A nación resistente e optimista

Acabo de recibir o Tempos Novos nº 263, correspondente ao mes de abril, onde nas páxinas de «Protexta» publico este comentario sobre o ensaio de Camilo Nogueira Unha nación no mundo. A razón resistente (1480), publicado por Xerais.

Camilo Nogueira compartiu durante as catro últimas décadas a súa intensa actividade política coa escritura ensaística. Dende a publicación do libro de conversas con Suso de Toro, Camilo Nogueira e outras voces (Xerais, 1991), abriu o complexo relato da memoria da nación, ao que dende entón fixo valiosas achegas nas que recolleu a cerna do seu ideario político. Obras nas que enuncia unha menxase esperanzada para unha Galicia con vontade de mudar a súa perspectiva histórica, reatopándose como nación política, unindo a memoria do pasado co proxecto do futuro.

Na súa publicación máis recente, Unha nación no mundo. A razón resistente (1480-2010) (Xerais, 2019), Nogueira completa o relato iniciado en A memoria da nación. O reino de Gallaecia (2001), no que se poñía de manifesto a tradición medieval da nación galega que dende hai case dous mil anos conta con personalidade política-administrativa de seu. Cadora, Nogueira aborda na primeira parte, «Galiza no Absolutismo», o carácter da monarquía española na Idade Moderna e a evolución da sociedade galega baixo as dinastías europeas dos Habsburgo e os Borbón; mentres que na segunda, «A nación política contemporánea», analiza a formación da conciencia nacional e a estruturación do nacionalismo galego como forza política no proceso de configuración do estado español no contexto dos estados europeos despois da Revolución Francesa.

Como fixera na primeira, na nova entrega insiste en que a memoria da nación necesita ser recuperada para o futuro de Galicia, coa intención de evitar caer no esquecemento antes de que este poida ter ocorrido. Unha recuperación que esixe a crítica da ideoloxía españolista que deturpa o pasado común dos pobos peninsulares e lle dá un carácter determinista á existencia do Estado na súa forma actual. Deféndese que Galicia ten dous mil anos de historia e personalidade política, o que supón unha profunda e fundamentada crítica da ideoloxía españolista, baseada na idea de España como unha realidade política unitaria desde o tempo romano e godo. Como se defende que a pesar de ter padecido no Antigo Réxime unha dominación perversa, mantivo os seus recursos vitais e personalidade diferenciada até 1800, cando era o país máis populoso entre os da península, contando con máis poboación ca Madrid e Cataluña. Para Nogueira foi no tempo contemporáneo cando o Estado español negou a nosa personalidade histórica e cultural, sendo os intentos de reescritura da Historia de España apenas unha falacia histórica na que se interpreta a Idade Media como un proceso que conduce á hexemonía de Castela e á concepción do Estado español como unha unidade procedente do século XV.

Con todo, o máis relevante do ensaio de Nogueira, froito dun traballo documental monumental, é situar o nacionalismo galego como un movemento político a prol da democracia, da liberdade e do desenvolvemento económico e social. Un movemento político a prol do pluralismo social, cultural e lingüístico e das liberdades civís, fronte a un Estado español identificado coa uniformización e a eliminación da diversidade como trabe do seu funcionamento. Deseña así Nogueira, persoa rigorosa e reflexiva, mais tamén teimoso optimista da vontade, o seu modelo de nación resistente e optimista, capaz de asumir o seu autogoberno nun mundo cada vez máis diverso e incerto. Un ensaio referencial no noso pensamento nacionalista.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *