Festa do cabazo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a festa do cabazo do Carballal:

Organizada pola Asociación Cultural «O Coto», celébrase cada terceiro domingo dende 1984 a festa do cabazo no cabralexo colexio do Carballal. Unha festa gastronómica das máis enraizadas do concello de Vigo, que comparten máis de dúas mil persoas, coa que remata o calendario de grandes encontros anuais de exaltación da comida ou dalgún produto alimenticio concreto. Un ciclo festeiro gastronómico vigués iniciado na primeira fin de semana de xuño coa feira e festa da cereixa de Beade, creada en 1986 e organizada polo CSCR de Beade, á que seguen a festa da sardiña de Teis, creada en 1974 por Ramón Rodríguez «O Gholas» na carballeira do monte da Guía; a romaría do pan de millo de Cabral, organizada dende 1987 polo CCR de Cabral o derradeiro domingo de agosto no parque forestal de Becerreira; a festa do pexego de Candeán de setembro e as organizadas pola Federación de Peñas Recreativas El Olivo, a recuperada festa do mexillón do Parque de Castrelos de primeiros de setembro e o tradicional Magosto do Berbés do segundo sábado de novembro. Festas todas nas que ademais de compartir a familia mantenza e andar de ghavota, a prezos accesibles, nunca falta a música tradicional e o emprego vehicular da lingua galega.

Festa do cabazo do Carballal da que asumín nesta súa XXXVII edición a responsabilidade de pronunciar o pregón de exaltación dun froito da outonada, chamado noutros lugares de Galicia, cabezalote, cabaza ou calacú, que neste tempo de facer memoria de Santos e Defuntos e Magostos, vai abrindo os postigos á invernía e as súas matanzas e nadais. Regalía da horta nosa, para o etnógrafo Felipe Senén, ovos da terra preñados de infindas pebidas, que comezan a dourar e a ofrecerse ao imaxinario da tradición. Esféricas testas, caprichosas formas hortícolas labradas polos catro compoñentes da vida: terra, auga, aire e luz solar. Cabezas que emerxen da terra para agardar o saber da man hábil creadora do artesán que lle labre a faciana na cortiza ou a dispoña para ser preparado coas artes da nosa culinaria. Cabazos cultivados nas ribeiras do Lagares, o antigo río Sárdoma, terras vizosas do Val do Fragoso, onde se estendeu a nosa grande urbe atlántica, ese Vigo de tradición agraria, hoxe espazo simbiótico industrial. Cabazos cabralexos que son froitos privilexiados e testemuñas dunha tradición e duns labores agrícolas que sobreviven nun Vigo en bisbarra complexa, como o definiu Ramón Otero Pedrayo.

Culinaria do cabazo, da que temos primeira referencia documentada no libro da cociña galega de Álvaro Cunqueiro, que a Caixa de Aforros de Vigo publicou en 1973, na que achega receita dun caldo galego, «moi propio dos días medianeiros de outono, cando xa nos cabazos (canastros) maduraron ao sol os calabazotes, e hai fabas novas de tarde». Imaxino que este caldiño de cabazo de Cunqueiro está para bailar nunha peneira, xaora nesta festa do Carballal o público tivo a posibilidade de dar un raite por moitas outras posibilidades culinarias e atopar cabazo en flans, marmeladas, galletas, pasteis, pisto, pan, empanadas e que sei eu. Preparacións moi saborosas todas, como para facer barro coas orellas, frase feita da nosa fala viguesa coa que expresamos a calidade de facer algo moi ben feito. Sen esquecer  as receitas das chulas de calacú presente nos libros clásicos de Repostería en Galicia de Fina Casalderrey e de Cociña galega tradicional de Matilde Felpeto, autoridades na gastronomía de noso. Chulas que forman parte das nosas froitas de tixola, como orellas ou filloas, preparación semellante á que as portuguesas chaman sonhos, nome literario tan suxestivo que podería adoptar a festa do Carballal: «soños de cabazo». Como aconsellan as autoras que á hora de reinterpretar unha receita de orixe popular, como as chulas das que xa falaba Picadillo, non esquecer de botar na tixola unha pela de laranxa e retirala cando estivese dourada.

Como é outra preparación do cabazo transformalo en cabelo de anxo, o ingrediente utilizado para a elaboración de tortas emblemáticas de Galicia como as de Mondoñedo, Viveiro ou Ortigueira, moi utilizado na dozaría portuguesa, ao que chaman doce de xila. Elaboración artesá, onde semella que a clave reside en, despois de enfornar e baleirar o cabazo, desfacer coas mans a polpa en filamentos, que se mesturaron co azucre. Culinaria por ventura en transformación que hoxe utiliza como ingrediente principal a nosa humilde cabaciña, presente nas cartas de cociña contemporánea en pratos como humus de cabazo, manteigadas de cabazo ou cabazo con ricota e pesto xenovés. O cabazo un produto de tempada e de proximidade, protagonista dunha cociña saudable, na que se establece un equilibrio entre o pracer da inxestión e o benestar da dixestión. Beizón ao humilde cabazo, que emerxe da terra para o noso gozo e beneficio.

Pregón da festa do cabazo

Convidado pola Asociación Cultural O Coto pronunciei o pregón da festa do cabazo celebrada hoxe no Colexio do Carballal.

Pode lerse ou baixarse en pdf aquí.

 

Merdeiros da Ribeira

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás figuras de escabicheiros e merdeiros da Ribeira doBerbés:

Un dos cadros que máis chamou a atención dos públicos diversos da exposición «Vigo no tempo» foi un óleo do asturiano Juan Martínez Abades que representa a recollida de algas na Ribeira do Berbés en 1892. Cedida polo Museo Carmen Thyssen de Málaga, a peza de 76 cm de largo e 40 de alto está protagonizada polas mulleres que, en primeiro plano, con cadanseu anciño recollen o argazo, posto a secar despois nas rochas para que a chuvia lle quitase o salitre, e por outras mozas e algún home idoso que detrás recollen o refugallo do peixe, patexos ou cunchas de bivalvos. Traballos de escabiche que, aproveitando as mareas de setembro (mes no que debeu pintarse o cadro), proporcionaban galdrucho abondo (cabezas, tripas e aletas dos peixes) que, xunto ao escamallo e o argazo, era recollido de madrugada (para evitar os fedores pestilentes) polos escabicheiros na procura de esterco natural para as súas leiras de Sárdoma, Freixeiro, Lavadores ou doutras parroquias da contorna, que se ocupaban ademais de limpar os pozos negros da cidade.

Unha estampa do Berbés, como as representadas polo pintor madrileño Francisco Pradilla en 1871 e 1873 e o vigués Serafín Avendaño en 1893, que amosa a importancia do traballo das pescantinas e do oficio do labrego escabicheiro, exercido nalgúns casos tamén por mulleres, que conectaba as almas do Vigo do porto e da terra, do salitre da Ribeira (de Bouzas ou de Teis) e do arrecendo aldeán do Fragoso. Un encontro de mariñeiros e campesiños que baixaban a traballar na Ribeira non exento dos conflitos e das tensións daqueles que se necesitan mais non sempre se entenden. Conflito do que no Entroido xurde a figura perturbadora do Merdeiro, a máscara tradicional creada polos mariñeiros do Berbés como escarnio e mofa da vida dos labregos escabicheiros. Merdeiros da Ribeira vestidos dos pés á cabeza co traxe  clásico do campo galego, aínda que deformado de xeito burlesco, dende a camisa, calzóns e zapatillas brancas até o chaleco vermello, a faixa da que pendura un farol e un gorro semiesférico na cabeza. Tras o bando do alcalde (1924) no que «se prohiben os disfraces sucios ou contrarios á decencia», a figura popular do Merdeiro chega a Guerra Civil moi criticada e atacada, sendo substituída polas festas, bailes e desfiles das sociedades carnavalescas privadas (como o Gimnasio de Vigo ou La Oliva) coas que viña convivindo xa dende 1876. Xaora, O Merdeiro deixou un pouso semiclandestino na memoria dalgunhas familias, que comezou a ser explícito coa recuperación do Entroido popular a partir dos anos setenta e o protagonismo en Vigo dun emerxente movemento veciñal, creador das primeiras comparsas, como os Tarteiras.

Máscara da Ribeira descrita e debuxada con detalle nun artigo de Xaquín Lorenzo «Xocas» (1982) e comentado despois por Vicente Risco (1994). Estudada dende os anos noventa por Xerardo Santomé, dende a publicación do libriño O Merdeiro: un personaxe do entroido vigués. Apuntamentos para a súa recuperación (2006), ano tamén da primeira saída polo Vigo vello e do primeiro obradoiro desta máscara, viviu dende entón un proceso de recuperación e anovación no que participaron o Centro Social «A Revolta» e a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello, consolidado felizmente dende 2012 tras a constitución da Asociación Etnográfica «A Merdeira». Unha recuperación de éxito que utilizou como referente o vestiario detallado por Lorenzo e Risco, documentado no retrato de José Costas Abalde de 1910, e unha carauta con nariz de cocho, deseñada polo escultor Pancho Lapeña, cosida a unha cofia de algodón á que se lle incorpora la de ovella. E o que foi máis importante, dándolle unha personalidade caracterizada polo seu bo humor, espontaneidade e capacidade de improvisación.

A saída dos Merdeiros deste 2024 coincide por ventura coa aparición do libro O Merdeiro. Personaxe da Ribeira (A Merdeira 2023) de Hadrián Román Carreiro e Adriana del Rio Miranda, froito de dez anos de investigación, compilación e actualización de materiais sobre a máscara do Entroido vigués. Prologado polo antropólogo Rafael Quintiá, que considera o Entroido como a festa ritual máis significativa da nosa cultura e ao Merdeiro como arquetipo de ser liminal, o libro ten vontade de constituírse en obra de referencia tanto pola sólida fundamentación etnográfica e coidadosa reconstrución histórica do Vigo do derradeiro terzo do século XIX como pola ampla e novidosa documentación gráfica, froito da súa intención divulgativa e afán didáctico. Un libro que moito recomendo e aventuro será de grande utilidade nos centros educativos vigueses, mais aínda cando o desenvolvemento da quinta xornada da «Merdeirada Cativa», concibida como canteira da festa, colle máis pulo este curso. Feliz Entroido cos Merdeiros da Ribeira.

Catro séculos con San Roque

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á romaría de San Roque:

Ás familias Beleiro

O dezaseis subimos a San Roque, a primeira e máis antiga das romarías viguesas, enraizada en 1569 cando a peste asolou a vila. Documentada na cláusula pía do testamento de Gaspar Méndez de Soutomaior de 1622, a devoción ao santo do can e protector dos animais e vida campesiña celébrase arredor da ermida e do pazo, construídos con anterioridade a 1600, na granxa do Couto, da parroquia de Sárdoma, dando dende entón nome ao lugar de San Roque. Romaría que Nicolás Taboada Leal describe no capítulo dedicado ao carácter, uso e inclinacións dos vigueses do seu libro Descripción topográfica-histórica de la ciudad de Vigo, su ría y alrededores (Viúva e fillos de Compañel, 1840), salientando que durante tres días (15, 16 e 17 de agosto) participan nela «case toda a veciñanza de Vigo» así como «multitude de xentes das contornas e moitos forasteiros das provincias de Pontevedra e da Coruña, que veñen co obxecto de ver as funcións de teatro e os bailes que polo común se proporcionan naquela temporada».

Segue o erudito Taboada Leal, na primeira historia de Vigo, onde beben os textos da de José Santiago e da cronoloxía de Xosé María Álvarez Blázquez, sinalando que na romaría de San Roque non escasean as gaitas, tamborís e castañolas para acompañar as varias danzas e rodas, ademais de citar as tendas provisionais de froitas, ostras, doces e licores, quincallas e praterías instaladas na carballeira; sen esquecer nin os fogos artificiais da primeira noite nin a función de igrexa e procesión na honra do santo no seu día nin as merendas e xantares de campo deitadas nos arboredos nin insistir en que nunca alí nos últimos trece anos ocorreu camorra ningunha. Con todo, hoxe chama aínda máis a nosa atención o detalle co que  Taboada Leal describe a corrida da fogaza, un pan grande de dous quilos e medio polo que competían os mozos con grandes saltos, e a danza da fogaza, unha especie de muiñeira, protagonizada tamén por homes, que se celebraba no serán da derradeira xornada, «cando a brisa mariña comeza a refrescar a atmosfera».

Desenvolvemento da danza que amplía Enrique Caride Iglesias no seu completísimo libro La romería de San Roque de Vigo (Hermandad Devotos de San Roque, 2021), documentándoa como «a regueifa» protagonizada por parellas de mozos e mozas, que se celebraba o dezasete na carballeira da finca de San Roque, debuxada polo fino lapis de Meléndez e publicada en La Ilustración Gallega y Asturiana (1879). Acudindo a memoria dos vellos da costa de San Roque, Caride engade que en 1879 a danza era executada por nove  mariñeiros, tres deles disfrazados de mulleres, mudando a principios do século XX, cando era interpretada por campesiños de Lavadores dirixidos por un veciño coñecido como Perello. Danzantes que Roberto de Palacio, correspondente vigués de ABC, describe en 1904 como «tropa de individuos traxados coa máis refinada arte grotesca, chapeus de copa alta ou palla… que acompañados do gaiteiro, o tambor e o bombo danzan arredor da capela e logo do patio dos donos da finca…»

Tras máis de catro séculos de devoción, a pesar dalgunhas perdas, a romaría dos devotos vigueses de San Roque mantén o seu calendario, o seu espazo na finca dos Condes de Villar de Fuentes (adquirida en 1925 á Caixa de Aforros de Vigo, hoxe propiedade de Afundación), o seu carácter relixioso e musical e, o que é aínda máis relevante, ademais de constituír unha xuntanza de familias e amizades de todas as clases (nalgúns casos organizadas en peñas como O Furrú ou Os Sanrokeiros), tamén de veraneantes e forasteiros, para comer e beber sempre de máis. Unha tradición culinaria ben conservada e apenas anovada –ás empanadas, polbo e sardiñas á grella, engadiuse nos últimos anos o churrasco–, como tamén a musical, protagonizada durante décadas polos gaiteiros Os Morenos de Lavadores e a murga Os Terribles de Donas (fotografada por Ruth Matilda Anderson na súa reportaxe viguesa de 1924), que interpretaba bailables no palco do pino manso.

Este ano os sanroqueiros celebramos a modernización do programa musical da romaría con grupos rock e pop e un programa infantil específico. Coñecemos, ademais, que o grupo O Fiadeiro iniciou na parroquia de Santa Cristina de Lavadores un proceso de investigación etnográfica de recuperación da danza de Damas e Galáns de carácter gremial desaparecida hai un século, probablemente con semellanzas coa que dirixida por Perello se executaba nos seráns da finca de San Roque. Unha iniciativa a emular pola Irmandade de devotos de San Roque que podería promover a recuperación da regueifa ou danza da fogaza, o que constituiría un fito extraordinario para a anovación sanroqueira. Sei que na romaría de San Roque está a memoria viva do Vigo popular, obreiro, mariñeiro e campesiño. Ese viguiño do corazón, orgullosamente galego no que militamos.

