Onte 1537: «O último día de Terranova» en Vigo

Rivas_Patiño_18-12-2015

XG00215001O pintor Antón Patiño e o escritor Manuel Rivas conversaron onte no Club Faro de Vigo arredor d’ O último día de Terranova. Antón, fillo de Antón Patiño Regueira, o fundador de Librouro, lembrou a presenza do seu pai na oficina da libraría «onde estaban os libros marxistas e os libros en galego, que chegaban ás veces mollados, moi protexidos, que viñan nos sotos dos transatlánticos ingleses e chegaban á libraría por medio dos camareiros galegos destes barcos, conformando así unha rede perfectamente organizada de contrabando de libros galegos prohibidos durante os anos da ditadura. Así chegaron as edicións arxentina como As cruces de pedra na Galiza e Sempre en Galiza de Castelao ou Pensamento e sementeira.» Lembrou tamén Antón como o seu pai encargara «unha edición en formato peto de Sempre en Galiza, que se preparou a partir dunha redución da páxina orixinal, o que dificultaba moito a lectura, mais da que se venderon varios milleiros de exemplares en Librouro».

Antón Patiño comezara cualificando O último día de Terranova como «un libro aínda quente, con palabras latexantes, ao que cómpre achegarse como a un ser vivo, onde Rivas fusiona o seu fascinio pola literatura coa que mantén coa natureza no seu último libro de poemas A boca da terra». «O último día de Terranova mantén como fios condutores a fidelidade e a coherencia coa memoria, coma xa fixera n’ Os libros arden mal, un libro árbore co que esta novela mantén moita relación.» Patiño insistiu en que esta novela de Rivas era unha ponla ou unha raíz d’ Os libros arden mal, «unha aleación entre realidade e ficción, soño e realidade, un libro que se enche de libros, de auga, de medos, de sons e texturas». «A dictomía entre cultura e natureza non existe para Rivas, xa que na súa obra constitúen unha aleación máxica.» Rematou Patiño cualificando O último día de Terranova como «unha homenaxe aos libros como sers vivos, onde non falta o humor nin a simultaneidade vangardista, construída coma un palimpsesto, onde se fusionan a literatura e a vida».

Onte 1534: Nadal con libros, en Islandia

islandia-ritos-funerariosEn Librópatas lin onte unha anotación magnífica de Raquel C. Pico sobre a tradición islandesa de recibir e agasallar un libro por Nadal. Como en boa parte das sociedades europeas de tradición cristiana, en noiteboa os islandeses e islandesas intercambian os agasallos, entre os que nunca faltan os libros, que todos e todas reciben e agasallan, para logo pasar lendo esa noite. Na anotación reparei nun feito que me pareceu moi salientable dentro do jólabókaflóð, a tempada previa de lanzamentos editoriais, a do Bókatíðindi, un catálogo no que aparecen todos libros publicados no ano, que se recibe en todas as casas, supoño que semellante aos de xoguetes e aparellos electrónicos chegados ás nosas. En Islandia os libros son parte das tradicións de Nadal, o que non resulta raro na sociedade (probablemente) máis lectora e con actividade literaria máis intensa das europeas. Admiro un país que é capaz de definirse pola súa literatura e no que cada un dos seus habitantes merca unha media de 8 libros por ano.

Onte 1509: Gala do Libro Galego

AELG-AGE_FLG.20-11-2015

O anuncio que onte fixeron os responsables da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega de Editores (AGE) e da Federación Librarías de Galicia (FLG) da celebración da Gala do Libro Galego o 14 de maio de 2016 constitúe un fito histórico. Unha iniciativa colaborativa enmarcada nun acordo máis amplo de traballo dos axentes do sector do libro galego, ao que se considera estratéxico para o país e cun papel fulcral na normalización cultural e social do noso idioma. O feito de convocar uns únicos premios, con 14 modalidades, outorgados coa participación dos membros das tres asociacións convocantes facilita un salto de xigante para a visibilización e recoñecemento social do sector da creación literaria, a edición e a libraría galega. As dúas iniciativas de colaboración intersectorial presentadas esta semana, a Gala do Libro Galego e a programación de Culturgal, amosan que con estratexias colaborativas, xenerosidade, responsabilidade e altura de miras é posible enfrontar os difíciles retos para a cultura na nosa lingua. Beizóns aos promotores e facilitadores deste proceso de tan valiosa unidade das letras galegas.

Onte 1447: Plan de fomento do libro

sybillineDo debate cos partidos políticos organizado pola Federación de Gremios de Editores sobre a súa proposta de poñer en marcha un plan de fomento do libro e da lectura recollo apenas as posicións do partido do goberno sobre as bibliotecas e as librarías. Non me sorprende que o Partido Popular continúe teimando, como ven facendo dende 2012, en suprimir a partida dos orzamentos do estado destinada a compra de novos fondos para bibliotecas públicas, deixando toda a responsabilidade deste caso ás comunidades autónomas e administracións locais. Sen dotación, as bibliotecas públicas non poderán transformarse no corazón da actividade lectora e de acceso á información nos diversos soportes de cada comunidade local. Porén, semella que o partido de Rajoy está máis preocupado polo futuro das librarías, asfixidas pola perda dun terzo da súa facturación dende 2008, para as que promete poñer en marcha un selo de calidade que identifique aquelas que realicen un papel dinamizador no seu entorno local.

Medidas de apoio ás bibliotecas e ás librarías necesarias, mais moi insuficientes para que o sector do libro no seu conxunto poida facer fronte aos efectos do seu proceso de hibridación disrutiva. Levo tempo defendendo que só un plan transversal de fomento da lectura, desenvolvido no sistema educativo regrado e na rede de educación non formal, financiado por todos os poderes públicos e apoiado por diversas iniciativas privadas, permitirá incorporar a lectura como un dos temas preferentes da axenda pública, utilizada polos partidos políticos e polos medios de comunicación. Sen o compromiso por unha revolución lectora, temo que medidas illadas como as comentadas queden en auga de castañas.

Onte 1444: Principio de Arquímedes

porlaputaLeo con interese unha entrevista que un medio colombiano fixo a Manuel Gil, unha das persoas que reflexiona sempre con maior radicalidade sobre o proceso actual de hibridación da lectura e da industria editorial. Gil resume o seu diagnóstico/prognóstico no que denomina «Principio de Arquímedes da industrial editorial»: «Conforme emerxa o libro dixital, o libro en papel vai desaparecer». Sei que esta profecía ten o seu fundamento, xa que hai contidos (como os enciclopédicos) que os editores xa non imprimimos, sendo substituídos polo soporte dixital. Mais tamén sabemos que hai tipos de edición impresa que están coñecendo un momento excelente, como o álbum ou a banda deseñada. Gil entende que a solución para evitar que o libro en papel desapareza pasa pola creación por parte das editoras dunha rede de comercialización baixo demanda en cada país, na que os lectores e lectoras que prefiran este soporte poidan solicitalo. Un modelo de negocio semellante ao que o Grupo Arnoia propón en Kalaiki, no que se integran a impresión e distribución baixo demanda sen tirada mínima.

Xaora, Gil non sabe cal vai ser o ritmo desta hibridación disruptiva do sector editorial, en definitiva, responder á pregunta de cando vai desaparecer o libro impreso, aínda que semella que vai padecer unha longa agonía. Cremos que este proceso de hibridación non vai ser alleo ás políticas de lectura e alfabetización informacional que os poderes públicos poidan desenvolver na súa rede de bibliotecas como tampouco ao modelo de dixitalización adoptado nos sistemas educativos. Bibliotecas e políticas educativas dixitais convértense así en dous dos lados do triángulo dos futuros do libro. Nas características desa intervención pública pode radicar a validez deste Principio Arquimedes para o sector do libro.

Onte 1388: Cifras da edición galega recente

libros_samanthaO Observatorio da Cultura Galega recompilou os datos dispoñibles, procedentes do ISBN e dos estudos de Comercio Interior do Libro, que axudan a comprender o estado da edición en Galicia e en galego recente. Entre tantas cifras saliento o que entendo son algunhas claves e tendencias.

Primeira. Tras unha importante diminución do 47,53 % do número de títulos editados en Galicia e do 43,99% dos editados en galego, entre 2010 e 2013, no pasado ano (2014) produciuse un incremento do 15,4 % da edición galega e do 23,63 % da edición en galego. Incrementos que se deben, sobre todo, aos da edición electrónica que se duplicou no último ano en ambos os dous casos. No entanto, o libro dixital supuxo en 2014 o 20,1 % en Galicia e o 26,37 % do editado en galego. Porcentaxes que acreditan no proceso de hibridación da actual oferta (ca non da facturación) do noso sector editorial.

Segunda. A edición en galego, no entorno do proceso de hibridación (2008 a 2014), mantense en porcentaxes superiores ao 60 % do libro editado en Galicia. Neste contexto no último ano é significativa a importante baixada do número de títulos traducidos do castelán e a continuidade da dependencia do subsector do libro escolar e infantil e xuvenil, aínda que o primeiro xa exprese unha clara tendencia á baixa do número de títulos editados.

E terceira. Que o sector editorial e as persoas relacionadas coas actividades da edición en Galicia ocupen a 5.438 persoas é unha estimación moi a ter en conta, máis aínda nun sector de actividade que perdeu un 35 % do emprego dende 2008.

Mágoa que non contemos aínda cos datos máis desagregados do estudo do Comercio Interior do libro de 2014, que se coñecerán, previsiblemente, a comezos de outubro coincindo coa inauguración de Liber. En todo caso, entendo que estes datos do OCG expresan unha tendencia a un lixeiro repunte da actividade editorial da man do libro electrónico (ca non do libro impreso) e unha diminución da oferta do mercado paraescolar, a pesar de que continúa artellando a actividade de creación e distribución do sector.

Onte 1362: Tendencias de consumo cultural

evolucionconsumocultural

Cheguei onte a unha anotación esencial do meu admirado Txetxu Barandiarán sobre datos económicos e tendencias no consumo cultural en España. Non hai dúbida que os datos agoiran malas perspectivas para os sectores do libro e das publicacións periódicas: de 2006 a 2013, no entorno da chamada crise económica, o consumo cultural descendeu en España un 25 %, manténdose moito mellor os sectores dos espectáculos cos das publicacións e aumentando todo o relacionado con Internet. A pesar de que os datos apenas expresan tendencias, non é difícil identificar que a compra media por persoa de libros (30,00 euros en 2006, 19,00 en 2013) e publicacións periódicas vai á baixa, supoñendo en 2013 só a metade do gasto anual de cada persoa en Internet (88,20 euros). Tratándose de datos referidos estritamente ao consumo de produtos e servizos, descoñecemos se a lectura como actividade de lecer, adopta un perfil semellante, modificado polo incremento de uso das bibliotecas e polo acceso a contidos textuais dixitais gratuítos. Como tampouco sabemos se estamos diante dunha mudanza de hábitos do consumo cultural ou só do procedemento de acceso aos contidos. En todo caso, as consecuencias para a reorientación urxente do sector do libro parecen evidentes.

Onte 1323: O XXI, século da lectura

reimprimete_12-05-2015

O escritor César Antonio Molina, director da Casa del Lector, pronunciou a conferencia da terceira edición do Reimprímete, o foro que o Clúster do Produto Gráfico e a Asociación Galega de Editores organizan cada ano para facer un seguimento do proceso de hibridación do libro e do produto gráfico. As fermosas e documentadas palabras do que foi ministro de Cultura do primeiro goberno Zapatero destilaron un aroma de melancolía, que non impediu que Molina fixese un chamamento enérxico á mobilización dos axentes da cultura para transformar «o século XXI no da lectura e no dos lectores», «para o que cómpre rematar coa dicotomía excluínte entre o analóxico e o dixital, na procura da formación dun lector multisoporte e plurilingüe.»

César Antonio confesou que «sempre acreditara no feito que a loita pola democracia traería o hábito da lectura xeralizada e a cultura como ben esencial…» «Nos anos 70 e 80 estivemos a punto de conseguilo, mais agora entramos nun período de certa involución. Hoxe temos un problema severo de lectores, sen eles todo o demais sobra. Na educación básica non soubemos facer difusión da lectura, crear ese hábito. As humanidades foron relegadas no sistema educativo, como proba que a Filosofía fose relegada pola programación de ordenadores. A marcha atrás é xigantesca. O feito de non ter sementado lectores leva a que agora chegan á madurez as primeiras xeracións de non lectores. Comprendemos agora que a lectura é un elemento democrático esencial.»

Para Molina «o futuro da cultura está nos arquivos dixitais. O 72 % dos usuarios das bibliotecas americanas buscan información nos soportes dixitais, que se fose necesario profundizan despois no soporte papel. Hoxe o aire que respiramos componse de osíxeno, nitróxeno e información.» Insistiu o coruñés na importancia da lectura: «Ler é unha condición inseparable do ser humano. A lectura é unha forma de relación coa vida, un nutriente da especie humana. Somos homo videns que aprendemos ao longo de toda unha vida que depende da variedade e potencia da nosa lectura. Ler permite interpretar o mundo que nos rodea e os espazos interiores que nos constrúen como persoas.» «Sigo crendo na validez da afirmación “amosarme as vosas bibliotecas e direivos como sodes”», concluíu no seu alegato a prol da lectura como forma de humanización.

Despois de definir o proceso de hibridación da lectura, como «a convivencia do sólido e do líquido», César Antonio afirmou que «estamos no abrente dun novo descubrimento lector, no albor dun novo paradigma, dunha nova oportunidade para abrir un novo ciclo cultural.» Un novo modelo de lectura no que identificou diversos perigos: «a dificultade de centrar a atención e realizar unha lectura silenciosa; e a pulsión excesiva pola velocidade, contraditoria coa lentitude que require o proceso lector.» «Ler con concentración, atención e silencio non depende do soporte.»

Dedicou a última parte da súa intervención a comentar algúns contidos de Smart, o ensaio recente de Frederic Martel sobre a cultura e o fenómeno de internet e as redes sociais. «Para Martel o novo modelo económico da cultura virá polas suscricións ilimitadas.» «Desenvolverase unha nova cultura onde a crítica será reemprazada polas recomendacións dos usuarios e polas conversas nas redes sociais. A conexión permanente entre os usuarios marcará os gustos e as tendencias dos contidos dixitais distribuídos polas multinacionais. Os dereitos de autor desaparecerán. A cultura será un sector sen ánimo de lucro, ond eo mecenado terá maior importancia que a cultura pública. A cultura mudará o produtor polo servizo.» Para César Antonio Molina o preocupante panorama presentado por Martel levará «á desintermediación educativa e cultural, realizada por profesionais como editores, xornalistas, profesores e bibliotecarios, para ser substituída polas recomendacións elaboradas por algoritmos descoñecidos en mans de Amazon, Google ou Apple, empresas que controlan os nosos movementos, as nosas consultas, intereses, a través dunha espionaxe a todas luces ilegal.»

 

Onte 1312: O pregón de Manuel Portas na feira de Compostela

1610923_1084552874891876_7659248014458748685_n-1

Magoa que Manuel Portas non puidese pronunciar onte o pregón que preparou para a inauguración da Feira do libro de Compostela. Unha peza literaria magnífica na que defendeu o libro («o libro sermpre será o libro»), a lingua, a creación literaria, as librarías e esixiu o compromiso das administracións co mundo do libro e das industrias culturais («que en Galicia supoñen o 2 % do PIB e 23.000 empregos»). Particularmente fermosas foron a súa metáfora da defensa da lingua representada na palabra donicela («agardo que neste país se siga acariñando o lombo da donicela coa dozura desta palabra e que nos seus libros os escritores, as escritoras, sigan a mentala así»), como as súas referencias ao Santiago literario («onde está a esencia cultural e a memoria histórica da galeguidade e do galeguismo»). Un gran texto este pregón de Portas, que onte tiven a fachenda de ler no seu nome por mor do pasamento de Concepción Barreira. As miñas beizóns para Manolo Portas en días tan dificiles para el e para a comunidade educativa do instituto Xelmírez I.

O texto do pregón pode lerse ou descargarse aquí.

Edición hibridada

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o proceso de hibridación dos soportes de edición.

descargaNas entrevistas que me fan como editor en lingua galega é frecuente que me pregunten sobre como enxergo o futuro do libro e, máis en concreto, o do libro electrónico. Dende hai ben tempo asumín que a dixitalización no eido da edición provocaría unha disrupción, unha ruptura abrupta, un cambio determinante no concepto de libro e na forma de entender a lectura, na medida que as utilidades hipertextuais e multimodais dixitais son capaces de desenvolver un novo paradigma de comunicación cultural, unha auténtica revolución na lectura. Teño reiterado nas miñas intervencións que toda a edición hoxe é hibridada na medida que coexisten os soportes impresos e os dixitais, os libros en papel e os libros electrónicos (en formato epub), os xornais impresos e os que lemos na web ou na aplicación dun teléfono ou taboíña.

Porén, hai cada vez máis indicios de que a evolución do proceso de dixitalización editorial, que concebiamos sería disruptiva e veloz, semella se está ralentizando. Son cada vez máis numerosos os indicadores que amosan que o libro electrónico non acaba de consolidar nin o seu formato nin chantar raíces sólidas no seu mercado. Semellaría que polo momento o libro eléctrónico non pode co libro en papel, a pesar de contar co formidable soporte publicitario dos seus distribuidores estadounidenses case oligopólicos (Amazon, Apple e Google) e co apoio incondicional das empresas de telefonía móbil, as primeiras interesadas no incremento do tráfico que a lectura electrónica provoca.

As vendas de libro electrónico non se incrementan na progresión que hai apenas dous anos semellaba imparable. Nos Estados Unidos, até agora o mercado que marcaba as tendencias no proceso de dixitalización, onde existe un 6 % de lectores e lectoras que declaran ler só en formato dixital, o pasado ano o libro electrónico medrou apenas o 4 %, freándose o devalo do mercado dos libros impresos que en 2014 medraron un 2,4 %. No Reino Unido no pasado nadal nas grandes cadeas de librarías tamén aumentaron as vendas de libros impresos. Mentres no máis recente observatorio do libro do Ministerio de Educación e Cultura sinala que en 2014 a edición dixital diminuíu en España nun 1,9 % mentres que a impresa medrou nun 3,7 %. Un retroceso para o mercado do libro dixital que a Federación de Gremios de Editores de España estima supón apenas arredor do 4 % da súa facturación (porcentaxe semellante a de Francia e Alemaña) de máis de dous mil millóns de euros a prezo de capa. Un fenómeno que no caso do libro en lingua galega supón unha porcentaxe aínda máis modesta, apenas o 1%, a pesar de que nos dous últimos anos se incrementou o catálogo de libro electrónico en galego até os 400 títulos.

Cifras modestas para o libro electrónico, nas que inflúe o gravame que supón o disuasorio 21 % de IVE e o comportamento irresponsable con autores e editores daquelas persoas que baixan de forma indiscriminada milleiros de títulos electrónicos considerando que todo o contido dixital debe ser gratuíto. Como outro síntoma da crise do actual modelo de libro electrónico é a diminución das vendas en todo o mundo dos e-readers, os lectores de tinta electrónica concibidos especificamente para ler, mentres que aumentan as das taboíñas e smartphones, a pesar de ser aparellos incómodos para lecturas prolongadas. Unha tendencia que se consolidou cando a empresa Sony, a pioneira no deseño de lectores electrónicos, anunciou que deixaba de fabricar os seus aparellos para o mercado europeo, incapaz de competir co Kindle de Amazon e coas taboíñas con pantallas de cor capaces de ofrecer máis posibilidades de lectura e acceso ás redes sociais. Unha tendencia que obriga aos editores a redefinir o actual produto electrónico e orientalo cara o dos “libros enriquecidos” coas utilidades hipertextuais de texto, audio e vídeo.

A edición hoxe é hibridada. Probablemente as publicacións impresas e dixitais convivirán durante máis tempo que o anunciado polos gurús da dixitalización nas súas profecías interesadas. Xaora, iso non nega o carácter disruptivo desta mudanza hipetextual da edición nin a necesidade que os sectores do libro e da prensa desenvolvamos novos produtos e novos modelos de negocio sostibles para unha nova cadea de valor. Fenómenos novidosos como o servizo de préstamo de libro electrónicos na rede de bibliotecas públicas ou as experiencias de emprego de materiais didácticos dixitais nas aulas expresan que esta hibridación da lectura xa non ten volta atrás. Como tamén cómpre ter en conta o éxito actual dalgúns xéneros de edición impresa, como o dos libros de fotografía, arte, cómic, os álbums ilustrados ou mesmo (para romper tópicos) o dos libros xuvenís, que demostran que no futuro os libros impresos máis fermosos continuarán sendo imprescindibles.