Listado de la etiqueta: unha_nación_no_mundo

A nación resistente e optimista

Acabo de recibir o Tempos Novos nº 263, correspondente ao mes de abril, onde nas páxinas de «Protexta» publico este comentario sobre o ensaio de Camilo Nogueira Unha nación no mundo. A razón resistente (1480), publicado por Xerais.

Camilo Nogueira compartiu durante as catro últimas décadas a súa intensa actividade política coa escritura ensaística. Dende a publicación do libro de conversas con Suso de Toro, Camilo Nogueira e outras voces (Xerais, 1991), abriu o complexo relato da memoria da nación, ao que dende entón fixo valiosas achegas nas que recolleu a cerna do seu ideario político. Obras nas que enuncia unha menxase esperanzada para unha Galicia con vontade de mudar a súa perspectiva histórica, reatopándose como nación política, unindo a memoria do pasado co proxecto do futuro.

Na súa publicación máis recente, Unha nación no mundo. A razón resistente (1480-2010) (Xerais, 2019), Nogueira completa o relato iniciado en A memoria da nación. O reino de Gallaecia (2001), no que se poñía de manifesto a tradición medieval da nación galega que dende hai case dous mil anos conta con personalidade política-administrativa de seu. Cadora, Nogueira aborda na primeira parte, «Galiza no Absolutismo», o carácter da monarquía española na Idade Moderna e a evolución da sociedade galega baixo as dinastías europeas dos Habsburgo e os Borbón; mentres que na segunda, «A nación política contemporánea», analiza a formación da conciencia nacional e a estruturación do nacionalismo galego como forza política no proceso de configuración do estado español no contexto dos estados europeos despois da Revolución Francesa.

Como fixera na primeira, na nova entrega insiste en que a memoria da nación necesita ser recuperada para o futuro de Galicia, coa intención de evitar caer no esquecemento antes de que este poida ter ocorrido. Unha recuperación que esixe a crítica da ideoloxía españolista que deturpa o pasado común dos pobos peninsulares e lle dá un carácter determinista á existencia do Estado na súa forma actual. Deféndese que Galicia ten dous mil anos de historia e personalidade política, o que supón unha profunda e fundamentada crítica da ideoloxía españolista, baseada na idea de España como unha realidade política unitaria desde o tempo romano e godo. Como se defende que a pesar de ter padecido no Antigo Réxime unha dominación perversa, mantivo os seus recursos vitais e personalidade diferenciada até 1800, cando era o país máis populoso entre os da península, contando con máis poboación ca Madrid e Cataluña. Para Nogueira foi no tempo contemporáneo cando o Estado español negou a nosa personalidade histórica e cultural, sendo os intentos de reescritura da Historia de España apenas unha falacia histórica na que se interpreta a Idade Media como un proceso que conduce á hexemonía de Castela e á concepción do Estado español como unha unidade procedente do século XV.

Con todo, o máis relevante do ensaio de Nogueira, froito dun traballo documental monumental, é situar o nacionalismo galego como un movemento político a prol da democracia, da liberdade e do desenvolvemento económico e social. Un movemento político a prol do pluralismo social, cultural e lingüístico e das liberdades civís, fronte a un Estado español identificado coa uniformización e a eliminación da diversidade como trabe do seu funcionamento. Deseña así Nogueira, persoa rigorosa e reflexiva, mais tamén teimoso optimista da vontade, o seu modelo de nación resistente e optimista, capaz de asumir o seu autogoberno nun mundo cada vez máis diverso e incerto. Un ensaio referencial no noso pensamento nacionalista.

Onte 2013: Camilo Nogueira, a razón resistente

Acompañei onte a Suso de Toro e Fran Alonso na presentación en Couceiro de Compostela d’ Unha nación no mundo. A razón resistente (1480-2010), o libro que o meu admirado Camilo Nogueira escribiu ao longo das dúas últimas décadas. Transcribo o texto que lin en día que considero moi importante:

Coñecín a Camilo Nogueira na campaña electoral de 1977 cando se presentou como candidato do Bloque Nacional Popular Galego. Daquela eu era un rapaz de ERGA de primeiro de facultade e Camilo xa toda unha lenda na nosa organización estudantil, un jhichiño de Vigo que fundara Galicia Socialista, despedido de Citroën na folga do 72 e despois economista de SODIGA en Compostela. Dende entón, xa van máis de corenta anos, non deixei de admirar a Camilo, unha persoa das boas e xenerosas na que identifico de forma modélica os valores republicanos e o compromiso coa nación.

Sei que hai un grupo de nacionalistas, os chamados «camilistas», que tivemos a fortuna de ser formados por Nogueira nese teimoso optimismo da vontade, imprescindible na construción do proxecto nacional galego, nacionalistas que aprendimos de Nogueira que o nacionalismo non é unha ideoloxía, senón unha proposta de liberdade, progreso e independencia que procura o autogoberno para Galicia e o benestar e a igualdade da súa cidadanía. Abofé que hai moitos ámbitos que precisan de azos para construír a nación.

Camilo entendeuno así, tanto no Parlamento Galego (1981-1993; 1997-1999) como no Parlamento Europeo (1999-2004), cando desenvolveu, case en solitario, as tarefas de todo un grupo parlamentario, acuñando na política nacionalista “o xeito de Esquerda Galega”. Desenvolvendo un programa ambicioso, tanto global como sectorial, que conducise a que Galicia fose auténtica nación política; aceptando a responsabilidade de valerse economicamente, na interdependencia doutras nacións europeas; promovendo un desenvolvemento autocentrado dos diversos sectores da economía, con atención preferente á industria, á enerxía e os sectores gandeiro e pesqueiro; recoñecendo a lingua galega como nacional e universal, vinculada ao mundo da lusofonía e das culturas atlánticas; pensando, xaora, o mundo dende Galicia en constante diálogo coas circunstancias do noso tempo. Un xeito de entender o traballo parlamentar que continúa, por ventura, agora Ana Miranda, que compartiu con Nogueira moitos azos en Bruxelas.

A andaina de Nogueira no Parlamento Galego alicerzou, en boa medida, o programa de autogoberno do nacionalismo galego durante as décadas de entre séculos. Non se pode esquecer que en 1981 Camilo participou na redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia. Como tampouco que como único deputado de Esquerda Galega redactou de puño e letra a Proposición de Lei de Normalización Lingüística de Galiza, tamén en 1981, a primeira iniciativa lexislativa presentada no Parlamento de Galicia, que serviría para forxar dous anos despois o primeiro consenso político e social arredor do idioma. Como non se pode comprender a denuncia da marxinación de Galicia no Estado, fose no desenvolvemento das infraestruturas de comunicación coa Meseta ou no desenvolvemento competencial e financiamento autonómico, sen o traballo teimoso, constante e rigoroso de Nogueira nas tribunas de Xelmírez e do Hórreo.

Como foi marcante a súa etapa como concelleiro en Vigo, cando o PSG-EG obtivo cinco actas e, por vez primeira, arriscou e asinou un acordo orzamentario con Manuel Soto Ferreiro, alcalde do PSdeG-PSOE. Unha revolución no xeito de entender a política nacionalista. Aquel primeiro pacto de Camilo abriu un novo vieiro para a estratexia dos nacionalistas, tanto de PSG-EG como do BNG, que logo callaría na súa participación nun goberno de coalición (1991-1995) presidido polo socialista Carlos G. Príncipe. Uns anos de entusiasmo partidario, onde os seguidores de Camilo chegamos a conformar en Vigo unha organización política de varios centos de militantes, mobilizados pola cultura do municipalismo e da participación cidadá.  Finais dos oitenta nos que lembramos ao Camilo máis pletórico desenvolvendo unha proposta territorial e de autogoberno para Galicia, que se anticipou á estratexia que unha década despois asumirían Xosé Manuel Beiras e Anxo Quintana á fronte do BNG.

Durante a súa andaina en Estrasburgo, representando ao BNG no Grupo dos Verdes / Alianza Libre Europea, Camilo Nogueira presentou máis de medio milleiro de iniciativas, realizou máis de cento cincuenta intervencións nos plenos, converténdose na auténtica voz dos intereses e criterios de Galicia (xa fose expresándose en galego-portugués, francés ou español),  pero tamén doutros pobos e cidadáns humildes, xa que entende, como pensaba Castelao, o nacionalismo de esquerda como un punto de encontro que nos leva a integrarnos e a facer nosos os problemas de toda a humanidade. Mágoa que o electorado galego en 2004 non valorase este esforzo de Camilo Nogueira erguendo o facho destoutro nacionalismo posible, o da esperanza, o que foxe do vitimismo e do esencialismo!

Camilo Nogueira compartiu a súa intensa acción política coa escritura ensaística, unha das actividades que sei máis lle prestan. A publicación do libro de Suso de Toro, Camilo Nogueira e outras voces (Xerais, 1991), o primeiro no que participei como editor, abriu o complexo relato da memoria da esquerda nacionalista en Galicia, ao que Camilo fixo valiosas achegas. Como os seus centos de artigos, recollidos en dous libros, A terra cantada (Xerais, 2006) e A rota do sol (Laiovento, 2011), expresan mellor ca ningunha outra crónica o seu devir, preocupacións e afáns políticos.

