«Metamorfosis de la lectura», ensaio esencial de Román Gubern

No proceso de tránsito entre o paradigma analóxico e dixital da comunicación cultural que estamos vivindo son moi necesarias as reflexións sobre o devir do propio proceso. Á abondosa bibliografía sobre a cuestión engádese Metamorfosis de la lectura, un ensaio esencial de Roman Gubern sobre a prolongada evolución textual protagonizada pola humanidade ao longo da súa historia. Papei as cento e vinte páxinas do libro en apenas dúas sentadas. Deslumbráronme os primeiros catro capítulos, referidos aos aspectos bioantropolóxicos do agromar da nosa cultura (un enfoque moi novidoso), dende o desenvolvemento das linguaxes, a escritura e os alfabetos, deica esa creación civilizatoria maxima que supuxo o libro, nas súas diversas aparencias: papiro, códice e impreso. Especialmente fermosos son os dous capítulos nucleares do ensaio, o terceiro, referido á epifanía do libro, e o cuarto, no que se aborda cunha claridade abraiante o período de apoxeo do libro impreso, os séculos XIX e XX. Gubern, un auténtico sabio, é capaz de ofrecer en apenas setenta páxinas unha fascinante historia da lectura, o libro e os movementos literarios a eles asociados. Gubern faino abordando o esencial, sen aborrecer con erudición académica, propoñendo ademais conceptos operativos (como o da «cadea enunciativa» da circulación social da escritura) que facilitan comprender mellor o momento de tránsito e toda a súa fraxilidade. Porén, chegado ao derradeiro capítulo («Da computadora ao libro electrónico»), Gubern sen abandonar a súa capacidade analítica para describir con acedume o fenómeno do «pantallismo contemporáneo» nin perder a posibilidade de bautizar a crise actual como a «Gran Recesión», queda posuído pola vertixe e fraxilidade da cultura dixital e renuncia a propoñer un espazo prospectivo e expresa, apenas, que «os soportes analóxicos e dixitais convivirán«. Máis decepcionante, aínda, son as dúas páxinas finais do ensaio nas que si se atreve a propoñer un decálogo das vantaxes ou atractivos do libro impreso sobre o electrónico, que non está á altura da lucidez dun texto chamado a converterse en referente sobre a cuestión. No entanto, recoméndoo moi vivamente, é un dos libros sobre libros máis interesantes dos que teño gozado nos últimos anos.

Internet de futuro

No artigo da semana reflexionoso sobre o conflito xerado arredor da disposición adicional primeira da LES, a famosa «Lei Sinde» ou antidescargas, coa que o goberno pretende legalizar a posibilidade de pechar algunhas páxinas web sen control xudicial. Máis alá da necesidade de aprobar unha nova Lei de Propiedade Intelectual acorde co novo paradigma de comunicación cultural dixital, entendo que a cerna deste debate do Internet libre e respectuoso cos dereitos dos autores radica en «abordar de vez a cuestión do papel que teñen os poderosos provedores de Internet (como Telefónica ou Vodafone), os grandes privilexiados do aumento do tráfico na rede.»

Manifesto pola alfabetización

Por unha anotación do formidable blog de  Joaquín Rodríguez sei da publicación do «Manifesto pola alfabetización» (en pdf), un texto elaborado no Reino Unido por especialistas que reclama a implicación das autoridades e das diversas administracións na cuestión da lectura nesta era dixital. Encadrado dentro das iniciativas e programas do National Literacy Trust (unha institución conformada por institucións públicas e privadas, tanto gremiais como de voluntariado, que desenvolven programas tan xeitosos coma este  de «Ler para vivir»), este Manifesto propón catro liñas de reflexión que veñen perfectamente ao caso da situación da lectura en Galicia, e en xeral, en calquera das nosas sociedades occidentais.

  1. Para o desenvolvemento das competencias de comunicación lingüística dos nenos e nenas é indispensable dispór dun ambiente familiar aberto ao diálogo.
  2. A alfabetización e o interese pola lectura comeza no entorno familiar.
  3. A alfabetización (entendida como lectura e escritura) é a chave que nos permite integrarnos na era dixital.
  4. A alfabetización é unha competencia indispensable para o desenvolvemento persoal e para o do conxunto da sociedade.

Teño a certeza que hoxe no desenvolvemento do pleno sobre o Estado da Autonomía, a pesar de estarmos xa no terceiro mes do chamado «Ano da lectura», moi pouco se vai falar no Parlamento Galego do estado da nosa alfabetización. O que non deixa de ser curioso nun Goberno que teima en que os pais exerzan un poder nos centros escolares que non exercen nos seus fogares. Esta chamada de atención que traemos do Reino Unido, unha sociedade cuns índices de lectura moi superiores aos nosos e un respecto incomparablemente maior ao sector do libro e á creación literaria (autores, editores, bibliotecarios e libreiros), ben podería servir para salientar as razóns das dificultades que atopa a civilidade en Galicia.

A lección dunha nativa dixital

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/7_zzPBbXjWs" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Traballando hoxe na clase do «Mestrado de edición» sobre o tema do tránsito á edición e cultura dixital, a providencia laica agasallounos esta lección a editores, bilibotecarios e libreiros dunha nativa dixital. Non nos importa moito que se trate dunha peza de ficción.

Ola, o meu nome é Abbey e amo as bibliotecas, e os libros e as historias, mais son unha nativa dixital e quero unha biblioteca online que saiba que é o que quero. Que teña moito multimedia.  Quero que todo sexa rápido e doado, quero poder engadir as miñas cousas e compartir as cousas doutras persoas. Quero poder facelo todo dende o meu iPhone ou o meu Reader. Quero máis contido intelixente, etiquetado semántico, información en tempo real, realidade aumentada, xeolocalización… mesto gosto das pantallas interactivas. E agora todos vós estades ocupados traballando niso, mais eu son unha nativa dixital e o quero agora. Bulide e poñervos a traballar!

Vía ediciona.

O futuro dos libros dixitais

Inevitablemente, o artigo da semana (misteriosamente non aparece este domingo na web de Faro) reflexiona sobre o futuro dos libros dixitais.

O libro dixital centrou esta semana o noso debate cultural. A celebración dun simposio, organizado pola Asociación Galega de Editores, sobre o presente e o futuro do libro dixital, e a publicación por Xerais e Galaxia dos seus primeiros títulos para dispositivos portables de tinta dixital (os popularmente coñecidos coma “e-books”) anuncian a chegada dos libros dixitais. Dúas boas noticias para a cultura galega que amosa a súa vontade de participar sen complexos no debate cultural contemporáneo e o seu interese por non perder o tren destes tempos.

Tras máis de cinco séculos de estabilidade do modelo de comunicación cultural, baseado na imprenta gutemberiana, lectores, autores e editores estamos convidados a participar das mudanzas provocadas pola irrupción do novo tipo de lectura urdido sobre as pantallas de diversos dispositivos tecnolóxicos (ordenadores, teléfonos móbiles, axendas electrónicas, videoconsolas ou libros de tinta electrónica). Iso suporá que os libros impresos teñen os días contados? Velaí o debate arredor do futuro dos libros dixitais.

Adianto que son dos que cre na irreversibilidade da mudanza do paradigma do libro e que máis cedo ca tarde, non son adiviño, as utilidades dixitais da lectura sobre pantallas triunfarán tamén no mundo da comunicación cultural. A razón do seu éxito residirá nas formidables potencialidades atesouradas pola prosa electrónica, que permite por medio dun clic enriquecer o contido dun texto enlazándoo con outros externos (o fenómeno coñecido como “intertextualidade”) ou con imaxes e sons interactúando con el (a chamada “multimodalidade” tan característica da internet 2.0, onde xunto aos textos aparecen fotos, vídeos ou arquivos musicais). Noutras palabras, esta nova forma de ler e escribir sobre pantallas (o que chamamos “literacidade electrónica”) permitirá novas e mellores posibilidades de creación e de acceso ao coñecemento e á información.

Esa literacidade, presente nos blogs, nas edicións dixitais dos xornais coma nos espazos das exitosas redes sociais como Facebook, Tuenti ou Twitter, vai calando coma poalla nos hábitos do lector ou lectora contemporáneo, seguramente con maior facilidade na xeración dos nosos fillos (os chamados “nativos dixitais”) ca na nosa (a “dos emigrantes dixitais”) que precisamos dun maior esforzo para incorporarnos ao emprego destas utilidades. Razón pola que é probable que os lectores adoito de pantallas –sometidos á perigosa diabete informativa provocada por textualidade (o que require un lector máis crítico e mellor formado)– non teñan prexuízos ningúns para incorporarse como usuarios ás diversas modalidades nas que se presentan (polo momento) os libros electrónicos: como “e-books”, como obxectos educativos proxectados en encerados dixitais, como servizos de consulta en liña, como audiolibros ou como textos multimedia.

Porén, creo que, polo momento, non vai desaparecer de maneira ningunha a publicación de libros impresos. Máis aínda, fronte aos que agoiran a morte inminente do libro gutemberiano, nos vindeiros anos as edicións impresas e electrónicas convivirán no mercado e nos hábitos dos lectores, procurando cada unda delas os seus espazos de especialización. No entanto, na edición literaria ou de lecer dificilmente triunfarán os actuais “e-books” se non mellora a usabilidade dos dispositivos de lectura portables (ollo!, poden ser os móbiles de nova xeración), achegan “extras” multimodais atractivas e se artella unha cadea de valor que, fixando un prezo asequible por descarga ou subscrición, respecte o lexítimo dereito de autoría. E neste contexto de competencia, os libros literarios impresos máis fermosos e máis coidados serán os que máis posibilidades contarán de obter o apoio dos lectores, eis un reto para os editores que aposten continuar con este formato analóxico.

No entanto, se non se supera a actual identificación do dixital co gratuito (para unha boa parte dos usuarios de Internet todo o contido que alí aparece debe ser de balde, esquecendo o pagamento que realizan polo servizo de acceso ou polos caros consumibles das impresoras), non haberá posibilidade de reconstruír unha cadea de valor intersectorial para a edición profesional dos libros dixitais. Unha cadea que, respectando o protagonismo do autor, contemple as funcións de editores (centrados sobre o tratamento do contido) e libreiros (especializados na promoción do produto), profesionais sobre os que se asentou o noble oficio da edición dende que naceu na sociedade romana. Todo o sector do libro, como o da comunicación cultural no seu conxunto, está obrigado a iniciar esta mudanza de rumbo, na que convivirán libros impresos e dixitais e nas que haberá que responder a moitas preguntas e despexar moitas incerteza.

Nook, o novo e-book de Barnes & Noble

A aparición de tantos novos trebellos de lectura dixital xeralmente xa non constitúe noticia. Porén, este novo aparello presentado por Barnes & Noble, o chamado Nook, creo que achega varias novidades que poden convertelo nun bo rival de Kindle: pantalla a cor para os menús e tinta dixital (branco e negro) para a lectura dos textos, teclado táctil wifi, navegación utilizando o sistema operativo Android e custa apenas 259 dólares (catro vantaxes que o fan moi superior a calquera dos lectores que se venden hoxe en España). A aparición de Nook demostra que os novos aparellos serán cada vez máis atractivos, ademais da importancia de contar cun formato de lectura aberto ecompatible con diversos lectores.

Do libro electrónico á lectura dixital

Esta noticia de Ediciona paréceme moi importante: por fin Amazon reorienta a súa estratexia do negocio dixital renunciando ao seu modelo de dispositivo de lectura  propietario (actualmente o Kindle 2 e o Kindle DX) para facer, pola contra, maior fincapé na distribución dos contidos. Semella que a irrupción do IPhone como posible dispositivo de lectura dixital (e tamén doutros teléfonos) e o desenvolvemento do formato ePub aconsellan esta mudanza do equipo de Bezos, ao que, quizais tampouco, sexa allea a ameaza de Google.

A aposta por formatos de libro electrónicos o máis estándares e compatibles posible (neste momento ePub de Adobe, mais pode mudar pola dinámica tecnolóxica e empresarial) imponse sobre a posibilidade do monopolio que dos dispositivos de lectura pretendía impoñer Amazon. A avalancha de modelos de e-books promete que o negocio en España pode comezar a desenvolverse a partir desta campaña de Nadal. No entanto, o futuro do libro electrónico está na sua capacidade de propoñer unha cadea de valor que faga viable o negocio da distribución e propiedade dos contidos dixitais (non esquezamos que non van ser todos gratuítos, aínda que si, seguramente máis baratos cos analóxicos). Asumindo que toda a edición internacional está nun proceso de reconversión e reconstrución tanto da súa actividade como da súa cadea de valor, dificilmente vai existir a curto prazo unha única forma de distribución do contido textual dixital e do seu consumo (a lectura dixital).

Identidades dixitais

No artigo da semana de «Campo de Granada» (non aparece na web de Faro de Vigo) abordo, dende un punto de vista xeral e divulgativo, a cuestión das  Identidades dixitais, unha das compoñentes, xunto a literacidade electrónica, do paradigma da comunicación cultural electrónica.

Durante a última década, debido aos avances das tecnoloxías da comunicación dixital, fomos incorporándonos ao emprego da telefonía móbil e das utilidades proporcionadas por Internet. Tanto as persoas que o fixeron de forma entusiasta, como as que arrastraban inevitables prexuízos ou medos sobre o emprego destas novas ferramentas convértimonos, con enorme rapidez e sen contar con ningún tipo de alfabetización específica, en lectores sobre pantallas e micropantallas. Temos a fortuna de ser testemuñas e actores da revolución comunicacional máis trascendental que a humanidade ideou, dende hai cinco séculos, tras a invención da imprenta de tipos móbiles: a da expansión mundial da comunicación electrónica.

Velaí os cambios de costumes que vivimos desde a revolución introducida pola telefonía móbil  da que moi dificilmente somos xa capaces de subtraernos. Eis a mudanza dos nosos hábitos de comunicación a distancia. No móbil recibimos mensaxes instantáneas que nos convocan a un acto cultural (como fan sistematicamente concellos como o de Soutomaior) ou nos recordan unha cita médica; dende o teléfono enviámolas para expresar intimidades ou para comunicar un resultado deportivo ou unha noticia que escoitamos na radio. Outrosí sucede coas utilidades de Internet que, a pesar da fenda dixital que aínda padecemos no noso país (Galicia continúa á cola pola súa porcentaxe de usuarios), xa son empregadas adoito por maior número de usuarios. Xa non fai falta ser un friqui nin un experto nos trebellos informáticos para utilizar o correo electrónico coma a nosa primeira identidade dixital (onde recibimos comunicacións persoais e institucionais), ou a navegación na rede para ler os nosos xornais e blogs preferidos (onde, e isto é moi importante, deixamos publicadas as nosas opinións sobre os seus contidos), consultar as nosas contas bancarias ou visionar as nosas series preferidas, mesmo adiantándonos a súa emisión polas canles de televisión.

Usuarios algo máis avanzados non teñen moitas dificultades para aproveitar as utilidades destas tecnoloxías que se «actualizan» (sería máis axeitado dicir que mudan e melloran o seu funcionamento) a unha velocidade de vertixe. Empregan as terminais dos seus móbiles para publicar os vídeos e fotos que tiraron con elas nos seus blogs ou no seu perfil de Twitter, o que lles permite compartilas de forma case inmediata con todos os seus amigos e amigas de Facebook ou Tuenti, dúas das redes de sociais onde teñen aberta a súa identidade dixital.  Outrosí sucede con eses case dous mil mozos e mozas entre os 16 e 35 anos que durante tres días desta fin de semana se reuniron no «Xuventude Galiza Net 09» (un encontro informático que vai xa na décima edición) para compartir de forma incansable arquivos e expresar a creatividade e a potencia informática da mocidade do noso país.

Dende estes usuarios máis avanzados até aquelas persoas que comezan a súa alfabetización na cultura dixital todas asumen unha nova literacidade, un novo xeito de ler e escribir sobre as pantallas, ao tempo que van construíndo unha identidade dixital, como parte da súa identidade persoal. Estes dous compoñentes, literacidade e identidade dixital son as dúas trabes do paradigma da comunicación dixital do que ningunha persoa, institución, administración, sociedade, empresa ou calquera tipo de entidade pode quedar alleo. Como salienta Juan Freire, o blogueiro Nomada e profesor da Universidade da Coruña, no marco dunha Internet que se está construíndo diante nosa e que pretendemos sexa un espazo de aprendizaxe e socialización, será necesario que neste futuro-presente cada persoa ou cada organización xestione a súa propia identidade dixital. Eis un reto ineludible.

Unha identidade dixital confórmase a partir das identidades fragmentarias que construímos a partir da nosa aprendizaxe das competencias da cultura dixital e das utilidades asociadas a ela que somos capaces de manexar. As identidades dixitais, tanto as individuais como as das organizacións, vanse conformando na conversa activa que mantemos na rede sexa na rede de blogs (como Blogaliza no caso noso) ou nos espazos multimodais (os vídeos en You-tube; a música en Last.fm; as noticias en Chuza, Delicious ou Technorati, as fotos en Flickr ou en Picassa). Conversa que agora se amplía e axiliza pola participación  nas redes de “status” (que estás facendo?) e “presenza” (onde estás?) conformadas polas utilidades de microblogueo (Twitter, Lareta ou Gmail Google Talk) ou as de participación social e de lecer (Facebook ou Tuenti). Como as abellas, na rede imos tecendo a nosa tea cos fíos que achegamos en cada un destes espazos. Eis o reto da nova Internet 2.0 ou 3.0, mais optar por unha denominación u outra é outro debate.