«Metamorfosis de la lectura», ensaio esencial de Román Gubern

No proceso de tránsito entre o paradigma analóxico e dixital da comunicación cultural que estamos vivindo son moi necesarias as reflexións sobre o devir do propio proceso. Á abondosa bibliografía sobre a cuestión engádese Metamorfosis de la lectura, un ensaio esencial de Roman Gubern sobre a prolongada evolución textual protagonizada pola humanidade ao longo da súa historia. Papei as cento e vinte páxinas do libro en apenas dúas sentadas. Deslumbráronme os primeiros catro capítulos, referidos aos aspectos bioantropolóxicos do agromar da nosa cultura (un enfoque moi novidoso), dende o desenvolvemento das linguaxes, a escritura e os alfabetos, deica esa creación civilizatoria maxima que supuxo o libro, nas súas diversas aparencias: papiro, códice e impreso. Especialmente fermosos son os dous capítulos nucleares do ensaio, o terceiro, referido á epifanía do libro, e o cuarto, no que se aborda cunha claridade abraiante o período de apoxeo do libro impreso, os séculos XIX e XX. Gubern, un auténtico sabio, é capaz de ofrecer en apenas setenta páxinas unha fascinante historia da lectura, o libro e os movementos literarios a eles asociados. Gubern faino abordando o esencial, sen aborrecer con erudición académica, propoñendo ademais conceptos operativos (como o da «cadea enunciativa» da circulación social da escritura) que facilitan comprender mellor o momento de tránsito e toda a súa fraxilidade. Porén, chegado ao derradeiro capítulo («Da computadora ao libro electrónico»), Gubern sen abandonar a súa capacidade analítica para describir con acedume o fenómeno do «pantallismo contemporáneo» nin perder a posibilidade de bautizar a crise actual como a «Gran Recesión», queda posuído pola vertixe e fraxilidade da cultura dixital e renuncia a propoñer un espazo prospectivo e expresa, apenas, que «os soportes analóxicos e dixitais convivirán«. Máis decepcionante, aínda, son as dúas páxinas finais do ensaio nas que si se atreve a propoñer un decálogo das vantaxes ou atractivos do libro impreso sobre o electrónico, que non está á altura da lucidez dun texto chamado a converterse en referente sobre a cuestión. No entanto, recoméndoo moi vivamente, é un dos libros sobre libros máis interesantes dos que teño gozado nos últimos anos.

2 comentarios

Los comentarios están desactivados.