Xaora, son os seus ensaios A memoria da nación. O reino de Gallaecia (Xerais, 2001), Europa, o continente pensado (Galaxia, 2008), Galiza na Unión (Galaxia, 2008), Para unha crítica do españolismo (Xerais, 2012) e o que hoxe presentamos Unha nación no mundo. A razón resistente (Xerais 2019), onde recolleu a cerna do seu ideario político e a súa contribución á recuperación da memoria política de Galicia. Obras, especialmente a que hoxe presentamos nas que Nogueira enuncia unha menxase esperanzada para unha Galicia con vontade de mudar a súa perspectiva histórica, reencontrándose como nación política, unindo a memoria do pasado co proxecto do futuro. Ou dito doutro xeito, Nogueira propón pensar o mundo desde a propia Terra e sendo do mundo en dialéctica coas circunstancias de cada tempo.

Un libro o que hoxe presentamos que constitúe a segunda parte do relato iniciado en A memoria da nación. O reino de Gallaecia, que publicamos en 2001, e co que iniciamos tamén en Xerais a nosa colección de Ensaio, coa intención de promover a creación de pensamento galego. Non esquezo a primeira presentación da obra na libraría Cervantes de Vigo, hoxe desaparecida. Xornada na que anunciabamos os alicerces e estrutura dun proxecto editorial concibido para ser publicado en tres volumes, antes de finais de 2002:

No primeiro, subitulado O reino de Gallaecia, poñíase de manifesto con datos e fontes concretas a tradición medieval da nación galega que conta con dous mil anos de historia e personalidade política-administrativa.

No segundo, subtitulado Galiza no Absolutismo, consideraríase o carácter da monarquía española na Idade Moderna e a evolución da sociedade galega baixo as dinastías europeas dos Habsburgo e os Borbón.

Por último na terceira, A nación política contemporánea, analizaríase a formación da conciencia nacional e a estructuración do nacionalismo galego como forza política no proceso de configuración do estado español no contexto dos estados europeos despois da Revolución Francesa.

O traballo previsto a desenvolver en menos de quince meses alongouse en máis de quince anos, nos que Nogueira non deixou de traballar sobre o manuscrito, o que me consta polas versións e versións que fun coñecendo. Estou certo que pagou a pena agardar e refundir o segundo e o terceiro volume nestas setecentas páxinas que hoxe presentamos e mesmo pensó que pagou a pena mudarlle o título ao libro como Unha nación no mundo, como acordamos no mes de marzo pasado.

Sei que das argumentacións que sustentan a obra debe falar Camilo. Con todo, antes de rematar, quixera sinalar algunhas ideas eixo que entendo fundamentais:

No conxunto da obra deféndese que a memoria da nación necesita ser recuperada para o futuro de Galicia, para evitar caír no esquecemento antes de que este poida ter sucedido. Esta recuperación esixe á crítica da ideoloxía españolista que deturpa o pasado común dos pobos peninsulares e lle dá un carácter determinista á existencia do propio Estado na súa forma actual.

Na obra deféndese que Galicia ten dous mil anos de historia e personalidade política, o que supón unha profunda e fundamentada crítica da ideoloxía española, baseada na idea de España como unha realidade política unitaria desde o tempo romano e godo. Como se defende que a pesar de ter padecido no Antigo Réxime unha dominación perversa, mantivo os seus recursos vitais e personalidade diferenciada até 1800, cando era o país máis populoso entre os da península. E foi no tempo contemporáneo cando o Estado español negou a nosa personalidade histórica e cultural. Os intentos de reescritura da Historia de España, aos que asistimos en tempos de Aznar e que hoxe se están repetindo, sustentan unha falacia histórica que conduce á interpretación da Idade Media como un proceso que conduce necesariamente á hexemonía de Castela e á concepción do Estado español como unha unidade procedente do século XV.

Nesta obra deféndese que a manifestación da memoria política de Galicia como nación precisa da crítica dunha ideoloxía dos estados-nación que considera os estados xa constituídos como produto dunha lóxica histórica que non podería ser posta en cuestión.

E por último, nesta obra sitúase o nacionalismo galego como un movemento político a prol da democracia, da liberdade e do desenvolvemento económico e social, como un movemento político que defendeu o pluralismo social, cultural e lingüístico e as liberdades fronte a un Estado español que historicamente se identificou coa uniformización e considerou a eliminación da diversidade como elemento substancial do seu funcionamento.

Estou convencido, esta obra demóstrao, que Camilo Nogueira, persoa rigorosa e reflexiva, foi pioneiro da nova política, tanto por ser capaz de compaxinar durante anos o seu traballo profesional coas responsabilidades parlamentarias e políticas como pola súa capacidade de encarnar coa vontade de ferro do corredor de maratón, o atleta que dosifica o seu esforzo para chegar á meta, o modelo de optimismo da vontade que admiramos desque o coñecimos hai catro décadas.

Moitos parabéns, Camilo por culminar esta memoria da razón resistente. Moitos parabéns, insisto.