Onte 606: RVB e a dignidade do teatro galego
Magnífica foi a homenaxe que o Club Faro de Vigo rendeu á memoria de Roberto Vidal Bolaño. Roberto Pascual, Roi Vidal e Xosé Luís Méndez Ferrín, en todas as tres grandes intervencións, lembraron a que foi trabe de ouro para o teatro nacional galego.
Comezou Roberto Pascual dicindo que «RVB defendeu unha visión holística do teatro. Foi un creador total, integral, por vontade de afirmación artística. Foi actor, autor, escenógrafo (baixo o heterónimo de Julia Brens), director». «RVB recoñecía que chegou ao teatro por casualidade. Quería dedicarse ao cine. Aos seus primeiros contactos con este medio foron dende o colectivo Lupa gravando pequenas curtas sobre festas. Bolaño quería narrar coa imaxe. A partir de gañar o Premio Abrente en 1976 con Laudamuco, señor de ningures quedou vinculado co teatro. Aquel premio reafirmouno e consolidouno co teatro e decidiu abandonar o seu traballo como bancario. Dende entón traballou pola dignidade dos oficios do teatro, por un teatro que chegase a unha maioría social, mais tamén que estimulase creativamente».
Roberto Pascual explicou despois as mudanzas na traxectoria creativa de RVB. «Ao longo dos anos oitenta sufriu un certo ostracismo, en grande medida por non sentirse arroupado pola profesión teatral no seu conflito en 1984 coa Consellaría de Cultura. Durante aquel período, coincidindo coa creación da Televisión de Galicia, dedicouse á dobraxe, mais non abandonou a creación teatral. Coa creación en 1992 da compañía Teatro de Aquí iniciou unha nova etapa e un novo manifesto teatral. RVB pretendía facer un teatro que fale da nosa realidade contemporánea. Unha nova estética, máis urbana». «Saxo tenor, un peza dramática baseada no western policial, marca o inicio desta etapa. RVB deixa o teatro de inspiración grotesca e parateatral da epoca de Antroido, a súa primeira compañía, por un teatro máis cinematográfico, que bebe das estéticas de Peter Brook e Grotowski. Durante esa época madurará na súa actividade autoral, creando para diversas institucións e escribindo por encargo. Foi este o caso da peza Integral, a súa derraeira peza, cando xa estaba ameazado polo cancro, escrita para a Escola Municipal de Teatro de Narón». Referiuse despois Pascual aos personaxes da dramaturxia boloñesa, «personaxes imposibles, outsiders aos que quere dar voz, que pretende presentar na «desgraza», un termo da sua creación, defendendo sempre a dignidade da súa condición». «O humor irónico, ao ataque, sarcástico foi sempre moi importante na súa obra. Ese humor que libera endorfinas, mais tamén activo, a arte de sermos espectadores de sermos cidadáns», rematou Pascual.
Roi Vidal dedicou a súa intervención a relatar os acontecementos que o seu pai viviu en 1984, «un ano importante na traxectoria vital de RVB». Como membro da Asociación Roberto Vidal Bolaño comezou manifestando o pesar polo feito de que Ferrín non sexa xa presidente da Academia. «RVB foi amigo de Ferrín. Na súa primeira etapa autoral preparou en 1983 o espectáculo Percival sobre textos de Ferrín. Unha peza na que o grupo Antroido acadou unha forza visual que comezaba a ser importante, mesturando actores con monicreques movidos por fíos». Lembrou que con «Percival comezara a polémica, quizais por que o texto remataba coa frase “Quremos a fronteira”. RVB foi sempre persoa incómoda». Vidal recordou como no ano 1984 se creara o Centro Dramático Galego e que RVB participara activamente no proceso de creación dunha compañía pública estable. «Foi cando “o universo mundo”, serían as palabras que utilizaría RVB, soubo que os herdeiros de Valle inclán se negaban a que fose represnetado en lingua galega». «A segunda produción do CDG encargóuselle a RVB que acabou creando a peza Agasallo de sombras, sobre a figura de Rosalía de Castro. Foi polémica por que ofrecía unha imaxe de Rosalía complexa, humana, moi diferente ao daquela santiña, a chorona, a nai da patria de Galicia, icona acuñada até entón. A peza foi polemica pola intención desmitificadora e pola abordaxe da relación entre Rosalia e Murguía». «A recepción de Agasallo de sombras foi mo mala, mesmo a algúns nomes da cultura e do nacionalismo galego pareceulles moi mal. Foi cando RVB comezou a ser incómodo, non só para o poder». «Inmerso nesta polémica, nunhas declaracións RVB propuxo que o CDG se independizase da Consellaría de Cultura».
Roi Vidal continuou relatando os acontecementos daquel fulcral 1984. «O seguinte espectáculo do CDG foi Follas novas, tamén sobre textos de Rosalía de Castro. A súa directora, Dorotea Bárcena, quixo que RVB formase parte do elenco, mais cando se ía asinar o contrato impediullo unha orde da Consellaría de Cultura. Entendeuse que fora un veto do propio conselleiro Vázquez Portomeñe. RVB decatouse, entón, da forza que pode ter o poder, se se lle permite. Convocou unha asemblea de traballadores do CDG para palpar o estado de ánimo da profesión e formuloulles a seguinte pregunta: “O conselleiro de Cultura ten dereito a impedir traballar a unha persoa por unha cuestión de opinión?”. RVB non foi apoiado. Tanto el, coma a súa compañeira Laura Ponte, sentíronse decepcionados polo comportamento dos seus compañeiros de profesión». «Foi en 1985 cando estreou Caprice des dieux cando se puxo por vez primeira o nariz de pallaso, utilizándoo coma unha máscara de defensa (e ataque). Nesta peza, un monólogo que dirixe ao conselleiro, contou os acontecementos que lle sucederan dende Percival. En 1999, coincidindo co ano xacobeo, volveu poñer o nariz no escenario. Monologou co mesmísimo apóstolo Santiago, denunciando as complicidades da Xunta de Galicia e todos os males da sociedade galega daquel momento». «O trazo máis característico de RVB foi o da dignidade do cómico, o do bufón can grande sentido crítico». Roi Vidal, xa no treito final do seu discurso, fixo referencia a Rastros (1998), «quizais o seu mellor espectáculo, un axuste de contas coa súa xeración, a do 68, e co fracaso das súas utopías debido a complicidade co poder dos propios soñadores. RVB foi crítico co poder máis tamén con nós mesmos». Rematou Roi Vidal afirmando que «RVB foi o primeiro indignado, unha persoa digna».
Rematou a quenda de intervencións Xosé Luís Méndez Ferrín. Confesou que «era a primeira vez que falo de teatro en público, fóra das aulas. Fágoo dende a convicción de que existen xéneros literarios e que deben ser respectados, sendo de todos eles o máis irredutible o teatro». Utilizou Ferrín na súa intervención maxistral o esquema de comunicación de Jacokbson para amosar que RVB irrompe no teatro dende todos os ángulos. «Como autor escribe textos literarios excepcionais e ten unha traxectoria de transformación, un dos grandes valores do autor. Foi un autor prolífico, que encheu o noso teatro». Despois referiuse Ferrín ao galego de RVB; «un galego embebido do galego popular das grandes universidades populares que son as feiras. Vía como todos os xoves se formaban as feiras de Santa Susana, os días nos que o idioma galego invade Santiago de Compostela, cando é dominante no Berbés ou nos curros, cando a lingua da lareira se convirte en lingua de masas. Un galego rico, natural e culto». Ferrín abordou tamen o carácter político do teatro de Bolaño: «RVB tivo que rebelarse contra os que tiñan unha idea pauperista que pretendían que o teatro politicamente correcto tiña que ser realista. Ese non é o teatro excelente de RVB que realizou obras nas que se reúne a vangarda e a innovación cos principios políticos da esquerda e do nacionalismo e e mesmo do independentismo. RVB foi directo cara a complexidade, transgredindo, coma o de calquera escritor que quere ocupar o seu lugar». Rematou Ferrín relatando como coñeceu a RVB, «foi un azar de formar parte do xurado do premio de teatro Abrente na que apareceu, coma quen tira un croio nunha pucharca, Laudamuco, señor de ningures. Daquela cruzáronseme nomes como Brecht, Valle Inclán, Jarry, Arrabal…, todo o teatro que eu quixera que houbese en Galicia apareceu alí». «Recordareino, tamén, por que tras a discusión que se mantivo no xurado, ese día abandonei a ANPG», rematou Ferrín.