Onte 1283: A canción de Manuel

a_cancion_de_manuelDende hai catro anos, coincidindo co 2 de abril, Día internacional de concienciación sobre o autismo, tamén Día internacional do libro infantil e xuvenil, Olga Lalín e Seso Durán, profesores de ensino secundario e pais de Manuel, un pequeno de seis anos que padece trastorno do espectro autista, publican unha canción na rede coa intención de darlle visibilidade a esta xornada.

Sempre baixo o título d’ A canción de Manuel, Olga e Seso foron construíndo unha achega musical e educativa moi valiosa para desfacer prexuízos e achegar visibilidade sobre este trastorno que afecta a un de cada 150 nenos, con especial incidencia sobre os varóns, catro de cada cinco diagnosticados. Seso e Olga expresan nas palabras limiares do primeiro tema (A canción de Manuel I, 2012) que «a percepción do mundo [do seu fillo] non é coma nosa, mais ten todo o sentido»; que «convivir co autismo é subir unha montaña invisible cada día, unha montaña que nos axudan a subir mans expertas e que nos dan alento cando fai falta.» «Ás veces parece que o autismo é unha man que aperta moi forte o meu corazón, e non me deixa vivir, entón chega Manuel, colle a man que me aflixe e a fai desaparecer co seu sorriso» confesa Olga no limiar do segundo (A canción de Manuel II. Alí estarei, 2013). O recitado de números  como conquista da linguaxe e da memoria, mais tamén como aloumiño do aire, centrou o terceiro (A canción de Manuel III, O oito, 2014). «Somos refuxio e somos desvelo e somos as mans pegadas. Quen vai ir da túa man, un día? Quen vai ir contigo?» pregúntanse Olga e Seso na cuarta entrega, ao fío dos momentos tan duros vividos cando coñeceron o diágnóstico de Manuel (A canción de Manuel IV. Son o teu medo, 2015). Catro cancións preciosas, escritas con inequívoca caligrafía azul, esta tinta da sensibilidade imprescindible para coñecer, comprender e difundir que «o esencial é invisible».

Dende o proxecto d’ A canción de Manuel, como dende o espazo de Fb Alto como unha montaña, apélase á responsabilidade e compromiso das autoridades educativas e sanitarias para mellorar e implementar un modelo de atención integral para as persoas con diversidade funcional, respectándoas como cidadáns de pleno dereito. A nosa maior admiración para todas as familias, profesionais e asociacions que traballan na escuridade deste territorio de esperanza.

Recomendo ler esta anotación do blog de  Seso Durán na que explica a poética da canción deste ano, na que o propio Manuel, cunha cámara colocada na súa fronte, deitaba a súa ollada sobre o seu arredor, durante un paseo por Vigo. Como tamén estoutra do blog de Olga Lalín na que se contextualiza esta reclamación para a abordaxe integral do TEA no marco dos dereitos da infancia. Moi interesantes e clarificadoras as dúas.


Onte 1269: #eusiqueleo

10428659_854637574594886_7522807322905553059_n

A Asociación Galega de Editores promove #eusiqueleo, unha campaña nas redes sociais coa intención de visualizar a lectura na rede como fonte de pracer, coñecemento e aprendizaxe. A iniciativa chama a que antes do 21 de abril fagamos unha foto co libro que estamos lendo e a compartamos nas redes (Twitter, Fb, Instagram…) co hastag #eusiqueleo. Así poderemos participar no sorteo do lote dos sete libros premiados na Noite da Edición 2015. Quen non teña aínda perfil nalgunha destas redes, pode mandar a súa foto ao correo eusiqueleo@gmail.com e poderá vela publicada no perfil de Fb habilitado pera o concurso. Outra iniciativa para animar a primavera dos libros e as súas tres datas claves: o 2 de abril, día internacional do libro infantil e xuvienil; o 23 de abril, día internacional do libro e dos dereitos de autor; e o 17 de maio, día das letras galegas.

Onte 1194: Brétemas, 10 anos

Bretemas_03_01_2005

Tal día como onte de hai dez anos comecei estas Brétemas. Dende entón publiquei 4.667 entradas, fixéronse máis de dez mil comentarios e realizáronse varios millóns de visitas ás entradas do blog. Iniciado en Blogger, no marco do entusiasmo do blogomillo, pasou catro anos despois a Word Press, acollido primeiro pola xenerosidade de Blogaliza e logo, xa con dominio propio, aloxado por Pumpún, até que o pasado decembro migrou ao dominio punto gal.

Dende o inicio foi un blog persoal, con certa vontade memorialística de recoller a miña experiencia como editor de Xerais, razón pola que as súas preocupacións principais foron e continúan sendo os temas relacionados coa edición, a lectura, a lingua e a educación. Xaora, iso non impediu, madia leva!, que en Brétemas se escribise moito sobre política no marco desta crise devaluadora, de fútbol e doutras belas artes. Sen esquecer que tamén dende as orixes, o blog tivo unha intencionalidade de ensaiar e máis tarde desenvolver as posibilidades dunha escrita hipertextual, o máis económica, rica e atractiva que o tempo dispoñible diariamente me permitise.

Botando unha ollada cara atrás, é doado identificar as mudanzas que se foron producindo en Brétemas, provocadas polas do propio soporte e pola aparición das redes sociais e informativas, como pola propia hibridación do paradigma da comunicación cultural. O papel de Brétemas e do blogomillo mudaron coa chegada de Twitter, ao que me incorporei en febreiro de 2009, e de FB, onde migrou a conversa e se conformou unha nova comunidade lectora. A pesar diso, sempre acreditei no valor do blog coma cerne da miña identidade dixital, tanto pola posibilidade de achegar continuidade a varias series textuais (que sempre gustei en numerar) como «Onte» (un dietario con máis de tres anos de vida), «Campo de Granada» (artigos semanais que levo publicando en Faro de Vigo dende hai dezaseis anos con atención prefernete á cidade de Vigo) e «Campo do Fragoso» (crónicas dos partidos que o Celta xoga en Balaídos, das que me ocupa dende hai dez tempadas), como pola súa posibilidade como enorme arquivo dixital, utilidade extraordinaria na que teimei etiquetando o contido de cada anotación todo o que me foi posible.

Nunca esquecerei que cando iniciei o blog, o mesmo día que o meu benquerido Jaureguizar o facía cos seus Facendo amigos, non sabiamos sequera facer un hiperenlace. Dende entón, todo o que aprendín lendo e escribindo na rede non ten prezo. Bloguear é sinónimo de compartir e colaborar. Bloguear supón manterse permanentemente á espreita, compartindo e modulando unha voz dixital propia.

Abonda coa retórica do autobombo. Continuarei na escrita de Brétemas mentres teña algo que compartir, azos e tempo para facelo. A miña maior gratitude para todas as persoas que as len, critican, comentan, rechían e comparten. Seguimos…

Onte 1180: «Tita», o documental

antía_calMiguel Piñeiro está filmando en Muras Tita, un documental sobre a nosa admirada Antía Cal. A raíz da publicación hai uns meses d’ O libro dos nenos galegos, o que foi un material didáctico en galego, inédito dende 1958, utilizado nas aulas do colexio Rosalía de Castro de Vigo e no que Antía Cal contou coa colaboración de Antón Beiras, o seu home, Piñeiro desenvolve un proxecto de documental longo no que pretende recuperar a memoria e o pensamento crítico dunha das figuras emblemáticas da renovación pedagóxica en Galicia durante a segunda metade do século XX. O proxecto pode seguirse dende os seus perfís en facebook e twitter, nos que se publican testemuñas da gravación. Recomendo compartir unha vídeonadaliña sobre o idioma publicada onte. Xaora, Tita alerta que o galego sofre e en 2015  cómpre responsabilizarse, «faille na túa vida sitio ao galego».

Onte 1167: Despois de Culturgal

Culturgal_2015

Tras tres xornadas moi intensas no Culturgal, tempo é de coller apenas uns minutos de acougo sequera para expresar a nosa gratitude pola impresionante resposta dos públicos, dos feirantes e dos artistas participantes nesta feira, que xa é por vontade teimosa de todos eles un dos referentes anuais para a cultura galega. Recoñecemento para Xosé Aldea, o director de Culturgal, e para Cecilia Carballido e Arancha Estévez, responsables de produción e comunicación, capaces de facer funcionar a maquinaria moi complexa da feira coa precisión e harmonía da que fixo gala na noite do sábado a gran banda da Bandeira. Gratitude para Paula Cabaleiro e Antón Sobral, comisarios da exposición de libros de artista, capaces de coordinar o traballo creativo de 50 artistas durante moitos meses e ofrecer unha fermosa montaxe cos medios dos que dispoñían. Gratitude para cada unha das profesionais e dos técnicos que rexeron os espazos, foros e responsabilidades administrativas, de comunicación, limpeza e seguridade. Gratitude para os universitarios voluntarios pola súa xenerosa dispoñibilidade. Grazas ao persoal do restaurante e cafetaría que nos mimaron a todos cun café excelente, un dos éxitos da feira. Beizón para cada un dos esforzados feirantes que padeceron no seus espazos a dolorosa síndrome de máis de trinta horas de moqueta. Beizóns para artistas, autores e profesionais que participaron nas máis de 150 actividades. Culturgal 2014 concibiuse, arranxouse e desenvolveuse con espírito colaborativo, utilizando os sintagmas de ledicia, entusiasmo, rigor, orgullo dos que se comprometen na construción dun proxecto colectivo.

equipo_culturgal_2014Houbo para min moitos momentos inesquecibles nestas tres xornadas. O éxito rotundo da programación do Espazo Bébés. Os cheos tremendos do espazo Infantil cunha gran programación musical. O desfile do coro tradicional Cantares do Brión polo corredor da feira. As interesantísimas conversas que César Lorenzo e Susana Pedreira mantiveron con Xurxo Souto, Fran Alonso, Manuel Núñez Singala, Francisco Castro, Antón Dobao, María Reimóndez, Xabier Quiroga, Suso de Toro, Alberto Ramos e Santiago Lopo. A presentación que fixo Matilde Felpeto do seu libro sobre a cociña do polbo no Espazo Foro. A entrega do premio do público ao Diario Cultural, coa actuación previa de Trópico de Grelos e, despois, coas palabras de Ana Romaní e a súa lembranza emocionante a Begoña Caamaño. Os concertos memorables de Caxade e María Fumaça. As presentacións da revista Criaturas e da Revista Galega de Educación. O éxito do vermú cultural onde comprobamos o rico que está Nordés, o vermú galego. O saboroso dos ovos doces de Pepe Solla que compartimos na presentación do libros dos Nove. O agasallo que supuxo a exposición «Do papel ao xesto», pola que recibimos tantos parabéns. A descuberta dos chocolates de Fina Rei, a festa das cervexas artesanais… Ou tantas conversas e reencontros con amigos e amigas cos que falamos na rede.

culturgal_2014_premio_publico_diario_cultural_rgTras sete edicións, Culturgal consolidouse, chantou os seus alicerces como espazo colaborativo dos diversos sectores das industrias culturais, dos poderes públicos e dos seus públicos. Culturgal consolidouse como espazo de encontro e afectos, onde compartir orgullo e enxergar esperanza. Culturgal consolidouse como unha nova tradición que reúne ás xentes das artes, das letras e das novas tecnoloxías en Pontevedra na primeira semana de decembro. E así seguiremos o vindeiro ano, conscientes de que en cada edición debemos reinventar o modelo de feira, sendo capaces de sorprender e aumentar o perímetro transversal desta acción colaborativa. Mañán comezaremos a traballar no vindeiro Culturgal, o que celebraremos en Pontevedra o 4,5 e 6 de decembro de 2015. Grazas, moitas, a todas as persoas que constrúen a fantasía de Culturgal!

Aquí galería de fotos de Culturgal 2014 en Facebook.

Aquí seguimento do hastag #Culturgal2014.

Onte 1163: Culturgal de todos e todas

DSC_3951A dous días de abrir as súas portas, a programación de Culturgal 2014 continúa compartíndose en facebook  e twitter como un exercicio necesario de corresponsabilidade entre organizadores, expositores, artistas e públicos. Unha xenerosidade que achega azos ao equipo de traballo de Culturgal que se afana nestes días cos derradeiros preparativos. No entanto, sabemos que todos os esforzos de difusión son necesarios para animar a viaxar a Pontevedra esta fin de semana aos máis indecisos. Aí a importancia que lle damos ao acordo de Culturgal con Renfe do que poden beneficiarse os participantes e visitantes da feira (un desconto do 30 % no prezos dos billetes). Como tamén cremos imprescindible a incorporación da lingua de signos no acto oficial de inauguración da Feira e na realización de visitas guiadas como un esforzo por rachar barreiras. Xaora, o arranxo por vez primeira dun espazo de lactancia, do Espazo Bebés e dunha programación específica para os que levan cueiros expresa a vontade de Culturgal de ser unha feira das industrias creativas onde cada un dos públicos teña o seu espazo e a súa referencia. Agradecemos o último pulo publicitario para que ninguén quede sen noticia deste Culturgal de todas.