A Coca e a danza de espadas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á festa da Coca de Redondela:

A José e Manuel Paz Villar

Entre as festas populares da Ría de Vigo destaca pola súa continuidade e capacidade de manter a estirpe da tradición a da Coca de Redondela. Documentada hai máis de catro séculos (1691) e con orixes nos séculos XIII e XIV, cando se instituíu a festa e as procesións do Corpo de Deus, a celebración desta festa relixiosa adquiriu na vila do Alvedosa, segundo o antropólogo Clodio González Pérez no libro, A Coca e o mito do dragón (Ir Indo, 1993), un carácter pagán como representación do combate entre a Coca, saída do mar e ladroa de fermosas mozas, e os valentes mariñeiros, que as rescatarán e darán morte o monstro. Vitoria celebrada cada ano o día do Corpo do Deus coa procesión da Virxe, coñecida en Redondela como a Gabacha, sobre un itinerario, dende 1950, alfombrado de flores, e coa danza das espadas, protagonizada polos vencedores, e o baile das penlas sobre as burras. É o da Coca unha recreación dun mito universal de tradición milenaria, presente en culturas diversas, dende a mesopotámica á celta ou nórdica, da loita entre o ben e o mal, encarnados nun deus u outro personaxe no seu nome e nunha serpe ou nun dragón (a máis grande de todas as serpes), símbolo da vida e ao mesmo tempo da morte.

Mito da Coca protagonizado por un animal mitolóxico con corpo de dragón e cola de serpe, semellante ao doutras cocas desaparecidas, como as de Sabarís ou Pontevedra, cuxo relato foi conservado dende tempos remotos apenas con algunhas poucas variantes. Contan que hai moitos anos, vivía un monstro xigante na Ría de Vigo que tiña aterrorizadas a todas as poboacións. Saído das ondas dun mar moi embravecido, na proximidade da illa de San Simón, o monstro devorou a dúas rapazas, ataque que repetiría, para levar sempre as cativas máis fermosas. Foi entón cando a veciñanza de Redondela, cansa de tanto mal que facía, escolleu os vinte e catro mozos máis afoutos para agardala, atacala e darlle morte coas súas espadas. Tras loita moi dura, lograron vencela e formaron entón, unha grande procesión arredor da besta morta, iniciando ao son das gaitas unha danza que as mozas rescatadas seguiron, erguendo nos ombreiros as meniñas máis novas e danzando con elas en alto. Noutra versión do mito, documentada no Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais 1999), a Coca de Redondela sofre unha estraña metamorfose, sendo primeiro unha doncela que chora por uns amores desgraciados, a quen de tanto chorar lle medraron ás, máis tarde unha longa cola e despois unha horrible boca de réptil, até que as súas bágoas formaron o río Alvedosa que rematou por arrastrala ao mar.

Máis recentemente, o escritor Rafael Fernández Lorenzo, recreou o mito da Coca de Redondela na noveliña Cocotibur (Xerais 2021). Respectando o contido do mito da Coca na Ría de Vigo nun tempo histórico impreciso, retrata un monstro, bautizado como Cocotibur, metade quenlla, metade crocodilo, con corazón duro coma unha rocha, que non sabe o que é o medo, mais non é tan feroz como o pintaban. Un relato do marabilloso, iniciado coa misteriosa desaparición de tres rapazas, que semella foran engulidas polo mar, feito que mobiliza á comunidade mariñeira toda a desfacer o meigallo de semellante encantamento. Unha narración engaiolante, onde flúen con naturalidade todos os episodios do mito choqueiro por excelencia, dende as sete espadas forxadas polos setes metais coñecidos, ao ataque a fera ao son dunha gaita e un tambor, cerca do carballo das cen pólas de Reboreda, onde se baña a serea, sen esquecer o territorio máxico da illa de San Simón no illó das salinas da ría nin a orixe do baile de penlas e burras e danza de espadas o día de Corpus. Unha óptima mestura do mito do dragón e de costumes populares que fan desta novela unha excelente actualización do mito para o público máis novo do século XXI.

Con tan interesante anovación do relato mítico, como coa incorporación dende a pasada edición dunha muller á danza das espadas, o que non sucedía dende hai corenta e cinco anos, a festa da Coca e as súas danzas tradicionais gozan de boa saúde. No esencial, esvaído o protagonismo da procesión relixiosa, na que chegaron a participar 26 imaxes, entre elas a do chamado Xigante de Redondela, ao xeito de San Cristobo, a Coca de hoxe é case igual á que describiu en 1867 o xornalista vigués Xoán Neira Cancela, «unha especie de caimán ou crocodilo feito sobre madeira e colocado sobre unhas rodas», ou ás fotografadas na Galicia Moderna, o 15 de xullo de 1897, turrada por dous portantes vestidos con roupas rechamantes, ou por Pacheco nos anos vinte. Persistencia dunha tradición danzante e musical, por ventura conservada, que forma parte dun patrimonio inmaterial que merecería ser declarado como Patrimonio da Humanidade. Un reto para a nova corporación redondelá e para os organizadores da festa da Coca e danza das espadas.

O entroido dos Tarteiras

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a facer memoria sobre a celebración do entroido en Vigo:

Debemos á pluma lizgaira de Xosé María Álvarez Blázquez a crónica da celebración do Entroido de Vigo de 1877, catro días nos que a Sociedade Carnavalesca botou a casa e todos os farrapos vellos pola xanela. Unha memoria recollida nas páxinas d’ A cidade e os días (Monterrey, 1960; Xerais, 2008), a máis antiga das referencias entroideiras viguesas, festexos comezados ás once da mañá do domingo co desfile dunha grandiosa comparsa, que saíu do Campo de Granada pola rúa do Pracer, seguiu por Príncipe e o Ramal até a de Vitoria, na Alameda onde agardaba no seu catafalco o Deus Momo, «olimpicamente embutido na monstruosa boca dun dragón, acompañado dos membros da súa corte e dun escuadrón dacabalo, composto de vinte e cinco demos encarnados e armados en guerra con flamíxeras lanzas, casco e rodela». Desfile da comparsa, conta don Xosé María, no que non faltaban os demos mitolóxicos bufos, en cadanseu carro,  nin a banda de música de traxes indios, comitiva que se repetiría no serán do martes. Festa rematada o mércores de cinza co enterro do Momo ás seis en punto da tarde, previo sermón na Alameda, no que se deron a coñecer os relevantes dotes que en vida adornaron ao defunto, despois de cantarse o derradeiro «Addio a Momo» e de botar unhas luces de bengala, coa elevación dun globo onde se podía ler: «Adeus amigos, saúde e deica o ano que ven».

Hai cen anos, unha crónica de sociedade publicada o martes 13 de febreiro na portada de Galicia. Diario de Vigo relataba a agonía da festa de Momo, na que foi moi escaso o consumo de confeti e serpentinas, para o cronista a mellor medida do nivel de entusiasmo do entroido, que o atribuía á carestía do papel e lamentaba a decadencia do «Antruejo», comezado sen pena nin gloria, sendo «contadas o número de máscaras bandalleiras que tiveron a afouteza de exhibirse á luz». Relato que finalizaba agoirando que as festas continuarían sendo tan sosas como comezaron, a pesar de que o mércores de cinza estaba prevista a chegada dende Pontevedra da comparsa «A danza das espadas» dos Enxebres da Terra. Así é todo, o decepcionado cronista deixaba unha cativa fenda ao entusiasmo cando salientaba que apenas foron dúas as comparsas, entre elas «La Estudiantina Naval» de Moaña, as que no serán do domingo percorreron as rúas viguesas cantando o seu afinado repertorio nos círculos, como La Tertulia no Hotel Moderno, e El Casino no teatro Tamberlick, onde se celebraron, iso si, «brillantísimos bailes» nos que participaron os membros da aristocracia viguesa.

Probablemente, o cronista social do Galicia, cando salienta «a plena decadencia» do entroido de rúa e das súas máscaras se está referindo á saída dos escabicheiros ou merdeiros, a máscara tradicional da ribeira do Berbés, figura baldroeira viguesa desaparecida ao longo da década de 1920, documentada nos estudos de Vicente Risco e Xoaquín Lorenzo, mais por ventura felizmente rescatada do esquecemento desde 2006 pola Asociación Cultural A Revolta do Casco Vello. Como tamén o cronista do Galicia documenta a vixencia da tradición satírica das comparsas musicais de carallada, recuperada en Vigo, tras os rigores da ditadura, por Os Tarteiras, a comparsa decana e celme do entroido vigués contemporáneo. Constituída de forma case espontánea nunha noite de troula nas escaleiras do vello cárcere no entroido de 1979 por un grupo de mozos e mozas, entre os que estaban comprometidas argalleiras da causa comunitaria como Antón Bouzas, Loli, Inés e Marga, ás que despois se sumaron Xosé Pais e Fátima, entre outras, os Tarteiras asumiron a tradición satírica e humorística do entroido como festa transgresora na que participa todo o mundo, a última mascarada do ciclo da invernía. Foron tamén os Tarteiras os que organizaron en 1980 os primeiros concursos de coplas, nos que convidaron a participar a comparsas do Morrazo como Os Incansables de Cangas, a Santa Sede ou O Percal de Aldán, como foron os primeiros que recuperaron a tradición viguesa do velorio e da queima da figura de Momo rebautizada como Meco.

Certo é que despois o entroido en Vigo se municipalizou cos gobernos de Manuel Soto, o que inevitablemente lle fixo perder o seu carácter máis satírico e retranqueiro na escolla da figura do Meco, ao tempo que se importou o modelo do carnaval carioca de lentellolas e coreografías, o que por ventura non impediu que os integrantes dos Tarteiras continuasen saíndo por libre, interpretando as súas coplas críticas cos gobernos e os poderosos, e participando de forma espontánea no enterro do mércores de cinza. Como é outra marabilla a saída cada ano dos Merdeiros polo Vigo vello, como a recuperación desta máscara viguesa entre a mocidade e cativada e xa nun número significativo de centros educativos da cidade. Benvido o entroido vigués transgresor de Merdeiros e Tarteiras!

Trece noites, trece lúas

No espazo da semana en Faro de Vigo ofrezo a miña nadaliña cos meus mellores votos:

Trece noites, trece lúas conforman o tempo mítico de Nadal, dende a Noiteboa do 24 de decembro até a Epifanía ou Día de Reis do 6 de xaneiro. Trece días dun tempo sagrado sen que maxia nin bruxaría teña efecto, xa que na cultura popular galega todos os meigallos que se intentan neste período fracasan, ou deberían fracasar, sen remedio. Trece xornadas, que dende a noite dos tempos coinciden co solsticio de inverno, para os gregos a porta dos deuses, mais tamén coas festas en honor a deuses como Osiris e Dióniso, ou cos días das Saturnalia e das celebracións na honra de Mitra e o Sol Invicto.

Trece longas noites, remate e inicio do ciclo das festas anuais, nos que tras a agonía do inverno, como sinala o escritor Antonio Reigosa, «reverdece en cada un de nós unha ilusión e unha esperanza polo que se anuncia vai comezar». Tempo de Nadal de ritos e tradicións, de banquetes e agasallos, de felicitacións e aguinaldos, de danzas e panxoliñas, que convidan a compartir a esperanza e proporcionan a benvida a un tempo novo, que agardamos ventureiro e feliz, recargándonos, da «enerxía suficiente para que a natureza, e nós con ela, revivamos outra volta».

Como salienta Reigosa no seu referencial Trece noites. Trece lúas. Libro de marabillas do Nadal (Xerais, 2011), sendo este tempo de Nadal consecuencia dun sincretismo de ideas, prácticas e crenzas desenvoltas ao longo dos séculos na maior parte de Europa e América, seguindo en maior ou menor grao de acomodo ás recomendacións das distintas igrexas cristiás, en cada comunidade conformouse unha tradición cultural de nadal de seu.

Emporiso, como propón o antropólogo Rafael Quintía, é posible vivir un Nadal á galega, anovando ritos e tradicións nosas, sen deixarse levar polos cantos de serea que converteron o Nadal nun tempo de consumismo desaforado de todo tipo de recursos escasos. É posible revivir os ritos de Nadal propios, contribuíndo ao reforzamento da nosa identidade, dos ritos de comensalidade amigable e recollemento familiar, partillando mesa, encontros interrompidos infelizmente durante dous anos de pandemia.

Fronte ao Nadal consumista de dispendio de agasallos efémeros e superfluos, é posible outro Nadal. Como tamén o é fronte ao Nadal espectáculo de millóns de luces, lambonada visual que serve de croma para autofotos en redes sociais; ou fronte ao Nadal alongado que transforma o centro da cidade durante case tres meses en parque temático charramangueiro ao ritmo dun Rockefeller center. Como fronte ao Nadal de concentracións motociclistas que de forma abusiva contaminan cos seus escapes en tempos de escaseza enerxética e abouxan co estrondo das súas bucinas, colapsando o tráfico en toda a cidade, é posible recuperar outro Nadal austero onde os aspectos sagrados da nosa tradición poidan ser anovados e compartidos coas persoas que teñen a curiosidade por visitarnos.

Como son estes días tamén os máis propicios para asumir os principios de consumo responsable, preferiblemente de produtos galegos, sexan de alimentación, de artesanía ou das nosas industrias culturais, contribuíndo neste tempo de emerxencia planetaria a poñer fin á guerra contra a natureza, como reclama o recente «Manifesto da Outra Xente» promovido por Manuel Rivas e Antonio Sandoval. É posible outro Nadal no que, como sinala este chamamento, «fronte ao fanatismo da sobreexplotación ilimitada» de recursos naturais e enerxéticos, «abra paso a un decrecemento, entendido como unha nova abundancia» no benestar e coa natureza.

En Vigo tamén debería ser posible un Nadal galego, onde as rondallas metropolitanas anunciasen polas rúas cos seus chascaraschás e o debuxo no aire das súas bandeiras a ventura das luces do aninovo. Outro Nadal, onde gaiteiros e danzantes ocupasen as rúas para cantar os Manueis, Xaneiras e Reis e pedir o aguinaldo, como se veu facendo dende hai séculos. Esoutro da continuidade arredor da praza de Compostela da Gran Carreira do Pavo, o premio pedreste de Nadal organizado alí dende hai máis de medio século. Mais tamén un Nadal para as outras músicas, como os concertos desta semana no teatro de Afundación, o luns o da Orquestra Clásica de Vigo, organizado pola Universidade de Vigo, o venres o de Carlos Núñez, formando parte da extraordinaria xira de Nadal do artista vigués.

Xaora e por ventura, o Nadal principal é o dos afectos compartidos na mesa familiar para gozar de pratos de orixe humilde como Coliflor con bacallau, como a Álvaro Cunqueiro gustaba chamar a peza máis popular da nosa tradición culinaria de Noiteboa, completada co leite frito e outras sobremesas larpeiras deste tempo. En todo caso, ao xeito dos mellores votos daquelas nadaliñas asinadas durante a ditadura polos galeguistas vigueses: Que sexa a estrela dos afectos a que nos guíe!

Onte 2148: «Crónica da Galiza Bizarra» de Calros Solla

Das miñas lecturas galegas recentes un dos títulos que máis me entusiasmou foi Crónica da Galiza Bizarra (Morgante 2022) de Calros Solla, a compilación dunha centena longa de textos publicados na prensa galega de 1848 a 1968 entre aqueles de carácter aparentemente extravagante, fóra do habitual, ficcional ou inventado. Unha obra que ofrece unha crónica dunha Galicia oculta e extraordinaria protagonizada por persoas que viviron nas marxes da historia como a Encamada de Gonzar (1848), que xaxuou durante tres décadas; a Xaxuadora de Millerada (1888), que permaneceu dez anos sen comer; a Nena xata de San Sadurniño (1892) ou a Santiña de Seixomil (1933), que viviu seis meses encamada sen comer nin beber. Crónica de acontecementos insólitos como o Cataclismo de Doroña (1897), o da balea varada no areal de Valdoviño (1899) ou o descubrimento do tesouro do Grove (1914), entre outros.

Recuperación de episodios da Galicia máxica como o da serpe chuchona de Allariz (1896), a visita do demo a Anllóns (1899), o manuscritos da monxa de Filgueira (1906), o tigre de Meá (1914) ou o romance do Urco (1916). Un libro que ademais constitúe un auténtico gabinete de curiosidades ou rarezas de seres extraordinarios como o polo de tres cabezas aparecido en Campolongo (1903), a criatura bicéfala do coruñés doutor Barbeito (1904), o teso de Bos Aires (1905), un cadro de priapismo na Galicia emigrante. Como tamén dá conta de acontecementos naturais asombrosos como a enigmática lunferna de Oca (1849), as luces aparecidas na Coruña (1916), o refacho ardente das illas Cíes (1918), a chuvia negra de Valadouro (1956), a aurora boreal (1957), a refulxencia no ceo sobre a ría de Vigo (1959) ou a mareira do Berbés (1962).

Esta Crónica da Galiza Bizarra de Calros Solla é unha achega moi valiosa que nalgunhas das súas páxinas dialoga con outras compilacións de textos sobre esa Galicia bizarra ou encantada oculta no noso relato cultural, como o recentemente reeditado Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais 1998) de Xoán Cuba, Xosé Miranda e Antonio Reigosa, autores que hai máis de dúas décadas comezaron ese formidable proceso de modernización do vieiro bibliográfico do patrimonio oral galego.

Parabéns a Calros Solla polo rigoroso traballo de documentación como polo coidado didáctico e precisión dos textos que contextualizan cada unha das pezas da hemeroteca e das numerosas notas que as amplían. Un libro que recomendo vivamente.

Onte 2146: «Os soños de Miguel» de Manuel Iglesias Turnes

Nunha tarde de sábado lin dunha sentada Os soños de Miguel (Xerais 2022), a terceira entrega coa que Manuel Iglesias Turnes completa a súa crónica de transformación do mundo rural, iniciada n’ As rapazas de Xan (Xerais, 2012), retrato do desaparecido na década de 1950 e estremecedor relato da emigración e continuada en Que non te aten (Xerais 2016), retrato dos gandeiros do século XXI. N’ Os soños de Miguel o autor de Cabanas homenaxea os gandeiros da súa xeración, os que a finais dos sesenta e ao longo dos setenta protagonizaron a modernización do sector coa incorporación da maquinaria (tractor, segadora, muxidora…), a reordenación dos cultivos, a mudanza no goberno das explotacións, dos criterios económicos utilizados e a súa monetarización, cambios profundos nos costumes e nas familias, en boa medida asociados as transformacións do tardofranquismo e da loita polas liberdades.

Unha novela ditada pola memoria familar e modulada pola profunda experiencia  e coñecemento do sector,  na que Turnes continúa emocionando na construción dunha trama de ficción orixinal e polo deseño dos personaxes, algúns memorables, como esa tía Carme tan xenerosa ou co inflexible e orgulloso padriño Manuel, concibidos ao servizo do retrato dese tempo decisivo no que se montaron boa parte das explotacións actuais por parte dos avós e dos pais dos gandeiros de hoxe. Un relato no que, coma nas novelas anteriores, destaca a graza na recollida dos diversos rexistros da fala popular e a facilidade coa que o autor ofrece os diálogos de interiores que permiten que narración avance sempre de forma engaiolante e conmovedora. A de Manuel Iglesias Turnes é unha novelística convencional na forma mais moi transgresora, necesaria e singular no fondo, pola súa capacidade para ofrecer un universo propio e un relato alternativo do retrato da aldea, actualizando así a imaxe do mundo rural galego, tanto do desaparecido como do actual.

Recomendo moi vivamente Os soños de Miguel. Aventuro que volverá a entusiasmar ao lectorado (sei que moi amplo) das novelas anteriores. Como aventuro que incitará aos que se achegan por vez primeira aos textos de Turnes a completar tan singular triloxía literaria. Parabéns, meu Manuel.

Arde, meco, arde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás figuras de mecos e entroidos:

No Colexio Público de Cedeira queimamos o meco, unha coidada reprodución en cartón do noso deteriorado pavillón deportivo cuxo arranxo a comunidade educativa leva dende hai dúas décadas reclamando aos responsables do concello de Redondela e da Consellaría de Educación. Previa á queima e ao sermón do crego, un texto satírico e moi incisivo preparado polo alumnado de 6º de Educación Primaria esixindo un pavillón novo para Cedeira, desfilaron polo perímetro da vella cancha e aos ritmos de carnaval e do tamboril cada grupo burbulla coas súas mellores e máis extravagantes galas, máscaras e disfraces, cunha importante representación de superheroes de banda deseñada, princesas cadáver, deportistas zombis e onde non faltou un trío de tanxugueiras nosas reclamando coas súas pandeiretas a abolición das fronteiras. Celebrados por ventura na maior parte das escolas de Primaria da comarca viguesa, estes desfiles e nalgúns casos folións de entroido que coinciden co estoupido de cor de mimosas e camelias, cando case todo este inverno (tan benigno) vai fóra, recuperan a ledicia e estrépito, espantan os medos e malestares de case dous anos de restricións e rigorosos protocolos da Covid-19 e anuncian a dispoñibilidade para afrontar a vella normalidade.

O xeitoso meco de cartón do colexio de Cedeira forma parte da tradición máis auténtica do entroido galego, a de representalo mediante un boneco ou forma substitutoria, unha divindade efémera de cartón e palla, que ao xeito de herdeiros de bacos e dionisios clásicos presiden nas aldeas e prazas estas festas nas que celebramos o inicio do abandono do inverno. Ídolos de cartón ou roupas e avíos de refugallo que por Galicia adiante reciben diversos nomes, dende os «Entroidos» ou «Entrudios» do triángulo ourensán (Xinzo, Verín e Laza), que poden ser tanto só un como unha parella «don Entroido» e «dona Entroida», como os «Lardeiros» e «Lardeiras» (Viana do Bolo) e «Mecos» (documentados por Vicente Risco en Allariz en 1948 e hoxe presidindo moitos entroidos urbanos, como os de Vigo e Redondela), pasando polo «Poderoso Señor Deus Momo» (documentado por Xosé María Álvarez Blázquez no entroido vigués de 1877) e o «can Urco» (ser mitolóxico de mal agoiro, protagonista segundo Calros Solla do entroido pontevedrés dende 1876, ano no que o poeta Andrés Muruais se caracterizou de semellante personaxe) até o «Loro Ravachol», o simpático e faladeiro loriño do boticario don Perfecto Feixoo, cuxo enterro dende 1985 pecha o entroido pontevedrés, ou a «Micaela» de Buño, citada por Xosé Manuel González Reboredo, ou «Poñicarpio» ou o nome de calquera outro cacique de sona do que fala Felipe Senén.

Figuras con forma humana de palla e roupas vellas, como o impresionante Meco da Xironda, no concello de Cualedro, de cinco metros de altura e cuns atributos sexuais de gran tamaño, feito o sábado de Entroido para ser queimado o martes na praza da Picota nun lume purificador que pon remate aos días desta festa. Queima a que precede, como sucedeu co mequiño da escola de Cedeira, despois da liturxia e da súa solemne condución acompañado das súas esperpénticas choronas, retrousos, burlas e críticas no día do seu enterro (da sardiña), xeralmente en vilas e cidades, o mércores de cinsa. Liturxia pagá na que o «crego» pronuncia diante dos seus acólitos, vestidos de rigoroso loito, un «sermón» ou «testamento» satírico burlesco no que arremete contra os vicios e escasas virtudes de mecos e entroidos mentres os asistentes responden a súa prédica: «Arde, meco, arde. Arde, meco, arde…». Iníciase así a corentena de Coresma, tempo de xaxún, vixilias e meditación, creado para non ser respectadas.

O que debido ás restricións da pandemia aínda non se puido recuperar nas celebracións escolares do entroido deste curso foron as mesas de convivencia nas que se comparten as froitas de tixola tradicionais, as sobremesas de fariña, ovo e leite propias destas festas: as filloas, marruchos, freixós, as orellas de frade, as follas de limón, as flores e as bicas e biscoitos en todos os seus formatos. En todo caso, algo ten que quedar para celebrar o vindeiro ano, mesmo a pesar de que este entroido que aparentaba tan preñado de esperanza, coincidiu coa noxenta invasión rusa de Ucraína, abrindo outra fenda para a desolación. Xaora, o tempo de entroido no que muda o clima invernal permite que durante apenas uns días o dereito se faga do revés e que os mecos e outra divindades choqueiras presidan as nosas prazas e encrucilladas, nun exercicio de ledicia compartida e contaxiosa como unha beizón profana da terra nosa. «Arde, Meco, arde!» é o contrasinal deste martes de entroido, no que os merdeiros e escabicheiros vigueses volverán impoñer a súa lei na que non se pode circular sen máscara e disfrace no seu territorio.