Onte 2154: Vida de infancia de Lois Pérez

Prestoume acompañar a Lois Pérez nas presentacións en Vilalba, o 16 de outubro, e en Ribadeo o 23, da súa novela A gruta da torre (Xerais 2022), gañadora do Vº Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade convocado polo IESCHA e o Concello de Vilalba. Dous seráns literarios memorables, onde rimos moito e emocionámonos máis, falando dunha novela da memoria, algo moi singular na nosa lix, unha achega a aquelas vidas de infancia do verán de 1990 que viviron unha cuadrilla de preadolescentes, entre os que se atopaba o propio narrador, que homenaxea aqueloutra de pandas do mestre Agustín, As flores radiactivas, publicada na primavera daquel mesmo ano. Unha novela dos días felices dunha rapazada que baixa a tumba aberta polas rúas de Ribadeo, unha espectacular localización para unha narración, onde non falta o contexto de acontecementos como a presenza da foca Cuquita na ría do Eo e a súa amizade cun rapaz ribadense ou da represión no 36 a cargo do nefasto «Rabioso».

A gruta da torre é unha novela de aventuras coral e trepidante, unha intriga iniciada a partir dun documento atopado nun libro da biblioteca municipal da Torre dos Moreno, artificio de ficción, como o da escritura do diario daqueles días, que permite ao autor ofrecer un retrato emocionante da amizade ás portas da adolescencia, do espertar do amor ou de como afrontar as discriminacións e desigualdades. Unha narración, tamén, sobre como afrontar os medos que provoca percorrer o pasadizo entre a infancia e a adolescenica, entre a ficción e o real, entre o mundo dos libros e a vida.

A gruta da torre tamén é unha homenaxe aos libros e a lectura, seguindo o fío da lectura da Viaxe a Samoa de Marcell Schwob, o que lle permite a Lois Pérez exaltar o xénero de aventuras e o propio feito da lectura tecida coas historias que atravesan o tempo contra o escuro. Unha novela de fronteira, como sinalan os propios editores encadrándoa na actual colección Camaleón, que terá lectorado preadolescente mais que aventuramos contará coa entusiasta da xeración do autor, rememorando as súas vidas de infancia. Un magnífico premio Agustín Fernández Paz que recomendamos vivamente.

Onte 2150: «O neno de lume» de Ledicia Costas

Tras Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais 2014), recoñecida co Premio Merlín (2014) e co Premio nacional de lix (2015), Ledicia Costas recunca no Merlín (2022) con outra obra extraordinaria, O neno de lume (Xerais 2022), unha novela con atmósfera de conto dickensiano e vontade de clásico. Empregando a estrutura do conto marabilloso, na que os protagonistas, Morgan («o neno de lume») e Anna («a nena morcego»), conviven de xeito natural con seres sobrenaturais e máxicos (as tres irás Luminaria), Costas artella unha aventura  que explica o funcionamento do tempo atmosférico, a orixe do sol e as razóns dos ventos, das choivas, neboeiros e saraibadas. Unha peripecia fantástica na que será clave tanto unha pequena lapa chantada no ombro dereito de Morgan,  como o feito de que  ao longo dos seus dez anos de vida fose acollido e educado cada mes por unha das familias de Lilitown, a cidade onde apareceu nunha cesta pouco depois de nacer coma novo Moisés.

Empregando os recursos que lle son propios a toda a súa narrativa infantil (humor retranqueiro a esgalla, creación brillante de personaxes protagonistas e secundarias femininas, coidado na construción de tramas complexas e da procura de solucións orixinais para os conflitos, localización en entornos urbanos dun tempo pasado ou nun tempo e espazo míticos, homenaxes intertextuais, agarimo pola tecnoloxía…) e engadindo as convencións do conto tradicional de carácter marabilloso, Ledicia ofrece n’ O neno de lume un dos seus textos literarios para o lectorado autónomo mellor concibido, máis logrado e sorprendente.

O neno de lume é un  libro escrito co alento imaxinativo e a liberdade creativa das grandes narradoras como Ana María Matute que confirman a Ledicia Costas como narradora natural e mestra da lix galega do noso tempo. Recomendabilísimo este Premio Merlín 2021, ilustrado coa agudeza visual de Iván R. que consegue ofrecer en cada unha das suas imaxes unha metáfora gráfica do texto. Parabéns, admirada Ledicia, conseguiches crear outro universo propio, unha nova proeza.

Onte 2149: «Os seres queridos» de Berta Dávila

Tirando dos fíos que deixara soltos en Carrusel (Galaxia 2019) e Illa decepción (Galaxia 2020), Berta Davila completa n’ Os seres queridos (Xerais 2022) unha triloxía narrativa sobre os conflitos dos vínculos afectivos. Novelas curtas, todas as tres premiadas, está co Xerais 2021, a autora compostelá utiliza a estratexia da autoficción para esculcar nos conflitos do íntimo e dos coidados, desas redes afectivas que se tecen e destecen a diario no eido do privado. Narrando dende a experiencia, Berta Davila desta volta reconstrúe sen idealizacións nin imposturas a memoria do relato do primeiro ano de crianza do seu fillo, mais tamén dos coidados e rotinas da convivencia de parella como dos lazos e marcas da familia e desas amizades longas sostidas no pouso dos afectos e da economía das palabras. Unha achega dende o literario aos espazos neuroemocionais da toma de decisións transcendentes e da perda e do olvido (das persoas maiores), furados e cicatrices invisibles que suturan cada unha das nosas vidas.

Páxinas extraordinarias pola súa beleza, crueza e emotividade. Unha voz narrativa penetrante, cálida e natural, unha escrita miniada co punzón da claridade para ofrecer un dos mellores premios Xerais da última década. Parabéns á autora por un texto memorable, como o cualificaría o que foi o seu primeiro mestre, Agustín.

Onte 2148: «Crónica da Galiza Bizarra» de Calros Solla

Das miñas lecturas galegas recentes un dos títulos que máis me entusiasmou foi Crónica da Galiza Bizarra (Morgante 2022) de Calros Solla, a compilación dunha centena longa de textos publicados na prensa galega de 1848 a 1968 entre aqueles de carácter aparentemente extravagante, fóra do habitual, ficcional ou inventado. Unha obra que ofrece unha crónica dunha Galicia oculta e extraordinaria protagonizada por persoas que viviron nas marxes da historia como a Encamada de Gonzar (1848), que xaxuou durante tres décadas; a Xaxuadora de Millerada (1888), que permaneceu dez anos sen comer; a Nena xata de San Sadurniño (1892) ou a Santiña de Seixomil (1933), que viviu seis meses encamada sen comer nin beber. Crónica de acontecementos insólitos como o Cataclismo de Doroña (1897), o da balea varada no areal de Valdoviño (1899) ou o descubrimento do tesouro do Grove (1914), entre outros.

Recuperación de episodios da Galicia máxica como o da serpe chuchona de Allariz (1896), a visita do demo a Anllóns (1899), o manuscritos da monxa de Filgueira (1906), o tigre de Meá (1914) ou o romance do Urco (1916). Un libro que ademais constitúe un auténtico gabinete de curiosidades ou rarezas de seres extraordinarios como o polo de tres cabezas aparecido en Campolongo (1903), a criatura bicéfala do coruñés doutor Barbeito (1904), o teso de Bos Aires (1905), un cadro de priapismo na Galicia emigrante. Como tamén dá conta de acontecementos naturais asombrosos como a enigmática lunferna de Oca (1849), as luces aparecidas na Coruña (1916), o refacho ardente das illas Cíes (1918), a chuvia negra de Valadouro (1956), a aurora boreal (1957), a refulxencia no ceo sobre a ría de Vigo (1959) ou a mareira do Berbés (1962).

Esta Crónica da Galiza Bizarra de Calros Solla é unha achega moi valiosa que nalgunhas das súas páxinas dialoga con outras compilacións de textos sobre esa Galicia bizarra ou encantada oculta no noso relato cultural, como o recentemente reeditado Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais 1998) de Xoán Cuba, Xosé Miranda e Antonio Reigosa, autores que hai máis de dúas décadas comezaron ese formidable proceso de modernización do vieiro bibliográfico do patrimonio oral galego.

Parabéns a Calros Solla polo rigoroso traballo de documentación como polo coidado didáctico e precisión dos textos que contextualizan cada unha das pezas da hemeroteca e das numerosas notas que as amplían. Un libro que recomendo vivamente.

Onte 2146: «Os soños de Miguel» de Manuel Iglesias Turnes

Nunha tarde de sábado lin dunha sentada Os soños de Miguel (Xerais 2022), a terceira entrega coa que Manuel Iglesias Turnes completa a súa crónica de transformación do mundo rural, iniciada n’ As rapazas de Xan (Xerais, 2012), retrato do desaparecido na década de 1950 e estremecedor relato da emigración e continuada en Que non te aten (Xerais 2016), retrato dos gandeiros do século XXI. N’ Os soños de Miguel o autor de Cabanas homenaxea os gandeiros da súa xeración, os que a finais dos sesenta e ao longo dos setenta protagonizaron a modernización do sector coa incorporación da maquinaria (tractor, segadora, muxidora…), a reordenación dos cultivos, a mudanza no goberno das explotacións, dos criterios económicos utilizados e a súa monetarización, cambios profundos nos costumes e nas familias, en boa medida asociados as transformacións do tardofranquismo e da loita polas liberdades.

Unha novela ditada pola memoria familar e modulada pola profunda experiencia  e coñecemento do sector,  na que Turnes continúa emocionando na construción dunha trama de ficción orixinal e polo deseño dos personaxes, algúns memorables, como esa tía Carme tan xenerosa ou co inflexible e orgulloso padriño Manuel, concibidos ao servizo do retrato dese tempo decisivo no que se montaron boa parte das explotacións actuais por parte dos avós e dos pais dos gandeiros de hoxe. Un relato no que, coma nas novelas anteriores, destaca a graza na recollida dos diversos rexistros da fala popular e a facilidade coa que o autor ofrece os diálogos de interiores que permiten que narración avance sempre de forma engaiolante e conmovedora. A de Manuel Iglesias Turnes é unha novelística convencional na forma mais moi transgresora, necesaria e singular no fondo, pola súa capacidade para ofrecer un universo propio e un relato alternativo do retrato da aldea, actualizando así a imaxe do mundo rural galego, tanto do desaparecido como do actual.

Recomendo moi vivamente Os soños de Miguel. Aventuro que volverá a entusiasmar ao lectorado (sei que moi amplo) das novelas anteriores. Como aventuro que incitará aos que se achegan por vez primeira aos textos de Turnes a completar tan singular triloxía literaria. Parabéns, meu Manuel.

Vigo nunha nova Holanda

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a comentar o libro de Antón Baamonde, Unha nova Olanda. De Ferrol ao Porto: as cidades galegas e o norte de Portugal no escenario global:

O debate sobre o futuro das cidades e das formas urbanas no escenario global sitúase cada vez máis no centro da axenda política galega. A pandemia da covid-19 obrigou a todas as cidades a enfrontar os seus problemas de mobilidade, tamaño e competitividade no marco do mapa galego, peninsular e europeo. O corenta aniversario do Estatuto de Autonomía (1981) e do que foi a batalla da capitalidade e do reparto das súas sedes e institucións entre Santiago, na súa maior parte, e A Coruña, ofrece a oportunidade de reconsiderar este modelo hipercentralizado, que danou o lugar de Vigo como primeiro motor urbano de Galicia ao longo do século XX. Como xa non se pode esconder o feito de que, desaparecidas de forma infame as dúas caixas de aforro galegas, as rexións urbanas de Vigo e A Coruña son hoxe dependentes económica e socialmente das súas empresas tractoras, Citroën e Inditex respectivamente; dúas industrias, a da automoción e o vestiario, sometidas a delicados procesos de mudanza climática, dixital e loxística que precisan para desenvolverse e subsistir da posta en marcha en cadansúa área de influencia de novas infraestruturas e procesos de I+D+i aos que non son alleos factores moi complexos de orde planetaria.

O cambio climático e o obrigado proceso de descarbonización sinala un rumbo cara un mundo descoñecido no que un clima moderado como o das nosas cidades portuarias do bordo atlántico pode ser unha vantaxe competitiva para elas, mais aínda fronte a unha previsible crise hídrica no interior da península ibérica. Como o feito de que o futuro de Galicia está unido ao da súa dimensión urbana, xa que as nosas cidades acollen a 1,9 millóns de habitantes, o 70 % da nosa poboación; cidades todas elas consideradas medias, segundo as definicións europeas, capaces de xerar o 82 % do valor engadido bruto e a ocupar o 76 % do emprego. Cifras que ofrecen unha oportunidade e ao mesmo tempo unha obriga para reorientar o proxecto do noso autogoberno e a organización do territorio galego e das súas infraestruturas básicas. Como xa sucedera hai un século cando Antón Villar Ponte e o arquitecto Antonio Palacios reclamaban que Galicia contase cunha grande cidade, «unha potente Barcelona do Atlántico» que recollese «a modo de encoro, a sangría solta da actual emigración», a Galicia por vir está obrigada a repensar de forma estratéxica o seu mapa urbano. En definitiva, o futuro de Galicia será o das súas cidades.

Ideas, datos e reflexións anteriores recollidas dun ensaio recente, «Unha nova Olanda. De Ferrol ao Porto: as cidades galegas e o norte de Portugal no escenario global» (Galaxia 2021), no que o filósofo Antón Baamonde propón que «Galicia ten que pensarse a si mesma como unha única cidade con varios nós», «como un diamante con vértices nas sete cidades» no que cada unha mantén unha identidade marcada polos seus usos e costumes, tradición e carácter propios. Unha idea estratéxica para a modernización dunha Galicia urbana policéntrica, artellada en rede como un diamante de sete puntas, como unha nova Holanda, que procura a súa masa crítica coa complementariedade demográfica e económica que lle ofrece o Norte de Portugal conformando «un eixe atlántico que funcionaría como un imán de atracción de investimentos, poboación, recursos e talento». Constituiríase así para Antón Baamonde unha Metrópole do Atlántico, unha rede urbana de Ferrol ao Porto, de 6,5 millóns de habitantes (superior á poboación de Dinamarca ou Irlanda), dos que 2,7 corresponden a Galicia e 3,8 ao Norte de Portugal, que tería visibilidade no marco das rexións urbanas europeas, sendo alternativa ao actual modelo conservador madrileño que considera a península enteira como o seu hinterland.

Concretar este modelo iberista de metrópole do Noroeste peninsular, xustificado pola complementariedade urbana e forte interrelación social, económica e cultural entre Galicia e o Norte de Portugal, obriga a pensar a outra escala, mirando ao tempo ao mapa europeo e ao peninsular, máis aínda cando as fronteiras están máis diluídas e a globalización estendida até os últimos recantos. Obriga a reconsiderar as prioridades do mapa ferroviario de altas prestacións, priorizando estratexicamente a conexión con Porto, como a recuperar a vella idea da xestión integrada dos aeroportos de Galicia. Como obriga a repensar con outra ollada os proxectos estratéxicos das cidades galegas, como o de Vigo, área metropolitana chamada a converterse por poboación e situación xeográfica no referente do polo galego desta nova Holanda, o que facilitaría a recuperación da confianza perdida nas últimas décadas de autonomía e reafirmaría o seu dinamismo e caos creativo como expresión da súa identidade portuaria, industrial e cultural da que a súa cidadanía se sinte tan orgullosa.

Onte 2143: «Azucre» de Bibiana Candía

Grazas ás recomendacións de amigas libreiras cheguei a Azucre (Pepitas de calabaza, 2021) a novela curta de Bibiana Candía, un dos libros mellor recibidos en 2021. Sorprendeume e prestoume a lectura deste relato que desvela a expedición de 1.774 rapaces galegos que en 1853 viaxaron a Cuba para facer as américas e acabaron vendidos como escravos de Urbano Feijoo de Sotomayor, deputado liberal ourensán. Unha historia até agora  agochada, un capítulo nefasto da historia da emigración galega, rescatado por este excelente relato de ficción da escritora coruñesa. Novela de aparente sinxeleza, estruturada en estampas breves, ben escrita e mellor construída de forma fragmentaria, ofrece unha singular voz narrativa que salienta o seu carácter de historia colectiva daqueles que procurando fortuna perderon a vida ou viviron na miseria.

Novela fermosa peta no corazón do lectorado polo seu compromiso coa dor desta ducia de heroes anónimos, vítimas do engano e tamén capaces de denuncialo. Novela evocadora de relatos das viaxes transoceánicas de milleiros de emigrantes galegos, mais tamén restauradora dunha epopea da que carecemos de memoria en moitos dos seus episodios. Parabéns á autora que abre unha vía novidosa para a exploración literaria da memoria da emigración galega, como recoñecemento para a moi coidada edición de Pepitas de calabaza, editora independente radicada na Rioxa.

Vigo, fronteira do alén

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a celebrar a publicación da nova edición de Vigo, fronteira do alén (Ir Indo 2021) de X.L. Méndez Ferrín:

Nas mesas de novidades das librarías viguesas destacou este pasado nadal Vigo, fronteira do alén (Ir Indo, 2021), o diálogo entre Lampetusa e Sponsor escrito por X.L. Méndez Ferrín como indagación sobre a cara e o envés da cidade de Vigo. Un texto que tivo a súa primeira edición en 1988, nun formato de libro de mesa, no que foi acompañado de cento cincuenta fotografías a cor de Xulio Gil e dunha escolma de textos literarios sobre Vigo. Unha obra coa que o editor Bieito Ledo iniciaba entón unha viaxe literaria e visual na procura da identidade de cada unha das cidades galegas ofrecendo edicións plurilingües en galego, castelán e inglés, empregando o gran formato (libros de 30 x 30 cm), a encadernación acartonada, os acabamentos en coiro ou tea, así como a presentación en estoxo, criterios e calidades de edición entón moi novidosos para o libro galego. Daquela excelente edición, Ledo rescatou o texto e apenas corenta fotos en branco e negro dándolles unha segunda vida cunha portada de Antón Pulido sobre as faenas do Berbés. E abofé que trinta e catro anos despois este libro máis humilde continúa sendo interesantísimo, tanto pola calidade e lucidez do texto ferriniano como polo feito sinalado no limiar desta segunda edición de que Vigo, sendo a máis dinámica das cidades galegas, «muda con moita rapidez de fisionomía aínda que non de espírito».

Acerta Ferrín cando nesta nova edición non muda nin unha coma no diálogo que a carón da igrexa románica de Castrelos manteñen Lampetusa, a dona que representa a luz da experiencia viguesa (a memoria), e Sponsor, o mozo activo, que quere coñecer, o motor do futuro. O sentir de Vigo, que ambos os dous representan como o dunha cidade portuaria transformada polo tranvía en bisbarra e como «o resumo das diferentes morfoloxías nas que Galicia pode revelarse», mantén toda a súa vixencia no Gran Vigo da terceira década de 2000. Como tamén permanece o «carácter impreciso dos seus territorios», que manteñen a súa nomenclatura clandestina cos nomes arcaicos indemnes (Peniche, os Choróns, as Travesas, os Caños, a Barxa, o Calvario, a Calzada, Casablanca), como o carácter que lle imprime á cidade o porto do Berbés, onde se inician «os camiños do progreso» e «onde reside o seu verdadeiro ventre, a raíz que lle dá sentido» a toda a cidade. «Vigo é moito máis que unha cidade, é un pulo, un volcán de dinamismos», «sempre o mellor da cultura galega». Como manteñen o seu pulo, a pesar da perda de falantes, as variantes do galego de Vigo, de natureza seseante e rica no seu slang, o máis innovador da lingua nosa (“ghicho”, “chaíña”, “choio”…). Como continúa sendo marabillosa a estrañeza que provoca o espectáculo único de ver o mar e as Cíes dende o Paseo de Afonso, ese espazo humilde de proporcións perfectas…

A lectura deste texto dialogado, a camiño entre o narrativo e o a teatral, como a ollada demorada das fotos sen efectos de Xulio Gil, permiten identificar moitas das mudanzas do Vigo das últimas catro décadas como evocar as perdas dalgúns dos seus espazos indefinibles. Cambios que nalgúns casos modificaron a liña do ceo nunha beiramar aterrada de forma brutal ao longo de todo perfil portuario, dende Guixar a Bouzas, e onde toda urbanización intelixente semella chamada ao fracaso e onde a incuria cultural inevitable. Mudanzas que noutros casos evidencian desaparicións de embarcacións tradicionais, guindastres portuarias, comercios como La Favorita de Príncipe, tabernas como as do Porco, cervexarías como a de Joaquín e o seu galo vermello no Areal ou o Quiosco de Pepe do Paseo de Afonso. Mais como salienta o propio Ferrín «a cidade e a paisaxe marítima e rural que representa mudou no tránsito aos días presentes», mais «Vigo non se detén xamais» e lonxe de estimular saudades ou documentar arqueoloxías estas mudanzas forman parte tamén deste Vigo no que «pode sentirse tendo en memoria a terra medieval de Turonio, que, máis ou menos, vai da Ría de Vigo ao Río Miño e segue conservando características diferenciadas».

Esta nova edición de Vigo, fronteira do alén facilitará o acceso ao texto ao público literario do catálogo de Ferrín, ao tempo que permitirá ocupe un lugar preferente na bibliografía viguesa, a carón de textos clásicos sobre Vigo como A cidade e os días (Monterrey 1960, Xerais ) de Xosé María Álvarez Blázquez,  La caracola de piedra (Deputación de Pontevedra, 1982) de Pedro Díaz, Vigo paixón atlántica (NigraTrea, 2001) de Xosé Francisco Armesto Faginas ou o máis recente Camiñar o Vigo vello (Xerais 2018) de Pedro Feijoo.

Parabéns a Ferrín por ofrecer texto tan valioso sobre o carácter de Vigo como un pequeno mundo, como a cifra da Galicia contemporánea, como a fronteira do alén que limita, océano por medio, con Nova York. Parabéns a editora por rescatar este libro recomendabilísimo.

Onte 2141: «Illote P. Barraca 16», memorias dun exiliado republicano nos campos de concentración franceses

Lin con moito interese Illote P. Barraca 16 (Galaxia 2021), as memorias de Santiago Rodríguez Salinas, exiliado republicano nos campos de concentración do sur de Francia durante ano e medio. Fillo de Antonia Rodríguez Salinas, profesora republicana represaliada, ao seu regreso á España franquista e tras case tres anos en batallóns disciplinarios, instalouse coa súa nai en Redondela, onde ela daba clases particulares para poder asistir ao seu compañeiro, o xornalista e crítico madrileño Alberto Marín Alcalde, preso na illa de San Simón. Datado en 1983 e do que se conservaban seis copias mecanoscritas polo propio autor, o texto foi recuperado polo seu fillo o titiriteiro, actor e cantor Eduardo Rodríguez Cunha «Tatán», constituíndo o segundo título da nova colección «Memoria Histórica» coa que Galaxia continúa ás achegas memorialísticas doutras coleccións galegas como Documentos para a historia contemporánea de Galicia de Edicións do Castro ou  Crónica de Xerais.

O libro narra a vida cotiá en condicións deplorábeis dun dos 300.000 refuxiados, a maior parte deles, como Santiago, ex-combatentes do exército da República, nos campos de concentración de Saint Cyprien, Le Barcarès e Argelés-Sur-Mer. Lonxe de pretender retratar heroísmos, a obra relata en primeira persoa a miseria, a desgraza e o sufrimento dos internados, sometidos a situacións extremas, agravadas polas condicións climáticas, pola falta da mínima hixiene, a carencia de instalacións sanitarias, a escaseza de alimentos e auga e a crueldade dos gardas senegaleses. Xaora, ao autor cando fai memoria relatando as anécdotas desta vida tan precaria non lle falta nin o humor nin o xeito literario para construír unha peza emocionante para o lector, mesmo a pesar de que a súa intencionalidade, recollida dende o propio limiar, é ofrecer apenas un documento fidedigno e veraz sobre a vida dos exiliados españois nos campos de concentración franceses antes da ocupación alemá.

O rescate do esquecemento deste mecanoscrito constitúe, ademais, unha oportunidade para lembrar a Antonia Rodríguez Salinas, «Dona Antonia», a mestra que coa súa firmeza e sensibilidade marcou dende a súa escola da rúa Telmo Bernárdez a varias xeracións redondelás. Natural dun pequeno pobo de Guadalaxara chegou a Redondela co seu fillo Santiago para acompañar ao seu amor encarcerado na illa, unha historia extraordinaria merecedora de ser rescatada con outro lapis do carpinteiro literario. Como inesquecible e o seu labor como mestra de primaria, que utilizaba os textos de Federico García Lorca para a aprendizaxe da lectura e da escritura e axeitaba aquelas enciclopedias de Álvarez  para que as súas clases de historia e xeografía preparatorias para os exames por libre fosen inesquecibles para os seus alumnos e alumnas. Memoria do labor educativo de dona Antonia que como a doutras esquecidas mestras particulares do franquismo merece ser recuperada.

Onte 2140: «Salgheirón» de Primitivo Carbajo

Na segunda metade do pasado ano publicáronse varios títulos de non ficción en galego  moi interesantes que amosan o pulo das nosas editoras independentes. Á biografía de Reboiras (Aira 2021) de Xosé Manuel Pereiro e Xurxo Martínez e A vella compañeira (Luzes 2021) de Anxo Lugilde, xa comentadas aquí, engádese Salgheirón (Morgante 2021), a extraordinaria crónica do xornalista Primitivo Carbajo sobre as orixes, esplendor e decadencia de conservas Massó e a deriva especulativa da que foi a catedral laica do Morrazo no século XX, transformada agora en pelotazo urbanístico, abrindo outra vía de preocupación para o futuro doutro espazo natural da ría de Vigo. Unha segunda entrega literaria de Carbajo, durante décadas correspondente de El País en Vigo, hoxe retirado en Villaseco del Pan, tras aquela memorable biografía no autorizada de Paco Vázquez (Xerais 1993 ), da que foi co autor xunto ao mestre Luis Pita, que na Coruña se convertera en libro prohibido pola alcaldía de entón.

En Salgheirón Primitivo Carbajo reconstrúe a peripecia familiar e empresarial de catro xeracións dos Massó, ao longo de case dous séculos instalados en Bueu e Cangas, primeiro dedicándose á salgadura, despois á conserva, até chegar á liquidación dos terreos e edificios do complexo industrial do Salgheirón en Cangas, onde dende 2004 en plena burbulla inmobiliaria se pretende construír un porto deportivo, un hotel, un centro comercial e grupos de vivendas, no medio de manobras nas marxes da legalidade e contando coas complicidades por acción ou por omisión, das diversas administracións, sexa a Autoridade Portuaria de Vigo, a Xunta de Galicia como do propio concello de Cangas.

Froito de anos de investigación e seguimento, contrastando datos e fontes diversas, o relato detalladísimo deste conflito urbanístico amosa que a defensa da legalidade correu a cargo da mobilización cidadá, organizada no Foro Social pola Defensa do Pobo, desde que en 2004 esta entidade veciñal puxo en cuestión a validez do convenio urbanístico anunciado entre os propietarios dos terreos, tras o peche da factoría e liquidación da empresa en 1996, e o concello de Cangas, sendo alcalde entón o popular José Enrique Sotelo. Un relato que amosa o valor da persistencia teimosa da desobediencia civil contra a especulación, mesmo a pesar das multas e procesos, como forma de defensa do patrimonio colectivo, da cultura comunal e da economía substentable.

Urdido coa técnica da crónica, Salgheirón amosa o valor do xornalismo crítico como garante de veracidade na loita contra a corrupción e na defensa do común. Este carácter de xornalismo rabudo que impregna estas case trescentas páxinas, fainas tamén incómodas a case todas as cores políticas, ben é certo que máis para o Partido Popular, pero tamén para os partidos das esquerdas. Unha incomodidade que se fai máis evidente no silencio actual, tanto por parte dos responsables municipais do concello de Cangas como de Abanca, agora a propietaria dos terreos, abrindo unha grande incerteza sobre como poida rematar o relato do Salgheirón futuro.

En todo caso, parabéns moi merecidos ao meu admirado Primitivo Carbajo e aos responsables de Morgante pola afouteza en publicar o que é un dos mellores libros de xornalismo crítico publicados en galego nos últimos anos.