Onte 1007: A voltas co blogomillo

eu_son_do_blogomillo-512x174

Marcus Fernández publicou onte unha anotación na que repasa a situación actual daquel blogomillo de hai case unha década. Lembro aqueles anos como un tempo de entusiasmo dixital, onde forxamos amizades que por fortuna hoxe se consolidaron, onde moito aprendimos e compartimos sobre a utilización dos soportes dixitais e a escritura hipertextual. Mais o blogomillo foi sobre todo unha primeira comunidade de blogueiras e blogueiros, dalgún xeito un precedente das actuais redes sociais. Se repasamos a relación de blogs existentes en 2005, comprobamos que foron moitos os que pecharon, outros mudaron de nome ou reorientaron o seu contido. Como tamén houbo blogueiros e blogueiras moi activos daquela que mudaron as súas preferencias e modalidades de publicación dos seus contidos na rede. Tamén é certo que se repasamos os blogs máis activos e lidos en  galego na actualidade comprobamos que foron moitas as incorporacións, o que constitúe un fito esperanzador. Continúo crendo relevante do fenómeno do blogomillo foi que impulsou o proceso de expansión da internet en galego, ao tempo que facilitou a súa utilización didáctica, sobre todo no eido de fomento da lectura, para o que foi esencial a xenerosidade da plataforma de Blogaliza. Hoxe para a nosa satisfacción son moitos máis os blogs activo en galego ca en 2005 ou 2006. Aquel blogomillo como comunidade non resistiu a competencia de Twitter e Facebook nin tampouco a especialización dos contidos na rede. Unha reflexión que non debera desacougarnos. Pola miña banda, diante de tanto ruído e confusión, sigo acreditando na utilidade dos blogs de referencia, lugares seguros, arquivos sen intermediación, en definitiva un espazo de comunicación e aprendizaxe. Seguimos.

Onte 1000: Seguimos

nube-ninoO 9 de setembro de 2011 comezamos unha serie de anotacións co título «Onte», coas que pretendiamos recuperar a escrita hipertextual no blog. Acadamos o número 1000 deses textos diarios (apenas fallamos media ducia de días), a maior parte deles breves e en diálogo cunha imaxe significativa. A serie, xa a máís voluminosa do blog, foise conformando como unha certa crónica do meu traballo como editor e cidadán galego nun tempo crítico. Esa é a razón pola que a edición e a política son os fíos principais do relatado. Xaora, nestes ontes tamén aparecen uns poucos de temática futbolística (completando a serie de prosas celestes «Campo do Fragoso») ou de carácter memorialístico ou persoal. En todos eles, coa excepción obrigada das crónicas das presentacións literarias, o afán foi o da brevidade e o do esforzo por utilizar unha prosa hipertextual económica. Continúo acreditando no papel esencial do blog, como cerna e arquivo da miña identidade dixital, expresada tamén en Twitter, Facebook e Pinterest, onde tamén se publican. A escrita dun blog é unha aprendizaxe permanente, unha ollada á espreita, unha disciplina por compartir e escoitar. Seguimos.

Escaparate 18/2014: Librería Miranda (Bueu)

Lbreria_Miranda_27-05-2014

Escaparate da Librería Miranda de Bueu con motivo da presenza de Marcos Calveiro no Colexio Montemogos de Beluxo. Foto tirada de Fb o 27 de maio de 2014.

Escaparate 16/2014: Libraría Cartabón (Feiras do Libro)

Cartabon_Feira_do_Libro_de_Lugo_18-05-2014

Gonzalo Pérez Nieves detrás do mostrador da Libraría Cartabón de Vigo na Feira do Libro de Lugo. Foto tirada do Facebook de Cartabón o 18 de maio de 2014.