Entrevista con Xosé Lastra

Aconsello a lectura da entrevista a Xosé Lastra, presidente de Nova Escola Galega, publicada en Xornal de Galicia. Un bo repaso á axenda dos temas da educación e do futuro da lingua. Lastra non parece moi optimista.

O galego na RTP

Unha interesante reportaxe sobre o galego emitida na RTP.

Tratamento subordinado

Mais que recomendable a longa conversa que manteñen Agustín Fernández Paz e Manuel Vidal Villaverde este luns en Galicia hoxe. Entre as moitas cousas a salientar das palabras sabias de Agustín recollo estes dous fragmentos imprescindibles:

O primeiro sobre a lingua:

Se non se quere que haxa cidadáns de primeira e de segunda, teñen que crearse as condicións para que poidamos vivir en galego coa mesma normalidade coa que o pode facer unha persoa castelán falante. Para iso, entre outras moitas medidas, é imprescindible que a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén poida decidir se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. É dicir, a dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística. Unha dobre competencia que xa posuímos todos os cidadáns que temos como lingua de instalación o galego. Pois non se debe esquecer que a oposición entre castelán falantes e galego falantes é, en boa medida, unha falsidade. En todo caso, a oposición será entre os que temos competencia bilingüe e os que se encastelan no mantemento da competencia monolingüe vivindo nun país con dúas linguas oficiais.

O segundo sobre algúns dos problemas da lectura e escrita en galego:

Escribir nunha lingua minorizada socialmente leva aparellados serios problemas de visibilidade, tanto na propia sociedade (e penso agora nos libros galegos en Galicia, confinados coma nunha reserva india nunha parte significativa das librarías, ou no tratamento subordinado que reciben nos medios de comunicación, ou no insidioso mantra de que somos unha literatura subvencionada) como na posibilidade de ser traducidos a outras linguas e chegar así aos potenciais lectores doutros países do mundo. Así que esta cuestión é política, e son as medidas de política económica e cultural as que poden axudar a solucionala.

«Texo» e non «Tajo»


Via: Xornal tv

Steiner, non é todo ouro de lei

Ten razón Xabier Cordal, as desculpas de Steiner están cargadas de dinamita. Se ben «pide sinceras disculpas» e admite que as súas declaracións sobre o galego foron froito dun «comentario irreflexivo», a continuación afirma que a súa foi «unha resposta ó chauvinismo rexional que ameaza agora a unidade de España», o que non ven máis que agravar a polémica. Que entende o profesor de Cambridge por «chauvinismo rexional»? Para el o uso das linguas oficias españolas ameaza a «unidade de España»? Hai veces que é mellor ter a boca calada, xa que se pretendía desculparse por «irreflexivo», agora este comentario máis meditado semella moito máis grave (considerar as linguas oficiais españolas como ameaza é outro disparate). A verdade é que os prexuízos culturais e a visión política deste señor non dan máis de si. Creo que é estéril continuar tirando dese fío, ben sabemos que non é todo ouro de lei.

Camilo Franco publica hoxe en La Voz de Galicia as recomendacións que diversas persoas da cultura galega fariamos ao señor Steiner para desmontar os prexuízos sobre a nosa literatura. Un interesante canon espontáneo das nosas letras.

Actualización (21-09-2008): «Steiner, no; nosotros», Suso de Toro. Un artigo moi recomendable e clarificador.

Esperpento

Impresionante! A noticia é mellor que a maioría das páxinas de humor de Ozú! Esta xente toleou de tanto reiterar a súa mentira.

Xosé González Martínez: diálogo e paciencia

A entrevista a Xosé González Martínez, presidente do Foro Peinador, que traballa na galeguización do mundo da empresa, expresa posicións moi realistas sobre a actual situación do proceso de normalización lingüística. «Pepiño de Redondela», un veteranísimo traballador das causas da nación e da lingua, insiste nesta entrevista na idea de pasar do ensino á economía o foco do traballo normalizador: «Os profesores de galego non teñen que ter como obxectivo formar escritores ou poetas, senón axudar a desenvolver unha vida profesional en galego. Por iso penso que especialistas en dereito e empresa, sociólogos e non filólogos, son os que teñen que atender prioritariamente ese labor porque son os que entenden de métodos e prospeccións, e saben da lexislación e das maneiras de aplicala. O futuro do galego está na economía e na empresa e iso esixe renunciar a tantas actitudes de arrebolar con pequenos conflitos que son unha perda de enerxía». As receitas de González para saír da encrucillada actual son ben sinxelas, diálogo constante e moita paciencia: «a lección que sacamos [refírese ao traballo con empresarios realizados dende o Foro] é que hai que ser máis flexíbeis e saber que sen paciencia non se consegue nada en política lingüística».

