Estudar galego na ESO fóra de Galicia

Coñezo por galego.org a presentación por parte de Esquerra dunha proposición non de lei, relativa á incorporación e/ou fomento da lingua catalana no ensino secundario e universitario. O deputado Joan Tardà (o que falou en catalán no Congreso) propón incorporar unha asignatura optativa de lingua e cultura catalanas na ESO, así como fomentar os estudos de lingua e cultura catalana nos centros universitarios do conxunto do Estado. A proposición foi aprobada pola Comisión de Educación, co voto en contra só do PP.
Velaí un camiño moi interesante para construír outra España respectuosa e curiosa coas linguas de todos. Só cando os rapaces estremeños ou cántabros coñezan mellor o galego ou o catalán (algúns porque o estudan, a maioría porque nos seus textos o tratamento destas linguas non é unha anécdota dun temiña de recheo), poderán valoralo tamén como un patrimonio seu.
Algun dos deputados galegos debería presentar inmediatamente unha proposición semellante para a nosa lingua. En Galicia existe, por riba, o paradoxo de que, a pesar de contemplarse legalmente a posibilidade, non existen centros de secundaria onde se imparta o portugués como segunda lingua (o francés é hoxe a optativa maioritaria na ESO), outro dos disparates que amosa a curtedade de miras da nosa política lingüística, ao que non é alleo o profesorado de galego e o conflito reintegracionista.
Ademais, sabemos da existencia de estudos preliminares por parte do Goberno para presentar nun futuro próximo no Congreso unha lei das linguas de España. Un debate moi interesante no que desde Galicia debemos participar activiamente e no que propostas como as de Tardà terán que ser contempladas.