Xela Arias en tres conferencias

Con motivo do 25 de xullo publico un texto sobre Xela Arias incluído no suplemento do «Día de Galicia» de Faro de Vigo, que agora reproducimos na súa versión completa:

Foi Xela Arias poeta transgresora de vocación intermedial, Lou Reed feminina, facedora e modeladora dunha lingua de raíz popular aprendida no berce familiar, sempre na procura da liberdade creadora e da independencia como elementos de autoafirmación dunha escrita activista comprometida co valor das artes, co feminismo e coas causas da lingua, do medio ambiente, da paz, da solidariedade onde non faltou a súa voz. Foi Xela Arias rigorosa editora literaria de mesa durante unha década en Xerais, pioneira na fixación de criterios ortotipográficos para a necesaria modernización da edición en galego de hai catro décadas. Foi delicada tradutora literaria responsable dun catálogo pioneiro de case cincuenta títulos anosados ao galego, algúns referenciais como As bruxas, Contos ao teléfono, Dublineses, O derradeiro dos mohicanos ou Drácula, o que contribuíu tamén ao proceso de normalización do catálogo editorial en lingua galega. E foi, convén non esquecelo, Xela Arias responsable dunha valiosa obra ensaística recollida nunha ducia de prosas non ficcionais dispersas en xornais e revistas, en diversas entrevistas e sobre todo nos textos das tres importantes conferencias que pronunciou, onde é posible identificar boa parte das súas principais preocupacións políticas e literarias.

Primeira conferencia (1988): o idioma como piar

Ditada o 25 de marzo de 1988, dentro das xornadas de linguas e literaturas catalá e galega da Universidade Complutense de Madrid, cando contaba con apenas vinte e seis anos, traballaba en Xerais e acababa de publicar o seu primeiro libro de poemas, na primeira conferencia, «Paixón de militancia e escuros desertores», recollida no número 6 da Revista de Filología Románica (1989), Xela Arias expresou a súa convicción de que o idioma é «o principal signo dunha cultura», o piar sobre o que se artella un sistema literario, razón pola que consideraba que «se escribir pode ser un acto revolucionario, facelo en galego é unha revolución sempre». Un idioma que para Xela Arias constituíu a cerna de todas as súas actividades literarias e vitais, fose como poeta, editora, tradutora ou docente, como acuñou en verso memorable «non hai idioma abondo para recoñecérmonos» (1994), na súa defensa en recuperalo como a mellor mostra do respecto do país por si mesmo (1989) ou na vontade de preservalo  da propia manda testamentaria (2002): «Facede o que mellor vexades, pero pídovos que conveñades amarrar forza precisa e combinada para o combate por animar, iluminar e sumar vida a esta que nos arrefría cos tempos xa pasados e os que están por vir: lingua que nós somos, que sobamos, entre todos inventada».

Segunda conferencia (1991): o compromiso feminista

Ditada o 14 de setembro de 1991, dentro do Encontro de escritores galegos e portugueses celebrado en Santiago nunha mesa redonda sobre «Muller e literatura», nesta intervención recuperada como texto por Camiño Noia e publicada no volume Xela Arias. Quedas en nós (Xerais 2004) Xela Arias expón da forma valente e atrevida que a caracterizou a súa visión da escrita de mulleres e do feminismo. «O meu compromiso está en escribir dende min. E eu son muller, miope e galega. Só cando esqueza iso deixarei de ser fiel ao feito das mulleres, das miopes e das galegas». Afirmación da súa lealdade co movemento feminista e galeguista que xa expresara na viguesa revista Congostra (1988), «porque estou aquí e, desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados», e na entrevista que Manuel Rivas lle fixera en La Voz de Galicia (1990): «Dáme rabia ter que dicir que son feminista. Pásame igual co nacionalismo. Deixarei de ser unha cousa ou outra cando as nacións asoballadas non o sexan e as mulleres non estean discriminadas…».