Vigo segundo Powerboat 1

Segundo leo na web dos organizadores da proba do Campionato do Mundo de Powerboat P1, que se celebrará en Vigo o vindeiro fin de semana, os idiomas que se falan en Vigo son o “Español” e o “Inglés ampliamente”. Mais esta parvada non é a única, xa que no texto de presentación de “Vigo Spain” (que recomenda a web institucional do concello nun banner), a única vez que se cita a palabra “Galicia” é para denominala “provincia”. Estas dúas boas meteduras de zoca –(como outras cuestionables recomendacións turísticas que se realizan para os visitantes, sexa dos museos ou dos restaurantes), que negan de cheo a existencia do idioma galego e reduce Galicia a unha mera provincia- non terían maior importancia (xa estamos afeitos a encaixar estas negacións da nosa identidade con humor), se non fose polo apoio entusiasta que a realización da proba lle proporciona a Tenencia de Alcaldía do concello vigués. Ben estaría que, polo menos, soubésemos cánto nos vai a custar ao peto de todos os vigueses esta competición organizada polo famoso produtor Mario Ubiaga! Incomprensible e anoxante que pretendan embobarnos con tanto glamour de tres pesetas!

E chegou Aguas de Mondariz

Afeitos como estamos a contar cunha polémica sobre a lingua cada semana, á cola do documento do Club Financeiro de Vigo, aparece agora o pronunciamento particular sobre o tema da empresa Aguas de Mondariz. No portal de AGAL pode lerse a correspondencia electrónica intercambiada entre responsables desta empresa e consumidores que solicitan información arredor da cuestión do uso da nosa lingua.
Fóra dos repetidos argumentos do documento do Club Financieiro (imposición do galego, dos problemas de recrutar profesionais entre 30 e 40 anos con familia… ) o fulcral do pronunciamento da centenaria empresa de augas radica en apostar polo inglés como segunda lingua: “[…] hasta los chinos pra comunicarse con el mundo la utilizan”. Unha vez máis, vencidos polos prexuízos, considérase que o galego non é unha lingua universal e que o seu uso é incompatible co aprendizaxe doutras linguas estranxeiras. Con todo, o documento conclúe expresando que a empresa continuará patrocinando e apoiando “a cultura gallega organizando eventos de literatura, teatro,música, etc, con la finalidad de promover el galego como una fuente de riqueza cultural, magia inspiracional y de melodía poética“, ao tempo que proporcionando unha xanela compasiva co futuro do noso idioma: “La tradición y la propia gente es lo que lo ha preservado y preservará esta mágica y hermosa lengua”. Todos os tópicos e prexuízos sobre a nosa lingua e a nosa cultura metidos nunha botella.

Sobre a polémica do documento do Club Financieiro continúan aprecendo textos moi interesantes. Aconsello a lectura da carta aberta de Xabier P. Docampo, o divertido artigo de Ánxel Vence no suplemento Estela de Faro de Vigo (non se pode acceder directamente na rede) e a anotación de Mario.

A anotación de "Tio Vivo"

A experiencia desta semana arredor da anotación do pasado martes sobre a plana de “Pepe el hincha”, publicada na revista Tio Vivo, foi das máis bonitas destas brétemas. Aos primeiros comentarios de Arume dos piñeiros e de Césare sobre o ano de publicación, sucedéronse diversas achegas ata chegar ás dúas de Gonzalo Vilas na que establece un data case exacta: 19 de xullo de 1964. Todas as contribucións foron tecendo a rede do coñecemento sobre o caso proposto: dende as estritamente futbolísticas, ás relacionadas co autor (o valenciano Peñarroya) ou coa editorial (Bruguera), ata outras literarias (como esoutra de Xosé Manuel González na que recorda que “Panduriño” é un personaxe secundario, con certa importancia na trama, da novela costumista de Alejandro Pérez Lugín La casa de la Troya).
Agradecido a todos os participantes na anotación (que aínda pode dar de si), recollo unha viñeta de “Mortadelo e Filemón”, da que dá conta Gonzalo Vilas, na que volven aparecer os “simpáticos galleguiños”.

Recordade premer sobre a imaxe para lela con maior facilidade.