luís García. Un fenómeno musical no que as formacións se ampliaban e confundían, como sucedeu con Os Resentidos, grupo liderado por Antón Reixa (Rompente) ao que se uniron inicialmente Alberto Torrado (ST), Javier Soto (despois ST) e Rubén Losada, coa intención de conformar «unha bus band de rock esquimó e funkie depresivo».

Corenta anos despois daquel estoupido de creatividade resistente, impregnado con inequívoco espírito contracultural de vangarda, protagonizado polos membros de Siniestro Total, Rompente e polos pintores Menchu Lamas e Antón Patiño, publícase Que hostia din os rumorosos? (Editorial Elvira 2021), un coidado libro de libros que continúa o diálogo a rompentres e actualiza a proposta dos oitenta. Despois do reencontro de Upalás (Xerais 1998), esta volta da polifonía poética inesperada e gozosa de Rompente, nun libro prologado por Julián Hernández e deseñado e ilustrado por Antón, Menchu e Rubén Romero, constitúe un gran acontecemento literario que merece ser celebrado cunha xira de presentacións por Galicia enteira. Parabéns a todos eles por re-existir e non desistir de continuar falando sós.

Onte 2137: «Reboiras»

Papei de dúas sentadas Reboiras. O camiño da rebeldía (Aira 2021), o libro no que o xornalista Xosé Manuel Pereiro e o historiador Xurxo Martínez González, ao fío do relato biográfico de Xosé Ramón Reboiras Noia, ofrecen unha ollada coral ao proceso de conformación do movemento nacionalista galego arredor da UPG, dende 1969 ao inicio da Reforma Política (1976). Lonxe da tentación haxiográfica sobre unha figura mitificada, que padeceu ilexitimamente persecución e violencia por parte do estado, recoñecida como vítima do franquismo dende 2009, asasinado por tres tiros ás costas pola policía o 12 de agosto de 1975, Pereiro e Martínez afondan no contexto histórico no que desenvolveu a súa actividade política, sindical e armada. Como fixera Suso de Toro en Camilo Nogueira e outras voces (Xerais 1991), ademais de confrontar e rescatar a documentación accesible (prensa legal e clandestina, documentación interna da UPG…) procuraron as voces de xentes (35 persoas) que coñeceron, colaboraron e loitaron con Reboiras.

Con estes vimbios ofrecen unha agra aberta sobre a que desenvolver a memoria colectiva dun tempo que, definen acaidamente, como de fulgor e atrevemento. Especial interese teñen neste exercicio memorialístico os capítulos referidos «a decisión» (1974), á clandestinidade (1974-1975) e á caída (12 de agosto de 1975), nos que se aborda a estratexia da vía armada e se reconstrúe de forma polifónica o relato dalgúns dos seus acontecementos máis relevantes. Xaora, a cerna do libro reside nun exercicio de reparación e de rehabilitación necesarios dunha figura que no relato de Pereiro e Martínez adquire unha moi relevante dimensión política, sobre todo no ámbito organizativo e militante, como nos eidos sindicais e culturais. Mágoa que na edición o editor non se puidese demorar uns días ofrecendo un índice onomástico e unha liña cronolóxica, así como dispoñendo a documentación gráfica (moi valiosa) a un maior tamaño, o que facilitaría, cando fose necesario, a súa lectura.

En calquera caso, libro tan singular e valente como inusual no actual catálogo do libro galego de non ficción, constitúe un extraordinario exercicio dun xornalismo concibido como historia do presente, dunha historia do nacionalismo galego non dependente de relatos alleos. Unha obra que merece todas as nosas recomendacións. Parabéns aos autores e a editora, como tamén ao amplo elenco de voces recollidas neste libro polifónico que aventuro exitoso e referencial.

Vigo rebelde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar Marxes. Guía do Vigo rebelde:

A publicación de Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde (Xerais 2021) de Xurxo Martínez González e David Rodríguez Rodríguez constitúe outro fito na construción do proxecto da memoria de Vigo. Unha tarefa colectiva e cívica imprescindible para forxar identidade nesta cidade nosa un chisco esquecediza sometida periodicamente a cantos de sirena e ventos pouco propicios para os seus cidadáns máis humildes. Dirixindo a ollada cara ao Vigo dos de abaixo, o devir das xentes viguesas máis pobres, Xurxo Martínez (Vigo, 1984) e David Rodríguez (Vigo, 1975), dous activistas das causas viguesas, fundadores daquela iniciativa cultural fermosa que foi A Nave das Ideas (2010-2015), reconstrúen corenta historias reais (moitas esquecidas, algunhas agochadas, outras até agora inéditas) que retratan outros tantos episodios relevantes para a historia de Vigo e das súas clases populares. Relatos de Xurxo, un dos investigadores que mellor coñece o Rexurdimento e o século XIX vigués, aos que o ilustrador David Rodríguez engade fotografías, retratos e un mapa da cidade enriquecendo así un texto literario de espírito didáctico, lectura engaiolante e consulta obrigada que tamén pode ser útil como guía urbana para toda persoa lectora desexosa de percorrer a pé os escenarios dos feitos narrados.

Os autores propoñen unha viaxe no tempo dende o relato inicial do Castelo do Penço, fortaleza derruída polos Irmandiños no seu levantamento antiseñorial (1476-1469), pasando polo relato de numerosos episodios de terror do 36, como os estremecedores do bou Eva, as barricadas dos Choróns, a traxedia da familia Fraiz Castellanos e a resistencia dos fuxidos, a folga de 1972 da factoría Hijos de J. Barreras e o papel da Asociación Cultural de Vigo, baluarte do asociacionismo cultural nacionalista e antifranquista, até as mobilizacións no anfiteatro cívico de Urzaiz, ocupado pola cidadanía en momentos decisivos como aquel 4 de Nadal de 1979 contra o Estatuto da Aldraxe, durante as tres folgas xerais de 1984 en solidariedade con Ascón, cando na comarca o desemprego superaba o 33 %, ou hai apenas dúas décadas polas manifestacións de Nunca Máis e o Non a Guerra.

Unha viaxe, tamén, no espazo polo territorio dunha cidade en bisbarra (metropolitana dicimos agora), dende os espazos portuarios do Berbés, a Laxe e a Estación Marítima, a primeira porta de saída da Galicia emigrante, pasando polo Vigo vello e as edificacións pétreas do seu ensanche modernista, até os espazos do periurbano do Val do Fragoso, onde aínda perduran os últimos vestixios da cultura popular agraria. Unha guía protagonizada por viguesas anónimas dende aquelas mulleres do motín da fame de marzo 1847 alzadas contra o prezo excesivo dos alimentos, os canteiros e marmoristas da primeira folga viguesa en 1894, pasando polos labradores que protagonizaron as loitas agrarias da Sociedade de Agricultores de Lavadores, até as empacadoras de Bouzas lideradas en 1931 por María Araújo na loita polo seguro de maternidade e as obreiras de Álvarez que en 1946 se mobilizaron desesperadas pola situación de fame e miseria daqueles anos difíciles de posguerra.

Unha guía dun Vigo cento por cento galego, orgullosamente galeguista, que asumiu a responsabilidade histórica de ofrecerse como a Barcelona atlántica soñada por Castelao e Pedrayo, polo arquitecto Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista ou polo pensador anarquista Ricardo Mella, un dos promotores do transporte tranviario metropolitano. O Vigo no que estudou na súa Escola de Náutica (a de Artes e Oficios) o poeta Manuel Antonio e no que o político nacionalista Xosé Velo Mosquera fundou a súa academia. A cidade fotografada por Cándida Otero, a viúva de Prósperi, na que exerceu durante décadas a doutora Olimpia Valencia, a primeira médica galega. O Vigo no que escribiu a poeta Xohana Torres, no que xogou o pichichi Pahiño, no que pintou Urbano Lugrís, no que filmou o cineasta Chano Piñeiro, no que Francisco Fernández del Riego alicerzou a Biblioteca Penzol, a de maior fondo galego e sobre Galicia do planeta. O Vigo no que traballaron o abogado Roberto González Pastoriza, o Padre Seixas, o doutor Antón Beiras García, Xosé Ramón Reboiras Noia e Camilo Nogueira. O Vigo onde se fundou Galicia Socialista e o Partido Galego do Proletariado…

Benvida esta guía única e singular da cidade portuaria acolledora, celme e cifra da Galicia contemporánea. Benvida esta guía do Vigo rebelde como instrumento para construír memoria dunha cidade pouco memoriada. Parabéns a Xurxo e David pola proeza de ofrecer tan completa e veraz cartografía do Vigo máis alternativo e popular. Un libro para ler e reler devagariño, para consultar e repasar con camiñadas compartidas polos vieiros vigueses da memoria.

«No fondo dos espellos» de X.L. Méndez Ferrín

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á aparición de No fondo dos espellos (Universidade de Vigo 2021), libro que recolle unha parte dos textos de X.L. Méndez Ferrín publicados entre 2015 e 2020 na sección homónima de Faro de Vigo:

Non se pode entender a figura cimeira nas Letras Galegas de Xosé Luís Méndez Ferrín sen a súa monumental achega ao xornalismo literario en lingua galega nas páxinas de Faro de Vigo. Unha teimosa tarefa literaria iniciada polas súas colaboracións pioneiras en La Noche (1955-1965), dende aquelas primeiras pezas, «Pondal, forjador de mitos» (10-11-1955) e «Cada coenllo ao seu tobo» (14-06-1956), cando comezou os seus estudos universitarios en Compostela. Tarefa xornalística continuada baixo o heterónimo de Dosinda Areses, primeiro no xornal El Pueblo Gallego (1979), despois na Hoja del lunes de Vigo (1981) e no semanario A Nosa Terra (1982-1983), textos recollidos no libro Dosinda Areses. Prosas completas (Xerais 1998), un dos fitos literarios máis punxentes dos anos da Reforma Política.

Unha colaboración literaria que Ferrín iniciara en Faro de Vigo, sendo director Francisco Leal Insua, apenas con dezaseis anos co artigo «Por tierras lusitanas. Impresiones de una excursión» (24-04-1954), froito dunha viaxe académica a Lisboa dirixida polo profesor Francisco Cerviño Gesteira, cando remataba bacharelato no Instituto de Pontevedra, á que seguiu un segundo, «Cuatro posibilidades de teatro gallego» (01-07-1956). Textos ocasionais durante a dirección de Álvaro Cunqueiro, «De “Foz” a “Fox”» (26-08-1966) e «Socialización, municipalización o estatalización del suelo» (04-02-1967), continuados nalgunha das entregas dos suplementos de «Arte e Letras» (1983) e «Pharo the bego», onde publicou «Su o sol de Satán» (08-03-1986).

En 1984 comezou a aparecer semanalmente a súa sinatura en Faro del lunes cos artigos «A intelixencia ausente» (02-04-1984) e «Nina Hagen / Luxemburgo» (09-04-1984), e a partir de 1988 en Faro de Vigo, que entón dirixía Ceferino de Blas, onde inicia a columna «Segunda Feira» cos artigos «A caste de Celso Emilio» (28-11-1988) e «A victoria final de Rodolfo Llopis» (05-11-1988). Dende entón os seus artigos dos luns se converten en referentes indiscutibles nas páxinas do decano e da propia sociedade viguesa. Textos sempre orixinais, áxiles, ben documentados, escritos nun galego literario de estirpe popular no que expresa a súa teimosa defensa do patrimonio e da natureza ou a súa ollada adiantada sobre a actualidade política e social de todo o que nos atinxe.

Colaboracións que Ferrín ampliou aos venres na columna «Os camiños da vida» co artigo «Do Vigo morto» (21-10-1994) e ás fin de semana no popularísimo «Consultorio dos nomes e apelidos galegos» (2004-2007), recollido en libro de título homónimo (Xerais 2007), no que Ferrín amosou a súa sabedoría e espírito didáctico no eido da onomástica e da historia.  Páxina sabatina que mudou na sección «No fondo dos espellos» (2007-2020), iniciada por un artigo dedicado ao poeta, editor e inventor Alejandro Finisterre (17-02-2007) e por outro, «The importance of being Smith» (24-02-2007), onde ofreceu algunhas das mellor documentadas, máis fermosas e amenas mostras do seu pensamento e erudición cultural, recollida agora en parte no volume No fondo dos espellos. 2015-2020 (Universidade de Vigo 2021).

Unha compilación de 261 textos publicados dende 2015 ao 27 de xuño de 2020, no que a sección chegou ao seu remate, que conforman un océano textual biodiverso no que Ferrín afonda e dialoga sobre cuestións históricas, literarias e científicas, as súas temáticas preferidas dende aquela primeira crónica da viaxe iniciática a Lisboa, ampliadas en espiral cara a toponimia, onomástica, etimoloxía, xeografía, zooloxía (con especial interese pola entomoloxía, tan presente na súa obra narrativa), mais tamén cara a gastronomía, a mitoloxía, as artes escénicas, a edición gráfica e as artes visuais, entre outros saberes e disciplinas.

Como especial interese teñen outros destes textos de Ferrín de inequívoco carácter memorialístico e mesmo autobiográfico, claves para entender a historia do nacionalismo galego durante a ditadura, como «Constitución da UPG» (15-07-2017) e «Nacemento do PSG» (22-07-2017), por apenas citar dúas destas pezas. Como esoutras escritas para contribuír a construción da memoria de Vigo como cidade amada, protagonista dunha manchea de artigos, como o extraordinario «Vigo e Manuel Antonio» (05-08-2017), os varios dedicados a visita de Jules Verne e do Capitán Nemo, a serie dedicada ás tascas e cafés do Vigo ilustrado ou aos conflitos vigueses do 68, nos que a familia Valcárcel foi desposuída da concesión do tranvía, entre moitos outros.

Recomendo vivamente este libro arca e espiral, unha trabe de ouro na obra literaria incesante e continua que de forma asombrosa Ferrín ofrece semana a semana, dende hai case catro décadas, neste espazo liberdade que son as páxinas de Faro de Vigo.

Onte 2136: «Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde»

Os amigos Xurxo Martínez González e David Rodríguez Rodrígiez, autores de Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde (Xerais 2021), solicitáronme o prólogo dunha obra que me entusiasmou e recomendo vivamente:

Lendo nas páxinas destas Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde non puiden evitar que as lembranzas xurdisen sen procuralas no pouso deste relato protagonizado por varias xeracións dos vigueses e viguesas máis humildes. Textos literarios e fotografías punxentes e activadoras capaces de iluminarnos, emocionarnos e implicarnos nesa tarefa colectiva de construír memoria e facer de forma efectiva cidade (comunidade) e nación. Lembrei de forma insistente aquela escena na cociña da bufarda de Pi e Margall na que miña nai, chegada da praza do Progreso onde traballaba a avoa Maruja, contáballe baixiño a nosa veciña señora Angelita que os obreiros de Citroën e Barreras, onde traballaban o tío Suso e o padriño Eduardo, chegaran a Porta do Sol, nunha daquelas manifestacións lóstrego coas que aqueles días mareaban aos grises. Creo que naquela lembranza dos meus doce anos, cando en setembro de 1972 comezaba 4º de bacharelato, o meu último curso no colexio salesiano, fun cando acuñei a miña toma de conciencia como parte do Vigo obreiro e rebelde. Un recordo familiar que continuaba poucos días despois cando soubemos que Pedro, un dos curmáns da miña nai, que traballaba na grada de Barreras, marchara de forma para nós inesperada para Barcelona, cidade da que nunca regresaría.

Vigo obreiro do que xa me sentía parte cando o tío Suso me mostrou aquel chaveiro precioso de Comisións Obreiras no que aparecía gravada unha espiral de brazos prendendo cadansúa ferramenta, unha alfaia familiar desaparecida que hoxe me gustaría rescatar como o entusiasmo daqueles anos no que todo nos semellaba posible. O chaveiro do meu admirado tío Suso, que falecería no Pirulí poucos anos despois de forma moi prematura, quedou tamén fixado como a chave icónica do conflito na factoría de Tomás Alonso, no que volveu tremer a familia, cando Barreras pasou a mans do INI, como tamén as fábricas de cerámica e louza de GEA de Cabral, Coruxo e Ponte Sampaio, abrindo as duras loitas obreiras viguesas da Reforma Política e da reconversión industrial da década de 1980 obrigada pola incorporación á Comunidade Europea.

Da atmosfera da conversa de mamá coa señora Angelita e do espírito do chaveiro do tío Suso vai este libro dos meus admirados Xurxo Martínez González e David Rodríguez Rodríguez, un libro de historias familiares de viguesas e vigueses, a maior parte anónimos, que fixeron daquela abella da ribeira, como a bautizou o escritor comunista Manuel Lueiro Rey, o volcán de dinamismos e cidade estrépito de entusiasmo contaxioso inmortalizada por X.L. Méndez Ferrín no testamento do ghebo. Unha achega documentadísima que retrata a cidade puro milagre de Celso Emilio Ferreiro, o manifesto atlántico que nos guía da escritora María Xosé Queizán, aquela cidade aínda durmida de Xela Arias, a quen este ano lembramos brincando coa rapazada da rúa Zamora e do camiño de Riobó entre as fincas e os solares abertos no que fora o Camiño dos anxos, que unía Travesas e o Couto, onde en tardes longas de verán xoguei co meu irmán Eduardo a penaltis mentres non pasaba algún coche ou aparecía o carro dos xitanos itinerantes.

Nese celme do Vigo humilde e popular, a cidade de guindastres e sirenas, a cidade industrial de barcos, conservas e automóbiles, está concibida esta guía na que se propón en corenta entregas reconstruír o mellor da historia viguesa, a do Vigo humilde, loitador e solidario. Unha viaxe no tempo, dende a revolta irmandiña, representada polo Castelo do Penço, pasando polos numerosos episodios de terror do 36, como os do bou Eva e a resistencia dos fuxidos, a folga do 72 e a resistencia na Asociación Cultural de Vigo, até as mobilizacións no anfiteatro cívico de Urzaiz, ocupado pola cidadanía en momentos decisivos como aquel 4 de Nadal de 1979 contra o Estatuto da Aldraxe, durante as tres folgas xerais de 1984 en solidariedade con Ascón, cando na comarca o desemprego superaba o 33 %, ou hai apenas dúas décadas polas manifestacións de Nunca Máis e o non a guerra.

Unha viaxe, tamén, no espazo polo territorio dunha cidade en bisbarra (metropolitana dicimos agora), dende os espazos portuarios do Berbés, a Laxe e a Estación Marítima, a primeira porta de saída da Galicia emigrante, pasando polo Vigo vello e as edificacións pétreas do seu ensanche modernista, até os espazos do periurbano do Val do Fragoso, onde aínda perduran os últimos vestixios da cultura popular agraria. Unha guía protagonizada por viguesas anónimas dende aquelas mulleres do motín da fame de marzo 1847, os canteiros e marmoristas da primeira folga en 1894, pasando polos labradores que protagonizaron as loitas agrarias da Sociedade de Agricultores de Lavadores, até as empacadoras lideradas en 1931 por María Araújo na loita polo seguro de maternidade e as obreiras de Álvarez que en 1946 se mobilizaron desesperadas pola situación de fame e miseria daqueles anos difíciles.

Unha guía dun Vigo galego, orgullosamente galeguista, que asumiu a responsabilidade histórica de ofrecerse como a Barcelona atlántica soñada por Castelao e Pedrayo ou polo arquitecto Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista. O Vigo no que estudou na súa Escola de Náutica o poeta Manuel Antonio e no que Xosé Velo fundou a súa academia. A cidade fotografada por Cándida Otero, a viúva de Prósperi, na que exerceu durante décadas a doutora Olimpia Valencia, a primeira médica galega. O Vigo no que escribiu a poeta Xohana Torres, no que xogou o futbolista Pahiño, no que pintou Urbano Lugrís, no que filmou o cineasta Chano Piñeiro, no que Francisco Fernández del Riego alicerzou a Biblioteca Penzol, a de maior fondo galego e sobre Galicia do planeta. O Vigo no que traballaron o Padre Seixas, Antón Beiras García, Xosé Ramón Reboiras Noia, Camilo Nogueira. O Vigo onde se fundou Galicia Socialista e o Partido Galego do Proletariado…

Benvida esta guía única e singular da cidade atlántica de ferro e mel, da cidade portuaria acolledora, celme e cifra da Galicia contemporánea, amante da ansia perdida. Benvida esta guía do Vigo rebelde como instrumento para construír memoria dunha cidade unha miga esquecediza. Benvida esta obra por afondar en episodios e biografías viguesas até agora agochados, ocultos ou velados nunha cidade de xenerosidade concisa. Parabéns a Xurxo e David pola proeza de ofrecer tan completa e veraz cartografía do Vigo máis alternativo e popular. Un libro para ler e reler devagariño, para consultar e repasar con camiñadas compartidas polos vieiros vigueses da memoria.

Vigo, porta dourada de Galicia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da nova edición do libro Un verán en Galicia, ás viaxeiras que visitaron Vigo:

Desde que George Borrow a tarde do 27 de agosto de 1937 chegou a Vigo, moitos foron os viaxeiros que escribiron marabillas sobre a súa visita a cidade nosa, a súa badía e a súa vizosa contorna campesiña. Impresións do vendedor de biblias inglés recollidas no seu libro «The bible in Spain» (1843), traducido ao castelán por Manuel Azaña e do que existe versión en galego de Salvador García Bodaño dos capítulos referidos a nosa terra no libro «Viaxe por Galicia» (Xerais 1990, 2015), no que a pesar do fraco negocio que fixo en Vigo e de que a cidade contase apenas cunha libraría atendida por un barbeiro, non renuncia a salientar que a beleza da súa ría «non podía compararse con ningunha outra do mundo».

Afirmación que non emendaría o bretón Jules Verne, que visitou a cidade en 1878 e 1884 a bordo do seu iate «Saint Michel III» e mesmo antes de facelo lle dedicara, o que semella incrible, o capítulo 8º da 2ª parte de «Vinte mil leguas baixo os mares», titulado «A badía de Vigo», converténdose hai 150 anos no primeiro publicista literario de Vigo, ao tempo que facendo da nosa unha das principais cidades vernianas. Visitas que repetirían outras celebridades como Mata Hari, a mítica bailarina e espía neerlandesa que seguindo o relato dos xornalistas Manuel de la Fuente e Ceferino de Blas atracaría en Vigo até en catro ocasións, a derradeira en 1916, hospedándose no hotel Continental cando era seguida polos servizos secretos francés, inglés e alemán naquel Vigo portuario de referencia internacional.

Como tamén visitaría Vigo durante un par de días o inventor boloñés Guillermo Marconi que o 11 de maio de 1928 desembarcaría na Laxe a bordo do seu iate «Elettra». Crónica dunha visita, recuperada por Xosé María Álvarez Blázquez no libro «A cidade e os días» (Monterrey 1960, Xerais 2008), na que o inventor da radiotelefonía e a súa dona visitarían acompañados dos señores de Massó a factoría de Bueu e onde lles suxeriu a idea de formar un museo e biblioteca do mar. Visita que quedaría inmortalizada na segunda páxina do libro de outro da cidade e daría pé á polémica sobre o peche da estación de radiotelegrafía do monte Vixiador denunciada polos seus traballadores nas páxinas de «Faro de Vigo».

Particular interese publicitario para Vigo tivo a visita que hai un século fixo a fotógrafa norteamericana Ruth Matilda Anderson, recollida en centos de fotos e textos do seu libro «Pontevedra and La Coruña» (The Hispanic Society of America, 1939), documento bibliográfico extraordinario (do que non existe edición traducida) para recuperar as vistas do Vigo pétreo dende a propia ría e, sobre todo, a crónica do funcionamento da cidade e o retrato das xentes populares fotografadas na reportaxe do 17 de agosto de 1924 da festa de San Roque. Como tamén é moi valiosa a testemuña do escritor inglés Aubrey Fitz Gerald Bell recollida no libro «Spanish Galicia» (1922), traducido para o galego por Xosé María Gómez Clemente como «Galicia vista por un inglés» (Galaxia 1994), na que máis alá de gabar a beleza do emprazamento e as vistas da ría dende o pequeno santuario da Virxe da Guía sobre Os Canos, «unha das vistas máis bonitas de España», salienta daquel Vigo que a súa felicidade consiste «no traballo feito como arela» nas súas actividades industriais e portuarias.

Con todo, considero que é o libro de Catherine Gasquoine Hartley, «Spain Revisited. A Summer Holiday in Galician» (1911), traducido tamén por Xosé María Gómez Clemente como «Un verán en Galicia» (Galaxia 1999, Rinoceronte 2021), o que mellor retrata dende unha ollada externa tanto o Vigo contemporáneo de comezos do XX como en xeral a Galicia de hai un século. A diferenza doutras viaxeiras, Hartley non queda na epiderme da crónica das impresións dunha viaxe iniciada na entrada do barco correo «Hilary» «na fermosa ría de Vigo ao empardecer» cando no luscofusco se adiviñaba o trebón. Paseando polas empinadas rúas e escaleiras viguesas, nunha cidade na que se «sentía a vida por todos os recunchos», a escritora británica comprende que «está noutra España» ben distinta á que imaxinara e que precisa coñecer a historia e a orixe da súa xente (especialmente das súas mulleres), a cultura, incluída a lingua e a literatura do vello reino de Galicia.

Hartley define a Vigo como «porta dourada de Galicia», «unha cidade activa, fermosa e viva», mais tamén como «cidade inzada de contrastes», sendo o «vello Vigo a vila máis retorcida e incoherente que vin» e o «Vigo moderno a viva imaxe do renacemento de Galicia». Un retrato certeiro que salienta a actividade industrial viguesa como celme que conforma «un brillante mosaico entre os zafiros xemelgos do mar e o ceo».

É a de Hartley unha ollada literaria sobre Vigo que non perdeu actualidade ningunha e que recomendo vivamente visitar neste tempo de confusión.

Onte 2130: «As mellores tendas de Madrid» de Manuel Veiga

Hai apenas tres meses que reseñabamos A parte queimada (Aira 2020), un texto a medio camiño entre a novela breve de intriga e o ensaio político no que Manuel Veiga exploraba o ADN dos totalitarismos e da utilización da violencia como estratexia política. Agora volve cunha novela máis extensa, As mellores tendas de Madrid (Xerais 2021), na que aborda un dos temas fulcrais da Galicia da derradeira década: a fusión das caixas de aforro galegas durante a última crise financeira. E para facelo Veiga aposta por utilizar os recursos da ficción paródica (rigorosamente documentada) como xeito máis directo e eficaz de achegarse á verdade dunha cuestión agochada nos mal chamados medios de referencia e sometida aínda a un longo proceso xudicial.

Valéndose da atmosfera dos primeiros anos da crise financeira iniciada en 2008 e da man de Fredy e Mónica, un avogado e unha empregada da caixa de aforros, unha parella convencional instalada na comodidade amoral da clase media urbana, que importaba os modos de vida de Madrid, Veiga reconstrúe unha crónica desoladora do que foron aqueles anos da estafa das preferentes, da venda das caixas a prezo de saldo e dos casos de corrupción do Partido Popular, que coincidiron coa chegada á Xunta de Alberto Núñez Feijoo.  Con todo, será o director xeral de Caixatlántico, unha mestura dos trazos daqueles Gayoso e Méndez, ese que voa a Madrid en clase turista, o protagonista dun relato político que se cingue a axenda daqueles días como unha luva. Un preciso exercicio de memoria recente, como recomendaba Isaac Díaz Pardo, que demostra a utilidade da novela, mesmo mellor co ensaio sociolóxico ou político, para resolver enigmas aparentes ou para achegarse á verdade que nos foi ocultada.

Como fixera en Lois e Helena Buscándose nun día de tormenta (Galaxia 2006), Veiga volve polos vieiros da novela cen por cen viguesa, tanto na escolla do amplísimo elenco de personaxes secundarias, algunhas con retratos memorables, como os do alcalde Escudero, o subdirector submiso, o sindicalista Constantino Sanmiguel, o responsable da Ágora Cultura de Caixatlántico Gregorio Mármol, o xornal El Sol que más calienta… como das localizacións de negocios e establecementos (o ximnasio do Financial Club, La Gota Malaya, a Business Insider School…) que dan para un itinerario urbano polo Vigo señorito de comezos de século. Como mención merece o rexistro humorístico e paródico no que está escrita a novela, que lle permite ao autor perfilar un retrato corrosivo desa clase media viguesa tan viaxada cos ollos postos en Madrid.

Onte 2129: Chegan os Hematiños do Hematocrítico e Alberto Vázquez

Unha das mellores novas da nosa lix recente foi a incorporación ao seu catálogo do Hematocrítico e de Alberto Vázquez, dous xenios desbordantes,  autores da deconstrución retranqueira dos contos clásicos. Mellor noticia aínda é a publicación das dúas primeiras entregas da serie Os Hematiños, Un can e O meu irmono, creadas para incorporarse ao catálogo do prelectorado de Xerais.

O dereito a ser diferente e as diversas formas de ver ao mundo son as temáticas destes albumciños acartonados e de cantos curvados onde cada escena ofrece á prelectora variados e sorprendentes estímulos para a súa lectura visual e textual. Nestes dous primeiros hematiños, o Hematocrítico e Alberto Vázquez xogan no seu territorio máxico preferido, tamén para eles o máis estimulante, o da ambigüidade sensorial, onde abrolla o humor sen correccións e onde se facilita a construción do pensamento crítico. Un territorio onde os que semellan ovellas poden ser cans, e onde os que parecen humanos non o son tanto.

A edición moi coidada, tanto no que atinxe ao formato, a escolla tipográfica con intencionalidade didáctica como a de materiais e acabamentos, os textos e as ilustracións urdidos en idéntica intencionalidade comunicativa, con presenza de onomatopeas e palabras chave, así como as secuencias narrativas sempre significativas fan destes hematiños un dos mellores proxectos de colección para o neolectorado que lembro na edición galega da última década. Parabéns á editora polo coidado da edición e a Miguel e Alberto por tan excelente resultado creativo.