Onte 325: Primeiro contacto con Kindle

Dinme por vencido. Onte estreei o Kindle Touch que merquei. Abandono o meu primeiro e-reader e o seu antipático sistema. Non nego que a experiencia de compra de Amazon é moito máis satisfactoria ca das librarías electrónicas que viña utilizando. O wifi funciona, a descarga de cada libro é directa ao aparello e dura menos dun minuto. Na experiencia lectora notei menos diferenza, xa que depende da calidade de edición dos e-books. Con todo, sorprendeume a facilidade de integración de documentos propios, aínda que a lectura de PDFs resultoume moi incómoda.

Alarma! A caligrafía extínguese

O xornal alemán Bild publicou o pasado mércores a súa portada deste xeito para denunciar que a caligrafía está en vías de extinción. A reivindicación do texto manuscrito é fulcral no proceso de tránsito entre o paradigma analóxico e o dixital.

Reivindicación do texto manuscrito

O meu admiradísimo Carlos Núñez (Le Vieux), mestre tipógrafo e deseñador gráfico, creador da tipografía Gallaecia Castelo, envioume un correo electrónico no que reivindica o texto manuscrito. Non esquezamos que na mudanza de paradigma, o tránsito do textual ao hipertextual, prodúcese tanto nas formas na lectura como na escritura. Mudan as formas de lecturas e as formas de escritura. Isto é fulcral. Polo grande interese desta reflexión, «El escrito a mano es la expresión del alma», sobre todo dende o punto de vista didáctico, permitinme convertila nun documento pdf que se pode baixar aquí. Grazas, Carlos!

Onte 254: O futuro do papel

Foi unha bonita experiencia participar como convidado na tertulia do programa «No es un día cualquiera» de RNE 1, que se celebrou en Pontevedra. Co afán didáctico que caracteriza o programa de Pepa Fernández, abordamos unha boa parte dos tópicos arredor do «futuro do papel», dende a posibilidade de desaparición das edicións impresas ás vantaxes e inconvenientes dos libros electrónicos. Como noutros debates semellantes, foi o meu interese introducir entre os temas a cuestión do futuro da lectura, situándoa por riba dos soportes utilizados, así como o de subliñar que neste periodo de tránsito a edición ten un carácter híbrido, na que coexiste a utilización de soportes impresos, dixitais e expandidos, e a lectura realízase tanto sobre textos como hipertextos. Nas intervencións e comentarios dos participantes chamoume a atención a unanimidade en considerar máis sostible, dende o punto de vista medioambiental, a edición electrónica ca impresa, así como a escasa atención ao futuro da rede de librarías. Opinións que obrigan a reflexionar.

Onte 181: «Ler hoxe» por Daniel Cassany

Convocados polo CFR da Coruña e moderados por Javier Pintor e Xavier Seoane, participei con Laura Borrás e Daniel Cassany nunha intensa mesa redonda sobre «A lectura no século XXI». Foi unha honra compartir reflexións con estas persoas que levan traballado moito sobre as textualidades dixitais. Laura Borrás fixo unha presentación audiovisual moi fermosa, apoiándose na rede, na que salientou, entre outras, as posibilidades literarias do hipertexto na creación de textos transmedia e na promoción do libro e da lectura. Pola súa banda, Cassany sinalou sete cousas que na súa opinión mudaron coa lectura en Internet. Apunteinas na libreta e comprobei que conforman un diagnóstico preciso da situación da lectura no proceso de tránsito entre os paradigmas da counicación impresa e dixital.

LER HOXE

  1. Ler hoxe é máis importante ca antes. Hai máis cousas que requiren a lectura, un feito que ten que ver co control establecido polos textos escritos. Lemos moito máis.
  2. Hoxe que sabe ler ten máis poder ca antes.  Se tes mellor competencia lectora, podes facer moitas máis cousas.
  3. Ler hoxe é moito máis difícil e complicado ca antes. Ler na rede require domina runha serie de programas e tecnoloxías, ademais de atender a non ser enganado polas moitas mentiras e falsidades que alí se poden atopar. A lectura na rede require doses máis elevadas de comprensión e crítica.
  4. Ler en Internet é máis técnico. Para sacarlle o mellor partido a esta lectura dixital cómpre coñecer instrumentos especializados, como o funcionamento de verificadores ortográficos, dicionarios en liña ou outras ferramentas de busca.
  5. Ler hoxe é moito máis diverso ca antes. En Internet ninguén sabe nin pode lelo todo, razón pola que debemos asumir que todos somos parcialmente analfabetos en algúns eidos. Esta é a razón pola que no sistema educativo debemos facer lectores transitivos.
  6. Ler hoxe está máis vencellado a escribir. En Internet todos somos abellas obreiras colaborando na produción do mel. Na rede valóranse as persoas activas, as que producen contido. Así o libro hoxe pasou de ser unproduto a transformarse nun servizo.
  7. Ler hoxe remata con varios monopolios e preeminencias. Estamos vivindo un tempo no que remata o monopolio da escritura correcta, xa que hai unha parte significativa de escritura pública (como a utilizada nos sms, twitter) que non se atén a todas as convencións ortográficas. Estas formas dixitais non correctas serían variedades dialectais. Vivimos como remata a preeminencia do textual sobre o audiovisual e como a escola e outras institucións educativas xa non son os únicos lugares onde se aprende a lectura e a escritura.

Rematou Cassany afirmando que «A LECTURA HOXE É MÁIS POTENTE. Síntome afortunado de coñecer como foi o mundo antes de Internet e síntome afortunado de poder gozar o mundo de hoxe lendo en Internet.»

Onte 170: Debate sobre os libros de texto dixitais

Tras a intensa tarde e serán de debate arredor do futuro do libro de texto dixital e do programa Abalar, organizado por Nova Escola Galega, convencinme máis, se me quedaba algunha dúbida, do carácter disrutivo que introduce, tamén na educación, o paradigma da comunicación dixital, ao tempo que da necesidade de acompañar a innovación tecnolóxica nas aulas cun modelo didáctico rigoroso e unha planificación coidadosa da innovación. A intervención do profesor Jordi Adell evidenciou ese carácter disrutivo provocado tanto polas posibilidades da concepción dixital de código aberto (copiabilidade, transferencia, interactividade, multimodalidade….) como polas inherentes á propia rede (colaboración, serendipia, simultaneidade….). Adell foi demoledor, ademais dun chisco teatral, no diagnóstico sobre o futuro que lle agarda ao «moi poderoso sector editorial educativo» ao que considera o grande perdedor desta mudanza disrutiva na que o profesorado, iso si, se conta con vontade, será o creador e prosumidor colaborativo dos contidos dixitais que utiliza na aula. Porén, fronte ao entusiasmo da magnífica conferencia de Adell, na mesa redonda sobre o proxecto Abalar, na que intervín en representación da Asociación Galega de Editores, se evidenciou que a tecnoloxía por si mesma non supón innovación e mellora da calidade educativa nin ruptura de modelos educativos pasivos nin sequera asegura unha convincente alfabetización de carácter hipertextual. Neste proceso de tránsito entre os paradigmas analóxico e dixital, non é doado valorar de forma serena e obxectiva as tendencias que se van consolidando sobre o futuro do libro de texto dixital. Hoxe as posibilidades colaborativas que para o profesorado máis innovador e inquedo introducen os libros de texto open source ou os que utilizan licenzas libres compiten no mercado educativo estadounidense coa estratexia de Apple de vender millóns dos seus ipads aos escolares ou a dalgunhas operadoras de televisión, como Discovery, por entrar neste mercado. Un debate interesantísimo, onde os editores educativos debemos participar sen prexuízos ningúns. Neste eido todo está en mudanza e aberto.

Lectura cidadá

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da celebración do Galeuscat de editores 2011 na illa de san Simón, reflexiono sobre o enfoque do fomento da lectura e o concepto de lectura cidadá.

Vinte editores galegos, vascos e cataláns, reunidos nas instalacións da illa de San Simón, debatemos durante a pasada fin de semana sobre as políticas de fomento da lectura e a visibilidade dos libros editados nas nosas respectivas linguas. Conmocionados pola “deslocalización” ou furto do “Codice calixtino”, o eixo dos debates e paneis de experiencias foi valorar a presenza da lectura na actual axenda pública, utilizada polas administracións, os medios de comunicación e as asociacións non gobernamentais.

Alén da necesidade de contar con políticas públicas integrais de apoio e promoción ás linguas propias, con atención preferente á utilización de modelos de inmersión lingüística nas etapas da educación obrigatoria, no marco do establecido pola “Carta Europea das Linguas Minoritarias”, os editores de Galeuscat coincidimos que no proceso de mudanza do paradigma da comunicación cultural a promoción da lectura debería ser considerada polos poderes públicos como unha das súas prioridades estratéxicas, tanto pola súa utilidade para facilitar o acceso da cidadanía á sociedade da información, polos valores cívicos de tolerancia e repecto á diversidade inherentes ao proceso lector, como polo aval que suporía para garantir os seus dereitos democráticos.

Como alternativa aos fermosos discursos que enxalzan os beneficios do goce dos textos literarios, utilizados como argumento primeiro na maioría das campañas institucionais de promoción da lectura, ábrese paso o da lectura cidadá. Un novo discurso baseado na consideración da lectura como competencia cívica imprescindible que precisan adquirir todos os cidadáns de todas as idades para participar e integrarse con éxito nun entorno social hibridado pola mediación da cultura dixital.

