Literatura e Novas Tecnoloxías

Na mesa redonda do onte falamos máis de Literatura ca de Novas Tecnoloxías, quizais debido a que os participantes quedaron reducidos á metade, xa que Jaureguizar debeu volver precipitadamente a Lugo e Pedro Sena-Lino non puido aterrar en Galicia, a pesar de intentalo en dúas ocasións.

Manuel Forcadela, despois de rememorar os antecedentes da súa incursión na literatura cibernética, propuxo unha reflexión sobre o que entende foron os catro momentos decisivos do conflito que, dende hai cento cincuenta anos, se ven producindo en Galicia entre dúas polarizacións, a do local-global e a da tradición e a modernidade. Catro momentos de emerxencia da Modernidade na que o país noso fixo fronte a súa relación co seu pasado e co seu futuro, catro momentos de eclosión cultural e de presenza de grandes figuras:

  • Rexurdimento: aparición do conflito do desarraigo,
  • 1916-1936: posicións de Otero, Risco (e a súa teoría de ílicos, psíquicos e pneumáticos, ou de vulgares, prácticos e espiriturais), Castelao e Manuel Antonio;
  • 1970: o Mago Merlín como dador de aura;
  • Hoxe: cinco ideoloxemas da Postmodernidade: unha nova superficialidade; febleza da historicidade; novo subsolo emocional (aparición do sublime tecnolóxico); crecente dependencia da cultura da tecnoloxía e novo sistema de economía mundializada.

Finalizou a súa intervención Forcadela afirmando que “hoxe os blogs son tentativas de encher a rede de aura, un xeito de anular a lóxica dos best-sellers. Os blogs son poderes fragmentados fomentando unha ilusión de supervivencia”.

Pola súa banda, Camilo Franco enfocou o seu discurso arredor da idea forza de que a literatura é o argumento; o soporte é a circunstancia. Para el a literatura é comunicación, independente do seu soporte. Definiu Internet como unha superficie enorme que posúe unha profundidade relativa, propoñendo que dubidemos sobre un espellismo no que todo semella posible. En base á diferenza entre literatura e narración, prognosticou que os narradores que no futuro ensaien coa rede vanse ir afastando da palabra: “Internet ten cada vez menos palabras”.

No escaso tempo dispoñible para o debate co público, abordáronse, sobre todo, as cuestións referidas á nova textualidade que ofrece a rede.

Literacidade electrónica

Mañá moderarei unha mesa redonda sobre “Xornalismo electrónico, foros, e-books e blogs”, na que están convidados a participar Jaureguizar, Camilo Franco, Manuel Forcadela e Pedro Sena-Lino. Antes de darlle paso as súas intervencións e para organizar os temas a debater pretendo salientar cinco grandes ámbitos temáticos que considero centrais para abordar o tema. Na miña proposta obviarei a mantenta o debate sobre o futuro do libro, avanzando as reflexións sobre o que entendo caracterizará o futuro, máis ou menos inmediato: a emerxencia dunha literacidade electrónica:

  • PRIMEIRA: A escrita e a lectura son prácticas sociais e culturais inseridas sempre nunha comunidade e tempos concretos.
  • SEGUNDA: a nova literacidade electrónica está aínda conformándose en función do desenvolvemento de soportes electrónicos permanentemente en obras.
  • TERCEIRA: a literacidade electrónica actual caracterízase polas posibilidades que proporciona a hipertextualidade e a multimodalidade.
  • CUARTA: a literacidade electrónica supón a creación de novos xéneros, sexan sincrónicos como asincrónicos na construción da textualidade.
  • QUINTA E ÚLTIMA: as novas tecnoloxías electrónicas poden poñerse ao servizo dunha nova edición impresa de carácter analóxico.

Literacidade ou cultura escrita

Aproveito os poucos ocos dos que dispoño estes días para mergullarme no magnífico libro novo de Cassany. Interesoume moito a importancia que lle concede ao concepto de literacidade crítica e a súa insistencia en que non se pode entender nada plenamente, se non se relaciona co autor, o lector e as súas comunidades. Isto supón para el a necesidade de incluír unha perspectiva crítica na lectura.
A “literacidade” ou “cultura escrita” non inclúe só o código escrito, abranguendo tamén outros ámbitos como os xéneros díscursivos, os roles do autor e lector, as formas de pensamento ou os valores e rerpesentacións culturais do texto.
Cassany aposta por unha literacidade crítica que fomente o diálogo entre o discurso (o autor ) e o lector, o que favorecerá o crecemento dun eu autónomo, consciente e construtivo. Concepto que se entende mellor botando man dunha célebre cita de Paulo Freire: “a comprensión acadada a través da lectura crítica implica percibir a relación que existe entre o texto e o seu contexto”, ou noutras palabras, a lectura é unha práctica social e cultural inserida sempre nunha comunidade e tempos concretos.

Diálogo entre a edición impresa e a edición dixital

Manuel M. Barreiro propuxo na súa intervención no Simposio un diálogo entre a edición impresa e a edición dixital a partir da análise da publicación de manuais de referencia e universitarios. Partindo da constatación do proceso en marcha cara a desaparición inevitable deste tipo de obras en edición impresa propuxo considerar o contido como auténtico nicho do futuro do negocio da edición de referencia.
Barreiro sinalou algúns dos trazos da relación entre editores e autores universitarios:
  1. Carácter pre-gutemberguiano do espazo universitario.
  2. Prevalencia da publicación impresa como factor de prestixio académico.
  3. Desencontro entre a oferta académica e a demanda editorial.
  4. Desaxustes entre os formatos.
  5. Preferencia non delcarada polo público minoritario.
  6. A investigación reñida coa divulgación.
  7. Manuais e materiais docentes universitarios con poucos incentivos e altos custes.
  8. Predominio do manual “difuso”.

Barreiro sinalou algúns dos elementos que neste eido pode achegar á cultura da rede:

  1. O produto sos editores son os contidos e non os libros.
  2. O espazo do autor é a creación de contidos.
  3. Investir no prestixio dos novos soportes dixitais.
  4. Unha nova relación cos orixinais: maior intervención, maior transacción.
  5. Difusión e atención como valores emerxentes.
  6. Aproveitar as características dos soportes dixitais.
  7. Reparar nas avantaxes da edición dixital para dar saída aos contidos de referencia e universitarios.

Os blos e a creación cultural

A Mesa “Os blos e a creación cultural” foi a mellor de todo o Simposio. Durante dúas horas ben medidas houbo información, debate e unha preciosa sorpresa final. Non se pode pedir máis. Algúns dos datos proporcionados non poden ser esquecidos: en galego publícanse 50.000 post cada ano cunha audiencia de millóns de visitantes, e a pesar de contar só con 300 blos (aínda somos pouquiños).

Por favor, lean a crónica de Ian, mellor non se pode expresar o que alí pasou. Á súa relación de blogueiros presentes, é de xustiza engadir aos nosos convidados Rogerio e Txetxu, tamén activos lectores dos blos en galego.
As miñas beizóns para as magníficas intervencións dos cinco participantes: náufrago (que definiu o blo como un libro de area infinita electrónica); martin pawley (que lle deu todo o mérito á rede); maría (que pretende cada día dar a coñecer o que fan outros); Uxía Casal (que expuso cunha claridade diáfana as características do fenómeno); e Xavier Cid (o xornalista de Vieiros que defendeu o blo como un xénero literario).
Estou seguro que as liñas de debate que se abriron na Mesa Redonda continuarán no blogmillo. Velaí van algunhas das cuestións que na sesión do Simposio suscitaron maior polémica:
  1. A edición dos blos é un xénero literario?
  2. Porque xorden os blos?
  3. Porque hai máis autores con obra publicada en papel que blos abertos en galego?
  4. Porque o profesor XAM non coñece a María Yáñez?
  5. A literatura galega nos blos é de baixa calidade?
  6. A literatura dos blos é unha literatura en probas, incompleta, á que algo lle falta?
  7. A ligazón é o hipertexto conforman unha nova textualidade?
  8. Debe aparecer María Yáñez no Anuario de Estudos Literarios Galegos?
  9. Teñen os blogueiros saudades do papel como elemento de poder?
  10. O anonimato do blo pexa a autoría?
  11. Teñen algunha importancia os blos?
  12. Que relacións existen entre os blos e os diarios escritos ou impresos en papel?
  13. Os blogueiros están dándolle unha lección aos editores?
  14. Que alcance poden chegar a ter as blognovelas?
  15. Interfiren os blos a edición en papel?

Economía da atención

José Antonio Millán abriu o Simposio sobre o Libro e as Novas Tecnoloxías cunha conferencia moi optimista. Partindo do concepto de “economía da atención“, acuñado por Goldhaber propuxo estratexias para transformar bitios en libros e libros de papel en bitios. A utilización da impresión baixo demanda e a escritura de libros diante do público na rede (como fixo no seu día en Galicia Anxos Sumai) serían estratexias do primeiro tipo; a dixitalización de fondos editados (como pretende Google print ou Amazon) e da información sobre o libro na rede, o serían da segunda. Millán aposta pola presenza do libro en Internet: “os libros que non estean dalgunha maneira na rede van ter moi díficil o acto de chamar a atención do seu público”. Concluíu a súa intervención cunha mensaxe de esperanza: “os editores novos teñen diante súa a tarefa incrible de reinventar o circuíto do libro que estivemos inventando dende hai tempo. Os editores poderemos perder o papel preeminente da intermediación, mais temos a posibilidade de reinventarnos. É un momento brillante. “
Pódense consultar aquí o esquema e a bibliografía dunha intervención ben interesante.

Escritura para a rede

Vía libro de notas atopo un artigo interesante que constitúe todo un manual de estilo para a escritura na rede. Para o autor, claridade, sinxeleza e concreción, así como unha axeitada xestión dos enlaces son as claves para obter un texto lexible na rede.
Para sacarlle máis partido a este artigo, aconsello imprimilo e lelo devagariño no papel. É indubidable que a lectura en pantalla ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes. Mágoa que moitos textos na rede non o teñan en conta. Cómpre unha aprendizaxe desta técnica da escritura para a rede, poderemos tirar moito proveito.