Unha nova comunicación cultural

No debate do encontro que celebramos esta mañá (do que faremos ampla crónica nos vindeiros días) abordamos as características e os problemas que suscita a nova comunicación cultural, caracterizada pola coexistencia da lectura sobre os soportes analóxicos e dixitais. Neste texto resumo os argumentos da miña posición:

“No seu libro máis recente, Tras las líneas, o profesor catalán Daniel Cassany argumenta que esta revolución dixital en marcha está provocada pola aparición dun novo discurso social sobre a lectura, a actividade cognitiva central deste proceso, que denomina “literacidade electrónica”. Fronte ao discurso tradicional das tecnoloxías analóxicas impresas, ao xeito de nova vertixe consolídase un novo discurso, un novo tipo de lectura urdida coas utilidades que lle son propias á prosa electrónica das pantallas de teléfonos móbiles e ordenadores. Lemos, escribimos ou accedemos (grazas, sobre todo, a Google, á Wikipedia, ou a You Yube) con pasmosa facilidade á enorme cantidade de información textual e audiovisual arquivada en Internet. Facémolo de forma moi diferente a como consultamos unha enciclopedia ou un dicionario en papel, ou como e onde lemos unha novela ou un folleto informativo, porque utilizamos unhas ferramentas (que melloran as súas utilidades á velocidade espantosa) que nos proporcionan posibilidades comunicacionais e culturais poderosas e amigables que, no devir duns poucos anos, mesmo duns poucos meses poden proporcionarnos outras posibilidades hoxe inimaxinables.
A revolución na comunicación cultural provocada por esta nova literacidade non está tanto nos soportes ou na interface das pantallas que actualmente empregamos (sexa a dos teléfonos móbiles, ordenadores persoais, axendas pedeás ou consolas de vídeoxogos) senón no propio contido. Eis, nesa centralidade do contido electrónico sobre o soporte é onde reside realmente o cambio do paradigma comunicacional do que estamos falando. Un contido electrónico enriquecido polas utilidades que, tanto para o autor como o lector, supoñen a súa hipertextualidade, intertextualidade, multimodalidade e multilectura.
A hipertextualidade –a posibilidade de realizar enlaces electrónicos dentro dun mesmo texto– permite ao autor xerarquizar e ordenar a presentación da información ou da creación literaria dunha forma recorrente e esférica e ao lector acceder a ela de forma discontinua.
A intertextualidade –a posibilidade de enlazar con outros textos electrónicos externos ao texto, presentes na Rede ou nun entorno dixital pechado (no caso dos libros electrónicos en soporte cederrón ou DVD)– permite ao autor establecer un sistema amplísimo de citación e ao lector acceder a un macrotexto referencial de autoría compartida.
A multimodalidade –a presenza unitaria nun texto de palabras, sons e imaxes interactuando entre elas– permite ao autor crear unha nova textura (un xénero discursivo multimedia, ao que compriría atoparlle denominación) que require ao lector o emprego de novas estratexias cognitivas.
Por último, a multilectura plurilingüe e intercultural –fenómeno característico do Internet de hoxe, que fai referencia ao comportamento do lector que emprega simultaneamente varias pantallas onde aparecen textos, escritos en idiomas diferentes, procedentes de contextos culturais diversos– crea un novo contexto de linguas e culturas que derruba de facto fronteiras e confronta identidades.
Os soportes analóxicos impresos (o libro e o xornal, especialmente) permaneceron estables durante cinco séculos e o proceso de alfabetización dos seus usuarios, a pesar de terse estendido, á totalidade da poboación, unha conquista democrática da que se ocupan os sistemas educativos dende apenas hai dous centos anos, apenas sufriu modificacións significativas. Non foi este o caso dos soportes dixitais electrónicos que dende a súa creación se caracterizaron pola súa enorme fraxilidade (están permanentemente en obras), sometidos ás modificacións de vertixe ocasionadas polos desenvolvementos e actualizacións constantes das novas utilidades da programación e da capacidade de miniaturización dos seus compoñentes. En menos de dúas décadas os estándares dixitais progresaron e modificaron as súas prestacións moito máis que o fixo a impresión analóxica ao longo de cinco séculos; como sinala José Antonio Millán estamos nun periodo de transición da cultura dos libros a dos bitios (considérase ao bit como unidade da textualidade electrónica) nun proceso irreversible. Non é aventurado agoirar que os blogs (tal como os coñecemos hoxe) desaparecerán moito antes de que o fagan os libros analóxicos, sendo substituídos por un soporte hoxe descoñecido (imaxino que baseado no audiovisual).
Así e concluíndo, ata o que hoxe coñecemos, ao abeiro desta literacidade electrónica globalizada, apareceron novos xéneros discursivos, tanto sincrónicos (chat, sms) como asincrónicos (e-correo, blogs, páxinas web) que mudaron a textualidade, os hábitos de lectura e as formas de acceso dos seus usuarios. Cada un dos xéneros desta textualidade posúe unha configuración particular, determinada polas potencialidades informáticas e pola elección voluntaria dos usuarios. Así, a textualidade das webs adoita caracterizarse por unha prosa elaborada e correcta en base a publicación de textos non moi estensos (que ocupen apenas unha pantallazo, xeralmente dúas mil matrices) escritos nun rexistro formal. Pola contra, outros xéneros como o correo electrónico, o chat, as conversas instántaneas ou os blogs empregan unha textualidade discontinua e fragmentaria onde se vai esvaendo a distinción entre oralidade e escritura; a relaxación e redución ortotipográfica (por desleixo ou como marca de economía comunicacional), o emprego de emoticonas, xogos gráficos, puntuación selectiva ou de rexistros coloquiais son característicos destes xéneros escritos espontáneos onde se escribe e le en base a novas convencións.
Vivimos, pois, inmersos no novo paradigma da comunicación cultural dixital, que propoñendo retos, ofrecendo oportunidades e suscitando múltiples incertezas e problemas non resoltos introduce moitos cambios na textualidade e focaliza a importancia do contido”.

Etiquetas: , ,