Terza conferencia (2001): a poesía territorio de liberdade

Ditada o 4 de maio de 2001 no Círculo das Artes de Lugo, en presenza de Manuel María, na que sería a súa derradeira conferencia, «Para que os poetas hoxe?», Xela Arias fixo unha vibrante alegación sobre a «poesía como único territorio humano verdadeiramente libre» e unha defensa do «poema [como] un pasquín na conciencia, un libelo, que funciona como un panfleto nas memorias e nas lembranzas que nos conforman a historia propia». Unha defensa da poesía como «un dos poucos miradoiros libres que ten a sociedade» que expresara quince anos antes naquela autodefinición memorable por retranqueira en La Voz de Galicia, coincidindo coa publicación de Denuncia do equilibrio (1986): «Como regra vital, a independencia, claro. Como regra poética concibo a poesía como a intersección da poesía e a melodía». Fórmula sobre a que reflexiona unha década despois na entrevista no mesmo xornal con María Xosé Porteiro: «Considero que todo produto artístico debe saír da autoanálise da análise crítica e social. Por iso ten sentido a arte, se non sería artesanía. Só escribo cando teño ganas e algo que dicir. Busco a mestura da miña ideoloxía coa miña estética, previa á necesaria depuración».

Onte 2104: «A parte queimada» de Manuel Veiga Taboada

Manuel Veiga é un dos escritores que mellor teñen explorado na literatura galega as marxes dos xéneros narrativos. Cada unha das súas entregas sorprende pola súa ollada temática ou pola súa estrutura orixinal na que adoita mesturar a súa experiencial vital coas súas múltiples lecturas literarias e políticas. Un procedemento que explorou nas súas entregas novelísticas máis recentes, Os xornalistas utópicos (Xerais 2013) e Todo ser humano é un río (Xerais 2016), no que dá outra volta de porca na súa entrega máis recente, A parte queimada. Stalin & Robespierre (Aira 2020), un texto a medio camiño entre a novela de intriga e o ensaio político no que explora o ADN do totalitarismo e do emprego da violencia como vía política revolucionaria.

Co pretexto de responder á pregunta de por que as revolucións francesa e rusa se converteron en traxedias nas que os seus protagonistas acabaron devorándose como fixo Saturno cos seus fillos, Veiga propón n’ A parte queimada unha viaxe polos textos literarios protagonizados polos seus líderes (Marat, Robespierre, Stalin…). Novelas como O noventa e tres de Víctor Hugo, O home revoltado de Camus, O cero e o infinito de Arthur Koestler, entre outras moitas, permítenlle a Veiga realizar cadanseu retrato e sobre todo actualizar o debate fulcral entre fanatismo e escepticismo político, especular se houbo diferenzas entre o terror de Robespierre ou o do Stalin (autor dun ensaio sobre lingüística), entre a estratexia de xacobinos e bolxeviques, como entre as obras literarias que as representan: «O Terror do 93 está ben representado en novelas románticas como a de Victor Hugo, mentres que as obras que describen a represión soviética, como a de Arthur Koestler, poderían enmarcarse en algo próximo ao xénero policíaco».

Manuel Veiga constrúe así unha orixinalísima novela política de non ficción sobre as revolucións contemporáneas e sobre os seus dilemas morais: «Por máis que resulte inquietante, deberiamos quizais recoñecer que todos nós, liberais, socialistas, marxistas, somos fillos do Terror, pois todas as teorías políticas non deixan de ser nidias herdeiras da Revolución francesa. As propias liberdades que hoxe nos definen foron logradas, en non escasa medida, a través do recurso a violencia».

A parte queimada, texto literario brillante, por inusual, transgresor e arriscado, merece toda a atención. Recomendo vivamente.

Onte 2103: «Unha mente que voa» de Xurxo Mariño

Un dos avances colectivos da edición en galego recente é o do inicio dun catálogo de ciencia e divulgación científica, unha carencia endémica do sector.  Aos títulos daquelas impresionantes coleccións de Kalandraka (2012) de inventarios ilustrados e animais extraordinarios, edicións pioneiras e preciosas como todas as da editora pontevedresa, engadíronse en 2016 a apertura da colección Básicos Ciencia de Xerais dirixida por Miguel Vázquez Freire e a publicación por parte de Alvarellos do libro de Jorge Mira A que altura está o ceo? Tres editoras privadas en lingua galega abrían un espazo de edición impresa con espírito de alta divulgación científica coincidindo coa discriminación que o decreto de plurilingüismo (2010) establecía coa ensinanza das matemáticas e doutras disciplinas científicas e tecnolóxicas en galego. Un compromiso e sensibilidade co futuro do idioma, ao que tampouco foron alleos os científicos e divulgadores participantes nos diversos proxectos. Esforzos editoriais (heroicos) nun sector hexemonizado pola oferta literaria e á asociada ás disciplinas das ciencias sociais recoñecidos nos propios premios anuais do sector que dende 2018 estableceron unha categoría específica de «Divulgación», na que até agora foron galardonados dous títulos científicos: Terra (Xerais 2017) de Xurxo Mariño e A que cheiran as cores? (Galaxia 2019) de Juan Casto Rivadulla Fernández.

Dentro deste espazo de edición científica encádrase Unha mente que voa (Xerais 2020), libro no que Xurxo Mariño aborda a evolución da linguaxe nos humanos modernos. Unha viaxe de dous millóns de anos sobre a relación entre a autoconsciencia, o pensamento simbólico e a linguaxe, un reto no que se trata de comprender a propia natureza humana, tamén un dos maiores problemas da ciencia actual. Lonxe dos perigos académicos dun manual de lingüística ou dun estudo de paleontoloxía, dúas das disciplinas moi presentes neste cento de páxinas, Mariño aposta por ofrecer un relato sobre a evolución dos homínidos ao fío do desenvolvemento do encéfalo e das súas capacidades simbólicas, o que xera unha mente autoconsciente e precisa da interacción social dunha comunidade.

Particular interese ten para Mariño abordar cando xurdiu a linguaxe, unha destreza exclusiva do ser humano, e como se desenvolve na infancia sen necesidade de estímulos educativos dirixidos para iso, cuestión esencial na neuroeducación actual. Como apaixonante é o relato do proceso de invención das 6.000 linguas da humanidade ao longo de 60.000 anos, como o da relación entre o xeito de pensar e imaxinar o mundo e a lingua que se fala. Espectaculares son as páxinas dedicadas á relación entre o manexo de máis dunha lingua e as capacidades cognitivas, para Mariño, un magnífico elixir para a mente. Así, as actuais técnicas de imaxe que permiten estudar o que ocorre no interior do cerebro dun ser humano que manexa dúas ou máis linguas amosan que ten maior densidade de substancia gris ca unha persoa monolingüe en rexións cerebrais relacionadas coa habilidade verbal, o control articulatorio e fonolóxico. Como existen indicios de que o uso de diversas linguas pode atrasar catro ou cinco anos a aparición de enfermidades neurodexenerativas.

Acerta Xurxo Mariño cando concibe o libro como a narración dunha aventura de misterio na que van aparecendo pegadas, non sempre concluíntes. A súa habilidade narrativa, despregada no fascinante Terra, facilita ao lector seguir o fío dun nobelo do que aínda queda moito fío, como traxecto lle queda a viaxe da Voyager evocada nun emocionante epílogo no que salienta a capacidade do pensamento simbólico como ferramenta sen límites para o ser humano. Unha mente que voa enriquece e amplía o catálogo de divulgación científica na nosa lingua. Un libro indispensable para lingüistas e, en xeral, para todo o profesorado, non debe faltar nas bibliotecas escolares e didácticas. Un libro para o lectorado curioso que asume a dúbida como alicerce do método científico e da aprendizaxe. Parabéns moitos para Xurxo, a quen sempre considerei outra das nosas persoas sabias.

Zona a defender

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación de Zona a defender, o libro máis recente de Manuel Rivas:

Hai trinta e un invernos que Manuel Rivas presentou Galicia, el bonsai atlántico, o seu primeiro libro literario de non ficción. Partindo da metáfora da arboriña, á que se lle impide medrar, o xove xornalista coruñés retrataba o afundimento da nosa sociedade agraria ao tempo que paradoxalmente agromaban nesta Fisterra algunhas experiencias culturais e empresariais entón na vangarda. Un libro alboral no que o xornalista coruñés xa utilizaba un estilo poético para tecer unha escrita moi sensorial, tanto polo seu carácter sinestésico e retranqueiro, na que procuraba retorcer e estrullar cada unha das palabras como mellor xeito de afondar na súa ollada de gran angular sobre aquela Galicia, entón aínda esperanzada polas posibilidades do seu autogoberno, anterior á ocupación do fraguismo autonomista. Levedada dende entón nunha ducia de libros, algúns memorables como Toxos e flores (1992), Galicia. Galicia (1999) ou Episodios galegos (2009), Rivas culmina agora esta escrita política con Zona a defender. A esperanza indócil (Xerais 2020), probablemente, o libro máis importante do esteo da súa obra xornalística ensaística, síntese da súa característica escrita ás ceibas e da ollada de arcea sobre o horizonte.

Tras Contra todo isto (Xerais 2018), un libro manifesto no que denuncia a descivilización, o avance do conformismo e da indiferenza parello ao das desigualdades e ao incremento do odio ao diferente, en Zona a defender, Rivas ofrece outro libro manifesto, aínda que de espírito máis propositivo e de pulsión máis poética, no que a desesperación provocada polo «mayday» contemporáneo, a alerta de emerxencia inminente, transfórmase en esperanza indócil, en capacidade de defensa dos espazos e dos colectivos máis vulnerables. Rivas convoca a participar na revolución de procurar unha sociedade decente (Saint-Exupéry), onde a honestidade (Orwell), o decoro (Valle-Inclán), a honra e a dignidade sexan prácticas comúns, onde se recupere e libere o sentido das palabras e o acento da verdade, na que se proxecte a memoria no campo do futuro, onde a solidariedade sexa o fío secreto do acordo entre xeracións e a produción de odio sexa contrarrestada pola política dos afectos. Rivas ofrece unha estratexia para participar nesta inequívoca revolución contente, a de preservar Zonas a defender (ZAD), unha denominación que se estendeu en Francia para conservar espazos vulnerables que non poden ser profanados e deben ser conservados a toda costa.

Organizados como unha psicoxeografía de catro ventos, estes textos xornalísticos de Rivas escritos coa pulsión poética da verdade e da ollada limpa de medo ofrécense tamén como unha colección de mapas capaces de orientarnos para circular (ou tratar de entender en profundidade) nesta era Mayday de máxima urxencia. Agravado pola emerxencia da pandemia do Covid19, xa identificabamos o colapso na liña dun horizonte enfermo (Manuel Antonio) pola doenza irreversible do planeta, que na súa globalidade constitúe a primeira Zona a defender. Para Rivas, como xa desenvolvera tamén en Contra todo isto, no ecocidio provocado polo quecemento global, termo máis axeitado ao do eufemismo de cambio climático, está a cerna do colapso contemporáneo. Unha mecha que se debe cortar antes de que a faísca alcance a dinamita (Benjamin) para o que cómpre un novo contrato da sociedade coa natureza baseado nas ideas de decrecemento, des-extinción e relocalización cosmopolita como alicerces dunha estratexia do local universal. Calquera loita local deste tipo é imprescindible para esta estratexia universal, na que por ventura virá xente nómade cun país portátil na maleta e identidades compartidas.

Neste desafío excepcional que afrontamos, Rivas identifica dende un pesimismo rebelde que vai da man da esperanza indócil outras Zonas a defender. A do xornalismo como un activismo democrático que non renuncia a utilizar a sonda de profundidade para chegar a causa das cousas. A da cultura como creadora de almeiros, espazos igualitarios  limpos de medo. A do feminismo que emancipe as mulleres e libere aos homes do «histerismo masculino». A da cidade como creadora de espazos de diversidade e memoria, onde se anove o urbanismo como parte da natureza. A do activismo da liberdade, a da loita contra a corrupción, a da república de iguais, a da tolerancia contraria, a do humor como única arma contra os negacionismo…

A aparición desta Zona a defender anticipouse á chegada das vacinas como unha lectura de emerxencia contra o virus do medo e do conformismo das que dormen coa conciencia tranquila. Activemos as Zonas a defender. Comprometámonos coa esperanza indócil. Un libro extraordinario, necesario, fermoso, un gran Rivas. Corran a libraría a procuralo!

Onte 2068: «Galicia contada aos non galeguistas» de Manuel Veiga

Entre as novidades de Xerais que quedaron agochadas polo estado de alarma rescato Galicia contada aos non galeguistas, un ensaio con afán de alta divulgación do noso admirado Manuel Veiga. Un libro desmitificador, de espírito heterodoxo como aquel pioneiro Galicia, bonsai atlántico de Manuel Rivas ou das obras recentes coordinadas por Isidro Dubert, sobre todo Historia das historias de Galicia. Pouco máis dun cento de páxinas, algunhas ilustradas con moito xenio por Jano, nas que Veiga formula as preguntas esenciais ás que ansia colectiva galega debería atopar respostas: u-las maiores riquezas de Galicia?; por que abundan no país os lugares en ruínas?; fomos celtas, queremos selo no futuro?; por que os galegos son moi queridos en Madrid (incluso de máis)?; continuaremos sendo un país de emigrantes?; existen razóns obxectivas que xustifiquen a ourensanía?; algunha vez contaremos cun goberno máis acorde coas características do país?

Empregando unha sólida argumentación, froito da destilación de milleiros de lecturas e dun coñecemento moi andado nas congostras e vieiros do país, o autor formula preguntas certas e ensaia respostas veraces, afastadas de calquera ortodoxia galeguista, matizadas nalgúns casos pola retranca e o humor e noutras por un afán rotundo de superación dos paradigmas actuais, tinguidas sempre dun leve optimismo de vontade gramsciana. Unha obra breve e moi coidadosamente escrita, no mellor espírito da prosa casariana da ledicia de ler, concibida como unha longa, amena e por momentos emocionante reportaxe dun xornalista que sen prexuízos partidarios está disposto a presentar con ollada arcea o verdadeiro rostro do seu país a súa propia cidadanía.

Un libro que a pesar do seu título (outra brincadeira irónica veiguiana) vai dirixido en primeira instancia ao público galeguista en todo o seu amplo espectro, dende o que se declara mornamente autonomista ao de filia máis independentista, pero que tamén pode dar moito xogo como texto de referencia para o debate interxeracional de clubs de lectura de bibliotecas públicas ou de centros educativos de secundaria. Aventuro que este ensaio de vontade popular será nos vindeiros anos un dos títulos máis recomendados de boca a orella polo lectorado. Beizóns a Manuel Veiga por estoutro esteo na construción dunha das obras máis sólidas, variadas e orixinais da escritura galega do noso tempo.

 

A nación resistente e optimista

Acabo de recibir o Tempos Novos nº 263, correspondente ao mes de abril, onde nas páxinas de «Protexta» publico este comentario sobre o ensaio de Camilo Nogueira Unha nación no mundo. A razón resistente (1480), publicado por Xerais.

Camilo Nogueira compartiu durante as catro últimas décadas a súa intensa actividade política coa escritura ensaística. Dende a publicación do libro de conversas con Suso de Toro, Camilo Nogueira e outras voces (Xerais, 1991), abriu o complexo relato da memoria da nación, ao que dende entón fixo valiosas achegas nas que recolleu a cerna do seu ideario político. Obras nas que enuncia unha menxase esperanzada para unha Galicia con vontade de mudar a súa perspectiva histórica, reatopándose como nación política, unindo a memoria do pasado co proxecto do futuro.

Na súa publicación máis recente, Unha nación no mundo. A razón resistente (1480-2010) (Xerais, 2019), Nogueira completa o relato iniciado en A memoria da nación. O reino de Gallaecia (2001), no que se poñía de manifesto a tradición medieval da nación galega que dende hai case dous mil anos conta con personalidade política-administrativa de seu. Cadora, Nogueira aborda na primeira parte, «Galiza no Absolutismo», o carácter da monarquía española na Idade Moderna e a evolución da sociedade galega baixo as dinastías europeas dos Habsburgo e os Borbón; mentres que na segunda, «A nación política contemporánea», analiza a formación da conciencia nacional e a estruturación do nacionalismo galego como forza política no proceso de configuración do estado español no contexto dos estados europeos despois da Revolución Francesa.

Como fixera na primeira, na nova entrega insiste en que a memoria da nación necesita ser recuperada para o futuro de Galicia, coa intención de evitar caer no esquecemento antes de que este poida ter ocorrido. Unha recuperación que esixe a crítica da ideoloxía españolista que deturpa o pasado común dos pobos peninsulares e lle dá un carácter determinista á existencia do Estado na súa forma actual. Deféndese que Galicia ten dous mil anos de historia e personalidade política, o que supón unha profunda e fundamentada crítica da ideoloxía españolista, baseada na idea de España como unha realidade política unitaria desde o tempo romano e godo. Como se defende que a pesar de ter padecido no Antigo Réxime unha dominación perversa, mantivo os seus recursos vitais e personalidade diferenciada até 1800, cando era o país máis populoso entre os da península, contando con máis poboación ca Madrid e Cataluña. Para Nogueira foi no tempo contemporáneo cando o Estado español negou a nosa personalidade histórica e cultural, sendo os intentos de reescritura da Historia de España apenas unha falacia histórica na que se interpreta a Idade Media como un proceso que conduce á hexemonía de Castela e á concepción do Estado español como unha unidade procedente do século XV.

Con todo, o máis relevante do ensaio de Nogueira, froito dun traballo documental monumental, é situar o nacionalismo galego como un movemento político a prol da democracia, da liberdade e do desenvolvemento económico e social. Un movemento político a prol do pluralismo social, cultural e lingüístico e das liberdades civís, fronte a un Estado español identificado coa uniformización e a eliminación da diversidade como trabe do seu funcionamento. Deseña así Nogueira, persoa rigorosa e reflexiva, mais tamén teimoso optimista da vontade, o seu modelo de nación resistente e optimista, capaz de asumir o seu autogoberno nun mundo cada vez máis diverso e incerto. Un ensaio referencial no noso pensamento nacionalista.

Onte 1937: «Ruptura», a crise da democracia liberal de Manuel Castells

Tempo facía que non lía un ensaio político tan claro e contundente como Ruptura. La crisis de la democracia liberal de Manuel Castells. Un libro no que en apenas un cento de páxinas o catedrático de Socioloxía da UOC expón as claves da actual crise política, que para el ten unha dimensión global, manifestada por un colapso gradual do modelo de representación da democracia liberal. Un diagnóstico demoledor sobre as múltiples crises que vivimos no planeta. A económica, caracterizada pola precariedade laboral e os salarios de pobreza. O terrorismo fanático, que fractura a convivencia, alimenta o medo cotián e dá azos ás restricións das liberdades en nome da seguridade. A da ameaza constante das guerras atroces como forma de abordar os conflitos. A violencia contra as mulleres que ousaron ser elas mesmas. A galaxia da comunicación dominada pola mentira, bautizada como posverdade. A cultura transformada en entretemento nunha sociedade sen privacidade na que todos nos convertimos en datos.

Mais para Castells a cerna destas crises que envelan as nosas vidas está na «ruptura da relación entre gobernantes e gobernados, na desconfianza nas institucións, en case todo o mundo, que deslexitima a representación poítica», «un colapso gradual dun modelo político de representación e gobernanza» que a chamada democracia liberal consolidara nos dous útimos séculos. Tese que Castells desenvolve en catro capítulos nos que analiza as súas manifestacións nas crises da Unión Europea (Brexit,Merkelización, refuxiados…), nos Estados Unidos (con atención ao fenómeno de Trump), no fenómeno do terrorismo yihadista e, por último, en España, deténdose no caso do 15-M e na cuestión catalá e a consecuente crise do Estado español.

Entendo de particular interese a reflexión que Castells fai sobre as identidades no marco da globalización, que identifica como auténtica crise identitaria: «Canto menos control teñen as persoas sobre o mercado e sobre o seu Estado mais se repregan nunha identidade propia que non pode ser disolta pola vertixe dos fluxos globais. Refúxianse na súa nación, no seu territorio, no seu deus. Mentres que as elites triunfantes da globalización proclámanse cidadáns do mundo, amplos sectores sociais atrincheiranse nos espazos culturais nos que se recoñecen e onde o seu valor depende da súa comunidade e non da súa conta bancaria. Á fractura social únese a fractura cultural».

Como particularmente brillantes son as análise de Castells sobre a corrupción, que considera «un trazo sistémico da política actual»; a política como fenómeno «fundamentalmente emocional», o que lle permite transformarse en escándalo e espectáculo; o fenómeno Trump vinculado a identidade do «home branco e o Brexit como froito da «profunda división de clase e culturas que define a sociedade británicas».

