A Mesa “Os blos e a creación cultural” foi a mellor de todo o Simposio. Durante dúas horas ben medidas houbo información, debate e unha preciosa sorpresa final. Non se pode pedir máis. Algúns dos datos proporcionados non poden ser esquecidos: en galego publícanse 50.000 post cada ano cunha audiencia de millóns de visitantes, e a pesar de contar só con 300 blos (aínda somos pouquiños).
Por favor, lean a
crónica de Ian, mellor non se pode expresar o que alí pasou. Á súa relación de blogueiros presentes, é de xustiza engadir aos nosos convidados
Rogerio e
Txetxu, tamén activos lectores dos blos en galego.
As miñas beizóns para as magníficas intervencións dos cinco participantes:
náufrago (que definiu o blo como un
libro de area infinita electrónica);
martin pawley (que lle deu todo o mérito á rede);
maría (que pretende cada día dar a coñecer o que fan outros);
Uxía Casal (que expuso cunha claridade diáfana as características do fenómeno); e Xavier Cid (o xornalista de
Vieiros que defendeu o blo como un xénero literario).
Estou seguro que as liñas de debate que se abriron na Mesa Redonda continuarán no
blogmillo. Velaí van algunhas das cuestións que na sesión do Simposio suscitaron maior polémica:
- A edición dos blos é un xénero literario?
- Porque xorden os blos?
- Porque hai máis autores con obra publicada en papel que blos abertos en galego?
- Porque o profesor XAM non coñece a María Yáñez?
- A literatura galega nos blos é de baixa calidade?
- A literatura dos blos é unha literatura en probas, incompleta, á que algo lle falta?
- A ligazón é o hipertexto conforman unha nova textualidade?
- Debe aparecer María Yáñez no Anuario de Estudos Literarios Galegos?
- Teñen os blogueiros saudades do papel como elemento de poder?
- O anonimato do blo pexa a autoría?
- Teñen algunha importancia os blos?
- Que relacións existen entre os blos e os diarios escritos ou impresos en papel?
- Os blogueiros están dándolle unha lección aos editores?
- Que alcance poden chegar a ter as blognovelas?
- Interfiren os blos a edición en papel?