Onte 567: «El último que apague la luz»

Durante a xornada de debate sobre o futuro da cultura impresa realizáronse numerosoas referencias ao libro recente de Lluis Bassets, director adxunto de El País. Tras varios días lendo e traballando sobre este ensaio de título aparentemente pesimista non podo máis que recomendalo moi vivamente. El último que apague la luz é unha reflexión descarnada sobre a extinción do xornalismo, tal como o coñecimos durante os dous últimos séculos, baixo o seu formato impreso e un próspero modelo de negocio baseado na venda periódica de exemplares e de publicidade. Mais tamén é unha reflexión radical sobre a crise actual (económica, política e social) que o autor considera «a fin dunha época».

Crise disruptiva provocada pola mudanza de paradigma comunicacional, o tránsito entre a utilización do texto e o hipertexto, mais tamén a mudanza entre o vello modelo da noticia e do peche e o novo da continuidade do fluxo informativo e a conexión permanente e multisoporte do lectorado. Unha crise tamén de mediación orixinada pola perda de confianza dos cidadáns (os lectores) cos seus dirixentes, tanto os políticos coma os non electos (entre os que se atopan os periodistas). Para o autor un efecto perverso da colusión entre o periodismo e o poder (caracterizada polas declaración pública fóra de rexistro, off the record), que durante os anos da burbulla informativa (as dúas décadas pasadas) «viviron en espazos excesivamente próximos». Unha crise moi profunda da democracia representativa, dun «mundo de ninguén», onde a «decadencia da prensa é parte da decadencia occidental».

Con todo, a cerna do ensaio non está tanto no relato do proceso disruptivo e as súas dolorosas consecuencias (o peche dos xornais en papel e a ausencia dun modelo de negocio dixital alternativo), coma no seu esforzo por ofrecer un horizonte posible de xornalismo dixital de fluxo continuo que emprega tanto as utilidades multimodais do hipertexto como as posibilidades conversacionais das redes informativas e sociais. O libro de Bassets é unha defensa do bo xornalismo do futuro, da reinvención dun oficio, froito da mestizaxe entre a cultura analóxica e a dixital, mais tamén da achega do «mix xeracional» dos profesionais, onde os veteranos deben «facer pedagoxía do xornalismo». Bassets acredita nas posibilidades do xornalismo hipertextual («hai que ser dixitais até as cachas»), concibido coma un xénero narrativo e unha actividade de coñecemento. Reivindica a vixencia dos valores do xornalismo clásico (acuñados por Kovach e Rosenstiel) como os que deben continuar guiando o xornalismo futuro: 1 A súa primeira obriga é a verdade. 2 A súa primeira lealtade son os cidadáns. 3 A súa esencia é a verificación. 4 O carácter dos seus profesionais é a independencia. 5 A súa función é a de ser vixiantes independentes do poder. 6 Os seus espazos son foros para a crítica e o compromiso público. 7 O seu compromiso é transformar o importante en interesante e oportuno. 8 As noticias deben ser seguidas de forma exhaustiva e proporcionada. 9 Os xornalistas teñen dereito a seguir os ditados da súa conciencia. En definitiva, por díficil que semelle en tempos de incerteza, Lluís Bassets enxerga un camiño a percorrer: «adentrémonos, pois, ao que substituirá ao xornalismo do futuro no ciberespazo coa vella moral dos bos reporteiros e a súa exixencia dunha férrea disciplina de verificación».

Gostei do carácter antidogmático deste libro que axuda a comprender o proceso de tránsito que vivimos e a desmontar algúns dos seus prexuízos e medos. Paga a pena arriscarse na súa engaiolante lectura.

Onte 564: Libro híbrido

Javier Celaya repara no seu blog na experiencia deste libro híbrido, un libro impreso en papel que pode conectarse a unha pantalla mediante un cable USB. Este invento do deseñador polaco Waldek Wegrzyn, bautizado como «Elektrobiblioteka», ten unha tinta condutora que lle permite a conexión á web e a lectura dos contidos na pantalla dun ordenador. A pesar da súa aparente rixidez, este prototipo anuncia a aparición doutros produtos editoriais que asumen a hibridación. a coexistencia dos soportes e das utilidades de ambos os dous paradigmas da edición, como unha das posibilidades deste momento de tránsito. A experiencia de edición expandida, iniciada nun soporte impreso e continuada e ampliada noutro, ensaia a nosa humilde escala estes intentos de hibridación. As posibilidades de utilización da realidade aumentada e dos códigos QR poden tamén abrir posibilidades interesantes a este novo tipo de edición hibridada.

O futuro da cultura impresa

No artigo da semana en Faro de Vigo, a raíz da xornada sobre o futuro da cultura da impresa, organizado polo Consello da Cultura Galega, abordo o debate arredor da gratuidade e o futuro dos xornais e da industria editorial.

Convocado polo Consello da Cultura Galega o venres pasado participei na xornada de debate arredor do futuro da cultura impresa na rede, con especial atención á xornalística e á do libro. Como era previsible, a cerna da deboura estivo en como facer compatible a mudanza do paradigma comunicacional actual –o paso irreversible dunha cultura impresa baseada na imprenta gutemberiana a outra dixital xerada por Internet– con modelos de pagamento dos contidos dixitais que permitan unha vía para unha economía sostible da industria editorial.

Á luz da presentación dos dous modelos de negocio das plataformas dixitais da prensa española, valorouse se é posible que os lectores e lectoras de contidos dixitais, afeitos até agora a acceder de forma gratuíta aos xornais na rede, estean dispostos a pagar por eles neses novos “quioscos dixitais”. Unha cuestión fulcral para o futuro dos xornais e das empresas periodísticas sometidas ademais estes últimos anos aos efectos do severo encollemento do mercado publicitario, tanto nos soportes impresos coma tamén nos dixitais, como á caída de vendas dos xornais impresos, por mor da crise de devaluación interna na que estamos instalados e a súa inevitable diminución da actividade comercial. Unha encrucillada de saída moi incerta e difícil, xa que polo momento os diversos modelos de prensa dixital en España, a pesar de aumentar de forma espectacular a súa audiencia, cada vez máis atomizada e multidispositivo (dende os ordenadores, mais tamén dende taboíñas e smartphones), non son capaces de xerar os recursos abondos para asegurar a súa viabilidade.

Unha encrucillada e unha incerteza que afecta tamén á industria do libro, sometida a un proceso de profunda transformación, dende hai case unha década, cando comezou o fenómeno e-book, que tras cinco séculos de grande estabilidade arredor do obxecto “libro”, separaba o continente do contido. Coa aparición do chamado “libro electrónico” (un concepto moi amplo, que engloba aos e-books, mais tamén ás aplicacións de lectura multimedia ou aos libros educativos en rede), o coñecemento ou a creación literaria podían deixar de viaxar de forma exclusiva nun soporte impreso e encadernado para ser ofrecido ao público nas librarías. Abríase así un novo concepto para o libro, definido só polo seu contido. Unha mudanza decisiva na historia da comunicación cultural. Unha transformación que afecta a todo o proceso de edición, dende as creacións autoral e editorial, pasando pola distribución, até a recepción. Os autores e autoras poderán tirar partido das utilidades do hipertexto, que define o novo paradigma dixital, botando man das posibilidades de enlazar os seus hipertextos ou empregando imaxes, sons e outros recursos multimedia. Mais tamén, e non semella menos importante, os lectores e lectoras terán a posibilidade de compartir a súa experiencia de lectura, tamén co autor, e co editor, utilizando as redes informativas e sociais. Unhas utilidades dixitais que obrigan a redefinir o papel de intermediación dos editores e distribuidores e a reinventar a cadea de valor utilizada no proceso.

Tanto no caso da prensa como na edición de libros, a pesar das súas singularidades, este incerto proceso de tránsito obriga á hibridación, á necesidade de ofrecer tanto produtos impresos como dixitais. Explorar as posibilidades da edición expandida, baseada na complementariedade entre soportes e utilidades (uns contidos para o papel, outros diferentes para as pantallas), ou artellar alianzas sectoriais, e mesmo multisectoriais, para a distribución do contido dixital (informativo, editorial, musical, audiovisual ou multimedia), mesmo en colaboración coas subministradoras de telefonía, poden ser estratexias a ensaiar neste entorno tan bretemoso. Porén, nesta reinvención da industria cultural dixital, os editores de prensa e libros, como os produtores musicais e audiovisuais, ademais de ofrecer produtos (servizos) dixitais atractivos ao prezo máis axustado, debemos defender un modelo de propiedade intelectual que faga compatible o lexítimo dereito a cobrar polo seu traballo por parte de autores e editores co dereito ao acceso á información e á cultura da cidadanía. Sen desanoar este nobelo prexuizoso que identifica o acceso a calquera contido dixital na rede coa súa gratuidade, será imposible saír desta encrucillada. Tras este debate, aparentemente inocente mais de grande importancia política, está en xogo a sobrevivencia dun sector de prensa plural e territorializado e a viabilidade dunha industria cultural de calidade. Unha encrucillada de saída máis complexa en culturas minorizadas coma a galega, con enormes dificultades para contar con contidos dixitais na lingua propia.

Onte 408: «Ler para Conectar», sobre o Plan de Lectura do País Vasco

«Ler para Conectar» é o lema escollido polo Plan de Lectura do País Vasco que onte coñecimos polo noso bo amigo Txetxu Barandiarán. Unha iniciativa interesantísima que se convertirá, a partir de agora, en referencia nas políticas públicas de lectura futuras. O plan vasco asume un concepto de lectura 2.0, tanto dende a súa dimensión educativa (a lectura é a ferramenta de aprendizaxe indispensable de acceso ao coñecemento ao longo de toda a vida), económica (o modelo produtivo actual esixe capital humano con competencias avanzadas en lectura e escritura dixital e analóxica) como cívica (a actual lectura sobre diversos soportes e con presenza nas redes sociais ten un forte impacto sobre a convivencia cidadá). Outrosí sucede coa súa inequívoca aposta pola lectura no contexto dixital, polo desenvolvemento dunha nova rede bibliotecaria e por unha ampla mobilización social a prol da lectura. Parabéns aos promotores dunha iniciativa que seguiremos dende Galicia coa maior atención.

Onte 401: Lectura en pantallas

Preparando unha intervención sobre as mudanzas da lectura, que me encargaron para incluír nun curso do CFR de Vigo, volvín sobre os estudos de Thierry Baccino sobre a lectura en pantallas. Para o director científico do Lutin da Villete, a lectura sobre pantalla esixe un maior nivel de intervención do cerebro e un comportamento cognitivo diferente do da lectura en papel. Segundo Baccino «as zonas do encéfalo que controlan a toma de decisións e os razoamentos complexos actívanse con maior intensidade cando lemos sobre unha pantalla que cando o facemos sobre os soportes impresos». Debido á necesidade de efectuar máis eleccións no proceso lector, a existencia de máis información dispoñible, a superposición de elementos con sistemas de codificación e de interpretación diferente, o nivel de complexidade cognitiva é maior e, polo tanto, tamén a posibilidade de perdas de significado. Baccino chega a estas conclusións baseándose na comparación de experiencias de oculometría nas que procurou dectectar os parámetros de calidade lectora sobre ambos os dous soportes, diferenciando a percepción, a comprensión e o xeito de organizar a información de cada un deles. Baccino prognostica que, a pesar da súa complexidade, «a lectura en pantalla constituirase nun hábito e o papel correrá o risco de provocar a mesma sensación que as películas en branco e negro, unha desagradable impresión de regresión». Dá moito que pensar.

Onte 381: As cifras de Twitter

Preparando a miña intervención na Rede de Coñecemento Compartido que a AGE organiza o vindeiro martes sobre «A identidade dixital da editorial», din con algunhas desas cifras desorbitantes (das que descoñezo a súa fiablidade) sobre o uso de Twitter. Pareceume impresionante que sexan xa 500 millóns os usuarios de Twitter no mundo, estimándose que en España xa superan a barreira dos cinco millóns. Botando contas e asumindo a fenda dixital galega, estimo que en Galicia contan con perfil nesta rede informativa entre 200.000 e 250.000 persoas. Xa sei que moitas estarán inactivas ou que o utilizan só para a participación pasiva, mais ninguén pode negar o impacto sobre os nosos hábitos de acceso á información desta lectura dixital, realizada na maior parte das ocasións sobre pantallas de teléfonos móbiles. Unha mudanza dun enorme calado.

Onte 325: Primeiro contacto con Kindle

Dinme por vencido. Onte estreei o Kindle Touch que merquei. Abandono o meu primeiro e-reader e o seu antipático sistema. Non nego que a experiencia de compra de Amazon é moito máis satisfactoria ca das librarías electrónicas que viña utilizando. O wifi funciona, a descarga de cada libro é directa ao aparello e dura menos dun minuto. Na experiencia lectora notei menos diferenza, xa que depende da calidade de edición dos e-books. Con todo, sorprendeume a facilidade de integración de documentos propios, aínda que a lectura de PDFs resultoume moi incómoda.

Alarma! A caligrafía extínguese

O xornal alemán Bild publicou o pasado mércores a súa portada deste xeito para denunciar que a caligrafía está en vías de extinción. A reivindicación do texto manuscrito é fulcral no proceso de tránsito entre o paradigma analóxico e o dixital.

Reivindicación do texto manuscrito

O meu admiradísimo Carlos Núñez (Le Vieux), mestre tipógrafo e deseñador gráfico, creador da tipografía Gallaecia Castelo, envioume un correo electrónico no que reivindica o texto manuscrito. Non esquezamos que na mudanza de paradigma, o tránsito do textual ao hipertextual, prodúcese tanto nas formas na lectura como na escritura. Mudan as formas de lecturas e as formas de escritura. Isto é fulcral. Polo grande interese desta reflexión, «El escrito a mano es la expresión del alma», sobre todo dende o punto de vista didáctico, permitinme convertila nun documento pdf que se pode baixar aquí. Grazas, Carlos!