Por último, no que atinxe a cuestión catalá (o libro péchase cunha referencia explícita aos acontecementos do 1-O), Castells entende que «a raíz da crise institucional do Estado español en 2017 reside nos defectos de orixe da Constitución de 1978», razón pola que vai debullando as fases do proceso catalán dende que o president Maragall promoveu a elaboración dun «novo Estatut para Catalunya que aumentara considerablemente o grao de autogoberno, sen esbozar o inquedante horizonte dunha indepedencia que España nunha aceptaria». Un relato do proceso no que Castells remata confiando como única saída posible nunha reforma constitucional que aceptara a pluralidade e plurinacionalidade, aínda que o fai con reservas non exentas de temor:

A menos que ese proxecto de integración pactada consiga suficientes apoios na sociedade e na política do Estado español, á crise de lexitimidade política motivada polo déficit democrático da súa representividade social unirase a crise derivada da incapacidade de representar as diferencias nacionais cuxo espesor histórico e cultural non pode ser ignorado ou reprimido. O actual Estado español, entronizado nunha monarquía de dubidosa lexitimidade na súa orixe, incapaz de expresar unha realidade plurinacional e desvirtuado pola corrupción dunha dereita que aínda controla os poderes fácticos, vive ao bordo dunha crise constitucional que podería poñer en perigo a convivencia cidadá.

Onte 1922: Queizán con Rosalía

Interesantísima resultou a presentación onte na LIbraría Andel de Vigo de Rosalía de Castro e o poder sexual, o libro máis recente de María Xosé Queizán. A escritora viguesa conversou coa escritora e membro da plataforma de crítica A Sega Susana Sánchez Arins arredor dunha obra híbrida, que inclúe ensaios, poemas e contos, onde hai un cuestionamento explícito dos xéneros. «A unidade do libro é o meu criterio sobre Rosalía», confesou Queizán, para quen «a soidade e o traballo son os os temas fundamentais para Rosalía, tamén para xustificar a morte dóce que propón para aquelas mulleres polas que ninguén agarda». Arins comezou agradecéndolle a Queizán que co seu ensaio Misoxinia e racismo na poesía de Pondal lle descubrise «como Rosalía contesta a Pondal, ofrecendo unha lectura dos dous en contrapunto, membros da mesma época e da mesma sociedade, aínda que con diferentes modelos e puntos de vista; dende entón non canto o himno galego, dun autor que non me representa».

Sinalou Susana que Queizán tamén lle descubrira a palabra «viriloide«, «coa que se referían a Rosalía na súa época, formando parte das visións deitadas sobre ela, como santa ou chorona, polos señores críticos». Sinalou Susana a soidade que sufriu Rosalía, «unha muller moi avanzada no seu tempo, que non se escondía detrás dun pseudónimo masculino, unha muller a que lle faltou a rede de afectos e apoios, como os que conformamos hoxe na Sega, como quizais tamén a propia María Xosé».

Queizán insistiu en que o fastío de Rosalía tiña unha causa política e non existencial, «non é este mundo para mulleres, percibe que está no lugar e no tempo equivocado». Rematou a conversa, na que Susana estableceu un nexo directo entre Rosalía e Queizán, que recuperou a narrativa feminina en galega en 1965, debatendo sobre a oportunidade do título, que podería levar a confusión. Para Queizán «Rosalía é unha das escritoras que mellor comprendeu e reflectiu na súa obra, a sedución, entendendo esta como o poder sexual que os homes exercen sobre as mulleres. Toda a obra de Rosalía ten como fío condutor a sexualidade e o poder patriarcal. Rosalía capta ese poder sexual, soubo distinguilo perfectamente, con tanto adianto, antes de que se estudase e se lle dese nome ao patriarcado, foi pioneira, con orixinalidade e audacia, nun tema tan vixente na actualidade».

Onte 1871: “Humildar” de Suso de Toro, presentación en NUMAX

Presentacion_Humildar_NUMAX_18-05-2017

Da man do científico Carlos Pajares, Suso de Toro presentou en NUMAX Humildar, un pequeno libro de ensaio no que reflexiona sobre a experiencia da vida e o seu carácter transcendente. Unha obra que Pajares cualificou de “curta en páxinas, pero grande en sentimentos e agarimos humanos”, “un libro sobre a vida e o fluxo da vida, no que Suso de Toro afonda no que é humildar, co significado de facer humilde a alguén, mais tamén como sinónimo de agradecer, de dar as grazas, de asumir a vulnerabilidade de cadaquén”. Para Suso De Toro, rematou, “humildar é procurar a verdade, aceptar a vida conscientes de que non acaba en nós”.

Comezou o seu discurso Suso de Toro agradecendo aos lectores e lectoras a lectura do seu novo libro: “sempre souben que cada persoa que lía un meu libro estaba tamén enriquecéndome”. A seguir expresou a súa admiración por Carlos Pajares “pola súa valentía nun tempo no que a modernidade deviu nunha caricatura, o feito de declararse crente na igrexa católica demostra un modo natural de estar na vida que considero admirable”. Confesou, despois, que se fixera moderno “cando perdín a relixión dos meus maiores”, “ese deus xudeu cristiano xerárquico, patriarcal, antropomorfo, dialéctico e ao mesmo tempo que concibe un mundo como posesión da especie humana sígueme parecendo inaceptable, mais tamén acrdito naquela frase de Chesterton: ‘a xente deixa de crer en deus e cre en calquera cousa'”. “Eu acredito, como Marx, que acredita na acción, que o coñecemento é froito dunha acción dialéctica entre o traballo intelectual e o manual, síntese da experiencia”. “Eu sempre experimentei a través da palabra, fose na política ou na creación literaria. Desa experiencia e do valor das palabras naceu Humildar, un libro do que xa atopo rastros en obras anteriores de ensaio, como en FM, onde hai algúns artigos sobre a falta de aura dos obxectos que nos inundan, e sobre todo en Parado na tormenta, onde se fala en moitas páxinas da necesidade de recrear unha nova relixiosidade ou da necesidade de novos ritos de paso”.

XG00271501“Quixen escribir un libro de rituais para aquelas persoas que non teñen deus,  falar da vida de forma transcendente, argumentar rituais en momentos de paso vivencialmente importantes, desde o nacemento ao pasamento”. “Son consciente que este libro destila lecturas lonxanas, como as de Freud, do que fun lector temperán, que fala de rituais neuróticos. Como o son de que o 98% da humanidade segue a ter crenzas relixiosas e o agnosticismo é unha anomalía histórica dun 50% da poboación europea”. “No libro non me atrevín a facer oracións para eses momentos transcendentes, palabras para dicir, para dialogar, para marchar, unha linguaxe necesaria”. Confesou que intentara non ser solemne, a pesar de que o libro asume que “a experiencia da vida é transcendente, que non supón outra cousa que aceptar a vida e a morte”. Rematou desvelando que “o carácter manuscrito so texto pretende rescatar a experiencia do esforzo, como xa fixera en A sombra cazadora, onde reivindicara a vida vivida, ao tempo que facelo así me permitía escribir máis despacio, este é un libro feito a mantenta, como una acto significativo”.

Onte 1858: “Galegocalantes e galegofalantes” de Carlos Callón

2017041719065851228

Carlos Callón confesou onte na presentación de Galegocalantes e galegofalantes, a obra que pecha a triloxía iniciada por En castellano no hay problema e continuada en Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, que coa publicación deste libro pretende contribuír a activar o debate social sobre o idioma galego, que na actualidade está nunha encrucillada.”Somos unha lingua que deberiamos dar por morta, na que non se estrea ningunha película de animación cada ano ou na que non hai posibilidade de sacar o carné de conducir, mais hai razóns para a esperanza sobre o seu futuro mesmo a pesar das moitas couces que recibiu, o auténtico mérito do galego e estar vivo”. “Non teño dúbida de que hai máis demanda de galego ca de oferta de galego. Falta acción dos poderes públicos, dende a Administración Xeral do Estado, que rexeita documentación presentada na nosa lingua, até a propia Xunta de Galicia, que non está á altura do que dita o Estatuto de Autonomía no que atinxe a promoción do galego”.

XG00263601Carlos Callón considera que “este libro non é pesimista, xa que hai motivos para estar preocupados, pero tamén hai precedentes de activación na súa defensa e promoción”. Nesta liña o autor reclamou “non só ao Partido Popular, que tantas couces deu ao galego, tamén os partidos da oposición, PSOE, En Marea e BNG, que teñan unha posición máis activa na defensa da nosa lingua”. “Todas as administracións teñen a súa responsabilidade, non abonda con expresar amor a nosa lingua, deben facer unha política de activación lingüística expansiva e inclusiva”. Rematou a súa intervención presentando a estrutura do libro, no que se inclúe unha primeira parte de análise sobre as posibilidades de activación dos galegocalantes e de unión dos galegofalantes, unha segunda de reflexión e acción sobre as estratexias para facelo, para rematar con dous epílogos, a transcrición do debate con Carlos Luís Rodríguez e a unha escolma de noticias nas que o galego aparece nos medios de comunicación galegos identificado coa delicuencia.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar