Onte 2112: «Illa decepción» de Berta Dávila

Como sucedeu en 2020, comezo o ano lendo a nova novela de Berta Dávila, Illa decepción (Galaxia 2020). E como me acontecera con aquela Carrusel (Galaxia 2019), unha peza de ourivaría literaria de beleza hipnótica, volvín quedar rendido diante doutra novela memorable, termo que lle gustaba utilizar a Agustín Fernández Paz cando un libro lle prestaba moito, moito. En efecto, nesta Illa decepción Berta Dávila afonda na súa estratexia autoficcional, desta volta quizais dun xeito máis amable e optimista, para abordar temáticas que xa lle son propias na súa obra literaria como a influencia dos espazos (aquí as súas casas como moradas) na conformación das identidades e memorias emocionais e familiares ou as posibilidades do artefacto novela como o soporte máis eficaz dunha creación superadora das convencións da ficción narrativa ou da composición poética. Novela de autoficción, pois, poética e metaliteraria, que amosa a madurez plena dunha autora que se supera en cada entrega.

Formalmente, Dávila constrúe esta novela curta (recunca no Premio Repsol) como díptico de dous relatos longos («Algunhas casas» e «Illa decepción»), ensamblados no urdime dunha mesma voz narradora marabillosa que percute no lectorado pola súa claridade, precisión e fluidez. Eis, na calidez e honestidade desa primeira persoa, para o mestre Agustín a peza clave de calquera narración que adopte esa voz, quizais radique o imán desta prosa engaiolante, penetrante que predispón ao lector ou á lectora a gozar dunha experiencia nas que as pulsións do real, sexa vivido, lembrado ou imaxinado, e do distópico xogan no mesmo terreo.

Nun texto, insisto en cualificalo de memorable, prendín emocionalmente con algunhas escenas e situacións literarias extraordinarias, dificilmente esquecibles, que converten a cada lector ou lectora en protagonista do que está lendo. Velaí a xestión da morte do avó, as vidas recreadas a partir das postais mercadas en Marsella, o abandono da casa de verán e o reparto do enxoval, as experiencias de mudanza, a utilización paródica dos videoxogos (ollo coa illa Fortnite!), o encontro a cegas na herboristería, o valor dos obxectos (marabillosa a homenaxe á ebanistería!) para construír a memoria da paisaxe… E moitas outras que, canto menos no meu caso, aconsellan unha nova lectura máis devagariño, na que atopar novos matices e gozar de detalles e enlaces afectivos. Parabenicémonos os lectores e lectoras da actual narrativa galega por contar cada ano con textos da autora compostelá tan interesantes como esta Illa decepción. Recomendabilísima. Beizóns, Berta Dávila!

1 comentario
  1. Xoán G.
    Xoán G. Dice:

    É unha mágoa que a “autora” esqueza mencionar unha vez máis quen lle proporcionou a ferramenta metaliteraria cando andaba perdida (perdida, por ser amable). Suma e segue.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *