O futuro dos libros dixitais

Inevitablemente, o artigo da semana (misteriosamente non aparece este domingo na web de Faro) reflexiona sobre o futuro dos libros dixitais.

O libro dixital centrou esta semana o noso debate cultural. A celebración dun simposio, organizado pola Asociación Galega de Editores, sobre o presente e o futuro do libro dixital, e a publicación por Xerais e Galaxia dos seus primeiros títulos para dispositivos portables de tinta dixital (os popularmente coñecidos coma “e-books”) anuncian a chegada dos libros dixitais. Dúas boas noticias para a cultura galega que amosa a súa vontade de participar sen complexos no debate cultural contemporáneo e o seu interese por non perder o tren destes tempos.

Tras máis de cinco séculos de estabilidade do modelo de comunicación cultural, baseado na imprenta gutemberiana, lectores, autores e editores estamos convidados a participar das mudanzas provocadas pola irrupción do novo tipo de lectura urdido sobre as pantallas de diversos dispositivos tecnolóxicos (ordenadores, teléfonos móbiles, axendas electrónicas, videoconsolas ou libros de tinta electrónica). Iso suporá que os libros impresos teñen os días contados? Velaí o debate arredor do futuro dos libros dixitais.

Adianto que son dos que cre na irreversibilidade da mudanza do paradigma do libro e que máis cedo ca tarde, non son adiviño, as utilidades dixitais da lectura sobre pantallas triunfarán tamén no mundo da comunicación cultural. A razón do seu éxito residirá nas formidables potencialidades atesouradas pola prosa electrónica, que permite por medio dun clic enriquecer o contido dun texto enlazándoo con outros externos (o fenómeno coñecido como “intertextualidade”) ou con imaxes e sons interactúando con el (a chamada “multimodalidade” tan característica da internet 2.0, onde xunto aos textos aparecen fotos, vídeos ou arquivos musicais). Noutras palabras, esta nova forma de ler e escribir sobre pantallas (o que chamamos “literacidade electrónica”) permitirá novas e mellores posibilidades de creación e de acceso ao coñecemento e á información.

Esa literacidade, presente nos blogs, nas edicións dixitais dos xornais coma nos espazos das exitosas redes sociais como Facebook, Tuenti ou Twitter, vai calando coma poalla nos hábitos do lector ou lectora contemporáneo, seguramente con maior facilidade na xeración dos nosos fillos (os chamados “nativos dixitais”) ca na nosa (a “dos emigrantes dixitais”) que precisamos dun maior esforzo para incorporarnos ao emprego destas utilidades. Razón pola que é probable que os lectores adoito de pantallas –sometidos á perigosa diabete informativa provocada por textualidade (o que require un lector máis crítico e mellor formado)– non teñan prexuízos ningúns para incorporarse como usuarios ás diversas modalidades nas que se presentan (polo momento) os libros electrónicos: como “e-books”, como obxectos educativos proxectados en encerados dixitais, como servizos de consulta en liña, como audiolibros ou como textos multimedia.

Porén, creo que, polo momento, non vai desaparecer de maneira ningunha a publicación de libros impresos. Máis aínda, fronte aos que agoiran a morte inminente do libro gutemberiano, nos vindeiros anos as edicións impresas e electrónicas convivirán no mercado e nos hábitos dos lectores, procurando cada unda delas os seus espazos de especialización. No entanto, na edición literaria ou de lecer dificilmente triunfarán os actuais “e-books” se non mellora a usabilidade dos dispositivos de lectura portables (ollo!, poden ser os móbiles de nova xeración), achegan “extras” multimodais atractivas e se artella unha cadea de valor que, fixando un prezo asequible por descarga ou subscrición, respecte o lexítimo dereito de autoría. E neste contexto de competencia, os libros literarios impresos máis fermosos e máis coidados serán os que máis posibilidades contarán de obter o apoio dos lectores, eis un reto para os editores que aposten continuar con este formato analóxico.

No entanto, se non se supera a actual identificación do dixital co gratuito (para unha boa parte dos usuarios de Internet todo o contido que alí aparece debe ser de balde, esquecendo o pagamento que realizan polo servizo de acceso ou polos caros consumibles das impresoras), non haberá posibilidade de reconstruír unha cadea de valor intersectorial para a edición profesional dos libros dixitais. Unha cadea que, respectando o protagonismo do autor, contemple as funcións de editores (centrados sobre o tratamento do contido) e libreiros (especializados na promoción do produto), profesionais sobre os que se asentou o noble oficio da edición dende que naceu na sociedade romana. Todo o sector do libro, como o da comunicación cultural no seu conxunto, está obrigado a iniciar esta mudanza de rumbo, na que convivirán libros impresos e dixitais e nas que haberá que responder a moitas preguntas e despexar moitas incerteza.

6 comentarios
  1. Tati Mancebo
    Tati Mancebo Dice:

    “[…] se non se supera a actual identificación do dixital co gratuito (para unha boa parte dos usuarios de Internet todo o contido que alí aparece debe ser de balde, esquecendo o pagamento que realizan polo servizo de acceso ou polos caros consumibles das impresoras), non haberá posibilidade de reconstruír unha cadea de valor intersectorial para a edición profesional dos libros dixitais.”

    Estou convencida de que se isto for así no ámbito do galego, todo o corpus da literatura galega tería sido xa dixitalizado e espallado, como o foi o da literatura en castelán. Se isto aínda non aconteceu é por pura militancia.

  2. xarubal
    xarubal Dice:

    Comparto con vostede o entusiasmo polo libro electrónico pero non poido deixar de discrepar co contido do último parágrafo. Entendo que é preciso preservar a cadea de valor do libro e que os libros dixitais tamén se deben comprar, igual que a música en Internet. O que no comparto é a confusión entre a defensa do direito a vivir dignamente de todo o sector do libro e a imposición de esquemas de restrición de dereitos (DRM) que consideran que calquera comprador é un delincuente e que limitan o uso do produto que mercamos.

    En particular, seguro que voste é consciente de que cando un lector merca un e-book de Xerais no formato de Adobe non está a mercar un libro, está a arrendar o direito de ler un libro. Non pode prestalo libremente, non pode volver a vendelo libremente, non pode protexerse de que a súa editorial ou a distribuidora vaia ao tacho e perda toda a súa biblioteca dixital.

    Para sermos honrados, tamén deberíamos comentar estes puntos, máxime cando hai alternativas. Vostede seguro que é consciente de que no mundo da música en Internet o caso de éxito máis coñecido non impón esas restricións. Entendo que tamén coñece editoriais de éxito que non impoñen esas restricións draconianas aos seus lectores (http://www.pragprog.com/).

    Gustaríame que os profesionais do libro reflexionasen sobre este asunto, especialmente os que se ocupan da cultura galega, que ten unha base de lectores militante e honrada. Eu creo que non merecemos que nos prexulguen como delincuentes.

  3. Luz
    Luz Dice:

    O DRM non é un mal é unha necesidade, protexe a propiedade intelectual. Se lle discute a un propietario o seu dereito a seguir sendo o titular dunha propiedade por tela alugada?. Haberá que artellar instrumentos para concienciar aos usuarios da rede de que a posta a disposición dos públicos dos bens e obras culturais non implica a súa apropiación, en bastantes ocasións para usos ilexitimos.

  4. Xaquín
    Xaquín Dice:

    Cando os autores (e os seus representantes) se decatarán de que en internet só hai ceros e uns (non existen as palabras), hai virus que te poden mesturar unha páxina do Quixote con unha telenovela venezolana…, cando se darán conta que os “dereitos analóxicos” non teñen cabida na “rede dixital”??????

Trackbacks y pingbacks

  1. […] Manuel Bragado: «[…] As utilidades dixitais da lectura sobre pantallas triunfarán tamén no mundo da comunicación cultural. A razón do seu éxito residirá nas formidables potencialidades atesouradas pola prosa electrónica, que permite por medio dun clic enriquecer o contido dun texto enlazándoo con outros externos (o fenómeno coñecido como “intertextualidade”) ou con imaxes e sons interactúando con el (a chamada “multimodalidade” tan característica da internet 2.0, onde xunto aos textos aparecen fotos, vídeos ou arquivos musicais). Noutras palabras, esta nova forma de ler e escribir sobre pantallas (o que chamamos “literacidade electrónica”) permitirá novas e mellores posibilidades de creación e de acceso ao coñecemento e á información. […]» […]

  2. […] víaBrétemas » O futuro dos libros dixitais. Publicado en Recollido e anotado | Sin Comentarios […]

Los comentarios están desactivados.