Onte 770: O recurso de casación da RAG no Supremo
/en Goberno Feijoo, Lingua, Onte, Política/por bretemasO comunicado de onte de Prolingua salienta a importancia da admisión por parte do Tribunal Supremo do recurso de casación presentado pola RAG sobre o decreto de plurilingüismo. Ademais de abeizoar ao equipo de xuristas que preparou o recurso da Academia e conseguiu que fose admitido (o que sabemos é moi difícil), cómpre sinalar, canto menos, tres cuestións de feito tan relevante. A primeira, é posible a derrogación total do decreto e a elaboración dun novo a partir dos contidos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004. Esta admisión supón unha raiola de esperanza para os defensores da lingua galega no difícil proceso de restauración dunha política lingüística que capacite a todo o alumnado acadar a dobre competencia nas dúas linguas oficiais (o horizonte irrenunciable para o futuro do idioma galego). A segunda, no contexto actual da crise do modelo autónomico, a loita polos dereitos lingüísticos e a defensa do noso idioma supón unha complexa batalla de carácter social, político e tamén xurídico (tres eidos imprescindibles). A terceira, a Real Academia Galega ten un papel esencial nesta defensa xurídica da lingua galega, até levar a batalla (se fose necesario) ás máis altas instancias españolas e europeas. Sabemos que o dano provocado polo decreto de plurilingüismo está feito, que o retroceso na utilización do galego como lingua vehicular foi importante, que o Goberno Galego non incorpora as mudanzas impostas polas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; porén, noticias coma a que comentamos veñen «alumear de novo as tebras» da lingua de todos e todas.
Onte 762: O valego
/en Autores, Ensaio, Lingua, Novidades, Onte, Xerais/por bretemasChegaron do prelo os primeiros exemplares da monografía de Xosé-Henrique Costas González O valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres – Estremadura). Unha obra de referencia sobre o que Francisco Fernández Rei, prologuista do libro, considera o bacelo galego que prendeu na Serra de Gata no século XIII. O valverdeiro, o lagarteiro e o mañego, as tres falas do Val do Ellas, Os Tres Lugaris para os seus habitantes. constitúen un mesmo dialecto, o valego, glotónimo afortunado co que Costas bautizou a estas falas (esencialmente) galegas de Cáceres. Tras dúas décadas de investigación concienciuda sobre o terreo, Quique Costas ofrece unha monografía que chanta os alicerces para a posta en valor desta variante extramura do galego e para o desenvolvemento dunha lexislación lingüística que garanta os dereitos lingüísticos dos seus falantes estremeños. Ademais da completísima aproximación lingüística, o investigador de Castrelos ofrece unhas setenta primeiras (e extraordinarias) páxinas sobre o contexto lexislativo e político das linguas minorizadas en España, con especial atención á «Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias». Un libro escrito, ademais, cunha lingua de festa. Un ensaio fermoso e equilibrado, tan entusiasta coma rigoroso. Recoméndoo vivamente.
Iniciativa Paz Andrade
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Brasil, Iniciativas, Lingua, Política, Portugal/por bretemasNo artigo da semana en Faro de Vigo abordo os contidos da Iniciativa Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.
Unha ponencia da Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia traballa sobre a proposición de lei de iniciativa lexislativa popular Valentín Paz-Andrade, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía. Apoiada por máis de 17.000 asinaturas, esta iniciativa foi presentada a consideración do pleno polo empresario vigués Xosé Carlos Morell González o pasado 14 de maio, sendo aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos, coa participación na votación de todos os membros da cámara, o que constituíu un consenso inédito nas dúas últimas lexislaturas.
Redactada en apenas tres breves artigos, a proposición de lei pretende poñer en valor o que Valentín Paz-Andrade denominaba no seu ensaio “Galicia como tarea” (1959) potencial global “dunha lingua coa que os galegos e galegas podemos entendérmonos con millóns e millóns de persoas, aínda que a falen con distinto acento ou escriban de forma diferente certo número de palabras”. A da lingua portuguesa é unha comunidade formada por 254 millóns de persoas, un 3,6 % da poboación mundial, que alén da súa diversidade cultural, representa un considerable potencial económico. Segundo un estudo recente da oficina de estudos do Banco Espirito Santo supón o 4,6 % do PIB mundial e o 2 % do comercio internacional planetario. Se activamos esas potencialidades de comunicación lingüística que posuímos os galegos e galegas, poderemos con facilidade ser os cidadáns europeos máis capacitados para acadar o maior progreso no menor tempo nunha lingua internacional de referencia, hoxe a quinta máis falada no mundo, máis tamén a terceira máis utilizada nas redes sociais e a primeira máis falada no hemisferio sur do planeta. Unha oportunidade competitiva, sobre todo no eido económico, que non deberiamos estragar no contexto da crise económica, xa que algúns dos países desta comunidade lusófona presentan elevadísimas taxas de crecemento anual como Angola (17 %); mais sobre todo polas oportunidades de negocio e traballo ofrecidas por Brasil, un dos cinco países “brics”, chamados a revolucionar a xeoeconomía do século XXI. Sen esquececer a diáspora portuguesa polo mundo (cinco millóns de persoas) ou as pequenas comunidades como Macao, onde o portugués é lingua oficial xunto ao chinés, na que se están realizando grandes investimentos no eido da educación universitaria, sendo unha porta de acceso á China continental.
O primeiro artigo da iniciativa incorpora a aprendizaxe da lingua portuguesa en todos os niveis do ensino regrado. Ábrese así a posibilidade de aumentar de forma significativa o número de alumnos e alumnas galegas con competencia elevada en comunicación e expresión oral e escrita en portugués. Un obxectivo acadado xa por Estremadura, comunidade que (para a vergonza galega) posúe a sede do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, na que estudan portugués como segunda lingua máis de dez mil estudantes de Secundaria. Unha incorporación do portugués ao currículum que debería facerse coincidir coa implantación máis que probable dos novos currículums LOMCE no vindeiro curso 2014-15. O segundo dos artigos propón que será un obxectivo estratéxico do Goberno galego a relación a todos o niveis (económico, cultural, deportivo, ambiental…) cos países de lingua portuguesa. Este achegamento institucional suporía unha ollada galega cara o sur, primeiro con Portugal, con quen, como tantas veces sinalou o noso amigo o editor Nelson de Matos, “sempre vivimos tan preto, mais tan virados de costas”. Ollada que cómpre prolongar alén mar, cara os países africanos de lingua portuguesa e cara Brasil, país de oportunidades e horizontes abertos, onde Galicia é recibida con menos prexuízos ca en Lisboa. Por último, o terceiro artigo, propón lograr a recepción aberta en territorio galego das emisións de radio e televisión portuguesas. Unha medida (aparentemente) técnica que abriría por fin a derradeira fronteira con Portugal, a informativa, cultural e deportiva, esoutra barreira invisible que tras dúas décadas cos pasos fronteirizos abertos en Tui, Pontebarxas, no Xerés ou en Feces aínda non foi posible derrubar.
A máis que probable aprobación por parte do Parlamento Galego desta lei para o aproveitamento da lingua portuguesa debería supoñer o inicio dun proceso de achegamento efectivo, inclusivo e recíproco de Galicia con Portugal, Brasil e o resto dos países da lusofonía. Será o momento de recuperar con coraxe iniciativas políticas, económicas e culturais como as do Eixo Atlántico (hoxe moi diminuído na súa actividade) ou a decisiva presenza de Galicia como Observador Asociado da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP). Unha magnífica oportunidade para Galicia.
Onte 761: A lectura xuvenil como pasarela
/en Lectura, Lingua, Literatura infantil e xuvenil, Onte, Recurso_didáctico/por bretemasSigo dende hai tempo o excelente blog no que a profesora Gemma Lluch dedica atención ás narrativas dirixidas aos adolescentes e ás prácticas na web de promción da lectura. A raíz da publicación hai un mes dunha anotación que respondía á pregunta «a lectura xuvenil é unha pasarela para a educación literaria», xerouse un debate moi interesante ao que os editores educativos e de coleccións e titulos da denominada «literatura xuvenil» non podemos quedar alleos. Neste debate é sempre útil diferenciar entre lectura e lectura literaria, como tamén entre relatos de características paraliterarias e textos literarios, nos que se encadrarían aqueles da tradición literaria, dende as obras clásicas aos textos fundacionais das nosas culturas. Comparto a análise de Gemma Llluch de que nalgúns contextos educativos a lectura xuvenil pode ser unha pasarela para acceder a unha educación literaria; mais tamén poderiamos afirmar que hai razóns para todo o contrario. Seguindo este debate, semella esencial a secuencia e as características do traballo de aula preparado polo profesor ou profesora de lingua e literatura. A clave, en definitiva, estaría en como se traballan as competencias de comunicación e expresión oral e escrita, nas que a lectura ten un peso decisivo, como na abordaxe da literatura como a súa gozosa expresión artística. Recomendo as anotacións e o blog de Gemme Lluch, guieiros nun debate que non está moito menos pechado.
Onte 743: Des-normalización
/en Educación, Lingua, Onte, Recurso_didáctico/por bretemasValentina Formoso pon o dedo na chaga. No artigo publicado na sección «Voces» de Prolingua denuncia as políticas sibilinas con función des-normalizadora sobre a cultura galega e para a lingua en particular. Unha choiva morna que vai enchoupando de prexuízos a valoración da cultura e linguas de noso. Este é, entre outros, o caso dalgúns contidos de libros de texto de Lingua castelá e literatura que negan a nosa lírica medieval galego-portuguesa, incluíndoa no corpus da «literatura castelá». Outrosí sucede cos contidos referidos á sociolingüistica e as escasas e prexuizosas referencias ás linguas cooficiais recoñecidas na propia Constitución. Probablemente nesas páxinas de materiais curriculares de importante difusión en todo o sistema educativo español, incluído o galego, poidamos atopar algunhas das raíces dos prexuízos e actitudes desgaleguizadoras tan presentes no actual ensino secundario, como as actitudes anticatalás ou antivascas, por fortuna só presentes en sectores minoritarios. Recomendo o excelente artigo de Valentina Formoso.
Onte 740: Gratitude
/en Goberno Feijoo, Lingua, Onte, Persoal, Política/por bretemasNon foi onte un día que comezase con grandes doses de temperanza. Primeiro foi a indignación que me produciron as declaracións do presidente Feijóo cualificando de «chiste» as palabras do alcalde de Beariz apoiando a Franco. Logo chegaron as de Jesús Vázquez cualificando de «non demócratas» ás persoas que nos opoñemos ao decreto de plurilingüismo e esvarando supostas complicidades co terrorismo aos que criticamos un decreto corrixido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Non o nego, quedei moi doído e desacougado por tan inxustas e inconcebibles cualificacións. E non é doado para min facer o esforzo de moderación necesario para evitar o mesmo erro no que caíu o conselleiro de Educación. A lingua é un patrimonio de TODOS e o seu futuro é responsabilidade de TODOS. Non hai volta nin mellores argumentos para o caso. Por fortuna, á primeira hora da tarde chegou a chamada agradecida e agarimosa de Josefina Fernández Mosquera, a viúva de Olimpio Liste. Foi unha beizón e un acougo. Unha conversa telefónica de apenas cinco minutos capaz de me demostrar que aínda existen as persoas boas e xenerosas. A miña profunda gratitude para dona Fina pola súa temperanza en momentos tan difíciles para ela.
Que tinguem sort
/en Efemérides, Goberno Rajoy, Lingua, Música, Política, Recurso_didáctico/por bretemasOnte 654: A noite das cacharelas
/en Festas, Lingua, Onte, Vigo/por bretemasDebatemos hai un par de días arredor da grande diversidade de nomes que recibe no país de noso o lume novo da noite de san Xoán. Semella que para os meus amigos Galicia divídese entre os territorios das «cacharelas» e o das «lumeiradas». Entre os participantes na conversa «cacharelas», «cachelas», «cachadas», «cacheiras», «fogueiras» ou «fogueiradas» serían as denominacións máis populares dos lumes nas Rías Baixas e nas Terras de Santiago; mentres que «lumeiradas», «lumeradas», «laradas», «lumaradas» ou «luminarias» o serían nas terras ártabras. En todo caso, sexa cuns nomes ou con outros, a do lume novo é unha festa popular que mantén en todo o país o seu maior pulo para celebrar a chegada do verán, que desta volta semella quedará con nós (polo menos durante unha semana). Alá foron na noite de onte coas cancelas e coa cachifallada toda, os peores agoiros deste tempo ruín. Os mellores desexos e as mellores lecturas para o verán!
Onte 646: O éxito do punto gal
/en Cultura, Internet, Lingua, Onte/por bretemasA aprobación por parte do ICANN dos novos dominios punto gal e punto eus, para a lingua e cultura galegas e euscalduna, constitúe un éxito colectivo moi esperanzador. A partir de inicios de 2014 contaremos coa posibilidade de achegar un novo pulo á presenza da nosa lingua e do pobo galego na Internet. A consecución do punto gal terá unha consecuencia simbólica (Galicia,o seu pobo, a súa lingua e a súa cultura contarán cunha presenza diferenciada na rede universal), mais tamén impulsará a presenza do galego en Internet, xa que os beneficios xerados pola xestión do dominio serán reinvestidos nesta tarefa. Os promotores teimosos da iniciativa merecen todas as nosas beizóns e gratitude. Con todo, o académico Manuel González merece todos os parabéns. Na mesma semana que abriu o Portal das palabras, proxecto que codirixe, a asociación Punto Gal, da que é presidente, fundador e impulsor, obtén esoutro éxito. Senllos fitos históricos extraordinario para a lingua galega, que moito lle deben ao coñecemento e á capacidade de forxar proxectos colectivos do lingüista de Mazaricos. Coincidindo co trinta aniversario do aprobación da Lei de Normalización Lingüística, entre pasos adiante e algúns atrás, foi esta unha semana para a esperanza da lingua galega.
Na foto aparecen algúns dos membros da directiva da Asociación Punto Gal.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- Solsticio celta23 de Decembro de 2024 - 9:44 a.m.
- Os Baltar18 de Decembro de 2024 - 4:17 p.m.
- AVE polo Miño17 de Decembro de 2024 - 7:05 a.m.
- Doutrina 79/201011 de Decembro de 2024 - 9:04 p.m.
- Casal11 de Decembro de 2024 - 8:49 p.m.