É un feito indiscutible que as nosas cidades e espazos públicos quedaron inzados de máquinas para ler e escribir das que xa non podemos prescindir, sexan caixeiros automáticos, parquímetros, pantallas informativas ou servizos de administración dixital. Como tamén o é que vivimos nunha sociedade saturada de textualidade, onde o noso devir cotián está marcado polas transaccións escritas realizadas sobre as pantallas dos nosos ordenadores, teléfonos, taboíñas dixitais ou sobre as pantallas interactivas ou táctiles dalgúns servizos publicos, pantallas ás que non son alleas as múltiples interferencias e a enxurrada de ruído (ese “spam” contaxioso) que confunde ou engana aos lectores menos experimentados. Sabemos que a utilización destas pantallas, a pesar de empregar recursos iconográficos e multimodais moi atractivos, pode ser moi dificultosa para lectores sen experiencia dixital previa ou máis afeitos a intercambios orais. Mais o cidadán contemporáneo será lector (sobre calquera tipo de soporte) ou non será cidadán, non hai posibilidade de escolla, eis unha nova fronteira, unha revolución imparable na que como sinala o profesor Daniel Cassanny “se diversifican os artefactos letrados, os usos e as funcións da lectura”.

De xeito discreto a escritura e a lectura foron incrementando a súa relevancia como ferramenta mediadora, razón pola que é necesario que a sociedade nosa, en mudanza irreversible, se preocupe de melloralas para que ninguén se sinta inxustamente excluído.  Neste contexto, onde a lectura é considerada unha competencia cidadá imprescindible e un mecanismo de inclusión social necesario para a convivencia e o benestar de cada comunidade, é esencial o papel do sistema educativo para formar lectores e lectoras con capacidade crítica e competencia abondas para acceder a toda clase de textos e hipertextos presentes en libros, xornais ou revistas, sexan os impresos ou os dixitais. Como tamén adquire especial significatividade o papel dinamizador das bibliotecas, os espazos públicos especializados en favorecer a cidadáns de todas as xeracións o acceso a todo tipo de información e a todo tipo de textos e formatos escritos, sen esquecer o papel dos seus profesionais como mediadores no fomento da lectura no seu ámbito local. Esforzo ao que se incorporan o chamado “voluntariado para a lectura”, formado por membros de entidades privadas, como Espazo Lectura de Gondomar ou a Fundación Bromera da Comunidade Valenciana, que veñen demostrando a súa importante capacidade de mobilización das sociedades locais e dos grupos familiares por medio dos lazos de inclusión e de afecto xerados pola lectura e a cultura asociadas ao libro.

Este discurso da lectura cidadá obriga a redefinir o papel dos editores. Seleccionar os contidos textuais e hipertextuais dos máis diversos eidos para distribuilos en soportes diversos, dende os impresos aos dixitais, pasando pola edición expandida, semella que debería centrar o noso esforzo.

3000

Esta semana de intenso traballo, na que puxemos cabo a docencia no Máster de Edición,  non dispuxen até agora de acougo para publicar esta anotación, que fai as 3.000 destas brétemas. Cando hai máis de catro anos publicabamos a número 1000, e dous anos despois a 2000, tamén aproveitabamos para reflexionar sobre o fenómeno blog, e máis especificamente sobre o fenómeno dos blogs en galego, aos que vimos achegando a nosa humilde contribución e nos que vimos ensaiando a nosa escrita dixital.

Non hai dúbida que ao longo destas tres mil anotacións, realizadas ao longo de máis de seis anos, as utilidades e o papel dos blogs mudaron moi profundamente. A irrupción das redes sociais modificou o papel dos blogs, que na maior parte dos casos foron abandonados como espazos de debate polas facilidades achegadas polas redes sociais. No entanto, como usuario de Twitter e FB, a miña experiencia é que os blogs continúan sendo esenciais para conformar a identidade dixital na rede das persoas, empresas ou entidades. Hoxe, os blogs son os espazos de lectura máis acougada e reflexiva dos que dispoñemos nesta vertixe da lectura multitarefa cotián. Máis alá da súa esencial utilidade didáctica, como sinala Juan Varela, os blogs quedarán para a xente que quere producir certos contidos, para aqueloutras que prefiran manter o seu arquivo de presenza na rede ou como parte desa edición expandida que estamos comezando a desenvolver.

Porén, estas mudanzas non modifican a razón de ser dos blogs, os que concibimos como identidades individuais de dominio público. No noso caso, a pesar de que reducimos o ritmo habitual de publicación, continuamos modulando a nosa voz nos proxectos de seguir a mudanza do paradigma da comunicación cultural, de acompañar o proceso de edición en galego, de intervir no debate político cidadán ou de compartir os éxitos e fracasos do noso Celta do corazón.